PATRIMONIO RELIXIOSO DA COMARCA DOS ANCARES

> Mosteiros da comarca dos Ancares
> Patrimonio relixioso do concello de Baralla
> Patrimonio relixioso do concello de Becerreá
> Patrimonio relixioso do concello de Cervantes
> Patrimonio relixioso do concello de Navia de Suarna
> Patrimonio relixioso do concello de As Nogais
> Patrimonio relixioso do concello de Pedrafita do Cebreiro

MOSTEIROS DA COMARCA DOS ANCARES 

MOSTEIRO DE PENAMAIOR 
 
O mosteiro de Santa María de Penamaior levántase nas abas da Serra do Pico, na parroquia de Santa María de San Lourenzo de Penamaior, concello de Becerreá, no fondo dun profundo val sulcado polo rego do Convento. Escribiu Vázquez Saco no ano 1947, que o pouco que se sabe deste cenobio é a veces confuso e ata contraditorio. Sobre a data da fundación existen varias opinións, créndose que no lugar houbo outro cenobio bieito anterior ao cisterciense. Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo do século XIX, inclúese unha reseña dun monxe anónimo de Penamaior que di que en tempos de Vermudo II O Gotoso, cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, instalándose onde logo se levantou o mosteiro. Continúa o anómimo cenobita que "es muy probable y no poco fundado en privilegios y otras escrituras del archivo del monasterio de Samos, que este monasterio de Penamayor fue aquel célebre monasterio de la Peña, cuyo abad D. Virila, dio monjes y libros para repoblar y restablecer el monasterio de Samos, que se hallaba desierto y abandonado, reinando D. Ordoño II". A fundación, segundo o anómino informante, tivo como fin "recivir a diferentes pereginos y enfermos que pasavan al Sr. San Tiago". Villa-Amil y Castro cita unha doazón que no ano 1171 fixo o conde Gómez á abadía de Carracedo, de cuxo outorgamento foi testemuña "Petrus Calvus, prior de Penamaior".
 
 
  
Ángel del Castillo data a fundación no ano 1187, rectificando ao cronista bieito P. Yepes que a traslada ao ano 1225. No ano 1183 o papa Lucio III confírmalle ao mosteiro de Carracedo "Pennam Maiorem cun suis pertientiis". No 1188 Urraca González fai unha doazón a "Beate Marie de Penna Maiore, que cenobio Carrazedi pertinere vidatur, et in manum donni Michaelis de Deu...". Nese ano de 1188, dependía, como priorado, do mosteiro de Carracedo, nese momento beneditino.  

Para evanxelizar a zona, o prior Pedro Calvo envía uns monxes ás ermidas de Cruzul, Cubilledo, San Lourenzo do Rebollal e Vales, encargándolles que as administren, asistindo a aqueles que o necesitasen, tendo que dar conta cada oito días ao prior do que acontecía. Co envío de máis monxes dende Carracedo, o priorado convértese en abadía, cuxa erección, segundo o informante de Piñeiro, consúmase no ano 1225, data coa que non concorda un dos redactores do Tombo de Penamaior: "Pero nisto non andivo moi exacto, pois atopámonos que xa no ano 1198, Sancho Pérez fixo unha venta a favor do abade e convento de Penamaior". No 1203, nunha bula papal, testemúñase a súa dependenza de Carracedo, xa degradado a simple granxa. Pasou entón a depender directamente de Citeaux (Borgoña), converténdose en cisterciense, sendo o único de Galicia que dependía directamente da casa matriz francesa. Sábese que no 1225 xa posuía o título de abadía, condición que mantivo ata o ano 1505 en que pasou á Congregación de Castela, quedando unido a San Salvador de Salamanca e perdendo definitivamente a dignidade abacial. Penamaior era un dos mosteiros cistercienses máis pequenos de Galicia, no 1584 contaba con tres membros, e con sete no 1803.


No Archivo Histórico Nacional gárdanse 493 pergameos (o máis antigo é do ano 1161), practicamente inéditos, pois só se coñecen os dous de Afonso IX e algún outro solto, ademais dos utilizados por Villa-Amil y Castro e dados a coñecer na Ilustración Gallega y Asturiana no ano 1880 baixo o título Cuatro noticias sueltas del antiguo monasterio cisterciense de Penamayor. O primeiro diploma, moi maltratado e defectuoso, foi dado en Vilafranca do Bierzo no ano 1223, atopándose incluído na confirmación que do mesmo fixo o rei Fernando III. Polo segundo, nun documento dado en Vilafranca do Bierzo o 30 de abril de 1227, concédeselle ao mosteiro o couto de San Salvador de Furco, que confirmarían máis tarde o mesmo Fernando e Afonso X, en privilexios dados en Allariz e Palencia nos anos 1232 e 1255, respectivamente. Entre os persoeiros que concederon importantes doazóns salienta a familia Traba: Urraca González e o seu marido Froila Ramir, as súas fillas Tareixa e María Froilaz, o conde Gómez González, seu fillo, tamén conde, Rodrigo Gómez e a súa filla Sancha Gómez, e os seus netos Velasco, Gonzalo e María. Conta Vázquez Saco que tamén estaban sen aproveitar os fondos que hai anos posuía Estanislao Pinacho: un libro becerro do século XVIII e máis de cen escrituras, conservándose tamén interesantes noticias nos fondos de Carracedo do Bierzo. Chegou a reunir a finais do século XIII numerosas propiedades, mesmo o abade tiña ao seu servizo dous "escudeyros do abade" que se chamaban García Pérez e Miguel Pérez.

Nun documento do ano 1260, catorce persoas recoñecen que cometeron tropelías nos bens do cenobio e por elo renuncian á demanda e reclamacións que tiñan contra os monxes: "Pro malafactoria quam omnes fecimos donno abbate e conventu Penne Maiori violenter et dannose intrando et fragendo cautum suum renunciamus voci quam nos putabamus et demande quam iniuste faciebamus. Tali conditione firmantes tu nunquam nos de predicta factoria demandent". Un documento do ano 1262 fala de que os monxes recibiron en doazón un viñedo en Millaradello, lugar próximo a Vilafranca do Bierzo, para o seu consumo e celebración litúrxica. Segundo a tradición, eiquí estiveron tamén os cabaleiros do Temple; non moi lonxe, por riba da aldea de Vilarín, está a Pena do Castelo onde a lenda sitúa unha fortaleza pertencente á famosa orde monástico-militar; se existiu non quedan restos. No ano 1268, o Adiantado Maior de Galicia dita unha sentenza sobre a exacción do tributo da moeda no couto de Penamaior. 


Os priores documentados máis antigos do mosteiro foron: Martín (1181), Michaelis de Deo (1181), Fernandus Petri (1190), Petrus Calvus (1196-1206), e Fernandus (1214).

En resumo, o abade de Carracedo manda a uns monxes baixo o mando dun prior para que erixan unha casa e oratorio coa finalidade de atender aos peregrinos que ían cara Compostela, xa que por eiquí pasaba unha derivación do Camiño de Santiago (Vázquez Saco, 1947), escollendo "unha das profundas barrancadas que cortan as ásperas serras polas que penetraba o camiño francés en Galicia" (Torres Balbás, 1954). Canda eles traen unha imaxe da Virxe de Abarcas e un relicario no que se garda un Lignum Crucis que aínda se conserva. Os seus dominios extendíanse por áreas de Baleira, vales de Neira de Rei e Neira de Xusá (Baralla), Becerreá e A Terra Chá.
 

Das antigas dependenzas mosteirais só quedan algunhas piastras que daban ao claustro, as súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións a raíz do decreto de Desamortización do ministro Mendizábal do ano 1835 en que os monxes foron exclaustrados e as súas propiedades pasaron ao Estado.  Acaroado á igrexa consérvase unha parte, moi alterada, do primitivo claustro de dous andares, o inferior con elementos da mesma época e o superior do século XVII, moi modificado para ser acondicionado como escola. O claustro era cadrado, con fonte no centro. 
 

Cando no ano 2015 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares visibilizamos unha variante do Camiño Francés de Santiago que bautizamos como Vía de Künig en honor a un monxe que escribiu unha guía no ano 1495, entre a documentación que buscamos para xustificar o paso deste camiño pola comarca atopamos un documento do ano 1525 en que o prior do mosteiro de Santa María de Penamaior ordena que os asistentes ao mercado non entorpezan as entradas a devotos e peregrinos. Recalcamos o de peregrinos porque hai quen recentemente, cunha falta total de rigor, a pesares da documentación, empéñanse en negar que os peregrinos pasaran por Penamaior. Ver para crer! Por este documento intúese que a feira de Penamaior xa estaba consolidada, polo que a súa orixe debe ser moi anterior. Noutro libriño, encardenado en vitela (pel de animal), comezado a escribr no ano 1748, os monxes de Penamaior anotaron durante algúns anos o que cobraban a cada un dos vendedores a razón do que levaban para vender, anontando o nome do vendedor e o que vendían, e na marxe dereita as cantidades en reás de vellón que lles cobraban (os reás de vellón eran unhas moedas feitas cunha aleación de prata e cobre, se ben o contido en prata era baixo. Esta moeda foi creada no ano 1686 polo rei Carlos II. Para que vos fagades unha idea do seu valor, un real de vellón equivalía, ao cambio actual, a moito menos de medio céntimo de euro. 266 reás equivalían máis ou menos a 1 euro). Ademais do dito, o libriño tamén se utilizou para escribir catro esconxuros para expulsar o demo, ademais doutras marabillas que iremos desvelando. A derradeira feira xunto o mosteiro celebrouse no ano 1889 en que pasou a Becerreá.


Os preitos entre os veciños e os monxes eran frecuentes. No ano 1687, o mosteiro denuncia ante a Real Audiencia de Galicia aos fregueses por se negar a pagar un carro de leña cada un por razón de décimo. No 1779, Gabriel Fernández e outros veciños de Penamaior suplican para qeu os libren do pagamento de novos décimos ao mosteiro. No 1808, os veciños da freguesía de Penamaior preitean co mosteiro polo décimo que lle tiñan que pagar pola colleita de patacas.
 
 
Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII. De planta basilical, conta con tres naves sen transepto separadas mediante arcos apuntados que arrincan de columnaas acaroadas aos muros laterais e piares cilíndricos; os capiteis están decorados con motivos vexetais, sendo os da cabeceira os de maior calidade. Na cabeceira, tres ábsidas, a central poligonal (circular ao interior) e semicirculares as laterais. No exterior vense os macizos contrafortes. A portada está formada por un arco de medio punto con dúas arquivoltas de interior trilobulado que descansan sobre dous pares de columnas con decoración vexetal. 
 
 
 


O tímpano aparece cuns relevos de talla moi plana e esquemática en cuxo centro fórmase unha cruz patada cos brazos superior e inferior cruzados por ondulados; na intercessión da cruz, en caracteres arábigos, lese o ano de 1177 que foi gravado con moita posterioridade. Segundo Rocío Sánchez Ameijeiras, en Cistercienses y leyendas artúricas: El Caballero del León en Penamaior (2003), esta numeración aloxada nun rectángulo débese a unha lectura errónea levada a cabo no século XVII da inscrición latina da parte inferior dereita; o autor foi o mesmo que gravou nas xambas da fornela situada baixo a ventá principal a data da súa intervención na portada (1692). Ao redor aprécianse unha árbore con ramas na pólas, a figura dun xenete con lanza en riste e escudo, un cabalo sen xenete, e un león enfronte. Tamén se aprecia outra inscrición bastante confusa na parte inferior dereita do tímpano onde se le ERA MCC: IV: I DIDACVS P (Era 1204, é dicir, Anno Domini 1166). O estilo da escultura non se axusta a datas tan temperás. O nome DIDACVS coa abreviatura P, que debe resumir un patronímico Petri ou Pelaggi, podería corresponder a un abade ou prior que fundou o mosteiro, ou máis probablemente ao patrón que custeou a construción da igrexa. Esta inscrición non chegou a rematarse. A mesma Sánchez Ameijeira escribe que "el tipo de arco polilobulado utilizado como marco para la imaginería y la técnica de la escultura, de talla en reserva, obligan a datarlo con posterioridad a 1200". Este tipo de marco foi introducido en Galicia nunha serie de tímpanos coa temática do Sansón desqueixando ao león, sendo o máis antigo (1150-60) o desaparecido que decoraba a portada de San Xoán de Palmou, en Lalín.
 
 
 
      
Sobre a portada figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe, a ambos os lados gravouse, como vimos máis arriba, a data de 1692 (a fachada principal sufriu alteracións no século XVII). Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrese un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. Nun aleiro hai dous canzorros (un semella a cabeza dun can e outro o corpo dun león de corpo enteiro) que segundo a crenza popular representan a Sede e a Fame. 

 
    
 
Cóntase que foi centro comarcal da Inquisición, e que cando a restauración do templo atoparon un alxube onde había un sistema para torturar aos presos polo método da goteira, que ben suxeitos por un mecanismo para que non se puideran mover, sobre a súa cabeza caía unha gota de forma intermitente que lle perforaba a tapa do cranio e lle podrecía os miolos.
 
 
   
Xunto a igrexa érguese a coñecida como A Cruz de Ferro (hoxe en día de madeira). Disque pola noite, os mortos que compoñen a Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena, axeónllanse diante dela para para purgar as penas e acadar, así, a salvación das súas almas. Cóntase que cando tronaba, todos os raios ían parar a ela.
 

A principios dos anos noventa do pasado século, renovouse a cuberta, realizouse un drenaxe perimetral e desenvolvéronse varios traballos de consolidación debido á grave deterioración que estaba a sufrir o templo. En dúas fases, entre os anos 2002 e 2003, a Consellería de Cultura, cunha inversión duns 150.000 euros, acometou distintas obras de restauración nos muros interiores e exteriores liberándoos do cal, enfoscados de cemento, vexetación e outros recubrimentos que estaban a deteriorar a pedra. Tamén foi renovada a carpintería de madeira coa finalidade de evitar a humidade que estaba a afectar aos retablos. Lamentablemente, nesta última intervención os responsables da mesma optaron por prescindir do coro alto situado sobre a entrada principal, que foi destruído. En abril de 2003, un particular denunciou os poucos coidados que se levaron a cabo cos restos humanos enterrados dentro da igrexa que foron arroxados ao exterior, e non foron poucas as persoas da parroquia e fóra dela que criticaron a restauración. O que non figurou en ningunha partida orzamentaria foi o acondicionamento da contorna dos escasos restos do mosteiro cisterciense.

 

 
 
Transcorridos case trinta anos dende as primeiras obras, e máis de quince dende a última restauración, o estado de conservación da igrexa pode ser mellorado, máis tendo en conta que estamos ante un ben declarado Monumento Histórico Nacional no ano 1982, e Ben de Interese Cultural no 1985 o que conleva unha serie de obrigas por parte dos seus propietarios, no presente caso o Bispado de Lugo. 
 

   


O día 21 de novembro de 2019, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitamos á Consellería de Cultura e ao Bispado de Lugo que acometan distintas obras de reparación e restauración na igrexa mosteiral. En marzo de 2021 denunciamos o desprendemento de parte do enfoscado da fachada principal. O motivo de presentar as solicitudes ante a Consellería e o Bispado débese a que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia di que, no tocante aos bens propiedade da Igrexa, unha comisión mixta entre a Xunta de Galicia e a Igrexa católica establecerá o marco de colaboración entre ambas institucións para elaborar os plans de intervención conxunta.
 

Moitas das persoas coas que falamos confirmáronnos que había unha documentación abundantísima procedente da igrexa que foi queimada, comida polos ratos, etc. No mes de outubro de 2019 logramos recuperar uns 200 documentos que, a pesares de atoparse bastante deteriorados, estamos a descifrar. 
 
Durante as xornadas de "Na comarca dos Ancares tamén hai románico", organizadas polo noso colectivo, celebradas no mes de agosto de 2021, Isabel, unha das persoas que nos acompañou, localizou na parte  posterior, por riba da ábsida, unha ventá xeminada, tapiada, que se descoñecía.
 

No Museo Provincial de Lugo consérvase un capitel angular procedente da igrexa, doado por don Fructuoso Mourín López.
 
 
A igrexa parroquial foi declarada Monumento Histórico Artístico por Real Decreto do Ministerio de Cultura no ano 1982, e Ben de Interese Cultural na disposición adicional primeira da Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985. Por Decreto da Xunta de Galicia do ano 1998 delimítase a súa contorna de protección. 
 
Fronte da igrexa mosteiral está o muíño de Penamaior, con orixe no século XVII ou XVIII, con arcos de medio punto, salientando un escudo cuartelado con dous castelos e dous león. A importancia que tivo este muíño como encontro dos veciños da comunidade dánolo unha canción popular que se conserva: "Na porta daquel muíño/hai dúas pedriñas d´asento/unha é pre namorar/e outra pre pasar o tempo/. Na porta daquel muíño/hai un carballo rachado/onde sentan as mozas/a matar o condenado". 

   
 


SORSTUA, UN DESCOÑECIÑO MOSTEIRO EN BARALLA OU BECERREÁ?
 
Na Alta Idade Media, os mosteiros familiares fundábanse por iniciativa de cregos e de mulleres e homes laicos. Eran pequenos edificios propiedade de familias presididos por unha igrexa ou capela, compartidos, no caso dos dúplices ou mixtos, por homes e mulleres que utilizaban o mesmo templo pero que adoitaban residir en edificios distintos. Á súa fronte estaba un abade ou unha abadesa, dándose o caso de que un ou a outra podían gobernar ambas comunidades, non faltando exemplos de alternancia. Na Regula Communis, atribuída ao bispo galaico Froitoso de Braga (non hai consenso canto á súa autoría), finado no ano 665, recóllese unha serie de preceptos encamiñados a organizar a vida en común destes mosteiros. Estes pequenos cenobios, habitados por un reducido número de persoas (tres, catro ou cinco), acabaron desaparecendo ou pasando coas súas pertenzas aos grandes mosteiros.

 

Nun documento do ano 961 cítase o mosteiro mixto de Sorstua, situado en territorio do río Navia. "villa vocabulo Sorstua, discurrente rivu Navie". Trátase dunha doazón de dúas irmás, a devota Visteverga e a confesa Teodildi, que ofrecen varias propiedades aos "fratum vel sororum" que habitan no mosteiro de Sorstua. Confirman o documento, ademais das anteriores e dous confesos, o bispo Gonzalo de León, Novidio, abade de Samos, e Pantinus, posible abade de Sorstua. Lucas Álvarez, en El Tumbo de San Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, e Freire Camaniel, en El monacato gallego en la Alta Edad Media, 1998, localizan este mosteiro, con reservas, na zona de Becerreá. Mais Enriqueta López Morán, nun seu artigo, Monasterios dúplices en la comarca sarriana y anexionados al monasterio de Samos (Nalgures, 2015), di que podería tratarse dunha mala transcrición do amanuense e escribbir Navie por Narie, o que suporía situar este mosteiro xunto o río Neira. No ano do documento, as donantes vivían no mosteiro, tamén desaparecido, de San Mateo de Vilapedre, en Sarria. 

 

Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua". Só queda por determinar cal sería este Aer de Abadessa, quizais o mesmo camiño por onde transcorría a antiga vía romana, a via antiqua. Sexa xunto o Navie ou xunto o Narie, é probable que este desaparecido mosteiro estivera nos concellos de Baralla ou de Becerreá, territorios regados por estes ríos. Non sabemos se se trata do mesmo (non atopamos ningún referente toponímico), pero non hai moito o integrante do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Francisco Amado, localizou o sitio onde, segundo lle contaron uns veciños, hai unhas traballadas pedras. A tradición asegura que formaban parte dun antigo cenobio que había no lugar, que foi demolido para reutilizar as súas pedras na construción do mosteiro de Penamaior. Así que só nos queda coller os fouciños e atacar a mesta maleza para poñer ao descuberto os, polo de agora, hipotéticos restos.
 
  
MOSTEIRO DE DORNA 
 
Posto baixo o padroado de Santa María, atopábase na parroquia de Dorna, concello de Cervantes, solitario, afastado dos núcleos de poboación, nun encaixado val a carón do río Quindous. Eiquí tiveron unha granxa e priorado os monxes cistercienses de Carracedo do Bierzo, citándose no seu cartulario dende o ano 1200, sempre co nome actual. No ano 1203 Afonso VIII libera ao mosteiro de "Sancte Marie de Dorna... de fossadaria et de toto foro et regio fisco". No Arquivo Histórico Provincial de Lugo figuran vendas da desamortización do cenobio no ano 1835. Non se conservan restos, se ben hai quen cre, sen fundamento aqueolóxico nin escrito, que unha casa abandonada que hai detrás da igrexa puido pertencer ao antigo cenobio. Hai quen conxectura que estivo habitado polos templarios; dise que os monxes-guerreiros eran os encargados de enterrar no cemiterio aos mortos da parroquia, non permitindo a inxerencia de cregos alleos á súa orde.

  

No lugar érguese a igrexa parroquial de orixe románica, reformada en séculos posteriores e nun estado de conservación bastante deficiente, con pegotes de formigón e bloques e teito con tramos de uralita que contrasta coa cuberta de lousa. Presenta unha ampla nave teitada a dúas augas, con presbiterio de planta rectangular, cuberto á mesma altura ca nave, coa sancristía acaroada na súa parte posterior. A bóveda de madeira substituíu a outra anterior de pedra. A porta de acceso está na parede lateral norte onde tamén se poden ver un toscos canzorros de lousa. Na parede lateral sur está outra porta e un contraforte. Acaroado á igrexa hai un arco realizado en cachotes de lousa  sobre o que se erixe a espadana dun van. Na parte traseira, porta con arco de medio punto, cegada na actualidade, que puído actuar como lugar de acceso dos monxes.

 
No interior conserva un retábulo do século XVIII coas imaxes de Santa María, San Roque e San Xoán, e unha imaxe articulada. No presbiterio hai dúas bancadas que formarían parte do coro.




 

ONDE ESTABA O MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE CANCELADA?
 
Non chegan a media ducia os documentos que falan dun mosteiro, posto baixo o padroado de San Salvador, situado no val de Cancelada, datados nos anos 1019, 1066, 1155, 1167 e 1175. Malia as mencións, ningún dos documentos din cando se fundou e, tampouco, onde estaba situado. Historicamente, o Val de Cancelada comprendía os señoríos eclesiásticos de Cancelada de Arriba, formado polas freguesías de San Tomé de Cancelada, San Xoán do Mosteiro e Santiago de Ribasmorto (esta parroquia desapareceu ao ser substituída pola de Santiago de Vilasante no século XIX), todas no actual concello de Cervantes, e Cancelada de Abaixo, formada polas parroquias de San Remixio de Liber, San Xulián de Pando, Santa Baia de Quintá, San Xoán de Sevane, Santa Mariña de Veiga, San Pedro de Vilachá, Santiago de Vilaiz e Santa María de Vilamane, no actual concello de Becerreá. Con estas escasas referencias, atopar a situación do mosteiro resultaba difícil, tendo en conta que falamos dun territorio que ocupa unhas 12.000 hectáreas. 

 

Outro problema é o da data de fundación. Se ben existen dous documentos datados nos anos 1019 e 1066 que falan deste mosteiro (o primeiro un recoñecemento xudicial a favor do cenobio sobre unhas familias que pertencían ao seu servizo, e o segundo nunha doazón do presbítero Pelagius Iuliani, "concedimus ibidem villam nostram Clausellas que habemus hic in Dumia"), a única referencia á fundación dun mosteiro é de século e medio despois, nunha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír unha igrexa e un cenobio no lugar de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando II para facer doazón dela aos monxes do Císter. Alexandre III foi papa entre o 1159 e o 1181, Fernando II rei entre o 1157 e o 1188, e o bispo Xoán estivo como prelado de Lugo entre o 1152 e o 1181. Polo tanto, resulta evidente que a fundación deste mosteiro para a orde do Císter tivo que producirse a partir do ano 1159.  No documento de 1167, por privilexio dado o 11 de xuño, Fernando II couta o mosteiro de San Salvador "ex parte de Gatin per fundum de Pina Ausendi", citando tamén a aldea de Rionaval, Rivulum de Naval, como límite do mesmo. Segundo o Tombo Vello da Catedral de Lugo, neste ano restitúese o mosteiro, que estaba enaxenado, despois de sinalar os seus términos e a multa que debía pagar (Manuel Risco, na España Sagrada: Iglesia de Lugo, tomo XLI, 1798). Entón, a que se refiren eses documentos dos anos 1019 e 1066 que xa falan da existencia dun mosteiro?

Entre varios centos de documentos que nos cedeu Hugo Pardo-Vivero Vilares, atopamos unha escritura da fundación, no ano 1691, dunha capela en San Martín das Cañadas, parroquia de O Mosteiro (Cervantes), mandada erixir polo matrimonio formado por Bartolomé Rodríguez de Barcia y Rosón e Agustina de la Torre y Prado, baixo a advocación da Purísima Concepción de Nosa Señora e de San Bartolomeu e San Agustín. Na escritura fundacional e en anexos dos anos 1795, 1803 e 1819 fálase, ademais de quen poderían acceder á condición de capelán da ermida, das rendas necesarias para a súa dotación e mantemento, relacionándose un gran número de doazóns, "a perpetuidad", provenientes dos froitos das árbores, viñas, leiras, prados, etc., propiedade do matrimonio e dos seus descendentes. É eiquí, ao demarcar as lindes dos terreos, onde en tres ocasións se cita como límite das propiedades unha "casa de piedra y orrio que fue de freires de San Salvador", cuxos límites quedan "devajo del arroyo que llaman de Pacio", "a la parte de avajo del Camino Real", e "un prado de dar hierva de siega de godaña que llaman Veiga". Atendendo a estes datos, despois de localizar os sitios referidos, esta casa-mosteiro atoparíase entre as aldeas de Lama de Rei, O Mosteiro e Queirugal, situadas entre si a uns 300 metros en liña recta, e nun territorio que apenas chega ás 20 hectáreas.

 
 

Polo tanto, a documentación leva o cenobio de San Salvador de Cancelada para a parroquia de San Xoán do Mosteiro, non moi lonxe da actual igrexa parroquial. É probable que antes do seu paso á orde dos monxes brancos do Císter, se tratara dun pequeno mosteiro familiar. Este tipo de cenobios particulares foron bastante abundantes en Galicia a partir de época visigótica, que non duraron moito tempo, incorporándose logo aos grandes mosteiros ou, simplemente, acabaron por desaparecer ou se converteron en granxas dependentes daqueles. No primeiro documento do ano 1019 figuran os nomes de Roderico que actuaba como abade ou prior, e os frater Atane, Elderigo, Froila e Gaudencio. 

 
 

É case seguro que a parroquia de O Mosteiro tomou o nome deste cenobio. Segundo a controvertida División de Wamba (tense por falsa), O Mosteiro xa tiña templo no século VII. Tamén se cita na Chronica naierensis (composta no cenobio bieito de Santa María de Nájera, na Rioxa). No ano 915, o rei Ordoño II outorga escritura de doazón do territorio a favor da igrexa de León, feito que provocou un longo litixio entre as dióceses de Lugo e León (ao parecer durou dende o século XI ao XIII) pola posesión da igrexa e os terreos que comprendía. Segundo nos achegou Tito Fernández de Témez, no ano 1380 a Diócese de Lugo afora a Pedro Álvarez de Cancelada o Val de Cancelada, coa obriga de construír un mosteiro no devandito val. Sobre a porta principal do templo hai unha inscrición onde di que foi construído no ano 1830, pero sobre a porta lateral consérvase unha pedra reutilizada onde se le "Año de 1688" o que pode indicar que houbo outra igrexa anterior. 

 

Agora, que o terreo a peitear reduciuse ao mínimo grazas a estes documentos, dedicarémonos a buscar algún resto que cremos xa atopamos nas inmediacións de Lama de Rei. 
 
 

     
SAN XOÁN DO MOSTEIRO 
 
O Mosteiro (San Xoán) é unha parroquia do concello de Cervantes. Freguesía que tivo templo documentado no século VII se lle facemos caso á controvertida División de Wamba, seguramente falsa. Tamén se cita no Liber Itacii e na Crónica Naxerense. No ano 915 o rei Ordoño II outorga escritura de doazón do territorio a favor da igrexa de León, feito que provocou un longo litixio entre as dióceses de Lugo e León e que ao parecer durou dende o século XI ao XIII. Segundo información achegada por Tito Fernández de Témez, no ano 1380 a Diócese de Lugo afora a don Pedro Álvarez de Cancelada o Val de Cancelada, coa obriga de construír un mosteiro no devandito Val. Se ben hai unha inscrición sobre a porta principal onde di que a igrexa actual foi construída no ano 1830, sobre unha porta lateral lese: "Año de 1688" o que nos leva a pensar que pode tratarse dunha inscrición dun templo anterior. Disque que asenta sobre un primitivo mosteiro templario que deu lugar ao topónimo O Mosteiro.

O día 18 de marzo de 2023 estivemos na igrexa de San Xoán do Mosteiro. O profe de Historia do IES de Becerreá, Ignacio Cabarcos, demostrou documentalmente, despois dunha longa investigación, que eiquí estivo o desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada que xa estaba en funcionamento no século X. A igrexa actual substituíu a outra anterior como nolo demostran algúns restos que apareceron cando o seu arranxo. A importancia medieval deste territorio, situado entre As Pontes de Gatín e O Comeal, sería consecuencia do paso da vía romana XIX, que perviviría como unha vía principal de entrada a Galicia durante a Idade Media, un feito ata o de agora esquecido pola historiografía”.

Cando o arranxo da igrexa atopouse o anaco dunha celosía de barro de época claramente medieval que recuperou o cura e profesor Ramón Gutiérrez quen, xunto coa profesora Fernanda Follana Neira, colaboran con Ignacio, ademais de investigar sobre a Vía Romana XIX ao seu paso por Cervantes.


 






MOSTEIRO DE ESTREMAR
 
Estremar é unha aldea da parroquia de Dorna, no concello de Cervantes. Segundo a tradición, por riba da aldea houbo un mosteiro cisterciense dependente do de Carracedo do Bierzo, crenza, supoñemos, que se debe a unha confusión co de Dorna, situado non moi lonxe. 

SANTO ANDRÉ DAS NOGAIS 
 
Segundo a tradición, xunto a igrexa parroquial de Santo André das Nogais, a máis antiga da comarca, dise que existiu un primitivo eremitorio convertido en mosteiro e do que non quedan restos visibles (Manuel Amor Meilán, en Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo, 1928). Carolina Casal Chico, unha das máximas expertas no Románico da provincia de Lugo, cre que a orixe do cenobio estaría na Alta Idade Media. Bouza Brey, nun seu artigo publicado no Arquivo do Seminario de Estudos Galegos (1933-1934), A eirexa prerrománica dos Nogales, achega un dos escasísimos traballos existentes sobre este templo que ilustra con varias fotos que realizou no ano 1932, cremos que as máis antigas publicadas e que inserimos eiquí.
 

Trátase dun dos monumentos relixiosos máis importantes do concello das Nogais e da comarca dos Ancares debido á variedade de estilos artísticos. Ten unha parte mozárabe do século IX, outra románica do século XII, outra posterior ao século XIII, e outra neoclásica pero de orixe románica con restos prerrománicos. Pero como destaca Carolina Casal nunha reportaxe de El Progreso en setembro de 2019, "Non se pode cargar ao lombo dun grupo de persoas toda a arte dos séculos IX e X... a arte era cosmopolita, pero levada a cabo tamén por mestres rurais, cos recursos limitados".

 

 

No exterior poden verse varios elementos decorativos, algúns reutilizados. Debaixo do aleiro da ábsida románica vense varios canzorros con representacións de cabezas humanas, aves e outras figuras. Dous dos canzorros disque representan a Sede e a Fame, alegoría do duro que era o traballo nestas terras, tradición que tamén pervive na igrexa mosteiral de Santa María de Penamaior, en Becerreá. A porta de acceso lateral semella prerrománica, con arco de medio punto con lixeira tendencia á ferradura. Segundo Amor Meilán, os adornos desta porta (ferraduras, flores de oito puntas...) teñen certa semellanza coa igrexa visigótica de San Juan de Baños, en Palencia.


 





Nun lateral vese unha porta, tapiada na actualidade, que recibe o nome de Porta da Penitencia. Descoñécese con exactitude a que debe o nome, uns din porque era utilizada polos monxes do primitivo cenobio para facer penitencia, outros que por ela pasaban os reos para expiar os seus pecados. O que fora cura párroco de Santo André, Anxo Eiriz, contaba que cando chegou á parroquia a xente aínda lle tiña un certo respecto a aquela porta que asociaban con xuízos da Inquisición.

 

Na actualidade conserva unha nave rectangular neoclásica. O arco triunfal, románico, é apuntado con triple arquivolta, que arranca de semicolumnas con capiteis figurados.

 



No interior consérvanse varios retábulos, destacando  un barroco coa Virxe do Rosario. Na visita que o Bispo de Lugo fixo á igrexa no ano 1764 manda que "se escriba a la Sra. Marquesa de Parga se sirva e mandarla componer por hallarse indezentemente" (a presentación do curato da igrexa de Santo André correspondía á Casa dos Condes de Amarante, marqueses da Póboa de Parga).


 





No presbiterio vense unhas pinturas murais en lamentable estado de conservación. Posiblemente foron realizadas por artistas da zona, dominando as cores vermella, azul e verde. O ceo estrelecido, co Sol e a Lúa, catro pequenas figuras masculinas, un can, un lagarto, dúas aves enfrontadas, un vexetal e outros motivos xeométricos enchen o espazo. Chama a atención a ausencia de esceas bíblicas ou sacras tal como as entendemos.

 



No Museo da Catedral de Lugo custódiase un Cristo de Limoges que Carolina Casal data no primeiro tercio do século XIII. Segundo o Libro de Fábrica, no ano 1760 encargouse ao ourive de Lugo, Diego Casal, "un cáliz con su patena sobredorado, un relicario de plata también sobredorado, unas vinajeras de plata con su platllo de lo mismo", cun custo de 169 reás de vellón e 11 maravedises.

 



Nun documento do 2 de maio de 1498 fala da presentación do presbítero da Igrexa de Lugo, Diego de Cancelada, para a igrexa de Santo André, vacante por morte do párroco López Calderón. 

 

O 19 de setembro de 1932, acompañado polo seu pai, visitou a igrexa o ilustre historiador Fermín Bouza Brey (1901-1973), levando como guía ao párroco Crisanto Soaz Fernández. Escribiu que a pesares das reparacións realizadas no tellado nos anos 1751 e 1760, que ameazaba con virse ao chan, no 1764 o Bispo de Lugo dispón "que este cura rector disponga que ante todas cosas se haga la obra de la iglesia por la parte que amenaza ruina". No Libro de Fábrica do ano 1758, o párroco, Joseph de Burgo y Gayoso, anota que a reparación do ano 1751 custou 72 reás e lastrouse o corpo pagándose pola pedra arrincada 145 reás, e nove máis pola obra. Nos anos 1768 e 1771, o Bispo vai máis alá e dispón que se faga máis longa a igrexa porque é pequena. As obras, que estiveron a cargo do mestre Antonio Barros, remataron no 1778. Segundo o Libro de Fábrica, o custo ascendeu a 10.300 reás de vellón, pagándose 190 reás e 28 maravedises ao canteiro Pedro de Río. 

 

Hai anos, cando a reforma e ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa, saíron á luz varias tumbas feitas con laxes que foron destruídas. Descoñécese tanto a época de pertenza como a quen enterraban nelas; uns din que puideron corresponder aos monxes que habitaban no mosteiro, o que non convenceu a todos os veciños xa que tamén apareceron tumbas de pequeno tamaño (hai quen asegura, sen base algunha, que era onde enterraran aos fillos dos monxes).

 


A igrexa de Santo André das Nogais foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) por Decreto 284/1995 (Diario Oficial de Galicia do 27 de outubro de 1995), o que non impide que se atope nun lamentable estado de conservación, e sen trazas de que, por desidia de quen teñen a obriga de conservala, mellore a súa situación. 

 

 

MOSTEIRO DE SANTA MARÍA A REAL DO CEBREIRO
 
O Cebreiro atópase no concello de Pedrafita do Cebreiro, lugar emblemático situado no Camiño Francés, porta de entrada a Galicia dos peregrinos a Santiago de Compostela. Eiquí houbo un mosteiro que dispoñía dun hospital para atender aos peregrinos, en funcionamento ata o ano 1858. Foi fundado no século IX polo cabaleiro Xiraldo de Aurillac. O P . Yepes sitúa a súa construción no ano 836. Hipólito de Saa Bravo, citando a Historia de la santa A. M.  iglesia de Santiago (1898-1909) de López Ferreiro, trae unha doazón de Afonso II ao presbítero Sisnando, administrador no ano 874 da Sé de Iria, mais nada se di da igrexa-mosteiro do Cebreiro, detallados no privilexio do ano 883 o que fai supoñer, sinala o investigador Luis López Pombo, que a restauración da igrexa e do mosteiro foi anterior ao 833 e posterior ao 874. Non é ata os pontificados de Urbano II (1088-1099) e Inocencio III (1160-1216) cando comeza a ter importancia e tamén a existencia das primeiras achegas documentais que se conservan. Logo pasou por mans dos monxes de Cluny, do Císter e dos Franciscanos. A raíña dona Urraca faille unha doazón e privilexio no ano 1118, dando ao priorado a vila berciana de Perexe e os seus términos, o que posteriormente daría orixe a un longo preito entre o prior do Cebreiro e o abade de Santa María de Vilafranca do Bierzo. Fernando II, xunto con dona Urraca Alonso, entón infanta de Portugal, dan ao hospital do Cebreiro o lugar de Zanfoga (Canfoga nos documentos antigos) e Perexe, ademais de confirmar todo o de seu pai Afonso VII.

  

Segundo a tradición, nos días de néboa os monxes facían soar a campá para orientar aos peregrinos perdidos. Tanto o cenobio como a igrexa foron pasto das chamas nos anos 1450, 1641, 1809 e 1921. No 1858, a raíz da Desamortización de Mendizábal do ano 1835, os monxes foron obrigados a abandonar O Cebreiro o que levou que as rendas, foros e décimos pasaran a outros administradores, tal como figura nos libros do Rexistro da Propiedade de Becerreá dos anos 1845 e 1865, conservados no Arquivo Histórico Provincial de Lugo. No ano 1961, realiza unha visita ao templo e ao hospital o entón Comisario de Belas Artes Manuel Chamoso Lamas, feito que vén a marcar a data de comezo da súa recuperación. 

  

O dicionario francés de Historia e Xeografía Eclesiástica menciona as grandes hospedarías que Cluny tiña no Camiño Francés a Santiago: Frómista, Sahagún, Astorga, Vilafranca do Bierzo e "Sur la cime la plus abrupte du chemin français s´elevait le monastere Hotellerie de Zebrero, donné par Alphonse VI à . Geraud d´Orleans".
 


Dende a súa fundación hai constancia de 46 priores, entre o 1398 e o 1830. No 1494 era prior Alonso de Estadillo. Ao parecer, durante o seu mandato os peregrinos non eran ben recibidos, deixándoos morrer de fame e frío. Nese mesmo ano sucedeuno o Bachiller Arias de Liñares quen deu conta aos Reis Católicos da mala administración das rendas polo anterior, non destinándoas para os fins que foran dadas. 

  

A igrexa, construída en cachotaría de lousa (ata o ano 1804 estivo cuberta de colmo), conserva no interior un cáliz, unha patena, un crucifixo, unha estatua sedente da Virxe e o Neno (a talla orixinal, do século XII, desapareceu, feito que despois de diversas denuncias do Colectivo Patrimonio dos Ancares, o Bispado de Lugo, que sempre asegurou que se trataba da peza orixinal, non tivo máis remedio que recoñecer), un Cristo que preside o presbiterio (tampouco se trata do orixinal gótico que tamén desapareceu tal como demostramos en varias ocasións os do noso colectivo; o Bispado sempre mantivo que o orixinal se atopaba nun inexistente Museo de Arte Sacra de Madrid), dous sártegos antropomorfos onde se asegura están enterrados os protagonistas da famosa lenda do Santo Milagre e unha pía do século IX onde ata o século XII se bautizaba por inmersión. No ano 1991 practicouse no templo e contorna unha importante restauración. Ao pé do altar respousan os restos de don Elías Valiña San Pedro, párroco que adicou a vida a poñer en valor o santuario e a súa relación co Camiño a Santiago.

  

Como sinalamos máis arriba, eiquí abrollou a lenda do Santo Milagre, acontecida nun inverno de mesta nevarada e forte zarracina do ano 1300, onde a fe dun deslido labrego venceu a fachenda dun descrido crego. Outra lenda sitúa no Cebreiro o Santo Graal, a Santa Copa utilizada por Xesús durante a Derradeira Cea. 

Toda a historia, lendas e tradicións sobre o complexo relixioso do Cebreiro (desaparición da Virxe románica e do Cristo gótico incluídos) en:

O Cebreiro, entre a historia e o mito 

Para saber máis sobre os mosteiros galegos, ver:



PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE BARALLA 

IGREXA DE SANTIAGO DE ARANZA 
 
Do século XVIII. Consta dunha nave a dúas augas cuberta en lousa. Espadana granítica dun van. O presbiterio é máis amplo e elevado ca nave. A sancristía atópase na parte posterior do presbiterio. No interior, retábulo maior de trazas neoclásicas que acolle unha imaxe de Santiago peregrino, do século XVI. Tamén se pode ver a un San Roque e a San Francisco de Asís. No retábulo lateral sur, Cristo e Virxe co Neno.

 

IGREXA DE SAN XOÁN DE ARROXO 
 
Situada na aldea de A Eirexe, na parte alta do pobo. Ten unha nave cuberta en lousa a dúas augas e presbiterio máis elevado ca nave cuberto a catro augas. Espadana de tres ocos baixo da cal hai un reloxo ao que lle adicaron unha copla. Nun lateral da igrexa vese un curioso "rosetón". No interior do templo retábulo maior con imaxes de xeso; os dous restantes acollen tallas de Cristo e da Virxe, ambos do século XVIII, Santa Lucía e San Xosé. Na sancristía hai dúas tallas policromadas de San Xoán e San Roque do século XVI. Custódiase unha copa de prata cicelada e unha custodia solar. Unha parte do cemiterio parroquial, situado nas inmediacións, ten a particularidade de estar cuberto.


 
 

IGREXA DE SANTA MARÍA MADANELA DE BARALLA 
 
Do século XIX, presenta unha planta de cruz latina. Conta cun retábulo neogótico de madeira. A iconografía está representada polo San Vitoiro, feito por Magariños no século XX, e San Xosé. Na sancristía outro San Vitoiro do século XVIII.

 


IGREXA DE SAN MARTIÑO DE BERSELOS 

A igrexa románica de San Martiño de Berselos sitúase xunto unha derivación do Camiño de Santiago, e pode que dun ramal da vía romana XIX que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga). Non existe acordo canto á data de construción. Segundo Nicandro Ares Vázquez (1926-2017), a mención máis antiga está nun "sospeitoso" documento do mosteiro de Samos do ano 997 no que se cita unha aiuntione per Osello e Sanctus Martinus de Peroselo. No 1110 figura unha muller, Geloira, doando ao mosteiro de Samos a vila de Lagenas (Laxes), indicando os términos de Covas, villa de Sancta Eolalia (Ribadeneira), portum de Naria (no río Neira) contra Arenza (Aranza) onde lle chaman Carriceto (Carracedo), Carrale de Iusana (Carral de Abaixo), ata os términos de Beroseli (Berselos). No 1175, unha  bula do papa Alexandre III confirma a xurisdición de Samos sobre a ecclesiam Sancti Martini de Berselos. Jaime Delgado Gómez (1933-2012) sitúa a súa construción arredor do 1200, e o profesor Ramón Yzquierdo Perrín cara o 1220, non faltando quen a traslade para o último terzo do século XIII. Pero á vista dos documentos citados, é probable que o templo se edificara sobre outro anterior, pode que alto-medieval.

Trátase dun edificio de planta rectangular cuberto en lousa a dúas augas, con ábsida semicircular cuberta con bóveda de casca, máis pequena que a nave tanto en anchura como no alzado. Posterior é a espadana dun van coroada por unha cruz e pináculos; baixo dela obsérvanse dúas ménsulas que sinalan a existencia dun antigo teito. Adro-cemiterio ao redor.

 

A fábrica é de cachotaría, agás as partes nobres con sillares ben labrados. Nos muros da nave e testeiros ábrense seteiras con cornixa de modillóns. No muro da esquerda vese unha porta de arco de medio punto, alintelado polo interior e alintelado polo exterior con mochetas lisas nos arranques. Os canzorros dos muros laterais e da ábsida situados debaixo dos aleiros son lisos, agás un que mostra unha figura semicircular.


 

A parte máis chamativa é, sen dúbida, a portada da fachada principal sobre a que se abre unha ventá para iluminar a nave enmarcada por un arco semicircular que apoia en columnas. O tímpano descansa en ménsulas sinxelas, apoiadas en xambas, con arquivoltas de imposta de nacela, en catro columnas con fustes monolíticos que posúen capiteis con estrías nos arrinques decorados con motivos vexetais (bólas, volutas, follas...).




 
 
No centro do tímpano vese un Agnus Dei coa Cruz; na dereita unha planta que semella unha flor de lis que hai quen interpreta como a representación da Árbore da Vida; na esquerda unha persoa adulta axeonllada cun neno no colo. Na parte superior, por riba do año, a man de Deus que dende o ceo sinala cun dedo á persoa axeonllada co neno.
 

Na columna interna, colocada nun plinto cunha cabeza humana a xeito de pouta, está un pedestal en cuxos laterais aínda se conserva a inscrición co nome do construtor: "PELAGIVS FE/CIT OP" ("Pelagius fecit opus"), "Paio fixo esta obra", quizais influenciado polo mestre Didacus que ergueu a cercana igrexa mosteiral de Santa María de Penamaior, en Becerreá.

No interior hai dous retábulos, un do 1764 coas figuras de San Martiño de Dumio caracterizado como bispo, a Ascensión e Santa Bárbara, feito por mandato do párroco "D. Fernando Billares", e outro "Construido por D Constatino Garcia López. Año 1917. La parroquia contribuyo a su pintura. Año 1945", coas figuras de Santa Tareixa e San Antonio.  A imaxinería é do século XVII.

No ano 2005, a restauradora Vania López Arias descubriu na ábsida, debaixo de catro capas de cal, unhas pinturas murais onde se aprecia unha escea do Xuízo Final con Cristo Pantocrátor cos brazos alzados sentado sobre un arco da vella, flanqueado pola Virxe e San Xoán, catro anxos con trompeta e dúas persoas en posición orante; por riba, no centro, un sol co cristograma IHS (Iesus Hominum Salvator). A ambos os lados vense tamén as figuras duns resucitados. Baixo da escea móstrase un axedrezado.


 

 

No sinxelo arco triunfal gravaron un círculo con cinco círculos no interior.

Como curiosidade, chama a atención un Sagrario moderno que reproduce a portada da igrexa, en cuxo interior tamén trataron de reproducir as pinturas murais.

 

Tamén conserva unha pía bautismal (quizais para bautizar polo sistema de inmersión) con gallóns de época medieval sobre unha ara cadrada que formaba parte do antigo altar (escápasenos o motivo de darlle tal uso). No interior da pía colocaron o pé que a sustentaba. Detrás da pía, nunha parede lateral, vense tamén restos de pinturas murais.




IGREXA DE SANTA MARÍA DE CONSTANTÍN 
 
Igrexa con adro-cemiterio ao redor. No fronte do templo cabido cuberto en lousa a tres augas que protexe a porta oxival de acceso ao interior. Sinxelo campanario de catro ocos. O presbiterio é máis elevado ca nave, con traza final en semicírculo. O coro está ao principio da igrexa, baixo del hai unha pía bautismal coa cruz de Malta (o padroado era exercido pola Encomenda de Portomarín, da Orde de San Xoán de Xerusalén) na que figura a data de 1734. Retábulo de estilo neoclásico con tallas da Inmaculada, San Francisco, San Antonio Abade e San Xosé, realizadas polo escultor compostelán Magariños.

 

 

IGREXA DE SANTIAGO DE COVAS

Quizais a noticia máis antiga sobre Santiago de Covas (Baralla) é a que aparece na Crónica do bispo Sampiro de Astorga (956-1041) que abrangue dende o ano 866 ao 899, como continuación das Crónicas de Afonso III (866-910), o Adefonso Regi Gallaeiciarum ou Rex Gallaetia citado nos textos árabes ou polo papa Xoán IX. Sampiro recompilou os feitos que considerou máis relevantes. O relixioso e erudito Juan de Ferreras (1652-1735), nun apéndice da súa Synopsis historica chronologica de España (1700-1727), transcribe un documento de Sampiro onde se di que o rei Afonso doou á igrexa de Oviedo, en Gallaecia, "Suarna..., Villa Avioli..., Valle-Longo..., Neira coas posesións de San Martín de Esperela e Santiago de Covas con todos os seus agregados: Layora e a posesión de San Martín de Perrellinos".


O P. Risco (1735-1801), na España Sagrada, volume XLI, transcribe unha escritura do ano 1120 en que o bispo Pedro III de Lugo asigna aos coengos da catedral parte das súas posesións e rendas: "villas de Bandi quae fuerunt de Ossorii Vermudi cum familia et familiis, villam de Labruxio, villam de Cobas, villam de Villartelin...".


A igrexa é de orixe románica, con reformas no frontis en época barroca. A portada está precedida por un cabido cuberto en lousa a tres augas, con trabe tirante que apoia sobre piares e tres columnas graníticas. A nave é de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Ábsida semicircular máis reducida en ancho e alto ca nave, dividida en tres partes por dúas semicolumnas de plintos con cabezas humanas con poutas e bases tóricas, con fiestra en seteira. Un capitel está decorado con bólas, e o outro desapareceu nas obras de consolidación que obrigou a revestir a parte superior da ábsida cunha faixa saínte que se aproveitou para elevala en altura. Na parte sur da nave vense uns canzorros con decoración xeométrica (rollos, bólas). Baixo o aleiro norte, cabezas de animais e unha figura humana. Espadana de dous vans coroada por unha cruz e pináculos. Adro-cemiterio ao redor.



 

No interior, o arco de acceso á absida está formado por dúas arquivoltas con bóveda de canón. Ten interesanes capiteis historiados (unha figura humana, dous cans sobrepostos que extenden a cabeza e lamen a figura central, entrenzados, varias figuras que compoñen unha soa escea, un anxo no que apoian dúas pombas, bólas e motivos vexetais). Hai un retábulo maior sinxelo con caras de anxos, imaxes de Santiago Peregrino, a Inmaculada, San Brais e un Sagrario que leva gravado un Santiago do século XVI. O retábulo lateral dereito é barroco con columnas salomónicas de acios, que acolle unha Virxe do Rosario. No retábulo esquerdo vese un San Antonio do século XVII. Canto á ourivería, custódiase un copón de prata cicelada do século XVIII.

Antes de facer o actual acceso ao adro e ao cemiterio, os fregueses non podían entrar pola porta principal se non estaba o párroco, tiñan que facelo por uns chanzos de pedra colocados sobre o muro que dá ao camiño.


En febreiro de 1858 figura como párroco Pedro Fernández de Prado; en maio de 1864, Pedro García Gándaras que asistiu ao 2º Congreso Eucarístico Nacional de Lugo; en maio de 1902, Narciso Lamela Rocha. No 1908, o bispo de Lugo nomea coadxutor in capite a Marcelino de la Vega Fernández. Ata principio de 1916, actúan como coadxutores, en ausencia de párroco titular, Manuel Buján Areán, Ramiro Gómez Díaz, Bernardo López López e Gonzalo Paz Morandeira. En febreiro dese ano toma posesión o párroco Ricardo Losada Veiga.

Procedente do mosteiro de Penamaior, en Becerreá, transcorría unha variante do Camiño de Santiago (a Vía de Kúnig que os do Colectivo Patrimonio dos Ancares visibilizamos en maio de 2015) que continuaría por Vilarín e en Gundián se desviaría por Pousada, Covas e Ponte de Carracedo ata A Pobra de San Xián (Láncara) onde os peregrinos escollerían a ruta que vai cara Portomarín ou Lugo. Nas igrexas de Pousada e Covas, así como da cercana Aranza, consérvanse unhas tallas de Santiago vestido de peregrino.


IGREXA DE SAN PEDRO DE FERREIROS 
 
De orixe barroca e de planta rectangular, atópase moi desfigurada polas sucesivas reformas. A porta de acceso está cuberta por un cabido moderno. No interior non conta con retábulos. Acolle as imaxes de San Pedro e a Virxe dos Remedios. Custodia unha cruz parroquial de madeira e un copón de misar de prata cicelada do século XVIII. Adro-cemiterio ao redor. Xunto o pórtico da entrada consérvase unha lápida de lousa coa inscrición moi desgastada onde lemos a data da morte dunha persoa: 14 de xaneiro de 1888.
 

Xunto a entrada da igrexa atópase a lápida funeraria máis antiga do cemiterio. En lousa, atópase moi deteriorada. Lese: "YACE AQUI / D FRANCISCO / PEREZ (ROM)RO / FALLECIO / EN 4 DE ENERO / DE 1885 A LA EDAD / DE 84 AÑOS / D.E.P".
 


IGREXA DO SALVADOR DE FRANCOS 
 
Francos posúe unha igrexa parroquial que hoxe en día non é matriz, xa que a freguesía principal está en Laxes. Nave cuberta en lousa. O presbiterio é máis elevado ca nave, cuberto a catro augas. Espadana dun van que ten como remate unha moldura con decoración alusiva á casa reinante no momento de construción da igrexa, no ano 1663. No interior, retábulo renacentista sinxelo e tosco, coas imaxes do Salvador cunha bóla do mundo, o Santo Antonio e Santa Tareixa. No inventario de bens da Mesa Canonical de Lugo figura un documento que di: "De monasterio de Francos sestam partem quan dedit Ovecus Eiriz". Adro-cemiterio ao redor.
 

 


IGREXA DE SAN TOMÉ DE GUIMAREI
 
Con adro-cemiterio ao redor. Nave cuberta en lousa a dúas augas. No testeiro norte, ao exterior, unha escaleira sobe á espadana. O presbiterio, máis elevado ca nave, está cuberto a catro augas. A fronte vai precedida dun amplo cabido con piastras e columnas cuberto a tres augas. No interior, coro ao que se accede por medio dunha escaleira. Ten tres retábulos, o maior é moderno, mentres que o lateral norte contén unhas columnas salomónicas lisas coa imaxe de San Tomé, dúas Virxes e relicario incrustado na basa; o retábulo lateral sur presenta ao San Antonio e unha mesa de misar de granito do ano 1813. Hai outras dúas tallas, un San Antonio e a Virxe do Carme. Salienta unha pía bautismal cun relevo humano recollido entre cordas, cunha base de dúas cabezas de home con animal no medio. Nun muro ten unha inscrición coa data de reedifición no ano 1801. Sobre os muros que pechan o recinto vense  catro curces, unha sen un brazo, e tres bases.





IGREXA DE SAN PEDRO DE LAXES
 
Trátase dunha sinxela igrexa rural. Nave cuberta en lousa a dúas augas. O presbiterio vai na mesma liña ca nave, con cuberta máis baixa. A sancristía está situada no testeiro. Espadana de dous vans. O presbiterio vai precedido dun arco triunfal rebaixado. No interior vese un retábulo coas imaxes de San Pedro, Santa Bárbara, Virxe co Neno e San Antonio. Canto á ourivería, conserva un cáliz de prata decorado con flores.

 


IGREXA DE SAN TOMÉ DE LEBRUXO
 
Construída sobre un primitivo castro. De estilo románico popular. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Porta de entrada en arco precidida dun cabido, cuberto a tres augas, levantado sobre cinco columnas con basas tóricas e capiteis decorados con círculos que repousan nun podio corrido. Espadana con arco románico coroada por unha cruz. Ábsida da mesma altura ca nave, con dúas fiestras. No interior retábulo renacentista de factura popular, coas imaxes do Salvador cun libro, a Inmaculada de tradición románica e un tosco Santo Cristo. Adro-cemiterio ao redor.
 

 
 

IGREXA DE SAN XOÁN DE LEXO

Nave rectangular e ábsida semicircular situadas á mesma altura. Torre cadrada con castro vans e dúas campás. Pórtico pechado cuberto a tres augas con dúas portas de acceso; debaixo deste hai unha pía bautismal decorada. O cemiterio atópase nas inmediacións.
 


 
 
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
 
Nave cuberta en lousa a dúas augas, cun recinto engadido no testeiro polo sur, e unha nave paralela que remata na liña testeira do espazo presbiteral no norte. Rexa torre sobre catro arcadas de medio punto que serve de acceso ao edificio parroquial, con oito ocos, dous en cada lateral e cuberta a catro augas. Inscrición nun lateral que fala da construción ou dunha reconstrución; o ano non se le, foi repicado. No interior, retábulo maior neoclásico, que foi dourado e policromado no ano 1781, coas imaxes de San Martiño bispo, San Brais e San Pedro Papa, todas do século XVIII. Un retábulo lateral coas imaxes de Santa Lucía e San Roque, tamén do século XVIII. Nunha capela hai outro retábulo renacentista con San Pedro, San Antonio e a Virxe, esta do século XVI. 

 


Ao longo dos séculos XVII ao XIX obsérvase certa profusión de expedientes xudiciais cursados contra sacerdotes pola desatención nas súas obrigas pastorais. No ano 1685, o cura de Neira de Rei é encausado porque deixaba morrer a varias persoas sen administrarlle os Sacramentos, non celebraba misa os domingos e confesaba "algunas veces desde la cama" (Arquivo Diocesán de Lugo, Preitos Civís).

  

Cóntase que no castro de Carballedo hai unha "porta" que é a entrada a unha longa cova que dá á igrexa de San Martiño e que era utilizada polos mouros para ir á misa. 


IGREXA DE SAN MIGUEL DE NEIRA DE REI
 
Levantada sobre un castro no que logo se erixiu unha fortaleza medieval cuxas pedras foron utilizadas para construír o templo románico do século XIII. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dúas troneiras e ático, contruída, tal como figura no lintel da porta principal, no ano     1798. Fronte cunha porta en arco con doelas sen imposta. Nos laterais ábrense unhas capelas, ás que se accede por medio de arcos de medio punto sobre piastras renacentistas de granito. O máis interesante é a ábsida románica. No aleiro pódense ver varios canzorros con representacións de figuras de humanas, aves, cabezas de carneiros, animais fantásticos e figuras xeométricas. No interior retábulo maior coas imaxes de San Miguel, San Xosé e outro santo. No lateral dereito un San Miguel do século XVIII e San Antonio; o esquerdo é barroco con columnas de traza salomónica, sen tallas. Na ábsida pinturas murais en mal estado de conservación que semellan representar o Pai, o Fillo e o Espírito Santo. Tamén conserva un coro alto aos pés da nave, e unha pía bautismal con gallóns.

  




Segundo a lenda, na sancristía da igrexa de San Miguel hai un pasadizo que vai dar ao río Neira, preto da ponte de Carracedo. 

   



IGREXA DE SANTA MARÍA DE PACIOS 
 
Dunha nave cuberta a dúas augas. A porta de entrada está protexida por un cabido cuberto a tres augas, apoiado sobre columnas octogonais. A espadana é de dous corpos, con dúas troneiras para as campás e un oco baleiro. O presbiterio é máis elevado ca nave, cuberto a catro augas. No interior hai un retábulo moderno cunha imaxe da Virxe do século XVIII. Hai unha pía bautismal con varios motivos esculpidos.

 


IGREXA DE SAN XOÁN DE PEDRAFITA DE CAMPO REDONDO
 
En Pedrafita, parroquia de Pedrafita de Camporredondo (Baralla). Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Fronte presidido por unha torre cuxa base fai de cabido de acceso. Campanario con catro ocos. Os retábulos, un maior e outro nun lateral, acollen as imaxes de San Xoán do século XVIII e unha Virxe do mesmo século; tamén se ve un medallón cunha pomba, coa do Agnus Dei portando unha bandeira na pouta.  Adro-cemiterio ao redor.

 


IGREXA DE SANTA MARÍA DE PENARRUBIA 
 
Renacentista, con tres naves separadas por arcadas laterais que descansan sobre piares e piastras de grandes dimensións. Torre de dous corpos, no primeiro están os reloxos e no segundo as campás. O presbiterio é máis elevado ca nave, cuberto a catro augas. No interior retábulo principal neoclásico, e outros dous laterais, un pintado no ano 1767. Imaxes de San Alberte, San Francisco, A Virxe do Carme, San Ramón, Santo Antonio, San Roque, San Brais, San Pedro e San Paulo, Santa Lucía e unha pintura do Santo Cristo. Pía bautismal decorada con figuras xeométricas e antropomórficas. Ata principios dos anos sesenta do século XX tiña un púlpito de pedra que foi desmontado.
 

  


IGREXA DE SAN PEDRO DE SANTA CRUZ DO PICATO 
 
En Sobrado do Picato. Moderna, con presbiterio máis amplo e elevado ca nave, cuberto a catro augas. Espadana de dúas troneiras e dúas campás. Conserva dous retábulos barrocos con columnas salomónicas que acollen as imaxes de San Xosé, Neno, San Xoán, Santo Antonio e San Miguel.

 


IGREXA DO SALVADOR DE PIÑEIRA  
 
A igrexa parroquial está situada nun outeiro coñecido como Alto de San Gregorio onde ao parecer houbo unha pequena capela posta baixo o padroado deste santo que se ergueu sobre un primitivo castro coñecido como A Cortiña da Igrexa. Nun lateral conserva unha porta de posible orixe románica.Con adro-cemiterio ao redor, ten unha nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous corpos. O presbiterio é máis baixo e reducido ca nave. No interior retábulo barroco coa imaxe do Salvador. Canto á ourivería conserva un cáliz de prata. Na sancristía tamén se custodia unha imaxe de Cristo do século XVIII e a imaxe do Salvador. No ano 1926, a prensa da época recolle a noticia dun violento incendio que en poucas horas destruíu a maior parte do templo, asegurando que se perderon moitas imaxes de gran valor, así como o retábulo.




IGREXA DE SANTA MARÍA DE POL  
 
O cemiterio desenvólvese ao redor da igrexa. Nave cuberta en lousa a dúas augas e capela lateral sur con acceso por unha porta con arco de medio punto. O presbiterio é máis amplo ca nave. A campá é do ano 1784. Retábulo no interior neoclásico. Imaxes da Virxe co Neno e outra Virxe máis pequena, e un santo de feitura popular do século XV. No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1972) dáse a noticia do descubrimento polo párroco da igrexa, don José Benito Novo Rancaño, baixo a capa de cal dos seus muros, dalgunhas pinturas en dous tipos, un sobre tons negros e outro sobre tons máis vivos, coa particularidade de que cubrían todas as paredes laterais do templo, así como algunhas figuras; dise que para ultimar o achádego será preciso que o difícil labor se realice por persoal técnico.
 

 


IGREXA DE SANTIAGO DE POUSADA 
 
Onde se ergue o templo houbo un asentamento posiblemente de época romana. Hai autores que sitúan eiquí a mansión romana de Timalino. De planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. A fronte é de pedra calcaria, con porta en arco, óculo e espadana de dous vans. O presbiterio está na mesma liña ca nave. No interior retábulo renacentista coas imaxes de Santiago Peregrino, o Anxo da Garda e a Virxe da Mercé. Nos laterais dúas fornelas cun Santiago a cabalo e outro santo, e Virxe co Neno cun paxariño entre as mans. A pía bautismal, con base octogonal, ten unha inscrición que non se pode ler por estar pegada ao muro.

  

No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1972) dáse noticia dun comunicado do párroco don Ramiro Valiño Castro ao director do Museo Provincial de varias exploracións realizadas no templo con varios mozos da parroquia, o que deu por resultado a aparición de pinturas murais, aproximadamente duns tres metros de longo por dous de ancho, e que o señor Valiño di que estaban datadas no ano 1532; tamén hai outras pinturas e obxectos que xulgou anteriores a esa época. O párroco expresa o seu desexo de que lle faciliten medios para seguir investigando ou ben que persoal técnico se persoe no lugar para facer o correspondente estudo e explicar a maneira de conservar as pinturas e obxectos atopados.


IGREXA DE SAN CIRILO DE RECESENDE 
 
Igrexa sinxela da fase final do barroco, arrodeada polo adro-cemiterio. Nave rectangular co presbiterio máis amplo e elevado, cuberto a catro augas. Sancristía na parte posterior. Dentro, retábulo de tendencia neoclásica pero aínda con decoración barroca. Imaxes de San Cirilo bispo, San Ramón, o Pai Eterno, a Virxe e a Virxe do Carme. Custódiase un cáliz de prata. Foi restaurada recentemente.

 


IGREXA DE SAN PEDRO DE SIXIREI
 
Ao pé do castro de Sixirei. Posúe unha nave cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous vans para as campás coroada por un cimacio barroco de volutas. Presbiterio máis reducido ca nave. No interior, retábulo maior coas imaxes de San Pedro, unha Santa e o Santo Antonio. Custodia un cáliz de prata xunto unha caixa petitoria co relevo das ánimas. Pía bautismal con decoración de círculos e base octogonal de poutas.
 


IGREXA DE SAN XURXO DE VALE 
 
Construída sobre un primitivo castro practicamente irrecoñecible pola forte humanización posterior ao que foi sometido. A igrexa foi reformada no século XVII. Da fábrica orixinal conserva a nave cuberta en lousa a dúas augas. A fronte está protexida por un cabido cuberto a tres augas. Espadana de dous vans. Presbiterio máis amplo e elevado ca nave, cuberto a catro augas, con arco triunfal de medio punto sobre piastras laterais. Cornixa adornada con canzorros. O retábulo maior data do ano 1800, coas imaxes de San Xoán, un santo con pluma e libro e Neno no colo, San Xurxo cabaleiro matando ao dragón, Santo Antonio e a Virxe co Neno. Nun retábulo lateral hai un santo con sombreiro, palma e libro, San Roque e outro santo vestido de militar e coitelo no colo. Pinturas murais do século XV que escenifican aos Reis Magos e o nacemento de Cristo (un Bebé, en pé, bendice aos reis), cabaleiros e damas con representacións diabólicas, o Xuízo Final (co caldeiro do Inferno) e San Miguel; a parte superior está coroada polo patrón.
 

 




IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILACHAMBRE
 
Ao pé dun castro. Igrexa dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. No frontal porta con arco de medio punto protexida por un cabido cuberto a tres augas. Espadana dun van e ático cruciforme cun van. Presbiterio máis pequeno e baixo ca nave. No interior retábulo con estípides, coas imaxes da patroa, Santa Mariña con dragón e nena no colo, a Virxe e un santo. Tamén conta cunha imaxe do Santo Cristo, un sagrario con relevo de custodia e un cáliz de prata cicelada decorado con vexetais. No cemiterio consérvase unha lápida de pedra  que lembra a unha muller, Asunción, finada no ano 1909 aos 38 anos.

 

 

Dise que a pía de auga bendita procede do castro que hai nas inmediacións, mesmo se asegura que na croa había un eremitorio fundado no século VII. No pé da pía ten esculpida unha cunca ou vieira.



 

IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILARPUNTEIRO 
 
A igrexa coroa un outeiro. Dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Na fronte porta en lintel e espadana dun oco. Presbiterio na liña ca nave, cuberto a catro augas. No interior retábulo coas imaxes de María, Santa Marta, San Brais e Santa Bárbara. Canto á ourivería posúe un cáliz de prata. Adro-cemiterio ao redor.
 
 
 
IGREXA DE SANTA EUFEMIA DE VILARTELÍN
 
Moderna e sen valor artístico. No interior garda as imaxes da Virxe, unha imaxe policromada do século XVI e unha pía bautismal.

 


IGREXA DE SAN PEDRO DE  TEIXEIRA
 
Houbo unha igrexa da que non quedan restos. No 1890 era anexa da de San Xoán de Arroxo. Foi derrubada cando os terreos foron vendidos polo bispado de Lugo. 
 

CAPELA DE SAN XOSÉ DE QUINTELA 
 
En Quintela, parroquia de Arroxo. Érguese preto da antiga vila romana. No interior conserva pinturas murais en mal estado de conservación. Contáronnos que detrás da ermida enterraban aos nenos que morrían sen bautizar.

  

CAPELA DE QUINTÁ DE RIBADENEIRA 
 
En Quintá, parroquia de Riba de Neira. Capela rural de planta rectangular, antiga parroquial. Levantouse sobre un castro. Ao altar accédese por medio dun arco triunfal. Dentro ten un retábulo con columnas salomónicas onde se ven as imaxes de Santa Olalla, San Mateo, San Antonio e San Bartolomeu. Hai unha pía bautismal decorada cunha franxa de gallóns e aneis. Custódiase unha copa de misar de prata cicelada.




CAPELA DO SANTO ANDRÉ
 
Segundo a tradición, en Santo André, parroquia de Covas, había unha capela da que non se conservan restos. Nunha casa da aldea gárdanse dúas tallas, unha do Santo André e outra do San Xoán que, din, eran da desaparecida ermida.


CAPELA DE SANAMEDE
 
Ao parecer, en Sanamede, na parroquia de Covas, houbo unha capela da que non quedan restos. Nunha casa da aldea gardábase unha imaxe do San Mamede que foi roubada hai anos. Nas inmediacións apareceron varias tumbas feitas con laxas.

 


CAPELA DA CALVELA
 
Na Calvela, parrroquia de Ferreiros. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pequena espadana coroada por unha cruz latina.
 
  


CAPELA DO SAN ROQUE DE LAMAS 
 
En Lamas, parroquia de Pacios. Fronte a torre de Lamas de Mazaílle. Pequena capela cun retábulo con columnas salomónicas e as tallas do San Roque e outra imaxe. 
 


CAPELA DA SANTA CRUZ DE BIDUEDO
 
En Biduedo, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. O interior acolle as imaxes de Santa Helena, a Inmaculada e San Antonio, tallas de arte popular dos séculos XVII-XVIII.
 
 

CAPELA DE SANTA CLARA
 
Na parroquia de Pedrafita houbo unha ermida posta baixo o padroado de Santa Clara. Aínda existía no ano 1915. Non quedan restos.


CAPELA DE SAN ANTONIO ABADE DE CASTROLANZÁN
 
En Castrolanzán, na parroquia de Penarrubia. Érguese xunto o castro do mesmo nome. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico pechado que protexe a porta de entrada. Espadana dun van coroada por unha cruz e pináculos.


CAPELA NA FONTE DOS POIOS

Na Fonte dos Poios, parroquia de Penarrubia. Ruínas.


CAPELA DA TORRE DE BASILLE 
 
En Basille, parroquia de Pousada. Accédese á ermida polo interior dunha casona. No interior ten un retábulo barroco con columnas salomónicas que acolle unha talla da Inmaculada, tamén barroca.


CAPELA DO SANTESTEVO
 
En Santo Estevo, parroquia de Pousada. Antes foi igrexa parroquial de Santo Estevo de Neira. De feitura románica tardía. Nave principal cuberta a dúas augas. Fronte co acceso en arco de medio punto. Tivo un cabido, hoxe desaparecido. Espadana dun oco. Ábsida máis pequena ca nave. No interior retábulo renacentista coas imaxes de Santo Estevo, San Xosé, ambas do século XVI, e a Virxe dos Remedios do século XV. Interesante pía bautismal con pé en cilindro e base cadrada cunha cabeza humana, a cabeza dun can, vieira e rosa. Interesantes pinturas murais datadas no ano 1582 onde se ve, borroso, o nome do artista: Diego, Dugo ou Duco.
 




CAPELA DE SAN XOSÉ DA MATELA
 
Na Matela, na parroquia de San Martiño de Neira de Rei. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz latina. No interior conserva un San Xosé, un Santo Anxo co Neno, dragón e espada do século XVIII, e outra imaxe dun santo con capa. 
 


CAPELA DO SAN LOURENZO DE VILARES
 
En Vilares, parroquia de San Martiño de Neira de Rei. No interior acolle un retábulo salomónico con dúas columnas entre as que está a imaxe do San Lourenzo do século XVIII; ao seu carón hai outro San Lourenzo coas mans mutiladas.
 


Cóntase que cada vez que había treboada, os veciños deixaban os labores que tiñan que facer e ían para a capela a buscar o santo para levalo ao monte coñecido como Teso da Capela. Logo de permanecer alí co santo, o trebón desfacíase, volvendo co San Lourenzo para a ermida.


CAPELA DE SANTA CRUZ
 
En Santa Cruz. Antigamente foi parroquial de San Pedro que logo pasou a Sobrado do Picato. De orixe románica do século XII, só conserva a ábsida. Perdeu a nave orixinal, substituída en tempos modernos por outra sen valor arquitectónico. No interior retábulo barroco do século XVIII coa Virxe e o Neno, San Pedro e San Antonio. Pinturas murais con formas xeométricas en mal estado de conservación. Detrás da igrexa atopábase o antigo cemiterio, destruído pola estrada.





CAPELA DE SANTA MARTA 
 
En Santa Marta, parroquia de Vilartelín. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. A porta de entrada está protexida por un pórtico cuberto a tres augas. Espadana dun van coroada por unha cruz.



CRUCEIRO EN SANTA CRUZ (Orixe Horta, en Becerreá)
 
Nunha finca situada á esquerda da estrada á entrada de Santa Cruz do Picato, en Baralla, dirección Recesende, érguese unha cruz monolítica que descansa sobre un basamento tamén de pedra. O conxunto apoia sobre unha base feita con pequenas pedras de xisto. Salta á vista que esta última base realizouse para que a cruz destacara na contorna polo que deducimos que non formaba parte do conxunto orixinal. Foi isto o que nos levou a preguntar en que posición se atopaba anteriormente, e tamén se sempre estivera nese lugar, ademais de que función cumpría.

 

Todas as lucubracións que fixeramos (se estivera nun cruce de camiños, se ao seu carón enterraran algún recén nado non bautizado ou se producira algunha morte violenta, etc., mesmo pensamos que podería ter a procedencia xunto a capela de Santa Cruz, outrora parroquial, que só conserva a ábsida románica, ou do seu desaparecido cemiterio) viñéronse abaixo cando nos enteramos da verdadeira historia. A finca onde se ergue a cruz é dos mesmos donos da casa-torre de Horta, na parroquia de Agüeira, en Becerreá, con orixes que se remontan aos séculos X ou XI. Nas inmediacións do pazo, mencionado en distintos documentos como Casa dos Ulloa, levántase a capela do San Bieito reedificada, segundo unha prancha que figura na fachada principal, no ano 1710. Moi preto hai un cruceiro moderno colocado nos anos setenta do pasado século XX.

 

Pois ben, a cruz de Santa Cruz do concello de Baralla procede das inmediacións da citada casa-torre e da capela de Horta. Na base orixinal aínda se observan nidiamente as marcas onde estaban colocadas dúas pranchas que posuían senllas inscricións. Que poñían? Descoñecémolo, un veciño de Santa Cruz que podería sabelo, que interveu no traslado ben entrados os anos setenta do pasado século XX, o mesmo que construíu a base onde logo colocaron a cruz, faleceu. 


CRUZ NA BARROSA
 
Nun cruce de camiños da Barrosa (Penarrubia). Monolítica de granito.



CRUZ DA FONTE DOS POIOS
 
Nun cruce de camiños da Fonte dos Poios. En pedra caliza.



CRUZ EN SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
 
Localízase no xardín da que foi escola de nenas de San Martín de Neira de Rei. Aínda que a cruz e o varal, modernos, carecen de valor artístico, non así a basa proveniente do xacemento romano do Agro de Pedreda.



PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE BECERREÁ 


IGREXA DE SAN XOÁN DE AGÜEIRA 
 
Situada próxima ao río Navia. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Posúe dúas capelas laterais o que lle confire o aspecto de cruz latina. Frontis con porta alintelada. Espadana de dous vans con acroteras barrocas de pedra calcaria, onde tamén se ve un reloxo de sol.  Na parte exterior do muro sur atópase unha pedra armeira moi decorada, podendo atribuírse ao marqués de Camarasa. No interior, capela dereita con pía bautismal e capela esquerda cun retábulo. Adro-cemiterio ao redor.




IGREXA DE SAN ROMÁN DE ARMESTO
 
Igrexa dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis baixo e estreito ca nave, de trazo semicircular. Sancristía no lateral sur. Frontis con porta alintelada protexida por un cabido pechado, con dúas portas laterais e cuberto a tres augas. Espadana dun van. Regular estado de conservación. 

 

No cemiterio vese unha prancha de lousa cun curioso epitafio: "Cuarenta y dos años viví, Hermanos sobre la tierra/Rogad cristianos por mi, Pues igual muerte os espera".

 


IGREXA DE SAN XOÁN DE BECERREÁ
 
Atópase no centro da capital municipal. Moderna, do século XX. Estilo neogótico. Deseñada polo arquitecto diocesán Nemesio Cobreros Cuevillas que non a viu concluída xa que morreu na casa reitoral de Guilfrei no 1909 (está enterrado no cemiterio de Lugo). A súa construción comezou no 1904 pero, debido á falta de financiamento para continuar as obras, non foi consagrada ata o 27 de novembro 1927. Ten planta de cruz latina formada por dúas capelas laterais. Nave e presbiterio cubertos en lousa a dúas augas. A parte superior do presbiterio é de trazo semicircular. A torre-campanario, elevada con catro vans dobres e chapitel, é dos anos cincuenta, peron non así as campás, coas inscricións gravadas de Candelaria e San Juan, que son de finais do século XIX ou principios doo XX. Para a súa construción pode que se utilizaran as pedras da primitiva igrexa que estaba, dise, xunto o cemiterio (hai unha pedra chantada). No exterior do templo actual vese unha pía de auga bendita de clara traza románica. (Ver a entrada seguinte adicada á desaparecida igrexa).

  

 
Segundo unha anotación realizada no libro de fábrica no ano 1941 polo párroco José Saco Castedo, a igrexa foi queimada o día 19 de xullo de 1936, "siendo quemados los altares y casi todos los objetos de culto, con sus campanas, que fueron fundidas en la gran hoguera que los amotinados rojos hicieron en la plaza delante de la iglesia". Chama a atención que a anotación se fixera cinco anos despois dos sucesos polo que esta información hai que tomala con cautela. (Ver neste mesmo blog, en Historias... do concello de Becerreá, o artigo: Queimaron os "roxos" a igrexa de Becerreá no 1936?
 

Durante as obras, os oficios relixiosos celebrábanse no Bar Correos, coñecido tamén como Bar Cine (funcionou como cine entre os anos 40 e 60 e tamén, anteriormente, como salina). Segundo a tradición oral, nos anos da gripe (1918-1919) amontoaban eiquí os cadáveres (dise que algúns eran levados vivos). Consérvase unha foto de Ruth Matilda Anderson do 11 de xuño de 1925 da procesión do Corpus en Becerreá; o edificio que se ve crese que pode ser onde funcionou provisionalmente a igrexa.

   

Ata os anos setenta do pasado século existía na parroquia un ritual asociado ás campás da igrexa. Cando morría unha persoa, o xeito de tocar a defunto variaba segundo fora home ou muller. Se era home, a campá máis grande, alcumada de San Xoán, tocaba dúas veces seguidas, e a pequena, de nome As Candeas, unha. Cando a falecida era muller, a campá pequena daba dúas badaladas seguidas e unha a maior.
 


A DESAPARECIDA IGREXA PARROQUIAL DE BECERREÁ
 
Os únicos restos que se conservan da desaparecida igrexa de San Xoán de Becerreá é unha pedra fincada que se atopa no cemiterio da vila e unha pía bautismal, románica, que se atopa no exterior do templo actual. As noticias sobre o antigo templo son escasas, eiquí achegamos dúas aparecidas en El Regional do 10 de decembro de 1898 que nos fala dun roubo acontecido na igrexa, e en El Norte de Galicia do 3 de marzo de 1903, nunha visita que fixo a Becerreá o deputado Enrique Saavedra Bálgoma que nos mostra que a igrexa xa estaba en ruínas. No ano 1173 abónanse 205 reás e 30 maravedises ao mestre de campás, Juan Cedrón, "por haber ondido la campana" da desaparecida igrexa.


 



 

 
CRUCEIRO NO CEMITERIO DE BECER

 

IGREXA DE SAN PEDRO DE CADOALLA
 
A igrexa de San Pedro de Cadoalla, coñecida tamén como O Santo ou Mosteiro do Ecce Homo, atópase en Saa, a carón don primitivo castro da Idade do Ferro que foi "baleirado" por unha canteira. Trátase dun templo de grandes dimensións coroado por unha cúpula octogonal cunha lanterna con ollos ocos. A torre, acaroada á fachada principal e que actúa como pórtico, apoia sobre catro piares con arcos de medio punto. A cabeceira está presidida pola talla, do 1727, do Ecce Homo, e a ambos lados as imaxes de madeira policromada da Virxe do Carme, San Pedro, San Xoán, San Xosé, San Roque e Santa Apolonia. É probable que a igrexa fose construída sobre unha románica; o que fora cura párroco de Cadoalla, José Seco Castedo (falecido o 6 de marzo de 1960), aseguraba que o templo tiña orixe no século XII. Aínda que non existen probas arqueolóxicas nin escritas, mesmo se conxectura que nas inmediacións houbo un mosteiro.


Un documento de finais do ano 1809 achega que no mes de febreiro dese ano, durante a Guerra de Independencia, os soldados franceses consumiron dúas fanegas e media de pan pertencentes á igrexa por un valor de 90 reás de vellón.


No ano 1815, o administrador do santuario mercou un reloxo de sol por 370 reais que mandou colocar na torre do campanario.


Entre os anos 1819 e 1822, os carreiros que ían ata igrexa dende Castelo, Cadoalla e Saa foron substituídos por uns camiños mellores, investíndose 7600 reás. Nun documento do ano 1876, o camiño que ía dende Castelo cítase como Camiño da Igrexa, e noutro do 1914 como Camiño do Souto.

Nos arredores da igrexa apareceron tumbas de laxas (hoxe en día desaparecidas). Segundo a lenda nunha había enterrado un rei.

Os días 14 e 15 de setembro celébranse as coñecidas popularmente como Festas do Santo, en honra do Ecce-Homo que se venera na igrexa (algún ano a celebración duraba ata tres días). Ademais do ritual relixioso, os veciños acostuman montar uns casetos no Souto da Bouza de Saa, ateigados de comida e bebida. A instalación dos casetos é un costume recente, anteriormente, tal como recollen as crónicas, "acudían con las cestas bien repletas, que luego despacharán reunidos en familia, bajo las sombras de sus frondosos castaños".

O seu culto vén do ano 1727 cando o cura, Xosé Valcárcel Quiroga, mercou a imaxe, pagando a metade en cartos e a outra metade en misas. Conseguiu reunir á xente dos pobos de Becerreá, Ouselle, Cruzul e Cadoalla e encamiñarse con todos eles cara os "Picos de Ancares", onde se encargara a nova imaxe do Santo a un carpinteiro, que en "magna procesión" emprenderon o longo percorrido ata San Pedro de Cadoalla.

 

En tempos, os veciños acudían á igrexa con trigo ou centeo que logo era vendido para mantemento do santuario. Destes cartos, o párroco recibía unha parte xa que, segundo unha sentenza do Tribunal Eclesiástico de 1761, tiña dereito á quinta parte das esmolas que se recadaran durante o ano.

O 2 de agosto de 1889, o Concello de Becerreá, presidido polo seu alcalde Arturo González Vázquez, anuncia a celebración dunha feira anual "de toda clase de ganado vacuno, de cerda, lanar, cabrío y principalmente de caballerías" os días 14 e 15 de setembro, "en el mismo punto que se celebra la antigua función del Ecce-Homo de Cadoalla", engadindo que con tal motivo "se harán festejos extraordinarios que contribuyan a la distracción y entretenimiento del mismo". 


No ano 1966 a prensa publica que a Comisión de festas estivo formada por "jovenes de ambos sexos", destacando o labor desenvolvido "por las féminas". No ano 1968 a Comisión integráronna José Antonio Montaña e Jesús Pereira, por Becerreá, e Emilio Neira e Manuel Merlán, por Cadoalla. Que a Comisión estivera formada por veciños de Becerreá e Cadoalla debíase a que a parte lúdica das festas repartíanse entre entre as dúas parroquias, a primeira a capital municipal.

Ao Santo acúdese para pedir un favor ou para agradecerlle un xa concedido, para quen o pide ou en nome doutras persoas. O párroco impón unha imaxe do Santo (un pequeno Ecce Homo) por riba da cabeza do devoto, dicindo: "Que el sexa pre ti, o camiño, a verdade e a vida". Moitos penitentes pasan un pano pola talla e logo úsanna cunha finalidade curativa e preventiva. Hai algúns anos traían exvotos representando o corpo humano e tamén animais: vacas, xatos, cochos, etc. Ata non hai moitos anos, como protección, adoitábase arrincar unha estela da porta do templo e gardala na casa o que obrigaba, cada certo tempo, a reparala. Tamén hai procesión coa imaxe do Santo arredor do templo. Á romaría non só acudía xente do concello de Becerreá, tamén de Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e mesmo de Lugo.

Ata o ano 1832 había varios penedos por riba e diante da igrexa que foron demolidos e así deixar máis espazo aos devotos que querían camiñar de xeonllos ao redor do templo para cumprir o ritual; o custo ascendeu a 1900 reás.

Os días da romaría viñan soldados para manter a orde xa que as liortas eran bastante frecuentes. Pagábaselle coas doazóns dos asistentes. No ano 1827 o custo ascendeu a 40 reás "que se dieron a los soldados que vinieron a pacificar la romería".

No século XIX celebrábanse no santurio catro festividades: Santa Apolonia, a Pascoa de Resurrección, o Luns de Pentecoste e a do Ecce Homo.

O xornal El Progreso do 11 de setembro de 1968 publica unha poesía escrita por José Pereira Vilares, "un ilustre hijo de estas tierras", dedicada ao Ecce-Homo:

Ata o ano 2010 ou 2011, no Carballín, un pequeno lugar da parroquia de Cadoalla, situado a carón da vella N-VI, había un tosco peto cunha pequena talla en madeira que representaba ao Ecce Homo. En varias ocasións roubaran as esmolas que lle depositaban os devotos, pero a derradeira vez tamén desapareceu o Ecce Homo; só atoparon o peto, baleiro, tirado nun monte próximo. A foto do peto é de Sabino García González quen non lembra a data exacta de cando as fixo, pero dinos que foi sacada entre o 1983 e 1985. Quizais se trate da única imaxe que se conserva.

 

IGREXA DE SANTA MARÍA DE CASCALLÁ
 
En Cascallá. Erixida na parte superior da aldea e con cemiterio acaroado. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Os muros revocados de cal. Presbiterio semicircular, máis elevado ca nave onde se ve unha seteira. Arco triunfal de medio punto e bóveda de cuarto de esfera. Polo sur está protexida por un pequeno pórtico. Nun lateral hai outra seteira. Frontis con porta alintelada e óculo. Espadana de dous vans. Na fachada principal ten un engadido a modo de cabido construído en bloque. 
 
Xunto a porta de entrada hai un cilindro de pedra chantado no chan cunha altura á vista aproximada dun metro e un diámetro duns corenta centímetros; na parte superior practicóuselle un oco para facer funcións de pía de auga bendita. Cremos que se trata dunha peza proveniente doutro lugar se ben descoñecemos as súas funcións. 
 
Nas inmediacións está o lugar de A Capilla onde apareceron sepulcros antropoides que foron destruídos.



 


ANTIGA IGREXA DE SANTIAGO DE NANTÍN
 
Trátase da antiga igrexa parroquial que se situaba preto de Nantín. Estaba baixo a protección de Santiago Apóstolo. Ata a súa supresión no século XIX pertencía a Neira de Rei (Baralla), pasando logo a Cascallá (Becerreá). Atópase totalmente arruinada.  Tiña pinturas murais. Xunto dela tamén estaba o cemiterio onde, segundo nos comentou un veciño de Fontes, deixou de utilizarse hai uns cen anos. Malia descoñecer datos sobre ela e estar cuberta pola matogueira, por algúns elementos que están á vista cremos que pode ter unha orixe románica. Consérvase un mapa do ano 1798 onde se ven debuxadas as casas da aldea e a igrexa.
 




IGREXA DE SAN XOÁN DO CEREIXAL
 
No Cereixal. Igrexa moderna sen interese artístico. Nave con espadana de dous vans. Presbiterio máis elevado ca nave, e sancristía na parte posterior.



IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CRUZUL
 
Illada do núcleo de poboación de Cruzul. Nave e presbiterio cuberto en lousa a dúas augas. Frontis sinxelo con porta alintelada e espadana dun van. No mes de febreiro de 1858 figura como párroco Ángel María Ferreira.

 

Na aldea de Cruzul hai unha espadana de dous vans á que se accede por medio dunhas escaleiras de pedra, alonxada da igrexa parroquial. Data, posiblemente, do século XVIII. O motivo que levou aos veciños a erguela no pobo debeuse a que a única campá do templo parroquial non se escoitaba en todas partes polo que, en caso de calquera continxencia (un incendio, unha morte, etc.), toda a veciñanza podía enterarse. Cóntase que cando a invasión francesa, no ano 1809, estas campás alertaron da chegada das tropas napoleónicas á Ponte de Cruzul.



IGREXA DE SAN PEDRO DE TORTES
 
En Eixibrón, parroquia de Tortes. Con adro-cemiterio ao redor. Construída con muros de cachotería agás nos esquinais que son de cantería. Nave cuberta en lousa a dúas augas, con bóveda de canón ao igual ca o presbiterio. Dúas capelas laterais que lle dan planta de cruz latina, de alzados máis elevados ca nave. Sobre o cruceiro érguese un corpo cadrado cuberto a catro augas e cúpula no interior sobre catro arcos de medio punto. Sancristía e trasteiro nos laterais do presbiterio. Frontis cunha rexa torre cadrada de dous corpos, o inferior fai de pórtico e o superior de campanario. A campá maior, segundo nos achegou o investigador Xosé Troiano, foi fundida no obradoiro de Antonio Palacios de Mondoñedo; trátase dunha campá de estilo romana, pouco frecuentes comparadas coas miles de esquilonas que hai por Galicia. No muro que pecha o adro da igrexa había un Vía Crucis do que só se conservan dúas cruces enteiras e unha partida.

  


O día 14 de marzo de 2016, alertados por uns veciños, achegámos ata a igrexa, comprobando que se producira unha lamentable "restauración" que afectou ao pórtico-campanario.


IGREXA DE SANTA MARÍA DE FERREIROS DE VALBOA
 
Igrexa construída sobre a aldea, con adro-cemiterio ao redor. Nave cuberta en lousa a dúas augas e coro alto aos pés. Frontis con porta en arco, precedido por un pórtico. Presbiterio máis baixo e reducido ca nave. Espadana de dous vans. No interior un retábulo maior neoclásico de feitura moderna, e dous retábulos nos laterais.



IGREXA DO SANCTI SPIRITUS DE FONTARÓN
 
Nave cuberta en lousa a dúas augas. Frontis con porta alintelada e espadana de dous ocos. Presbiterio máis alto ca nave. Sancristía na parte posterior. No interior, retábulo moderno de estilo neoclásico e sen imaxinería.

  

Consérvase unha inscrición que di: "ESTA O-RA SE IZO SIENDO/CVRA MAN... ...NZ EL/AÑO... ...N... ...CCXXXXV". Quizais sinale o ano 1745.
 
 
Cóntase que cando se erixiu o templo, a escultura da pomba que hoxe podemos ver xunto a entrada marchaba para o lugar onde estivera sempre, unha antiga capela hoxe en día desaparecida. A única maneira de que permanecese na igrexa foi derrubando a ermida. Cóntase que tamén había un santo, procedente da citada ermida, que facía o mesmo. Para que non liscara, o cura dixo que o único xeito de que quedara na igrexa era ofrecerlle cartos á imaxe. Debeu ser daquelas cando desapareceu "A Cadela", nome que recibía, descoñécese porqué, a campá da igrexa, famosa en toda a contorna por alonxar as treboadas. Nun principio creuse que foran uns ladróns, pero transcorrido algún tempo sóubose que a levara o Nubeiro, un ser mitolóxico galego responsable das tormentas e dirixir os raios a vontade. Uns din que é un anxo caído, outros un espírito maligno. Anda polas nubes e nelas trasládase dun lugar a outro. Ás veces baixa á terra para comprobar o resultado das súas fazañas.
 
 Dito: "Espírito Santo, vente con nós, o dezmo de fabas pagámolos nós".
   

IGREXA DE SAN XOÁN DE FURCO
 
Igrexa illada da aldea, construída no século XVIII. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Frontis con porta alintelada e espadana de dous vans. Presbiterio na mesma liña ca neve pero un pouco máis elevado e cuberto a catro augas, con acceso por un arco triunfal en aresta. No interior retábulo lateral barroco.

 


IGREXA DE SANTA BAIA DE GUILFREI
 
Nas proximidades dun antigo castro, situada na parte máis alta da aldea. Adro-cemiterio ao redor. Tres naves separadas por arcos de medio punto que pousan sobre piares e piastras. Unha cúpula con lanterna coroa a igrexa. Presbiterio máis elevado e reducido ca nave central cun acceso á sancristía, cuberto con bóveda de canón. Frontis precedido por unha torre cadrada de tres corpos e tres vans. A base da torre fai de pórtico de entrada cun arco de medio punto. Nave lateral sur co baptisterio, cuberto con bóveda de canón. No interior retábulo maior barroco, ao igual ca os dous laterais.

 

 


IGREXA DE SAN PEDRO DE GUILLÉN
 
Do século XVIII. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis alto e ancho ca nave cuberto a catro augas. Arco triunfal de medio punto en aresta. Espadana dun van. No interior retábulo sinxelo do século XIX.



IGREXA DE SAN REMIXIO DE LIBER 
 
A igrexa parroquial de San Remixio de Liber (Becerreá) atópase a 120 metros de distancia do río Navia, non moi lonxe da Vía romana XIX que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga), e da mansión de Ponte Neviae (As Pontes de Gatín). Afastada dos núcleos de poboación, encaixada na depresión que forma o río, apenas é visible dende a estrada que comunica Becerreá con Cervantes e Navia de Suarna. Se a isto lle engadimos que está sen sinalizar e que se ubica ao final dun costento camiño, axuda a que pase desapercibida.
 
 
Segundo a tradición, polo lugar pasaban peregrinos cara Compostela, seguramente utilizando o antigo trazado romano. Sobre o patrón, San Remixio, só atopamos a advocación, ademais de en Liber, en As Maceiras (Dozón) e Bazar (Lugo). Este santo naceu en Reims (Francia) no ano 437 e morreu no 533; foi bispo da súa cidade natal durante setenta anos; considerado o precursor do cristianismo en Francia, bautizou a Clodoveo I, primeiro rei dos francos que se converteu ao cristianismo. 
 
O templo presenta unha nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas; mirando ao leste, frontis con espadana dun van, con campá do ano 1887, e porta en arco de laxas de lousa. Ábsida rectangular cos beirados pousados en modillóns decorados. Os muros foron revocados con cal.
 

 
O antigo cemiterio, protexido por un muro, atópase na parte oeste que, por falta de espazo, houbo que ampliar cara a zona que ocupa a igrexa.
 

En principio, a traza do edificio, modificado, non nos amosa, a simple vista, a súa orixe románica, semellando unha sinxela construción de tipo rural dos séculos XVII ou XVIII. Pero na cornixa da ábsida rectangular, na parte situada baixo o tellado, axiña saltan á vista uns sinxelos canzorros. Dos que debeu ter en orixe, só se conservan, en desigual estado, cinco, descoñecendo se nos aleiros do resto da igrexa había máis. Contáronos que baixo do morteiro do muro esquerdo hai (ou había) unha inscrición latina. 



No interior, espazo destinado aos fieis (con artesoado de madeira) con imaxes nos laterais da Virxe de Fátima e unha santa, e presbiterio abovedado ao que se accede por medio dun arco de medio punto sen decorar coroado por unha fornela.


 

Conserva un retábulo barroco do século XVIII, presidido polo patrón San Remixio. Nas paredes adivíñanse unhas pinturas murais en moi mal estado de conservación.


Xunto a entrada hai unha pía bautismal e un vello confesonario.

 

Canto ao topónimo, Liber foi un nome latino asociado ao deus Baco (Liber Patri). O Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense (nº 22, de outubro de 1901) recolle unha dedicatoria que apareceu na igrexa de Millarouso e Santurxo, no Barco de Valdeorras (que coincidencia, nas inmediacións da igrexa tamén hai os topónimos Millarega e Valdorras!), coa epígrafe: "LIBERO / PATRI/ G VETTIVS / FELICIO", "G. Vettio Felicio mandou erixir este altar a Liber Pater". Ou quizais podemos estar diante dunha *(Villa) Liberii, dun propietario medieval de orixe latina que atendía polo nome de Liberius

Liber cítase nun documento de Samos do 20 de xullo do ano 1091, cando Munino Eiriz e Guntroda Numez doan unhas vilas ao mosteiro, entre outras Libri integra. En Galicia só atopamos o nome Liber como núcleo de poboación no concello de Becerreá.

 

M. Lucas Álvarez, no seu El Tumbo de San Julián de Samos. Siglos VIII-XII (1986) di que por Liber pasaba o rio de Silis (identificado co río Cervantes), afluente do Navia. Ademais do Sil (que tamén pasa pola comarca ourensá de Valdeorras), afluente do Miño, Altinum, antiga cidade costeira dos vénetos, en Venecia, atopábase xunto o río Silis, que foi destruída, primeiro por Atila no 452, e logo polos lombardos no 568. Segundo algúns autores, Sil viría do latín sil, "ocre, óxido de ferro mesturado con arxila". Plinio o Vello (23-79 d.C.) fala da abundancia de ocre, prata e ouro das minas da Gallaecia, ricas tamén en materiais ocres. Na zona documéntanse varias explotacións mineiras de época romana.  


IGREXA DE SAN XULIÁN DE MORCELLE
 
Igrexa dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis alto e ancho ca nave cuberto a catro augas. Sancristía pegada nun lateral e porta no mesmo lugar. No interior retábulo maior renacentista, de influenza barroca. Cando as obras noun muro do cemiterio apareceu un sartego antropoide que non se sabe onde foi a parar.
 

 


IGREXA DE SAN COSME DE OUSELLE
 
Illada do núcleo de poboación. Orixe románica. Nave cuberta en lousa a dúas augas. No testeiro, sobre o arco triunfal, hai unha primitiva ventá. Ábsida semicircular, máis baixa e estreita ca nave, cuberta con bóveda de canón. Frontis de porta alintelada con lintel monolítico cuberta por un pórtico a dúas augas, e porta en arco de medio punto. Espadana dun van. En maio de 1864 figura como párroco Antonio Ferreira.

  

Segundo figura no Tombo 5 do mosteiro de Penamaior, no ano 1265 o párroco de Ouselle ten preito co mosteiro pola posesión dos décimos, primicias e ofrendas correspondentes aos lugares de Vilar de Frades e Montaña da Agra, pertencentes á freguesía de Ouselle. Estes lugares foran doados ao cenobio por Teresa Afonso que tomou o hábito de donadas. A sentenza do Bispoado de Lugo e o seu Provisor mandan que o cura e o convento partisen os décimos, primicias e ofrendas.

   

Contáronnos que cando se lle puxo un novo chan de madeira á igrexa apareceu un "pía rectangular" de época romana; cremos que se trata dun sartego antropoide, os veciños dicían que o interior acollía un "corpo santo". Interesante a Semana Santa. 
 


IGREXA DE SANTO ADRAO DE OUSÓN
 
Situada na parte inferior da aldea. Ten unha nave e presbiterio aliñados e cuberto co mesmo tellado a dúas augas. Arco triunfal sobre piastras en aresta. Sancristía nun lateral. Pórtico pechado nun lateral cuberto a tres augas, á mesma altura ca nave. Espadana dun van. Sen retábulo e con imaxes no interior.
 




IGREXA DE SANTA MARÍA DE SAN LOURENZO DE PENAMAIOR
 
Ver a entrada dedicada aos mosteiros. 


IGREXA DE SANTA BAIA DE QUINTÁ DE CANCELADA
 
Sobre a aldea de Quintá de Cancelada, sobre un primitivo castro. De amplas proporcións, con adro-cemiterio ao redor. Frontis precedido por unha torre cadrada que pousa sobre grandes piares que dan acceso á igrexa por un arco de medio punto, coas campás no segundo tramo. Nave principal cuberta en lousa a dúas augas. Porta lateral sur protexida por un cabido de tres arcos de medio punto. Cruceiro formado por dúas capelas laterais cuberta a tres augas, e no transepto cóbrese cunha cúpula sen lanterna, más elevada ca o resto do templo. Presbiterio na mesma liña ca nave principal, sancristía nun lateral.

 


IGREXA DE SAN XOÁN DE SEVANE
 
Incendiouse hai anos, foi restaurada pobremente. Ten planta rectangular cuberta en lousa a catro augas. O pórtico, que se salvou do lume, está cuberto a tres augas. Espadana dun van, con campá do ano 1884.
 




IGREXA DE SAN XOÁN DE PANDO
 
Na aldea de A Veiga, parroquia de Pando. Alonxada do núcleo de Poboación. Ten planta rectangular, cuberta en lousa. A carón da cabeceira acaróase un volume que se utiliza como sancristía. Escaleira de patín encostada a un muro exterior para acceder á espadana de dous corpos, un con dous arcos de medio punto que acollen as campás, o outro cun arco máis pequeno coroado por unha cruz. Pórtico con muro peitoril. 



IGREXA DE SAN PEDRO DE VILACHÁ
 
Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio un pouco máis elevado ca nave. Arco triunfal de medio punto con bóveda de canón reforzada con contrafortes. Frontis con porta alintelada e un pequeno escudo na parte superior. Espadana de dous vans. Na fachada principal un pequeno escudo coas chaves de San Pedro.




IGREXA DE SANTIAGO DE VILAIZ 
 
Nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis elevado e reducido ca nave, con bóveda de canón no interior e arco triunfal. Frontis con porta alintelada, ventá rectangular. Espadana de dous vans no corpo inferior e un no superior.

 


IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILAMANE
 
Construída sobre un pequeno outeiro. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Muros de cachotaría de pedra calcaria e lousa. No lateral norte ten unha porta protexida por un cabido soportado por unha columna. Presbiterio máis amplo e alto ca nave, cuberto a catro augas cun arco triunfal de medio punto e bóveda de canón. Frontal con porta alintelada e  un óculo. Espadana de dous vans e cimacio con volutas. As campás son do ano 1884.
 




IGREXA DE SANTA MARIÑA DE VILOUTA
 
En Vilouta de Arriba. Orixe románica, pode que do século XV. Nave rectangular con cuberta de lousa. Ábsida semicircular con canzorros lisos e toscos no aleiro, máis baixa e estreita ca nave cun arco triunfal con seteira na parte superior. Frontis con porta alintelada. Pórtico no lateral dereito e dúas ventás seteiras no esquerdo. Espadana de dous vans cun pináculo e cruz cumial. Adro-cemiterio ao redor.



 
CAPELA DE SAN BIEITO DA HORTA 
 
En Horta, parroquia da Agüeira. Particular do Pazo de Horta. De tres naves separadas por arcos de medio punto. Coroa a ermida unha cúpula con lanterna. Presbiterio máis elevado ca nave. Frontis precedido por unha torre cadrada de tres vans feita con pedra calcaria. Espadana dun van. Na fachada principal hai unha praca que di: "Capilla de San Benito reedificada en 1710 propiedad de don Edmundo Fernández", custeada por Diego Gómez de Ulloa e a súa dona Xoana Ribeira e Montenegro. A ermida, hoxe en día restaurada, foi queimada o día 18 de xullo de 1936.

 

Nas inmediacións levántase un cruceiro moderno, colocado nos anos setenta do pasado século XX. Nas inmediacións había outra cruz que nos anos setenta foi trasladada para Santa Cruz, en Baralla. 
 


UNHA CAPELA NA VILA DE BECERREÁ?

Nun documento do ano 1806 lese: Unha capela "… que se halla en medio del lugar de Becerreá para servicio de Don Francisco de Ulloa, con la advocación que es de San Benito, cuia suspensión y hasta que se adorne y reedifique de todo escalabro a contento de este párroco, que sin el, no se puedan celebrar los Divinos Oficios". Trátase da capela de Horta, ou houbo outra posta baixo o mesmo padroado na vila de Becerreá?


CAPELA DE NOSA SEÑORA DO PRADO 
 
En Todón de Arriba, parroquia de Cascallá. Pequena capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No cume da cuberta hai unha cruz de mármore. Na fachada principal hai unha praca coa representación de Nosa Señora do Prado.



CAPELA DE SANTA ISABEL
 
Desaparecida, atopábase no Cereixal, no lugar coñecido como A Ermida. No Catastro de Ensenada de 1752 cítase o Marco da ermida de Santa Isabel. 
 

CAPELA DE VILAR DE OUSÓN 
 
En Vilar de Ousón, parroquia de Cruzul. Rústica capela cuberta a dúas augas e pórtico pechado. Campanil inserido nun van de madeira. No interior vense algunhas imaxes.




O CHAO DA CAPILLA

Atópase en Vilar de Ousón, moi preto dunha pequena ermida. No sitio houbo un cemiterio. Hai 40 ou 50 anos aínda se podían ver varias tumbas feitas con laxes. Na actualidade só se ven algúns restos esparexidos polo lugar. A foto en branco e negro facilitáronnola hai anos, foi tirada a principios dos anos setenta; no interior vense algúns restos de ósos e flores ao redor que, ao parecer, as colocaba unha monxa.
 

 


CAPELA DO SAN RAMÓN DE FURCO 
 
En Furco. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van.
 

CAPELA DE SARCEADA
 
En Sarceada, parroquia de Furco. Planta rectangular. Espadana dun van.
 


CAPELA DE FONTE DO LOBO 
 
Na Fonte do Lobo, parroquia de Guillén. Ermida pública aínda que situada nunha finca privada. Ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas.



CAPELA DA CASA-TORRE DE CORMES 
 
En Cormes, parroquia de Morcelle. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Nos muros laterais ábrense dúas ventás con arco de medio punto. Espadana dun van. Sobre a entrada ten unha inscrición que di que foi fundada no ano 1520 por Moñino de Erbón e reedificada no ano 1922 por A. G. Montes e José de Boado "gentiles hombres de S. M. el Rey".

 


CAPELA DE NARÓN 
 
En Narón, parroquia de Guilfrei. Ten planta rectangular, cuberta en lousa a dúas augas. Un cabido protexe a entrada. Tallas do século XVI.

 


CAPELA DE MONTAÑA DA AGRA 
 
En Montaña da Agra, parroquia de Ouselle. De planta rectangular e ábsida recta. Salienta unha espadana dun van rematada en arco de medio punto. Ermida coñecida porpularmente como Santo.

 


CAPELA DO SAN ROQUE DE OUSELLE 
 
En Ouselle. Ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van rematada por unha cruz de ferro. Non ten retábulo. Imaxe do San Roque.



CAPELA DO SAN LOURENZO DE TOUZÓN 
 
En Touzón, parroquia de Penamaior. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas.

 

Cóntase que hai tempo tres homes da Lagúa, un da Casa Nova, outro da Casa de Nesa e un terceiro da Casa de Vázquez, andaban a cavar nos montes de Penamaior para sementar o pan cando, de súpeto, o ceo comezou a anubrar, amezando con treboadas, polo que decidiron volver para as súas casas. Mais, como comezou a chover, acubillaron na entrada da ermida. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, no ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron cara a aldea. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Os homes non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un deles dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros contestaron: "Estente calado que aínda han pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar xunto a capela, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

Cando no ano 2015 visibilizamos ante a opinión pública unha variante do Camiño de Santiago, que denominamos Vía de Künig en honra ao monxe alsaciano que escribiu unha guía no ano 1495, na proposta que fixemos á Xunta de Galicia para que a recoñecera pasamos a ruta xunto esta capela, e de eiquí ao mosteiro de Penamaior. 
 


CAPELA DE SAN LOURENZO DE BULLÁN 
 
En Bullán, parroquia de Quintá de Cancelada. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior tallas populares do século XVI.




CAPELA DE SAN XOÁN DE BUISÁN 
 
En Buisán, parroquia de Quintá de Cancelada. Situada sobre un outeiro, na beira esquerda do río Navia, illada da aldea. De aspecto antigo, ten planta cadrada cuberta en lousa a dúas augas. A entrada está protexida por un alpendre, prolongación dos muros da nave. Presbiterio rectangular con arco triunfal de medio punto sobre impostas. No interior sinxelo retábulo renacentista de estilo popular.

 

CAPELA DE CASARES 
 
Alonxada do núcleo de poboación. Mal estado de conservación. No interior non conserva  as imaxes.




CAPELA DOS REMEDIOS DO COTO 
 
No Coto, parroquia de Quintá de Cancelada. De nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Un pórtico, cuberto a tres augas, protexe a entrada. Presbiterio cadrado, máis amplo ca nave. No interior hai un retábulo.



CAPELA DE SANTA APOLONIA 
 
En Castel María, parroquia de Quintá de Cancelada. Construída sobre un primitivo castro. Ten planta rectangular e espadana dun van. No interior sinxelo retábulo e tallas barrocas.

 


CAPELA DE SAN PEDRO DE TUCENDE 
 
En Tucende, parroquia de Quintá de Cancelada. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico a tres vertentes. Carece de interese artístico. No interior imaxe do San Pedro do século XVIII



CAPELA DE SANTA BÁRBARA DE SOUTO 
 
No Souto, parroquia de Sevane. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Un pequeno pórtico protexe a entrada. No interior sinxelo retábulo do século XVII.


CAPELA DE CANTIZ 
 
En Cantiz, parroquia de Vilachá. De planta rectangular, está elaborada en perpiaño. A fachada remata nunha espadana dun van coroada cunha cruz de ferro. Non moi lonxe apareceu un sartego antropoide que non se sabe onde foi a parar.

 

CRUCEIRO EN EIXIBRÓN
 
Son case testemuñais os cruceiros que hai na comarca dos Ancares. Este de Eixibrón, situado no camiño que leva á igrexa parroquial, trátase do máis antigo.
 
 


CRUZ EN FONTARÓN
 
Situada á entrada do pobo de Fontarón. Cruz latina moderna sen interese artístico.




PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE CERVANTES 


IGREXA DE SANTA BAIA DE AMBASVÍAS 
 
Templo de estilo rural cuberto en lousa a dúas augas. Frontis con lintel en lousa, unha ventá e espadana dun van. Presbiterio con arco de medio punto. No interior retábulo barroco da segunda metade do século XVIII. Imaxes de Santa Baia, románica, quizais do século XIV, San Roque, San Antonio e San Bartolomeu, do século XVI. 

 
 

IGREXA DE SAN PEDRO DO CASTELO
 
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Frontis con porta alintelada e espadana dun van. Nun lateral, sancristía teitada coa prolongación da nave. Presbiterio con bóveda de canón. O retábulo maior é neoclásico coas imaxes de San Pedro, outra imaxe de San Pedro de factura moderna, o Santo Anxo da Garda de mediados do século XVIII, San Roque, a Purísima Concepción do século XVI e San Antonio. No retábulo lateral esquerdo, neoclásico, Vía Crucis con Cristo, Virxe do século XVIII, e San Xoán, posiblemente do século XIV. Canto á ourivería, un cáliz e un copón con gravados.



IGREXA DE SANTA MARÍA DO CASTRO
 
Orixe Alto Medieval. Alonxada do núcleo de poboación, asenta sobre un primitivo castro  galaico-romano erixido sobre o río Quidous. Presenta unha nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Dúas portas de acceso, unha no frontis e outra no lateral dereito. Arco triunfal de medio punto sobre piastras. Presbiterio máis baixo. No interior, modesto retábulo. O templo foi restaurado hai uns anos, os muros, tanto interiores coma exteriores foron caleados.
 
Na ábsida tivo pinturas murais das que só se conserva unha parte, en mal estado, na ventá que semella representar o Universo co sol, a lúa e as estrelas.
 
Espadana de dous vans. Nun lateral exterior hai esculpida unha cara cunha inscrición que foi repicada. Adro-cemiterio ao redor.
 
Sobre o castro saíron á luz máis de 60 tumbas de laxas, Alto e Baixo Medievais, utilizando as pedras das vivendas castrexas.
 






IGREXA DE SANTIAGO DE CEREIXEDO
 
O templo, de notables proporcións, atópase alonxado dos núcleos de poboación, encaixado nunha cunca formada polos ríos do Brego e Cereixedo. Ten nave de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas e capelas laterais. A torre é de planta cadrada, dividida en tres corpos, o terceiro acolle a torre con catro vans e dúas campás ao que se accede por medio dunha escaleira exterior. No interior conserva un retábulo renacentista coas imaxes do patrón, Santiago Peregrino, a Piedade con Cristo, un bispo en actitude de impartir a beizón, San Xoán, San Miguel Arcanxo con dragón aos pés, San Pedro e San Paulo, e unha pequena fornela coa Virxe e o Neno. Na capela do Rosario, con retábulo do século XVIII, vense as imaxes da Virxe María co Neno, Santa con toca e San Francisco Xabier. Nunha capela lateral, retábulo con Vía Crucis, imaxes de Cristo e grupo exento de tres mulleres, San Xoán e unha muller xoven que dirixe as mans a Cristo. No mesmo lateral outro retábulo rococó coas imaxes de San Francisco de Asís e un santo. Pinturas murais en deficiente estadode conservación.Adro cemiterio ao redor.
 
 


Aínda que a construción da igrexa adoita situarse no século XV, a súa orixe remóntase, ao menos, cen anos atrás. No ano 1378, o mosteiro de Carracedo do Bierzo daba en encomenda ao señor de Villalobos (Zamora), Alvar Pérez de Osorio, unha serie de lugares de Cervantes (os coutos de Dorna, Vilaquinte, Padornelo, Xestoso, a quinta parte de Lamas e a igrexa de Cereixedo).


Posteriormente, existen varios preitos entre a casa dos Osorio e o mosteiro de Carracedo para determinar o lexítimo propietario destes lugares. A principios do século XIV, os terreos foron doados ao cenobio de Carracedo por herencia de Teresa Pérez, da familia Méndez de Cervantes. No ano 1419, este mosteiro vese na obriga de preitear con Pedro Álvarez Osorio as prestacións da igrexa de Santiago, cuxa propiedade os monxes demostran facilmente.

Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Cereixedo no ano 1752, faise referencia a que a metade dos impostos do décimo da freguesía, 1.1169 reás, ían parar ao priorado de Dorna, anexo ao mosteiro berciano. Un mosteiro en Dorna, do que non quedan restos, cítase no ano 1203 como Sancte Marie de Dorna.


Ademais do anterior, a estadía de monxes en Cereixedo dedúcese de dous nomes de aldeas da parroquia. Cela cítase como Cella integra no ano 1091, en que os monxes de Samos a recibían doada por Muñino Eiriz e Guntroda Númez; cela deriva do latín cella que vén a significar apousento dun relixioso ou relixiosa nun convento ou mosteiro, que quizais sinale a existencia dunha granxa ou eremitorio. E segundo, un documento do ano 1262 o mosteiro de Carracedo posuía herdades en Castello de Fratibus (Castelo de Frades).


Luis Monteagudo, nun artigo no Ideal Gallego do  do 12 de xuño de 1936, di que en Castelo de Frades existe unha lenda de que había un mosteiro "a la defensiva contra contra los moros" que en tempos asolaron estas terras. 

Sergio Núñez Cubero, ademais das fotos antigas, achegounos un interesante traballo que cita a igrexa de Cereixedo. Trátase de Nobles y monjes: Los Osorio Villafranquinos y los monasterios bercianos (siglos XIV-XV), de Gregoria Cavero Dominguez (2016). Sergio tamén nos contou que ademais da festividade do patrón, Santiago, celebrábase a de Nosa Señora o 8 de setembro que mesmo era máis importane ca primeira, pero deixou de celebrarse nos anos cincuenta do século XX; no exterior de cada casa facíanse feixós que espois levaban para as merendas en Cereixedo (non podía ser no interior das casas). A Virxe atopábase nunha das capelas laterais, pero o retábulo derrubouse e a talla pasou ao altar.

As fotos antigas sobre a igrexa de Santiago de Cereixedo son moi escasas, quizais a que achegamos do ano 1917, extraída por Sergio de El Eco de Galicia, revista da colonia galega en Cuba, sexa unha das primeiras. Temos coñecemento de que en El Eco Franciscano, editado por Pedro Ferrer na Coruña no ano 1911, aparece unha foto do templo, pero ata o momento non nos foi posible localizala.     


IGREXA DE SAN FIZ DE DONÍS
 
Situada fóra do núcleo de poboación, xunto un antigo camiño que baixa cara o río e aceña das Pontes. De planta case cadrada, con nave central e dúas laterais. Amplo cabido soportado por columnas de granito. Torre de planta cadrada formada por dous corpos, o superior con seis ocos e dúas campás; vense dúas inscricións gravadas en senllas pedras, nunha lese: "HIZOSE ESTA OBRA/SIENDO CVRA D/TOMAS C (repicado)/ANO DE 17_4". Xunto unha das entradas ao cemiterio, que se desenvolve polo laterais e a parte posterior, hai outra inscrición. Na nave lateral norte está o osario e arco de acceso ao templo. Na fachada principal hai un reloxo de sol en granito.Na nave central coro de madeira con balaustrada. O templo foi restaurado entre os anos 2005 e 2008. No arco triunfal descubriuse unha inscrición que, literalmente, di: "ESTAS ARMAS ESTAVAN PUESTAS I FIXADAS EN LA CAPILLA MAIOR DE ESTA ST IGLESIA DE DONIS ASTA PVEDE AVER OCHO, O DIEZ ANNOS QVE SE DESHIÇO LA DHA CAPILLA MAIOR PARA SE VOLVERA LARGAR I MENDO DE MVST GIL DE MOSTO I EL LICD DON IS. SVS. SOBRINO DESCENDIENTES POR VARON DE LA CASA DE DONIS PATRONOS DESTA ST IGLA LAS MANDARON PONER EN EL PROPIO LVGAR DONDE ESTAVAN DE ANTIGVO". Durante a restauración, levada a cabo pola Consellería de Cultura, o retábulo maior foi desmontado pasando a outra parte da igrexa, e na capela maior só se deixou o calvario. Tamén foron restauradas as pinturas murais que estaban tapadas polo retablo e capas e cal; figura a data de 1578. Retábulo maior coas imaxes da Piedade con Cristo do século XVI, Vía Crucis, Cristo, Virxe e San Xoán, ambas con trazas románicas aínda que pertencen ao gótico.





 
IGREXA DE SANTA MARÍA DE DORNA 
 
Ver o apartado dedicado aos mosteiros. 


IGREXA DE SAN PEDRO DE CERVANTES
 
Construída na parte superior do pobo. Ten planta rectangular, teitada en lousa. O frontis está protexido por un cabido. Espadana de dous vans. O presbiterio está no mesmo plano ca nave, cuberto a catro augas. Na parte posterior do presbiterio está a sancristía. No interior retábulo maior do primeiro terzo do século XVII, coas imaxes de San Pedro, San Roque, San Antonio e a Virxe co Neno. Na sancristía lateral dereita, retábulo de estilo barroco coas imaxes da Virxe e de Santa Ana. Na capela lateral esquerda, retábulo rococó coas imaxes da Virxe do Rosario, Santa Lucía, San Brais, a Anunciación e dous anxos. Na nave hai outros dous retábulos de pouco valor artístico cunha imaxe rústica de finais do século XIII ou de principios do XIV, a Piedade e a Virxe realizada a finais do século XIV. Conserva varios confesionarios rústicos.
 



IGREXA DE SAN XIAO DE LAMAS 
 
A igrexa parroquial, que estaba en Lamas, foi destruída por un incendio pasando as funcións relixiosas á capela do Pandelo, de boas dimensións, con planta rectangular e co frontis situado nun lateral que está reforzado cun contraforte. Espadana de dous vans. O presbiterio é máis elevado ca nave cuberto en lousa a catro augas. No interior retábulo maior situado baixo o testeiro de transición do barroco ao rococó, coas imaxes da Virxe das Candeas, outra talla con Neno, outra imaxe da Virxe das Candeas co Neno do século XV, e Cristo na parte superior. Retábulo lateral dereito con columnas salomónicas e a imaxe de San Xosé. No retábulo lateral esquerdo imase de San Pedro.



IGREXA DE SAN XOÁN DE MOSTEIRO
 
Ver o apartado dedicado aos mosteiros.


IGREXA DE SAN PEDRO DE NOCEDA
 
Nave de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas, con capelas laterais que lle dan forma de cruz latina. Espadana dun van. Porta de acceso formada por un arco de medio punto. Bóveda de canón, ao igual que o presbiterio. Retábulos de pouco interés artístico, coas imaxes de San Pedro, San Xosé co Neno en brazos e unha Santa, todas do século XVII. A Virxe María, Santa María Madalena, San Sebastián asaetado, do século XVI, Santa Bárbara do século XVIII e a Inmaculada Concepción.



IGREXA DE SANTA MARÍA DO PANDO
 
Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. A porta de acceso non está no frontis senón no lateral sur protexida por un cabido. No muro lateral norte a sancristía con porta de acceso. No interior retábulo maior neoclásico, coas imaxes da Inmaculada Concepción, San Roque, San Antonio e outra imaxe. Sinxelo retábulo nun lateral.
 

O sábado, 2 de xullo de 2022, nunha visita que os do Colectivo Patrimonio dos Ancares fixemos á parroquia do Pando atopámonos coa sorpresa de que no cabido de acceso á igrexa parroquial de Santa María do Pando plantaron lume que, ademais de tisnar os muros, afectou á estrutura de madeira do teito. O sitio cheiraba fortemente a fume polo que cremos que o lume foi producido recentemente. A igrexa está catalogada por Patrimonio da Xunta de Galicia.
 


IGREXA DE SAN XUSTO DE QUINDOUS 
 
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Sancristía no lado sur cuberta a catro augas. No interior retábulo coas imaxe de Santa Lucía do ano 1540 e o Sagrario cun relevo de Cristo resucitado. No lateral dereito retábulo de pouco interese con medallóns que representan a San Pedro e San Paulo. Na sancristía imaxe do Anxo da Garda con Neno e dragón aos pés, e Cristo. Na ourivería cruz procesional, cáliz de prata con motivos da Paixón, e outro cáliz de prata cicelada e copón, tamén de prata.
 



IGREXA DE SAN MARTÍN DA RIBEIRA
 
Igrexa de amplas proporcións do século XVIII. Nave rectangular que no interior se converten en tres (central e dúas laterais). Frontis coroado por unha espadana moderna. Presbiterio na mesma liña ca nave, cuberta a dúas augas. Adosada ao muro lateral, sancristía con acceso directo dende o presbiterio. No interior, retábulo maior de traza neoclásica, coas imaxes da Virxe co Neno do século XVIII, San Miguel do século XVI, a Virxe do Carme do século XVI e o Pai Eterno con dous anxos. Retábulo lateral dereito coas tallas de San Roque do século XVIII, e San Antonio. No retábulo lateral esquerdo, imaxe dun santo. Interesante pía bautismal coa inscrición: "Hizose año de 1738 siendo obispo de Lugo el ilustrísimo S.B.D. Cayetano Gil Taboada y cura D. Luis Pardo y Andrade".



IGREXA DE SAN ROMÁN DE CERVANTES
 
En San Román, capital municipal. Está situada na parte máis alta da vila, con adro-cemiterio ao seu redor. Moi reformada, perdeu gran parte da súa traza románica. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No frontis porta con arco de medio punto. A torre é de cemento, dun corpo e seis vans. O presbiterio é algo máis reducido ca nave. Na parte posterior ábsida semicircular. Na parte lateral norte ao presbiterio está a capela dos Quiroga, na actualidade convertida en trasteiro. Non ten retábulos. Imaxes de San Román, San Antonio e a Virxe do Carme do século XVIII.



IGREXA DE SANTO TOMÉ DE CANCELADA
 
Igrexa con nave cuberta en lousa a dúas augas, con dúas capelas laterais e sancristía lateral ao norte do presbiterio. A porta de entrada esta cuberta por un cabido a tres augas. Espadana de dous vans, á que se accede por medio dunha escaleira exterior. O retábulo maior data do ano 1681, renacentista con elementos barrocos. Imaxes da Inmaculada Concepción, San Xoán, San Bartolomeu, Santo Tomé, talla dun anxo e San Miguel. O Sagrario é unha interesante peza co relevo de Cristo resucitado, e nos laterais San Pedro e San Paulo. Nos retábulos laterais vese a imaxe dun antigo Cristo e San Roque.

No cabido hai unha inscrición que fala dunha ampliación ou restauración sendo cura don manuel Pardo Vivero no ano 1766.


 


IGREXA DE SANTA COMBA DE VILAPÚN
 
Orixe románica. Ábsida semiciruclar. Nun lateral da igrexa vense dúas seteiras románicas que foron tapiadas. Retábulo principal coas imaxes de Santa Comba, Santiago Peregrino, San Bartolomeu pisando un diaño, varios santos e Santa Tareixa. No ático outra imaxe dun Santo, do século XVII. Na capela lateral dereita imaxe da Virxe do Carme con Neno do século XVII. Na sancristía imaxe de Cristo. Na ourivería salienta un cáliz de prata cicelada coa inscrición: "DN JOSE BECERRA MAGDALENA CONDE DE VILLAPUN PARA SU IGLESIA DE Sª COLOMA DEL MISMO TITULO. ANÑO 1833".
 

 



No mes de marzo de 2015, a Deputación Provincial e o Bispado de Lugo asinaron un convenio para restaurar o retábulo renacentista de finais do século XVI pero que foi repintado posteriormente e ao que lle houbo que retirar as imaxes porque a madeira xa non soportaba o peso. O retábulo, en castiñeiro e nogueira, salienta pola gran calidade da policromía e das tallas. Os traballos de restauración do retábulo e de varias imaxes foi obra de Olga Gago Muñiz. 
 




IGREXA DE SAN BREIXO DE VILAQUINTE
 
Situada na parte máis alta da aldea. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van. Retábulo maior renacentista coas imaxes de San Breixo, San Roque e San Brais. Canto á ourivería copón con cruz, cáliz e cruz parroquial.



IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILARELLO
 
Na parte baixa da aldea. Adro-cemiterio ao redor. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous vans e unha troneira na parte superior. Pórtico pechado con dous portóns de acceso. Arco triunfal de medio punto e bóveda formando unha cúpula que carece de lanterna. No interior retábulo maior barroco do século XVIII coas imaxes da Asunción do século XVI, San Antonio, Santo con hábito, Cristo, Santa María, San Xoán, San Sebastián e un bispo. No retábulo lateral dereito, barroco, da segunda metade do século XVII, coas imaxes da Virxe María co Neno Xesús do século XVI, San Francisco, unha Santa do século XVIII, Cristo e San Roque.



IGREXA DE SANTIAGO DE VILASANTE
 
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis elevado ca nave. Frontis con porta alintelada. Espadana con dous vans na parte inferior e un no superior. Retábulo renacentista da primeira metade do século XVI coas imaxes de San Xoán Evanxelista, Virxe sedente e Neno Xesús de finais do século XII ou principios do XIII, Neno Deus do século XIV, Santa co Neno e San Antonio do XVIII. Na ourivería cruz parroquial de madeira, outra cruz de prata cicelada do século XVIII e custodia do XIX. O camiño que vai dende o Fabal ata o templo, antigo tramo da Vía romana e Camiño Real, coñécese como "O Camiño da Misa".  
 
Ata o último terzo do século XVIII, a parroquia de Santiago de Vilasante, en Cervantes, era de Santiago de Ribasmorto. De todos xeitos, ao longo do século XIX (máis ou menos ata o ano 1863) conviven as dúas, sendo nomeadas indistintamente como Santiago de Ribasmorto ou Santiago de Vilasante, como por exemplo nos Boletíns Oficiais da provincia como do bispado. Así e todo, a aldea de Vilasante xa se cita como Villa Santi no ano 1002. O que descoñecemos é se aínda existe un lugar chamado Ribasmorto. Sabemos dos sitios da Oración, O Camiño da Misa (entre O Fabal e a igrexa), A Cruz e A Ermida (deste só se conserva o topónimo). 
 
Por unha lápida funeraria que hai nun muro da igrexa correspondente a dona Vicenta Limerez sabemos que o párroco no ano 1911 chamábase J. Pereiro. 



IGREXA DE SAN XOÁN DE VILASPASANTES
 
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No lateral sur pórtico e sancristía. Unha arcada no alzado norte dá acceso a unha capela de planta rectangular. Espadana en pedra calcaria. Presbiterio no mesmo plano ca nave cuberta a dúas augas. No interior retábulo maior co Sagrario, e imaxes do Santo Anxo co dragón aos pés e outro Santo do século XVII. Na capela lateral a Inmaculada Concepción que foi mutilada para poder ser vestida. No lateral norte retábulo con imaxe da Virxe.



IGREXA DE SAN XUSTO DE VILAVER
 
Planta rectangular, con presbiterio máis elevado ca nave. Arco triunfal de aresta e bóveda de canón no presbiterio. Espadana de dous vans. A sancristía está no lateral norte da nave. No interior retábulo maior renacentista do primeiro terzo do século XVII, coas imaxes de Cristo, San Xusto e San Salvador. Sagrario co relevo de Cristo resucitado. Na ourivería copón de prata.



CAPELA DE SANTA MARÍA MADALENA DE MOREIRA
 
En Moreira, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos e unha cruz.
 

 

CAPELA DE SAN MARTÍN
 
En San Martín (Cereixedo): Contounos Sergio Núñez Cubero que había unha capela que serviu de vivenda a posteriori; aínda se conserva en mal estado. Unha das últimas familias que naceu nesa casa alcumábanse como "Os do Capillas".
 

CAPELA DO TESO DO CASTELO
 
O Teso do Castelo atópase a 659 metros de altitude, en terras da aldea de Airoá, na parroquia de Cereixedo. Trátase dun outeiro rochoso situado nun meandro que forma o río das Casas e o regueiro do Castelo que o arrodean case na súa totalidade, quedando o único punto de acceso pola cara este. Patrimonio dos Ancares atopamos anacos cerámicos, tégula, dúas moedas (unha moi desgastada onde non lemos nada, e outra de “PHILIPPVS III”), tramos de muralla, etc. Cando nos falaron de que a tradición situaba no sitio unha capela, puxémonos a buscar algún resto, pero nada atopamos. Pero si que houbo, a toponimia é clara: “SEARO DA CAPILLA”.
 
 


CAPELA DE SANTA ANA DE CABANAS ANTIGAS
 
En Cabanas Antigas, parroquia de Cereixedo. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos. No interior imaxe do século XVIII.
 


CAPELA DA INMACULADA CONCEPCIÓN DE AIROÁ
 
En Airoá, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a tres augas.



CAPELA DA INMACULADA DE FERREIRADEVÉS
 
En Ferreiradevés, parroquia de Vilaspasantes. Capela de planta case cadrada cuberta en lousa a dúas augas. A cuberta prolóngase para cubrir o cabido onde se sitúa a portada con enreixados laterais. No interior imaxe do século XVIII. Contáronnos que no ano 2015 a ermida sufriu un roubo, os ladróns arrincaron a verxa dunha ventá e levaron cartos.

 


CAPELA DA CASA GRANDE NO FABAL
 
No Fabal, parroquia de Vilasante. Planta rectangular situada preto da casa á que pertence. A cuberta, de lousa, prolóngase para cubrir o cabido onde está a porta de entrada.
 
 


CAPELA DE NOSA SRA. DAS DORES DE VILASPASANTES


CAPELA DE NOSA SEÑORA DE DONÍS 
 
En Donís. É o presbiterio, probablemente, dunha primitiva igrexa. Ten planta rectangular cuberta en lousa a catro augas. Porta en arco de medio punto.



CAPELA DA CASA DE ARRIBA

Pertencía á Casa Grande que desapareceu, substituída por unha nave para o gando e unha casa non tradicional. Capela de muros de cachotería de xisto e cuberta de lousa a dúas augas. Presbiterio máis alto a catro augas. Campanil dun van.



CAPELA DE NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS DE TARNAS
 
En Tarnas, parroquia da Ribeira. O día da patrona, os devotos levan a cabo procesións individuais e colectivas ao redor da ermida, de xeonllos e camiñando

 

Cóntase que hai moitos anos o cura párroco, ante a oposición dos veciños da aldea, levou a imaxe da Virxe para a igrexa da Ribeira. Esa mesma noite, un apocalíptico diluvio, acompañado de estarrecedores tronos, que arrastrou terra e pedras polos camiños, disque que foi o sinal inequívoco de que a imaxe debía retornar para a capela. E así se fixo. 


CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS NEVES DE XANTES
 
En Xantes, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Frontis con porta en arco de medio punto co relevo dunha estrela nas tres doelas superiores. Espadana dun van coroada por unha cruz e pináculos. No interior retábulo barroco. 

Segundo información achegada por Suso Nieto Santín, a ermida forma parte dun conxunto característico dalgunhas aldeas de Cervantes que, ademais da ermida consta dunha vivenda, un hórreo, unha palloza (practicamente desaparecida) e unha construción de pedra adicada hai anos a alcobas. Todo o recinto presentaba unha cerca de pedra. Segundo un dos herdeiros, a ermida e outros dous elementos foron construídos por un párroco da familia.



CAPELA DE SAN ALBERTE DE VILAR DE MOUROS
 
En Vilardemouros, parroquia de San Pedro de Cervantes. Situada ás afóras da aldea. Cuberta en lousa a dúas augas. Cabido a tres augas formado pola prolongación dos muros laterais.


 


CAPELA DE SAN ANTOLÍN DE CABANA XARAZ 
 
En Cabana Xaraz, parroquia de Donís. Planta tirando a rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos e unha cruz de ferro.
 
 


CAPELA DE POSO
 
En Poso, parroquia do Pando. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van na fachada principal coroada por pináculos e unha cruz.



CAPELA DE SAN ANTONIO ABADE DE DUMIA 
 
En Dumia, parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Acceso por unha porta alintelada. Laterais soportados por tres rexos piares. Pequena espadana dun van. Caleada. Crese que puido ser o presbiterio dunha primitiva igrexa.



CAPELA DE SAN ANTONIO ABADE DE ROBLEDO 
 
En Robledo, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Porta en arco e ventá a cada lado. Pequena espadana dun van coroada por unha cruz. No interior conserva un retábulo sen valor artístico.
 


CAPELA DE SAN ANTONIO DE PADUA DE RIAMONTE
 
En Riamonte, parroquia de Vilarello. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior imaxe do Santo Antonio do século XVIII. Unha pedra cadrada, lisa e plana (ara) tapa un oco cadrado que hai no altar. A pedra está envolta nun pano; Fernando Carballo contounos que  foi envolta para que non a puidesen tocar as mulleres.
 



CAPELA DE SAN ANTONIO DE PRADOS
 
En Prados, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais. No interior retábulo barroco do século XVIII.



CAPELA DO SANTO ANTONIO DE VILANOVA DO PEDREGAL
 
En Vilanova do Pedregal, parroquia de Noceda, ás afóras da aldea. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas e cabido a unha auga. Na zona do altar ten unha bóveda de medio canón. No interior, pequeno retábulo presidido por San Antonio.
 
 
  

CAPELA DO SAN BERNABEU DE FOLGOSO
 
En Folgoso, parroquia de Cereixedo, ás afóras da aldea. Planta rectangunlar cuberta en lousa a dúas aguas, e cabido a unha auga. No interior, sobre o altar de madeia, imaxe do San Bernabeu.

 
 


CAPELA DO SAN BERNARDINO DO COMEAL
 
No Comeal, parroquia de Vilarello. Planta rectangular cuberta en lousa a catro augas. Recebada de cemento. Ao seu carón pasaba a Vía romana XIX.



CAPELA DO SAN FROITOSO DA PEREIRA
 
En Pereira, parroquia do Castelo. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Porta alintelada.  Espadana de cemento. No interior retábulo barroco con columnas salomónicas.



CAPELA DO SAN LOURENZO DE PIORNEDO
 
En Piornedo, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz e pináculos. Porta de acceso en arco.
 





CAPELA DE SAN MARTÍN DAS CAÑADAS
 
En San Martín das Canadas, parroquia do Mosteiro. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico sobre trabes de madeira. Entre varios centos de documentos que nos cedeu Hugo Pardo-Vivero Vilares, atopamos a escritura da fundación desta ermida, mandada erixir no ano 1691 polo matrimonio formado por Bartolomé Rodríguez de Barcia y Rosón e Agustina de la Torre y Prado, baixo a advocación da Purísima Concepción de Nosa Señora e de San Bartolomeu e San Agustín. Na escritura fundacional e en anexos dos anos 1795, 1803 e 1819 fálase, ademais de quen poderían acceder á condición de capelán da ermida, das rendas necesarias para a súa dotación e mantemento, relacionándose un gran número de doazóns, "a perpetuidad", provenientes dos froitos das árbores, viñas, leiras, prados, etc., propiedade do matrimonio e dos seus descendentes.  
 
  
 


CAPELA DO SAN MATEO DE SEIXAS
 
En Seixas, parroquia de San Román de Cervantes. Sen valor arquitectónico, ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior talla do San Mateo do século XVIII. 



CAPELA DE SAN MIGUEL DE VILALUZ 
 
En Vilaluz, parroquia do Castro. Situada na parte alta da aldea. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz de ferro.



CAPELA DE SAN MIGUEL
 
En San Miguel, parroquia de Vilarello. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico sobre dous piares, hoxe en día substituídos por formigón. Cuberta en lousa a tres augas. No interior imaxe barroca de San Miguel.

  

CAPELA DE SAN ROMÁN
 
En San Román de Cervantes. Capela de planta rectangular adosada a unha vivenda, cuberta en lousa a dúas augas. Carece de espadana. Contáronnos que na ermida apareceu unha pedra, hoxe en día desaparecida, que tiña unha inscrición onde se podía ler a data de 1081 e o nome Froyla. Tamén se di que eiquí estivo unha ara romana que na actualidade se atopa na casa dun veciño.

 


CAPELA DO SAN ROQUE DE TRABADO
 
En Trabado, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais. Pequeno retablo presidido polo San Roque. Na festividade celébrase procesión.
 

 

CAPELA DO SALVADOR DE VILARELLO
 
En Vilarello, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Frontis esbelto con porta en arco de medio punto. Espadana dun van. No interior conserva un retábulo.

 


CAPELA DE SANTA CATARINA DA PENA TALLADA
 
No Fabal, parroquia de Vilasante. Desaparecida, atopábase no castro de Pena Tallada. Segundo información achegada por Tito Fernández de Témez, a imaxe foi trasladada ao pazo do Fabal no ano 1726 ao seren derrubada a antiga ermida.


CAPELA DE SANTA CATARINA DE VIMIEIRO
 
No Vimieiro, parroquia de Vilarello. Planta rectangular co testeiro semicircular. Pórtico formado pola prolongación dos muros laterais. Imaxes de varios santos. 



CAPELA DE SANTA MARTA
 
En Santa Marta, parroquia de Cereixedo. Capela moderna construída con bloques, cuberta en lousa a dúas augas. Ten un pequeno pórtico na zona da entrada con dúas columnas de formigón. Sen interese artístico.



CAPELA DE SANTA TAREIXA DE VALGOS
 
En Valgos, parroquia da Ribeira. Particular, forma parte da coñecida como Casa Grande. Ten un acceso dende o exterior da casa. No exterior só destaca a espadana dun van con campá.



CAPELA DE SANTA OLAIA DE VILADEITE
 
En Viladeite, parroquia de Vilapún. Non se conservan restos, desapareceu hai uns cen anos. Nunha casa da aldea aínda se conservan algunhas imaxes. 
 


CAPELA DE SANTIAGO DE CASTELO
 
En Castelo, parroquia de Donís. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas aguas. Frontis con espadana dun van coroada por pináculos. Portada con arco de medio punto e relevo de tres estrelas, con dúas ventás laterais.
 


CAPELA DE OLMOS
 
En Olmos, parroquia de Vilaquinte. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Ao seu carón pequeno cemitetrio.



CAPELA DE SANTIAGO DE CORNEANTES
 
En Corneantes, parroquia de Donís. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos e unha cruz. Figura a data de 1807.

 

Nas inmediacións, ao ampliar a estrada local, saíron á luz varias tumbas medievais realizadas con laxes de lousa. Dixéronnos que no seu interior había restos humanos completos.
 


CAPELA DE SANTO ANDRÉ DE CELA   
 
En Cela, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pequena espadana dun van con campanil.
 
 

CAPELA DO SANTO ESTEVO DE BOLOIS
 
En Bolois, parroquia do Mosteiro. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais.

 


CAPELA DO SAN XOÁN DE DRADA
 
En Drada, parroquia da Ribeira. Planta rectangular cuberta en lousa a tres augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais.

 


CAPELA DO SAN XOÁN DE VILAR
 
En Vilar, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos.



CAPELA DO SAN FELIPE DE VALGOS
 
No lugar coñecido como A Valiña, no monte de Valgos, parroquia de A Ribeira, había unha ermida posta baixo o padroado do San Felipe. Na actualidade non quedan restos. Contáronnos que á capela de Santa Teresa asistían as persoas pudientes, e á de San Felipe as persoas con menos recrusos. 


CAPELA DO SAN XUSTO DE VILARGUITE
 
En Vilarguite, parroquia de Vilapún. Capela de planta rectangular en mal estado de conservacióninzada de maleza. No interior imaxes de San Xusto e San Pedro.
 


CAPELA DA VIRXE DAS CANDEAS DE LAMAS
 
Ermida de planta rectangular con espadana de dous vans. Adro cemiterio ao redor.
 


CAPELA DE SAVANE
 
En Savane, parroquia de Quindous. A capela pertenceu á coñecida como Casa Grande, desaparecida e convertida nunha nave para o gando e unha nova planta non tradicional nin na tipoloxía nin nos materiais. A capela está construída en pedra de xisto. Ten planta rectangular cuberta en lousa. Campanil dun van na fachada principal.



CRUCEIRO NA CAMPA DA BRAÑA
 
Moderno. Data do ano 1995.



A CASA DA CRUZ
 
Na Veiga do Seixo, onde na actualidade se levanta unha casa propiedade dos antepasados do noso informante, había unha cruz porque no sitio mataran a un home. (Información achegada por Sergio Núñez Cubero). 

 
PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA 


IGREXA DE SAN MIGUEL DE BARCIA 
 
Situada xunto o río Navia, foi construída en lousa e pedra calcaria. Presenta planta rectangular con teito de lousa a dúas augas. A porta principal está cuberta por un tellado sobre armazón de madeira e sobre ela ábrese un óculo. Ten unha espadana de dous vans. A ábsida, de estilo románico, data do século XIII, máis baixa ca nave conserva uns sinxelos canzorros. 
 
 
 
 
 
No interior conserva retábulos dos séculos XVII e XVIII. Bóveda con pinturas murais que representan a Gloria celestial presidida pola Trinidade, con María e o Bautista a ambos os lados, Adán e Eva, e as almas dos Benaventurados. Destaca un anxo-músico, un putti (anxo con cara de neno), cun instrumento de corda. Debaixo, representación da Última Cea, incompleta (está tapada), onde se ven tres Apóstolos sentados á mesa.
 




No mes de maio de 1898 os xesuítas celebraron unha misión.




IGREXA DE SANTA MARÍA DE CABANELA
 
Do século XVII. Ten planta de cruz latina cuberta en lousa. Trátase dun amplo templo encuberto por outras construcións anexas. A cúpula con lanterna a catro augas. Fronte con portada alintelada á que se accede por medio dun pórtico cuberto en lousa a tres augas. No interior conserva unha fermosa pía bautismal que pola tipoloxía debe ser obra do mesmo autor que fixo a da igrexa de Galegos (foto cortesía de Julia González Alonso). Ao cemiterio accédese por unha porta aberta no pórtico.
 



IGREXA DE SANTIAGO DE CASTAÑEDO
 
Templo dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous vans á que se accede a través dunha escaleira exterior. Un cabido a tres augas protexe a entrada principal. No interior retábulos renacentistas.



IGREXA DE SANTA EUFEMIA DE FOLGUEIRAS
 
Igrexa de estilo rural situada ás afóras do núcleo de poboación, non camiño que vai cara o castro de Folgueiras. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio cuberto a tres augas na mesma liña ca nave pero máis elevado. No muro dereito ten un alpendre cuxo teito é prolongación do da nave, apoiado en columnas de madeira. Espadana de dous vans. Foi recebada.



IGREXA DE SAN PEDRO DE FREIXÍS
 
Templo sinxelo, revestido ao exterior. Nave a dúas augas teitada con lousa. Espadana de dous vans. Sen interese artístico.

 


IGREXA DE SANTIAGO DE GALEGOS
 
Do século XVII. Ten planta de cruz latina e cruceiro de cúpula. A nave é máis baixa ca o resto da fábrica. Porta de medio punto. Espadana de dous vans. Sancristía no lado norte do presbiterio. Varios retábulos no interior.







IGREXA DE SANTIAGO DE MOIA
 
Nave a dúas augas e corpo central a catro augas cubertas en lousa. Porta de acceso alintelada. No interior consérvanse varias pinturas. Nun lateral vese o relevo dunha custodia coa inscrición: "Año Santo de 1875".

 
 


IGREXA DE SAN SALVADOR DE MOSTEIRO 
 
De orixe románica, presenta unha planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas, con ábsida á mesma altura. Ao interior accédese por un cabido con tellado de lousa cuberto a tres augas que apoia sobre catro columnas. Como remate da fachada disponse unha espadana de dous corpos, con dous vans no inferior e un no superior. Nun lateral do templo vense os banzos dunhas escaleiras polas que antigamente se subía á espadana.






IGREXA DE SAN XOSÉ DE MUÑÍS 
 
Construción moderna. Planta cadrada con muros chapados en pedra.

 


IGREXA DE SANTIAGO DE PENAMIL 
 
De finais do século XVII ou principios do XVIII, levantouse sobre un primitivo castro. As paredes son de xisto e está cuberta en lousa a dúas augas. O presbiterio é máis alto ca nave. Polo sur ten unha pequena nave lateral, e no lateral norte a sacristía e unha capela. Espadana de dúas troneiras, con campás do ano 1909; segundo nos achegou o investigador Xosé Troiano, foron feitas no obradoiro de José María de La Sota, de Lugo. No interior vese un sinxelo retábulo principal cunha imaxe moderna, en xeso, de Santiago Apóstolo montado a cabalo. Nas capelas laterais había outros retábulos que, segundo nos contaron, foron vendidos, xunto con algunhas tallas, por un antigo párroco. Conserva dúas modestas pías de xisto, unha para a auga bendita e outra máis grande para os bautismos. O chan é de madeira. O cemiterio desenvólvese ao redor do templo, actuando como adro
 



IGREXA DE SANTA MARÍA DE PIN
 
Situada na parte baixa do pobo. Nave de planta irregular. Presbiterio, cuberto a catro augas, é máis alto e estreito ca nave. A espadana, á que se accede por unhas escaleiras exteriores, está na fachada principal e ten dous ocos para as campás e un óculo superior; na parte posterior está cuberta por un tellado teitado, coma o resto do templo, de lousa. Adro-cemiterio ao redor.




IGREXA DE SANTA MARÍA MADALENA DA POBRA DE NAVIA
 
Na capital municipal. Do século XX.



IGREXA DE SANTIAGO DE QUEIZÁN
 
Igrexa dunha nave de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. A porta de acceso está protexida por un cabido. Espadana de dúas troneiras e pináculo triangular. Pezas neoclásicas no interior. Engadíronlle un antiestético "pórtico" de bloques".



IGREXA DE SANTA MARÍA DE RAO
 
Presenta unha nave rectangular cuberta a dúas augas. O presbiterio cúbrese cunha bóveda redonda sobre catro arcos. Na fachada principal está a porta de entrada, con arco de medio punto, unha fornela e un óculo, rematada por unha espadana de dous corpos e dous vans no inferior.

 

No interior conta con retábulos de gran valor datados entre os séculos XV e XVIII, os do século XV procedentes da desaparecida igrexa que se atopaba no lugar da Eirexe onde se construíu o novo cemiterio.  

No mes de marzo de 2015, o Bispado de Lugo arranxou o muro que arrodea a igrexa e o teito para evitar filtracións.

 

 

  

Nas inmediacións do templo atópase o coñecido como Castiñeiro das Cruces sobre o que era costume cravar unha cruz de madeira cando pasaba un enterro polo camiño cara o cemiterio parroquial. Segundo nos achegou o etnógrafo e historiador Clodio González Pérez, entre Murias e Robledo, na baixada cara o río Balouta, había outro castiñeiro adicado ao mesmo fin. E outro máis entre Meda e Rao. Segundo sinala González Reboredo, marcábase simbolicamente a saída do defunto da súa comunidade camiño do universo máis extenso da parroquia. (Foto de Walter Ebeling a principios dos anos trinta do pasado século XX).

  
 

IGREXA DE SANTO ESTEVO DA RIBEIRA
 
Da igrexa parroquial, desaparecida, só existen imprecisas referencias, o mesmo que o lugar exacto onde se atopaba o cemiterio. Os defuntos da parroquia lévannos a enterrar á de Sena, en Ibias (Asturias). O único edificio relixioso é unha capela particular situada na parte máis alta da aldea, construída, segundo figura nunha inscrición situada por riba da porta, no ano 1868. 



IGREXA DE SANTA MARIÑA DE RIBÓN
 
Trátase dunha sinxela construción de estilo rural galego dunha soa nave cuberta en lousa a dúas augas. Ao interior accédese por medio dun cabido cuxa cuberta asenta sobre unha armazón de madeira, apoiándose sobre columnas de bloques de cemento. A espadana dun van está coroada por unha cruz e pináculos, con campá do ano 1925. A reitoral, situada nas inmediacións e na actualidade en ruínas, construíuse sobre un castro.
 
 



IGREXA DE SAN XOÁN DE SEVANE
 
De estilo rural galego. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Fronte con porta alintelada. Cabido na entrada lateral norte está protexida por un alpendre. Espadana dun van cunha campá feita no ano 1960 no obradoiro Murua de Vitoria. Retábulos no interior.
 



IGREXA DE SANTA MARÍA DE SON
 
Situada ás afóras do núcleo de poboación. Ten unha nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio lixeiramente máis elevado. Espadana de tres corpos e tres ocos á que se accede por unha escaleira exterior. Porta principal en arco de medio punto, con óculo sobre ela. Alpendre apoiado sobre columnas de madeira. Recebada. No interior retábulo barroco con columnas salomónicas. Adro pechado. 



IGREXA DE SANTA MARÍA DE VALLO 
 
Situada na parte máis baixa do pobo. Igrexa de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Cabido a tres augas. Espadana dun van. Adro-cemiterio ao redor.



IGREXA DE SANTO ESTEVO DE VILARPANDÍN
 
Posúe tres naves, con presbiterio na cabeceira e dúas sancristías acaroadas ás naves laterais. Construída en cantería e cuberta a dúas augas; o presbiterio, con cuberta a catro augas, é máis alto ca nave. Na fachada disponse unha espadana de dous vans con dúas campás coa inscrición "1960". No seu interior conserva algunhas tallas dos séculos XV e XVI.



Na entrada ao adro hai un fenomenal pradairo branco citado no Inventario de árbores senlleiras de Galicia (1985).
 


CAPELA DO SANTÍSIMO DE MERA
 
Na parroquia de Barcia. Do século XVI. Construída en cachotaría de xisto. Porta alintelada cuberta por unha sinxela cuberta. Espadana dun van rematada en frontis. Cuberta en lousa a dúas augas.

 


CAPELA DO SAN BERNABEU DE FREIXEIRO
 
Na parroquia de Cabanela. Cuberta a dúas augas. Soportal. Espadana dun van.


CAPELA DE SAN RAMÓN DE FIGUEIRA
 
En Figueira, parroquia de Cabanela. Totalmente arruinada dende hai uns cincuenta anos. Tiña planta rectangular cun pórtico protexendo a entrada.



CAPELA DE SAN AFONSO DE BUSTO 
 
En Busto, parroquia de Cabanela. Ermida totalmente arruinada e cuberta pola matogueira.



CAPELA DE SANTA LUCÍA DE COEA
 
Na parroquia de Castañedo. Cuberta a dúas augas en lousa. Muros de laxes de xisto. Espadana dun van. Bo estado de conservación.

  

Segundo a lenda, os veciños atoparon unha imaxe da Madanela, a seguidora de Xesús, nun monte próximo e leváronna para a aldea, pero á mañá seguinte comprobaron que non estaba. Foron de novo ao monte e alí a viron, mais, cada vez que a trasladaban para o pobo, volvía desaparecer. Foi entón cando lle fixeron a capela.
 


CAPELA DA ASUNCIÓN DE LENCIAS
 
Na parroquia de Castañedo. Cuberta en lousa a dúas augas. Ten un pequeno cabido prolongación dos muros. No lugar coñecido como A Fonte do Mendo recolléronse referencias orais sobre a existencia dunha necrópole, posiblemente medieval, que foi alterada polos labores agrícolas. Ao parecer levantáronse lousas de gran tamaño.


CAPELA DA VIRXE DOS REMEDIOS DE VILAVERDE
 
Na parroquia de Folgueiras. Separada do núcleo de poboación, na parte alta do terreo. É de planta rectangular, cuberta a dúas augas. Espadana dun van. Pequeno cabido formado pola prolongación dos muros cuberto a unha auga.



CAPELA DE SEÓN
 
Na parroquia de Freixís. Semiarruinada.  Muros de xisto con cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van sen campá.


CAPELA DO SAN BRAIS DE VILARGOIDE
 
Na parroquia de Galegos. Construída en cachotaría de xisto. Cuberta en lousa a dúas augas. Porta en arco de medio punto. Pequeno cabido. No interior un pequeno retábulo rehabilitado.
 


CAPELA DE PARADELA
 
En Paradela, parroquia de Galegos. Ten planta rectangular e espadana dun van con campanil coroada con pináculos. Cuberta en lousa a dúas augas. Recebada. No interior retábulo con varias imaxes.



CAPELA DE QUINTÁ
 
Na parroquia de Moia. Foi destruída cando arranxaron os camiños polos anos sesenta do pasado século XX. Un veciño contounos que o xefe da empresa encargada de reparar os camiños levou canda el o campanil da ermida. Tiña varias imaxes que podreceron.

 


CAPELA DE VENTOSA
 
En Ventosa, parroquia de Moia. Desaparecida. Segundo información achegada por Bruno Pumares, seu avó contaba que incluso contaba con cemiterio. A súa campá, ao tanxer, alonxaba as treboadas. 


CAPELA DE MARCELÍN
 
Na parroquia de Mosteiro. Construída en xisto. Cuberta en lousa a dúas augas. Cabido prolongación dos muros.

   


CAPELA DE ABRENTE
 
Na parroquia de Mosteiro. De planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van. Cabido cuberto a tres augas. Nas inmediacións atopáronse unhas tumbas medievais feitas con laxas.

 


CAPELA DA VIRXE DAS NEVES DE SINADA
 
Na parroquia de Mosteiro. Capela de planta cadrada con cuberta de lousa a tres augas e pequeno cabido á entrada. Acabado enfoscado e pintado. Cuberta a tres augas. Ao seu carón consérvanse os alicerces da primitiva ermida. E case nula a documentación que atopamos sobre ela, pero si abunda a microtoponimia: A Ermida, Searo da Capilla, Tallos da Capilla, Monte da Capilla, Canto da Capilla ou Leira da Capilla.
 



CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS CANDEAS DE MOLMEÁN
 
Na parroquia de Mosteiro. Moi alterada pola construción dunha casa. Apenas se recoñece.


CAPELA DA CERNADA
 
Na parroquia de Muñís. Acaroada a unha casa. Construída en xisto. Cuberta en lousa a dúas augas. 


CAPELA DOS REMEDIOS DE VILARANTÓN
 
Na parroquia de Muñís. Muros de pedra revestidos e caleados. Cuberta a dúas augas en lousa. Espadana dun van rematada por unha cruz. Pórtico a tres augas protexendo a entrada. Nun lateral figura a seguinte inscrición: "DEBOTOS DE LA BIRGEN DE LOS ROMEDIOS".


 


CAPELA DE SAN PEDRO DE FONTELA
 
En Fontela, parroquia de Muñís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Na fachada principal, sobre a porta de entrada, espadana dun van. Recebada. Preto érgue unha espadana exenta.




CAPELA DO SANTO ANTÓN DE VILAGONCIDE
 
En Vilagoncide, parroquia de Pin. Construída en xisto, ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Na fachada principal pequena espadana con campanil.



CAPELA DE MAZAIRA 
 
Na parroquia de Pin. Capela con muros de xisto cuberta en lousa a catro augas. Pórtico sustentado pola prolongación dos muros da nave. Tres chanzos de acceso.

 


CAPELA DE LIÑARES 
 
En Liñares, parroquia de Queizán. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico aberto protexendo a entrada. No tellado érguese unha cruz de mármore.



CAPELA DO SANTO ANDRÉ DE MÉIXAMO 
 
Na parroquia de Queizán. Do século XVIII. Capela rústica cuberta a catro augas, con pequeno pórtico de acceso. Espadana dun van. Segundo información do investigador Xosé Troiano, a campá parece que foi feita por  Francisco Blanco Palacio en Mondoñedo no ano 1814.
 



CAPELA DO SANTO ANTÓN DE VILARGUENDE
 
En Vilarguende, parroquia de Queizán. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coronada cun pináculo.



CAPELA DO SAN DONATO DE MURIAS
 
En Murias, parroquia de Rao. A primitiva ermida desapareceu, na actualidade trasladouse á antiga escola.

 


CAPELA DE CORO
 
En Coro, parroquia de Rao. Data do ano 1884. Cóntase que a imaxe de Santa Mariña baixaba dende a Braña de Vilarmundín ata que os veciños lle construíron a ermida.



CAPELA DE AIGAS
 
Na parroquia de Rao. Situada a carón dunha casa entre camiños. Cuberta a dúas augas e estrutura de madeira. Pórtico formado polos muros laterais saíntes.
 
 


CAPELA DE BECERRAL
 
Na parroquia de Rao. En ruínas. Tan só se aprecian os restos dos muros laterais e parte da carpintería e estrutura de madeira.


CAPELA DO CEMITERIO DE RAO
 
Capela de reducidas dimensións situada no interior do vello cemiterio parroquial. Muros de xisto con restos de caleado nas fachadas. Cuberta en lousa a dúas augas. Por riba da porta de madeira vese un pequeno óculo.



CAPELA DE ROBLEDO
 
Na parroquia de Rao. Situada nun cruce de rúas entre varias casas. Con voadizo sobre muros saíntes.

 


CAPELA DE TRASERRA
 
Na parroquia de Rao. Planta rectangular, cuberta en lousa a dúas augas.  


CAPELA DE SANTO ESTEVO DA RIBEIRA
 
Na parroquia da Ribeira. De pequenas dimensións, conta cun fronte sinxelo. Muros laterais con restos de caleado. A espadana desapareceu.


CAPELA DA INMACULADA DE RIBÓN
 
Na parroquia de Ribón. Cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van cunha pequena campá con figuras orantes. 
 



CAPELA DE MURIAS DO CAMÍN
 
Nos Interrogatorios do Catrastro de Ensenada de 1752, cítase como límite entre as parroquias de Ribón (Navia de Suarna) e Vilaquinte (Cervantes) o Marco da Ermida. No sitio consérvase o topónimo A Ermida e Camiño da Ermida. Non quedan restos.
 



CAPELA DO SAN ANTÓN DAS CASAS DO RÍO
 
Na parroquia de Son. Cuberta en lousa a dúas augas. Fronte caleado. Espadana dun van.



CAPELA DE CERREDO
 
Na parroquia de Son. Cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz.



CAPELA DE ROBLEDO
 
Na parroquia de Son. En xisto. Cuberta en lousa a dúas augas. Campanil de cemento, construído, segundo se ve nunha inscrición, no ano 1981. Pequeno soportal formado pola prolongación dos muros laterais. Grande escalinata de acceso. Na parte posterior apréciase unha porta tapiada con arco de medio punto feito con laxes; contáronnos que era a primitiva entrada á ermida que, segundo o párroco, é a máis antiga da contorna.

 


CAPELA DE ACEVEDO 
 
Na parroquia de Vilarpandín. De forma rectangular construída en cachotería de xisto. Foi destruída despois do 2010 cando a ampliación da estrada. Só conserva parte do muro posterior. Os veciños gardaron as imaxes.
 


CAPELA DE NOSA SEÑORA DE VIRIGO
 
Na parroquia de Vilarpandín. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis elevado a catro augas. Espadana dun van.
 

 
PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE AS NOGAIS 


IGREXA DE SANTA MARÍA DA ALENCE  
 
A parroquia creouse durante a reforma do ano 1891. A igrexa, do século XIX, foi construída sobre unha antiga capela posta baixo o padroado de San Adrao. Ten planta rectangular e espadana de dous vans. No interior un retábulo sinxelo de estilo neoclásico con motivos barrocos. Talla do San Adrao. Adro-cemiterio ao redor.

 

IGREXA DE SANTIAGO DE DONCOS
 
Templo consagrado no ano 1610 con restos románicos do século XII, sufragado polos devanceiros do conde de Ayala e Monterrei, señores de Doncos. Ten planta rectangular con nave cuberta en lousa a dúas augas, presbiterio de maior altura con bóveda de aresta. No interior, retábulo maior coa imaxe de Santiago Peregrino. A imaxe orixinal do patrón desapareceu a finais dos anos sesenta do pasado século. A capela lateral posúe unha inscrición do ano 1628 e ten un arco rebaixado, bóveda de canón e un retábulo barroco no interior. No ano 1809, a raíz do asalto das tropas napoleónicas á vila, sufriu grandes danos. O cemiterio parroquial arrodea o templo. A torre acolle un reloxo colocado no ano 1904, sen motor ao que lle hai que dar corda todos os días e cun sistema que axuda a predecir os fenómenos meteorolóxicos. Cando hai máis dun século lle ofreceron aos veciños de Doncos a traída da auga ou o reloxo, optaron polo segundo. Durante moitos anos estivo adiantado cinco minutos para evitar que os veciños perderan o autobús. 



IGREXA DE SAN XOÁN DE NOCEDA
 
Fundada pola casa-fortaleza de Noceda, situada en fronte. A súa orixe podería estar nun antigo templo románico. Os da casa conservaban o dereito de presentación de curato. Presenta tres naves con cubrición de lousa. No frontis está a porta de entrada ás naves laterais. A torre ten dous corpos con catro e oito vans respectivamente. Adro-cemiterio ao redor. Na actualidade atópase por baixo do nivel do camiño que cos anos foi ganando altura. Segundo a lenda, as campás teñen sona de alonxar os lóstregos. 

A casa reitoral é de planta cadrada a base de muros de cachotería revocados e pintados; mantén a carpintería orixinal nas portas de acceso, o resto foron substituídas por carpintería de aluminio.



IGREXA DE SANTO ANDRÉ DAS NOGAIS 
 
Toda a información na parte dedicada aos mosteiros.


IGREXA DE SANTA MARÍA MADANELA DAS NOGAIS
 
Construída no ano 1858. Ten planta rectangular con nave, presbiterio e sancristía. Cuberta a dúas augas, con tellado de lousa sobre armadura de madeira. Porta lateral alintelada. Conserva unha imaxe de María Madalena do século XVIII procedente dun retábulo desaparecido. No Museo Diocesán de Lugo consérvase un crucifixo prerrománico con trazas bizantinas.

  

Segundo noticia recollida o día 2 de agosto de 1922 polo xornal El Compostelano, ao ir dicir misa o cura párroco, don Crisanto Suárez Fernández, viu que a porta da igrexa fora violentada. En compañía de varios fregueses entrou no interior, comprobando que levaran un copón, un colar de "doublé", un rosario, tres petos para as esmolas con cartos, un portaviático de prata e uns pendentes de ouro. As Sagradas formas foran profanadas. Os petos abertos foron atopados nas inmediacións pero sen cartos, e tamén a rella dun arado, ferramenta que ao parecer utilizaran os ladróns para forzar a porta. Non se soubo quen foron os autores.  


IGREXA DE SAN COSME DE NULLÁN
 
Renacentista, reformada no ano 1623. Ten aspecto de fortaleza. A súa disposición é pouco habitual xa que abre tres pórticos correspondentes a outras tantas naves que, ao mesmo tempo, están protexidas por dous cabidos abertos que gorecen as portas de acceso. É de planta de cruz latina, con bóveda de aresta nas naves laterais, e de canón na central. No interior posúe pinturas murais na bóveda central e varios retábulos, o maior renacentista. Algunhas estatuas do templo tiñan as súas propias rendas, tal como nolo achega un testamento do crego Pedro de Arrojo que mandara edificar unha torre da casa reitoral. A reitoral, arruinada (só se conserva un muro), constaba de dous andares.
 

  

Consérvase un vello cadaleito onde transportaban ao mortos da parroquia con poucos recursos económicos do que achegamos dúas fotos, unha de hai uns trinta anos e outra actual.



 
IGREXA DE SAN PEDRO DE QUINTÁ
 
Situada en Santalla, parroquia de Quintá. Orixe no século XIX. Sufriu un incendio no ano 1927, e foi restaurada no 1982. Posúe unha nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana rústica de dous vans e frontón triangular. Protexe o acceso un porche-cabido de tres arcadas de medio punto. O presbiterio é máis elevadado ca nave. A sancristía está no lateral norte. Adro-cemiterio ao redor. No interior custodia unha copa cunha inscrición que di: "Este copón mando haser el Lic. Ciprián Vázquez. Año de 1686".



IGREXA DE SAN XOÁN DE TORÉS
 
Érguese preto do arruinado castelo medieval. Posible orixe baixomedieval. O templo actual é do século XVII, de marcado aire renacentista, consta de tres naves e frontis protexido por un pórtico. No lintel dunha porta figura unha inscrición datada no ano 1648, sendo párroco Bartolomé Gómez Pozo, e noutra lateral unha do ano 1715. No interior consérvase un interesante retábulo barroco coa imaxe do patrón San Xoán Bautista que López Pombo cre obra de Francisco de Moure. Na bóveda do presbiterio consérvanse unhas pinturas murais con tres medallóns que representan o Agnus Dei, Santa Catarina e unha escea do Nacemento; entre os medallóns vense as cabezas duns anxos. Tamén se poden ver uns sepulcros e labras heráldicas dalgunhas familias fidalgas de Torés e dous panteóns situados na capela maior que corresponden a un cabaleiro en posición xacente e unha muller dos Ribadeneira, representativos da escultura funeraria galega do século XVI ou principios do XVII. O templo custodia varias pezas de ourivería dos séculos XVII e XVIII, entre outras unha cruz procesional e unha custodia coa inscrción:  "Diolo don Pedro Bolaño señor de Torés y Junqueras. Año 1667". O retábulo maior é barroco, pintado e dourado entre os anos 1766 e 1787. No mes de marzo de 2015, a Deputación Provincial e o Bispado de Lugo asinaron un convenio para restaurar o retábulo maior.
 
 

 
 
  

No Arquivo Diocesán de Lugo gárdase diversa documentación, entre outra un libro de fábrica con interesantes datos, entre eles un do ano 1811 no que se dá conta do deficiente aspecto que presentaba o templo despois do paso das tropas napoleónicas no ano 1809.

 
 
  

Segundo o Catastro de Ensenada do ano 1752, o cura párroco Carlos Osorio percibía décimos maiores e menores de Riomao, Quintela, Fillobal, As Cruces, A Alence, Pando e Vilarín, e a oitava parte dos que pagaban os veciños de Rodís, Estacas, Meizarán e Fulgueiras, dos que unha parte ían para o rei por subsidio de escusado, outra para o visitador xeral do bispado de Lugo, e outra parte para o arcediago de Triacastela por razón de loitosa, mantendo ademais un vigairo para axudar á administración dos seus curatos.

A casa reitoral atópase en situación de semirruína. Conserva alteración con ladrillos á vista. Salienta unha porta de acceso con arco alintelado.



IGREXA DE SAN XOÁN DE VILAICENTE
 
O conxunto de tallas e retábulos que conserva no interior son do século XVII. No interior pódese ver unha pedra armeira dos Neira, Bolaño, Balboa e Becerra (antes do seu traslado estaba fóra, xunto a porta de entrada). Fronte con porta alintelada protexida por unha amplo arco que fai de cabido e de estribo para soster as terras da parte de ponente, solución que resulta moi orixinal. Espadana dun van. O retábulo maior é barroco, consta dun corpo e ático con catro columnas salomónicas con racimos. Ten tamén un retábulo nunha capela lateral. 

 
 
  

No cemiterio parroquial que cincunda o templo repousa Antonio Becerra Chao que lle extraeu, a mediados do século XIX nun mesón das Nogais, unha moa á raíña Isabel II. Debido a isto, o home, que exercía como curandeiro, foi nomeado Caballero Cubierto da Real Orde de Isabel a Católica o día 26 de outubro de 1858, é dicir, gozaba do privilexio de non quitarse o sombreiro diante do rei. 

No cemiterio tamén está enterrado Gonzalo Becerra Souto, morto no ano 1976, loitador antifascista; na súa lápida lese: "Perseguido por sus ideales".   


CAPELA DE SAN ANTÓN DE VILAVEXE 
 
En Vilavexe, na parroquia de Santo André. De planta rectangular con nave e presbiterio. Construída en pedra e cuberta en lousa a dúas augas. Coroada por un pequeno campanil. As imaxes do interior son de escaso valor artístico. A festa celébrase o 17 de xaneiro e o 13 de xuño. Algúns devotos seguen ofrecendo produtos derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios relixiosos.



CAPELA DE FORCAS
 
En Forcas, parroquia de Nullán. Houbo unha ermida posta baixo a advocación de San Antonio. Non quedan restos. Na casa do Pombo consérvanse o retábulo e varias tallas.  O documento fundacional consérvase no Arquivo do Bispado de Lugo.


CAPELA DE SAN MARTIÑO DE VILARÍN
 
Pequena construción a dúas augas cuberta con lousas de xisto. No interior conserva unha talla de San Martiño de Tours.



CAPELA DO PAZO DE DONCOS
 
No interior do Pazo de Doncos. Século XIX.

 


CAPELA DE SAN PAIO DE ESPARIZ
 
En Espariz, parroquia de Doncos. Século XIX-XX. Sen interese artístico. Sufriu unha lamentable restauración por parte dun cura de nome don José. A simple vista carece de calquera elemento que o identifique cunha ermida.



CAPELA DE SANTA MARIÑA DE SEBRÁS
 
En Sebrás, parroquia de Doncos. Capela en ruínas. Planta rectangular con muros de cachotería. O cabido está formado pola prolongación dos muros laterais. Carece de imaxinería.

  

CAPELA DE SAN PEDRO
 
En San Pedro, parroquia de Noceda. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. O cabido é unha prolongación dos muros laterais.

 

CAPELA DE SANTA OLAIA DE CASTELO
 
En Castelo, parroquia de Doncos. Sitúase no interior do cemiterio parroquial, sobre un primitivo castro. Substituíu a outra máis antiga. Sen interese artístico.

 

CAPELA DO SAN XOÁN 
 
Segundo nos achegou Abel Iván Arias Alba, entre a aldea de Vilar e Santo André hai un lugar coñecido como Campa do San Xoán onde había unha capela da que non quedan restos. Sábese que era de planta rectangular, cunha superficie de entre 30 e 40 metros cadrados; no interior albergaba as imaxes de Santa Isabel, Santa Inés e San Xoán que a finais do século XIX ou primeiros do XX foron trasladadas á parroquial de Santo André, situadas á dereita do altar maior. Na Campa do San Xoán facíase unha fogueira o día 24 de xuño.


CAPELA DO SAN ROQUE DA LAGÚA 
 
Na Lagúa, parroquia de Santo André. Sen interese artístico. Planta cadrada cuberta en lousa a dúas augas. Sobre a entrada álzase un pequeno campanil.



CAPELA DE VILAESTEVA
 
En Vilaesteva, parroquia de Torés. Posible orixe baixomedieval. Construída con pedra calcaria, agás no lintel da porta e nas xambas e nas dúas ventás a carón da porta que é de granito. Os muros laterais sobresaen para formar un pórtico cuberto. Ábsida semicircular. Espadana dun oco que tivo un pequeno campanil que foi substiuído por unha campa contruída no ano 2000. Ao roturar as terras apareceron tumbas de laxes de lousa baixomedievais que foron destruídas.

 



PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO 


IGREXA DE SANTA MARÍA A REAL DO CEBREIRO  
 
Información na parte dedicada aos mosteiros.


IGREXA DE SAN XOÁN DE FONFRÍA
 
Do século XVI. Sufriu varias reformas, sendo a máis importante no ano 1964. Consta dunha nave rectangular con muros de pedra, cuberta en lousa e espadana de tres vans. A sancristía atópase nun lateral da nave. No interior acolle un retábulo con diversas tallas. Atópase no Camiño Francés a Santiago de Compostela. 
 

En tempos houbo eiquí un hospital de peregrinos que dependía do convento do Sancti Spiritus de Melide, e que fornecía aos camiñantes de lume, auga, sal e cama con dúas mantas, e aos doentes, ademais, con ovos, pan e manteiga.

 

O pobo debe o seu nome a unha fonte que aínda existe, situada fronte da igrexa parroquial, para aliviar a sede aos peregrinos (a antiga fonte desapareceu, foi substituída por unha de cemento).



IGREXA DE SAN XOÁN DE HOSPITAL
 
Orixe no século XII. Foi filial do Cebreiro. A fundación que dá nome á parroquia atribúese á condesa Egilo, esposa do conde Gatón. Ten unha nave de planta de cruz latina. Está realizada con muros de cadeirado e tellado cuberto de lousa. Conta cunha torre porticada que dá acceso ao templo, e coroada por unha cruz de Santiago. Ao campanario accédese por unha escaleira exterior. No mes de agosto de 1975 a igrexa sufriu o roubo de dúas imaxes do século XVII; o feito foi denunciado polo sacerdote que se atopou con que a porta fora forzada. Atópase no Camiño Francés a Santiago de Compostela.
 




IGREXA DE SANTO ESTEVO DE LIÑARES
 
Xunto o Camiño Francés de Santiago. Orixe no século XI, aínda que hai quen sitúa a súa fundación no ano 714. Presenta unha nave de planta rectangular, muros de cantería e cuberta de lousa a dúas e catro augas. A torre de tres corpos, situada na fachada, actúa como frontis; o primeiro corpo constitúe un cabido que resgarda a porta enmarcada por un arco de medio punto; o segundo, que acollen as campás, ten catro vans, e o último está coroado por pináculos. No interior conserva un retábulo maior de factura barroca. Na Idade Media pertenceu ao mosteiro do Cebreiro ao que subministraba liño.



IGREXA DE SAN VICENTE DE LOUSADA
 
Nave a dúas augas. Preside o acceso ao templo un amplo torreón cadrado de tres corpos, con catro vans e dúas campás. A porta lateral está protexida por un pórtico rústico con tres piares. Capela maior máis elevada ca nave, cuberta en lousa a catro augas. No interior retábulo maior neoclásico. Conserva varias imaxes, destacando unha da Virxe co Neno do século XVI. Pía bautismal de mármore branca e cáliz de prata do século XVIII.

 


IGREXA DE SAN XOÁN DE LOUZARELA
 
En principio foi capela do Ecce Homo, sendo no ano 1845 cando pasou a parroquial. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Sinxela espadana de dous vans. Presbiterio máis elevado ca nave. Sancristía na parte posterior do presbiterio. Posúe un amplo cabido con tres vans, cuberto a tres augas. No interior retábulo de dous corpos, o inferior con columnas barrocas. Imaxes do San Pedro, a Inmaculada, Virxe do século XV, e San Sebastián. Pía bautismal de pedra calcaria.


  

A festividade do Ecce Homo conmemórase os días 13 e 14 de outubro. Os devotos dan voltas ao redor da imaxe para acadar a sua protección.
 



IGREXA DE SAN LOURENZO DE PACIOS
 
Ten planta rectangular e torre cadrada de tres corpos. Nave cuberta en lousa a dúas augas. Polo lado norte ábrese un recinto que serve de pórtico de acceso ao templo, con arco de medio punto. Carece de fronte xa que está adosado á coñecida como Casa do Señor, con acceso directo ao interior e ao coro alto. Torre de planta cadrada de tres corpos. Presbiterio na mesma liña ca nave. Sobre a ábsida apoia un portón de entrada do patio dunha casa. Arco triunfal de medio punto. No interior retábulo barroco do século XVIII, feito en madeira de nogueira policromada, coas imaxes de San Lourenzo, San Xosé e Santiago, e Cristo no cume. Dous retábulos laterais de factura barroca coas imaxes de Santa Ana e a Virxe e o Neno do século XV. 



IGREXA DE SAN XOÁN DE PADORNELO
 
Do século XV. Houbo unha encomenda dos Hospitalarios de San Xoán de Malta. Ten planta rectangular, muros de cadeirado e cuberta de lousa. A entrada, cuberta, atópase nun lateral. Espadana de tres vans coroada por unha cruz de Santiago. No interior pódese ver un retábulo barroco do século XVI e varias esculturas. Atópase no Camiño Francés a Santiago de Compostela.

Segundo a Historia Compostelana, do século XII, o pobo foi mercado para a mitra compostelá polo arcebispo Xelmirez.




IGREXA DO SAN ANTÓN DE PEDRAFITA DO CEBREIRO 
 
Na capital municipal. Posúe unha ampla nave cuberta en lousa a catro augas. A fronte está formada por unha torre cadrada de pedra, con tres troneiras e un pórtico que protexe a porta de entrada. No interior imaxes do San Antón, a Inmaculada do século XVI, San Roque e Cristo.



IGREXA DE SANTA MARÍA MADALENA DE RIOCEREIXA 
 
Nave concuberta en lousa a dúas augas. No lateral sur presenta un pórtico corrido ao que dan acceso dúas arcadas de medio punto unidas por un piar central. Fronte de cachotería de lousa. Espadana de dous vans cunha troneira superior. O presbiterio é máis alto ca nave. No interior conserva un retábulo de pouco valor artístico. Imaxes de María Madalena, Santo Anxo co Neno, San Antón e outra santa, todas do século XVIII. Na sancristía unha talla da Virxe co Neno. Adro-cemiterio ao redor. 

Contáronnos que non moi lonxe, preto dunha fonte, ao ampliar un camiño, apareceron tumbas feitas con lousas con ósos humanos no seu interior; foron destruídas.



IGREXA DE SANTA MARÍA DE VEIGA DE FORCAS
 
Construída no ano 1668 por mandato do presbítero Pedro de Armesto. De planta rectangular, cuberta en lousa a catro augas. No lateral esquerdo ábrese unha arcada, hoxe en día cega, que servía de paso directo á casa dos Armesto. Na fronte unha robusta torre de tres corpos, no inferior arcada de acceso que fai de pórtico. Presbiterio máis elevado ca nave, formando mesmo corpo ca sancristía. No interior retábulo do século XVIII. Imaxes de Santa Lucía, San Francisco, Cristo, a Inmaculada e outro santo, todas de estilo barroco. Cemiterio ao redor.

Nas inmediacións está a casa-torre de Veiga de Forcas, con dous escudos. Case destruída polo abandono hai poucos anos.



IGREXA DE SAN MARTIÑO DE ZANFOGA 
 
De planta rectangular, consta de tres naves. Portada en arco de medio punto, con tímpano alintelado. Torre de dous corpos con cinco troneiras na parte superior, cuberta en lousa a catro augas. Presbiterio máis elevado ca nave. No interior retábulo maior barroco, dourado. Dous retábulos máis nos laterais. Imaxe de Nosa Señora do Carme, e unha representación do Inferno. Cruz parroquial de prata do século XVIII. No adro conserva unha cruz de madeira e base de pedra. 

 

No ano 1339, Era 1377 ("era de mill e trezentos e seteenta e sete annos, dezeoyto dias de abril", María Fernández testa a favor do mosteiro de Santa María de Montederramo a metade das herdades que posúe en San Martiño de Zanfoga. O testamento é autorizado polo notario público da Terra de Caldelas, Juan Pérez, na "Era de mil e CCCLXXVII annos, sesta feyra, vinte e quatro dias do abril".

 
Na torre hai un escudo coa seguinte inscrición: "Esta obra la iço D Francisco Garido, comisario del Santo Oficio, siendo cura. Ano de 1680". A palma e a espada eran os emblemas da Inquisición.
 


CAPELA DOS MILAGRES DE BARXAMAIOR
 
En Barxamaior, parroquia do Cebreiro. Sinxela capela rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van. Regular estado de conservación. De Barxamaior era Xoán Santín, un dos protagonistas do coñecido como Milagre do Cebreiro, acontecido arredor do ano 1300.




CAPELA DO SAN ANTÓN DE FONTEFERREIRA
 
En Fonteferreira, parroquia do Cebreiro. Sinxela capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pequena espadana dun oco com campanil.



CAPELA DO SAN MIGUEL DE FOXOS
 
En Foxos, parroquia do Cebreiro. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Porta de acceso rematada en arco de medio punto con tres ventás rematadas tamén en medio punto. Espadana dun van.



CAPELA DE SAN BRAIS DE COTERCES
 
En Coterces, parroquia de Liñares. Pequena ermida con espadana dun van. Tivo un interesante banco e altar. Tiña un ben traballado retábulo do que, nunha visita en xullo de 2017, non atopamos restos xa que o interior atópase en estado total de abandono. Teitáronna de novo hai poucos anos. Apegada a unha casa moderna.

 


CAPELA DE SAN BARTOLOMEU DE CHAN DE PENA
 
En Chan de Pena, parroquia de Lousada. Capela de planta rectangular con cuberta en lousa a dúas augas. No interior imaxes do San Bartolomeu e Santa Bárbara. Pequena espadana dun van coroada por unha cruz de ferro.

 


CAPELA DE SANTA BÁRBARA DA RABACEIRA
 
Na Rabaceira, parroquia de Lousada. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico de acceso formado pola prolongación dos muros laterais. No crucel do tellado cruz de ferro. Sobre a porta da entrada hai outra cruz de madeira. No interior imaxe de Santa Bárbara de feitura barroca.


CAPELA DE SANTIAGO DE SANTALLA
 
En Santalla, parroquia de Lousada. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pequeno pórtico a unha auga. A un dos muros adosáronlle un alpendre moderno. No interior imaxes de Santiago Peregrino e Virxe co Neno do século XVI.



CAPELA DE SAN MATÍAS DE TRABAZAS
 
En Trabazas, parroquia de Lousada. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior retábulo barroco en mal estado de conservación coa imaxe de San Matías. Na parte posterior atópase o cemiterio.

 


CAPELA DE SANTA BÁRBARA DE VAL DE FARIÑA
 
En Val de Fariña, parroquia de Louzarela. Planta cadrada con cuberta en lousa a dúas augas. Pequeno pórtico formado pola prolongación dos muros laterais da nave.



CAPELA DO SAN ANTÓN DO SEIXO
 
No Seixo, parroquia de Pacios. Atópase algo enterrada á entrada do pobo. Planta rectangular con muros de pedra caleados. Espadana dun van. Recebada con cemento. Tiña un retablo que, ao parecer, foi queimado.

 


CAPELA DO SAGRADO CORAZÓN DE SABUGOS
 
En Sabugos, parroquia de Padornelo. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico que protexe a entrada. Espadana dun van. Carece de imaxes.



CAPELA DO SANTO ANXO DA GARDA DE VILASOL
 
En Vilasol, parroquia de Padornelo. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico rústico formado pola prolongación dos muros de pedra. Nunha visita que fixemos no mes de xullo de 2017 puidemos comprobar que xa non se atopa en estado ruinoso, os veciños arranxaron tanto o exterior como o interior.  No sinxelo retábulo vense as imaxes do Santo Anxo e do San Vitorino. Ao seu carón pasa un camiño que dende antigo comunica Vilasol con Vilarín, nas Nogais. 

 

A súa festividade é o día 2 de outubro. Algúns devotos seguen a ofrecer produtos derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios relixiosos. Contáronnos que o novo cura, cando a misa do patrón, deixou de utilizar o primitivo altar, agora hai que poñerlle unha pequena mesa o que provoca certo malestar nos veciños xa que o reducido interior faise aínda máis pequeno.
 
 


CAPELA DE SAN PEDRO
 
En San Pedro, parroquia de Riocereixa. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Campanil inserido nunha pequena espadana. Imaxe do San Pedro no interior. Adosáronlle algunha construción moderna.

 


CAPELA E SANTA BÁRBARA DE RUBIAIS
 
En Rubiais, parroquia de Zanfoga. Planta rectangular de muros de pedra revocados con morteiro de cemento, cuberta en lousa a dúas augas. Cabido sinxelo nun lateral que protexe a porta de entrada. No interior imaxe de Santa Bárbara do século XVIII.



CRUCEIRO NO CEBREIRO
 
Descoñécese a súa orixe, se é de nova construción ou se foi levado doutro sitio, así coma se pode haber diferenza de idade entre as pezas que o forman.



CRUZ NO ALTO DO POIO
 
De madeira, situado a carón do Camiño Francés a Santiago.



O CÁLIZ DA CAPELA DO HOSPITAL DE SANTA CATARINA DE FONFRÍA
 
O investigador Luis López Pombo enviounos unha foto e a información do cáliz que foi da capela do Hospital de Santa Catarina de Fonfría e que na actualidade se atopa na igrexa conventual de Melide. O interesante cáliz de prata leva unha inscrición que di: "SOI DEL HOSPITAL DE FUENFRIA".



Patrimonio relixioso da Comarca dos Ancares
 
A descrición e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
Cando se dea o caso, as imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares