HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS PEDRAFITA DO CEBREIRO

Historias, tradicións, mitos e lendas do concello de Pedrafita do Cebreiro que se achegan: A lúa, O sol, O Camiño Francés a Santiago, As ánimas, A Ánima Soila, O tizón do Nadal, O apalpador, A Festa de Reis, A cacharela do San Xoán, A Noite de Todos os Santos, A relixión, O santuario do Cebreiro, O peregrino alemán, O Alto do San Roque, A Casa das Cadeas, O Casa da Raíña, Fonfría do Camiño, Santuario do Santo Anxo, Santuario do San Antón, Santuario do Ecce Homo, Pía baustismal de Santa María do Cebreiro, A Noite de Defuntos, A lareira, O lume, A auga, Pozo do Lago Maior, As árbores, O castiñeiro e a castaña, Herbas medicinais, Médicos e curandeiros, O sal, O topónimo O Temple, Padornelo, As brañas, O pan, O mal de ollo, A figa, As fontes, A Guerra da Independencia, O pedáneo, Rebelión en Pedrafita do Cebreiro, O fiadeiro, A millora, O casamento de trato, O gando vacún, O monte das Travesas, A Guerra Civil: represión fascista, Unha liorta na festa de Vilasol, Repoboacións forestais, Panfleto político-satírico nas festas do Cebreiro, Unha historia do ano 1746, O castro de Cerracín, O Chao do Castro, O Santo Milagre e o Santo Graal do Cebreiro, A lenda de Santandufe, A Casa do Mesón, A desaparición da señora Elisa, Cáliz da capela do Hospital de Santa Catarina de Fonfría, Persoas que faleceron no Hospital de Peregrinos de Santa Catarina de Fronfría, O parto, A orixe do nome do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, Marco do Val de Solleiro, Sobre a Morte, Unha arresponsadora do Courel en Pedrafita do Cebreiro.

A LÚA 
Para os habitantes de moitas aldeas da comarca dos Ancares, a lúa de marzo en crecente é boa e mata a mala herba. A matanza facíase nos meses de inverno e, a poder ser, en lúa mingunate para que o touciño non se puxera amarelo. A lúa é como o axente que regula o ciclo da circulación do sangue non só nas persoas, senón tamén nos animais e nas plantas. O crecente e o minguante marcan os momentos nos que a lúa actúa con máis ou con menos forza sobre o sangue; no crecente é cando sobe da raíz ao talo, do corazón ás extremidades. Durante o minguante din que é cando o sangue baixa, concentrándose en torno á raíz e perdendo vigor o organistmo. O crecente de mazo e o minguante de agosto marcan os momentos do ano de máis e de menos forza da lúa. En crecente elimínanse as malas herbas por iso é cando se aran, ao cortar as malas herbas desangran e morren. Os artesáns dos Ancares din que se debe cortar a madeira coa que van a traballar no minguante de outubro, novembro ou decembro por seren o momento do ano en que a lúa envellece e vai perdendo a súa forza, e as ramas das árbores non teñen sangue. Din que se cortan a madeira noutra época do ano o máis normal é que se abiche. Tamén din que o mellor momento para matar o porco é de novembro ata decembro, porque en xaneiro entra a lúa de ano novo e xa non se conserva ben a carne; e nunca debe matarse a partires de marzo.

O SOL
Os habitantes dos Ancares din que na montaña é onde o sol quenta a terra para fecundar o produto máis forte e máis puro. Mais na montaña é onde trona máis; a auga do trono vén quentada polo sol por medio da descarga eléctrica e "coce" (purifica) a terra eliminando as malas herbas. O sol presidindo a montaña é identificado coa forza purificadora que "atrempeira" a terra. Por iso consideran que todo o producido nas terras da montaña (alzadas, searas) é máis forte e ten máis poder alimenticio que nas terras de abaixo. A palla do centeo producido arriba din que é a única que serve para teitar as pallozas; a herba da montaña din que alimenta mellor ao gando e, ademais, serve para curalo cando está enfermo ou despois de parir (Rodríguez Campos, 1990). Unha muller do municipio de Navia de Suarna, de máis de noventa anos, contoume que cando acaía unha desgraza, o desventurado ou desventurada miraba cara o sol nacente e pregáballe protección. Ao munxir as vacas acostumábase ofrecer ao novo día as primeiras pingas de leite, poñéndoa nunha cunca que se colocaba na ventá que miraba cara o Oriente para seren ferida polos primeiros raios do sol. Antes de meter o pan ao forno, ofrecíase unha torta á "estrela panadeira" (Venus), poñéndoa na ventá que mira cara o nacemento do astro.

O CAMIÑO FRANCÉS A SANTIAGO
Ver Apéndice: Os camiños de Santiago polos Ancares: A Vía de Künig. 

AS ÁNIMAS
Crese que en varias zonas dos Ancares, cando alguén está gravemente enfermo escóitase un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte" que anuncia o pasamento ao Máis Alá do doente. En moitas aldeas coidan de non varrer a casa de noite, porque se lles dá para atrás ás ánimas, impedíndolles que se quenten.

A ÁNIMA SOILA
"Existe a crenza en Galiza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo". (Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-a961). Esta Ánima Soila é coñecida en varias partes da comarca dos Ancares. 

O TIZÓN DE NADAL 
"Cotarelo, no seu traballo A Noiteboa na aldea, descríebeo deste xeito: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume, cando mandan apagalo e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha de ter a sorte para a facenda e para os donos. Despois de queimado un pouco, déixase que se apague e aí se conserva o tizón do Nadal, para volver a acendelo cando haxa temor dalgunha desgraza para a casa". Dito tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que o resto que queda consérvase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameaza unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade".  (Recollido de Ritos galegos de Nadal, de Xesús Taboada Chivite). 

O APALPADOR
O Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. A lenda do Apalpador ten a súa orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro. As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña".

A FESTA DE REIS
Dende principios de xaneiro acostumábase a "correr os reis", é dicir, ir de aldea en alde cantando panxoliñas, acompañados de gaitas, pandeiretas e cunchas. A comitiva ía encabezada polo Rei Maio que levaba na man un acivo; este era o encargado de recoller o que lle daban en cada casa, fose diñeiro ou viandas (chourizos, queixo, xamón...). Unha ruta seguida pola comitiva recollémola de Lisón Tolosana no concello de Pedrafita do Cebreiro. Iniciaban o percorrido en Casares, e continuaban pola Rabaceira, Celeiró, Acivo, Brañas, Fonteformosa, Santín, Riocereixa, San Pedro, Sixto, Chandepena, Romeor, Millares, Moreda, Campelo, Mostaz, O Carbedo, Esperante, Lousada, Seixo, Pacios e Santalla; saían o primeiro de xaneiro e regresaban o día de Reis pola mañá. E todo camiñando. Como se pode ver, moitas aldeas pertencen ao veciño concello do Courel. 

A CACHARELA DO SAN XOÁN
Cando o salto da cacharela do San Xoán crese que as mulleres solteiras conseguen casar se o fan sen tocar o lume; di Vicente Risco que se o logran pasarán polo altar antes dun ano.

NOITE DE TODOS OS SANTOS 
Nalgunhas aldeas de Pedrafita do Cebreiro acostumábase ir o primeiro de novembro, na noite de Todos os Santos, de casa en casa comendo castañas, coa certidume de ceibaren unha alma do purgatorio cada vez que comían con fe unha castaña.  

A RELIXIÓN
Parroquia equivale a territorio incluído baixo a xurisdición espiritual dun cura. Todos os fregueses escoitan ao mesmo sacerdote, xúntanse e reciben os sacramentos na mesma igrexa, celebran as mesmas festas patronais e reciben sepultura nomesmo cemiterio. O cura era a primeira autoridade, a el acodían nas enfermidades espirituais, mais tamén lle pidían consello para as enfermidades do corpo, consultábanlle os problemas e tíñano como intermediario entre a parroquia e o mundo exterior. Mais en non poucos casos o cura era vixiado polos parroquianos para impedir que sacara cousas da igrexa, comprobando a miúdo se faltaba algo. Moitos curas que quixeron arranxar os templos ou substituír ou "restaurar" imaxes non puideron facelo sen contar cos veciños que consideraban que o recinto sagrado lles pertencía a eles e non ao cura que estaba á súa fronte. Ademais das doazóns ao cura polas misas, novenas, vodas, enterros, etc., os fregueses tamén pensaban nos seus campos e colleitas. Así acostumábase a dar ao sacerdote esmolas para que bendicira os campos, celebrar rogativas para que chovera, para que saíra o sol ou para esconxurar o trono. En Zanfoga (Pedrafita do Cebreiro) contribuían cun ferrado de trigo ou de centeo (pan do desconxuro). En Corneantes (Cervantes) pidíanlle ao cura que fora a celebrar misa para dicir as letanías e arrenegar o trono. Tamén se celebraban procesións para evitar calamidades.  

O SANTUARIO DO CEBREIRO 
No lugar houbo un mosteiro do que hoxe só se conserva a igrexa, que dispoñía dun hospital para atender aos peregrinos, en funcionamento ata o 1858. Segundo a tradición, nos días de néboa os monxes facían soar a campá para orientar aos peregrinos perdidos. Tanto o mosteiro como a igrexa foron pasto das chamas ao menos no século XV e no ano 1641. Ata o ano 1804, a igrexa estivo cuberta de colmo. No ano 1858, a raíz do decreto de Desamortización de Mendizábal do 1835, os monxes foron obrigados a abandonar O Cebreiro o que levou que as rendas, foros e décimos pasaran a outros administradores, tal como figura nos libros do Rexistro da Propiedade de Becerreá dos anos 1845 e 1865 conservados no Arquivo Histórico Provincial de Lugo. No ano 1961, realiza unha visita ao templo e ao hospital o entón Comisario de Belas Artes Manuel Chamoso Lamas, feito que vén a marcar a data de comezo da súa recuperación.

O PEREGRINO ALEMÁN
Xa superada Vega de Valcarce, unha espesa nevarada recibiu ao peregrino alemán cando atacaba a fatigosa subida ao Alto do Cebreiro. A neve axiña cubriu o camiño. Mais as desgrazas só paren desgrazas: unha mesta néboa envolveu ao home. Despois de horas e horas de desesperada camiñada, nin unha muxica de vida humana, nin unha encanastrada cabana onde gorecerse asomaba por ningures. Perdérase. A noite botáse enriba, se Deus e o Apóstolo Santiago non o auxiliaban, a súa morte era segura. Xa perdera a esperanza cando, ao lonxe, escoitou o canto dun pegureiro. Guiado polo arroubador son, o peregrino chegou ao Santuario do Cebreiro.
 

O ALTO DE SAN ROQUE
Ademais da lenda, narrada no apartado correspondente, aquí houbo unha ermida. Ao parecer, don Elías Valiña localizou nunha casa no ano 1962 unha imaxe do San Roque totalmente corroída. O monumento ao peregrino data do ano 1984. Conta López Pombo que durante algún tempo estivo vixiado pola garda civil debido a que había sospeitas de que un veciño do Hospital quería destruílo.
 

A CASA DAS CADEAS 
Situada en Fonfría. Cóntase que nela pasou noite Isabel a Católica na súa peregrinaxe a Santiago de Compostela. Está documentado que tiña dereito de asilo. O nome veulle polas cadeas que pechaban o patio. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, esta casa chamábase Casa da Aira, e ao lado había un Mesón Real que tiña as cadeas en sinal de padroado e protección do rei. O mesón foi derruído por mandato de Francisco Fernández Rodríguez na década dos anos oitenta do pasado século XX. Do mesmo di William Dalrympe no 1774: "A pousada chámase Mesón Real e mesmo ten grandes cadeas na porta para facer ver que efectivamente pertence ao rei. Esa casa real é unha miserenta pousada onde atopamos un cuarto malo e mesmo lle tivemos que cambiar a comida aos cabalos pois non había cebada e custounos bastante atopar centeo abondo para alimentalos". 

A CASA DA RAÍÑA 
En Valdefariña, parroquia de Louzarela. Dise que nela fixo noite dona Urraca que reinou en Galiza entre o 1109 e o 1110. Consérvanse cartas desta raíña nas que se autodenomina Totius Gallecia domina e Totus Gallecia imperatrix.   

FONFRÍA DO CAMIÑO 
Debe o seu nome a unha fonte que aínda existe fronte da igrexa parroquial e que aliviaba a sede aos peregrinos. En tempos houbo un hospital de peregrinos que dependía do convento do Sancti Spiritus de Melide. Cóntase que este hospital fornecía aos camiñantes de lume, auga, sal e cama con dúas mantas; aos doentes, ademais, con ovos, pan e manteiga. 
 

SANTUARIO DO SANTO ANXO 
Atópase en Vilasol, parroquia de Padornelo. A súa festividade é o día 2 de outubro. Ao Santo Anxo ofrecíanse os mozos que ían ao servizo militar e as persoas que emigraban para que o Anxo os guiara.

SANTUARIO DO SAN ANTÓN
En Padornelo. A festividade celébrase o día 13 de xuño. Ofrécenlle para as doenzas e protección dos animais.

SANTUARIO DO ECCE HOMO
En Louzarela. Conmemórase os días 13 e 14 de decembro. Os devotos dan voltas ao redor da imaxe do Ecce Homo par acadar a súa protección. 

PÍA BAUTISMAL DE SANTA MARÍA DO CEBREIRO 
Do século IX, ata o século XII servía para realizar o bautismo por inmersión, é dicir, somerxer baixo a auga á persoa que vai a ser bautizada. Este sistema era o utilizado por San Xoán Bautista. Así foi bautizado o propio Xesucristo tal como relata o Evanxeo de San Marcos. A voz grega da que deriva a palabra bautismo significa, precisamente, somerxer en líquido. Algúns sectores da Igrexa consideran que é a forma correcta de recibir este Sacramento.

A NOITE DE DEFUNTOS 
En moitas aldeas do municipio críase que as ánimas dos familiares viñan na Noite de Defuntos a quentarse xunto a lareira, e por iso se deixaba un gran pao aceso ata o amencer.

A LAREIRA
No espzao ocupado pola lareira, en moitas aldeas, en ausencia doutro lugar axeitado, utilizábase para instalar nela ao moribundo. O cura entraba acompañado dos veciños do pobo portando velas cando lle subminstraba a Extrema Unción.

O LUME
Considerado como unha divindade protectora, cando unha persoa se sentía agoniada ou vítima dalgunha pena, adoitaba situarse diante do lar para avivalo e maldicilo. Tamén lle botaban flores en determinados días do ano. Cando se cocía o pan, dábanlle a súa ración, e cando comían arredor del, botábanlle algunhas culleradas de graxa para avivalo. O lume debía conservarse puro, e non se permitía ningunha acción culpable na súa presenza; tampouco debía ser ofendido. Non se podía tirar a el nada suxo, e tíñase especial coidado en que non fosen a parar a el as cascas dos ovos xa que con elas queimaron a San Lourenzo. Existía a tradición de manter o lume aceso para alonxar os malos espíritos. En moitas aldeas o lume era cuberto e recuperado á mañá seguinte. 

A AUGA
Nos meses de febreiro e marzo non se botaba a auga aos campos porque as augas estaban "preñadas", segundo uns meses nacen os "cucharos" dentro de pequenas bolsas das que logo saen as ras no mes de abril; segundo outros chámanse "preñadas" porque neses meses traen como unha especie de "moco" parecido ao que botan as vacas pola matriz cando se están purgando. Por iso nese período do ano os campos só se regaban coa auga das fontes, pero non coa dos ríos e regueiros ata o mes de abril. A auga que corre ao longo do ano está "preñada" ao final do inverno, dise que é o período en que a auga está queda. Despois de quedar "preñada" a auga tamén quedará preñada a terra, que antes se purgou. Nos Ancares distinguen entre as augas boas e doces e as malas e bravas; as fontes de onde saen as primeiras están case todas na montaña, e dise que a súa auga é boa para "coller sangue"; as do pobo son sempre consideradas máis bravas. A auga que mana das rochas da montaña purifica e fecunda a terra. (Xaquín Rodríguez Campos, 1990). 

POZO DO LAGO MAIOR
Preto de Padornelo. Trátase dunha lagoa situada a 1.342 metros de altitude. Pertencía aos veciños das parrroquias do Hospital e de Padornelo, de aí que estea dividida por un muro, só visible cando apenas ten auga.

AS ÁRBORES
Aseguran os habitantes da comarca dos Ancares que a mellor madeira é a das árbores que medran en sitios máis montañosos, pedregosos e soleados, porque nestes lugares "vicia" menos. Quere dicir que coa calor do sol medra máis lentamente, onde non hai sol medra máis rápido en busca do sol. A madeira é mellor canto máis pobre é o terreo. Din dun castaño ou dun carballo que estea xunto unha rocha, "esa madeira é dura coma un carro". En Robledo de Rao chámanlles "pedreses" porque son duros coma o seu terreo, aferrados ás súas tradicións e atrasados, e por outra porque son insociables xa que non van á taberna (Rodríguez Campos, 1990). Nos Ancares había grandes extensións de bosque poboado por castiñeiros, carballos, vidros, abrairas, pradairos, faiais, piornos, teixos, acivros, capudres... O vidro e o pradairo utilizábanse para facer zocos, o boxe para facer mangos de navalla e culleres de madeira, o castaño e o carballo para facer mobles, a rama do teixo para dar de comer ao gando, a do piorno para facer carbón como complemento da uz. O máis emblemático da zona é o castiñeiro, tanto pola importancia que tivo a castaña na alimentación como por seren a madeira utilizada para facer os teitos, tabiques, os solos das casas e dos hórreos, etc.

O CASTIÑEIRO E A CASTAÑA
Cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer os da súa propiedade, facíanlles unha marca. Cando se compraba ou se vendía escriturábase como unha propiedade máis. Distinguen na zona cinco tipos de castiñeiros que levan os nomes "do bravo", "da parede", "ron" (ou coruxa), "verdiños" (ou marelás) e "de cebola". Canto ao seu froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen pronto, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución; e canto máis forte se lle pegue ao varexalos, mellor. Ata ben entrada a segundo metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos.

HERBAS MEDICINAIS
Case todas as herbas medicinais nacen no monte, agás a ruda que se cultiva na horta. O talo do regaliz era considerado bo para a gorxa, a raíz e as follas da arandeira (vaccinium myrtillus) e a pel do sangumio (corunus sanguinea) para as dores de ventre, a xeixebra (xaifraga granulata) para as almorrás, a celidoña para as cortaduras, a árnica (arnica montana) para a circulación do sangue, a xanzá (geniata lutea) para os catarros, tuberculose e para baixar a tensión porque clarea e purifica o sangue, a raíz do llantén (alisma plantago) para os catarros, a raíz e a flor da uz branca (a vermella é considerada velenosa) para as dores de cabeza e de lumbago, a raíz e a flor da carqueixa branca (chamaespartium tridentarum) para rebaixar a tensión, a raíz e o talo da consoldra para os golpes e lombrigas do gando. Mais dise que deben ser aplicadas con coidado, en doses controladas zugan o mal que hai nel. A característica que consideran máis común a todas as herbas medicinais é a súa sabor doce, fronte ás malas que lles atribúen un sabor amargo e desagradable, por iso non as comen os animais.

MÉDICOS, CIRURXÁNS, COMPOÑEDORES, CURANDEIROS...
A finais do século XIX o número de médicos que había en Galiza non chegaba aos 70, e 500 cirurxáns, tendo en conta, ademais, que moitos médicos eran charlatáns e a maioría dos cirurxáns non eran máis ca barbeiros-sangradores. O primeiro médico residente non se establece en Pedrafita do Cebreiro ata o ano 1947. A residencia do médico na capital municipal non implicaba a súa actuación profesional nas numerosas aldeas coas que apenas tiña contacto. As comunicacións dende a capital entre as distintas aldeas era tan deficiente que se chamaban ao médico, por exemplo dende Candepena, este invertía na viaxe e consulta non menos de sete horas, quedando o resto dos veciños do concello sen atención, e iso contanto que non nevara. O desprazamento a moitos lugares esixía a combinación de coche e cabalo. Non resultaba unha rareza non avisar ao médico cando se cría que a enfermidade era incurable. Cando alguén morría sen asistencia médica, o sacerdote ou o pedáneo eran requiridos para cubrir un papel no que dicía "morreu de morte natural", para así poder ser enterrado. A visita custaba entre 1.500 e 2.000 pesetas, todo un diñeiral para as minguadas rendas. Os únicos que estaban exentos de pagar os gastos do médico eran os "pobres de solemnidade" que figuraban nunha lista confeccionada polo Concello. No de Pedrafita do Cebreiro, a mediados dos anos sesenta do pasado século, figuraban 119 familias. Mais non sempre se cumpría isto. Nunha ocasión unha destas persoas necesitou ser trasladada en ambulancia ao hospital de Lugo, transporte que, en teoría, era gratuíto; dende o Concello chamaron por teléfono á ambulancia que se negou a levar ao doente se non lle abonaban seis pesetas por quilómetro. A xente distinguía entre enfermidades "novas" que eran competencia do médico, e as que non o eran como erisipela, cualleiro, paletilla, espinilla, esfiado, ponzoña, aire da pozoira, a sombra, o enganido, o coxo do sapo, a cisma, o rauto, mal da teupa, mal de afóra, mal de ollo, feitizos..., recorréndose, en vez de ao médico, a bruxas, compostores, manciñeiros, arresponsadores, curas, santos, cemiterios, rescriptos, allos, cornos, herbas ou remedios caseiros, etc. Para a curación de "enfermidades de nervios" recoríase a certos santuarios, con símbolos e rituais específicos. En moitos casos, nos lugares de difícil acceso, os "enfermos de médico" graves eran levados a ombros ata a estrada onde os recollía un coche para achegalos ata a consulta. En Cervantes, os únicos que podían curar "o mal de afora" eran os curas (maldicións, meigas, mortos, etc.) porque os médicos, dicía a xente, "diso non entendían"; dicían que eran enfermidades, mais "son espíritos que andaban perdidos e metíanse nunha persoa".  

O SAL
Está considerado como un axente purificador da terra que botan durante os meses de inverno nas leiras de labradío cando son invadidas polas malas herbas; din que así conseguen facelas desaparecer. O poder curativo do sal exprésase noutra crenza relativa á salmoeira, a que serviu para curar a carne da matanza; antigamente, durante a festa do primeiro de maio, botábanlla ao caldo de castañas para que as mulleres non se marearan. A salmoneira séguese a utilizar nalgunhas comidas de inverno e primavera para dar sabor ao caldo, mais perdendo a función ritual que tiña en determinadas celebracións sobre o ciclo agrícola e a vida familiar. (Rodríguez Campos, 1990). 

O TOPÓNIMO O TEMPLE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. A pesares de que non se conservan restos, nin escritos nin arqueolóxicos, o nome da pequena aldea é unha proba nidia de que houbo unha casa da poderosa orde monástico militar. O Temple foi fundado no ano 1119 por dous cabaleiros francos para protexer aos peregrinos a Terra Santa e que axiña acadaron un enorme poder económico e militar. Logo dun amañado proceso inquisitorial, o papa Clemente V, presionado polo rei francés Filipe IV, suprimía a orde no ano 1312 e os seus máximos dirixentes foron condenados á fogueira. Rodeados por un gran misterio, aos templarios supónselles que coñecían onde agochaban, entre outros dos grandes secretos da cristiandade, a Arca da Alianza e o Graal. En Galiza, onde se estableceron ao pouco da fundación da súa orde, contaron con varias encomendas e bailías. Na comarca, os templarios tamén aparecen no mosteiro de Penamaior (Becerreá) e no de Dorna (Cervantes). O investigador Luis López Pombo achégame unha interesante información: O 15 de setembro de 1558, Pedro Armesto interpuxo diante da Real Audiencia de Galicia un preito ante o prior do Hospital frei Pedro de Cobides, dado que este cunha vintena de vasalos armados con lanzas, espadas, etc. tomaron o couto do Temple, abrindo moitas casas , facendo acto de xurisdición cos seus veciños e que a el lle pertencía por xustos títulos que viñan disfrutando os seus antepasados dende había vinte, corenta, oitenta e máis anos que memoria de homes lembrara. Onde había casa para o cárcere, picota e guillotina, mediando o Armesto como señor xurisdicional nos conflitos entre os veciños do lugar que eran os seus vasalos. Dende moi antigo debía vir en posesión da familia Armesto, do lugar de Veiga de Forcas, o couto do Temple; así cando o 10 de novembro de 1737 se realizou o padrón de Calle Hita, os veciños dixeron: "... que en dito couto non coñecían fidalgo nin privilexiado ningún, máis de tan só a don Mauro de Armesto, dono de dito couto, que este lle coñecen por fillo dalgún notorio descendente de tales".

PADORNELO
Segundo a Historia Compostelana, do século XII, o pobo foi mercado para a mitra compostelá polo arcebispo Xelmírez e estivo gobernado polos Hospitalarios de San Xoán.

BRAÑAS 
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Aubrey F. G. Bell, no seu libro Galicia vista por un inglés, di que na pequena aldea de montaña de Brañas cada un dos vinte e cinco veciños dábanlle catro libras de centeo ao abade no tempo da seitura.

O PAN
Antes de cocer o pan acostumábase a facer unha bola con masa e ofrecerlla á estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña.

O MAL DE OLLO
Para librar ao gando do mal de ollo, en Nullán (As Nogais) poñían un pantalón de home no chan e facían pasar ao animal por riba para que dera leite que a meiga cortara. En Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro) críase que se podía coller o mal de ollo cando na misa non se miraba o Cáliz e a Hostia; cando ao alzalos un volvía a vista a un lado ou cara atrás, así quedaba; mais pasáballe se ao domingo seguinte a persoa afectada volvía a estar atenta. En moitas aldeas dos Ancares críase que había xente boa con vista que fire e podían causar trastornos sen pretendelo, por iso tiñan que tapar o ollo que os causaban, e case sempre era o ollo dereito. 

A FIGA
A figa é a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou como insulto. En moitas aldeas da comarca aos recén nados poñíanlle unha figa en forma de man pequena, principalmente de cor negra, nunha pulseira. Diante das meigas e aolladoras, homes e mulleres apuntábannas co dedo polgar.

AS FONTES
A algunhas fontes e mananciais acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear. 

A GUERRA DA INDEPENDENCIA
Segundo as crónicas e atradición, os sucesos máis importantes sobre a guerra contra a invasión napoleónica nas terras de Baralla produciuse a principios do ano 1809. Pardo de Neyra reproduce unha carta publicada no ano 1809 no peródico Diario onde se di que en Vilarpunteiro os guerrilleiros galegos puxeron en fuga aos soldados franceses cando se dispuñan a saquear Lexo, ou cando os franceses tiveron que fuxir de Baralla cando foron sorprendidos polos veciños, abandonando provisións e munición. E que na Pena, escribiu Antonio Correa, unha partida de franceses morreron a mans dos veciños e que logo foron soterrados no monte que, de alí en diante, recibiu o nome de Furada dos Franceses, episodio narrado por Gerardo Fernández López no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo, que asegura tomado do Libro Probisional de Fábrica da igrexa de Baralla, redactado por Andrés Rivas Pardo, cura vicario na vacante da parroquia. O día 5 de xaneiro do mesmo ano, unha avanzada do exército napoleónico foi obrigada a recuar polos dous canóns que os aliados ingleses situaran xunto a Ponte de Senra; os franceses retiráronse, entón, cara Baralla onde, contan, fixeron tres fogueiras no interior da igrexa quimando todo o que de madeira había. Conta benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1874) que a principios do ano 1809, xuntáronse uns cinco mil veciños para atacar a cantas columnas francesas pasaran pola zona, interceptando postas, correos e toda clase de noticias, por ben escoltadas que fosen, e para evitar isto tiveron que poñer os franceses un forte destacamento en Sobrado do Picato que foi exterminado polos guerrilleiros galegos, arroxándoos ás augas do río Neira. Nas mesmas datas, os veciños apostáronse en Constantín, á beira do camiño real, ocasionando ao exército napoleónico moitas baixas, entre elas o mesmo comandante que dirixía o destacamento inimigo. E en Constantín fixo noite o valeroso Batallón Literario formado por estudantes da Universidade de Santiago, sendo o grupo máis famoso que actuou durante a Guerra da Independencia. Á súa fronte colocouse a un militar con experiencia, Xoán Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón e Salgado de Soutomaior, marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Na biblioteca da Universidade aínda se conserva a súa bandeira, coas cores azul e branca da bandeira de Galiza, e dous escudos, o do antigo Reino de Galiza e o escudo de armas da Universidade cubertos por unha coroa real e a inscrición: Auspice Deo: pro libertati regis palladis legio: anno MDCCCVIII. Na Praza da Quintana compostelá hai unha praca lembrando a súa xesta. Tamén conta Vicetto que no mes de decembro de 1808, o mariscal francés Soult persegue dende Astorga ao exército inglés de Moore, e á división española mandada  por de la Romana. No Bierzo De la Romana sepárase, a retirada dos alidados semella unha fuxida en toda regra. Segundo achega Villamil y Castro na Crónica de la provincia de Lugo, en Crónica General de España (1886), o inglés Moore proseguiu a súa retirada cara Lugo, mais era tal a desorde, indisciplina e inmoralidade dos seus soldados que ordenou arroxar por un despeñadeiro das Nogais 120.000 pesos que levaba, preferindo isto a repartilos entre a súa tropa; tal era a desorde que ata abandonaron as armas e os feridos. Nesta desbandada dos ingleses, moitos veciños de Noceda, Doncos, As Nogais e outros concellos limítrofes ofrecéronse a Moore para combater aos franceses. O 17 de xaneiro, día en que o francés Soult vencía aos ingleses, os veciños de Neria de Xusá (Baralla) e das Nogais emboscáronse e colocáronse nos desfiladeiros de Augas Louras e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas. Os guerrilleiros galegos de As Nogais, animados polos éxitos citados atacaron o día 28 de xaneiro a unha partida inimiga que descubriran na serra de Albela conducindo prisioeiros ingleses; os cautivos foron liberados e os franceses postos en fuga. Ese mesmo día, outro grupo de guerrilleiros das Nogais puxo en desbandada a unha partida do exército francés que se dirixía a saquear Lexo, no municipio de Baralla. A finais de febreiro do 1809, estando en Doncos unha columna de 430 franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos guerrilleiros dende As Nogais ata Baralla, apoderándose de 7.000 pares. Na loita contra o francés na comarca destacaron o veciño de Agüeira Manuel María Núñez, que o marqués De la Romana confiou o mando dos guerrilleiros, e Ramón de Nadela. No ano 2008, José Luis Gárfer, que estaba a percorrer Galiza na procura de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego (2000), descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), conservaba entre outros documentos históricos un que podemos considerar como excepcional. Trátase dun manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recolle a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España entre o 6 de febreiro de 1807 e o 6 de maio do 1808. O seu autor é o xeneral francés Gerard que ofrece o retrato do conflito bélico en diferentes localidades, incluíndo arengas, resolucións, consignas, consellos de guerra e notas oficiais sobre as diferentes campañas do exército francés que transportaba armas a un continxente destacado en Astorga (León), tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Os soldados de Napoleón acabaron derrotados polos guerrilleiros locais que se sublevaron fartos dos saqueos e tropelías cometidas polos invasores. Para atopar a quen se fixo co botín, hai que remontarse a oito xeracións atrás, tamén se chamaba Gabriel Fernández, máis coñecido como O terror dos gabachos. A súa casa aínda se conserva, se ben que xa non existe o espazo subterráneo que utilizaba a familia para agochar a carne aos franceses, e máis tarde aos carlistas; para disimular o escondedoiro depositaban a leña por riba da trapela. Na batalla contra os franceses, os veciños da zona, nun número duns 4.000, apoderáronse de gran cantidade de armas, ata o punto de que os desaugues dos fregadoiros de boa parte das casas de Becerreá construíronse con canos de fusil francés. As probas do levantamento popular contra as forzas de Napoleón en Becerreá son abondosas, de feito, entre os ano 1960 e 1980, o bar Chafarotes tomou o nome polos anchos sabres utilizados polos soldados e que serviron para adornar as paredes do local. Gabriel Fernández tamén conserva un documento no que o capitán xeneral de Galiza, o marqués De la Romana, chama á mobilización, que os veciños executaron co enfrontamento, entre outros, da ponte de Cruzul. No concello de Cervantes, as tropas napoleónicas, chegadas polo Camiño Real, foron atacadas en varias ocasións polas alarmas populares; a difícil orografía do terreo permitíalles facer emboscadas. Na Pena da Seara, unha pequena aldea da parroquia do Cebreiro, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro, onde foron levados os que quedaron para que as tropas napoleónicos non os destruíran; a respeito deste sucedo, un frade do Cebreiro escribe: "Certifico yo el infraescrito cura de Sta. María la Rl. del Cebrero como en el día ventiseis de junio de este presente año de mil ochocientos nueve se quemaron por los franceses en el lugar de Peña Seara y casa de Dn. Santiago Gómez, todos los libros antiguos de Bautizados, Casados y Difuntos de esta parroquia; a cuya casa se habían extrahido con los demás Libros que yo tenía cerrado en dos baules, a fin de librarlo de las manos de estos enemigos de la Religión y genero humano por que no los derrotase , o quemaren, pero hubo desgracia de que vaxaron a quemar aquella casa y juntamente, baules y Libros, sen dar lugar a librarlos por temor de perder la vida. Puedo certificar como no faltaba por poner, por haber estado doce años en este Priorato, y haber registrado con atención los referidos libros, y para que conste en lo sucesibo doy el presente certificado que firmo en el expresado priorato del Cebrero á veinte y nueve de junio de dicho año".
 

O PEDÁNEO
Cada parroquia tiña un pedáneo. Era nomeado polo alcalde do Concello. Residía, habitualmente, na aldea onde estaba a igrexa parroquial. Representaba ao alcalde e transmitía e publicaba os bandos da alcaldía, colocándoos na porta da igrexa, das tendas, das tabernas e naqueles lugares máis frecuentados pola veciñanza. Tamén actuaba de mediador e transmitía ao alcalde as necesidades de cada aldea. Así mesmo era o encargado de propoñer rogativas para chamar a choiva, e novenas ao San Antonio para curar as enfermidades dos animais. Certificaba a defunción das persoas que non foran vistas polo médico, organizaba os traballos e vixiaba o bo funcionamento dos fornos e dos muíños comunais. Nas parroquias de Pedrafita do Cebreiro os pedáneos recibían o nome de "excusas". Tamén podía haber un pedáneo de aldea que era o que tiña que dar conta ao pedáneo da parroquia. No Cebreiro, para avisar sobre algún acontecemento, o pedáneo tocaba o corno, enviando a mensaxe de dúas maneiras: se tocaba dúas veces os veciños sabían que era urxente, acodindo todos á casa do pedáneo; se só soaba unha vez era para unha reunión ao día seguinte, normalmente para arranxar un camiño, traída de augas, etc.; neste último caso xuntábanse á caída do sol. Ao pedáneo tamén lle correspondía a organización das festas locais. Esta figura estivo vixente ata o ano 1955 en Pedrafita do Cebreiro. 

REBELIÓN EN PEDRAFITA DO CEBREIRO
Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros, a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión.

O FIADEIRO
No concello de Pedrafita do Cebreiro, entre os mes de novembro e o entroido, as mulleres acostumaban a xuntarse nunha casa, habitualmente pola noite, para fiar o liño ou a la. Estes fiadeiros alongábanse nas frías noites do inverno. 

A MILLORA
"Bens divididos, bens perdidos". A millora era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas.
Vexamos un caso acontecido en Pedrafita do Cebreiro dun fillo primoxénito que non foi millorado á hora de facer as partillas. Cando morreu o pai non fixo testamento; tiña un fillo e dúas fillas, e o fillo estaba na guerra de Cuba. Antes de morrer, o pai partiu todo, tocándolle ao fillo ausente a cociña e ás irmás unha habitación onde cociñaban. Un día, unha escoitou un ruído xunto as tixolas e cando mirou viu unha luz. Á noite seguinte é a outra irmá a que ve a luz. Era a ánima do pai. O fillo, que xa regresara da guerra, escoitou unha noite que daban tres golpes sobre a cama. Preguntou: "Quen é?". Unha vez contestoulle: "Non te destapes, fillos, que fai frío. Tes que mandar dicir unha misa na ermida porque ata que non se diga non podo entrar no ceo". O fillo contestou: "Non vou porque non me deixaches o que me correspondía da herdanza". Para que se cumprira o desexo do pai, tivo que ser unha das fillas a que tivo que ir á ermida para que o cura dixera unha misa. A ánima do pai xa non apareceu máis. O fillo, ao decatarse do acontecido, chorou amargamente.  

O CASAMENTO DE TRATO
Nun bo número de casos, o patriarca da casa era o que elixía con quen debía casar o fillo (casamento de trato). Se o pai non se arreglaba co pai dela canto á dote, non había matrimonio. Polo xeral, o pai falaba co fillo e co pai da futura noiva o mesmo día. Se había acordo, aos oito días celebrábase a voda. Había veces que a voda tiña lugar case dun día para o outro porque a filla tiña noivo e cumpría facer as cousas apresa para evitar liortas. Un lugar para tratar do casamento era na feira, mentres se comía o polbo e se bebía o viño.
Nunha ocasión un do Piornedo foi co seu fillo a Degrada a pidir a unha moza. A casa do pai era rica en gando e buscaba a aquela rapaza porque tamén a súa casa era forte en gando vacún. O fillo, o primeiro que fixo ao chegar á casa da pretendida foi ir á corte a ver as vacas e os bois. Á moza non lle gustou aquilo e díxolle que se casara cos bois e coas vacas. Non se casaron. Isto aconteceu a mediados dos anos sesenta do pasado século XX.
En moitos casos o período de noivado apenas existía, as vodas celebrábanse moitas veces rapidamente e moi en segredo, sen amonestacións, a medianoite. Os fillos e fillas podían ter os noivos e as noivas que quixeran mais, unha vez arranxada a dote, quedaban desprazados polos elixidos polos pais.    

O GANDO VACÚN
Ata non hai moitos anos, a vaca rubia galega formaba parte inseparable da paisaxe de Galicia, xa sexa pacendo, arando ou tirando polo carro, ademais de producir esterco, leite e xatos. Non só se vivía da vaca, senón tamén para a vaca. Cando tocaba sementar o trigo ou outro tipo de cereais, os veciños axudánbanse os uns aos outros; o veciño que contaba cunha parella de bois levábaos para a faena, e todo sen cobrar. O mesmo acontecía cando ían ao carreto para transportar o gran dende o muíño. Conta Lisón Tolosana que subindo cara Riocereixa de Arriba atopouse cun vello que camiñaba encurvado baixo o peso dun feixe de herba; na conversa díxolle: "É para a miña vaca, señor, se se morre ela mórrome eu". Continúa Lisón que esta zona da montaña luguesa o "boi da corte" (boi que cebaban para a venta) recibía moitos coidados, se os pastos escaseaban no inverno, dábaselle pan centeo aínda que a familia tivera que pasar sen el. No Cebreiro, para pidirlle ao médico que atendera ben a un familiar enfermo e o curara, adoitaban dicirlle: "Mire que lle quero máis co mellor boi da corte". A morte dunha vaca era unha auténtica traxedia. "Se a un lle morre unha vaca quédase triste por varios días, non ten moitas ganas de falar, está amorriñado", recolleu Lisón en Barxamaior. Rezábaselle ao Santo Antonio cando unha vaca estaba enferma; tamén levaban exvotos de cera con figura de vaca ás capelas e igrexas. En moitas aldeas da comarca, para espaventar os espíritos maléficos e as enfermidades dos animais levábanos a tomar o orballo dos prados na mañanciña do San Xoán.

O MONTE DAS TRAVESAS (As Nogais e Pedrafita do Cebreiro)
Sobre este monte existe un litixio que se remonta ao ano 1867, cando o xulgado de Becerreá ditou que 82 hectáreas que reclamaban os veciños da Pintinidoira pertencían a Pedrafita do Cebreiro. Os das Nogais presentaron como proba o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII. 

UNHA LIORTA NA FESTA DE VILASOL
Vilasol é unha aldea de Padornelo. A pelexa tivo lugar pouco antes de estourar a Guerra Civil, entre trinta mozos de Nullán (As Nogais) e seis de Fonfría, estes axudados polos mozos de Hospital da Condesa e máis Eugenito de Blanco, da Porfía. Dise que nesta ocasión os de Nullán levaron unha boa malleira con paus e pedras. (Achegada polo escritor López Pombo).

GUERRA CIVIL: REPRESIÓN FASCISTA
A Guerra Civil (1936-1939) produciu a arrepiante cifra de máis de medio millón de mortos. Isto sen contar aqueles que morreron de fame e por enfermidades xeradas pola guerra. Sumados os primeiros e os segundos a cifra pode acadar o millón de vítimas. Debido á represión, os fascitas asasinaron na retagarda unhas 100.000 persoas entre 1936 e 1939, e 50.000 máis na postguerra. Unha investigación rigorosa realizada polas tres universidades galegas (As vítimas, as voces, os nomes e os lugares), dirixida polo profesor Lourenzo Prieto, documenta en Galiza 3.260 asasinatos extraxudiciais (paseos e sacas), e 1.413 execucións mediante consellos de guerra (carentes da máis elemental garantía xurídica) entre os que se atopaban militares leais á República, os catro gobernadores civís, deputados, alcaldes, labregos, ferroviarios, funcionarios, médicos, mestres... É dicir, 4.673 persoas cuxo único delito foi defender a legalidade. Segundo datos tirados do grupo de investigación Nomes e Voces formado por especialistas en historia contemporánea de Galiza, na comarca galega dos Ancares, dos 147 represaliados, case medio cento foron executados e un bo número foi deportado a campos nazis en Alemaña, onde morreron a maioría. No ano 2014, veciños de Becerreá e de Ribadeo decidiron sumarse á querela arxentina contra o franquismo, denunciando ante o cónsul arxentino en Vigo casos de desaparicións e torturas de familiares seus, segundo anunciou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Esta querela promoveuna, entre outros, Darío Rivas, fillo de Severino Rivas, fusilado en 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. Familiares e as propias vítimas están facendo chegar os seus casos á xustiza arxentina, a través de consulados e da embaixada do país americano.

REPOBOACIÓNS FORESTAIS
As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. O estado incautouse de montes comunais para efectuar as plantacións, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das aldeas subiran a pastar o gando. 

PANFLETO POLÍTICO-SATÍRICO NAS FESTAS DO CEBREIRO
Transcrición do panfleto político-satírico repartido nos anos 1978 e 1979 entre os veciños do Cebreiro e pobos da contorna onde se criticaban os traballos de recuperación, restauración e promoción da aldea do Cebreiro que facía o entón cura párroco don Elías Valiña Sampedro. (Do arquivo do escritor e investigador Luis López Pombo).
"-Fálase moito dos cartos do Cebriero. E non se pensa que O Cebreiro é un Santuario.
-O cura vive dos seus negocios, e chégalle.
-A santa non quer cartos, nin os necesita, nin os pide.
-A santa quer para nós o que non temos: Liberdade, Xustiza e Paz (o que temos é paciencia).
-Escolas pros nosos fillos (teñen os mesmos dereitos ca os dos señoritos).
-Vivendas diñas de persoas.
-Carreteiras (non pistas, pra medrar os donos da pala a conta da miseria, e deixarnos na mesma).
-Igualdade entre os homes.
-Que nos paguen o noso traballo e o noso gando (que non se rían de nós nas feiras).
-Que nos respeten (que non nos desprecen por traballar na terra).
-Liberdade pra falar, pra xuntarnos, pra defendernos (dos caciques e dos que chupan o noso traballo).
-Traballo no noso país (sen ter que mendigalo fóra).
-Pensar nós, sen que pensen por nós.
-A Santa do Cebreiro quere que abramos os ollos e a boca, pra algo máis que dicir "si" aos caciques.
-Santa María do Cebreiro, acaba co negocio montado a túa conta.
-Santa María do Cebreiro, líbranos de tanto cacique e vividor como temos que manter.
-Santa María do Cebreiro, líbranos dos que estamos mantendo pra que nos defendan e nos están enganando.
-Santa María do Cebreiro, dános paz, liberdade, xustiza e igualdade.
-Homes e Mulleres da Montaña, a Santa non é un recadador de contribucións, dádelle aos vosos fillos o que vades deixar pro negocio, axudade aos enfermos, aos nenos que non teñen pais, ás viúvas, aos subnormais... A Santa agradecerávolo.
-A Santa non necesita dos nosos cartos.
-A Santa María do Cebreiro o que pide é que loitemos por ser persoas, fillos de Deus".

UNHA HISTORIA DO ANO 1746
Luis López Pombo achéganos unha curiosa historia. Aconteceu no Cebreiro o día 31 de marzo de 1746, cando o freire Antonio Franco, monxe do priorado, estaba a piques de celebrar unha voda entre Manuel Díaz e María López. Foi entón cando entrou na igrexa o veciño e labrego de Foxos, de 32 anos, Juan García que levaba collida pola man a Mónica Fernández, de 33 anos, taberneira e veciña do Cebreiro. O home berrou: "Padre cura, esta é a miña muller", e ela respondeu: "Eu tómote polo meu marido". O cura, encabuxado, dixo: "Non quero oir tal semellante frase que non ten validez ningunha". 
Rematado o oficio do matrimonio que estaba a celebrar, o cura deu conta do ocorrido ao xuíz Ángel López Raposo quen mandou encerrar ao mozo no cárcere da xurisdición, "ben amarrado e cargado de ferro". Logo o monxe pasou un escrito de acusación ao tribunal eclesiástico do bispado de Lugo quen decretou trasladar á ousada parella á prisión que a coroa tiña na cidade das murallas o día 12 de febreiro de 1746, facendo noite os reos, o notario apostólico e o meiriño nunha casa de Hospital da Condesa, chegando a Lugo o día 17.
No traxecto, Mónica Fernández "esganizou" un brazo, non podéndose vestir por si mesma, ao que o procurador José Antonio García pediu reiteradamente que fose trasladada dende o cárcere do castelo, quedando detida nunha casa particular propiedade de Liborio Otero.
Despois de amplas testemuñas, tanto de veciños do Cebreiro como doutros de Foxos, e as declaracións tomadas aos acusados, averiguouse que proferiran tales expresións de matrimonio aconsellados polo presbítero José López Quiroga, veciño de Fonteferreira, para así poder aforrar seis maravedises que cobraban os freires do Cebreiro para poder casar, evitándose que fosen lidas as tres canónicas amonestacións, dado que Juan García dubidaba que non houbese impediemento debido a que antes tivera amoríos cunha moza de Noceda chamada Beatriz, da que tiña un fillo. Ángel Gómez de Anguiano, coengo, provisor, gobernador e vicario da igrexa de Lugo ordenou que se lles dera por válido o matrimonio, impoñéndolles a pena de que nos próximos tres días festivos asistisen á misa na porta da igrexa con vela acesa de cor amarela e pasaran con reverencia a bicar os pés do cura que celebrase a misa, confesando e comulgando nun dos tres días, e despois dito sacerdote remitise certificación ao bispado. Ademais foron condenados ao desterro nunha legua á redonda do Cebreiro, non podendo achegarse á aldea durante un ano e a pagar as tres partes dos custos do proceso, impoñéndolle a parte restante ao presbítero que os aconsellara, e ao que nun principio lle embargaron os bens, incluídos os libros, sendo logo rebaixada a pena a unha multa de vinte e catro ducados. Tamén ao noivo lle foron embargados os bens, e á noiva non puideron por carecer de cousa algunha.

O CASTRO DE CERRACÍN
Atópase en Santalla, parroquia de Lousada. Ao pé do castro hai unha cova que agocha un tear de ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O CHAO DO CASTRO OU CASTRO DAS TORRES
Entre as aldeas de Riocereixa de Baixo e de San Pedro, parroquia de Riocereixa. Dise que no lugar hai unhas virxes de ouro soterradas polos mouros. (Recollida polo autor do blogue).

O SANTO MILAGRE E O SANTO GRAAL DO CEBREIRO
Ver artigo neste mesmo blogue: O Cebreiro: entre a Historia e a Lenda.

A LENDA DE SANTANDUFE
O Alto do San Roque atópase a máis de 1.200 metros de altitude, entre as aldeas de Liñares e O Hospital. No lugar, camiño obrigado dos peregrinos a Santiago de Compostela que entraban en Galiza polo Cebreiro, había unha ermida posta baixo o padroado do San Roque. A lenda de Santandufe baséase en noticias do Cronicón Iriense (século X), na Historia Compostelana (século XII) e na España Sagrada (século XVIII) do P. Flórez. Un bispo de Iria, de nome Ataúlfo, foi acusado de sodomía por tres membros da súa comunidade chamados Cadón, Ensión e Xadón. A acusación foi levada ata o rei Ordoño I quen ordenou celebrar un Xuízo de Deus no que o bispo debería enfrontarse cun temible touro. Se saía indemne sería proba da súa inocencia. Despois de celebar a misa, saíu fóra, mais o touro, en vez de embestilo, achegouse mansamente e, cando o bispo o tocou, desprendéronse os cornos milagrosamente. O bispo, despois de perdoar aos seus acusadores e bendicir ao rei, retirouse a un lugar de Asturias.
 

A CASA DO MESÓN
Atópase en Padornelo, case enfronte da igrexa parroquial. Trátase dunha antiga construción bastante arruinada de planta rectangular e cuberta en lousa a dúas augas. Durante moito tempo foi aproveitada por un veciño, se ben non ten dono coñecido. Diante pasa o Camiño de Santiago que por aquí tamén recibe o nome de Camiño da Antiga ou dos Romanos. (Achegada por Luis López Pombo).
 

A DESAPARICIÓN DA SEÑORA ELISA, DA CASA DE POMBO DE LOURZARELA
Pola década dos anos corenta do pasado século XX vivía na casa de Pombo de Louzarela unha muller de nome Elisa. Tanto ela como os seus fillos non tiñan boa relación con outra familia do mesmo pobo debido a un asunto de peñoramento sobre unha casa e unhas terras que fixeran a unha familia de Vilaspasantes, en Triacastela. Desavinzas que mesmo os levou a pelexar en máis dunha ocasión. Estando os fillos de Elisa no cárcere de Becerreá, a nai saíu unha mañanciña cunha cesta de comida para lles levar, aproveitando para deteñerse na Casa de Pardo, en Torés (As Nogais), que eran parentes cercanos, para pidirlle que lle botaran unha man aos seus fillos no xuízo. Isto é o último que se soubo da señora Elisa xa que, no camiño ata Becerreá, desapareceu. Dende aquelas todo foron especulacións, os supostos sospeitosos foron un tempo á cadea, pero os restos da muller endexamais apareceron. Incluso se chegou a dicir que un can apareceu un día cunha da señora. Os familiares ata chegaron solicitar a axuda dunha adiviña quen lles asegurou que a asasinaran e que o seu corpo estaba enterrado na Reboleira de Fonfría que foi peiteada, sen éxito, pola garda civil. (Achegada por Luis López Pombo). 

O CÁLIZ DA CAPELA DO HOSPITAL DE SANTA CATARINA DE FONFRÍA
O investigador Luis López Pombo envíanos unha foto e a información do cáliz que foi da capela do Hospital de Santa Catarina de Fonfría e que na actualidade se atopa na igrexa conventual de Melide. O interesante cáliz de prata leva unha inscrición que di: "SOI DEL HOSPITAL DE FUENFRIA".
 

PERSOAS QUE FALECERON NO HOSPITAL DE SANTA CATARINA DE FONFRÍA 
O escritor Luis López Pombo achéganos unhas defuncións rexistradas no Hospital de Peregrinos de Santa Catarina de Fonfría, das que se conservan as actas sacramentais, recollidas dos Libros de Defuncións custodiados no Arquivo Parroquial do Bispado de Lugo, e que transcribimos literalmente.

"En vte de Junio del año de mil setezientos ochenta y uno murio Ysidro Gonzales en este lugar, y Frâ de Sn. Juan de Fuenfria, natural de la Villa de Arebalo, no recivio los sacramentos por no haver lugar; y al dia siguiente se le dio sepultura en la capilla de Stª Catherina; no hizo testamento por ser pobre vago qe iba desterrado al Ferrol, y para que conste lo firmo. Dn Domingo Yglesia. Rubricado Castro".

"En Diez de Diciembre de mil sietecientos nobenta y siete se dio sepultura dentro de la Capilla del Hospital de Santa Catalina frâ de San Juan de Fonfria, donde soy Cura, a un hombre que murio en dho Hospital el dia ocho de dicho mes. Lamabase (Según ha dicho el Hospitalero de dho Hospital de Santa Catalina) Antonio de Monte. Venia de los travajos de Castilla era circunvecino de la punete de Neyra, arriva de Portamarin dos leguas, era soltero, y avia servido de criado en Santa Marta. No recivió los Santos Sacramentos. Hallosele una montera y un costal que se vendieron en veinte reales y medio, y se emplearán en sufragio por su Anima, y para que conste como cura lo firmo en dho dia. Pedro Caxide de la Torre".

"En veinte y dos de Agosto año de mil ochocientos y tres murió en el Hospital de Santa Catalina de Fonfría un hombre alto blanco de cara de edad como de sesenta años; dijo al llegar a dho hospital que era de Pontevedra tenia muger e hijos e iva a Madrid a pedir limosna a los cumplidores del excmo. Sr. Figueroa Comisario General que ha sido de la Cruzada; no se save su nombre, ni se le halló pasaporte papel escritura ni dinero alguno. No hizo testamento ni recivió los Santos Sacramentos. Enterrose al día siguiente en la Capilla de dho Hospital de Peregrinos. Y para que conste como cura de San Juan de Fonfría lo firmo. Dn Pedro Caxide de la Torre".

"En veinte y seis de Agosto año de mil ochocientos y quatro he dado sepultura dentro de la Yglesia de Sn Juan de Fronfría al cadaver de un hombre que murió en la Fonfría en este dia o en la noche antecedente y avia llegado al lugar un dia antes. Fue registrado en presencia mía del Juez y pueblo que estaba para oir Misa, no se le halló dinero para porte ni alhaja alguna. Parecia en el trage ser de mas avajo de Santiago, y venir de las siegas de Castilla era como de treinta y seis años. No recivió los Santos Sacramentos ni hizo disposición alguna. No se save su nombre. Y para que conste como Cura lo firmo. Don Pedro Caxide de la Torre". 

O PARTO
Conta Lisón Tolosana no seu Antropología Social: reflexiones incidentales (1986) que en Zanfoga as mulleres non debían pasar o río despois de dar a luz e antes de ser recollidas na porta da igrexa polo cura para que non lle aparecera o demo, pois neste caso quedarían embarazadas e os seus peitos estériles.

A ORIXE DO NOME DO IES NOSA SEÑORA DOS OLLOS GRANDES DE LUGO
O antigo Instituto Nacional de Ensinanza Media de Lugo desdobrouse en 1941 en dous, un masculino e outro feminino, segundo as ideas da ideoloxía daquela imperante, que consideraba perniciosa a coeducación dos rapaces. Foi así como o Instituto Feminino de Lugo comezou a súa andaina no que hoxe é o edificio da Deputación Provincial. No curso 1955-56 denominouse oficialmente Instituto Nacional Feminino de Ensinanza Media de Lugo. Durante este curso o entón director de Ensinanza Media implementou esta denominación engadíndolle a de Nuestra Señora de los Ojos Grandes.
A Señora da que o claustro de profesores daquel ano impetraba protección para o Instituto ten no imaxinario mariano dos lucenses moitas e sucesivas advocacións. Non obstante a de maior fortuna foi a de Nosa Señora dos Ollos Grandes, denominación popular que, a partir de 1964, substituíu a de Nosa Señora a Grande. A denominación popular deriva do tamaño dos ollos que ten a escultura que a representa.
Segundo un traballo inédito do Catedrático de Historia do centro, D. Xosé Luis Novo Cazón, do que se toman todos estes datos, "a tradición sostén que estes ollos grandes da imaxe actual son a reprodución fiel dos que tiña unha moza do Cebreiro afectada polo bocio, que lle serviu de modelo ao anónimo escultor que a labrou en fino granito no século XV".
(Enviada por Brais Rodríguez Romero, recollida do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo). 
 

MARCO DO VAL DE SOLLEIRO
En tempos, este marco, situado a uns 1.280 metros de altitude, actuaba como linde entre os concellos de Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Na actualidade actúa como divisorio entre Cervantes e Pedrafita, feito que moveu ao Concello das Nogais a unha desputa co de Pedrafita porque, disque, se apoderou de terras que dende antigo lle pertencen.
 

SOBRE A MORTE
María José Fernández López achegounos que a súa avoa, natural do Seixo, contoulle que cando morría alguén dunha casa as vacas había que sacalas fóra da corte antes do enterro; que aos defuntos se lles poñía un ferro no abdome. Se un se atopaba cun aparecido, tiña que saber o que quería; para iso había que facer un círculo no chan e meterse dentro e despois pronunciar unhas palabras e facer outro círculo no aire; só entón se podía falar con el. 

UNHA ARRESPONSADORA DO COUREL EN PEDRAFITA DO CEBREIRO
Dona Concepción López Juanes naceu en Miraz, na parroquia de Meiraos (Folgoso do Courel). Cando casou foi vivir para o Seixo, parroquia de Pacios (Pedrafita do Cebreiro). É arresponsadora, don que herdou da súa avoa.
Ata o momento, na comarca dos Ancares só tiñamos coñecemento de dous arresponsadores en Penamaior (Becerreá) e dunha arresponsadora en Torés (As Nogais) cuxas xaculatorias, con mínimas variacións, non se diferenciaban moito. O responso de dona Concepción, se tamén ten como persoeiro central ao San Antonio de Padua e o fin é o mesmo, amosa algunhas diferencias como a de achegarnos, en poucas palabras, unha historia abreviada do santo.
"San Antonio de Padua, en Padua naciche e en Portugal aprendiche letras para predicar, estándoas predicando rebelóuseche que a teu pai ían aforcar. Fuche alá, o verborario perdiche, o Fillo de Dios o atopou e tres veces te chamou: Antonio, Antonio, Antonio! Á terceira oíche e cousas lle pediche, que o perdido fose atopado, o ausente presente e o esquecido acordado. Pois ese hábito que vestiche e ese cordón que cinguiche librache a teu pai de morte tan ofrendosa pídoche que... (aquí dise o que se teña que pedir). Polo poder de Dios e da Virgen María, un Padrenuestro e un Avemaría".
Esta fermosa achega debémoslla a María José Fernández López, neta de dona Concepción. Como ben di María José, estes rituais son dalgunha maneira modelados por quen os emprega, ademais de que as persoas como a súa avoa son as gardiás dun patrimonio que é de tod@s.
 

Colectivo Patrimonio dos Ancares