* Salvar o castelo de Doiras

O día 26 de xaneiro de 2017, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dirixímoslle un amplo informe ao Presidente da Deputación de Lugo para tentar buscar unha solución para a posta en valor do castelo de Doiras, situado no concello de Cervantes.

Non resulta unha esaxeración o afirmar que o castelo de Doiras, coñecido tamén como de Ferreira ou da Ponte de Doiras, con orixe nos séculos XIV ou XV, é unha as fortalezas da súa época máis emblemáticas, non só da comarca dos Ancares, senón de Lugo e de Galicia, feito que non está a impedir que se atope nun estado total de abandono, o que conleva a súa grave deterioración, que se foi acentuando progresivamente ata o seu abando definitivo no ano 2000.

A espectacular fortaleza, erixida nun promontorio rochoso a 752 metros de altitude, foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) o 17 de outubro de 1994, distinción que, cómpre lamentalo, non deixa de ser un "título honorífico" sen efectividade práctica. Basta darse unha volta pola provincia para comprobar que, das máis de 150 fortalezas que conservan algún resto, todas declaradas BIC, cóntanse cos dedos dunha man as que se recuperaron, tanto para coñecer a súa historia como para desfrute da cidadanía.

Mais non imos adentrarnos aquí nos artigos das distintas leis que obrigan, tanto aos particulares como ás administracións públicas, a conservar, protexer e divulgar os bens patrimoniais, principalmente os que obstentan a máxima protección legal como son, no presente caso, os castelos e torres.

O motivo non é outro que solicitar a intervención da Deputación Provincial para que a fortaleza pase a mans públicas, ben sexa por medio dunha doazón, cesión ou a compra da mesma, evitando dese xeito a súa deterioración e facela visitable tal como estaba no proxecto do actual propietario, a Fundación Xosé Soto de Fión, cuxa intención era restaurala e logo facer un museo, intencións que se quedaron niso.

Na comarca contamos con exemplos dabondo sobre a deterioración do patrimonio defensivo de época medieval, véxase os castelos da Pobra de Navia, Doncos ou Torés, por citar algúns casos. Por iso é polo que consideramos que o castelo de Doiras aínda está a tempo de salvarse, e a única saída que lle vemos é que se faga cargo del a Administración, sexa a propia Deputación, o Concello ou a Xunta de Galicia, ou os tres a un tempo.

De todos é coñecida que unha das maiores lacras que asolan Galicia é o da despoboación, que nos últimos lustros está a facer verdadeiros estragos na comarca dos Ancares en xeral e no concello de Cervantes en particular (nos dez últimos anos o municipio perdeu máis de 500 habitantes). Nun momento en que a nosa comarca se debate entre o despoboamento e o desmantelamento do medio rural, a posta en valor dos seus bens patrimoniais asociados ao turismo, debería axudar a fixar poboación para atopar unha alternativa dinamizadora. 

Ben é certo que o turismo só é unha medida sectorial que por si mesma non vai a solucionar os problemas das áreas rurais xa que a despoboación e a precariedade económica precisan doutras actuacións globais, mais tamén é certo que pode ofrecerse coma un piar en que apoiar a rehabilitación social e económica.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares manifestámoslle ao Presidente da Deputación, a nosa disposición a colaborar en todo o que considere para que se faga realidade a proposta. 

O día 22 de febreiro de 2017 mantivemos unha entrevista co Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Balseiro Orol, para facerlle entrega do informe que elaboramos sobre o estado de conservación e a recuperación do castelo. Despois de explicarlle a situación e de dicirlle que a Xunta debera involucrarse para que a fortaleza pasara a mans públicas, o señor Balseiro contestounos que ten que ser o Concello de Cervantes quen debe dirixirse á Fundación Soto de Fión para negociar unha doazón ou cesión, engadindo que ao que si estaría disposta a Xunta, se pasara ao Concello, é a estudar as peticións para subvencionar a restauración e posta en valor. 

O día 23 falamos co alcalde de Cervantes para facerlle chegar o dito polo Delegado e preguntarlle cales son as intencións do Concello sobre o tema, se deron ou pensan dar algún paso para negociar a cesión ou doazón coa Fundación Soto de Fión. O alcalde comprometeuse a solicitar unha entrevista cos propietarios nos vindeiros días para tratar o tema.