* O Cebreiro: Entre a Historia e o Mito

O Cebreiro é unha parroquia do concello de Pedrafita posta baixo o padroado de Santa María. Está formada polas aldeas de Barxamaior, O Cebreiro, Fonteferreira, Fontevedra, Foxos, A Lagúa, A Moeda, A Pedriña e A Pena da Seara. Ata o presente, o rexistro arqueolóxico non nos permite saber se foi antes o poboado ou a igrexa, as hipóteses que falan, como acontece con Piornedo, en Cervantes, dunha "primitiva aldea prerromana" carecen de fundamento, baseándose, o que isto defenden, na forma circular ou ovalada das pallozas, tese defendida por Boch Gimpera e García y Bellido. Sobre a súa forma, Vicente Risco fala "dunha tendencia inconsciente de raza dun esquema tradicional"; López Cuevillas di que se debe "á torpeza do construtor"; Caro Baroja e José María Luengo atribúenno a unha evolución das primitivas cabanas do Neolítico; Ángel del Castillo, que nun principio compartía a orixe celta, mudou de opinión dicindo que non existían probas xa que a construción circular con muros baixos e grandes teitos é unha característica de distintos pobos europeos. E por último, e como anécdota, Eugenio de Salazar (1530-1602), un madrileño que exerceu de xuíz e fiscal en Galicia entre os anos 1559 e 1560, deixou escrito que os habitantes dos Ancares "Viven en casas redondas porque, para que quepa la ruindad de sus moradores, la figura redonda es la más capaz". O que si está claro é que se trata dunha das construcións máis antigas de Galicia que ata mediados do pasado século XX mantiña toda a súa actividade.

 

Canto á orixe do topónimo O Cebreiro, hai autores que o fan derivar de cebrarium, lugar onde hai moitos asnos bravos, tamén chamados onagros e cebros, equos feros, máis o sufixo -arium. Moralejo Lasso asegura que o nome fai referencia ao zebro ou enzebro, animal moi abundante en Galicia, semellante á cebra pero sen raias, ata a súa extinción no século XIV xa que era obxecto de caza para aproveitar a súa pel. Outros investigadores din que non se pode precisar se pertence ao mesmo termo que aciveiro, acevreiro ou acivreiro. Para algúns podería ter unha orixe celta, co significado de espiña dorsal, en clara alusión ás montañas que artellan o municipio. Nicando Ares Vázquez escribe que a voz galega cebra tamén significa golpe forte de vento e choiva fría, con distinta etimoloxía, quizais relacionado co vento zephyrus.

 

O Cebreiro xa figura na Divisio Theodomiri (569). No Codex Calixtinus (s. XII) cítase como Mons Februarii onde había un hospital no cumio do monte ("hospitales incacumine montis"). No ano 1072, o rei Afonso VI suprime, entre outros privilexios que tiña o Cebreiro, o pago de portádego de Autares, permitindo que as cabalerías do mesón puidesen pastar libremente por toda a zona. A raíña Dona Urraca, no 1118, concede privilexios e doazóns ao mosteiro. No 1166 o rei Fernando II e a súa muller doan ao hospital o lugar de Zanfoga. O P. Flórez, na súa Historia Sagrada, cita as aldeas de Meizarán, Padornelo e o Monte Cebreiro. No Catastro de Floridablanca (1785) comprendía as freguesías do Cebreiro e Hospital da Condesa coa súa anexa do Padornelo, Liñares, Riocereixa, Veiga de Forcas e Zanfoga. Segundo o Diccionario de Pascual Madoz (1845), tiña casa para Concello e cárcere, máis carecía de escola; había tres fontes de augas frías e delgadas; os camiños cara Valdeorras e Castela atopábanse en mediano estado de conservación; o correo recibíase por Veiga de Valcarce.

 

Os primeiros traballos acerca das pallozas do Cebreiro foron publicados no Boletín da Real Academia Galega no mes de novembro de 1913 e no mes de abril de 1914, cuxos estudos levan por título Las casas del Cebrero e Origen y antigüedad de las pallozas del Cebreiro. O 26 de setembro de 1972 iniciouse o expediente para declarar o poboado como Conxunto Histórico Artístico.

O COMPLEXO RELIXIOSO DO CEBREIRO

No Cebreiro houbo un mosteiro que dispoñía de hospital para atender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela. O P. Yepes, na súa Crónica de San Benito (1621), fala de que o mosteiro e hospital foron levantados no ano 836, se ben non se atopan datos documentais ata finais do século IX. No ano 1072, o rei Afonso VI puxo aos monxes franceses de Aurillac, unidos a Cluny, á fronte do templo e do mosteiro. Por documento do 1166, Fernando II confirma as doazóns anteriores. Na súa Historia de la Provincia de Lugo (1918), Amor Meilán atribúe a fundación a San Xiraldo de Aurillac cando veu en peregrinación a Compostela. López Ferreiro, en Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela (1898-1911) xa di que o cenobio do Cebreiro dependía da abadía francesa de San Pedro de Aurillac, en Francia, fundada por San Xiraldo a finais do século IX, como así o confirma un Libro de Visitas onde se lembra que para non permitir a visita do bispo, dise que fora filiación de Cluny, suxeito a "Aureliaco monasterio cluniacense". Como consecuencia do decreto de desamortización do ministro Mendizábal do 1835, os monxes que o atendían tiveron que abandonalo no 1853, pasando as rendas, foros e décimos a outros administradores tal como figura nos libros do Rexistro da Propiedade de Becerreá, conservados no Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Do antigo hospital que se levantaba á esquerda da igrexa, onde despois foi o cemiterio, tan só se conserva algún vestixio. Levantado de novo no ano 1729, xa figura como derrubado no 1819, vendéndose entón os materiais, tendo que trasladar os servizos no 1806 á casa do mesón que fora construída para soster coas súas rendas aos peregrinos.

A Dirección General de Arquitectura comeza a restaurar a igrexa do Cebreiro no ano 1962, baixo a dirección de Francisco Pons Sorolla e Manuel Chamoso Lamas quen descubren a existencia dunha primitiva igrexa prerrománica. En setembro de 1963 visita o lugar o director xeral de Arquitectura Miguel Ángel García Lomas. O 30 de agosto de 1964 está restaurado o Santuario.

O SANTO MILAGRE DO CEBREIRO

Lugar emblemático situado no Camiño Francés, porta de entrada a Galicia dos xacobitas a Compostela, a súa sona débella, principalmente, a un acontecemento acontecido hai máis de setecentos anos: o do Santo Milagre, prodixio que axiña se esparexeu por Galicia e que os peregrinos se encargaron de difundir polo resto de Europa. Os datos que achega o arquivo parroquial son posteriores ao século XVIII, despois de xuño de 1809 en que as tropas napoleónicas queimaron no lugar de Penascara o arquivo do Cebreiro que o P. Ajo custodiaba e que mandou levar para agochalo nun baúl cando xa se temía a invasión. Segundo Elías Valiña Sampedro, o primeiro dato histórico sobre o Milagre achégao unha bula do papa Inocencio VIII no ano 1487, e anos despois outra bula do papa Alexandre VI. Mais un dos primeiros en narralo foi o Licenciado Molina (1550), e despois o cordobés Ambrosio de Morales (1513-1591). Pero será o beneditino P. Yepes a principios do século XVII quen nos forneza toda clase de detalles. Ata aquelas, a supervivencia da tradición producírase pola transmisión oral. Co decorrer do tempo, moitos autores fanse eco do Milagre, entre outros Leandro Carré (1888-1976) quen o adoba literariamente, enriquecéndoo con detalles que se lle foron engadindo ao longo dos séculos, pero que non o alteraron na súa idea fundamental. Non se sabe ben cando se produciría, o P. Yepes fala de "cerca de los años mil y trescientos", o papa Inocencio VIII di "transcorridos moitos anos". Malia o anterior, hai quen sitúa o Milagre no século VI, fundamentándose para elo nunha acta municipal do Concello de Lugo onde se consigna que o privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento da Eucaristía data dese século, no que os "herejes Priscilianistas que negaban la Real presencia de Jesucristo en este Sacramento, se convencieron de su error, en vista de un admirable portento que entonces acaeció". Para afastarmos o menos posible da tradición, reproducimos a continuación o escrito polo P. Yepes que "aínda que indigno, vin e adorei este santo misterio":

"Cerca dos anos de mil e trescentos había un veciño vasalo da casa do Zebreiro nun pobo que dista a media legua chamado Barxa Maior, o cal tiña tanta devoción co santo sacrificio da misa que por ningunha ocupación nin inclemencia dos tempos rexos faltaba de oir misa. É aquela terra combatida de todos os aires, e adoita cargar tanta neve que non só se toman os camiños, mais cúbrense as casas e o mesmo mosteiro, a igrexa e hospital soen quedaren sepultados, e alá dentro viven con lumes e luces de candeas, porque a do ceo en moitos días non soe verse, e si a caridade (a quen non poden matar ríos nin ceos) non tivese alí entretidos aos monxes para servir aos pobres, semella imposible desexar aquela vivenda. Un día, pois, moi rexo e tempestuoso lidou e pelexou o bo home e combateu contra os ventos, neve e tempestades; rompeu polas neves e como puido chegou á igrexa. Estaba un crego dos capeláns dicindo misa, ben descoidado de que naquel tempo traballoso puidese ninguén subir a ouvir misas. Xa consagrara a hostia e o cáliz cando o home chegou, e espantándose cando o viu, desprezándoo entre si mesmo, dicindo: "Cal vén este outro cunha tan gran tempestade e tan esgotado ver un pouco de pan e de viño!". O Señor, que nas concavidades da terra e en partes agochadas obra as súas marabillas, fíxoa tan grande naquela igrexa, a este punto, que logo a hostia converteuse en carne e o viño en sangue, que vendo a Súa Maxestade abrir os ollos daquel miserable ministro que dubidara e pagar tan gran devoción como mostrou aquel bo home, vindo a oir misa con tantas incomodidades".

 

Na versión de Carré Alvarellos, remata: "Pero entón sentiu (o crego) un estremecemento estrano. Mirou para a patena e viu, arrepiado, como a branca rodeliña de branco pan arroibaba, converténdose en carne que semellaba recén cortada dun corpo vivo; e o viño do cáliz espesaba, adquirindo un ton máis vermello, e cheiraba a sangue. O miserento cura caeu de xeonllos ao pé do altar e logo desplomouse sobre as gradas, desvanecido. O home que chegara naquel intre correu cara o altar e tratou de erguer ao sacerdote. Estaba morto". Dise que a imaxe románica da Virxe co Neno inclinou a cabeza para ver mellor o milagre. O labrego, asegúrase, chamábase Xoán Santín. 

 

Crese que nun principio as reliquias permaneceron no cáliz e na patena ata que os Reis Católicos, cando despois de visitar Santiago volven a pasar polo Cebreiro o día 16 de outubro do 1486, queren ver e venerar o prodixio, doando os relicarios onde hoxe en día se conservan, como así o transmitiron Yepes e tamén Molina. Malia tradición, outra volta, non é tan benevolente cos monarcas casteláns. Cóntase que a raíña quixo levarse as reliquias, alegando que alí non recibían o culto que se merecían. Así que a comitiva partiu coas veneradas reliquias cara Castela. Mais ao chegar a Perexe, no Bierzo, detivéronse os cabalos, negándose a continuar o camiño. O medo apoderouse do cortello rexio, polo que decidiron deixar en liberdade aos cabalos para que tomaran a dirección que eles elixiran. Os cuadrúpedes deron volta e regresaron de novo ás portas da igrexa de Santa María do Cebreiro polo que os reis, medorentos, ordenaron que as reliquias continuasen no lugar. Na mesma capela, coñecida como do Santo Milagre, tamén teñen as súas sepulturas os dous protagonistas da historia. En tempos, as reliquias sacábanse en procesión no lugar do Santísimo Sacramento, o que amosa a importancia que ao Santo Milagre se lle concedeu no antigo mosteiro. 

 

O GRAAL  

O Graal (dicimos Graal e non Grial porque así se escribía en francés antigo e en galego-portugués) é o cáliz que utilizou Xesucristo durante a Derradeira Cea e no que Xosé de Arimatea recolleu o sangue cando foi crucificado no Calvario, ferido pola lanza do centurión Caio Casio Lonxinos. Lanza bautizada como "Lanza do Destino", obxecto cobizado polo seu enorme poder. Cando os nazis se apoderaron de Austria, a prezada peza pasou a mans de Hitler que cría que outorgaba a vitoria ao seu posuidor, e a derrota e a morte a quen a perdese; horas antes de suicidarse no seu bunker (ou de fuxir cara América, vai ti a saber se vía Córneas, en Baleira, e mosteiro de Samos), dise que soldados aliados lograron facerse con ela.

Non existe consenso de a onde foi a parar o cáliz. Uns din que foi levado por Xosé de Arimatea para a Gran Bretaña, outros por María Madalena para Francia, ou que foron os Templarios quen o sacaron de Palestina antes da súa reconquista, no 1183, por Saladino. A poucos quilómetros do Cebreiro, no mesmo concello de Pedrafita, está a aldea do Temple.

Dende o punto de vista literario, o mito do Graal comeza no século XII co poema Parceval de Chrétien de Troyes, a primeira versión conservada e que máis influíu no imaxinario colectivo medieval, "pasa de obra en obra, de país en país, dun autor a outro, como se pertencera a todos e a ninguén" (E. Real Valencia). Mais Chrétien morre antes de finalizar o relato o que impide saber como ramataría a aventura do enigmático cáliz, sendo outros autores os que o completaron e adaptaron, en moitos casos espiritualizándoo por motivos míticos ancestrais como xa aconteceu en Alemaña no século XIII coa aparición do Parzival de Wolfran von Eschenbach, o poema Diu Crône de Heinrich von dem Türlin (datado en torno ao 1220), e en Francia o Roman de L´histoire du Graaal de Robert de Boron, escrito entre finais do XII ou principios do XIII, que xa contén todos os elementos da lenda. E así noutros países. Textos que co decorrer do tempo cópianse e modifícanse, mais sempre conservando o núcleo orixinal, é dicir, o que non se quere variar: a lenda. Que non se soubera o final do Parceval de Chrétien favoreceu o misterio xa que se ten o convencemento de que a súa narración limítase a adobar literariamente unhas tradicións e mitos anteriores que dende Irlanda ou Gales pasaron a Francia. Chrétien conta que o libro do Graal déullo o seu mecenas, Filipe de Flandes, pero non di cal é ese libro.

  

Aínda que existen moitas versións sobre a orixe de Parceval, eiquí imos deternos nunha das máis antigas que é na que se basea Chrétien de Troyes. Despois de abandonar á súa nai viúva que o agochara do mundo nunha fraga para evitar que se convertera en cabaleiro, diríxese á corte do rei Artur. Demostrada a súa valentía e habilidade, convértese en cabaleiro e dáselle a misión de atopar o Graal. Visita o castelo do Rei Pescador onde se custodia a Santa Copa (noutras narracións dise que era a irmá de Parceval quen o gardaba), un rei mutilado por unha ferida que ten entre as pernas, é dicir, castrado, estéril, nun estado entre a vida e a morte, pero non achándose nin vivo nin morto. Durante a cea, Parceval ve unha procesión estrana: un paxe cunha lanza da que mana unha gota de sangue, detrás dous paxes con candelabros, despois unha fermosa doncela sostendo entre as mans o Graal que despedía unha luz intensa, e por último outra doncela cunha bandexa de prata. Dende aquelas, pasa o tempo (Chrétien adícase a narrar as aventuras de Gawain -Galvao nas versións medievais galego portuguesas-, sobriño do rei Artur e cabaleiro da Mesa Redonda) e Parceval aparece cinco anos despois, tempo no que esqueceu o nome de Deus e non entrou en ningunha igrexa polo que, cheo de pesar, acode a un ermitán para pedir perdón polos seus pecados. O eremita rebélalle que o Rei Pescador e el mesmo son irmáns da súa nai, e que o Graal contén unha hostia coa que se alimenta unicamente o pai do rei. O cabaleiro, entón, decide adicar a súa vida a buscar o cáliz. Nada máis di o texto de Chrétien de Troyes, que volve a centrarse nas aventuras de Galvao. E un dato a ter en conta: cando pasa o cortexo do Graal, Parceval non fai ningunha pregunta, se a fixera o Rei Pescador recuperaría a saúde e tamén evitaría que o seu reino fose destruído, xa que a Sagrada Copa é fonte de saúde, poder e riqueza (reparemos na analoxía cos caldeiros, copas, cornos da abundancia, etc.). E outro apuntamento: segundo o relato do Parceval, a lanza con sangue non é a de Lonxinos, senón un talismán maléfico, unha arma máxica e fatal, instrumento de exterminio, unha arma de destrución, que tamén vemos no Parzival de Wolfran von Eschenbach, onde todos os asistentes choran cando pasa a lanza.

 

O mito de Parceval non necesariamente tivo que chegar a Eschenbach por medio de Chrétien de Troyes. Se ben comparte o estilo da linguaxe, esquemas narrativos, personaxes ou escenarios, o Ciclo Artúrico xa fora configurado no 1136 por Godofredo de Monmouth. Eschenbach fala dun rei na Península Ibérica: Kaylet, inexistente, que se saiba, en calquera dos reinos que había entón, e tamén dun exército de mosquitos (o exército do rei Artur), que Cabal atopa semellanzas coa Santa Compaña galega. Galicia xa se entrevé en Chrétien de Troyes no Eréc et Enide coa cazaría dun cervo branco que temos na lenda da Doniña Cerva acontecida en terras do concello de Cervantes. Canto a ese misterioso rei Kaylet, cómpre ter en conta que nas historias medievais adoitábase utilizar a criptonimia, consistente en encubrir os nomes auténticos dentro das transformacións léxicas que se axustan máis ou menos ás regras do anagrama, o que se usou para ocultar nomes de persoas e lugares.

Despois dos relatos de Troyes e Eschenbach, o protagonismo de Parceval foi substituído por Galaaz, outro cabaleiro da Mesa Redonda, fillo de Lancelot, que chegaría ao Cebreiro na procura do Graal un Venres Santo. Entre os séculos XVI e XVIII o mito mantívose no esquecemento, para volver a rexurdir no Renacemento. No 1832, Karl Immermann publica un Merlín onde actualiza o mito do Graal. Tennyson, no 1869, escribe o Santo Graaal. Wagner utiliza o tema no seu Lohengrin (o Cabaleiro do Cisne, fillo de Parceval) no 1848, e posteriormente en Parsifal (1882). Conta Diego Quiroga y Losada nun artigo publicado no ABC no ano 1961, titulado Un monasterio histórico en ruinas, que foi un monxe alemán que peregrinou a Compostela quen lle contou a lenda do Milagre do Cebreiro a Wagner. No século XX outros autores dánlle novas interpretacións, mais sempre conservando, como nos casos precedentes, o esencial. Fontanals, no 1861, dinos que o Monsalvat queda en Galicia, tese da que participa Bonilla Sanmartín, e que tamén defendeu Elías Valiña, que escribiu: "Para moitos escritores, como Ángel del Castillo, Arias Sanjurjo, Huidobro, o marqués de Santa María del Villar, etc., o Cebreiro co seu milagre proporcionou o tema a Wagner para a composición do Parsifal. Así o famoso país de Parsifal é Galicia, e o Graal misterioso, o Cáliz do Cebreiro". O citado Luciano Huidobro y Serna, en Las peregrinaciones jacobeas (1951), escribe que o arcebispo de Pelusio, que tamén foi bispo de Lugo, Fr. Plácido Ángel Rey, sostivo que a lenda do Graal naceu en Galicia, fundamentándose para elo no curioso libro de cabalería El Baladro del Sabio Merlín: "El Santo Grial fincó en el castillo de Corbiere en casa del rey pescador". Coñecido o costume que había entre os escritores doutros tempos de desfigurar nomes e lugares, vese claramente que descompoñendo as letras CORBIERE forman a palabra CEBREIRO. A primeira tradución ao castelán do Baladro é de 1498, se ben xa se tiña coñecemento del moito antes. Atópase citado por primeira vez no poema de Afonso XI, composto por un poeta galego, que o escribiu a raíz da batalla de Salado (1340). Pero, ao parecer, a obra é doutras autorías. No século XII soan as profecías de Ambrosio, convertido logo en Merlín, que no século XIII Barcón tratou de enlazar coas lendas célticas do Santo Graal, tese que comparten Viguri e Ángel del Castillo. No mes de febreiro de 1911, Sainz Armesto, no Ateneo de Madrid, deu unha conferencia acerca de Tristán y la literatura rústica, onde fixo ver a concordancia entre os poemas do Santo Graal de Chrétien e Wolfram e a historia do cáliz do Cebreiro.  

Son moitos os lugares que din custodiar a auténtica Santa Copa: nas catedrais de León (Cáliz de dona Urraca) e Valencia, o Sacro Catino de Xénova (é un prato, disque levado a Italia tras a Primeira Cruzada), o Vaso de Nanteos de Gales (comprobouse que era do século XV), o Cáliz de Ardagh en Irlanda (é do século VIII), a Copa de Santa Isabel (recibe o nome porque pertenceu a Santa Isabel de Hungría), a Copa de Hawkstone Park (disque levada para Inglaterra despois do saqueo de Roma polos visigodos), o Cáliz de Antioquía que se garda no Metropolitam de Nova Iorque, o Achatschale de Viena, etc.

O Graal do Cebreiro, xunto coa patena e as ampolas coas reliquias do Santo Milagre, atópase exposto dentro dun bloco monolítico de granito, no altar dunha capela lateral, preto das tumbas do descrido crego e de Xoán Santín, o piadoso labrego.

 

Segundo a descrición realizada con motivo dunha exposición que se celebrou en Santiago no ano 1896, coincidindo co 2º Congreso Eucarístico, o cáliz é de pequeno tamaño, con nó esférico de follaxes calados e copa semiesférica. No borde superior ten unha inscrición que di: + (cruz) "HOC HIC SACRATUR QUO CUNCTIS PARAT", ("Neste (cáliz) conságrase todo o que dá a vida"). Arrodeando o pé figura outra inscrición: + (cruz) "IN NOMINE DOMINE NOSTRI IESU XPI ET BEATE MARIE", ("No nome do Señor e da Virxe María"). A patena que o acompaña é, coma o cáliz, de forma sinxela. Vense seis lóbulos circulares, arrodeando un motivo central que presenta a Man Divina bendicindo á grega. Remata o conxunto coas dúas ampolas de cristal de rocha coroadas por dous anxos de metal coas probas do Milagre, e a caixa de prata para gardalas.

Se non existen dúbidas canto á cronoloxía das pezas para gardar as reliquias (século XV), e tampouco a patena (románica do século XII), si a hai para datar o cáliz. Tomando como referencia a dita patena e as inscricións da copa (realizadas posteriormente), adoitan situalo na mesma época, baseándose para elo na "estrita definición lineal de formas, coa copa semiesférica bastante ancha e pé abucinado con adornos flordelisados", escura resposta que, dende o noso modesto entender, pouco aclara. Non é preciso buscar baixo as pedras para atopar exemplares de similar factura confeccionados moitos séculos atrás. Ademais está a súa sinxeleza que se afasta anos luz doutras Santas Copas primorosamente traballadas e adornadas con pedras preciosas (vexamos, como mostra, os outros Graal citados máis arriba). As xentes da zona sempre valoraron esa sinxeleza, feito, din, que xa de por si lle confire ese ar de autenticidade que non posúen os demais: tal como o transmiten os Evanxeos, Cristo fuxía da ostentación e da riqueza polo que carece de senso que para beber, aínda que fose para celebrar a Derradeira Cea, utilizara unha fastosa copa.

 

O Santo Cáliz sempre foi cobizado por nobres, príncipes, reis, papas..., no convencemento de que a súa posesión lles procuraría un enorme poder, e mesmo a inmortalidade. A Deutsches Ahnenerbe, sección ocultista das SS nazis, seguiu por todo o mundo o rastro da Arca da Alianza, do Graal e a Lanza de Lonxinos, "armas" que farían invencible ao Terceiro Reich. Creada por Himmler, man dereita de Hitler, e dirixida polo coronel Wolfram von Sievers, converteron o castelo de Wewelsburg, en Wesfalia, nun cuartel xeral onde gardaban reliquias provenientes de todo o planeta. Crendo que foran os cátaros os últimos custodios, o medievalista e ocultista alemán Otto Rahn, vinculado ao réxime nazi, buscouno entre as ruínas do Montsegur, no Languedoc francés. Tras o fracaso, o propio Himmler foi ao mosteiro de Monserrat (Cataluña) para visitar os pasadizos subterráneos da montaña, mais asegúrase que llo impediu o P. Ripoll. Sábese que os nazis andiveron por outras partes da Península para dar con el, mais non existen referencias de que andiveran polo Cebreiro. Ignorancia? Dubidámolo. O Graal xa se librara de desaparecer do Cebreiro con anterioridade. Ademais do episodio dos Reis Católicos, o mosteiro e a igrexa sufriron varios incendios. No ano 1809, os soldados napoleónicos queimaron os documentos e roubaron todos os obxectos de valor que atoparon ao seu paso: Ían deixar o Cáliz, a patena e os relicarios cando se levaron cousas de moitísimo menos valor? Sábese que durante a Guerra da Independencia os obxectos do Milagre foron levados para Foxos antes da chegada dos soldados napoleónicos, e que mentres durou a Segunda Guerra Mundial estiveron escondidos nun lugar non precisado. A principios dos anos corenta a citada Deutsches Ahnenerbe de Hitler xa encomezara a peitear Europa na súa procura, e sorprenderíanos que se esqueceran do Cebreiro, situado nun dos camiños de peregrinación máis importantes de todos os tempos.

O poeta Ramón Cabanillas, na Noite Estrelecida (1926), sitúa a lenda do Graal no Cebreiro onde o atopa o cabaleiro Galahaz: "Bicado da recendente/soavidade da mañán,/o escudo da cruz vermella/cinguido polo brazal,/espora de ouro calzada,/luminosa espada na man,/o corazón esforzado,/aceso e limpo de mal,/costa arriba,/mentres zoa no vento/maino e levián/de segreda campaíña/o tanguido de cristal,/rube o nobre Cabaleiro,/no seu soño a cabalgar,/a montaña milagreira/do Cebreiro-Monsalvat". 

Nós non cremos nin descremos, nin poñemos nin quitamos, mais, comenenzudos, quedamos coa rima dunha muller de Sabugos: O Graal verdadeiro, o do Cebreiro! 

A VIRXE DO CEBREIRO

Quizais sexa a Virxe do Cebreiro (coñecida tamén como Virxe do Milagre, Santa María a Real e Virxe dos Remedios), que se venera na igrexa, unha das imaxes máis coñecidas de Galicia a nivel mundial, fama que se debe, sen dúbida, a que figura nun lugar de paso obrigado aos milleiros de persoas que durante séculos escolleron o Camiño Francés para realizar a peregrinación a Santiago de Compostela. Segundo a tradición, a causa de que se representara coa cabeza lixeiramente inclinada débese a que quixo ser testemuña do coñecido como Santo Milagre acontecido polo 1300, onde a humildade dun labrego venceu a fachenda dun descrido crego. A imaxe da Virxe co Neno atópase sobre unha peana no muro lateral da capela onde están os obxectos do prodixio e as dúas sepulturas onde se supón están enterrados o crego e Xoán Santín, o veciño de Barxamaior. Cóntase que aos pés da Virxe se prostraron, entre outros, Guillelme X, conde Poitiers; Luis VII, rei de Francia; Teobaldo V, conde de Blois; Xoán de Briena, rei de Xerusalén; Raimundo II, conde de Tolosa; Eduardo I, rei de Inglaterra; Luis IX, rei de Francia; Otón de Franconia; Felipe o Atrevido; o archiduque Maximiliano; a raíña Matilde; Xoana de Evreus; os papas Calisto II e Alexandre VI; San Francisco de Asís; San Domingos de Guzmán; San Domingos da Calzada; San Xoán o Ermitán; San Bernardino de Siena; San Xoán de Deus; San Vicente Ferrer; Santo Toribio; San Guillelme; Santa Bríxida e Santa Isabel, raíña de Portugal.

 

Sobre a autenticidade da imaxe que podemos ver na actualidade sempre pendurou a dúbida entre a veciñanza: de se se trata da orixinal, dunha pésima restauración ou dunha mala copia. Facendo unha comparativa coas poucas fotos conservadas antes do 1971 (ano, disque, da "restauración" da imaxe que podemos ver na actualidade), chama poderosamente a atención a brutal transformación, se é que se trata da mesma talla (o que nós nunca crimos, e que come veremos máis adiante así se demostrou) á que foi sometida.

No Boletín Oficial do Bispado de Lugo do 31 de agosto de 1922 dise desta talla: "La imagen de la Santísima Virgen que, desde hace siglos se venera en este celebérrimo Santuario es, por su antigüedad, de las que la opinión corriente atribuye origen bizantino. Desnaturalizada en su tipo primitivo por la funestísima costumbre, en los últimos siglos, de vestir las imágenes con trajes naturales para hacerla movible y fácil su conducción en las procesiones, fue recortada en su base y aligerada de madera en su interior con otras modificaciones esenciales en rostro y brazos que hicieron imposible la restauración a la forma antigua. Por los detalles que de ella se conserva, esta efigie estaba comprendida en el primer tipo de la iconografía mariana, o sea el hierático, en cuya característica se aprecia que estaba sentada sobre un taburete o silla de pequeñas proporciones, pies calzados y cubierta con manto que cae por igual a ambos lados, plegando los paños al final de modo anguloso y simétrico de poco resalte, pareciendo conservar señales de haber sostenido el Niño entre las rodillas". Segundo o devandito boletín, foi o señor Magariños de Santiago o escultor encargado de facer as mans da talla e o sacerdote Rodríguez Moscoso de pintala e darlle expresión "que aparece con la suave ternura del amor, la inocencia de la sonrisa y la dulzura y majestad que caracteriza a la augusta Reina de la Gloria". A imaxe foi bendicida polo bispo nun acto solemne, coa asistencia de varios curas, das "Camareras de Jesús Sacramentado" e outras persoas, colocándoa nun altar portátil no altar maior da igrexa.  Deste texto dedúcese claramente que no ano 1922 a imaxe xa estaba alterada cando o bispado acometeu a restauración debido aos desperfectos que sufriu nun incendio o ano anterior (a igrexa e hospital xa padeceran outros incendios nos anos 1450 e 1641, ademais do saqueo das tropas napoleónicas no 1809, e despois o decreto de Desamortización e Exclaustracción do ministro Mendizábal do 1835, o que obrigou aos monxes a abandonar o priorado no ano 1853 que o submiron nunha total decadencia). Polas fotos realizadas por José Luis Vega no ano 1954, que se conservan no Arquivo Histórico Provincial de Lugo (Fondo Vega), vese que a Virxe co Neno preside o retablo que había no altar maior, hoxe en día desaparecido. Unha selección destas fotografías foron elixidas polo profesor e teólogo Xosé Alvilares Moure para o seu libro El Cebrero (1956). Despois destas fotos de Vega, o investigador Luis López Pombo achegounos outra foto (coloreada, utilizada como postal) de arredor dos anos sesenta do pasado século. A foto máis antiga coa que contamos data do ano 1934. 

 

A última "restauración" da imaxe levouse a cabo no ano 1971 polo escultor compostelán Alfonso Sanmartín. Elías Valiña Sampedro (1929-1989), describiu así a restauración: "Tenía el Niño sentado en su seno. Hoy lo tiene en una mano. La cabeza no es la primitiva. Es difícil lograr una buena restauración en esta imagen". Uns veciños do Cebreiro contáronnos o día 10 de xaneiro de 2015, que o crego e unha veciña percorreran varias igrexas do Camiño para poder tomar algunhas referencias de como facer a restauración da Virxe do Milagre.

 

No Inventario Artístico de Lugo y su Provincia (1976-1983) di ao respeito: "Santa María la Real... se halla en el mismo lienzo sur de la capilla del Santo Milagro, sobre sencilla peana. Valiosa talla románica, siglo XII-XIII".

Segundo Vázquez Seijas, a imaxe levaba na man dereita un anel pastoral que foi ofrecido por Plácido Rey Lemos, bispo de Lugo entre os anos 1919 e 1927, posiblemente nunha visita que fixo ao santuario no ano 1926 con motivo das festas que se conmemoraban en honra do Santo Graal do Cebreiro. Como puidemos verificar no mes de xaneiro de 2015, este anel desapareceu. Ademais desta peza tamén soubemos que desapareceran un cáliz de alabastro decorado con pedrería e un Lignum Crucis (reliquia que se refire ao madeiro onde foi crucificado Xesús de Nazaret) regalado polo papa Calisto II. Do antigo retablo do altar maior vimos dúas imaxes que estaban no Concello e que foron recuperadas polos freires franciscanos que as levaron para a igrexa, conservándose tamén unha ou dúas imaxes que se atopan na capela de Barxamaior.

 

Pola información antedita, queda claro que nalgún momento a Virxe foi baleirada para alixeirala de peso, e que a cabeza e as mans non son as orixinais (na igrexa gárdanse dúas mans que nun principio se creu que poderían pertencer a esta imaxe, mais parece ser que eran dunha Virxe das Dores articulada). É precisamente a vestimenta que aparece nas fotos anteriores á "restauración" de 1971 a que nos impide saber como era o corpo central que se recubría con palla para poder adaptarlle o vestido coa que a cubrían. Segundo o citado Xosé Alvilares Moure, despois da restauración de 1922, a Virxe foi vestida con túnica de seda, obstentando pintado no peito o Santo Graal, co Neno sostido co brazo esquerdo, e na cabeza unha coroa de prata. 

 

Dende que os do noso colectivo nos propuxemos averiguar se a Virxe que podemos ver na actualidade é unha mala copia ou unha desafortunada restauración da románica, falamos con ducias de persoas, a maioría de idade avanzada, que sempre viviron na parroquia ou sendo doutras partes coñeceron a imaxe. Todas, sen excepción, nos aseguraron que non é a orixinal e que para O Cebreiro mandaron unha mala reprodución. Mais, daquelas, como nos dixo un home, "non é coma hoxe, os curas mandaban moito". É dicir: punto en boca. O que non foi impedimento para que a mediados dos anos setenta un cura que estivo varios meses no Cebreiro compuxera unhas "coplas de cego" alusivas ao "cambiazo". Nunhas festas de Pedrafita de mediados dos anos setenta, rolaron outras no mesmo sentido.

 

Dende o mes de xaneiro de 2015 dirixímonos en varias ocasións á Diócese de Lugo para que aclararan o misterio, consultas que, unha e outra vez, resultaron infrutuosas. A sona mediática mesmo "silenciou", máis se cabe, ao Bispado, ao tempo que determinados persoeiros, locais e foráneos, poñíannos de volta e media. Compensado, iso si, por outras moitas persoas que só viron na nosa actuación unha investigación para aclarar un dos moitos puntos escuros que penduraron, e penduran, dende hai máis de cincoenta anos sobre O Cebreiro. "Misterios" que moi poucos queren airear.

 

No mes de abril de 2019, coñecendo que ían levar a talla para facerlle unha restauración, aproveitamos para dirixirnos de novo ao Bispado de Lugo para dicirlle que era o momento para saír de dúbidas e aclarar, dunha vez por todas, se se trataba ou non da imaxe orixinal. A calada seguiu sendo a resposta. Mais o día 6 de decembro dese ano, nunha noticia aparecida no xornal El Progreso, asinada pola xornalista Nieves Neira, saltou a bomba: a Diócese de Lugo recoñecía, por vez primeira e por boca do delegado de patrimonio do Bispado César Carnero, a falsidade da imaxe da Virxe que na actualidade se venera na igrexa do Cebreiro. Dende primeiras horas da mañá dese día, recibimos multitude de chamadas e mensaxes para felicitarnos pola insistencia, contra vento e marea, por tentar desvelar un dos enigmas (un de varios) que envolven o famoso santuario.

 

Que van a dicir agora os que durante todos estes anos nos puxeron a caldo, os mesmos que nos acusaron, entre outras lindezas, de querer desprestixiar o Camiño de Santiago? Agora xa non é un modesto colectivo non subvencionado o que sempre dubidou da falsidade da talla, agora é a mesma área de Patrimonio da Diócese de Lugo quen, pode que ao seu pesar, o certifica. Pero nin isto os vai a calar. Ou quizais si, mellor non menealo para que todo se esqueza. E para mostra un botón: Na web da Diócese e no mesmo Cebreiro, ano 2021, non modificaron nada, a desinformación continúa. 
 
O CRISTO GÓTICO DO CEBREIRO 
 
Xunto co Graal, a patena e as ampolas que segundo a tradición conteñen o corpo e o sangue do Santo Milagre acontecido arredor do ano 1300, e a desaparecida Virxe de orixe románica que inclinou a cabeza ao ver o prodixio, a outra icona máis venerada polos veciños e os peregrinos que durante séculos pasaron pola igrexa de Santa María a Real do Cebreiro foi, sen dúbida, o Cristo gótico da segunda metade do século XIV que presidía o presbiterio. Sobre este último dise que o que podemos ver hoxe en día é unha reprodución do orixinal que foi levado nos anos sesenta para restaurar. Sexan libros, páxinas web ou folletos turísticos, en todos lemos que o orixinal se atopa no "Museo de la Escultura de Arte Sacra de Madrid" ou "Museo de Escultura de Madrid", museos que, como facilmente puidemos demostrar, non existen. Así figuraba ata non hai moito tempo na páxina web do Concello de Pedrafita do Cebreiro que modificaron cando lle demostramos que tal institución non existia. Pero na web do Bispado, a pesares de comunicarllo, como non pode ser menos, seguen erre que erre.

 

Para tentar aclarar o misteiro, a principios do mes de xaneiro de 2015 puxémos en contacto co prestixioso Museo Nacional de Escultura de Valladolid (como dixemos anteriormente, en Madrid non hai ningún destas características nin de arte sacra) coa finalidade de saber se entrara alí a talla e para saber onde podería estar. Aos poucos días chamounos José Ignacio Hernández, o conservador do Museo, para dicirnos que o Cristo non figuraba nos seus fondos, aclarándonos, ademais, de que non tiñan constancia nos seus arquivos de que fora enviado para alí, ignorando, polo tanto, onde podería atoparse na actualidade. 

 

En varias ocacións dirixímonos por escrito ao Bispado de Lugo para que nos aclarara onde está o Cristo gótico, e tamén que se lle fixeran as análises que se precisasen ao que está no Cebreiro para saír de dúbidas e saber se se trata dunha reprodución ou do orixinal.

 


 

A primeira é única resposta escrita do Bispado veu da man do delegado de Patrimonio, D. César Carnero, no mes de marzo de 2015. Na carta que nos remitiu dinos que o único que sabe sobre o Crucificado é polas noticias da época e polas referencias orais: Que foi levado para Madrid por Pons-Sorolla e que para eiquí mandaron unha copia. Foi entón cando nos puxemos en contacto con todos aqueles museos de Madrid susceptibles de acoller a talla (Sorolla, Cerralbo, Histórico, Arqueolóxico...). A resposta, como no caso de Valladolid, foi negativa. Dende o Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE), que pasa por ser a maior institución en materia de restauración, contestáronnos que non figuraba na súa amplísima base de datos. O mesmo aconteceu no Archivo General de la Administración (AGA). Á vista disto, só se nos ocorren, de non ser o orixinal, tres opcións canto ao seu paradoiro: Que se vendese ou regalase ilegalmente, sendo a restauración unha mera cortina de fume e que fose substituído por unha posible réplica; que a peza se restaurase tanto e de forma tan invasiva que agora semelle unha copia a que está no Cebreiro; ou que o orixinal se atope en calquera museo de arte sacra interterterritorial, museos catedralicios, igrexas, nunha colección privada...


 

Tamén nos diriximos ao Arcebispado de Madrid (por iso de que as informacións sitúan alí o Cristo) por se sabían algo da peza. Pero, como supoñiamos, silentium, mutis polo foro. 

Non perdemos a esperanza por atopalo (ou para que o Bispado de Lugo, como aconteceu coa Virxe, lle faga algunha cata para saber se se trata ou non do orixinal). Dende hai un tempo estamos a centrarnos nalgunhas "pistas" a ver se, por fin, salta a lebre, entre outras unha vella foto do Cristo que nos facilitaron no mes de maio de 2021 que a pesares de non ser moi nidia pode proporcionarnos unha valiosísma información.

O RELEVO DE SALCEDO, OU COMO FACER "DESAPARECER" OUTRA PEZA DO CEBREIRO
 
Foi a mediados dos anos noventa cando vimos na hospedaría do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando nos interesamos pola peza contárannos que era un "petroglifo" que fora reaproveitado como lintel dunha palloza na aldea de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón.

 

Na pedra, tirando a rectangular, cunhas medidas aproximadas de 80 por 40 centímetros, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente definidos e mirando un cara o outro, vense senllas espadas ou frechas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que parten os brazos estendidos en cruz, cabeza redonda, ollos globulados e nariz. Sobre o peito do xenete da dereita vese un círculo cruzado por catro liñas (Un disco solar? Un Crismón?), e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa (Cruz de Santo André?). Completan o panel outro animal (un can?), unha espada ou frecha e dous símbolos de difícil interpretación a ambos os lados da cabeza do xenete da esquerda.

Sorprendentemente, recoñecemos, non volvemos a interesarnos pola peza ata transcorridos máis de dez anos.

Para emendar a neglixencia, un día do mes de novembro de 2015 liscamos cedo para Salcedo, con tan boa sorte que demos coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O noso  principal informante foi don José Rivera que ten a casa pegada á do lugar de procedencia da pedra coas gravuras. A historia que nos contou difería da que vinte anos antes recolleramos no Cebreiro. Díxonos que aparecera no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando estaban a derrubalo. A parte gravada miraba cara o interior e estaba do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada como adorno na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios lla venderon por unhas 15.000 pesetas a Elías Valiña Sampedro, o cura que chegou á aldea do Cebreiro "co posto e unha escangallada bicicleta, e mira...", díxonos unha veciña.

 
 

No ano 1998, o señor José, cando foi á romaría do Santo Milagre do Cebreiro, viu a pedra na hospedaría (onde nós a viramos), convertida en mesón, de San Xiraldo. Lembrou cando, como amigo e veciño dos propietarios, axudara a derrubar o centenario curral. Unha veciña, que o acompañara á romaría, contounos que tamén se fixara na peza que durante anos estivera na "Casa dos Currais". 

Para completar a historia, achegámonos a falar cos actuais "propietarios" do relevo. Unha sobriña de Elías Valiña confirmounos que, en efecto, viñera de Salcedo, mercada polo seu tío. Cando pechou o mesón, os familiares que o rexentaban leváronna canda eles como "herencia".

Canto a se a peza está completa, descoñecémolo, se ben cremos que era sensiblemente máis grande. Sobre a procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. O que si semella claro é que foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dalgún afloramento onde adoitaban insculpirse os petroglifos prehistóricos galegos. Ademais, os motivos de Salcedo son perfectamente recoñecibles, ao contrario das gravuras da Idade do Bronce onde as representacións adoitan ser moi esquemáticas. Polo tanto, hai que desbotar a orixe prehistórica tal como enganosamente figura nunhas postais da peza que se venden no Cebreiro onde no anverso podemos ler: "Relieve de la Edad del Bronce y fecha de su hallazgo" (a data da descuberta, como indicamos máis arriba, non foi no 1952, senon un ano antes, a data inscrita no relevo é de cando a colocaron nunha casa dos propietarios).

 

A pesares da deterioración da peza nalgunhas partes, atópase en bastante bo estado, non observándose un desgaste significativo polo que é probable que non estivera exposta aos axente meteorolóxicos.

Na Idade Media, as representacións de homes a cabalo son frecuentes, e se lle engadimos o círculo cruzado por liñas e o cadrado que acolle unha aspa, a súa adscrición medieval sería bastante clara. Hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da antiga roda solar ou da primitiva representación do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios.

Non resulta doado interpretar a escea representada na peza, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que, se cabe, sexa aínda máis singular. Unha escea de caza? De sacrificio? Unha ofrenda?

A principios do mes de marzo de 2016 dirixímonos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que me dixeran se o relevo estaba catalogado, contesdtándonos a mediados de abril que non. Resposta que certamente nos sorprendeu xa que tiñan coñecemento da súa existencia. Ese mesmo día rexistyramos un escrito solicitando a súa inclusión no catálogo de bens culturais e, ao mesmo tempo, enviámoslle unha carta certificada ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecían, que a peza fora mercada polo cura Valiña Sampedro con cartos públicos para engordar o patrimonio do Cebreiro, colocándoa na hospedaría-hospital de San Xiraldo, propiedade da Igrexa. Como xa nos imaxinabamos, nunca recibimos resposta. O que si nos sorprende (ou non) é que na páxina web da Diócese de Lugo teimen en asegurar que se atopa no mesón.

 
 
 

Como dixemos máis arriba, á morte de don Elías Valiña no 1989, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai uns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. En definitiva, o relevo desapareceu do sitio, os familiares de Valiña Sampedro leváronno canda eles coma se dunha "herencia" se tratara cando, en realidade, pertence á Igrexa ou, como é lóxico xa que foi mercado con cartos públicos, ao Patrimonio de todas e todos. 

Dende Patrimonio en Lugo contestáronnos que remitiran a nosa solicitude para a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago. Un ano despois, ante a falta de noticias, enviámoslle un escrito á citada Subdirección para que nos dixeran como estaba o tema. Responderon o 9 de maio de 2017, dicíndonos que solicitaran a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade do relevo e a procedencia da súa inclusión no catálogo. Na USC concluíron no carácter enigmático da peza e na dificultade da súa interpretación, mesmo que os seus trazos estilísticos e os elementos iconográficos tampouco permitían establecer a adscrición cronocultural, ademais da ausencia dun contexto arqueolóxico que impedían a súa correcta valoración histórica. Ante isto, dende a Subdirección solicitaron a colaboración do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para valorar a importancia do relevo, "polo que, de momento, estase á espera dos datos que permitan valorar a catalogación da mencionada peza".

 

Un ano máis tarde seguiamos sen noticias polo que, o día 12 de xuño de 2018, enviámoslle á Subdirección Xeral outro escrito preguntándolle se no Museo do Castro de Viladonga chegaran a algunha conclusión. Non recibimos resposta polo que, trancorrido outro ano, o 19 de xuño de 2019, volvemos insistir. Para asegurar algún tipo de resposta, chamamos por teléfono ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago onde nos dixeron que ían comprobar como estaba o asunto. Trancorridos oito meses, ante a ausencia de resposta deste organismo, o día 12 de marzo de 2020 requirímoslle de novo que nos dixeran en que fase está o tema

Teremos, por fin, resposta? Sinceramente, dubidámolo, hai cousas do Cebreiro que mellor non remexer, léase, como exemplos máis chamativos e que xa tocamos máis arriba, a románica Virxe do Milagre e o Cristo gótico que, simplemente, se evaporaron. 

EN QUE FASE DAS PESCUDAS NOS ATOPAMOS?  

A raíz que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares fixemos públicos os "casos"  da Virxe do Milagre, do Cristo e do Relevo de Salcedo, as pescudas comezaron a dar os seus froitos. Levamos recuperadas publicacións, algunhas inéditas (follas parroquiais, boletíns, folletos, documentos, fotos...) e, sobre todo, estamos a conseguir a colaboración de moitas persoas que, se ben se mostraron reticentes ao principio, están a achegarnos unha información dun valor incalculable para desentrañar estes "misterios". Testemuñas con nome e apelidos que nos falan de liortas entre os inspectores, enviados para controlar os gastos da restauración do poboado e do complexo relixioso do Cebreiro, e os designados para poñelos en valor. Ou das pezas que tiveron que gardar nas súas casas para que non "desapareceran" sen deixar rastro, incluída algunha denuncia no cuartel da garda civil de Pedrafita. E máis que aos poucos iremos desvelando. Imos paseniño, pero seguros. 

Escribiu Umberto Eco: "Sabedoría non é destruír ídolos, senón non crealos nunca". Pero no Cebreiro creáronse, e ademais, a pesar de todos os pesares, indestructibles. 
 
BIBLIOGRAFÍA E INSTITUCIÓNS CONSULTADAS
 
Alvilares Moure, X. 1956: El Cebrero.
Amor Meilán, M. 1918: Historia de la provincia de Lugo.
Archivo General de la Administración (AGA)
Ares Vázquez, N. 2004: En Lucensia: Toponimia do concello de Pedrafita do Cebreiro.
Arquivo Provincial de Lugo
Biblioteca Nacional
El Mensajero parroquial de Piedrafita del Cebrero. Anos 1924 e 1927.
El Mensajero del Santo Grial del Cebreiro. Ano 1930.
La Voz de la Verdad. Folletos dos anos 1960, 1964 e 1966.
Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE)
López Pombo, L. 2006: Concellos de As Nogais, Pedrafita do Cebreiro y Triacastela.
Museo Arqueolóxico Nacional
Museo Cerralbo
Museo Histórico Nacional
Museo Nacional de Escultura de Valladolid
Museo Sorolla
Valiña Sampedro, E. 1976: Inventario artístico de Lugo y su provincia.
Web do Concello de Pedrafita do Cebreiro
Web da Diócese de Lugo.
Yepes, A. 1621: Crónica General de la Orden de San Benito.
Xunta de Galicia (servizos de Patrimonio)    

© Colectivo Patrimonio dos Ancares