TOPONIMIA DO CONCELLO DE BARALLA

 

ABELLEIRA
Núcleo de  poboación da parroquia de Vale. De apicula, abella, mailo sufixo abundancial -eira. Colmea, trobo, enxame. Frei Martiño Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia (1745), di que escoitou que chamaban así á planta de melisa porque as abellas gustan das súas flores brancas. F. Javier Rodríguez, no Diccionario gallego-castellano (1854), identifica a abelleira coa melisa, herba cuxo nome deron os gregos ás abellas. Di que tomada en infusión posúe propiedades tónicas, contra a dor de cabeza, boa para os nervios, dixestiva, diurética, contra a vertixe e o histerismo, os pálpitos do corazón, etc; mais aclara que non debe utilizarse se vai calor, se un ten sede ou irritación. Tamén pode relacionarse coa abelá, abellana nux, que deriva de Avella, cidade da Campania famosa por estes froitos. A casca mailas follas usábanse para cortar diarreas e hemorraxias. 

ACEA
En Quintá. Do árabe al-saniya, muíño de roda accionado pola auga. 
 
Fraseoloxía: "Cando a acea está parada, non dá proveito nin gaña nada". "Máis vale acea parada que muiñeiro amigo". "Na acea, primeiro moe o que primeiro chega". "Non creas ao que vén da acea, senón ao que volve a ela". "O que está na acea moe, e non o que vai e non volve".

ACEA DO MAZO
Para o composto, ver Os Mazos.

ADRADOS
Lugar sementado de treito en treito, diseminado, pouco espeso, que carece de densidade. É o contrario de mesto. J. Cuveiro Piñol, no seu Diccionario gallego (1876), di que é o que está afastado. Outros autores din que se chama así a unha variedade da anguía. Carré Alvarellos fala dunha terra labradía, dunha leira. Nicandro Ares que pode ser unha síncopa do antropónimo Adoratus.

ACIVIDO
Núcleo de poboación e monte da parroquia de Covas. Pola aldea pasaba un dos camiños, atallo do Camiño Francés, que ía a Santiago de Compostela. Abundancial de acivro, latín Ilex aquifolium, "folla de agulla", arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición; o froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.

O AGRO
Latín ager-agri, extensión pequena de terra cultivada. Mais tamén houbo o nome persoal Agrius.

AGRO DE ABAIXO
Topónimo de situación.

AGRO DE PEDREDA
Na parroquia de San Miguel de Neira de Rei, preto do castro da Condomiña. No ano 1932, cando a explanación para a construción da estrada que vai cara o Cádavo, apareceu cerámica, mosaicos, restos de columnas de época romana e algunhas moedas de ouro e prata. Segundo nos contou un veciño de Todón de Abaixo, en Becerreá, había unha cidade que foi soterrada debido a unha maldición divina. Polo lugar pasaría unn dos ramais da Vía romana XIX que comunicaba Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusti (Astorga). O composto deriva do latín petra.

AILONGOS
Bascuas, na súa Hidronimia paleoeuropea, di que son moi numerosos os nomes de ríos europeos que empezan por Al-. Bascuas sinala que co tema dos hidrónimos prerromanos podemos relacionar Alongos (en Toén, Ourense), á beira do Miño, testificado como villa de Allonicos, probablemente un xentilicio de antigos nomes de pobos ribeiráns no Miño. Ailongos supostamente relacionaríase con Alongos, só que, neste caso, prodúcese unha ditongación no seu primeiro elemento, que quizais puidera ter unha explicación dialectal. Lembremos que na zona ancaresa temos aiga por aguia, por exemplo Aigas e Folgueiras de Aigas en Navia de Suarna. Krahe relaciónaos cunha raíz indoeuropea *el-/*ol- ‘fluír’. 

AIREXE
Núcleo de poboación da parroquia de Pacios. Variante de igrexa, latín vulgar eclesia, edificio consagrado ao culto cristián. Caridad Arias faino derivar do xenitivo céltico Aressi, que deu Arisius ou Aresius.

ALTO DA CROA
A 634 metros de altitude sobre o nivel do mar. O orotopónimo denuncia a forma de coroa que presentan algúns montes. Ás veces, o vocábulo adoita sinalar un castro.

ALTO DA CRUZ
Do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas, ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval que servía para sinalar as lindes dunha terra.

ALTO DE EIROA
A 832 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de aira, latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos.

ALTO DA MOCHA
Para o composto, ver A Mocha.

ALTO DO PEREIRO
A 626 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto pode facer alusión á pereira silvestre, pyrus communis, que ten como froito o pero, latín pirum. Para Elixio Rivas tamén pode derivar do latín petrariu, de petra, pedra, sitio pedroso e elevado. Gonzalo Navaza di que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.

ALTO DE SAN GREGORIO
Sobre el érguese a igrexa de San Salvador de Piñeira, construída sobre un castro. Recibe o nome porque alí había unha capela posta baixo o padroado deste santo. San Gregorio naceu en Roma no ano 540 e morreu na mesma cidade no 604. Foi o sesaxésimo cuarto papa da Igrexa católica; é considerado como un dos catro pais da Igrexa. Outro San Gregorio, chamado o "taumaturgo" (que fai moitos milagres), naceu no ano 268 preto do Mar Negro; de xove tivo que viaxar a Palestina onde coñeceu ao famoso teólogo Oríxenes.

ALTO DE VALÍN
A 784 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Caridad Arias di que provén do antropotopónimo Valinus ou Balinus.

ALTO DA XIMIEIRA
A 602 metros de altitude sobre o nivel do mar. O Dicionario de Dicionarios recolle os termos seimeira e saimeira para se referiren ás fervenzas. Sabemos que na zona da Fonsagrada chaman seimeiras ás caídas de auga, e Aníbal Otero rexistra a voz saimeira no municipio de Ribeira de Piquín. En Asturias reciben o nome de salimeiras (Grandas de Salime sería un exemplo ilustrativo). Elixio Rivas di que a súa orixe podería ser unha raíz indoeuropea hidronímica Sar-/Sal- que daría lugar ao radical Sam-. En Coimbra hai un regueiro, o Samia, co sufixo –ía usual en hidrónimos indoeuropeos. Da evolución Sam-ía > Sámia > *Saima > Seima, pode vir seimeira. Na voz ximieira parece que se produciu primeiro unha metátese vocálica (*semieira) e logo unha palatalización do s- inicial e da vogal pretónica por influxo do ditongo tónico (Ximieira). En Pontevedra existe Samieira, topónimo máis conservador e menos evolucionado a partir da forma *Sámia.

OS AMIEIRAIS
Lugar poboado de amieiros. A alnus glutinosa, árbore que medra preto de augas correntes, de aí a relación coa raíz céltica *amen, corrente de auga, relacionable tamén co étimo latino -am (amnis, río). Coa súa madeira facíanse eixos para carros, pratos, cuncas e zocos. Entre outras aplicacións medicinais, as follas son boas para os pés cansados. Unha mostra da riqueza do noso idioma dánolo a ristra de nomes que recibe esta árbore: ameneiro, abeneiro, umeiro, samoeiro, amineiro, avineiro, amieira, arche, amineira, aveneiro... Árbore coñecida popularmente como o pau do demo. 

A ANTIGA
Na parroquia de Covas. Preto do río Neira. Reciben este nome un grupo de fincas polas que discorría un camiño que comunicaba as aldeas de Penouta, Acivido e Santo André.  

ANSAREO
Núcleo de poboación da parroquia de Pacios. Semella facer alusión a unha *(villa) Ansarii, pertencente a un posesor medieval de nome Ansarius ou Ansaredus.

ARANDEDO
Núcleo de poboación da parroquia de Constantín. Co sufixo -etum >-edo, indica un lugar poboado de arandeiras, plantas cuxo froito é  o arando, que segundo Corominas ten unha orixe incerta.

ARANZA (SANTIAGO)
Nome da parroquia. *(Villa) Arantia, dun propietario agrícola que atendía polo nome de Arantius. Non falta quen o identifique cun hidrotopónimo de orixe prerromana *ar-, *er-, "moverse (rápido)". Segundo Nicandro Ares Vázquez, é un nome de ascendencia moi antiga, xa que no século I Silo Itálico, no seu canto épico das guerras púnicas, menciona a un individuo indíxena que se apelidaba Aranthicus/Aranticus, o cal remite ao antropónimo Arantius. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Heródes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. No lugar apareceron unhas lápidas votivas adicadas, unha a Xúpiter Óptimo Máximo e aodeus Dionisio e outra á deusa Tutela. Esta última, desaparecida, foi atopada en Aranz de Sanz, localidade non identificada que Hubner sitúa en Aranza e cuxo texto en latín, unha vez traducido, dicía: "A Tutela por Lucius Antonius Avitus cos seus sete fillos e Zozima, liberta, por unha promesa".

AS ARCAS
Latín arca, caixa coa tampa chata. Tamén depósito de auga. Mesmo pode identificar un primitivo enterramento megalítico (dolmen). Na zona tamén lle chaman arca a unha construción de pedra de forma rectangular que situaban entre unha presa e a canle do río para capturar troitas.

O ARCO
A 618 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín arcus. Elemento arquitectónico en forma de curva que, por veces, nomea edificios relixiosos que presentan elementos construtivos en forma de arco. Por veces pode denunciar un asentamento ou un enterramento megalítico.

AREAL
Núcleo de  poboación de San Miguel de Neira de Rei. Do latín arena, area. Cheo ou cuberto de area.

ARQUEIRA
Alusión a un terreo en forma de arco, curvo. Pódese relacionar co latín arca, mámoa, sepultura megalítica, ou cunha (villa) Arcaria dun posesor de nome Arcarius.

ARROXO (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985) de Constantino García González, nomea unha extensión grande de monte baixo. Para J. Piel, ladeira escarpada. Corominas di que arrugium é un vocábulo prerromano citado nun documento do ano 775. Antón Santamarina identifícao co latín arrugium, de arrugia, alusión á canle construída polos romanos para o lavado de mineral, voz que Plinio, en palabras de Ares Vázquez, toma dos indíxenas da Península Ibérica. Algún autor di que vén de agrum rubeum, campo roxizo. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". 

ARXILEIRO
Lugar de onde se extrae a arxila, latín argila, a substancia mineral que, unha vez mesturada con auga, forma unha pasta moi moldeable que se volve dura se se coce. Emprégase para facer obxectos de louza ou esculturas.

ÁSPERA
Núcleo de poboación da parroquia de Lebruxo. Latín aspera, terreo irregular, abrupto, accidentado, áspero, escarpado. A áspera, asperula arvensis L., é tamén unha planta da familia das rubiáceas. Para Nicandro Ares podería ser unha (villa) Aspera, propiedade de Asper.

AUGAS BRANCAS
Do latín aqua e alba.

BALAMEÁN
Látín vallis medianu, val mediano ou do medio.

BALDRAGA
Correa con que se ata a porción do liño á roca. Tamén persoa que non coida o seu aspecto.

A BALSA
Voz prerromana balsa, depósito de auga, natural ou feito polo home, para recoller a auga; lugar enchoupado.

BARALLA (SANTA MARÍA MADANELA)
Nome da parroquia polo que é coñecido o concello dende o ano 1975. Nos últimos cen anos, a demografía do municipio (antes Neira de Xusá) diminuíu en máis de 4.000 habitantes (dos 7.250 que tiña no ano 1910, pasou a ter pouco máis de 2.800). Preto da capital municipal algúns historiadores sitúan a mansio Timalinum do Itinerario de Antonino de onde procederían dúas lápidas votivas atopadas na parroquia de Aranza. Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua", en referencia a unha antiga vía. O que na actualidade é Baralla, antes foron os concellos de Neira de Rei e Neira de Xusá. 
 
Aínda que o topónimo adoita identificarse co latín varalia, lugar cercado con varas, Caridad Arias di que sería así se o nome fose latino. Mais para este autor ten a orixe no antigo nome persoal de orixe céltica Vara ou Bara, cos derivados VaraliusVarillis ou Barillus. Unha versión local atribúeo incluso ás pelexas que, supostamente, se producían nunha taberna do lugar (barallar, rifar). Segundo Nicandro Ares, paralia, "país ou rexión marítima", puído orixinar Baralla, que como nome de pobo só se atopa en Galiza, que se podería identificar coa divindade Ianus Paralionecus que apareceu nun exvoto localizado en Lugo no ano 1910, adicado por Caelius Rufinus. Contiúnua don Nicandro que en principio sería un grecismo parálios -os, composto de para, cara a, xunto a, e bals-balós, mar, sal, mais o único atranco sería que a cidade de Lucus non está xunto o mar, polo que o nome paralia para Baralla pode atopar dificultade. Por outra banda, resulta evidente o paralelismo de Baralla con baralla (o xogo de cartas) que Corominas recolle no seu Diccionario etimológico de la Lengua Española. Barallar significou en principio rifar, pelexar, logo resolver, confundir, mesturar, acepción que é frecuente ata finais do século XVI cando xa aparecen outros significados. Tamén pode vir, como se indicou máis arriba, de varale, varalia, vara, confirmándose isto co portugués baralha, canizo onde se poñen a escoar os queixos frescos. O naturalismta Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, di que o terceiro xénero da adormideira silvestre é o tithymalon, ao que outros chaman mécon ou paralion. Paralium neutro en plural dá paralia, e Baralla será un lugar onde hai aquela planta, estea ou non xunto o mar. Por outro lado, tithymalis pode dar Timalino, identificado coa mansión romana que algúns investigadores sitúan nas proximidades de Baralla. Quedaría así reducido o Ianus Paralionecus a Baralla; aínda que a inscrición apareceu en Lugo, o adicante, Caelius Rufinus, podía ser orixinario de Baralla. Nun documento do ano 1125 pódese ler: "...in valle de Pineira, ripa de Neira, villa que voitant Baralia". Madanela, topónimo haxiográfico. Segundo os distintos Evanxeos (sinóptico, de San Xoán, apócrifo e de María Madanela) a Madanela era unha seguidora de Xesús á que curou tras expulsarlle sete demos. Seguiu a Cristo na súa predicación. Os fieis cristiáns, sexan das igrexas católica, ortodoxa, oriental siríaca, copta, armenia ou etíope considéranna “Apóstolo dos apóstolos”. Dise que por seren a única persoa que permaneceu ao pé da cruz cando todos o abandonaran, Xesús elixiuna como a primeira en anunciarlle a súa Resurrección. Resulta curioso que a Igrexa a considere unha prostituta arrepentida cando en ningún lugar das distintas versións dos Evanxeos se fai alusión a ese feito. Étimo tamén aplicado a unha persoa que, sen motivo, anda aflixida. Madanela é a forma grega de Migdal, torre en hebreu. Máis esas, tamén pode ser unha alteración de "medanela", logo cristianizado, que pode denunciar un lugar onde houbo enterramentos megalíticos. 
 
Segundo o Diccionario de Madoz (1845), o camiño que dende Madrid se dirixía cara a Coruña tiña boa ventilación e clima saudable, se ben se padecían febres e pulmonías; a poboación posuía algúns mesóns con medianas comodidades e a escola estaba sostida coas gratificacións dos pais dos alumnos; os camiños, agás a devandita estrada en mediano estado de conservación, eran todos locais. Había unha fábrica de papel de moi boa calidade xunto o río Neira e que debeu de deixar de funcionar a principios do século XX; pertenceu a Ramón Osorio Pita da Veiga, por herencia do seu pai Osorio Pardo de Aguiar. 
 
No ano 1917 formouse en Baralla un grupo galeguista liderado por Evaristo Correa Calderón (impulsador de El Eco de Baralla), que participara na fundación das Irmandades da Fala de Lugo, que bautizaron co nome de Irmandade Galega de Baralla. Deste grupo formaban parte Paulino Pardo de Neyra, represaliado polos fascistas ao remate da Guerra Civil, Casiano Díaz Moreno e Faustino Cela que, perseguido, tivo que fuxir. O Evaristo Correa comprometido co nacionalismo e a liberdade, mudou a súa traxectoria política no ano 1936, afilíandose á Falange Española.
 
O territorio de Neira de Xusá estaba dividido en tres xurisdicións: na de Baralla exercía señorío o conde de Lemos, se ben era partícipe en Constantín a Encomenda de San Xoán de Portomarín; na de Neira de Rei, o conde de Grallal de Campos, e na de Pacios, os señores de Seixas e Valcarce.  

BARRIO DE ARRIBA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Piñeira. Barrio deriva da palabra de orixe árabe barri que designa un lugar situado ás aforas, no arrabalde. Cabeza Quiles, citando a L. Meruéndano, di que Barrio Novo e Rúa Nova poden referirse a un asentamento xudeo. Segundo Eladio Rodríguez, Barrio é un apelido tipicamente hebreu.

A BARROSA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Do prerromano barro, lama, fango, que non debemos confundir co barrum céltico, barreira, estacada.

BASE
Pode facer referencia tanto a un terreo chan, descansado, como a unha *(villa) Bagi pertencente a un posesor medieval de nome Bagus. Tamén asento sobre o que se pon a columna ou estatua.

BASILLE
Núcleo de  poboación da parroquia de Pousada. *(Villa) Basilii, dun posesor de nome Basilius. A mediados do século XVI, Basille figura como correspondente á xurisdición do conde de Lemos, marqués de Sarria, e que no ano 1559, o mosteiro de Penamaior fixo un foro a favor de Vasco de Neira e da súa muller María Fernández de Castroverde, das casas e herdades de Basille, Cellán e Barcia; no outorgamento da escritura comparece Frei Hernando de Espinosa como procurador do dito mosteiro. Nunha testemuña do ano 1573 a instancia do mosteiro de Penamaior, consta que sendo alcalde ordinario do Concello de Neira de Xusá Asenxo Diz de Cedrón, notifícase a María Fernández, en ausencia do seu marido por non atoparse presente, un requerimento para levar a cabo o apeo de bens, ao que a muller responde que o seu marido non estaba na súa casa, nin na xurisdición, xa que "andaba ausente moitos días, por enemistades que tiña nesa terra de persoas que lle tiñan xenreira". 

BERSELOS (SAN MARTIÑO)
Nome da parroquia. Posible antropotopónimo de orixe incerta. Segundo Nicandro Ares Vázquez, a mención máis antiga está nun sospeitoso documento de Samos do ano 997, no que se cita unha aiuntione per Osello e Sanctus Martinus de Peroselo. No 1110 figura unha Geloira doando ao mosteiro de Samos a vila de Lagenas (Laxes) indicando os términos de Covas, villa de Sancta Eolalia (Ribadeneira), portum de Naria (río Neira) contra Arenza (Aranza) onde lle chaman Carriceto (Carracedo), Carrale de Iusana (Carral de Baixo), ata os terminos de Beroseli. No 1175, unha  bula do papa confirma a xurisdición de Samos sobre a ecclesiam Sancti Martini de Breselos. Continúa don Nicandro que se fose fiable o nome Peroselo, poderiamos supoñer un antropónimo cristián de carácter hipocorístico e de humildade non constatado Perosellus, co sufixo diminutivo -ellus, engadido ao adxectivo perosus, aborrecido, odiado. Martiño vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours.

BIDUEDO
Núcleo de poboación da parroquia de Pedrafita de Camporredondo. De betuletum. Lugar poboado de bidueiros, latín betula pendula, árbore da familia das betuláceas.

A BIDUEIRA
Núcleo de  poboación de San Martín de Neira de Rei. O primeiro estudo sobre a abidueira ou bidueiro débese a Fr. Martín Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a Betula ou Bidueiro di que no século XVIII aínda non se relacionaba o bidueiro coa betula latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno; tamén recibiu este sobrenome porque a súa casca era utilizada como pergameo. Segundo a lenda, críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma, gota, mal de pedra e enfermidades do ril. A documentación máis antiga sobre esta árbore data do ano 887.

BOLAÑO
Núcleo de poboación da parroquia de Piñeira. Lugar onde abundan o pasto para o gando. Tamén se chama bolaño ao proxectil de pedra toscamente labrada que lanzaban as primitivas pezas de artillaría. Filgueira Valverde e outros autores din que nalgunhas parte de Galicia chaman así ao xastre. Para Carré Alvarellos é un diminutivo de bouza, latín baltea, terreo sen cultivar e cheo de maleza. Para Nicandro Ares Vázquez vén do nome persoal Bullianus.

BOU FURADO
O primeiro elemento semella unha deturpación da base precéltica *boi, pedra. Para outros autores viría da voz gala bou, vaca, ou do latín bos, bovis, boi. O composto deriva do latín foratu, furado, por analoxía cova; tamén paso terrestre. O topónimo denunciaría, pois, unha cova rochosa.

O BOUCELO
Do latín bucello, diminutivo de bucca, boca, alusión a un paso ou porto entre montañas. Para Carré Alvarellos e Franco Grande é tamén un diminutivo de bouza.

OS BOUZALLOS
Diminutivo de bouza, latín baltea, terreo sen cultivar e cheo de maleza. Terreo inculto poboado de matogueira.

A BURRIQUIÑA
Burra pequena.

BUSTO
Núcleo de  poboación da parroquia de San Martín de Neira de Rei. Latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.

CACABELOS
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Vale. De Cacabellus, diminutivo de caccabus, voz latina que, segundo Cabeza Quiles, vén a significar ola ou pucheiro que, por unha metáfora orográfica, daría a etimoloxía de fondal ou depresión. Funcionou como sobrenome persoal Cacabus.

O CACHÁN
Filgueira Valverde e outros autores falan dun home mulleriego. Eladio Rodríguez e Franco Grande do espírito da luxuria. Constantino García González do carneiro vello que de noite topa contra a porta. Tamén é un dos nomes do diaño. Caridad Arias identifícao co nome céltico Caccanius. Ou, segundo Nicandro Ares Vázquez, un alcume persoal, derivado de cap(u)la, cacha, ou *cacculus, cacho.

CADAVAL
Quizais de orixe prerromana. Toxal queimado que aínda conserva os troncos chamuscados. Antigas superficies queimadas.

A CADAVEIRA
Mesma etimoloxía que cadaval.

O CALEIRO
Condución pouco profunda que se fai na terra para levar a auga. Camiño estreito, fondo e pendente entre elevacións do terreo. Tamén aplicado a un lugar onde se extrae o cal, latín calx, -cis, ou o forno onde se queiman esas pedras. No concello de Baralla documéntanse varios caleiros ou caleiras.

A CALVELA
Núcleos de poboación pertencentes ás parroquias de Ferreiros e Vilartelín. Diminutivo de calvo, latín calvus, lugar exento de vexetación; altura calva e rochosa; herdade que non ten nada plantado.

O CAMIÑO
Latín vulgar camminu, sitio polo que se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa.

CAMPO CARNEIRO
Latín campu, extensión máis ou menos ampla de terreo situado, xeralmente, fóra das poboacións. O composto nada ten que ver co macho da ovella, deriva da base precéltica *carn, pedra. Mais, botando man do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano (1958) de Eladio Rodríguez González, o vocábulo faría alusión a un osario, depósito de ósos exhumanos dos cemiterios. O carneiro do lobo era un imposto que pagaban os labregos que tiñan ovellas, para dar como premio aos cazadores de lobos pola matanza destes. E o carneiro negro acompaña por veces á Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena.

CAMPO DA FEIRA
Latín feria, día de mercado en datas fixas. Lugar onde se celebran.

CAMPO DA FILLOA
A filloa, latín foliola, consiste nunha masa moi fina feita con ovos, fariña e leite ou sangue de porco que, logo de fritila nunha tixola, se condimenta con zucre ou mel.

CAMPORREDONDO
Núcleo de poboación da parroquia de Pedrafita de Camporredondo. Latín campus rotundus, alusión á redondez do terreo.

O CANDEDO
Lugar poboado de candos, rebento grande do castiñeiro. Para Moralejo Lasso deriva de candanetum, póla seca, árbore queimada.

OS CANEDOS
Canaveiral, lugar plantado de canaveiras. De canna, co sufixo -etum.

CANEIRO
Portelo para acceder aos prados persoas e carros. Pasaxe estreita nun curso de auga. Tamén aparello colocado nos ríos para pescar.

CAPELA
Oratorio edificado, habitualmente, nun sitio ermo e despoboado. Vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao anaco de capa que San Martiño deu a un pobre.   

O CAPELUDO
Monte que no seu cume remata na forma dos palleiros. Pertencente á carapucha dos freires que, por analoxía, pode facer referencia á néboa cando cubre ou oculta un terreo. Mesmo poderiamos atoparnos diante dun haxiotopónimo, dunha variante de capelo, capucho de cor vermella co que se cubren os cardenais e que aludiría, polo tanto, a unha herdade propiedade da Igrexa. Segundo Xosé Luís Franco Grande, no seu Diccionario galego-castelán (1972), é un nome despectivo que se dá aos espíritos malignos que se apoderan dos posesos.

CARBALLAL
Núcleo de poboación e monte pertencentes á parroquia de Covas. Voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur; a especie, robur é o nome dado polos romanos a certas árbores de madeira dura de boa calidade que se utilizou para as doelas dos bocois, na construción naval, etc. A casca, moi rica en tanino, utilizábase para o curtido do coiro. No toro críase un lique con que se tinguían os tecidos, cocéndoos en auga con cinza. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a superioridade romana.

OS CARBALLALES
Mesma etimoloxía que Carballal.

CARBALLEDO
Núcleos de poboación pertencentes ás parroquias de Penarrubia e Vilartelín. Mesma etimoloxía que Carballal.

A CARBALLEIRA
Mesma etimoloxía que Carballal.

CARBALLO DE LAMA
O composto vén do prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Prado húmido. Lameiro.

CARRILEIRA DA PEDRA
Derivado do latín carrile. Semella facer alusión ás pegadas deixadas sobre a rocha polos carros. Para Marcial Valladares, no Diccionario gallego-castellano (1884), corte, máis ou menos grande, feito nun muro para pasar os carros. O composto vén do latín petra.

OS CARRIZAIS
Variante de carregal, latín carricale, lugar onde abundan os carrizos, latín carriceu, planta gramínea, especie de cana, que medra na auga formando canaveirais.

O CARROCHEIRO
Lugar onde abundan os carozos, a espiga do millo despois de debullada. Ou a parte dura que encerra o froito do piñeiro; as carozas eran utilizadas para facer o  lume pola súa boa combustión. Tamén pode derivar da base preindoeuropea *car, rocha, referido a un lugar pedroso.

CASA DO AGRO
Latín casa. O composto vén do latín ager-agri, extensión pequena de terra cultivada. Ou do nome persoal Agrius, casa de Agrius.

CASA DA AIREXE
Na parroquia de Guimarei. Situada a carón da igrexa parroquial. Para o composto, ver Airexe.

CASA DAS CAMPAS
Campa, campo, latín campu, pero de extensión máis ampla. Para Luis Aguirre del Río (1858) e outros autores, lápida sepulcral, a coberta do sepulcro.

CASA DO CASAR QUEIMADO
En Santa Cruz do Picato. Construída no século XVII polo párroco de Santiago de Lugo Miguel Fernández de Neira. Casar deriva do latín casa, explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas; casa rústica coas súas propiedades. O último elemento fai alusión a antigas superficies queimadas, terras cineratas, onde se queima a broza para logo cultivalas, ou se cadra un lugar destinado a facer piras rituais, ou incineracións sepulcrais.

CASA DO CASTRO
En Espiña, parroquia de Pacios. Para o composto, ver Castro.

CASA DOS CORREAS
Situada en San Miguel de Neira de Rei, data do ano 1850; no portón figura a pedra armeira da familia. O étimo, do latín corrigia, utilizado como apelido, pode facer referencia ás tiras longas e estreitas de coiro ou doutro material que se utiliza para atar, ou nome de plantas, correa, correola.

CASA DA COSTIÑA
O composto é o diminutivo de costa, latín costa, terreo en pendente, xeralmente referido a un camiño.

CASA DO COUTO
Raíz latina cautum, couto; terra acoutada, vedada ao gando; conxunto de lugares, aldeas ou parroquias pertencentes a un señor, mosteiro, etc; terreo comunal.

CASA DE FAREXE
En Pousada. Construída cara o ano 1810. O primeiro que hai que sinalar é a presenza en Castro Caldelas dun Casfarexa, moi próximo pois a este Casa de Farexe. Puidera relacionarse cun antigo posesor. De feito, aí temos a raíz xermánica *fara que Ferrín defende como ‘dominio dunha familia’ ou ‘estirpe, familia, caste’, isto é, como palabra sueva e específica da Gallaecia, abrindo unha nova vía para aqueles topónimos Fara- que non poden interpretarse a través do gótico faran, alemán moderno faharen ‘viaxar, moverse polo territorio’ [Faramontaos (habitantes situados nos chans fóra das montañas)]. Así, por exemplo, Faramello (de Fara Aemilius). ¿E Farexe? O seu sufixo non parece anunciar ningún tipo de nome propio, é máis, conduce máis ben aos numerosísimos Airexe ou A Eirexe (presentes en Baralla) procedentes supostamente dun étimo ECCLESIA. Agora ben, tamén existe o étimo FAR, FARRIS ‘trigo, fariña’, que abriría tamén outras alternativas en canto á súa orixe e significado e que se vincularía co anterior Faliña. Hai quen defende que provén de farinam, fariña.

CASA GRANDE DA ÁSPERA
Na parroquia de Lebruxo. Ver Áspera.

CASA GRANDE DE QUINTÁ DE RIBA DE NEIRA
En Quintá de Riba de Neira. Citada no século XVI. Quintá pode derivar do latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Tamén pode facer referencia a unha *(villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus. Riba deriva da voz latina ripa, ribeira máis ou menos característica dun río ou regueiro. Neira vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga.

CASA GRANDE DOS VALES
Na parroquia de Vilarpunteiro. Conserva un arco de medio punto. O composto é plural de val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas.

CASA GRANDE DE VILANOVA
Na parroquia de Vilartelín. Con portada de acceso con arco de medio punto brasonado coroado por pináculos. O último elemento deriva do latín villa, pequeno núcleo rural, e o adxectivo nova.

CASA DA IGREXA
En Guimarei. Situada a carón da igrexa, latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagado ao culto cristián.

CASA DO LIÑAR
En Constantín. Alusión a unha vivenda situada nun lugar plantado de liño, latín linu. A confección de prendas de liño vén en Galicia dende a antigüidade. Dise que os romanos utilizaban o liño galego para as embarcacións e que, transcorridos os séculos, chegou a competir co de Flandes.

CASA DO OUTEIRO
Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Nome xa recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova.

CASA DA PENA
Na parroquia de Penarubia. De grandes dimensións, presenta dúas artísticas reixas coroadas con medallóns con figuras humanas. O composto vén do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo.

CASA DA PONTE DE NEIRA
En San Miguel de Neira de Rei. Recibe o nome por estar preto da ponte que cruza o río Neira.

CASA DA PONTE DE SENRA
Caridad Arias asegura que o vocábulo ponte non sempre deriva de pons/tis, a construción que permite pasar dun lado a outro dun río, etc., senón que viría dun nome persoal, posiblemente de Pontidius, ou dunha divindade vencellada á auga. O último elemento vén da voz céltica senara, campo de cereais; extensión dunha terra de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. Sinónimo de seara. Xulio Pardo de Neyra, na súa Historia do concello de Baralla. Pazos e fortalezas de Neira de Xusá (1998), di que preto da Casa da Ponte de Senra, mansión que ata o ano 1893 formaba parte da parroquia de Santo Estevo de Neira (unida a San Xoán de Arroxo e San Pedro de Teixeira), na derradeira reforma eclesiástica deixou de pertencer á de Santo Estevo para pasar a formar parte da parroquia de Santa María Madanela de Baralla.

CASA DO PORTO
O composto deriva do latín portu, paso natural entre montañas.

CASA DE RÍO BUSTO
O composto vén do latín rivu, corrente de auga, e bustu (ver Busto).

CASA SALVADOR DE NEIRA
Situada fronte á antiga igrexa parroquial coa que se unía por medio dun pasadizo elevado.

CASA TORRE DE BASILLE
Edificio do 1630 de tres andares que presenta dous escudos, un deles cunha inscrición que di: "Esta obra se iço ano de 1630". O Madoz di que en Pousada existían os restos do pazo de Tello de Neira, de quen se conta que foi o rei a pronunciar o seu castigo, suceso descrito no século XV por Llaguno y Amirola no seu Sumario de los Reyes de España, quen apón o castigo a Afonso VII, por tomar pola forza a terra e a filla dun labrego. Asegura Amor Meilán que Lope de Vega inspirouse nesta historia para escribir O mellor alcalde o Rei. Conclúe Vázquez Seijas que o tal Tello de Neira sería o señor do pazo, coñecido despois como casa torre de Basille. Para o último elemento, ver Basille. 

CASA TORRE DE LAMAS DE MAZAÍLLE
Na parroquia de Pacios. Pertenceu a Men Rosón no primeiro terzo do século XVI. O seu neto, Sancho Rosón de Neira, fundou o vínculo da torre e couto no ano 1591, fundación que foi confirmada pola Real Chacellería de Valladolid. Para o composto, ver Mazaílle. 

CASA TORRE DOS NEIRA
Non existen probas arqueolóxicas nin escritas sobre a existencia desta torre, o que non é atranco para a Xunta de Galicia de tela catalogada como Ben de Interese Cultural. Curiosamente figura en varias guías turísticas. 

CASA TORRE DE PIÑEIRA
En documentos antigos tamén figura citada como Torre do Corral de Cadórniga. Edificio formado por vivenda e torre, de catro andares e duns trece metros de altura, construída en cachotaría de granito e lousa. O corpo da vivenda consta de planta alta e baixa, en cuxo muro esquerdo vese unha pedra armeira cun só campo ocupado cun brazo armado dunha espada espida, con coroa condal, cargado de bandeiras e símbolos, o que fai supoñer, segundo Vázquez Seijas, que a linaxe proveña dos Bolaño. No interior dispón de varias dependenzas. A finais do século XVIII eran os seus donos Manuela de Boado e o seu marido Francisco Vázquez Cadórniga, da casa de San Martiño do Río, en Láncara, sucedéndolle o seu fillo Manuel Vázquez Cadórniga, casado no ano 1824 con Manuel Quiroga y Porras, dona das casas de Neira (O Páramo) e Cerdeda (O Corgo). No 1877 pasaou ao seu fillo Constantino Vázquez Cadórniga. Ao morrer sen descendencia, pasou a outros familiares. No ano 1940 foi enaxenada ao veciño de Piñeira Manuel García Fernández. Propiedade privada en deficiente estado de conservación. Para o último elemento, ver Piñeira. 

CASA TORRE DE VILAMEIXE
Conserva unha torre cadrada con tres andares onde se pode ver unha pedra armeira cos seis roeis dos Castro que exercían xurisdición. Datada no primeiro terzo do século XVI, pertenceu aos Neira que entroncaron cos Saco do pazo e coutro de Cedrón, no concello de Láncara. A principios do século XX era a súa propietaria Carmen García de Blanes e Miranda. Para o último elemento, ver Vilameixe.

CASAR DE MONÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Casar deriva do latín casa, explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas; casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. O composto semella facer alusión a un casale Munnini pertencente a un propietario medieval.

OS CASARES
Plural de casar.

OS CASARÓNS
Aumentativo de casa, latín casa.

AS CASETAS
Diminutivo de casa, latín casa, co sufixo do latín vulgar -etta, variante de -itta.

O CASETO
Construción pequena de madeira ou doutros materiais.

O CASOIRO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Segundo os distintos autores consultados, o étimo fai alusión a un casamento, a unha voda celebrada sen reflexión. 

O CASTELO
Pequeno outeiro situado xunto a ponte de Covas. Aos seus pés hai varias covas escavadas na rocha calcaria.  

CASTRILLÓN
Derivado de castro, latín castru, campamento fortificado. A ausencia de vestixios arqueolóxicos fai pensar que o outarelo recibiu o nome pola semellanza con lugares onde se asentaban os antigos poboados fortes dos castrexos.

CASTRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lexo. Latín castru. Un castro é un asentamento ou recinto xeralmente fortificado, de forma oval ou circular, situado a maioría das veces no cumio de outeiros, pero tamén presentes en esporóns costeiros, ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas. Para máis información sobre os castros do Concello de Baralla, pódese consultar a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Arqueolóxico. 

CASTROLANZÁN
Núcleo de poboación da parroquia de Penarrubia. O composto, "lanzán", semella facer alusión a un *(castrum) Lancianus, pertencente a un posesor de orixe latina que deu o xentilicio Lantius ou Lancius. Máis esas, tamén pode provir do verbo lanzar. Cabeza Quiles, no seu Os nomes da terra, desganduxa, referíndose á famosa praia das Rías Baixas, o topónimo A Lanzada, retrotraéndoo á Prehistoria, a unha Pedra da Lanzada na cal, persoas aqueixadas de meigallo, lanzaban, vomitaban ou expulsaban o seu mal. Para afiuzar esta teoría, cita outra Pedra da Lanzada situada no castro de Porreiro (Caldas de Reis) onde ata non hai moitos anos se celebraba o rito de "lanzar o meigallo". Segundo información achegada por Kike Fernández-Mon, de Navia de Suarna, Castrolanzán era parada obrigada dos arrieiros de Navia; despois de percorrer a Legua Dereita (recta de Gomeán) e pasar o Alto da Mocha, enfilaban cara o val de Neira de Rei e ían tirando cara Paradela salvando o Alto do Restelo polo Couso, Coto, Bullán... Tamén era o paso de tratantes e gandeiros que ían a Laxosa ou a Lugo, camiñando co gando ou en cabalerías.

CASTRO DE LEXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lexo. Unha lápida funeraria de época romana, conservada no Museo de Lugo, pode facer alusión ao castro situado nas inmediacións. Para o composto, ver Lexo.

OS CAVORCOS
Focha ou valeta cavada nun terreo pola choiva. Caverna, profundidade.

O CEMITERIO
Latín coemeterium. Recibe o nome o lugar da parroquia onde se enterra aos mortos. Camposanto.

CERNADAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. O étimo nomea unhas *(terras) cineratas ou incineradas, onde, despois de rozar o monte de matogueira, esta se queimaba para facelo cultivable. Para Valladares Núñez, en Nuevo suplemento al diccionadio gallego-castellano (1884), cinza. Eladio Rodríguez e Franco Grande falan da parte interior dunha cousa calquera, material ou inmaterial. Hai quen conxectura que pode vir e Cerne, o deus das fragas, dos animais e dos mortos.

O CERRADO
En Ansareo. Alusión a un muro ou valado que pecha un terreo.

A CHAFARICA
Alusión a unha construción de pouca calidade; casa pobre e de reducidas dimensións. Posto dos vendedores nas feiras e romarías. Para Nicandro Ares Vázquez provén do árabe çahrig, bolsa, estanque.

O CHAO
Latín planus-a-um, planicie elevada.

CHAO DO CASTELO
Na aldea do Castro de Lexo. Pola orografía do terreo, coidamos que aquí se ergueu un primitivo castro. O composto deriva do latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo castelo ou torre de vixiancia que, en non poucas ocasións, sinala a presenza dun poboado prehistórico. Mais esas, o étimo tamén pode facer alusión a un lugar dominante que, pola súa orografía inaccesible, semella unha fortaleza.

CHAO DE MADEIRA
O composto vén do latín materia. Alusión a un lugar leñoso.

CHAO DE PIAGOS
Piago vén do latín pelagus, sitio fondo e enchoupado, pozo ou lugar profundo nun río. 

OS CHEDEIROS
O chedeiro é a plataforma do carro sobre a que se coloca a carga. Segundo Elixio Rivas (2001), tamén recibe o nome de chedeiro a Osa Maior.

CHOUSA DE PRADA
Monte lindeiro co concello de Baleira. O Primeiro elemento vén do latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado. O composto deriva do latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para alimentar o gando.

O CONCELLO
Do latín concilium, concilio, reunión, asemblea. Organismo composto polo alcalde e os concelleiros que gobernan un municipio. Territorio formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo concello. Concello Aberto: O que se ten ou se celebra publicamente convocando a el a todos os veciños ao son da campá da igrexa ou ao toque de clarín, para o cal algúns Concellos tiñan un clarineiro. Concello parroquial: Antiga institución consuetudinaria que funcionaba á marxe das organizacións municipais convencionais que ata non hai moitos anos aínda pervivían nas serras galegas de Manzaneda, Queixa, Penagache, Suído, O Cebreiro ou o Courel, entre outros, e que respondían ás necesidades impostas polo seu illamento. Os veciños reuníanse en asemblea pública para constituír "o acordo" e adoptar medidas de bo goberno, auxiliar aos veciños pobres, perseguir aos malfeitores, arranxar camiños e atender outros servizos comunais, así había o rabaño do concello, o touro do concello, o forno do concello, os montes do concello, os regos do concello e as festas do concello; cada fogar tiña ou seu concelleiro que recaía, habitualmente, no cabeza de familia de cada casa. Fraseoloxía: "A concello ruín, pregoeiro tatexo". "Cando fores ao concello, acorda no teu e deixa o alleo". "Concello de mañá, e auga de tarde". "Leva o teu fío ao Concello, e uns diranche que é branco, e outros que é negro".

A CONDOMIÑA
Núcleos de  poboación situados nas parroquias de San Martín de Neira de Rei e San Miguel de Neira de Rei. Do latín condominium, terra compartida entre varios donos, forma de propiedade moi común na Idade Media. O reparto territorial obedece ao antigo señorío de San Miguel (a Casa de Cedrón como era coñecida no século XVIII) e o de Penarrubia, da casa dos Ulloa que moraban no pazo da Pena que compartía o dereito de padroado co marqués de Alcañices; contaba con cárcere e a ela pertenceron unha cadeas de ferro que a mediados do século XX aínda se conservaban no pazo da Condomiña construído, probablemente, cos materiais dunha primitiva torre medieval como semellan testemuñar dúas das portas da súa fachada posterior de falsos arcos apuntados. O poboado aínda é coñecido como Barrio do Pazo.

CONSTANTÍN (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Consérvanse restos dunha antiga calzada romana e do camiño real que Murguía, na súa Historia de Galicia, cualifica de cartaxinesa ou fenicia. Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua", en referencia a unha antiga vía, posiblemente, romana. Alusión a unha *(villa) Constantini dun propietario medieval de orixe latina de nome Constantius, diminutivo de Constantius que ao tempo se formou sobre o participio constans do verbo constare. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Segundo As sete cidades cabezas de partido de Galicia de Agustín de Rojas 1611, de Avelino Sotelo Álvarez, en Constantín tiñan os monxes unha forxa de fundición e transformación do metal, documentada xa no século XII, con equipo propio de ferreiros; coa ferramenta que forxaban nela (arados de vertedoira, entre outras) labraban os propios campos e vendíannas aos campesiños a cambio de terras. O ferro extraíanno das minas que tiñan en Pedrafita. En Constantín fixeron noite os heroes do Batallón Literario cando se dirixían cara o Bierzo para facer fronte ás tropas francesas de Napoleón.
 
O territorio de Neira de Xusá estaba dividido en tres xurisdicións: na de Baralla exercía señorío o conde de Lemos, se ben era partícipe en Constantín a Encomenda de San Xoán de Portomarín; na de Neira de Rei, o conde de Grallal de Campos, e na de Pacios, os señores de Seixas e Valcarce.   

A CORTIÑA
En Vilares, parroquia de San Martiño de Neira de rei. Diminutivo do latín vulgar cors, cortis, corte, curral, en alusión a un terreo próximo á casa, xeralmente cercado, similar á horta, adicado a prado ou a cultivo.

A CORTIÑA DA IGREXA
O composto vén do latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagado ao culto cristián. No lugar hai un castro.

A COSTA
Latín costa, terreo en pendente, xeralmente referido a un camiño.

COSTA DA BALSA
O segundo elemento deriva da voz prerromana balsa, depósito de auga, natural ou feito polo home, para recoller a auga; lugar enchoupado.

COSTA DE BUXÁN
Monte lindeiro co concello de Castroverde. O segundo elemento fai alusión a un lugar baleiro, oco. Tamén a un posesor que atendía polo nome de Busianus. Nalgunhas zonas costeiras de Galiza chama buxán ao xurel.

COSTA DE CALVELA
Para o composto, ver A Calvela.

AS COSTRELAS
Unha costrela é, en principio, outro dos nomes da costela, cada un dos ósos longos e curvados que saen do espiñazo e forman a caixa do peito. Tamén tira de madeira flexible, longa e estreita, que se usa para facer cestos. Mais cremos que aquí estamos diante dunha variante de costa.

A COUSEIRA
Abundancial de couselo, planta crasulácea que dá unha flores amarelas dispostas en espigas colgantes.

COUSÍN
Diminutivo de couso, latín causu. Leira para cultivo de legumes. Depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras. Mais tamén a vila dun posesor de nome Causinius.

O COTO
Prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante. 

COVA DO CASTRO DE FERREIROS
Asociada a unha lenda. Ver Castro e Ferreiros.

COVA DO LADRÓN
En Matela. Do latín covu e latro, -onis, que furta ou rouba. Segundo o maxín popular estivo habitada polos mouros, os seres fantásticos asociados a multitude de lendas; disque o nome veulle porque uns ladróns tentaron roubar os tesouros que agocha. 

A COVA DE MIRANDA
Cova situada na parroquia de Baralla que, disque, comunica con Ferreiros. Ao parecer hai estalagmitas e estalagtitas. Segundo Nicandro Ares, o composto poderíase analizar como un xerundio do verbo mirari, admirar, contemplar, mirar, concertado cun implícito vila, terra, etc., de modo que fose, neste caso, unha cova Miranda dun home que atendía polo nome de Mirandus. Tamén un sitio elevado, especie de miradoiro. Lebel suxire un céltico miro-randa con randa, fronteira, e o elemento inicial miro-briga 

COVAS (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. A villam de Cobas xa é citada en documentos dos anos 1128, 1133 e 1160. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Heródes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. A freguesía de Covas xa está documentada nunha doazón do ano 1120. 

AS CROAS
O orotopónimo denuncia a forma de coroa ou croa que presentan algúns montes. Ás veces, como é o caso, o vocábulo adoita sinalar a presenza dun castro.

CRUZ DOS CAMIÑOS
Do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas (petroglifos), ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval, que servía para sinalar as lindes dunha terra. Camiño vén do latín vulgar camminu, sitio polo se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa.

CRUZ DO SANTO CRISTO
Alusión ao símbolo relixioso cristián.

CUBILLEDO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Vale. Abundancial de cubiculum, covil onde viven os animais silvestres (o coello, por exemplo).

CUCEPA
Existen topónimos tales Cu do Castro ou Cu de Petos que aluden á parte de atrás, semellante a Tras do Castro, por exemplo. ¿Posible Cu de Cepa ou de Cepas proveniente dun suposto *CUM CIPPU por exemplo? ¿Parte de atrás dunha zona de cepas ou tocos das árbores ou vides cortadas? Parece demasiado simple pero nunca se sabe. Os topónimos relativos ás cepas son abundantes en Galicia. Neste sentido, tamén temos a voz couce proveniente dun CALCE latino. ¿Couce ou cepa como parte do tronco ou talo que queda unido á raíz tras cortar unha árbore ou unha planta? Outras aproximacións hipotéticas serían o nome Ceponius, recollido por Elixio Rivas, nome dun personaxe da Gallaecia sueva, ou mesmo o étimo CAEPA ‘cebola’, pero sen demasiado fundamento.

O CURRAL DE ABAIXO
Latín vulgar currale, céltico cor-, construción circular situada ao lado da casa que serve para recoller o gando ou gardar carros e apeiros. Segundo Franco Grande (1972), anaco pequeno de terra que se atopa entre a vivenda e a eira. Para Elixio Rivas Quintas (2001), patio para o gando. Topónimo de situación.

CURRAL DA BUXA
Nn cremos que o composto faga alusión á peza do muíño fariñeiro; tampouco ao disco de madeira que se coloca no centro das rodas de afiar; e, moito menos, a cada unha das roscas cosidas no fol da gaita. Si ao bexato, a ave de rapina diurna da familia das falcónidas.

AS DORNAS
No presente caso, o topónimo nada ten que ver coa coñecidísima embarcación artesanal. O vocábulo provén da base preindoeuropea *dorn que, ao nomear instrumentos de figura cóncava (vasilla de boca máis longa ca o fondo), denuncia uns vales ou depresións fluviais. Hai autores que identifican o topónimo co celta durno, artesa.

O DUVÍO
Variante de duvieira, palabra rexistrada por Aníbal Otero Álvarez en Navia de Suarna co significado de torrenteira.

A EIREXE
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Variante de igrexa, latín vulgar eclesia, asemblea, templo, edificio consagrado ao culto cristián.

ELVIRAS
Posible alusión ao nome propio de orixe xermana que vén a significar "amiga da lanza, nobre gardiá".

O ENCIÑAL
Lugar poboado de aciñeiras, latín quercus ilex, árbore de madeira dura cuxo froito é a landra. Os nosos devanceiros, para curar determinadas enfermidades, adoitaban colgar a roupa das súas ramas.

AS ENCRUCILLADAS
Relacionado con crux, cruce de camiños. Sería unha (via) cuciliata ou incruciliata.

A ERMIDA
Preto deste monte atópase a capela de Santa Marta. Deriva do latín eremus, deserto, solitario, ermo, lugares afastados escollidos polos eremitas para adicarse á vida contemplativa.

ESCOBIO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Baralla. Segundo Aníbal Otero Álvarez no seu Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), nomea un paso estreito nunha montaña. Corominas que significa foz, paso estreito nunha montaña ou nun río e que tería unha orixe, posiblemente prerromana. O mesmo autor rexeita a explicación de García de Diego que o retrotrae a un primitivo scopulus, peñasco.

A ESCOLA
Do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Así adoita chamarse ao lugar onde se atopaba a antiga escola. Recolle Sobrado Correa (2001), que aínda que a oferta escolar aumenta na segunda metade do século XIX, o crecemento demográfico experimentado en dito período, fai que aínda o nivel de alfabetización sexa moi modesto con relación a outros casos europeos. Segundo os censos de 1860 e 1877, aínda que as cifras de analfabetos descenden nestes períodos intercensais, no 1887 aínda hai 74,3 analfabetos por cada 100 habitantes, proporción moi elevada.

O ESCRIBANO
Do latín escriba, -ae. Home encargado de escribir documentos legais, facendo as funcións de notario.

ESPIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pacios. Do latín spinus, espiña. Alusión ao abruñeiro ou espiño, prunus spinosa, arbusto de ramas e talos espiñentos dos que existen distintas variedades, con  froitos  que poden ser comestibles ou non. Cabeza Quiles tamén o relaciona co lombo ou espiñazo, aplicación metafórica para designar un acento orográfico. Hai autores que o identifican cunha *(villa) Spina, dun posesor de nome Spinus.

A FACHITA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Baralla. Vén dunha alteración de facula, diminutivo latino de fax, tea, lumieira que se acendía no cumio do monte e que tería como misión indicar a situación ou comunicarse con outros lugares. Tamén pode referirse a un facho que se acendía nun outeiro para invocar as boas colleitas.

A FERRERÍA
Obradoiro onde traballa o ferreiro, latín ferrarius. Forxa. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

FERREIROS (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. No ano 1808, por causa da Guerra da Independencia, o gran número de equipaxes e efectos que foi preciso mobilizar quedaron estancados nos cuarteis, entorpecéndose o servizo. Nesta data traládase o cuartel de Sobrado do Picato a Ferreiros, ampliándose os coutos e xurisdicións que tiñan que acodir. Do latín ferrarius, de ferrum, ferro. Referencia ao oficio do traballador do ferro. A finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reás. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

FONDO DO BARBEITÍN
Parte inferior dun terreo. O primeiro elemento deriva do latín fundus. O composto é un diminutivo de barbeito, latín verbactum, espazo de terra que se deixa sen cultivar para que descanse. O diminutivo barbeirolo xa o atopamos nun documento do século XI, e barbecto no século XII.

FONTALBA
Denuncia un manancial. O composto alba tanto pode derivar da forma preindoeuropea *alb, monte, altura, como do latín albus, branco.

O FONTAO
Latín fontanu, diminutivo de fonte.

A FONTE
Latín fontem. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran deuses...". Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán. 
 
No concello de Baralla coñécense Fonte Agrelas, do latín agrella, derivado de agro, pequeno terreo cultivado. A Fonte da Airexe (ver Airexe). A Fonte da Antiga, o composto pode facer alusión a un manancial que existiu dende hai moito tempo ou á servidume de paso a través de fincas alleas. Fonte do Bispo: Segundo a lenda, recibe o nome porque dela bebeu un bispo que recuperou a vista. Fonte do Carballo, latín quercur robur. Fonte Espiñeiro, latín spinale, lugar onde medran arbustos espiñosos. Fonte de Fincornia, base precéltica *corn, pedra. Fonte Grande, topónimo referido ás características da fonte. Fonte dos Lagorzos, relacionado co vocábulo latino lacus, lago, depósito de auga. Fonte Navallos, partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa. Fonte do Paizal, pai vén do latín pagii, plural de pagus, aldea. Fonte de Penarrubia (ver Penarrubia). Fonte Pinguela, alusión ao nacemento dun regueiro a partires dun pequeno fío de auga ou goteira. Fonte das Vacas, nidia alusión a unha fonte onde saciaba a sede o gando vacún. Fonte dos Poios, núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Fonte de Punxos, en Lebruxo. Fonte Sanguñedo, sitio onde abundan os sanguiños, planta arbustiva propia de lugares húmidos; a súa casca, seca, empregábase como purgante e remedio contra a sarna, mentres que o froito utilizábase para a obtención de tinturas. Fonte da Virtude, que quizais faga referencia a un manancial que posuía algún tipo de virtude (curar unha enfermidade, atraer a sorte, etc.).

FONTE DOS POIOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Fons, fonte, e podium, asento de pedra que se constrúe apegado á parede de fóra da casa e ao lado da porta, ou lugar alto onde se pon alguén ou algo. Mailo anterior, tamén nomea alturas ou outeiros.

A FONTELA
Latín fontanella, fonte pequena.

O FORMIGUEIRO e FORMIGUEIRAS
Derivado do latín formica, formiga. Lugar onde abundan as formigas. Para Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), ave que chaman peto ou formigueiro por alimentarse xeralmente de formigas.

FRANCOS (SAN SALVADOR)
Nome da parroquia. Na documentación medieval (ano 1133) figura como monasterium, e no 1160 o cabido de Lugo tiña a sexta parte de monasterio de Francos. Voz xermánica frank que máis tarde pasou a usarse no sentido de "libre, exento de trabucos". Aínda que o nome pode suxerir as repobacións con cristiáns naturais de Francia en terras gañadas aos musulmáns durante a Reconquista, tal como aconteceu noutras zonas da Península con forte presenza árabe, en Galicia debemos interpretar o topónimo como terreos comunais das ourelas dalgúns ríos que están a campo aberto para a circulación e o pastoreo libre de gando. Tamén referido a unha poboación que gozaba de franquicias, liberdade e exencións. No ano 1120 nomeábase Ecclesiam Sancti Salvatoris de Francos. San Salvador, Sanctus Salvatorem, nome de orixe latina que significa "Aquel que é salvador".

A FREITA
Deriva do participio latino fracta, de frangere, romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo Eladio Rodríguez fai alusión a uns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal Otero Álvarez, en Historias etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e pendente, perigoso para andar o gando. Para Carré Albarelos denuncia un barranco, unha abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río.

FURADA DOS FRANCESES
En Pena, parroquia de Penarrubia. Furada vén do latín foratu, furado, cova, paso terrestre. Nalgunhas partes dos Ancares chaman furada á sepultura. Nome que se lle deu a un monte onde foron soterrados uns soldados franceses mortos por guerrilleiros galegos no ano 1809 cando a Guerra da Independencia.

O GALLEIRO
Varias acepcións: Boi de cornos galludos. Pau de tres ou catro gallos. Pau aforquillado que pendura do teito da cociña no que se colgan chourizos, carnes, etc. para curar. Táboa atravesada verticalmente por uns paus colocados paralelamente de dous en dous, sobre a que se poñen, de costado, os pans e outras viandas. Culeiro para transportar uvas.

AS GÁNDARAS
Do céltico ganda, pedregal, terreo inprodutivo e cheo de maleza.

GROBA DE VALÍN
Orotopónimo proveniente do gótico groba, fondal, desfiladeiro, depresión, paso fondo e estreito entre montes. Segundo Moralejo, dubidosa relación de groba co étnico Grovios; M. Concepción Fernández López di que o plural grovas, paralelo ao de croas, pode aludir á serie de foxos defensivos dun castro. O composto é un diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Caridad Arias di que provén do antropotopónimo Valinus ou Balinus.

GUIMAREI (SAN TOMÉ)
Nome da parroquia. (Villa) Wimaredi, pertencente a un propietario medieval de orixe xermánica de nome Wimaredus. Tomé vén do arameu e significa "xemelgo".

GUNDIÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Constantín. *(Villa) Guntini dun posesor medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Guntinus. Nun documento do mosteiro de Penamaior do ano 1332 pódese ler "vay firir na outra mamoa de fondo da carreyra da serra que vay para Gondian", nidia alusión á necrópole que hai na serra de Constantín, no camiño a Gundián.

A IGREXA
Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto cristián. Así adoita identificarse o lugar onde está emprazada a igrexa parroquial. Para máis información sobre as igrexas do concello pódese consultar a entrada deste blogue adicada ao Patrimonio Relixioso. 

AS LABRADAS
Relativo aos traballos realizados na labranza e á creación de novas fincas. Para Nicandro Ares Vázquez podería ser unha (villa) Laborata, dun posesor de nome Laboratus.

A LAGOA
Serra cunha altitude de 759 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín lacuna, de lacus, lago, alusión a un lago pequeno. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos antergos considerábannas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas.

OS LAGORZOS
Relacionado co vocábulo latino lacus, lago, depósito de auga, terreo enchoupado.

LAMAS DE PACIOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pacios. O primeiro elemento provén do prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga; prado húmido, lameiro. O composto deriva do vocábulo latino palatiu, pazo, antiga casa de pedra situada normalmente no campo e onde viviu unha familia nobre ou importante.

LANGOIRA
Alusión a un sitio alto e delgado.

LASTRIMEIRA
De lastra, variante de laxa, pedra grande, plana e delgada.

O LAVADOIRO
Lugar de uso público destinado a lavar a roupa.

LAXES (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Céltico lagena, latín lagea, pena de grandes dimensións coa superficie lisa e longa. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. No mosteiro de Samos consérvase un documento do ano 1010 referido a unha doazón dos lugares Lagena (Laxes) e Vilar, aparecendo da mesma forma nos anos 1020, 1061 3 1175.

LEBRUXO (SAN TOMÉ)
Nome da parroquia. Nomeado como villam de Labruxio no ano 1120, e Lavirugu no 1160. Quizais relacionado coa voz latina labruscum, vide silvestre. Tomé vén do arameu e significa "xemelgo".

LEXO (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Algúns autores identifican o topónimo cun antigo posesor de nome Laedius ou Laegius. Mais o étimo debe vir da raíz *lab, laxe. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso".

LEXOCAIRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lexo. Para Aníbal Otero Álvarez, no seu Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1955), o segundo elemento, cairo, deriva de calere, abrigo nun monte. Para Eladio Rodríguez, chuvieira curta con vento. O cairo (canino) é tamén o dente que nace diante da fila das moas e acaba en punta. Hai quen o identifica co vocábulo árabe Al-Qahira, a forte, a vencedora, deusa equivalente ao deus romano Marte. Caridad Arias faino derivar do antropotopónimo celta Cario. Ou relacionado con caire, caer.

LODEIRO
En Constantín. Latín ludo, lodo, lama; abundancial de lodo. Deste lugar fala un documento de doazón, do ano 1332, redactado no mosteiro de Penamaior: "Vay firir na outra mamoa de fondo como vay pola carreyra da serra que vay para Gondian"

A LOMBA
Latín lumbu, lombo, referido a un montículo pequeno e arredondado.

LUGAR DE ARRIBA
Topónimo de situación. Lugar foi en latín locale, derivado de locus, co determinante ad ripam, lugar máis alto ou superior.  

MÁMOA/MEDORRA
Mámoa vén do latín mammula, monumento prehistórico en forma de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico. O Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos, pedra, desenvolveuse en Galicia a partires do IV milenio a. C, acadando o máximo apoxeo no III milenio e mantendo o seu uso ata o 1500 a.C., xa na Idade do Bronce. Esta cultura caracterízase pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. O vocábulo medorra é un dos máis de trinta nomes que reciben en Galicia os enterramentos megalíticos. 
 
Para máis información sobre as mámoas do Concello de Baralla, pódese consultar a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Arqueolóxico. 

A MANGUELA
Monte situado a 826 metros de altitude sobre o nivel do mar. Segundo o Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1960) de Eladio Rodríguez González, chamábase manguela á explotación dunha persoa cun defecto físico ou psíquico que se cedía para adicalo á caridade pública. Conta que foi un costume inmoral e infame que existiu en Becerreá cando, a principios do século XX, se presentou na comarca un home que recollía cegos, mancos, coxos, etc. para negociar e contratar cos pais ou parentes o "arrendamento" dos seus servizos para que pidisen esmola polos pobos e cidades. Por un contrato celebrado en Navia de Suarna no ano 1904, un labrego cedeu a un home a unha súa filla impedida de dezasete anos para que a levase con el a cambio de 83 reás mensuais, ademais de 84 reás a abonar por unha soa vez para un traxe do pai.

O MARCO
Do latín marco e do céltico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parrochiale suevum, do século VI, onde se fai unha relación das trece dióceses do reino suevo de Galiza.

MATELA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Do latín matta, alusión a unha plantación de árbores ou plantas pouco floridos.

MATESA
Quizais teña unha orixe preindoeuropea, raíz *matt-, *matta, matorreira. Ou do latín vulgar mattea, mazo, máquina hidráulica para abatanar as teas en mollado.

MAZAÍLLE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pacios. Posible alusión a unha *(villa) Madaildi pertencente a unha posesora medieval de orixe visigótica.

OS MAZOS
Núcleo de poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Do latín mateum. O topónimo é frecuente onde houbo antigas ferrarías onde se traballaba o ferro. O mazo é o artefacto accionado por unha corrente de auga para bater o ferro. Está formado pola árbore, os gorreóns, o rodicio, os banzados, o malugreiro, as aldabarras, os mandiles, a boga, a ximela, a ingre, o gorreón e o mango. Dende mediados do século XVIII ata finais do século XIX funcionou un xunto o río Busto, derrubado logo para facer un camiño.

A MOCHA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Vilartelín. Referido a algo que non ten punta, árbore sen pólas, animal sen cornos. Para Constantino García González, no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985), casa co tellado plano. Para Nicandro Ares Vázquez, feminino de mocho, adxectivo que se aplica ao animal que non ten cornos, debendo telos, as árbores sen pólas, e en xeral a calquera cousa sen punta, o cal viría do latín mutilus, a, um ou quizais palabra de creación expresiva para Corominas que nomea un Domingo Mocho nun documento do ano 1234, e Torre Mocha no 1215.

MONTE DE ACIVIDO
Latín monte, terreo sen cultivar no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación. Para o composto, ver Acivido.

MONTE DE BARALLA
 Para o composto, ver Baralla. 

MONTE DE BERSELOS
Para o composto, ver Berselos.

MONTE CARBOEIRO
O segundo elemento pode facer alusión ao oficio de carboeiro, de carbonario; a un lugar que presenta unha cor escura; sitio onde abunda a turba, o carbón natural formado en zonas húmidas e frías; ao mineral de cor negra que tamén se utiliza como combustible; sinalar un sitio onde se fabricaba o carbón a partires de plantas arbustibas, etc. En tempos eran os propios ferreiros os que facían o carbón que gastaban xa que non se comercializaba. Polo xeral facíanno de uz facendo un burato no chan, prendíanlle lume e logo tapábase con terra. Á mañá seguinte extendíanno ben cun angazo para que parase de arder.

MONTE DE CONSTANTÍN
Para o composto, ver Constantín.

MONTE DA COVA
O segundo elemento deriva do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra.

MONTE FERVENZA
O composto vén do latín ferventia, de fervere, ferver, pola sensación de ebulición da auga na súa caída.

MONTE GAPALLEDO
Rivas Quintas, cando fala do vocábulo gabanceira ‘especie de roseira silvestre’, di que Hubschmid  o deriva dunha base *gap-, guiándose polo vasco gapar, kapar. Posto que unha calidade da gabanceira é a de se prender, quizais sexa parella na orixe ao latín CAPERE ‘agarrar’, raíz CAP-. Atendendo a isto, en Gapalledo poderiamos ter, a partir do sufixo, un abundancial dalgunha especie vexetal, sen ousar afirmar cal pode ser. Por outro lado, chámaselle gapio a aquela parte do pedúnculo do acio que, ao cortar este, queda unido á vide. E por último en Baralla o topónimo Carballedo está moi presente. ¿Probable vinculación Carballedo-Gapalledo? A explicación fonética sería anómala.

MONTE MAZUCO
O segundo elemento fai alusión ao mazo de mango curto e cabeza grosa co que se maza o liño. Elixio Rivas Quintas di que é a parte central da reladeira, útil de cociña, de madeira, para picar a carne, verdura, etc.

MONTE DA MOCHA
Para o composto, ver A Mocha. 

MONTE PANDO
Neste monte, na parroquia de Berselos, consérvase unha necrópole megalítica. Lindeiro co concello de Láncara. Consta como límite do Condado de Chamoso no ano 572. Latín pandu, alusión a un lugar curvo, encorvado. Terreo chan entre dúas alturas. 

MONTE DAS PENAS
A 943 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto vén do céltico penn e do latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo.

MONTE DE PENOUTA
Para o composto, ver Penouta.

MONTE PEREIRIÑA
Para o composto, ver Pereiriña.

MONTE DAS POZAS
O composto deriva do latín puteus, pozo.

MONTE QUEIMADO
Alusión a unhas terras cineratas, antigas superficies queimadas, onde se queimaba a broza para logo cultivalas, ou un lugar destinado a facer piras rituais, ou incineracións sepulcrais. No lugar hai unha mámoa.

MONTE DE VILANOVA
A 841 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Vilanova.

MONTE DO VILAR
Do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

MONTE DE XANGAZO
Para o composto, ver Xangazo.

MONTEIRO
Monte lindeiro co concello de Becerreá, situado a 938 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dúas posibles acepcións: Alusión a un apelido ou alcume dunha persoa relacionada co oficio da caza ou montería, ou a un traballador da pedra, un canteiro.

A MORTEIRA
Monte vello, situado nas cabezas dos vales. Partes nas que se divide unha horta, adicadas á plantación de legumes e hortalizas. Segundo Carré Alvarellos, enfermidade que consiste no cansazo de todo; perder o apetito, non durmir, sen gusto pola vida.

MUÍÑO DE ARGADELO
Latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. O argadelo é o aparello xiratorio no que se colocan as meadas para dobalas.

MUÍÑO DE CALDEIRO
En principio, un caldeiro, latín caldarium, é un recipiente redondo usado para conter, transportar ou quentar líquidos. Mais tamén se chama caldeiro o que leva a persoa que guía á Santa Compaña, a procesión nocturna de almas en penas que percorren corredoiras e encrucilladas. Malia o anterior, pode tratarse dun molinu do Caldarius, adxetivo latino que, segundo Nicandro Ares, pasou a nome persoal.

MUÍÑO DO COUSO
Latín causu. Leira para cultivo de legumes. Depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras.

MUÍÑO DE FERNÁNDEZ
Patronímico derivado do nome Fernando, “fillo de Fernando”, que tería a súa orixe nun propietario xermánico de nome Fredenandus, formado polas raíces *frith, "paz", e *nanth, "audacia, intelixencia".

MUÍÑO DO FERREIRO
Referencia ao oficio do traballador do ferro. A finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reás. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

MUÍÑO DO GALO MARELO
Non creo que aquí se refira ao macho da galiña, senón que poveña do prerromano *galo, lugar pedroso. O composto deriva do latín amarellus, de amarus, amargo, acedo. No Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), Eladio Rodríguez di que o galo é como un reloxo para o labrego que marca moi ben as horas, cantando tres veces, arredor das doce, de dúas a tres, e ao saír o sol. O seu canto antes de medianoite tómase como agoiro de morte ou desventuras próximas.

MUÍÑO DA GRANXA
O composto deriva de grania, graña, antigas fundacións eclesiásticas de rango inferior a mosteiros e priorados. Propiedade rural con casa, animais e todo o necesario para o traballo da terra. A forma granxa vén a ser un galicismo, francés grange, relacionado, segundo J. Piel, coa labor colonizadora dos monxes do Císter.

MUÍÑO DO LIÑAR
En Constantín. Derivado do latín linu, liño. A confección de prendas de liño vén en Galicia dende a antigüidade. Dise que os romanos utilizaban o liño galego para as embarcacións e que, transcorridos os séculos, chegou a competir co de Flandes.

MUÍÑO DE MONTENEGRO
O composto está formado por dous vocábulos: monte, latín monte, terreo no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación, e negro, latín niger, que dá nome a un terreo desa cor ou a un monte que, pola súa escuridade, é medorento. 

MUÍÑO DE TELO
Xunto o río Neira, na parroquia de Covas. Muíño fariñeiro de finais dos século XVIII, tal como se pode ver na inscrición dun data que hai no lugar.  

NAVALLOS
De navaculum, diminutivo de nava, concavidade do terreo, depresión montañosa, charca.

NAVEA DE ARROXO
A primeira parte do tóponimo ten a mesma etimoloxía que Navallos. Para o composto, ver Arroxo.

NAVEA DE TEIXEIRA
Para o composto, ver Teixeira.

OS NOVOS
Do latín novus. Alusión a un terreo traballado por primeira vez. Ou quizais, do antropónimo Novidius.

PACIOS (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Deriva do vocábulo latino palatiu, pazo, antiga casa de pedra situada normalmente no campo e onde viviu unha familia nobre ou importante. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora".  O territorio de Neira de Xusá estaba dividido en tres xurisdicións: na de Baralla exercía señorío o conde de Lemos, se ben era partícipe en Constantín a Encomenda de San Xoán de Portomarín; na de Neira de Rei, o conde de Grallal de Campos, e na de Pacios, os señores de Seixas e Valcarce  

PALA NEGRA
O primeiro elemento sinala a presenza dunha cova ou burato. Son famosas as covas ou palas de Rubiá de Valdeorras, na provincia de Ourense. O composto vén do latín niger, nidia referencia, no presente caso, a unha cova cuxo interior carece de luz, escura. 

PAPÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. *(Villa) Pappini, dun posesor de orixe latina que atendía polo nome de Papinius. No ano 1906, o párroco atopou unha ara romana adicada por Placidinia aos Lares Viais, depositada no Museo de Lugo coa seguinte inscrición: LARIBV/VIALIB/PLACID/NA EX/OTO P SVIT. En Papín funcionou unha ferraría, tamén chamada do Piago, citada no Catastro do Marqués de la Ensenada de mediados do século XVIII, e que deixou de funcionar cara o 1875; na actualidade non quedan restos da mesma. 

PASO DA INSUA
Na parroquia de Covas. Atópase preto da Ponte de Covas. Na actualidade só é accesible por un extremo, e o único sitio dende os Pasos de Alvite ata a Ponte de Covas onde se accede ao río sen desnivel. Nos últimos anos foi utilizado como abrevadoiro para o gando, para proveerse de auga en toneis e para lavadoiro. 

PASOS DE ALVITE
Na parroquia de Covas. Especie de banzos situados no río Neira, no lugar menos profundo da calzada dunha presa que aínda existe. Chama a atención o feito que a pesar de utilizarse nos últimos tempos como atallo para ir á igrexa, conduzan a eles outros camiños de maior anchura, e que un deles, o que parte dende o paso ata preto do templo parroquial, só teña ese fin: unir a estrada cos Pasos de Alvite. O outro conduce ata a entrada da ponte.  

PAZO DE ARANZA
Latín palatiu, pazo, antiga casa de pedra situada normalmente no campo e onde viviu unha familia nobre ou importante. Situado fronte a igrexa parroquial, é de estilo neoclásico do século XIX. Para o composto, ver Aranza.

PAZO ou CASA DA CONDOMIÑA
Situado sobre o castro do mesmo nome. Coñecida tamén como "Casa da Audiencia", antigo centro do señorío xurisdicional. Pertenceu ao marqués de Alcañices. Para o segundo elemento, ver A Condomiña.

PAZO DE ESPIÑA
En Pacios. Presenta tres escudos. Para o composto, ver Espiña.

PAZO DE POUSADA
Tamén coñecido como Casa do Pacio. Pertenceu a Tello de Neira, cabaleiro que padeceu as iras do rei, suceso descrito no século XV por Llaguno y Amirola no Sumario de los Reyes de España.  Hai quen asegura que as lendas tecidas ao seu redor inspiraron a Lope de Vega para escribir O mellor alcalde o rei. Para o segundo elemento, ver Pousada.

PAZO DE SANTISO
En Penarrubia. O composto é unha variante de San Tirso, Sanctus Thyrsus, santo católico martirizado no ano 251 en Frixia durante a persecución de Decio.

PEDRABOA
Topónimo formado pola palabra pedra, latín petra, e o adxectivo boa, latín bona. Alusión a unha peneda de boa calidade ou que posuía cualidades benéficas. Para os galegos, a pedra é algo máis que o mineral sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da terra. Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os nosos devanceiros insculpiron os inintelixibles petroglifos; xigantescas penas abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas innumerables penas do altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse as prácticas relixiosas; diante dunha pena as parellas de namorados anovaban as súas promesas mentres que outras sandaban doenzas físicas e mentais...

PEDRALBAS
Topónimo composto. O segundo elemento tanto pode derivar da forma preindoeuropea alb, monte, altura, como da latina albus, branco.

PEDRAFITA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pedrafita de Camporredondo. De petra ficta, alusión a unha pedra fincada no chan. O vocábulo correspóndese co termo bretón menhir que en Galicia recibe, entre outros, os nomes de pedrafita, parafita, pedra chantada... das que pouco sabemos. As prehistóricas quizais estiveran relacionadas co culto á fertilidade (símbolo fálico). Durante a Idade Media reutilizáronse como marcos divisorios. Dise que centos delas foron destruídas pola Igrexa para evitar que as xentes seguiran a depositarlle ofrendas.

PEDRAFITA DE CAMPORREDONDO (SAN XOÁN)
O composto deriva do latín campus rotundus, alusión á redondez do terreo, ou á propiedade dun posesor medieval de nome Rotundus. A freguesía pertenceu á Orde de San Xoán de Xerusalén. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso".

A PENA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. Cóntase que unha partida de soldados franceses pereceron no ano 1809 a mans dos veciños e que logo foron soterrados no monte; o lugar recibiu o nome de Furada dos Franceses.

PENA AGUDO
Aínda que polo xeral as montañas de Galicia presentan unha fasquía arredondada, non é infrecuente atopar nomes de lugar que fagan referencia a montes ou penedas de forma picuda. O composto vén do latín acutu, agudo, afiado, que nomea formas cónicas do relevo.

PENA ALVITE
O composto é un antropotopónimo. Fai alusión a unha persoa de orixe latina de nome Alvitus ou do xermánico alls, todo, e wit, perspicacia.

PENA DE BREGAS BOAS
A palabra brega fai alusión a unha loita, pelexa; tamén faena, traballo. O adxectivo deriva do latín bona.

PENA DO CAL
Latín callis, senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas; tamén canle, do latín canale, sulco por onde discorre a auga.

PENA CARRAMEDO
En Arroxo. Puidera ter que ver, a partir da base prerromana *CAR, *CARR, *COR, *CORR ‘pedra, rocha’ a accidentes costeiros ou terrestres especialmente pedrosos, tipo Carromeiro, non esquezamos que estamos a falar dunha pena, sen esquecermos tamén da posibilidade dun hipotético emprazamento encharcado que favorece a medra da cana chamada carrizo, tipo Carracedo, por exemplo. O –edo parece obedecer a un sufixo colectivo e a posibilidade dun lugar pedroso con abundancia de amieiros (Amedo) sería outra vía para seguir. Non esquezamos tampouco a raíz indoeuropea *ab/am ‘fonte, auga’.

PENA DO CASTELO
Entre Baralla e Becerreá. Latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castelo ou torre de vixiancia. Máis esas, o topónimo non sempre fai alusión a un castro ou castelo, tamén a elevacións que, pola súa forma, semellan baluartes defensivos. Trátase dun afloramento rochoso. Peiteado o lugar non atopamos pegadas de ningún asentamento. Consultado os veciños, non existe folclore. 

PENA DO CREGO
A 905 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento fala dun crego, latín clericus, dun cura, home que consagra ao culto divino nos templos católicos. Fraseoloxía arredor dos cregos: "A facenda do crego, dálla Deus e cómenlla os herdeiros". "Crego moi predicadeiro, non é o máis esmoleiro". "Cregos e frades e mouros, quen viu un viunos todos". "Cregos, frades, curuxas e choias, dou ao diaño esas catro xoias". "Crego viaxeiro, nin misere, nin misereiro". "Despois que os cregos xantas, culleres sobran". "O crego máis o raposo, se perden a mañá, perden o día todo". "Onde canta un crego e ornea un burro, alí nunca falta un peso duro". "Onde o crego canta, alí xanta".

PENA DA CRUZ
Na parroquia de San Miguel de Neira de Rei, no cume do monte Reboredo. Do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo, e do latín cruce, cruz, símbolo relixioso cristián. No presente caso estamos diante dunha pena cristianizada. Segundo nos contou o cura párroco de San Miguel, D. Manuel, a cruz actual, de ferro colocada a finais dos anos setenta, substituíu a outra máis antiga, ao parecer de madeira. Ninguén lembra o motivo que orixinou levantar a cruz.

PENA DE ENXAMEADO
Semella provir do verbo enxamear, andar arredor dunha cousa con pesadez. Tamén semella denunciar un lugar poboado de abellas, relacionado con enxame, que provén do latín examine< ex+agmen, multitude.

PENA DA ESCALEIRA
Como todo o mundo sabe, unha escaleira, latín scalaria, é un obxecto para baixar e subir. Hai autores que o relacionan cun descanso do terreo. Aquí semella sinalar uns banzos escavados na rocha, quizais consagrada a algún culto pagán, mesmo destinada a sacrificios. 

PENAS DO ESTALAR
Na parroquia de Covas. Estalar, rebentar, estralar, estourar, estoupar unha cousa facendo ruído.   

PENA DO GATO
Non creemos que faga referencia a unha pena frecuentada polo gato, latín cattu, ou que teñen esa forma. Pode facer alusión a unha pena onde abunda o toxo gateño (Ulex nanus). Caridad Arias inclúe o topónimo entre os numerosísimos de toda Europa que levan o nome da divindade do sol, masculina ou feminina, e que poden verse transformados partindo da raíz *cat-/*cad-/*cot. 

PENA DA GOLONDRINA
Pena cun furado situada no castro de Traspena, na parroquia de Covas. Non souberon dicirme se cumpría algunha función ou estaba asociada a algunha lenda. O segundo elemento está castelanizado, en galego é andoriña, latín hirundo, -inis. Na antigüidade estaba consagrada aos deuses penates e por iso non a mataban, considerándoa como anunciadora da primavera. En Galiza os seus niños sempre foron respectados xa que existe a lenda de que aliviou os sufrimentos de Cristo cando estaba na cruz, arrincándolle co pico algunhas espiñas da coroa. Tamén se cre que leva a sorte á casa onde aniña. 

PENA DO PORCO TEIXO
Alusión a unha  pena frecuentada polo porco teixo ou teixugo (Meles, meles).

PENA DOS PORTELOS
O composto deriva do latín portu, paso natural entre montañas

PENA DE RAMALLO
O segundo elemento ven do latín ramaculu, que identifica a rama ou póla dunha planta, especialmente de carballo.

PENA DO RAPOSO
Pena frecuentada polo raposo, do latín rapum, rabo, tamén coñecido como golpe, latín vulpes, o terror dos galiñeiros. A súa astucia deu lugar a multitude de fábulas e lendas. Frei Martiño Sarmiento fala da herba do raposo (a mesma que a herba empreñadeira de Santo André de Teixido) que posúe grandes virtudes, entre outras é boa para cicatrizar as úlceras malignas.

PENA DO RATO
Pena frecuentada polo rato, latín raptus, o mamífero roedor de pequeno tamaño. Ou quizais o alcume dunha persoa que adoitaba estar nesa pena ou era da súa propiedade. Marcial Valladares, no seu Diccionario gallego-castellano (1884), conta que os ratos, cando teñen fame, dánse grandes batallas entre si, perseguíndose os uns aos outros, ata non quedar máis cun só.

PENA DO TRIGO
O trigo é un cereal do xénero triticum, con diversas variedades e especies. A máis coñecida é a planta con forma de espiga que se moe para facer fariña. O trigo xa está documentado nalgúns castros galegos.

PENA DA VALIÑA
Nomea unha pena que actuaría como punto de referencia. Para o composto, ver Valiña.

PENA VENTUREIRA
A 766 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto provén de vulturaria, derivado do latín vulture, voitre, a ave de rapina de gran tamaño que se alimenta de animais mortos.

PENA DE XANGAZO
Para o composto, ver Xangazo.

A PENALONGA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Latín penna longa. Pena de grandes dimensións que actuaría como punto de referencia.

PENARRUBIA (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. De pinna/penna, pena, e do adxectivo rupeus, a, um, rochosa, ou rubeus, a, um, roiba, vermella. Tamén dun posuidor de nome Ruber ou Rubidus. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Ao pé do castro de Penarrubia atopouse unha ara romana, hoxe en día desaparecida.

PENAS DE ABAIXO DAS REBOLEIRAS
Topónimo de situación. Para o último elemento, ver As Reboleiras.

PENAS DA CABRA DO PENEDIÑO e PENAS DA CABRA 
A cabra, latín caprae, é o mamífero rumiante capaz de subir por sitios empinados; aprovéitase a súa carne, e das femias tamén o leite.

PENAS LONGAS
Do latín penna e longus. Penas de grandes dimensións que actuarían como punto de referencia.

PENEDIÑO DO CHAO
Monte Lindeiro co concello de Baleira. Topónimo formado por un diminutivo de pena e polo latín planu, planicie elevada.

PENEDIÑO DE FONTELA
O composto ven do latín fontanella, diminutivo de fonte.

A PENELA
Diminutivo de pena. Na parroquia de San Martiño de Neira de Rei.

PENOUTA
Núcleo de poboación e monte pertencente á parroquia de Berselos. Nidia alusión a unha rocha outa ou alta, penna alta.

A PEREIRIÑA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Diminutivo de pereira, á árbore cuxo froito é a pera. Tamén pode derivar do latín petra, en referencia a pericoutos rochosos, pedreiras.

A PEZA
Do céltico pettia, anaco, peza. Alusión á parte dun terreo que se cultiva.

O PICATO
Atopamos o microtopónimo en dous lugares do concello, un situado a 842 metros de altitude e outro a 579 metros. Diminutivo de pico, cumio, celto-latino beccu.

O PICO
Latín beccu, punta, cumio dun monte.

PICO DO CHAO
O composto vén do latín planu.

PICO DA LAGOA
Situado a 759 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver A Lagoa.

PICO RAÑADOIRO
A 901 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Serra do Rañadoiro.

PICO DE SANTO ANDRÉ
A 676 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Santo André.

PIÑEIRA (SAN SALVADOR)
Nome da parroquia. Variante de pinal ou piñal, lugar poboado de piñeiros ou pinos, latín pinus, as árbores de follas perennes, útiles pola madeira e resina que producen. Nun documento do ano 1125 pódese ler: "...in valle de Pineira, ripa de Neira, villa que vocitant Baralia". No ano 1753 a freguesía e couto de Piñeira pertencían a Bernardino Boado Balboa, presbítero e fidalgo, quen o posuía en virtude de foro que tiña o bispo de Lugo. San Salvador, Sanctus Salvatorem, nome de orixe latina que significa "Aquel que é salvador". 

POL (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Pertenceu ao mosteiro de Penamaior, en Becerreá. *(Villa) Pauli, pertencente a un posesor de nome Paulus. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora".

O POMBAL
Latín palumbam, lugar onde se crían ou gardan as pombas. Construción situada sempre preto de pazos ou de casas economicamente importantes. Segundo Eladio Rodríguez González, en Galiza hai dous lugares onde viven. Un é o pombeiro, caseiro, onde aniñan algunhas parellas; o outro é o pombal, aillado, onde viven as pombas semiselvaxes, procurándose o sustento por si mesmas polos campos próximos. 

PONTE DE ARROXO
Sobre o río Guimarei. Trátase dunha ponte de cadeirado e xisto cun arco rebaixado de medio punto. Aprécianse varias reparacións e reformas na súa obra de fábrica. Segundo algúns autores por el puído pasar a vía romana XIX-XX que ía de Lucus (Lugo) a Asturica (Astorga).
  
PONTE DE CARRACEDO
Sobre o río Neira. Segundo a lenda foi construída polos mouros. O primeiro elemento vén do latín ponte, estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. As pontes eran fundamentais para asegurar a continuidade de calzadas e camiños. Das pontes romanas, agás unhas poucas que manteñen intacta a súa construción orixinal (Bibei, Freixo), apenas se conservan restos xa que no Medievo foron substituídas por outras máis modernas. Aínda que moitas pontes erixidas na Idade Media perderon utilidade hoxe en día, constátase unha gran distribución por todo o país. O composto vén do latín carricetum, abundancial de carrizo, planta gramínea, especie de cana, que medra na auga formando canaveirais.

A PONTE DE COVAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas e nome da ponte situada no lugar. A Ponte de Covas, realizada en cadeirado de granito, salva o río Neira, é medieval de posible orixe romana e ten tres arcos, o central semicircular de grandes dimensións. Hai anos, debaixo dun dos arcos laterais colocaron unha estrutura de madeira que se utilizaba como refuxio de pesca, Pouco tempo despois, aproveitando a "construción", un veciño instalou un bar-chiringuito que funcionou ata non hai moitos anos. Para o composto, ver Covas.

A PONTE DE ESCOBIO
Para o composto, ver Escobio.

A PONTE DOS MAZOS
Na parroquia de San Martiño de Neira de Rei, sobre o río Neira, medieval de orixe romana con arco de medio punto. Hai autores que a relacionan cunha antiga calzada romana. Xulio Pardo de Neyra, no seu Historia do concello de Baralla. Pazos e fortalezas de Neira de Xusá (1998), fala de que contén unha pedra que reza: FACERE IVSIT = AUGUSTUS = IMPER. ANNO C. XII. Despois de peitear detidamente a ponte, non atopamos restos da epígrafe, e os veciños nada sabían do mesmo. O vocábulo mazo é frecuente onde houbo antigas ferrarías onde se traballaba o ferro; é o artefacto accionado por unha corrente de auga para bater o ferro. Aquí había un que se surtía das augas do río Neira. Para o composto, ver Os Mazos.

A PONTE DE NEIRA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. Neira vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga.

A PONTE NOVA
O adxectivo, do latín novus, denuncia unha ponte máis moderna ca outra que xa había no lugar.

A PONTE DA PEDREIRA
En latín tardío, unha petraria era unha via lapidibus munita, camiño empedrado que mesmo podería ter a orixe nunha calzada romana.

A PONTE DE QUINTÁ
Na parroquia de Pereira. É de madeira. O segundo elemento pode derivar do latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Tamén pode facer referencia a unha *(villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus.

A PONTE DE RAIRIZ
Para o composto, ver o macrotopónimo Rariz.

A PONTE DE SANTO ESTEVO
Na parroquia de Pousada, sobre o río Neira, medieval á que a tradición lle dá unha orixe árabe. Santo Estevo, latín Sanctu Estphanu, nome que vén do grego e significa "Aquel que é laureado". O culto a este santo difúndese por Occidente a partires do achádego das súas reliquias no ano 415.

A PONTE DE SENRA
Na parroquia de Senra, sobre o río Neira, construída cando o Camiño Real a Castela, en tempos de Carlos III. Unha lenda dí que foi construída polos mouros. Derivado da voz céltica senara, seara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal.

A PONTE DA SILVELA
Latín silva, selva, maleza.

A PONTE XERMIL
O segundo elemento semella derivar dunha *(villa) Gemiri, de Gemirus?

A PONTELLA
Unha pontella é unha ponte pequena e estreita de pedra ou madeira. Asociadas ao mundo da arquitectura popular, requirían menos esforzo e capital para a súa construción que as pontes. No concello hai un bo exemplo na pontella de Quintá.

O PONTÓN
Na parroquia de Aranza. Pasarela, xeralmente de madeira, para cruzar ríos e regueiros. 

O PONTÓN DE TELO
Na parroquia de Covas. Salvaba o río Neira. Xunto un muíño fariñeiro do século XVIII, utilizábase para ir á igrexa parroquial no inverno e para o paso de gando e carros, tanto para o traslado de gran e fariña co muíño como para uso privado. Aínda se utilizaba hai uns 25 anos.  

A PORTELA
Diminutivo de porto, latín portu, paso natural entre montañas. Ou porta pequena nun valado. 

PORTO DE COEDA
A un quilómetro da Ponte de Covas corrente abaixo. Na actualidade só é accesible por un extremo. O camió só une o río con outro camiño principal, é dicir, non ten uso para acceder a fincas privadas. Sábese que cando o tren arrivou á Pobra do San Xiao, os veciños dos núcleos de Acivido, Penouta, Berselos e Santo André atravesaban o río Neira neste punto cos carros de vacas ou mulas para ires a buscar sal e aprovisionamenteo ao tren. Como proba queda unha corredoira labrada en laxe, con pronunciada pendente, pola cal ascendían os carros cargados e que paseniñamente foron labrando as marcas das rodas, aínda visibles.  

O POSTO
Do latín postus, positus. Lugar onde están os animais utilizados para a reprodución. Para L. Aguirre del Río, no seu Diccionario del dialecto gallego (1858), garita, posto de vixiancia.

POUSADA (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Latín pausata, de pausare, parar, cesar, repousar. Lugar onde remata unha xornada de viaxe. Casa onde facer noite que logo daría nome a unha villae. Tamén pode facer alusión a antigas pousas ou fincas medievais pertencentes a reis, nobres ou eclesiásticos semellantes ás quintas, granxas e pazos. No ano 982 é denominada como Pausata, e Pausada no 1233. O Madoz di que en Pousada existían os restos do pazo de Tello de Neira, de quen se conta que foi o rei a pronunciar o seu castigo, suceso descrito no século XV por Llaguno y Amirola no seu Sumario de los Reyes de España, quen apón o castigo a Afonso VII, por tomar pola forza a terra e a filla dun labrego. Asegura Amor Meilán que Lope de Vega inspirouse nesta historia para escribir O mellor alcalde o Rei. Conclúe Vázquez Seijas conclúe que o tal Tello de Neira sería o señor do pazo, coñecido despois como casa torre de Basille. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Heródes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. 

POZO DE ALVITO
Na parroquia de Covas, xunto o río Neira.  

POZO DO COUSO
Monte situado a 927 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pozo, do latín puteum, escavación profunda no solo para depósito de auga; burato que hai no terreo e que está cheo de auga. O composto vén do latín causu, leira para cultivo de legumes; depósito nos que se gardan os cereais; foxo, lugar preparado para sitiar as feras. Para os celtas, certos pozos e lagoas eran sagrados, un lugar de entrada ao "Outro Mundo".

O POZO NEGRO
Negro deriva do latín niger. Alusión a un pozo profundo, onde resulta moi difícil ver o seu fondo. Asociado a unha lenda.

POZO DE TEIXEIRA
Para o composo, ver Teixeira. Asociado á lenda dun pozo que atrae á xente e ao gando.

QUINTÁ
Núcleo de poboación situado na parroquia de Piñeira. Latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Tamén quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Quintus e Quintanus foi nome persoal.

QUINTÁ DE RIBA DE NEIRA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Riba de Neira. Riba deriva da voz latina ripa, ribeira máis ou menos característica dun río ou regueiro. Neira vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga.

QUINTELA
Núcleos de poboación situados nas parroquias de Arroxo e Laxes. Latín quintanella, diminutivo de quinta, casa de campo ou aldea pequena.

RAPADOIRO
A 901 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a un terreo desprovisto de vexetación. Para Franco Grande e Carré Alvarellos, lugar onde se rapa ou esquila. Quizais veña do gótico *hrapón, arrincar.

RARIZ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas. *(Villa) Reirici, pertencente a un propietario de orixe visigótica de nome Reiricus. Nun documento do ano 1120 fala do casal de Raariz. Xunto o río consérvase unha arca de pedra que era utilizada para pescar anguías. 

A RASELIÑA
Diminutivo de rasa, que deriva do verbo latino radere, raer, rozar, lugar achandado no monte, desprovisto de vexetación. Lugar onde se fixo unha rozada. 

AS REBOLEIRAS
Semella derivar dun latín vulgar repullus, unha variedade de carballo, latín robur. Tamén recibe este nome a parte máis densa dun bosque, prado ou seara, onde apenas hai claros. Elixio Rivas Quintas di que en Horta de Becerreá chaman así á mata de carballo que medra de novo. Na comarca galega dos Ancaes adoitan chamar así á carballeira.

REBOREDO
Monte situado na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. Do latín roburetum, de robur, carballo, co sufixo etu, logo transformado en edo. Lugar poboados de carballos.

RECESENDE (SAN CIRILO)
Nome da parroquia. A igrexa é anexa da parroquia de Santa Cruz do Picato e aparece coa súa matriz nun documento do século XIII. *(Villa) Recesindi, dun propietario de orixe xermánica de nome Recesindus. Freguesía nomeada como Recesendi nos anos 1133 e 1241. San Cirilo naceu cara o ano 444. Dirixiu o Concilio de Efeso que declarou que María si é Nai de Deus. Significa "o que ten autoridade". Nesta parroquia estaba o coñecido como Castiñeiro de Folgueira, famoso polos seus 16 metros de circunferencia, e do que J. Elorrieta publicou unha curiosa foto no ano 1949 mostrando un home co seu carro e unha parella de vacas no seu tronco baleiro. 

O REGUEIRAL
Deriva de rego, latín rigu, pequena corrente de auga.

REGUEIRO
Un regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o río. 
 
Polo concello de Baralla discorren os regueiros de Ardenide, Caridad Arias di que o primeiro elemento, ard-, está moi presente no onomástico xermánico co significado de lugar de habitación. Aspra, contracción de áspera, latín aspera, terreo irregular, abrupto, accidentado, áspero, escarpado. Basille. A Bica. Bordocelo. Carballedo, terreo poboado de carballos, latín quercur robur. Carballeira, abundancial en -eira. Carrizais (Ver Os Carrizais), Casa do Couto (Ver Casa do Couto). O Castro (Ver O Castro). O Convento, fala dun lugar onde vive unha comunidade de frades ou monxas dunha mesma orde relixiosa. O Cocho. Coucelo, nymphaea alba, fala dunha planta ninfácea de follas redondas flotantes sobre a auga e grandes flores brancas. Usábase como menciña caseira. Couso, latín causu, leira pequena para cultivo de legumes. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras. Tamén depósito de cantaría para gardar os cereais. As Fontao, latín fontanu, diminutivo de fonte. Fontes, latín fons/tisIlloa, alusión a un sitio no terreo onde nace a auga. Pantano, charco lamacento. Lamelas, diminutivo de lama, prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Lebruxo. As Louseiras, terreo cuberto de lousas, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas. A Pena, céltico penn, rocha que sobresae no terreo. Pena dos Vaos, cuxo segundo elemento vén do latín vadu, sitio pouco profundo dos ríos onde se pode pasar andando. Pequeno. Rebolal, variante de reboredo, latín roburetum, de robur, carballo. Regueiral, tautoloxía ou repetición que fai referencia a un curso de auga. Ribón, variante de ribazo, porción de terra con algún declive, cuberta de vexetación espontánea; terreo de pedra ou terra que serve de linde entre dúas leiras; terreo contiguo á ribeira dun pequeno curso de auga. Para Caridad Arias contén os elementos rigo e bonnus, río bo. San Xusto, santo que naceu, ao igual que o seu irmán San Pastor, en Alcalá de Henares. Tocoulles vivir a derradeira das grandes persecucións dos cristiáns en tempos de Diocleciano. Por declararse cristiáns foron decapitados no ano 304. Nome que significa "o que obra con xustiza". Souto (ver Souto). Tereixa. Toanzos, o sufixo -antio adoita estar relacionado coa hidronimia. Traseito. Uceira, de ulice, uz, breixo. O Val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Valderríos. Valiña, corrente de auga que discorre por un pequeno val. Veigas, raíz prerromana *baika, terreo regable, sempre húmido, chan e fértil. Vilachambre (Ver Vilachambre). Xermil, *(villa) Gemiri, de Gemirus?.

O REGUENGO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Vilachambre. De regalengum, voz latina con sufixo de orixe xermánica que fai alusión a unha herdade ou terra pertencente á coroa ou que está suxeita ao pagamento de trabucos.

O RETIRO
Lugar afastado dun núcleo habitado, quizais utilizado por antigos eremitas. Ou lugar de descanso.

A RETORTA
Latín retortum, do verbo retorquere, alusión a unha curva pronunciada onde as características xeográficas do terreo determinan a disposición irregular das fincas; ou un camiño difícil.

A REVOLTA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Participio do verbo latino revolvere, denuncia a curva dun camiño ou dun monte. Tamén terreo de monte, cavado e renovado, onde se planta trigo que se sementa no segundo labor que se lle dá á terra.

RIBA DE NEIRA (SANTALLA)
Nome da parroquia. Riba deriva da voz latina ripa, ribeira máis ou menos característica dun río ou regueiro. Neira vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga. Santalla, nome de orixe grega que en galego deu Olaia, Baia, Olalla... Vítima de diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV.

O RÍO DE BUSTO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Do latín rivu, corrente de auga. Segundo a crenza popular a auga dos ríos arrastran a enfermidade como arrastran o sedimento. Para o composto, ver Busto.

RÍO COBO
O composto deriva do latín covu, alusión a unha depresión orográfica. Tamén colmea de abellas, trobo, abellariza, albariza.

RÍO DE FURCO
Da voz latina furca deriva a palabra forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí fai referencia a unha corrente de auga que se bifurca.

RÍO FURGUEIRA
O composto deriva do latín vulgar furicare. Alusión aunha corrente de auga que furga ou escarva a terra.

RÍO GUIMAREI
Únese ao río Neira no val de Neira de Xusá. Para o composto, ver Guimarei.

RÍO NEIRA
Preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga. Esta corrente fluvial, que nace na serra do Portelo, discorre ao longo de cincoenta e seis quilómetros. Citado como Navia -portum de Navia- no ano 1010.

RÍO PIÑEIRA
Para o composto, ver Piñeira.

RIOSUBIL
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Rivus sibilus, o río que asubía, ou alusión a unha propiedade dun posesor medieval de nome Sibilius.

RÍO VAL PEDROSO
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. O composto deriva do latín petra, pedra.

O ROMEO
Rosmarinus officinalis, romeu. Planta utilizada como condimento. Antano usábase como estimulante e para tratar distintas enfermidades. Tamén foi un nome persoal Romaeus, do grego romaios, romano ou romeiro, peregrino.

AS ROZAS
Forma latina ruptiare, roturar, terreo rozado preparado para sementar.

SABUGUEIROS
sabugueiro, sambucus nigra, o arbusto da familia das caprifoliáceas tan común en Galicia cuxas flores usábanse antano en infusión por posuír propiedades medicinais, principalmente como laxante; tamén se facían emplastos para cubrir as feridas. No país coñécense máis dunha trintena de nomes: bieiteiro, viradoiro, birouteiro, bineito, naiteiro, samuxeiro, sango, biouteiro, pau virandoiro, cabugo, sabuco...

SALGUEIROS
Latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina.

SALVADOR
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Pousada. *(Villa) Salvatori, dun propietario de orixe medieval de nome Salvator.

SANAMEDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas. Haxiotopónimo, contracción de San Mamede, latín Sanctus Mammetis, emparentado do Mohamed árabe. Natural da Capadocia, os seus pais foron Santa Rufina e San Teodoro. Morreu martirizado a mans dun gladiador no anfiteatro de Cesárea no ano 253. No lugar coñecido como O Piago celebrábase unha festa en honra do San Mamede que tiña unha capela da que na actualidade non quedan restos. Un ano houbo unha terrible liorta entre dous mozos que rematou coa morte dun deles. Dende aquelas deixouse de celebrar a festa. Nas inmediacións onde estaba a ermida saíron á luz varias tumbas feitas con laxes. Nunha casa custodiábase unha imaxe do San Mamede que foi roubada hai anos.

SAN BERNABEL
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Santo que viviu no século I, compañeiro de San Paulo. O nome provén do arameu Barnabah que significa "fillo do profeta".

SAN CIBRAO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Francos. Sanctus Cyprianus, nome de orixe latina que significa "habitante de Chipre".

SAN MARTÍN DE NEIRA DE REI (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Na Idade Mdia exercía xurisdición o marqués de Montaos. Foi capital do concello de Neira de Xusá ata o ano 1840. O primeiro documento que fai mención á terra de Neira data do ano 982, nunha doázón do mosteiro de Samos. A forma máis antiga sería de orixe prerromana, Naria, Narea ou Neria. Martiño vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours. Neira vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga, aínda que hai autores que o fan derivar do latín niger, nigra, nigrum, negro, ou relacionado coa tribo dos nerios que habitaban o que hoxe é a Costa da Morte, no Finisterrae. Para o último elemento, coidamos que o vocábulo rei non fai referencia ao soberano ou monarca que goberna un territorio, senón a unha *(villa) Reirici, alusión a un posesor medieval de nome Reiricus. En Galicia chamaban rei ao fillo de pai descoñecido, acollido logo nunha inclusa. E o vocábulo, en hebreo, significa "terra de pasto". San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

SAN MIGUEL DE NEIRA DE REI (SAN MIGUEL)
Nome da parroquia. San Miguel, Sanctus Michael, é, nos tempos bíblicos, o anxo protector de Israel, e tamén o encargado de acompañar as almas dos xustos ao ceo; é, xunto con San Gabriel e San Rafael, un dos tres arcanxos. A igrexa, construída coas pedras dun castelo que había no lugar, levántase sobre un castro. Da fortaleza aínda se perciben as pegadas da base da torre medieval de planta cadrada; segundo relata Vázquez Seijas, dende a liña fronteira da igrexa e en dirección onde estivo a potne de Carrocedo, derrubada por unha enchenta do río no ano 1939, o que deu lugar á construción da actual, partía un camiño subterráneo, ao servizo da torre, traballado en pena.

SAN XUSTO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Pousada. San Xusto, Sanctus Iustus, naceu, ao igual que o seu irmán San Pastor, en Alcalá de Henares. Tocoulles vivir a derradeira das grandes persecucións dos cristiáns en tempos de Diocleciano. Por declararse cristiáns foron decapitados no ano 304 e que foron catados polo poeta latino Prduencio no seu Peristephanon. Nome que significa "o que obra con xustiza".

SANTA CRUZ
Núcleo de poboación situado na parroquia de Sobrado de Picato. No Museo Diocesano de Lugo consérvase unn documento do ano 1094 nas que se comprenden as agregacións de Santa Cruz e Neira que logo foron permutados no ano 1241, sendo os signatarios do contrato o bispo e Lugo e o cabido catedralicio. No ano 1160 noméase Vïllam Sancte Crucis de Pecado... homines et hereditates de Sobrado et cacavel. Ver Capela de Santa Cruz e Santa Helena.

SANTA MARTA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Vilartelín. Marta, citada co nome bíblico de Martha, que significa señora; irmá de María e Lázaro, viviu en Betania, preto de Xerusalén, a principios do século I. Os primeiros en adicar a celebración litúrxica a Santa Marta foron os franciscáns no ano 1262.

SANTO ANDRÉ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas. André, grego Andreas, nome de orixe grega que significa "viril".

SANTO ESTEVO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Pousada. No ano 1775 chamábase San Esteban de Neira e figuraba como parroquia anexa de Arroxo. Santo Estevo, latín Sanctu Estphanu, nome grego que significa coroa. O culto a este santo difúndese por Occidente a partires do achádego das súas reliquias no ano 415.

SEIXO DAS BIDUEIRAS
Latín saxum, rocha, penedo, croio. Hai autores que defenden que o antropotopónimo celta Sescius ou o latino Sessius puido dar orixe ao nome Seixo. A palabra seixo xa se le na forma galega actual no mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 932. O segundo elemento fai referencia á árbore da familia das betuláceas, betula pendula. O primeiro estudo sobre a abidueira ou bidueiro débese a Fr. Martiño Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a Betula ou Bidueiro di que no século XVIII aínda non se relacionaba o bidueiro coa betula latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno. Críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma e gota.

SENRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Baralla. Voz céltica senara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. Sinónimo de seara.

A SERRA
Monte situado a 628 metros de altitude sobre o nivel do mar. Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión. Xa dende a antigüidade clásica, nas montañas prodúcese o contacto directo entre os homes e os deuses, onde se accede ao mundo dos mortos e da escuridade.

SERRA DA FERVENZA
Latín ferventia, proveniente do verbo fervere, ferver, sensación que produce a caída brusca da auga ao salvar un desnivel.

SERRA DE FONTOIRA
Lindeira co concello de Becerreá. Fontem auream, fonte de ouro, alusión á calidade da súa auga ou pola cor da limonita (mineral de óxido de ferro hidratado) no fondo da auga. Mais, no presente caso, tampouco podemos desbotar que veña dun céltico *au-, auga, fonte, río.

SERRA DO GALO
A 754 metros de altitude sobre o nivel do mar. O topónimo nada ten que ver co macho da galiña, vén dunha base prerromana *galo, pedra. No presente caso identifica un terreo de características pedrosas. Eladio Rodríguez di que o galo é para os galegos coma un reloxo nocturno que marca moi ben as horas, cantando tres veces arredor das doce, de dúas a tres e ao saír o sol. O seu canto antes de media noite tómase como agoiro de morte ou desventuras próximas.

SERRA DE ILLOA
Lindeiro co concello de Láncara. Sitio abundante en illós, do latín oculola, plural de oculum, ollo, manancial, charco, lagoa pequena.

SERRA DA PENA
Céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo.

SERRA DO PENEDÓN
Linda co concello de Becerreá. Penedón é un aumentativo de penedo.

SERRA DO PICATO
O composto é un diminutivo de pico, prerromano beccu, cima, cume, curuto. Picouto.

SERRA DO RAÑADOIRO
A 901 metros de altitude sobre o nivel do mar. Menéndez Pidal relaciona o étimo co verbo galego rañar, rascar, en alusión a un monte formado por vexetación raquítica que, pola súa altura, é raída polos axentes atmosféricos. Para Carré Alvarellos sitio de brañas. Segundo Elixio Rivas, monte baixo con carpazo, moi roído polo gando. E para Otero Álvarez, prado de mala calidade.

SERRA DE SAN MARTIÑO
Martiño vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours.

O SERRÓN
Entre Ferreiros e Vilartelín. Aumentativo de serra.

SIXIREI (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. *(Villa) Sigeredi pertencente a un propietario de orixe xermánica de nome Sigeredus. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

SOBIEDAL
De entrada, a súa forma leva a pensar no amplo número de topónimos existentes en Galicia que se refiren á sobreira < SUBERARIA, reforzado ademais pola presenza do abundancial en –al, tipo Sobral ou Sobreiral, por exemplo. Aquí poderiamos partir de Sobredo, cun sufixo xa abundancial en –ETUM. Iso si, non atopamos ningún topónimo *Sobredal, por exemplo, para asegurarmos esta opción. Agora ben, a presenza dese ditongo estraño -ie- fai que semelle un topónimo aberto a variadas posibilidades fitotoponímicas. Dende un probable sincretismo sobreira-abeleira (Abelal), ou sobreira-bidueiro (O Bidual, O Bedul, O Bidul), lembremos neste concello de Baralla un Biduedo e unha A Bidueira, até mesmo sobreira-abeto < ABIETE, estraño dentro da fitotoponimia galega. Outra das opcións é considerar a raíz So- como prefixo independente, indicando, ben ‘elevación, altura’, o que o emparentaría co termo sobrado (lembremos Sobrado do Picato en Baralla) ou ben ‘debaixo de, ao pé de’, tipo Soagra ou Sopena. A modo de curiosidade, cómpre destacarmos a semellanza de Sobiedal cos topónimos asturianos Somiedo e Oviedo. O primeiro parece que provén do latín SUMMAM ou SUMMUM ‘o máis alto’, mentres que para o segundo, dentro das posibles teorías que hai, está tamén a de monte, altura. Teriamos pois un mesmo campo léxico ‘altura’ para Sobrado, Sobiedal, Somiedo e Oviedo. Nalgunhas partes dos Ancares chaman subiao ou subiadal a unha matogueira de silveiras.

SOBRADO DE PICATO (SANTA CRUZ)
Nome da parroquia. Os cotos de Santa Cruz e Sobrado de Picato foron permutados no ano 1241, sendo os signatarios o bispo de Lugo e o cabido catedralicio. No ano 1704 instauráronse en Sobrado os aloxamentos e vagaxes, obrigaban a que durante as marchas que facían as tropas polas aldeas e vilas se asistisen aos soldados con vinagre, sal, lume ou unha compesación económica. Estes tránsitos entre Lugo e Castela no 1796 comezan a funcionar case exclusivamente pola estrada nova. No 1808, por causa da guerra, o gran número de equipaxes e efectos que foi preciso mobilizar quedaron estancados nos cuarteis, entorpecéndose o servizo. Nestas datas trasládase o cuartel a Ferreiros, ampliando os coutos e xurisdicións que tiñan que acodir. O primeiro elemento vén de superatum, edificio cunha parte alta que, por analoxía, denuncia un lugar elevado. Picato, diminutivo de pico, latín beccu, punta, cumio dun monte. Para a advocación da parroquia, ver Capela de Santa Cruz e Santa Helena.

SOUTO
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc.

SUDRIO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas. Deriva do nome persoal latino Sutrius que estaría relacionado coa cidade etrusca Sutrium.

O TARANDÓN
Raíz indoeuropea *tar, elevación.

TEIXEIRA
Núcleo de pobación pertencente á parroquia de Arroxo. Foi suprimida como parroquia no ano 1890. Cubil do porco teixo (Meles, meles). Sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo desta árbore conífera cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. No ano 1195 era nomeada como ecclesia Sancti Petri de Taxaria. Teixedo xa se le nun documento do mosteiro de Xubia no ano 1162, e en Sobrado dos Monxes baixo a variante de Teixido e"Taysario". A forma actual é do século XII.

TEIXEIRA DE ABAIXO E TEIXEIRA DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Penarrubia. Topónimos de situación, cos compostos derivados do latín bassus e ripa.

O TESO
Latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo. Monte alto e escarpado. Outeiro.

O TESO DA CAPELA
En Vilares, na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Contan que cando tronaba, os veciños traían a este lugar a imaxe do San Lourenzo para que cesara.

TESO DAS PEDRAS
O segundo elemento vén do latín petra.

O TESOURO
Latín thesaurum. Lugar situado no castro de Santa Marta, na parroquia de Vilartelín. Segundo a lenda hai soterradas unhas barras de ouro. Fraseoloxía: "Bo tesouro ten o que está de saúde ben". "Máis val tesouro de virtude que de ouro". "Non falta tesouro de viño nin de ouro". "O maior tesouro sempre vai ao ouro". "Quen ten un tesouro non pensa máis que en ouro". "Sempre o tesouro chama polo ouro".

TORNIQUEIRA
Segundo Elixio Rivas, pedra sobre a boca do forno que actúa como viseira para deter as fuxicas. 

A TORRE VELLA
Vázquez Seijas escribiu que a carón da estrada dos Mazos ao Cereixal, e a un quilómetro da Condomiña, consérvase unha pequena casa que leva o nome da Torre Vella, mais sen achegar outros datos. 

O TOURAL
Varias acepcións. Traduce, en principio, ao latín taurus, touro, en alusión a un pasteiro ou campo onde pacían estes animais, mais sen desbotar unha procedencia do prerromano *tor, monte ou rochedo. En moitas partes de Galicia chamaban toural ao campo onde se celebraba a feira do gando. No século XV, en Santiago de Compostela estaba a praza do Toural de Faxeiras, hoxe en día Praza do Toural.  

TOUZÓN
Aumentativo de touza, prerromano tautia, en alusión a un terreo poboado de carballos e/ou matorreira.

TOXEDELO
Derivado de toxo, prerromano toju, o arbusto silvestre, verde e espiñoso, tan común en Galicia, que se roza para estrume, cama do gando, etc. Lugar abundante en toxos. O toxo tiña un gran valor na economía campesiña que, en moitos sitios, se sometía a un semicultivo, especialmente o toxo xigante ou arnau. Os toros dos toxos arnaus, de gran dureza, usábanse para facer bastóns, estadullos, etc. Tamén se utilizaban para protexer os valados.

TRAS DA CAPILLA
Na aldea do Castro de Lexo. Ao parecer recibe o nome por unha primitiva capela, hoxe en día desaparecida, que había no lugar. A preposición latina trans funciona como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de.

TRASCASTRO
Este topónimo recollémolo na aldea de Castro de Lexo. É así como coñecen o monte onde está situado o castro de Sixirei.

TRAS DAS SEBES
Sebe, cercado feito con táboas, estacas, silveiras, toxos, etc. para acoutar un terreo.

TRAS DO TESO
O composto, do latín tensus, de tendere, extender, estirar, que nomea un lugar alto no campo, un monte alto e escarpado, un outeiro.

TRASEITO
Alusión a un terreo repartido en tarefas por medio de sucos como nunha herdade ou labradío.

TRASPENA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas. Trans pennam, detrás ou máis alá da pena. No lugar consérvase unha necrópole megalítica e un castro. A aldea xa é citada nun documento do ano 1775, que é nomeada como parroquia de San Mamede de Traspena. Vázquez Seijas di que había unha torre, sen achegar máis datos. A xurisdición exercíaa o condado de Lemos, participando nel a Encomenda de San Xoán que tiña o seu centro en Portomarín.

AS TRAVESAS
Do latín travessum, que atravesa, que se pode interpretar no sentido de herdades atravesadas por camiños ou dispostas transversalmente. Tamén se chama así á peza do carro que une as chedas e o cabezallo. Trabe.

A UCEIRA
De ulice, uz, breixo, arbusto de madeira dura e raíces grosas que ata ben entrado o século XX se empregaba para facer carbón vexetal, tanto para consumo propio como para vender. A raíz e a flor da uz branca utilizábase como remedio para a dor de cabeza e o lumbago. A uz vermella considerábase velenosa.

VAL DA CALIÑA
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. O composto é un diminutivo de cal, latín callis, senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas; tamén canle, do latín canale, sulco por onde discorre a auga.

VAL DAS CURUXAS
Topónimo enganoso que semella facer alusión ao lugar onde moran ou aniñan as curuxas, latín cuculliata, ave encarapuchada, de rapina e nocturna da familia dos estríxidas. Segundo a lenda zuga o aceite das lámpadas das igrexas; considérase unha ave de mal agoiro, sobre todo cando voa sobre a casa dalgún doente, xa que o voo silencioso anuncia unha desgraza. Mais tamén pode derivar da raíz preindoeuropea *kor (r)/*kar (r), monte, rocha, lugar penedío.

VAL DO SOUTO
Para o composto, ver Souto.

VAL DE NEIRA DE REI
O primeiro elemento vén do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Neira deriva do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga. Coidamos que o vocábulo rei non fai referencia ao soberano ou monarca que goberna un territorio, senón a unha *(villa) Reirici, alusión a un posesor medieval de nome Reiricus. En Galicia chamaban rei ao fillo de pai descoñecido, acollido logo nunha inclusa. E o vocábulo, en hebreo, significa "terra de pasto".

VAL DE NEIRA DE XUSÁ
Xusá deriva de deorsum, abaixo, en contraposición a sursum, arriba, no alto. Ata o ano 1975 o concello chamábase Neira e Xusá. 

VALADOS
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Latín vallum/vallatum, muro, xeralmente de terra ou pedras, construído arredor dun terreo para cercalo e protexelo doutro.

VALE (SAN XURXO)
Nome da parroquia. Aínda que en principio deriva de val, pode provir dun antropotopónimo Vallius. San Xurxo naceu en Palestina no ano 280. Segundo a lenda, matou a un dragón para salvar a unha doncela. A Igrexa fixo a súa festa de libre cumprimento xa que di que pouco ou nada se sabe sobre a súa vida.

OS VALES
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Sixirei. Plural de val.

A VALIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pacios. Diminutivo de val. Para Caridad Arias non está relacionado co latín vallis, senón que contén o antropotopónimo celta Val(l)o ou Val(l)io con derivados latinizados Valius, Valiacus...

A VALIÑA BRANCA
O composto deriva do latín albus, branco; mais tamén da forma preindoeuropea *alb, monte, altura.

VEIGA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penarrubia. Prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Denomina un val ou terreo que baixa cara o río. Topónimo moi abundante en Galicia. O vocábulo veiga xa se le nun documento do mosteiro de Celanova no ano 961, e no século XII tamén nos mosteiros de Xubia, Oseira e Santiago de Compostela.

AS VEIGAS
Plural de veiga.

AS VENDAS
Do latín vendita, participio de vendere, vender. Pousadas, hospedaxes. Mesón ou casa establecida nun despoboado para hospedar aos camiñantes.

VILACHÁ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pedrafita de Camporredondo. Villa plana, vila ou aldea edificada sobre un terreo chan. Por vila entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e  gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X.

VILACHAMBRE (SANTA MARIÑA)
Nome da parroquia. Para Juan J. Moralejo é unha *(villa) Flammulae. Chambre, de orixe franca, ten o significado de habitación. O nome da santa vén do latín e significa "proveniente do mar, mariñeira". Santa moi popular en Galicia, principalmente na provincia de Ourense, naceu no ano 123 en Piñeira de Arcos (Sandiás). Sendo aínda nena, foi decapitada por se negar a renunciar á súa fe. Conta a lenda que cando a súa cabeza caeu no chan deu tres saltos dos que nacereon tres fontes que son as mesmas que hoxe en día seguen a manar a carón da igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz.

VILAMEIXE
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Vale. Alusión a unha villa dun propietario medieval que atendía polo nome de Messius. Nicandro Ares achega que nun epígrafe romano de Lugo noméase unha Aurelia Messia.

VILANOVA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilartelín e monte situado a 844 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Latín villa nova, pequeno núcleo rural.

VILAR DE FRANCOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Francos. Do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. Para o composto, ver Francos.

VILARELLO
Núcleos de poboacións pertencentes ás parroquias de Lebruxo e Sixirei. Diminutivo de vilar, aínda que hai autores que o identifican o antropotopónimo Aurelius.

VILARES
Núcleo de  poboación situado na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Plural de vilar.

VILARPUNTEIRO (SANTA MARTA)
Nome da parroquia. Sen desbotar a posibilidade de que o composto faga alusión a unha vila dun propietario medieval, en principio semella derivar de punteiro, latín polentarius, de polenta, boliño doce de fariña e orxo. A freguesía aparece citada por primeira vez nun documento do ano 1188 co nome de Villar proentariu; no 1220 como Villar Poentario; e no 1250 como Vilar Polentario. Quizais sería un alcume dun posuidor do vilar. No ano 1809, os veciños puxeron en fuga a unha partida de soldados franceses que se dispuñan a saquear Lexo. Marta, irmá de María e Lázaro, vivu en Betania, preto de Xerusalén, a principios do século I. Os primeiros en adicar a celebración litúrxica a Santa Marta foron os franciscáns no ano 1262.

VILARTELÍN (SANTA EUFEMIA)
Nome da parroquia. Segundo Verea y Aguiar, a mansio romana de Caramico, na Vía XIX, situaríase en Vilartelín. *(Villar) Tellini, dun posesor medieval de orixe latina de nome Tellinus. Citado como Vilartelin nun documento do ano 1133. Santa Eufemia naceu en Bitinia (Asia Menor). Por non renunciar ao cristianismo, morreu martirizada vítima dun león. O seu nome significa "Palabra de bo agoiro".

VILASANTÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Covas. *(Villa) Sentani, dun posesor medieval de orixe latina de nome Sentanius. Nun documento do ano 997 cítase Vilar Sentan, e noutro do 1125 "in ripa de Neira villa quam vocintant Villar Santan".

VILELA
Núcleo de  poboación situado na parroquia de Piñeira. De vilella, diminutivo de vila, latín villa.

A VITUREIRA
De vulturaria, derivado do latín vulture, voitre, a ave de rapina de gran tamaño que se alimenta de animais mortos.

XANGAZO
Podería tratarse dun fitónimo procedente da árbore chamada sango < SAMBUCUS NIGRA, tamén chamada bieiteiro e sabugueiro, cremos que vinculada co sanguiño ou amieiro negro, de aí Sanguiñeda, proveniente de SANGUINEUM ‘da cor do sangue’, árbore de cortiza vermella e froitos vermellos que se volven negros cando madurecen. O máis estraño é o sufixo –azo, pouco usual (no Corgo temos Bergazo, por exemplo), onde poderiamos postular un hipotético *SAMBUCIO do sufixo –ACEUS en correlación a fitónimos tipo Biduíza (de bidueiro) proveniente dun hipotético *BETULICEA. Hai estudos toponímicos que lle dan ao sufixo -azo un significado abundancial. Hai quen defende a súa orixe no sánscrito sanghatta, unión.

XUVENTO
Derivado do nome propio Xuvenal ou Xuventino, o que posúe xuventude ou mocidade?

ZARRIÑA
Zona acoutada no monte. Finca pechada. Chousa. 

Toponimia do concello de Baralla

© Colectivo Patrimonio dos Ancares