* Os Camiños de Santiago polos Ancares: A Vía de Künig


Ata non hai moito, a única ruta coñecida polos peregrinos a Compostela que entraban en Galicia por Pedrafita do Cebreiro era o Camiño Francés. Mais na comarca dos Ancares a trasmisión oral falábanos de que moitos xacobitas utilizaban unha variante máis levadeira que, por unha parte evitaba a agreste orografía do itinerario descrito no Liber Sancti Iacobi e pola outra as duras condicións meteorolóxicas durante o inverno. Foi un monxe alsaciano quen, a partir do século XV, popularizou este percorrido que dende o Alto de Pedrafita tomaba un camiño máis ao norte discorrendo polos concellos das Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo, entrando na cidade de Lugo onde enlazaba co Camiño Primitivo. 

Foi a mediados do ano 2015 cando Raquel Fernández, da Asociación Val de Torés, me comentou que estaban a traballar para que a Xunta de Galicia recoñecera unha variante do Camiño Francés de Santiago que dende Padornelo se dirixía cara Lugo polo concello das Nogais. Se ben é certo que tiña coñecemento dalgunha lenda e de informacións orais que falaban do tránsito de solitarios peregrinos por lugares bastante afastados da ruta descrita no libro quinto do famoso Liber Sancti Iacobi do século XII, tamén o é que carecía de fontes documentais que o testemuñaran. 

Foi a partir de aí cando os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares nos puxemos a pescudar na procura dalgún dato, por moi pequeno que fose, que nos achegara algo de luz sobre un posible desvío do Camiño polos concellos das Nogais, Becerreá e Baralla. 

Sobra dicir que os primeiros intentos para acadar algunha información foi pescudando na internet, pero os resultados sempre nos levaban ao Camiño Francés, Camiño de Fisterra, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Camiño Primitivo ou Camiño de Inverno. Sobre unha ruta pola comarca dos Ancares, ren de ren. Mais un día, cando andabamos a buscar uns libros, xa descatalogados, na Biblioteca de Lugo, demos cun pequeno libriño que nos chamou a atención: A peregrinaxe e o Camiño de Hermannus Künig de Vach, unha guía de peregrinos traducida e anotada por K. Herbers e R. Plötz, con versión galega de X. M. García Álvarez (1999). 

 

UNHA GUÍA DO SÉCULO XV 

Herman Künig de Vach era un monxe da zona de Estrasburgo (Alsacia) que profesou na orde mendicante dos servitas (Servos de María) xurdida en Italia a mediados do século XIII. Aínda que se descoñece de onde era natural, conxectúrase que podería ser da rexión de Werra xa que o texto está impreso nunha lingua que se pode admitir como medioalemán. O apelido Vach remite ao mosteiro dos servitas de Vacha. Künig figura nas fontes do cenobio nos anos 1479 e 1486 coma un mendicante ou esmoleiro. Despois dunha viaxe que realizou a Compostela, redactou unha guía dirixida principalmente aos peregrinos alemáns: Die wallfahrt und strass zu Sant Jacob. Consta de 651 versos, está escrita en pareados, quizais coa intención de facer moito máis doada a aprendizaxe. Nun dos versos queda reflectido o nome do autor, e noutro que o libro foi escrito no día de Santa Ana do ano 1495. A impresión da primeira edición do opúsculo crese que foi en Estrasburgo, no obradoiro de Matthias Hüpfuff.

A guía comeza do seguinte xeito: “Eu, Hermann Künig de Vach,/quero coa axuda de Deus/compoñer un pequeno libriño,/que se ha de chamar “o camiño de Santiago”./Nel quero describir camiños e pasos/e de que xeito todo irmán de Santiago/se ha de prover con bebida e comida,/e nel tampouco quero/deixar sen amentar as moitas maldades dos capóns./Tamén quero dar instrución pracenteira/sobre todo aquilo do que todo irmán debe precaverse/e de como ha de servir con dilixencia a Deus e Santiago./Isto pagaranllo Deus e Santiago”. O termo capóns era empregado posiblemente para referirse despectivamente a taberneiros e hospedeiros. 

Künig recomenda saír de Alemaña seguindo a oberstrasse ou vía alta (para a volta recomenda a niederstrasse ou vía baixa), comezando en Einsiedeln e pasando, entre outras cidades, por Berna, Friburgo, Xenebra e Nimes, enlazando a partir daquí coa ruta trazada polo Liber Sancti Iacobi, atravesando os Pirineos por Roscenvalles. O monxe apenas fai alusión á paisaxe, ás lendas e tradicións, preocupándose por cuestións máis prácticas: lugares, distanciaas, posibilidade de pousada, a calidade da comida e a bebida, a ruindade dos hospitaleiros ou como evitar os duros pasos invernais, se ben estes detalles van diminuíndo gradualmente a medida que se vai afastando do punto de partida. De feito, en Vilafranca do Bierzo (Willefrancken) só recomenda beber viño con sentido, “porque a máis dun quéimalle o corazón, que se apaga coma unha candea”. En Galicia só nomea tres sitios polo seu nome: o Porto de Pedrafita (Allefaber), Lugo (Lucas) e Santiago de Compostela (Compostell), citando os demais lugares situados entre os anteriores por algunha outra característica (xeográfica, monumental...) e sinalando as distancias en leguas. 

 

Para evitar unha das partes máis duras do Camiño Francés por Galicia (O Cebreiro, Alto do San Roque, Alto do Poio) debido á agreste orografía e as fortes nevaradas invernais, aconsella  unha ruta máis ao norte: “A dúas leguas (do Porto de Pedrafita) atopas un lugar. Dende alí andarás outras cinco leguas, entón atopas un lugar situado sobre un empinado monte”. O primeiro tramo, de dúas leguas (uns 9 km), levaría ata Doncos, co seu castelo situado no camiño medieval para defender a entrada en Galicia e quizais aos peregrinos. As restantes cinco leguas é aproximadamente a distancia ata Becerreá, situado “nun empinado monte”.

 

Dende Becerreá, Künig salta ata a cidade de Lugo da que di: “Alí, alén da ponte (a ponte romana), hai unhas augas termais (as termas romanas). A cidade está construída dun xeito pouco común (clara referencia á muralla), por iso todos a contemplan con agrado”. Dende Lugo marca nove leguas “ata a cidade destruída. Alí atoparás un hospital que non ten moito valor”, posible referencia a Melide: no ano 1467 os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo, cuxas pedras foron reaproveitadas posteriormente para erixir o convento do Sancti Spiritus. E de Melide xa pasa a Santiago (Sankt Jakob). Resulta curioso que a Compostela, a ansiada meta dos peregrinos para facerse cos favores do Apóstolo, apenas lle adique unhas poucas palabras, rematando a visita cunha especie de pregaria: “Agora María, a virxe pura, nos axude,/co seu amado fillo,/a acodir con recollemento ao encontro do Santo Xacobe/e obter despois desta vida a nosa recompensa/e a recibir a coroa celestial,/que Deus lle deu ao Santo Xacobe/e a todos os santos, que viven para sempre”. Nos versos seguintes xa marca o camiño de retorno. 

 

OUTRAS FONTES 

Mais a escasa información obtida na guía do monxe non nos era suficiente para realizar unha proposta axeitada. Debo de recoñecer que a empresa non foi fácil, pero no noso colectivo (e non é por botarlle flores) contamos con xente como Pilar Carpente e Xosé Antón Lozano que, se existe, non hai documento que non atopen. Non contei os libros e documentos que pasaron polas nosas mans ao longo de varios meses, pero foron moitos. Dalgúns nada sacamos en limpo, e doutros, os menos, apenas unhas minúsculas referencias. Pero todo nos valeu para ir completando o quebracabezas que deseguido resumo. 

Segundo nos achegou María José López, nunha escritura de compra-venda feita polo escribán de Neira de Suxá (actual Baralla), Nicolás Fernández Cerbela, no ano 1651, que figura nun dos mazos dun Recopilatorio de olvidados que se atopa no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, dise que Pedro García, veciño do lugar de Calvela, na parroquia de Ferreiros, compra a Thome Díaz, veciño de Vilartelín, unha leira que linda “con el camino francés”. 

A mesma María José localizou outro interesantísimo documento. No Libro Primero de Bautismos de Santa María de Pacios (Baralla), depositado no Arquivo da Diócese de Lugo, figura unha anotación do día 14 de decembro do ano 1780, por parte do cura da igrexa de Pacios, Pedro González Valcárcel, do bautizo dun neno, nacido o día doce do mesmo mes, ao que lle puxeron por nome Jacob María. Pouca importancia tería este dato por si só, pero resulta que os pais da criatura estaban de paso, e os seus nomes eran Pelagio Coster, fillo lexítimo de Gaspar Coster e Magdalena Sihamenin, e Bárbara Baiman, filla lexítima de Lucas Baiman e María Luikonen. O marido era veciño da freguesía (cita literal) de “Santa Cruz de Rotubil, obispado de Constancia, reino de Hungría, imperio de Alemania”, e a muller do lugar de Huncasen, “en uno de los cantones catholicos y ora avecindados en el lugar o ciudad de Rotubil”. Actuaron como padriños os veciños da aldea da Valiña, parroquia de Pacios, Pedro Castro e Xoana Álvarez a quen o cura advertiu de que o facían como parentes espirituais a falla de familiares próximos. Constancia refírese á zona do Lago Constanza que na actualidade está arrodeado por Alemaña, Austria e Suiza. E Rotubil debe facer alusión a Rottweil que hoxe en día pertence ao estado federado alemán de Baden-Württember, e Huncasen debe corresponderse co cantón suizo de Schaffausen. A deficiente plasmación dos lugares por parte do párroco resulta comprensible xa que, ao descoñecer o alemán, escribiría de forma literal o que escoitaba. Descoñecemos que impulsou a esta parella a vir a Galicia, pero é probable que estiveran a facer o Camiño de Santiago pola vía descrita por Künig. Ao fillo bautizárono co nome do Apóstolo e co da patroa da parroquia de Pacios.

 

Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo do século XIX, inclúese unha anotación dun monxe anónimo de Penamaior (Becerreá) que di que en tempos de Vermudo II o Gotoso, cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, instalándose onde logo se levantou o cenobio. Continúa o anómimo monxe que “es muy probable y no poco fundado en privilegios y otras escrituras del archivo del monasterio de Samos, que este monasterio de Penamayor fue aquel célebre monasterio de la Peña, cuyo abad D. Virila, dio monjes y libros para repoblar y restablecer el monasterio de Samos, que se hallaba desierto y abandonado, reinando don Ordoño II”. A fundación de Penamaior, segundo o anónimo informante, tivo como fin “recivir a diferentes peregrinos y enfermos que pasavan al Sr. San Tiago. 

Vázquez Saco, no libro Iglesias románicas de la provincia de Lugo (1947), escribe que polas montañas de Becerreá pasaba unha derivación do Camiño a Santiago.

Torres Balbás, no seu Monasterios Cistercienses de Galicia (1954), di que os monxes de Penamaior escolleron “Una de las profundas barrancadas que cortan las ásperas sierras polas que penetraba el Camino Francés en Galicia”.

Luciano Huidobro y Senra, na súa monumental Las Peregrinaciones Jacobeas (1951), no tomo III adicado á provincia de Lugo, conta que dende Padornelo seguía pola conca do río Navia, Doncos, As Nogais (cita Torés como unha barrio da vila), Cruzul, Becerreá e Penamaior. Se consideramos o sentido práctico desta variante do Camiño, temos que desbotar a proposta de Huidobro, ademais de incrementarse sensiblemente os quilómetros, non evita unha das partes máis duras do percorrido por Galicia como o Alto do Cebreiro e o Alto do San Roque. Tampouco concordamos en que pasara pola vila das Nogais xa que naqueles tempos era unha zona pantanosa tal como deixou testemuñado o enxeñeiro Carlos Lemaur (a vila naceu a raíz da construción do Camiño Real a finais do século XVIII), o mesmo que pola  ponte de Cruzul, en Becerreá, da mesma época.

 

En Los Caminos Medievales de Galicia (1988), Elisa Ferreira Priegue sinala que ao medrar a atracción de Compostela e comezar os peregrinos a desprazarse cara o oeste, Lugo converteuse nunha etapa importante, non só dos que chegaban do norte por Ribadeo, senón dos que, entrando dende O Bierzo, tiñan o duro camiño do Cebreiro e preferían dar un arrodeo pola capital seguindo a primitiva calzada romana: “Sigue la vía romana de Braga a Astorga, convertida en la Edad Moderna en el principal camino real de Galicia, y en la actualidad en la carretera Nacional VI. Sale de Lugo por la Puerta Tolosana, pasa junto al Miño por San Fiz de Muja, por Conturiz y Nadela, y cruza el río Chamoso por el puente del Bao, de origen romano. Sigue, entrelazado con la nueva carretera, por Santiago de Lajosa, San Cristobal de Chamoso, Corgo, Gomeán, pasa por entre los castros de Castrillón y Vilarello, va por Santa María de Franqueán y San Esteban de Folgosa, a Sobrado donde había un pequeño monasterio. Pasa por Santa Eufemia de Vilartelín, donde se han encontrado restos romanos, y cruza el río Neira por el puente medieval de Senra en Neira de Jusá, la actual Baralla. Entre Neira y Constantín, priorato de la Orden del Hospital, se conservan todavía trechos de la calzada romana, que seguía por la Retorta, mientras un ramal se desviaba por Gundián y Virlarpunteiro hasta Liñares, donde se unía al camino de Triacastela a Penamayor. El monasterio de Penamayor, en plena ruta de peregrinación, estaba comunicado con el camino grande pola la Herrería. 

 

Carlos Nardiz Ortiz, no seu El territorio y los Caminos en Galicia. Planos históricos de la Red Viaria (1992), di que “Por Lugo pasaban también en dirección a Santiago los caminos que se desviaban del Camino Francés en el puerto de O Cebreiro. Uno por Becerreá, Corgo y Gomeán, por un trazado distinto de la vía romana y otro, después de pasado el espinazo de la Sierra do Rañadoiro que atravesaba el río Neira por el puente de Carracedo”.

En O Corgo na Ruta Xacobea, da Asociación Cultural Arumes e a Xunta de Galicia, faise referencia a que O Corgo tamén é paso das peregrinacións a Compostela, de xeito que os peregrinos tiñan a posibilidade, debido a esta variante do Camiño Francés, de rematar a peregrinaxe pasando pola herdeira do máximo esplendor romano a través dun terreo máis propicio para o camiñante. 

Os investigadores da Universidade de Vigo, Silvia Calvo Iglesias e Gonzalo Méndez Martínez, pertencentes ao equipo de investigación en Avaliación Ambiental e Estratéxica, o día 14 de xullo de 2016, no curso de verán da USC celebrado no Piornedo (Cervantes) sobre "Biodiversidade e patrimonio na montaña lucense. Conservación e uso social", informaron da existencia de dúas referencias na cartografía histórica relativas ao trazado do camiño francés de Santiago ao seu paso pola comarca dos Ancares, a través da denominada Vía de Künig. O achado sitúa o paso desta vía polo Campo da Árbore, na parroquia de Cascallá (Becerreá), dato que constribúe a completar a información que levamos documentada. Estas referencias na cartografía histórica corresponden a dous mapas de 1798 realizados no marco do "Pleito entre Nicolasa Manuela Losada y Pedro de Santiso, sobre la restitución de ciertas heredades". Titulados "Mapa de los términos y montes del lugar de Nantín (Lugo)". Estes mapas pertencen ao arquivo da Real Chancillería de Valladolid. Colección de Planos e Debuxos desagregados, nº 168 e 169. A referencia ao camiño francés antigo, localízase tanto no texto da lenda como de forma gráfica nos mapas. Aínda que na propia descrición da catalogación arquivística dun dos mapas áchase identificado o termo "camino franzés antigo", a súa contextualización prodúcese no marco dunha investigación sobre a evolución das paixaxes culturais de Galicia mediante cartografía histórica. A investigadora Silvia Calvo Iglesias sinala que a abundante toponimia presente en ambos mapas fixo posible situar os termos referidos a localidades descritas na cartografía histórica e a súa xeoreferenciación. Gonzalo Méndez Martínez, responsable do grupo de investigación, experto en cartografía histórica, destaca o interese da cartografía histórica na análise da evolución do territorio e a fortuna de poder identificar a referida variante do camiño en dous documentos de detalle como os citados.  


OUTRAS VARIANTES 

Existen outras derivacións (bastante frecuentes nos outros Camiños a Santiago que discorren por Galicia) que enlazaban coa Vía de Künig ou partían desta.

Dende o Camiño Francés que viña dende O Cebreiro, os peregrinos desviábanse en Padornelo polo Lago, Forcas, O Pando, A Alence, Follobal e Torés onde xa proseguían polo itinerario proposto por Herman Künig.

En documentos do Pazo de Fabal (Cervantes) do séculoXVI, cítase a primitiva vía romana XIX como Camiño Francés.  No mesmo concello atópase a igrexa de Vilapún, localidade por onde tamén discorría a vía romana, cua imaxe dun Santiago vestido de peregrino.

Dende Baralla, outro desvío iría ata a Pobra de San Xiao (Láncara) e Lugo. No percorrido érguense as igrexas de orixe románica de Aranza, Pousada e Covas, todas postas baixo a protección de Santiago, con tallas do santo vestido de Peregrino. Vázquez Seijas (1967), di que por Acivido, na parroquia de Covas (Baralla), pasaba un dos atallos da primitiva vía romana que logo foi utilizada polos peregrinos a Compostela.

Segundo Vázquez Saco, na obra citada máis arriba, dunha derivación do Camiño Francés que dende Pedrafita ía por Lamas de Biduedo, Serra da Albela (Triacastela), Furco, Galegos e Carracedo, partía outra secundaria que discorría por Furco de Meda (Láncara), Lexo (Baralla), internándose en Penamaior polo lugar de Liñares (Becerreá). Este autor cita un artigo de Juan Bautista Neira titulado Abadía de Penamayor, publicado na revista El Lucense en abril de 1896, onde di que o pobo de Liñares, con enfermería, estaba no século XVI dentro da freguesía de Penamaior.

 

A partir da construción do Camiño Real, a finais do século XVIII, os peregrinos tamén utilizarían esta nova infraestrutura polo que en Doncos, en vez de dirixirse cara Torés, seguirían ata As Nogais e A Ferrería, internándose en Becerreá pola ponte de Cruzul, enlazando despois co itinerario descrito anteriormente, como o testemuña a tradición oral e ao parecer un documento do que só temos referencias verbais. 

A LENDA 

Nesta variante do Camiño Francés de Santiago polos Ancares coñecemos dúas lendas relacionadas coa peregrinación a Compostela. 

Aínda que a primeira é de sobras coñecida, achégoa aquí pola importancia do final da mesma. Cóntase que cando os discípulos de Santiago o Maior chegaron a Iria Flavia (Padrón) cos restos do Apóstolo, achegáronse ao castelo da raíña Lupa para solicitarlle axuda para trasladar o corpo. Lupa díxolles que tiñan que falar con Filotio, legado do emperador de Roma. Mais este, desconfiado, ordenou prender aos discípulos e guindalos a unha escura mazmorra da que foron liberados por un anxo. As lexións romanas saíron na súa busca e, cando xa estaban a piques de collelos, a ponte que viñan de cruzar os discípulos derrubouse. Ao coñecer o feito, Lupa converteuse ao cristianismo. Outra versión conta que a raíña facilitoulles uns bois e un carro para transportar o corpo de Santiago, mais, cando chegaron ao Illicino (o Pico Sacro), os bois transformáronse en touros bravos. Os atemorizados seguidores do Apóstolo, prevendo o seu fin, fixeron o sinal da cruz e, de súpeto, os touros amansaron. É entón cando a raíña Lupa abraza a fe cristiá e, para conmemorar o prodixio, manda construír o castelo de Torés, no concello das Nogais, como totem aos touros que transportaban o corpo do discípulo de Cristo.  

 

A outra lenda tamén ten lugar no concello das Nogais. O castelo de Doncos foi erixido na segundo metade do século XV á beira do río Navia. Situado no antigo camiño medieval, defendía a entrada a Galicia. Coñécese tamén como Castelo da Grupa pola lenda que narra que durante a Reconquista un dos trece cabaleiros que nel moraban para defender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela viu como unha parella de cristiáns era atacada por un grupo de sarracenos. Un deles tomou como prisioneira á muller, e con ela montada na anca do seu cabalo tentou fuxir. Mais cando o sarraceno xa estaba a piques de ser atrapado polos cabaleiros, desenvaiñou o seu alfanxe e dun talo degolou á moza, dise para que ninguén gozase da súa beleza. 

 

PERCORRIDO DA VÍA DE KÜNIG 

Debido aos datos recollidos máis arriba e á tradición oral, todo apunta a que esta variante do Camiño Francés utilizou camiños secundarios da vía romana XIX (non concordamos en que a vía romana discorrera polo actual concello das Nogais, posicionándonos coa tese defendida, entre outros investigadores, por Rodríguez Colmenero e Álvarez) e o camiño medieval, en parte aproveitado máis adiante polo enxeñeiro Carlos Lemaur para deseñar o Camiño Real de acceso a Galicia na segunda metade do século XVIII. A partir de Becerreá, pasando por Baralla e O Corgo, ata Lugo, a ruta transcorrería tanto polo camiño medieval como por tramos da antiga vía romana que por esta zona está bastante ben documentada. 

Entón, o percorrido completo da Vía de Künig, dende Pedrafita do Cebreiro ata Lugo, discorrería no concello das Nogais por A Serra, Couso, Doncos (con igrexa posta baixo o padroado de Santiago), Castelo de Doncos (coa lenda referida anteriormente), Chan de Vilar, atravesaría o río Boullón (hai un muíño e unha ponte de madeira que se derrubou), Vilaesteva e Torés (coa lenda publicada máis arriba). En Torés existen referencias orais dunha variante do Camiño de Santiago. O camiño entre as poboacións de Doncos e Torés utilizouse ata non hai moitos anos para levar o gando á feira que se celebraba na primeira. Dende Torés entraba no municipio de Becerreá por Ferreiros de Valboa, continuando cara O Freixo, Eixibrón, Becerreá, O Cereixal, Touzón, mosteiro de Penamaior (non moi lonxe tamén está a antiga parroquial de Nantín, posta baixo a advocación de Santiago), e Vilarín. Dende aquí adentraríase no concello de Baralla por Constantín, continuando pola vila de Baralla, Teixeira, Pacios e Sobrado do Picato (houbo un antigo mosteiro do que non se conservan restos), enlazando xa no Corgo con Cima de Vila, Gomeán, Hospital de Chamoso, Bocelo e O Lousado, acadando o municipio de Lugo polo Mazo de Santa Comba, A Gándara, A Lavandeira, Seoane, Conturiz, Tolda de Castela e Lugo onde enlazaba co Camiño Primitivo procedente da Fonsagrada e Baleira.

 

CONCLUSIÓN

Segundo a nosa proposta, presentada ante a Xunta de Galicia a principios do mes de abril de 2016 para que se recupere e recoñeza oficialmente a variante do Camiño Francés a Santiago denominda Vía de Künig, o percorrido estruturaríase, dende Pedrafita do Cebreiro ata Lugo, en catro tramos, cada un deles cunha lonxitude inferior aos trinta quilómetros.

Dende o noso colectivo queremos salientar que arredor do Camiño de Santiago foron xurdindo nos últimos anos unha serie de ideas relativas ao seu desenvolvemento económico e social de Galicia, polo que revalorizalo nun momento en que a nosa comarca se debate entre o despoboamento e o desmantelamento do medio rural, pode axudar a fixar esa poboación e así atopar unha alternativa dinamizadora. Ben é certo que o turismo asociado ao Camiño só é unha medida sectorial que por si mesma non vai a solucionar os problemas das áreas rurais xa que a despoboación e a precariedade económica precisa doutras actuacións globais, mais tamén é certo que o turismo pode ofrecerse coma un piar en que apoiar a rehabilitación social e económica.  

Tanto o Colectivo Patrimonio dos Ancares como a Asociación Val de Torés mantivemos reunións coas asociación veciñais A Porta dos Ancares de Baralla e A Laxe Branca do Corgo quen xa nos manifestaron a súa total colaboración. Tamén nos diriximos ás organizacións políticas con presenza en todas as corporacións locais da comarca, así como aos propios Concellos, presentándose varias mocións que foron apoiadas maioritariamente. E para que a proposta sexa coñecida polos veciños e veciñas, estamos realizando charlas onde, ademais de informar sobre esta iniciativa, animanos á xente a que participe activamente nos actos que estamos a desenvolver.   

BIBLIOGRAFÍA 

Amor Meilán, M.: Historia de la provincia de Lugo (1991). 
Andrade Suárez, M. J., Leira Lavandeira, G. e Caramés Valo, R.: El turismo como factor estratégico de desarrollo rural. El Camino de Santiago francés (2010).
Estefanía Álvarez, M.: Vías romanas de Galicia (1960).
Ferreira Priegue, E: Los Caminos Medievales de Galicia (1988).
Gómez Vila, J.: As vías romanas na actual provincia de Lugo: Achegamento á súa problemática (1993).
Gómez Vila, J.: As vías romanas na actual provincia de Lugo (2005).
Herbers, K. E Plötz, R.: A peregrinaxe e o camiño a Santiago de Hermannus Künig de Vach: a clásica guía de peregrinos alemana (1495), versión galega de X. M. García Álvarez (1999).
Huidobro y Senra, L.: Las Peregrinaciones Jacobeas (1951).
Nardiz Ortiz, C.: El territorio y los Caminos en Galicia. Planos históricos de la Red Viaria (1992). 
Pardo González, G.: Notas sobre el arte en Becerreá (1957). Tese de doutoramento (inédita).
Pardo de Neyra, X.: Historia do concello de Baralla: Pazos e fortalezas de Neira de Xusá (1998).
Rodríguez Colmenero, A. e Álvarez Asorey: Vía romana XIX: unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma (2008). 
Sáez Taboada, B.: As vías romanas na provincia de Lugo (2004). 
Sáez Taboada, B.: Aportaciones al trazado de la vía 19 del Itinerario de Antonino a su paso por Galicia (2002).
Torres Balbás: Monasterios Cistercienses de Galicia (1954).
Vázquez Saco, F.: Iglesias románicas de la princia de Lugo (1947).