* Homenaxe a Fuco Gómez

O vindeiro 9 de xullo cúmprense 122 anos do nacemento de Francisco Gómez Gómez, coñecido como Fuco Gómez. Para celebralo, xente de Becerreá, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, propuxeron facerlle unha homenaxe.


Fuco naceu o 9 de xullo de 1895 en Montaña da Agra, parroquia de Ouselle (Becerreá). Con tan só 18 anos embarcou para Cuba. Defensor de Galicia e da súa lingua, no 1921 funda na Habana o Comité Revolucionario Arredista Galego (CRAG) cuxo fin último era o de acadar unha República Galega independente, reivindicando unha alianza, con igualdade de dereitos, entre as distintas nacións da Península: Galicia, Portugal, Euskadi, Catalunya, Castela... 

Coa proclamación da II República en España, regresa a Galicia para loitar pola súa independencia (no 1931 houbo un intento de declarar o Estado Galego), mais os escasos apoios entre un amplo sector de círculos galeguistas fixo que voltara para Cuba no 1935.

En Cuba fundou e editou o boletín mensual Patria Galega para manter vivo o nacionalismo da comunidade asentada naquel país. Como político, xornalista, poeta, lingüísta, etc., a súa gran paixón embocaba sempre no mesmo punto: Galicia. 

Colaborou con artigos en A Fouce, Terra Gallega, Nós, Galicia, Eco de Galicia, La Noche... Tamén escribiu varios libros: Grafía galega, Naciones Ibéricas, O idioma dos animás, Pastorelas, Ensayos de Crítica e Historia de Galicia, La agonía de Iberia, Guía de Almas, Martí, Novísimo Dizionario Galego-Español... 

 

Morreu na Habana o 9 de xaneiro de 1972. 

Fuco ten adicado un monolito nas inmediacións da igrexa románica de Ouselle. Hai uns dez anos, un grupo de persoas propuxeron adicarlle unha rúa, mais o Concello opúxose alegando que era “pouco coñecido”.  

Para que non caia no esquecemento, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares xa imos comezar os preparativos para facerlle unha merecida homenaxe o día 8 ou 9 de xullo próximo. En principio organizaremos algunha charla impartida por persoas que coñezan a súa traxectoria política e cultural e unha exposición sobre a súa obra literaria. Como persoeiro defensor de Galicia, fóra e dentro das nosas fronteiras, tentaremos involucrar ao Concello de Becerreá e á Deputación de Lugo. 

Seguiremos informando.