* A maldición do soldado francés

Na comarca dos Ancares, a memoria sobre a Guerra da Independencia aínda está moi presente. Rara é a persoa de Baralla que non ten escoitado falar da Furada dos Franceses, unha cova onde foron arroxados os integrantes dunha partida que morreron nun enfrontamento cos veciños. Ou de Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), alcumado o Terror dos Gabachos. Entre os anos 1960 e 1980 funcionou en Becerreá o bar Os Chafarotes que tomou o nome polos anchos sabres utilizados polas tropas francesas e que serviron para adornar as paredes do local. Dise que moitas tuberías das casas de Becerreá estaban feitas con canos de fusís franceses. Veciños de Noceda e Doncos (As Nogais) ofrecéronse ao xeneral inglés Moore para combater aos invasores. A finais de febreiro de 1809, estando en Doncos un destacamento francés que escoltaba dende Castela 16.000 pares de zapatos, foron perseguidos polos guerrilleiros quen se apoderaron de 7.000 pares. Na Pena da Seara, unha pequena aldea de Pedrafita, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro onde foran levados para que as tropas non os destruíran. E así ducias de historias que o paso do tempo non conseguiu borrar.

Mais hai unha historia que se afasta das tradicionais, onde o espírito dun soldado napoleónico aínda continúa a deambular polo lugar.

Corrían os primeiros meses do ano 1809, un soldado francés, para calmar a sede, pediu un vaso de auga na coñecida como Casa da Corredoira, en Guilfrei (Becerreá). Déronllo. Mais, cando o home, confiado, estaba a beber, o dono da casa colleu un rolo e golpeouno na cabeza, causándolle a morte. Dende aquelas, os habitantes da casa, cando saen ao campo para traballar, teñen que levar consigo auga para beber debido á sede que lles entra. Tamén se di que cando un dos moradores da casa vai a morrer, pouco antes de expirar sempre pide auga.