HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

* O Castro de Cerracín. * O Chao do Castro ou Castro das Torres. * Castro de Chan da Pena ou do Chan do Castro. * Castro das Torres ou de San Pedro. * Cova do Purruñal. * Cova de Valdabraira. * O relevo de Salcedo, ou como un ben patrimonial mercado con cartos públicos repártese como herencia. * Os normandos. * O mal de ollo. * A Pena do Altar. * Pena dos Covallos. * A Pena da Seara. * A Noite do San Xoán. * Noite de Todos os Santos. * Igrexa de San Xoán de Fonfría. * O cáliz da capela do hospital de Santa Catarina de Fonfría. * Igrexa de San Xoán do Hospital. * Igrexa de Santo Estevo de Liñares. * Igrexa de San Xoán de Louzarela. * Igrexa de San Xoán de Padornelo. * Igrexa de San Martiño de Zanfoga. * Capela dos Milagres de Barxamaior. * Capela do Santo Anxo da Garda de Vilasol. * Santuario do San Antón. * Santuario do Ecce Homo. * Persoas que faleceron no hospital de Santa Catarina de Fonfría. * O Cebreiro. * Pía bautismal de Santa María do Cebreiro. * O peregrino alemán. * As Festas do Santo Graal do Cebreiro. * Los caballeros del Santo Grial. * En pro de la moral. * Advertencias. * O Alto do San Roque e a lenda de Santandufe. * O Alto do Poio. * A palloza. * A Casa das Cadeas. * A Casa do Mesón. * A Casa da Raíña. * Casa-torre do Señor ou de Pacios. * O Pozo do Lago Maior. * Porto de Pedrafita. * O topónimo Pedrafita do Cebreiro. * O topónimo O Temple. * Un lobo proector. * Unha historia do ano 1746. * O pedáneo. * Rebelión en Pedrafita do Cebreiro. * Selo do Concello de Pedrafita do Cebreiro (1876). * O gando vacún. * A millora. * Ferrarías. * O Monte das Travesas. * O marco do Val do Solleiro. * Unha liorta na festa de Vilasol. * A desaparición da señora Elisa, da Casa de Pombo de Louzarela. * O parto. * A orixe do nome do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. * Sobre a morte. * Unha arresponsadora do Courel en Pedrafita do Cebreiro. * O bidueiro. * Unha raíña consorte polo Cebreiro. * Un caldo galego no Cebreiro no ano 1743. * Dous presidentes americanos por Galicia e polo Cebreiro. * Aterraxe forzosa en Veiga de Forcas. * O Paporrubio. * A Pena da Verdade.
 
 
 
O CASTRO DE CERRACÍN
 
Atópase en Santalla, parroquia de Lousada. Ao pé do castro hai unha cova que agocha un tear de ouro.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 

 
O CHAO DO CASTRO OU CASTRO DAS TORRES
 
Entre as aldeas de Riocereixa de Baixo e de San Pedro, parroquia de Riocereixa. Dise que no lugar hai unhas virxes de ouro soterradas polos mouros. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


CASTRO DE CHAN DA PENA OU DA CHAN DO CASTRO
 
En Santalla, parroquia de Lousada. Dise que a muralla que o arrodea foi construída polos mouros. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


CASTRO DAS TORRES OU DE SAN PEDRO
 
Entre San Pedro e Riocereixa de Abaixo. Contáronnos que uns furtivos, dotados cun detector de metais, atoparon varias moedas, ao parecer de época romana. Tamén nos falaron dunha lenda que di que no lugar os mouros soterraron unhas virxes de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).


COVA DO PURRUÑAL
 
En Liñares. Apareceron fósiles de animais prehistóricos: xabarín (Sus scrofa) que tivo unha gran diversidade no Terciario; os do Pleistoceno eran de maior tamaño que os actuais. Corzo (Capreolus capreolus), os antecesores do corzo actual pero de maior tamaño. Cervo (Cervus elaphus), saíron á luz 739 pezas. E bisonte estepario (Bison priscus), semellante ao actual bisonte europeo pero de maior tamaño e cos cornos en media lúa máis longos.


COVA DE VALDABRAIRA
 
En Veiga de Forcas. Coñecida tamén como Cova do Penedo. As primeiras exploracións e topografía son do ano 1980. Atopáronse restos paleontolóxicos e arqueolóxicos.
 

O RELEVO DE SALCEDO, OU COMO UN BEN PATRIMONIAL MERCADO CON CARTOS PÚBLICOS REPÁRTESE COMO HERENCIA
 
Foi a mediados dos anos noventa cando vimos na hospedaría do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando nos interesamos pola peza contárannos que era un "petroglifo" prehistórico que fora reaproveitado como lintel dunha palloza na aldea de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón.

 

Na pedra, tirando a rectangular, cunhas medidas aproximadas de 80 por 40 centímetros, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente definidos e mirando un cara o outro, vense senllas espadas ou frechas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que parten os brazos estendidos en cruz, cabeza redonda, ollos globulados e nariz. Sobre o peito do xenete da dereita vese un círculo cruzado por catro liñas (Un disco solar? Un Crismón?), e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa (Cruz de Santo André?). Completan o panel outro animal (un can?), unha espada ou frecha e dous símbolos de difícil interpretación a ambos os lados da cabeza do xenete da esquerda.

Sorprendentemente, recoñecemos, non volvemos a interesarnos pola peza ata transcorridos máis de dez anos.

Para emendar a neglixencia, un día do mes de novembro de 2015 liscamos cedo para Salcedo, con tan boa sorte que demos coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O noso  principal informante foi don José Rivera que ten a casa pegada á do lugar de procedencia da pedra coas gravuras. A historia que nos contou difería da que vinte anos antes recolleramos no Cebreiro. Díxonos que aparecera no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando estaban a derrubalo. A parte gravada miraba cara o interior e estaba do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada como adorno na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios lla venderon por unhas 15.000 pesetas a Elías Valiña Sampedro, o cura que chegou á aldea do Cebreiro "co posto e unha escangallada bicicleta, e mira...", díxonos unha veciña.

 
 

No ano 1998, o señor José, cando foi á romaría do Santo Milagre do Cebreiro, viu a pedra na hospedaría (onde nós a viramos), convertida en mesón, de San Xiraldo. Lembrou cando, como amigo e veciño dos propietarios, axudara a derrubar o centenario curral. Unha veciña, que o acompañara á romaría, contounos que tamén se fixara na peza que durante anos estivera na "Casa dos Currais". 

Para completar a historia, achegámonos a falar cos actuais "propietarios" do relevo. Unha sobriña de Elías Valiña confirmounos que, en efecto, viñera de Salcedo, mercada polo seu tío. Cando pechou o mesón, os familiares que o rexentaban leváronna canda eles como "herencia".

Canto a se a peza está completa, descoñecémolo, se ben cremos que era sensiblemente máis grande. Sobre a procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. O que si semella claro é que foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dalgún afloramento onde adoitaban insculpirse os petroglifos prehistóricos galegos. Ademais, os motivos de Salcedo son perfectamente recoñecibles, ao contrario das gravuras da Idade do Bronce onde as representacións adoitan ser moi esquemáticas. Polo tanto, hai que desbotar a orixe prehistórica tal como enganosamente figura nunhas postais da peza que se venden no Cebreiro onde no anverso podemos ler: "Relieve de la Edad del Bronce y fecha de su hallazgo" (a data da descuberta, como indicamos máis arriba, non foi no 1952, senon un ano antes, a data inscrita no relevo é de cando a colocaron nunha casa dos propietarios).

 

A pesares da deterioración da peza nalgunhas partes, atópase en bastante bo estado, non observándose un desgaste significativo polo que é probable que non estivera exposta aos axente meteorolóxicos.

Na Idade Media, as representacións de homes a cabalo son frecuentes, e se lle engadimos o círculo cruzado por liñas e o cadrado que acolle unha aspa, a súa adscrición medieval sería bastante clara. Hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da antiga roda solar ou da primitiva representación do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios.

Non resulta doado interpretar a escea representada na peza, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que, se cabe, sexa aínda máis singular. Unha escea de caza? De sacrificio? Unha ofrenda?

A principios do mes de marzo de 2016 dirixímonos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que me dixeran se o relevo estaba catalogado, contesdtándonos a mediados de abril que non. Resposta que certamente nos sorprendeu xa que tiñan coñecemento da súa existencia. Ese mesmo día rexistyramos un escrito solicitando a súa inclusión no catálogo de bens culturais e, ao mesmo tempo, enviámoslle unha carta certificada ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecían, que a peza fora mercada polo cura Valiña Sampedro con cartos públicos para engordar o patrimonio do Cebreiro, colocándoa na hospedaría-hospital de San Xiraldo, propiedade da Igrexa. Como xa nos imaxinabamos, nunca recibimos resposta. O que si nos sorprende (ou non) é que na páxina web da Diócese de Lugo teimen en asegurar que se atopa no mesón.

 
 
 

Como dixemos máis arriba, á morte de don Elías Valiña no 1989, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai uns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. En definitiva, o relevo desapareceu do sitio, os familiares de Valiña Sampedro leváronno canda eles coma se dunha "herencia" se tratara cando, en realidade, pertence á Igrexa ou, como é lóxico xa que foi mercado con cartos públicos, ao Patrimonio de todas e todos. 

Dende Patrimonio en Lugo contestáronnos que remitiran a nosa solicitude para a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago. Un ano despois, ante a falta de noticias, enviámoslle un escrito á citada Subdirección para que nos dixeran como estaba o tema. Responderon o 9 de maio de 2017, dicíndonos que solicitaran a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade do relevo e a procedencia da súa inclusión no catálogo. Na USC concluíron no carácter enigmático da peza e na dificultade da súa interpretación, mesmo que os seus trazos estilísticos e os elementos iconográficos tampouco permitían establecer a adscrición cronocultural, ademais da ausencia dun contexto arqueolóxico que impedían a súa correcta valoración histórica. Ante isto, dende a Subdirección solicitaron a colaboración do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para valorar a importancia do relevo, "polo que, de momento, estase á espera dos datos que permitan valorar a catalogación da mencionada peza".

 

Un ano máis tarde seguiamos sen noticias polo que, o día 12 de xuño de 2018, enviámoslle á Subdirección Xeral outro escrito preguntándolle se no Museo do Castro de Viladonga chegaran a algunha conclusión. Non recibimos resposta polo que, trancorrido outro ano, o 19 de xuño de 2019, volvemos insistir. Para asegurar algún tipo de resposta, chamamos por teléfono ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago onde nos dixeron que ían comprobar como estaba o asunto. Trancorridos oito meses, ante a ausencia de resposta deste organismo, o día 12 de marzo de 2020 requirímoslle de novo que nos dixeran en que fase está o tema

Teremos, por fin, resposta? Sinceramente, dubidámolo, hai cousas do Cebreiro que mellor non remexer, léase, como exemplos máis chamativos, e que xa tocamos noutras entradas, a románica Virxe do Milagre e o Cristo gótico que, simplemente, se evaporaron.

Escribiu Umberto Eco: "Sabedoría non é destruír ídolos, senón non crealos nunca". Pero no Cebreiro creáronse, e ademais, a pesar de todos os pesares, indestructibles.

 

OS NORMANDOS
 
Dise que no ano 968 os normandos do rei Gunderedo, despois de derrotar aos galegos en Fornelos e arrasar Lugo onde mataron ao bispo Sisnando, foron derrotados no Cebreiro polas tropas do conde Gonzalo Sánchez.   


O MAL DE OLLO
  
En Barxamaior críase que se podía coller o mal de ollo cando na misa non se miraba o Cáliz e a Hostia; cando ao alzalos un volvía a vista a un lado ou cara atrás, así quedaba; mais pasáballe se ao domingo seguinte a persoa afectada volvía a estar atenta. En moitas aldeas dos Ancares críase que había xente boa con vista que fire e podían causar trastornos sen pretendelo, por iso tiñan que tapar o ollo que os causaban, e case sempre era o ollo dereito.  


A PENA DO ALTAR
 
A Pena do Altar atópase na Serra do Rañadoiro, a uns 1.350 metros de altitude, a un quilómetro escaso do Alto do Poio, na parroquia de Padornelo, e case no límite entre os concellos das Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Sitúase a carón dun antigo camiño que, partindo da Rudeira dos Maragatos (acondicionada non hai moito como alternativa do Camiño de Santiago), comunicaba co Lago e Forcas. Di a lenda que a Pena do Altar era utilizada como altar de sacrificios, sobre ela mataban á xente cortándolles a cabeza. Non moi lonxe está a Cova de Forcas, escavada na pedra caliza, que despois da guerra foi utilizada como refuxio polos fuxidos. (Foto: Suso).

 


PENA DOS COVALLOS
 
Na Serra do Rañadoiro, no término de Fonfría. Forma como un dobre muro formados por pedras cuarzo de distintos tamaños.. Preto está a Pena do Altar e o Pico do Corvo, pola vertente das Nogais, lindante co monte do Xardín onde está a Pena Furada.  (Achegada por Luis López Pombo). 

A PENA DA SEARA
 
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Segundo López Pombo, hai unha casa que foi dunha familia de fidalgos e cuxo edificio foi queimado polas tropas napoleónicas no ano 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro. 

A NOITE DO SAN XOÁN
 
A Noite do San Xoán é en Galicia a noite dos milagres e dos encantos. Celébrase na noite do 23 ao 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. As tradicións populares deostadas polo cristianismo foron fortemente combatidas pola Igrexa xa dende os primeiros séculos (Martiño de Dumio), feito que non conseguiu impedir que estes costumes, herdados de tempos remotos, se continuaran a practicar; cultos pagáns que logo foron cristianizados. Nas tradicións e rituais practicados nesta noite máxica intervén a auga, o lume, os penedos, os outeiros, as encrucilladas, as herbas..., elementos fundamentais na cultura popular galega, e polo tanto da comarca dos Ancares. Nunha pena situada no Chao das Uceiras (Pedrafita do Cebreiro) poñíase unha muller de nome Ermitas, natural da veciña aldea do Castro (O Bierzo), para adivinarlle o futuro aos que acodían a ela. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).     


NOITE DE TODOS OS SANTOS
 
Nalgunhas aldeas de Pedrafita do Cebreiro acostumábase ir o primeiro de novembro, na noite de Todos os Santos, de casa en casa comendo castañas, coa certidume de ceibaren unha alma do purgatorio cada vez que comían con fe unha castaña.  


IGREXA DE SAN XOÁN DE FONFRÍA
  
Fonfría do Camiño debe o seu nome a unha fonte que aínda existe fronte da igrexa parroquial e que aliviaba a sede aos peregrinos. En tempos houbo un hospital de peregrinos que dependía do convento do Sancti Spiritus de Melide. Este hospital, baixo a protección de Santa Catarina, funcionou entre os anos 1535 e 1830. Fornecía aos camiñantes de lume, auga, sal e cama con dúas mantas; aos doentes, ademais, con ovos, pan e manteiga. No ano 1752 era hospitaleiro Roque da Aira quen percibía trinta e dous ferrados de centeo en concepto de renda polo seu traballo. Os tesouros que agochaba a igrexa perdéronse durante a Desamortización de Mendizábal. Na igrexa de San Pedro de Melide consérvase cun cáliz. 


 


O CÁLIZ DA CAPELA DO HOSPITAL DE SANTA CATARINA DE FONFRÍA 
 
O investigador Luis López Pombo envíanos unha foto e a información do cáliz que foi da capela do Hospital de Santa Catarina de Fonfría e que na actualidade se atopa na igrexa conventual de Melide. O interesante cáliz de prata leva unha inscrición que di: "SOI DEL HOSPITAL DE FUENFRIA".
   

IGREXA DE SAN XOÁN DO HOSPITAL
 
Orixe no século XII. Foi filiar do Cebreiro. A fundación que dá nome á parroqia atribúese á condesa Egilo, esposa do conde Gatón. No ano 1207 menciónase como hospitalis de monte Zebruario. No mes de agosto de 1975, a igrexa sufriu o roubo de dúas imaxes do século XVII; o feito foi denunciado polo sacerdote que se atopou con que a porta fora forzada. 

 


IGREXA DE SANTO ESTEVO DE LIÑARES
 
Liñares, no ano 714 noméase no tumbo da catedral de Lugo como Linar de Rege debido á súa pertenza ao mosteiro do Cebreiro que era de fundación real, cando o diácono Rodrigo, expulsado polos sarracenos de Coimbra, fundou as igrexas de San Xoán Bautista, Santo Estevo de Liñares e Santo Tirso de Celeiró. En varios documentos dos anos 572, 897, 1078, 1183, 1285 e 1289 cítase como Linares. De Liñares partía unha vía auxilar do Camiño de Santiago que bordeaba a serra de Veiga de Forcas, que ía desembocar no Alto de San Roque, camiño utilizado durante as fortes nevaradas do inverno. No ano 1752 había varias pallozas.

 


IGREXA DE SAN XOÁN DE LOUZARELA
 
En principio foi capela do Ecce Homo, sendo no ano 1845 cando pasou a parroquial. A festividade do Ecce Homo conmemórase os días 13 e 14 de outubro. Os devotos dan voltas ao redor da imaxe para acadar a súa protección.  Escrito Lauzarela en documentos dos anos 1053 e 1158. O etimólogo Nicandro Ares Vázquez recolle que no 1158 Fernando II doa ao seu vasalo Petro Barragam "Illum montem de Lauzarela...". Pertenceu á xurisdición de Torés, se ben tamen mantiña participación o mosteiro de Samos.

 
 


IGREXA DE SAN XOÁN DE PARDORNELO
 
Segundo a Historia Compostelana do século XII, o pobo foi mercado para a mitra compostelá polo arcebispo Xelmirez. Estivo gobernado polos Hospitalarios de San Xoán. Citado como Patrunello no ano 572. Segundo o Castastro de Floridablanca (1785), como anexa do Hospital da Condesa, pertencía á xurisdición de Doncos (As Nogais). Von Harff, no seu itinerario, sitúa eiquí o Hospitale de Gundis. Padornelo tivo dúas igrexas, a de San Xoán e a de Santa María Madalena do Poio, cuxo templo e parroquia foron suprimidas na reforma diocesá do 1890. Esta igrexa ubicábase no lugar do actual cemiterio, e era anexa de San Xoán do Hospital.

 


IGREXA DE SAN MARTIÑO DE ZANFOGA
 
Na torre hai un escudo coa seguinte inscrición: "Esta obra la iço D Francisco Garido, comisario del Santo Oficio, siendo cura. Ano de 1680".  No ano 1166 o rei Fernando II e a súa muller doan ao Hospital o lugar de Zanfoga. Consérvanse algunhas tumbas antropoides, ademais dun antigo sumidorio coñedido como Penseara.

 


CAPELA DOS MILAGRES DE BARXAMAIOR
 
De Barxamaior era Xoán Santín, un dos protagonistas do coñecido como Milagre do Cebreiro, acontecido arredor do ano 1300. Cando a restauración da igrexa do Cebreiro, algunhas imaxes foron para esta ermida. 


 


CAPELA DO SANTO ANXO DA GARDA DE VILASOL
 
En Vilasol, parroquia de Padornelo. Ao seu carón pasa un camiño que dende antigo comunica Vilasol con Vilarín, nas Nogais. A súa festividade é o día 2 de outubro. Algúns devotos seguen a ofrecer produtos derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios relixiosos. Ao Santo Anxo ofrecíanse os mozos que ían ao servizo militar e as persoas que emigraban para que o Anxo os guiara. Contáronnos que o novo cura, cando a misa do patrón, deixou de utilizar o primitivo altar, agora hai que poñerlle unha pequena mesa o que provoca certo malestar entre a veciñanza xa que o reducido interior faise aínda máis pequeno. 

 
  


SANTUARIO DO SAN ANTÓN
 
A festividade celébrase o día 13 de xuño. Ofrécenlle para as doenzas e protección dos animais. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


SANTUARIO DO ECCE HOMO
 
En Louzarela. Conmemórase os días 13 e 14 de decembro. Os devotos dan voltas ao redor da imaxe do Ecce Homo par acadar a súa protección. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).


PERSOAS QUE FALECERON NO HOSPITAL DE SANTA CATARINA DE FONFRÍA
 
O escritor Luis López Pombo achéganos unhas defuncións rexistradas no Hospital de Peregrinos de Santa Catarina de Fonfría, das que se conservan as actas sacramentais, recollidas dos Libros de Defuncións custodiados no Arquivo Parroquial do Bispado de Lugo, e que transcribimos literalmente.
 
"En vte de Junio del año de mil setezientos ochenta y uno murio Ysidro Gonzales en este lugar, y Frâ de Sn. Juan de Fuenfria, natural de la Villa de Arebalo, no recivio los sacramentos por no haver lugar; y al dia siguiente se le dio sepultura en la capilla de Stª Catherina; no hizo testamento por ser pobre vago qe iba desterrado al Ferrol, y para que conste lo firmo. Dn Domingo Yglesia. Rubricado Castro".
 
"En Diez de Diciembre de mil sietecientos nobenta y siete se dio sepultura dentro de la Capilla del Hospital de Santa Catalina frâ de San Juan de Fonfria, donde soy Cura, a un hombre que murio en dho Hospital el dia ocho de dicho mes. Lamabase (Según ha dicho el Hospitalero de dho Hospital de Santa Catalina) Antonio de Monte. Venia de los travajos de Castilla era circunvecino de la punete de Neyra, arriva de Portamarin dos leguas, era soltero, y avia servido de criado en Santa Marta. No recivió los Santos Sacramentos. Hallosele una montera y un costal que se vendieron en veinte reales y medio, y se emplearán en sufragio por su Anima, y para que conste como cura lo firmo en dho dia. Pedro Caxide de la Torre".
 
"En veinte y dos de Agosto año de mil ochocientos y tres murió en el Hospital de Santa Catalina de Fonfría un hombre alto blanco de cara de edad como de sesenta años; dijo al llegar a dho hospital que era de Pontevedra tenia muger e hijos e iva a Madrid a pedir limosna a los cumplidores del excmo. Sr. Figueroa Comisario General que ha sido de la Cruzada; no se save su nombre, ni se le halló pasaporte papel escritura ni dinero alguno. No hizo testamento ni recivió los Santos Sacramentos. Enterrose al día siguiente en la Capilla de dho Hospital de Peregrinos. Y para que conste como cura de San Juan de Fonfría lo firmo. Dn Pedro Caxide de la Torre".
 
"En veinte y seis de Agosto año de mil ochocientos y quatro he dado sepultura dentro de la Yglesia de Sn Juan de Fronfría al cadaver de un hombre que murió en la Fonfría en este dia o en la noche antecedente y avia llegado al lugar un dia antes. Fue registrado en presencia mía del Juez y pueblo que estaba para oir Misa, no se le halló dinero para porte ni alhaja alguna. Parecia en el trage ser de mas avajo de Santiago, y venir de las siegas de Castilla era como de treinta y seis años. No recivió los Santos Sacramentos ni hizo disposición alguna. No se save su nombre. Y para que conste como Cura lo firmo. Don Pedro Caxide de la Torre".     


O CEBREIRO
 
Na seguinte entrada falamos da aldea, do Santo Milagre, do Graal, do Camiño de Santiago, das tallas da Virxe (da orixinal e da "reprodución"), do Cristo (do orixinal e da copia), de apropiacións indebidas (supostas "herencias"), de "desaparicións inexplicables" e outros episodios, antigos e modernos, moitos "tabú" gardados baixo sete chaves (e non só é un dito), que se desenvolveron arredor do Cebreiro.



PÍA BAUTISMAL DE SANTA MARÍA DO CEBREIRO
 
Do século IX. Ata o século XII servía para realizar o bautismo por inmersión, é dicir, somerxer baixo a auga á persoa que ía ser bautizada. Este sistema era o utilizado por San Xoán Bautista. Así foi bautizado o propio Xesucristo tal como relata o Evanxeo de San Marcos. A voz grega baptimós da que deriva a palabra bautismo significa, precisamente, somerxer en líquido. Algúns sectores da Igrexa consideran que é a forma correcta de recibir este Sacramento. 

      


O PEREGRINO ALEMÁN
 
Xa superada Veiga de Valcarce, unha espesa nevarada recibiu ao peregrino alemán cando atacaba a fatigosa subida ao Alto do Cebreiro. A neve axiña cubriu o camiño. Mais as desgrazas só paren desgrazas: unha mesta néboa envolveu ao home. Despois de horas e horas de desesperada camiñada, nin unha muxica de vida humana, nin unha encanastrada cabana onde gorecerse asomaba por ningures. Perdérase. A noite botouse enriba, se Deus e o Apóstolo Santiago non o auxiliaban, a súa morte era segura. Xa perdera a esperanza cando, ao lonxe, escoitou o canto dun pegureiro. Guiado polo arroubador son, o peregrino chegou ao Santuario do Cebreiro.
 
No Cebreiro hai un monolito onde figura a lenda do Peregrino alemán.

 


AS FESTAS DO SANTO GRAAL DO CEBREIRO
  
Dun folleto do ano 1924 recollemos o seguinte: "El 9 de septiembre se celebra en el Cebrero la fiesta del Santo Milagro, fiesta que la parroquia guarda, por voto, como de precepto, desde hace más de un siglo". O asinante, El Cenobita del Cebrero, di que interrogou a varios paisanos de por que razón a celebraban en setembro e non en pleno inverno, como se presume que se celebraría o Milagre, contestándolle que escoitaran aos seus antepasados que antes esa festa conmemorábase o 17 de xaneiro, pero que como no dito mes arreciaban os temporais facían moi difícil a concorrencia dos devotos e peregrinos, e moitos anos, debido á neve, non podía celebrarse. Continúa o Cenobita que é probable que ao celebrarse antes o 17 de xaneiro, fose en conmemoración do aniversario do seu acontecemento. Tampouco cre que Xoán Santín asistise todos os días á misa, primeiro porque nun día tan desapracible e a distancia que hai dende Barxamaior, faríalle practicamente imposible a súa asistencia, concluíndo que se todos os día ía á misa non debía o descrido crego espaventarse cando o viu entrar no templo.  
 
Nunha Comisión Permanente do Concello de Pedrafita do Cebreiro de 17 de maio de 1924, tendo en conta unha moción presentada, acordou arranxar o camiño que conducía ao Santuario, de xeito que por el puidesen pasar os coches, declarar monumento histórico o Santuario, nomear unha comisión para que en representación do Concello se asistira á Festa do Santo Milagre, promover as peregrinacións eucarísticas e adoptar como escudo do municipio o Santo Graal do Cebreiro, obstentándose en todas as manifestacións públicas. 
 
Noutro folleto do ano 1927, lemos: "Con inusitado esplendor se celebraron el año pasado los tradcionales cultos que en el santuario eucarístico del Cebrero se verifican en conmemoración del portentoso milagro de la conversión sensible de la Hostia en Carne y del Vino consagrado en Sangre que El tuvo lugar en el siglo XIII. A ellos dio realce la asistencia de nuestro amadísimo prelado". O programa de festas dividíase en actos relixiosos e "festejos profanos". Nos primeiros, tanto pola mañá como pola tarde "se dará a besar la sagrada reliquia de la Transubtanciación". Os cultos estaban amenizados pola banda de música de Samos. Un veciños contáronnos que o día da festa, ademais dos naturais da zona, viña xente descalza dende o Bierzo e Sarria. Eran tantos os devotos que os caldeiros para recoller as esmolas baleirábanse máis dunha vez. Na honra da Virxe adoitábase bailar a muiñeira. 



LOS CABALLEROS DEL SANTO GRIAL
   
A finais dos anos vinte do pasado século ideouse fundar no Cebreiro unha orde cívico-relixiosa co nome de Los Caballeros del Santo Grial, cuxa misión principal era a de "reparar injusticias, ayudar a los débiles y castigar a los malos". A esta orde poderían pertencer os católicos practicantes. As ordenanzas serían discutidas polos dez primeiros inscritos para sometelas á aprobación e formar a asociación. Non temos constancia de que chegara a constituírse.  


EN PRO DE LA MORAL 
 
Unha Real Orde do 9 de maio do 1924 regulamentaba a vida cidadá "en forma que el recreo y el placer no degeneren en vicio y perversión". Di que o costume de blasfemar se extinga por completo, pola intervención das autoridades, sancionándose aos que cometeran tal falta. "En las plazas, calles y paseos públicos se vigilará el tránsito ordenado y fácil, que las mujeres sean respetadas y que la decencia no padezca con frases o ademanes de mal gusto". O alcalde de Pedrafita ditou, entón, un bando dando disposicións para o seu cumprimento na localidade.


ADVERTENCIAS
 
No ano 1930, o administrador do santuario do Cebreiro publicou unha serie de Advertencias dirixidas aos devotos e que transcribimos literalmente: "Por decreto de nuesto Ilustrísimo Sr. Obispo de fecha 11 de enero del corriente año se prohibe a los sacerdotes tanto seculares como regulares recibir estipendios inferiores al diocesano, el que en virtud del mismo decreto se establece que la tasa diocesana para estipendios de Misas manuales (as ofrecidas polos fieis por propia devoción) en este Obispado será de tres pesetas". "Se colectarán misas manuales de tres pesetas para distribuír entre los señores sacerdotes de la diócesis, prefiriendo los inmediatos". "Las misas locales, sin determinación de día ni hora, se celebrarán en este Santuario a tenor del canon 836, al estipendio de tres pesetas y cincuenta céntimos". "Cuando por los fieles se exija un día previamente convenido, el estipendio será de cuatro pesetas, siendo la hora antes de las diez de la mañana". "En los días de fiesta u otros después de las diez de la mañana, la limosna será de cinco pesetas". "Las misas cantadas sin fijación de día será de diez pesetas". "Las solemnes veinticinco pesetas"
 
Noutra parte das Advertencias: "Hemos de llamar la atención de los fieles respecto a la cera y al aceite para el alumbrado; este debe ser puro de oliva y aquella de abejas. Muchos, casi todos, compran velas en el comercio y estas no traen el porcentaje de cera litúrgico y por lo tanto deben desecharse. Sabido es de todos que a Dios no le agradan las ofertas o votos de cosa mala; ejemplo las oblaciones de Caín y sacrificios de Abel que miró con agrado la ofrenda de éste por ser de los primogénitos de sus ovejas y de su grosura, y no miró propicio la de aquél por ser de la ruindad de sus frutos. Para obviar este inconveniente en el Santuario se expenderá cera garantizada, propia del culto". 
 
E remata: "Para satisfacer los deseos de los romeros se ha hecho un pedido importante de objetos recuerdos de este santuario: pilas, capillas, dijes, alfileres, imperdibles, medallas, rosarios, estampas y otros artículos, que se venderán con un sobreprecio, el cual será empleado en atender a la Fábrica del Santuario, pues necesita reparaciones urgentes".
 
 


O ALTO DE SAN ROQUE E A LENDA DE SANTANDUFE
 
O Alto do San Roque atópase a máis de 1.200 metros de altitude, entre as aldeas de Liñares e O Hospital. No lugar, camiño obrigado dos peregrinos a Santiago de Compostela que entraban en Galicia polo Cebreiro, había unha ermida posta baixo o padroado do San Roque. Elías Valiña localizou nunha casa no ano 1962 unha imaxe do San Roque totalmente corroída. O monumento ao peregrino data do ano 1984. Conta López Pombo que durante algún tempo estivo vixiado pola garda civil debido a que había sospeitas de que un veciño do Hospital quería destruílo.   A lenda de Santandufe baséase en noticias do Cronicón Iriense (século X), na Historia Compostelana (século XII) e na España Sagrada (século XVIII) do P. Flórez. Un bispo de Iria, de nome Ataúlfo, foi acusado de sodomía por tres membros da súa comunidade chamados Cadón, Ensión e Xadón. A acusación foi levada ata o rei Ordoño I quen ordenou celebrar un Xuízo de Deus no que o bispo debería enfrontarse cun temible touro. Se saía indemne sería proba da súa inocencia. Despois de celebar a misa, saíu fóra, mais o touro, en vez de embestilo, achegouse mansamente e, cando o bispo o tocou, desprendéronse os cornos milagrosamente. O bispo, despois de perdoar aos seus acusadores e bendicir ao rei, retirouse a un lugar de Asturias. 

 


O ALTO DO POIO
 
Situado a 1.411 metros de altitude sobre o nivel do mar. Eiquí houbo un burgo que desapareceu ao igual que a ermida posta baixo o padroado de Santa María. No 1737, Domingo López, alcalde e xustiza ordinaria de Triacastela, mandou xuntar aos veciños da freguesía de Santa María do Poio de Padornelo para tentar de facer o padrón. No ano 1752, segundo o Catastro de Ensenada, había dúas tabernas cuxos propietarios eran Francisco López Castedo e Domingo Carballo que tiñan arendados estes pola cantidade de 348 reás, de cuxos dereitos disfrutaban os veciños. 


 


A PALLOZA
 
En Galicia, estas edificacións concéntranse, maioritariamente, na comarca galega dos Ancares, co concello de Cervantes á cabeza. No ano 1984, o arquitecto Pedro de Llano catalogou nos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro 300 pallozas das que 50 aínda estaban habitadas e o resto dedicadas a cortes ou palleiras. Os primeiros traballos acerca das pallozas na comarca dos Ancares foron publicados no Boletín da Real Academia Galega no mes de novembro de 1913 e no mes de abril de 1914, estudos que levan por título Las Casas del Cebrero e Origen y antigüedad de las pallozas del Cebreiro. Pedro de Llano, xunto cos tamén arquitectos Plácido Lizancos e Alfonso Salgado, e outros especialistas en distintos campos (socioloxía, historia, etnografía ou economía), foi o encargado de desenvolver o proxecto de Piornedo, rehabilitando 16 pallozas dende o ano 1984 ata o 2001 en que foi destituído polo conselleiro de Obras Públicas Xosé Cuíña. O motivo, ao menos oficialmente, debeuse a que tiñan diferenzas canto á idea de conservación do poboado. Como deixara claro Del Llano no ano 1993, "A recuperación de Piornedo illada non ten moito sentido. Hai que plantexarse a conservación de toda a área de pallozas, e a deterioración desta aldea non é só o arquitectónico, senón tamén o social e o do medio". 
 
Canto á forma redonda existen varias teorías. Vicente Risco fala da "tendencia inconsciente do construtor". Caro Baroja, xa dun xeito máis científico, atribúeo a unha evolución das primitivas cabanas do Neolítico construídas con materiais perecedoiros, tese da que participa José María Luengo, engadindo que perviviron durante a Idade do Bronce, chegando a entroncar coa cultura céltica do Noroeste peninsular. Na mesma liña están, entre outros, Boch Gimpera e García y Bellido que defenden que a palloza é unha evolución da casa redonda presente nos nosos castros. Ángel del Castillo, que nun principio compartía a orixe celta, mudou logo de opinión dicindo que non existían probas concluíntes xa que a construción circular con muros baixos e grandes teitos é unha característica dos pobos que existiron en distintas partes de Europa. 
 
Por último, como anécdota, Eugenio de Salazar, un madrileño que exerceu de xuíz e fiscal en Galicia entre os anos 1559 e 1560, deixou escrito que os habitantes dos Ancares "Viven en casas redondas porque, para que quepa la ruindad de sus moradores, la figura redonda es la más capaz...". 

 

 
A CASA DAS CADEAS
 
Situada en Fonfría. Cóntase que nela pasou noite Isabel a Católica na súa peregrinaxe a Santiago de Compostela. Está documentado que tiña dereito de asilo. O nome veulle polas cadeas que pechaban o patio. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, esta casa chamábase Casa da Aira, e ao lado había un Mesón Real que tiña as cadeas en sinal de padroado e protección do rei. O mesón foi derruído por mandato de Francisco Fernández Rodríguez na década dos anos oitenta do pasado século XX. Do mesmo di William Dalrympe no 1774: "A pousada chámase Mesón Real e mesmo ten grandes cadeas na porta para facer ver que efectivamente pertence ao rei. Esa casa real é unha miserenta pousada onde atopamos un cuarto malo e mesmo lle tivemos que cambiar a comida aos cabalos pois non había cebada e custounos bastante atopar centeo abondo para alimentalos". (Recollido de Aventureiros e curiosos. Relatos de viaxeiros estranxeiros por Galicia, séculos XV-XX, de A. Garrido, 1994).

 


A CASA DO MESÓN
 
Atópase en Padornelo, case enfronte da igrexa parroquial. Trátase dunha antiga construción bastante arruinada de planta rectangular e cuberta en lousa a dúas augas. Durante moito tempo foi aproveitada por un veciño, se ben non ten dono coñecido. Diante pasa o Camiño de Santiago que por eiquí tamén recibe o nome de Camiño da Antiga.

 

 
A CASA DA RAÍÑA
 
En Valdefariña, parroquia de Louzarela. Dise que nela fixo noite dona Urraca que reinou en Galicia entre o 1109 e o 1110. Consérvanse cartas desta raíña nas que se autodenomina Totius Gallecia domina e Totus Gallecia imperatrix. Era couto do señor de Pacios, da familia Saco Armesto. No século XVIII os donos da casa levaban o apelido Reina, ben porque tomaron o nome da casa ou que a casa tomou o nome do apelido.

 
CASA TORRE DO SEÑOR OU DE PACIOS
 
Conserva a pedra armeira das familias dos Armesto, Ron e Valcarce. O seu vínculo e morgado quedou constituído no ano 1696. Nun documento do ano 1747 detállase a dote de Francisco Antonio Saco de Armesto polo casamento con Manuela Francisca y San Martín. Atópase acaroada á igrexa parroquial, conacceso directo ao coro para que os propietarios da torre asistiran aos oficios relixiosos. Vázquez Seijas di que é probable que no oco que ocupa a igrexa estivera antes o corpo da torre, e que debeu se cara o ano 1600 cando se efectuou a substitución, ao reformar o inmoble. 

       
 


O POZO DO LAGO MAIOR

Para ir ata o Pozo do Lago Maior hai que coller a estrada LU-633 que vai dende a vila de Pedrafita do Cebreiro a Triacastela (pásase polo Cebreiro, Liñares e Hospital). O acceso atópase entre as cabeceiras parroquiais de Hospital (antigamente Hospital da Condesa) e Padornelo, entre os quilómetros 11 e 12. A mellor referencia son os sinais de dirección que, pola dereita, indican cara as aldeas de Sabugos e O Temple. Aí mesmo no cruce, a carón da estrada autonómica, hai un sitio onde se pode deixar o coche. Enfronte, ao outro lado da estrada, hai un indicador de madeira onde comeza o camiño cara a lagúa (aí deixamos un mapa para non desviarse). A ruta non ten máis de 500 metros de percorrido, agás unha suave subida ao principio, o resto faise ben (só moito ollo cos fieitocarrachas, hai a esgalla).


O Pozo do Lago Maior atópase a 1.325 metros de altitude, na paraxe do Chao da Lagúa, ao pé dos altos da Serra do Rañadoiro. Ten unhas medidas aproximadas de 215 metros de longo por 45 metros na parte máis ancha. Trátase dunha pequena lagúa de orixe glaciar situada entre as parroquias de Hospital e Padornelo. Pertencía aos veciños das dúas parroquias, daí que estea dividido por un muro artificial feito con grandes penas de cuarcita que só é visible cando apenas ten auga. Na lagúa nace o regueiro das Espiñas, tributario do río Navia.



Nos Interrogatorios do Castastro de Ensenada, celebrados en San Xoán do Hospital da Condesa e San Xoán de Padornelo os días 12 e 16 de setembro de 1752, na primeira freguesía cítase un marco que vai “a la Peña que llaman Pozo del Lago Maior”, pero na segunda refírense ao marco como pena do “Chao da Lagúa”.

AVISO: Aínda que ás veces semella seca, evitar meterse na lagúa, a lama é moi traizoeira.


PORTO DE PEDRAFITA
 
Por eiq penetraron as tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia, asolando todo o que atopaban no seu avance. Tamén entraron as tropas fascistas durante a Guerra Civil.

 


O TOPÓNIMO PEDRAFITA DO CEBREIRO
 
De petra ficta, alusión a unha pedra fincada no chan, abundantes en época prehistórica. O nome xa figura documentado no século VII. Outro documento do ano 1600 fala de Petra Ficta.


O TOPÓNIMO O TEMPLE
 
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. A pesares de que non se conservan restos, nin escritos nin arqueolóxicos, o nome da pequena aldea é unha proba nidia de que houbo unha casa da poderosa orde monástico militar. O Temple foi fundado no ano 1119 por dous cabaleiros francos para protexer aos peregrinos a Terra Santa e que axiña acadaron un enorme poder económico e militar. Logo dun amañado proceso inquisitorial, o papa Clemente V, presionado polo rei francés Filipe IV, suprimía a orde no ano 1312 e os seus máximos dirixentes foron condenados á fogueira. Rodeados por un gran misterio, aos templarios supónselles que coñecían onde agochaban, entre outros dos grandes secretos da cristiandade, a Arca da Alianza e o Graal. En Galicia, onde se estableceron ao pouco da fundación da súa orde, contaron con varias encomendas e bailías. Na comarca, os templarios tamén aparecen no mosteiro de Penamaior (Becerreá) e no de Dorna (Cervantes). 
 
O 15 de setembro de 1558, Pedro Armesto interpuxo diante da Real Audiencia de Galicia un preito ante o prior do Hospital frei Pedro de Cobides, dado que este cunha vintena de vasalos armados con lanzas, espadas, etc. tomaron o couto do Temple, abrindo moitas casas , facendo acto de xurisdición cos seus veciños e que a el lle pertencía por xustos títulos que viñan disfrutando os seus antepasados dende había vinte, corenta, oitenta e máis anos que memoria de homes lembrara. Onde había casa para o cárcere, picota e guillotina, mediando o Armesto como señor xurisdicional nos conflitos entre os veciños do lugar que eran os seus vasalos. Dende moi antigo debía vir en posesión da familia Armesto, do lugar de Veiga de Forcas, o couto do Temple; así cando o 10 de novembro de 1737 se realizou o padrón de Calle Hita, os veciños dixeron: "... que en dito couto non coñecían fidalgo nin privilexiado ningún, máis de tan só a don Mauro de Armesto, dono de dito couto, que este lle coñecen por fillo dalgún notorio descendente de tales".

   
 


UN LOBO PROTECTOR  
 
A romaría do Santo Milagre celébrase no Cebreiro os días 8 e 9 de setembro. Os romeiros acodían dende todas as aldeas do municipio e tamén dos concellos limítrofes. As veciñas e os veciños de Fonteferreira partían moi cedo para chegar á primeira misa, quizais para conmemorar aquel milagre acontecido no ano 1300, cando a devoción dun humilde labrego veceu a fachenda dun descrido crego. Contan que durante moitísimos anos un gran lobo, sempre o mesmo, acompañaba aos romeus dende as afóras da aldea ata as inmediacións do santuario. Aseguran que era para protexelos.   


UNHA HISTORIA DO ANO 1746 
 
Aconteceu no Cebreiro o día 31 de marzo de 1746, cando o freire Antonio Franco, monxe do priorado, estaba a piques de celebrar unha voda entre Manuel Díaz e María López. Foi entón cando entrou na igrexa o veciño e labrego de Foxos, de 32 anos, Juan García que levaba collida pola man a Mónica Fernández, de 33 anos, taberneira e veciña do Cebreiro. O home berrou: "Padre cura, esta é a miña muller", e ela respondeu: "Eu tómote polo meu marido". O cura, encabuxado, dixo: "Non quero oir tal semellante frase que non ten validez ningunha". 
 
Rematado o oficio do matrimonio que estaba a celebrar, o cura deu conta do ocorrido ao xuíz Ángel López Raposo quen mandou encerrar ao mozo no cárcere da xurisdición, "ben amarrado e cargado de ferro". Logo o monxe pasou un escrito de acusación ao tribunal eclesiástico do bispado de Lugo quen decretou trasladar á ousada parella á prisión que a coroa tiña na cidade o día 12 de febreiro de 1746, facendo noite os reos, o notario apostólico e o meiriño nunha casa de Hospital da Condesa, chegando a Lugo o día 17.
 
No traxecto, Mónica Fernández "esganizou" un brazo, non podendo vestirse por si mesma, ao que o procurador José Antonio García pediu reiteradamente que fose trasladada dende o cárcere do castelo, quedando detida nunha casa particular propiedade de Liborio Otero.
Despois de amplas testemuñas, tanto de veciños do Cebreiro como doutros de Foxos, e as declaracións tomadas aos acusados, averiguouse que proferiran tales expresións de matrimonio aconsellados polo presbítero José López Quiroga, veciño de Fonteferreira, para así poder aforrar seis maravedises que cobraban os freires do Cebreiro para poder casar, evitándose que fosen lidas as tres canónicas amonestacións, dado que Juan García dubidaba que non houbese impediemento debido a que antes tivera amoríos cunha moza de Noceda chamada Beatriz, da que tiña un fillo. Ángel Gómez de Anguiano, coengo, provisor, gobernador e vicario da igrexa de Lugo ordenou que se lles dera por válido o matrimonio, impoñéndolles a pena de que nos próximos tres días festivos asistisen á misa na porta da igrexa con vela acesa de cor amarela e pasaran con reverencia a bicar os pés do cura que celebrase a misa, confesando e comulgando nun dos tres días, e despois dito sacerdote remitise certificación ao bispado. Ademais, foron condenados ao desterro nunha legua á redonda do Cebreiro, non podendo achegarse á aldea durante un ano e a pagar as tres partes dos custos do proceso, impoñéndolle a parte restante ao presbítero que os aconsellara, e ao que nun principio lle embargaron os bens, incluídos os libros, sendo logo rebaixada a pena a unha multa de vinte e catro ducados. Tamén ao noivo lle foron embargados os bens, e á noiva non puideron por carecer de cousa algunha.  (Achegada por López Pombo).


O PEDÁNEO
 
Cada parroquia tiña un pedáneo. Era nomeado polo alcalde do Concello. Residía, habitualmente, na aldea onde estaba a igrexa parroquial. Representaba ao alcalde e transmitía e publicaba os bandos da alcaldía, colocándoos na porta da igrexa, das tendas, das tabernas e naqueles lugares máis frecuentados pola veciñanza. Tamén actuaba de mediador e transmitía ao alcalde as necesidades de cada aldea. Así mesmo era o encargado de propoñer rogativas para chamar a choiva, e novenas ao San Antonio para curar as enfermidades dos animais. Certificaba a defunción das persoas que non foran vistas polo médico, organizaba os traballos e vixiaba o bo funcionamento dos fornos e dos muíños comunais. Nas parroquias de Pedrafita do Cebreiro os pedáneos recibían o nome de "excusas". Tamén podía haber un pedáneo de aldea que era o que tiña que dar conta ao pedáneo da parroquia. No Cebreiro, para avisar sobre algún acontecemento, o pedáneo tocaba o corno, enviando a mensaxe de dúas maneiras: se tocaba dúas veces os veciños sabían que era urxente, acodindo todos á casa do pedáneo; se só soaba unha vez era para unha reunión ao día seguinte, normalmente para arranxar un camiño, traída de augas, etc.; neste último caso xuntábanse á caída do sol. Ao pedáneo tamén lle correspondía a organización das festas locais. Esta figura estivo vixente ata o ano 1955 en Pedrafita do Cebreiro. 


REBELIÓN EN PEDRAFITA DO CEBREIRO
 
Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo soberano, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros, a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión. Pola documentación sabemos que no ano 1876 estaba eiquí o Concello tal como figura nas papeletas dos carimbos municipais, sendo alcalde Manuel Rebollal. 



SELO DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO (1876)
 
 

O GANDO VACÚN
 
Ata non hai moitos anos, a vaca rubia galega formaba parte inseparable da paisaxe de Galicia, xa sexa pacendo, arando ou tirando polo carro, ademais de producir esterco, leite e xatos. Non só se vivía da vaca, senón tamén para a vaca. Cando tocaba sementar o trigo ou outro tipo de cereais, os veciños axudánbanse os uns aos outros; o veciño que contaba cunha parella de bois levábaos para a faena, e todo sen cobrar. O mesmo acontecía cando ían ao carreto para transportar o gran dende o muíño. Conta Lisón Tolosana que subindo cara Riocereixa de Arriba atopouse cun vello que camiñaba encurvado baixo o peso dun feixe de herba; na conversa díxolle: "É para a miña vaca, señor, se se morre ela mórrome eu". Continúa Lisón que esta zona da montaña luguesa o "boi da corte" (boi que cebaban para a venta) recibía moitos coidados, se os pastos escaseaban no inverno, dábaselle pan centeo aínda que a familia tivera que pasar sen el. No Cebreiro, para pidirlle ao médico que atendera ben a un familiar enfermo e o curara, adoitaban dicirlle: "Mire que lle quero máis co mellor boi da corte". A morte dunha vaca era unha auténtica traxedia. "Se a un lle morre unha vaca quédase triste por varios días, non ten moitas ganas de falar, está amorriñado", recolleu Lisón en Barxamaior. Rezábaselle ao Santo Antonio cando unha vaca estaba enferma; tamén levaban exvotos de cera con figura de vaca ás capelas e igrexas. En moitas aldeas da comarca, para espaventar os espíritos maléficos e as enfermidades dos animais levábanos a tomar o orballo dos prados na mañanciña do San Xoán.

 


A MILLORA
  
"Bens divididos, bens perdidos". A "millora" era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. 


FERRARÍAS
 
A tradición do ferro está documentada dende o século XII (a arqueoloxía documéntaa dende a Idade do Ferro). Sábese que os monxes tiñan en Constantín (Baralla) unha forxa de fundición e transformación do metal. As ferramentas que facían vendíanllas aos campesiños a cambio de terras; o ferro extraíano das minas que tiñan en Pedrafita.  

 
O MONTE DAS TRAVESAS
 
Sobre este monte existe un litixio que se remonta ao ano 1867, cando o xulgado de Becerreá ditou que 82 hectáreas que reclamaban os veciños da Pintinidoira pertencían a Pedrafita do Cebreiro. Os das Nogais presentaron como proba o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII.  


O MARCO DO VAL DE SOLLEIRO
  
En tempos, este marco, situado a uns 1.280 metros de altitude, actuaba como linde entre os concellos de Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Na actualidade actúa como divisorio entre Cervantes e Pedrafita, feito que moveu ao Concello das Nogais a unha desputa co de Pedrafita porque, disque, se apoderou de terras que dende antigo lle pertencen. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 

 
UNHA LIORTA NA FESTA DE VILASOL 
 
Vilasol é unha aldea de Padornelo. A pelexa tivo lugar pouco antes de estourar a Guerra Civil, entre trinta mozos de Nullán (As Nogais) e seis de Fonfría, estes axudados polos mozos de Hospital da Condesa e máis Eugenito de Blanco, da Porfía. Dise que nesta ocasión os de Nullán levaron unha boa malleira con paus e pedras.  


A DESAPARICIÓN DA SEÑORA ELISA, DA CASA DE POMBO DE LOUZARELA 
 
Pola década dos anos corenta do pasado século XX vivía na casa de Pombo de Louzarela unha muller de nome Elisa. Tanto ela como os seus fillos non tiñan boa relación con outra familia do mesmo pobo debido a un asunto de peñoramento sobre unha casa e unhas terras que fixeran a unha familia de Vilaspasantes, en Triacastela. Desavinzas que mesmo os levou a pelexar en máis dunha ocasión. Estando os fillos de Elisa no cárcere de Becerreá, a nai saíu unha mañanciña cunha cesta de comida para lles levar, aproveitando para deteñerse na Casa de Pardo, en Torés (As Nogais), que eran parentes cercanos, para pidirlle que lle botaran unha man aos seus fillos no xuízo. Isto é o último que se soubo da señora Elisa xa que, no camiño ata Becerreá, desapareceu. Dende aquelas todo foron especulacións, os supostos sospeitosos foron un tempo á cadea, pero os restos da muller endexamais apareceron. Incluso se chegou a dicir que un can apareceu un día cunha prenda da señora. Os familiares ata chegaron solicitar a axuda dunha adiviña quen lles asegurou que a asasinaran e que o seu corpo estaba enterrado na Reboleira de Fonfría que foi peiteada, sen éxito, pola garda civil. (Achegada por Luis López Pombo).   


O PARTO
 
Conta Lisón Tolosana no seu Antropología Social: reflexiones incidentales (1986) que en Zanfoga as mulleres non debían pasar o río despois de dar a luz e antes de ser recollidas na porta da igrexa polo cura para que non lle aparecera o demo, pois neste caso quedarían embarazadas e os seus peitos estériles.


A ORIXE DO NOME DO IES NOSA SEÑORA DOS OLLOS GRANDES DE LUGO
 
O antigo Instituto Nacional de Ensinanza Media de Lugo desdobrouse en 1941 en dous, un masculino e outro feminino, segundo as ideas da ideoloxía daquela imperante, que consideraba perniciosa a coeducación dos rapaces. Foi así como o Instituto Feminino de Lugo comezou a súa andaina no que hoxe é o edificio da Deputación Provincial. No curso 1955-56 denominouse oficialmente Instituto Nacional Feminino de Ensinanza Media de Lugo. Durante este curso o entón director de Ensinanza Media implementou esta denominación engadíndolle a de Nuestra Señora de los Ojos Grandes.
 
A Señora da que o claustro de profesores daquel ano impetraba protección para o Instituto ten no imaxinario mariano dos lucenses moitas e sucesivas advocacións. Non obstante a de maior fortuna foi a de Nosa Señora dos Ollos Grandes, denominación popular que, a partir de 1964, substituíu a de Nosa Señora a Grande. A denominación popular deriva do tamaño dos ollos que ten a escultura que a representa.
 
Segundo un traballo inédito do Catedrático de Historia do centro, Xosé Luis Novo Cazón, do que se toman todos estes datos, "a tradición sostén que estes ollos grandes da imaxe actual son a reprodución fiel dos que tiña unha moza do Cebreiro afectada polo bocio, que lle serviu de modelo ao anónimo escultor que a labrou en fino granito no século XV".
(Recollida do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo).

 


SOBRE A MORTE
 
María José Fernández López achegounos que a súa avoa, natural do Seixo, contoulle que cando morría alguén dunha casa as vacas había que sacalas fóra da corte antes do enterro; que aos defuntos se lles poñía un ferro no abdome. Se un se atopaba cun aparecido, tiña que saber o que quería; para iso había que facer un círculo no chan e meterse dentro e despois pronunciar unhas palabras e facer outro círculo no aire; só entón se podía falar con el. 


UNHA ARRESPONSADORA DO COUREL EN PEDRAFITA DO CEBREIRO
 
Dona Concepción López Juanes naceu en Miraz, na parroquia de Meiraos (Folgoso do Courel). Cando casou foi vivir para o Seixo, parroquia de Pacios (Pedrafita do Cebreiro). É arresponsadora, don que herdou da súa avoa.
 
Ata o momento, na comarca dos Ancares só tiñamos coñecemento de dous arresponsadores en Penamaior (Becerreá) e dunha arresponsadora en Torés (As Nogais) cuxas xaculatorias, con mínimas variacións, non se diferenciaban moito. O responso de dona Concepción, se tamén ten como persoeiro central ao San Antonio de Padua e o fin é o mesmo, amosa algunhas diferenzas como a de achegarnos, en poucas palabras, unha historia abreviada do santo: "San Antonio de Padua, en Padua naciche e en Portugal aprendiche letras para predicar, estándoas predicando rebelóuseche que a teu pai ían aforcar. Fuche alá, o verborario perdiche, o Fillo de Dios o atopou e tres veces te chamou: Antonio, Antonio, Antonio! Á terceira oíche e cousas lle pediche, que o perdido fose atopado, o ausente presente e o esquecido acordado. Pois ese hábito que vestiche e ese cordón que cinguiche librache a teu pai de morte tan ofrendosa pídoche que... (eiquí dise o que se teña que pidir). Polo poder de Dios e da Virgen María, un Padrenuestro e un Avemaría".
 
Esta achega debémoslla a María José Fernández López, neta de dona Concepción. Como ben di María José, estes rituais son dalgunha maneira modelados por quen os emprega, ademais de que as persoas como a súa avoa son as gardiás dun patrimonio que é de tod@s.

 
 

O BIDUEIRO
 
Na Idade Media asociouse á bruxaría porque debaixo medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno. Segundo a lenda, críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma, gota, mal de pedra e enfermidades do ril. No ano 1745, na súa Viaxe a Galicia, unha muller do Cebreiro faloulle a Fr. Martín Sarmiento das súas virtudes.

 


UNHA RAÍÑA CONSORTE POLO CEBREIRO
  
Ao longo da historia, son numerosos os persoeiros de sona que, por unha ou outra causa, tiveron que atravesar a actual provincia de Lugo no seu percorrido cara outros lugares fóra de Galicia. Así atopamos aos Reis Católicos cando, despois de visitar a tumba do Apóstolo Santiago o 14 de outubro de 1486, detivéronse no Cebreiro para venerar os obxectos do Santo Milagre. Case tres séculos despois, no 1779, uns futuros presidentes dos Estados Unidos, Jhon Adams e o seu fillo Jhon Quincy Adams, tamén pasaron polo Cebreiro camiño de París para conseguir apoios na súa loita pola independencia.
 
O periplo dos uns e dos outros por terras galegas non estivo exento de inesperados episodios. Os Reis Católicos quixeron levar canda eles os obxectos do milagre, desistindo, segundo a tradición, pola negativa dos cabalos que os transportaban a continuar. Os futuros presidentes americanos, debido á unha grave avaría do barco que os levaba cara Francia, non tiveron máis remedio que atracar no porto do Ferrol, optando por facer o traxecto por terra.
No entremedio, foi unha raíña consorte quen tivo que atravesar Galicia de punta a punta. Desta imos a falar.
 
Mariana de Neoburgo naceu o 28 de outubro de 1667 en Düsesldorf (Alemaña). Filla dos duques de Neoburgo, foi elixida para casar co rei español Carlos II, viúvo de María Luisa de Orleáns, falecida a principios de 1689. Dise que Mariana foi a elixida polos conselleiros do rei entre tres candidatas (as outras eran Isabel María de Portugal e María de Medicis) debido á alta fertilidade da súa familia e tamén porque non tiña sangue francesa. Sen herdeiros, a dinastía dos Austria en España corría perigo. Ademais, a irmá maior de Mariana, Leonor, estaba casada co emperador Leopoldo I, co que os lazos da rama austriaca dos Habsburgo veríanse reforzados. 
 
A voda por poderes celebrouse o 28 de agosto de 1689 en Ingolstadt (Alemaña), non tendo lugar o casamento coa presenza dos contraíntes ata o 14 de maio de 1690, esponsais que se celebraron na igrexa do convento de San Diego, en Valladolid. Pero, como veremos, entre un e outro acontecemento, Mariana de Neoburgo recalou en Galicia, parada que non estaba prevista. 

 

A viaxe máis curta dende Neoburgo, en Baviera, ata onde se atopaba a Corte era por terra, pero había que evitar territorio francés debido á guerra. Así que se optou pola vía marítima. O 3 de novembro de 1689, dende Rotterdam, a numerosa comitiva, con Mariana de Neoburgo e o seu irmán Luis Antonio á fronte (grazas a este e polas cartas que a marquesa de Cadreita escribiu a Gregorio de Silva Mendoza téñense noticias da viaxe), dirixiuse polo Rhin ata o porto holandés de Flessinga co propósito de continuar por mar cara Santander no barco The Duke. Pero os problemas comezaron axiña, primeiro as néboas, despois un temporal que obrigou á frota inglesa que tiña que protexer á raíña a dar volta a Portmouth. Por riba, cando o séquito español xa estaba á espera de tan ilustre persoeira en Santander, o mando do barco decidiu, debido ao mal estado do mar, dirixirse cara o porto da Coruña. Pero o 28 de marzo de 1690 o barco encallou preto de Mugardos, fronte do porto de Ferrol (contra o que se di, a raíña nunca pisou esta cidade). Benito Vicetto recolle o suceso da Pena da Raíña Mariana, situada preto do castelo da Palma. Di que debe o nome porque foi o primeiro sitio de terra firme que pisou a raíña en Galicia. Mais en Mugardos coñécese popularmente como Pena do cu da raíña porque se conta que ao pisala caeu de cu. Non puido desembarcar ata o 16 de abril. 
 
A primeira noite en terra durmiu no castelo dos Andrade, en Pontedeume, e ao día seguinte no pazo que os condes de Maceda tiñan en Betanzos. Eiquí houbo "festejos, luminarias y fuegos tan copiosos que duraron toda la noche...". Chegou á Coruña o 8 de abril de 1690, onde permaneceu ata o día 15. Na Colexiata de Santa María houbo un Te Deum laudamus, engalanándose os balcóns e celebrándose festas na súa honra. Agradecida polo acollemento na Coruña, regalou á cidade unha arquiña ecucarística de prata e unha custodia que aínda se conservan no Mueso de Arte Sacra da colexiata. 
 
O 15 de abril partiu para Compostela, con parada previa no pazo de Galegos, en Frades. Ao día seguinte entrou en Santiago. Visitante tan ilustre tiña que ser agasallada na catedral, e que mellor que poñer en funcionamento o Botafumeiro, con tan mala sorte que se veu abaixo en plena función, estando a punto de aplastar á raíña. O 19, a comitiva partiu cara Lugo, facendo noite en Sobrado dos Monxes onde chegaron enchoupados polas fortes choivas; por riba, Mariana non puido poñerse roupa seca xa que a equipaxe chegaría con retraso.
 
En Lugo foi recibida polo capitán Juan López Bahamonde, entregáronlle as chaves da cidade e fixo noite no pazo episcopal. O día 21 escoitou misa na catedral, celebrada polo bispo Manuel de Fuentes. Regresou ao pazo dende onde asistiu ás danzas e fogos. Despois de dous días en Lugo, o 22 de abril partiu cara Galegos, e despois ata o Cebreiro, onde fixo noite. 
 
Ata eiquí o periplo de Mariana de Neoburgo por Galicia e polo Cebreiro. Morreu, sen deixar descendencia, no mes de xullo de 1740. Dise que tiña un carácter dominante, autoritario e egoísta, e que nunca foi popular entre os seus súbditos. Mesmo se aseguraba que tiña amedoñado ao propio Carlos II, din que tivo tal ascendente sobre o rei que era ela a que gobernaba, outorgando cargos e dignidades a quen a servía, quitándollas a quen non aceptaban a súa vontade. Simulou case unha ducia de embarazos. O rei comezou a perder a saúde, espallándose a idea de que se debía a unha actuación diabólica, tanto é así que o asunto foi tratado polo propio Consello da Inquisición que non seguiu adiante por falta de probas. Pero a pesares de todo, o rei foi exorcizado e enfeitizado en varias ocasións, crese que foi Mariana de Neoburgo a promotora.
 
Coa morte de Carlos II no 1700, estalou a Guerra de Sucesión. A rama española dos Austria extinguiuse. Mariana de Neoburgo nunca máis volveu a pisar chan galego. 

 

Xabier Moure
Xosé Antón Lozano


UN CALDO GALEGO NO CEBREIRO NO ANO 1743
 
Nos anos 1743 e 1745, o italiano Nicola Albani peregrina a Santiago de Compostela. As dúas viaxes (a primeira partiu de Nápoles, a segunda de Lisboa) coñecémolas por un manuscrito onde narra a súa experiencia a través de Italia, Francia, España e Portugal. A Veridica istoria o´sia Viagiio da Napoli à san Giacomo di Galicia (Verdadeira historia, ou sexa, Viaxe dende Nápoles a Santiago de Galicia) está dividida en dous tomos con varias ilustracións alusivas á peregrinación. O orixinal está depositado no arquivo do Centro Italiano di Studi Compostellani de Perugia.

 

Pouco se coñece sobre Albani, só o que el mesmo achega no seu manuscrito. Naceu en Melfi, entón do Reino de Nápoles, no ano 1714. Criado e secretario de nobres e bispos, despois de coñecer a dous peregrinos toscanos cando estaba ao servizo do arcebispo de Capua, comeza a súa primeira peregrinaxe a principios do mes de xuño de 1743 (na segunda partiu dende Lisboa; foi en xaneiro de 1745 para ganar o xubileo dese ano): "Solteiro, sen paixón nin carga ningunha, e gustando moito de andar polo mundo, decidín facer tamén a mesma viaxe". Ao longo da narración amósanos un Nicola Albani que fai o Camiño por devoción, mais axiña aflora nel un espírito aventureiro, utilizando en ocasións, para saír adiante, a picaresca.

 

Segundo os investigadores que estudaron o manuscrito de Albani, trátase dunha das testemuñas da literatura odepórica (acontecementos e cousas vistas durante unha viaxe) máis salientables da historia das peregrinacións a Compostela, imprescindible para entender, a pesares da crise en que estaba submida, a peregrinación xacobea no século XVIII. 
 
O napolitano entra na península por Figueres (Cataluña), e a partir de Sahagún seguirá o Camiño Francés cara a cidade do Apóstolo. Na Faba (O Bierzo), "último pobo do Reino de León, situado nun val sombrizo sen nada que dicir del", inicia a subida cara a entrada en Galicia, "por unha montaña tan horrible que mesmo as bestas se terían cansado". Xa noite, chega ao Cebreiro, "primeiro castelo do Reino de Galicia, pero que se chama castelo porque alí está un pequeno convento de San Domingos". Albani achega eiquí un dato importante, di que O Cebreiro só conta cun monxe que diga misa, e dous laicos. Á igrexa chámalle capeliña, e que o convento ten "catro habitacións, pero non todas de construción". Di que na aldea hai trinta e catro fogares, e "está situada por riba dun altísimo monte, e dixéronme que en inverno, a maior parte do tempo está cuberta de neve, que cada palloza ten fóra unha gran provisión de leña, e este é un pobo dos grandes de Galicia, que máis adiante dinme que son pobos moito máis miserables, e había tamén eiquí un pequeno hospital, mellor dito, unha palloza cunha velliña de guía, coa única comodidade de catro sacos cheos de palla, a onde fun, e sucedeume un fermoso feito, e foi que pola noite tiven que facer de párroco, e foi así, que en dito hospital atopei un pobre pasaxeiro castelán que estaba enfermo dende facía tres días, que viña tamén de Santiago, e vendo que o susodito estaba mal, con febre moi alta, que apenas respiraba, fun ao convento para facer que lle deran os sacramentos, e dixéronme que non estaba o cura que dicía a misa, que estaba noutro pobo, polo que me vin obrigado a tomar na man o meu crucifixo, e o mellor que puiden encomendeille a súa alma, e ao cabo de dúas horas pasou á outra vida". Despois disto, a velliña preparoulle de cea unha "sopa de nabos", alusión, quizais, a unha das primeiras testemuñas escritas do caldo galego. Ao rematar, foise a descansar sobre un saco de palla, "co cadáver cerca de min".

 

Á mañá seguinte continúa a viaxe. "Perdínme nunha montaña, de modo que non sabía a onde dirixirme porque era unha montaña moi desastrosa, moi alta e de bosques moi espesos, que están sempre con néboa, dunha néboa tan horrible que non se ven do camiño máis que dez ou doce pasos; ademais non hai camiños principais, así que cando se está na montaña, ou bosque ou como se chame, non se atopan máis que tres ou catro sendeiros, e o camiñante non sabe por cal deles ha de ir, e o peor é que non se atopan persoas que poidan mostrar o camiño... que  os pobos están moi distantes entre si, e non se atopan nin hospedarías nin pallozas de campesiños". Albani extravíase camiño de Triacastela, seguramente polos altos cumes do San Roque e do Poio. "Por elo, un pobre pasaxeiro que non coñeza o lugar pérdese", en ocasións durante xornadas enteiras, corre o risco de caer en mans dos bandidos, "que con frecuencia atópanse cruces cravadas no chan, que é sinal de que alí mataron ou roubaron a algún pobre pasaxeiro, que por veces eu tremía de medo cando atopaba estas santas cruces, e dicia para min, quen sabe se non se terá que cravar tamén para min unha desas cruces?. Estaba desesperado cando ao lonxe escoitou o renxer dun carro. O carreteiro amosoulle o camiño de Triacastela, "a vinte millas do Cebreiro, pero eu fixera máis de corenta aquel bendito día". Buscou pousada e foi "acollido nunha palleira" onde lle deron unha pouca palla, "case sen alimentarme de ningunha cousa... que se quixera mercar algo cos meus cartos, nin sequera se atopaba, porque son pobos desertos e infelices, algo de non crerse, que naqueles lugares non se atopa máis que pan de gran da India, que o pan trigo véndese como reliquia, viño non se consume, que ven de lonxe cando fai bo tempo, e vai moi caro... nin hai auga boa de fonte... nin se utiliza carne de ningunha clase, só polos e ovos, non hai leite nin verduras, senón só abundancia de nabos... de froitos só hai castañas". Chama poderosamente a atención a decadencia dos lugares que describe, nada que ver coa actividade relatada polas crónicas en época medieval. "Nin hai hospedarías nin pensións onde se poda aloxar un forasteiro... e se por casualidade se atopa algunha venta, non hai máis que ovos e viño... polo demais, o viaxante ten que levar canda el a provisión que lle faga falta". En Triacastela, faría noite na Casa-mesón da Ponte?

 

O panorama muda cando chega a Portomarín. "Este é un pobo de construcións de pedra, con algunhas tendas onde se venden certos obxectos, pasa por medio un río cunha fermosa ponte, que ten gran cantidade de peixes, que eiqui sacieime de todo o que perdera na viaxe pasada, e logo fun ao hospital, que eiquí foi onde atopei o primeiro do Reino de Galicia cun pouco de comodidade". Continúa a manifestar a decadencia do Camiño, os famosos hospitais baixomedievais (O Cebreiro, Hospital da Condesa, Triacastela e Sarria) deixaron de funcionar, así como a presenza de peregrinos, só de cando en vez ve "algún peregrino que vai ou vén de Santiago".

 

Ao día seguinte proseguiu o camiño, "e ese día por milagre non me perdín nun mestísimo bosque de castaños, menos mal que a tempo atopeime con dúas mulleres que levaban comestibles para vender a un certo pobo, e servíndome da súa guía, conducíronme ata Ligonde, porque dende alí elas fixeron outro camiño, e eu seguín o meu, e pola noite cheguei a un pobo grande chamado Melide... este é tamén un pobo levantado con pedra, onde había un conventucho de catro ou cinco freires dominicos, e obtiven unha esmola dunha certa sopa... e busquei pola noite un aloxamento nunha palloza por caridade". 

 

Pola mañá da seguinte xornada chega a San Marcos, "e non me foi posible atopar a ninguén que me dera aloxamento... aínda que fun casa por casa porque estaba chovendo... de maneira que vinme obrigado a facer de predicador por aquelas ruelas para que me aloxasen, e en efecto saíu un pobre home cunha candea na man e conduciume á súa palloza, que tamén este pobo era de palla, e tratoume ben, aínda que era o máis pobre daquel pobo, con seis fillos, que vivían en gran miseria, e eu dinlle todo o pan que buscara todo aquel día... e bicáronme mil veces as mans e os pés, e pasei a noite comodamente". 
 
Antes de entrar en Compostela, albisca os campanarios da catedral, "ao momento axeonlleime e biquei a terra mil veces, descalceime de todo, cantando a santa letanía, con présa avanzaba o pé cara a santa cidade, e ao chegar á porta non tiven máis preocupación que a de preguntar pola igrexa de Santiago e tendo chegado xa coa axuda do Santísimo, entrei precipitadamente e iluminóuseme o corazón e a mente, parecéndome ter entrado no ceo, que as pernas e o corpo enteiro tremíanme, a cabeza dábame voltas, os ollos miraban por eiquí e por alá para atopar a misteriosa capela do glorioso santo... axeonlleime, e co rostro no chan daba grazas... por terme feito digno de chegar a visitar felizamente o seu santuario, e xa non digo por protexerme coa súa graza en toda a miña viaxe sendo tan longa dende Nápoles a Compostela, de dúas mil setenta e oito millas durante un tempo de cinco meses e catorce días, e sendo unha viaxe tan terrible, que calquera home valeroso desesperara dende o día 11 de xuño que partín de Nápoles, na estación máis calorosa do ano, e en tempo de peste e guerra... e a molestia das tropas militares... pasando bosques, montañas e terribles chairas e solitarias con auga e vento soamente, fame, sede e mal durmir, que foron máis as noites que durmín no campo que as que durmín a cuberto...". Emocionado, Nicola Albani descrebe a catedral e o ritual dos peregrinos, salientando a afluencia de devotos de distintas nacionalidades. En torno á Porta Santa, escribe Albani cando a súa viaxe no 1745: "Quen pase seis veces durante seis días consecutivos baixo dita Porta Santa bicando os santos muros por un lado e outras seis veces polo outro, con verdadeira devoción e fe viva, recibirá perdón perpetuo".

 

Ata eiquí, esta resumida achega sobre as peregrinacións de Nicola Albani, un personaxe interesantísmo que nos legou un extraordinario manuscrito que nos amosa como eran Galicia e @s galeg@s da época, ademais da peregrinación no século XVIII.

Xosé Antón Lozano
Xabier Moure  


DOUS PRESIDENTES AMERICAMOS POR GALICIA E POLO CEBREIRO
 
O 13 de novembro de 1779 a fragata Le Sensible levanta áncoras no porto americano de Boston con destino a Europa. A bordo viaxa John Adams (1735-1826), un dos redactores da Declaración de Independencia dos Estados Unidos e futuro presidente entre 1797 e 1801. A súa misión, como representante do Congreso, era conseguir apoios dos países europeos na súa guerra contra Gran Bretaña e acadar, así, a independencia. Con el viñan, ademais de dous secretarios e dous criados, os seus fillos John Quincy (6º presidente dos Estados Unidos) e Charles, de 12 e 9 anos respectivamente. Dende xuño dese ano, España comprometérase con Francia en apoiar aos independentistas norteamericanos.
 
Pero a travesía estivo a punto de rematar cos viaxeiros de Le Sensible. Dous días despois da partida un "vendaval de vento moi violento" causou na fragata importantes danos e unha vía, o que obrigou á tripulación a bombear auga as 24 horas. O barco estaba a afundirse nas xélidas augas do Atlántico. O capitán, Chevalier de Chavagne, axiña se decatou de que o único xeito de salvarse era chegar a porto amigo. O 7 de decembro divisaron terra, un cabo chamado Fisterra que, segundo dicían, fora considerado durante séculos a fin do mundo. Un día despois, Le Sensible puido arribar, tocado, no porto de Ferrol. Pero a odisea non rematara. John Adams e os seus estaban atoados agora a centos de millas de París, o seu destino. Que facer? Só había dúas opcións: ou esperar a que repararan o barco, algo que podía levar meses, ou atravesar a Península ata Francia.

 

Neste artigo ímonos deter no Diary de John Adams durante a súa viaxe por terras galegas. Durante os días seguintes ao desembarco, Adams foi agasallado polas elites locais. A impaciencia por partir canto antes corroíao, pero había que cumprir. Escribiu: "Camiñei pola vila pero non hai nada que ver... moi poucos cabalos e aqueles, miserablemente pobres". Unha noite leváronno, a contragusto, a unha ópera italiana, "un entretemento aburrido".
 
Pero non todo foron queixas en Ferrol: "Almorcei chocolate que responde á fama que adquiriu no mundo". Na derradeira noite en Ferrol, nunha cea ofrecida polo cónsul francés, largoulle a un home chamado Linde, defensor do colonialismo: "España debería subirse ao tren da independencia para derrocar o seu propio rei antes de que fose demasiado tarde". O 14 de decembro, Adams e a súa comitiva partiron para a Coruña. Esa mesma noite foi invitado a cear polo Gobernador da provincia. Ante os comentarios de dous funcionarios sobre o seu apelido (dicían que en Galicia había familias moi antigas, ricas e nobres, de nome Adams, e que todas eran notables polo seu apego á letra ese ao final de Adán), insinuou que quizais se debera aos excelentes viños que correron na paparota (Borgoña, Burdeos, Champagne...).
 
Adams só teimaba en como chegar a París canto antes. O 16 de decembro tomou a decisión: "Todos me aconsellan ir a Francia por terra. A temporada, as estradas, os aloxamentos para viaxar son tan desfavorables que non se espera que poida chegar a París en menos de trinta días. Pero se tivese que esperar a fragata, probablemente sería moito máis". Mentres se realizaban os preparativos para a longa viaxe, Adams visitou "un antigo faro" (a Torre de Hércules). Antes da partida foi invitado a outro banquete ao que asistiu o "presidente do tribunal soberano do Reino de Galicia". Escribe: "Atrevinme a facerlle preguntas sobre a Inquisición. As súas respostas foron cautelosas".
 
Examianndo os mapas, Adams inclinábase por tomar o camiño máis directo a Bilbao, xa que discorría en liña recta a través da costa. Un guía e un intérprete explicáronlle que un cordal montañoso, case intransitable, estendíase en case toda a súa lonxitude ata o golfo de Biscaia. O itinerario que lle recomendaron foi unha famosa ruta que durante séculos se recorrera: o Camiño de Santiago, pero á inversa do feito polos peregrinos. Adams fala deste camiño e da súa historia, pero unha das súas maiores desilusións foi non poder visitar "St. Iago de Compostella".
 
Saíron da Coruña o 26 de decembro. "Á unha e media montamos nas nosas carruaxes e mulas e viaxamos ata Betanzos, a antiga capital do Reino de Galicia, e o lugar onde aínda se conservan arquivos". Malia todo, ao chegar á vila de Castillano (supoñemos que se trata da Castellana, en Aranga), escribiu que, por fin, puido durmir dun tirón.
 
Segundo o mapa do autor de Adam´s path through Spain and France, 1779-1780, baseado no diario e autobiografía de Adams, o percorrido continúa por Baamonde, Ravadan (Rábade), Lugo, Gallego (Galegos) e Sebrero (O Cebreiro), saíndo de Galicia cara Vilafranca do Bierzo. Nos días seguintes os viaxeiros expresarían a súa conmoción ante as condicións en que vivían a maioría dos habitantes: "A casa onde nos aloxamos é de pedra... Non hai piso senón chan, e non hai alfombra senón palla, pisada polos homes, cabalos, mulas... No mesmo piso cá cociña estaba a corte... Non había cheminea. O fume ascendeu e non atopou ningún outro sitio de paso... O fume encheu cada parte da cociña, a corte e outras partes da casa... As mulas, porcos, aves de curral e os habitantes humanos viven todos xuntos... O piso nunca fora lavado nin varrido por centos de anos". Eiquí Adams describe claramente unha palloza.

 

As "xoias" non deixan de saír da súa pluma: "O camiño era malo, montañoso e rochoso ata tal punto que era moi perigoso... Os camiños, os peores sen excepción que algunha vez se pasaron... parcelas escarpadas, apuntadas, rochas saídas". O camiño era moi duro, unha das calesas rompeu un eixe. Non observa máis que sinais de pobreza e miseria, agás as igrexas e catedrais "fermosas e ben coidadas", e os do clero, "ben alimentados", na súa maioría franciscanos e dominicanos que "non semellaban moi virtuosos". Pero fala ben da "carne de porco deste país, a máis excelente e deliciosa. O Presidente do Tribunal Supremo informoume que era máis gordo (o porco) polas castañas, e máis polo millo, que era mellor". Chámalle a atención a Xustiza: "A pena capital execútase aforcando ao reo. Algunhas veces quéimase ao reo, pero só despois da morte", e que despois o metan nun barril cunha víbora e un sapo, un gato e un can, e se tire o barril ao mar. "Neste caso, os animais estaban pintados no barril e o sentenciado fora posto xa morto nel".

 

Describe a baixada do Cebreiro o último día do ano, a estrada encaixada entre as escarpadas montañaas e o bo estado do Camiño Real. Cando o 17 de xaneiro de 1780 chegaron a "St. John de Luz", a primeira vila en Francia, manifesta alegría: "Nunca houbo un cativo fuxido da prisión máis deleitado ca eu", a pesar de que case todos estaban enfermos: "Todos nós en perigo de febre". Nos últimos 20 anos de "grandes dificultades, frío, choiva, neve, calor, falta de sono... nunca experimentara ningunha cousa coma este viaxe". Na súa viaxe por Galicia só se arrepentira de non ter esperado un barco para ir a Francia e de non visitar a catedral compostelá.
 
A comitiva chegou a París o 9 de febreiro. O primeiro xornal en falar da estadía de Adams en Galicia foi La Gaceta de Madrid do 24 de decembro de 1779.
Ata eiquí esta achega sobre un episodio, pouco coñecido, que fala da estadía dun presidente dos Estados Unidos (en realidade dous, tamén o seu fillo, John Quincy) en Galica e nos Ancares.


ATERRAXE FORZOSA EN VEIGA DE BRAÑAS
 
Segundo noticia aparecida en El Pueblo Gallego do días 26 de febreiro de 1978, o helicóptero no que viaxaba o ministro do Interior Rodolfo Martín Villa tivo que realizar unha aterraxe forzosa en Veiga de Brañas debido a unha avaría producida polo forte vento. 

 

O PAPORRUBIO
 
Cando chegaban as neves no inverno e cubrían o Cebreiro, as avoas, ao ver un paporrubio (Erithacus rubecula) dicíanlle aos cativos que estes paxariños viñan visitarnos para lembrannos que por moi cativo que sexas se levas o lume ben encendido no corazzón non hai frío que te conxele.
 

A PENA DA VERDADE
 
Xusto na divisoria entre O Cebreiro e Liñares, a 1.330 metros de altitude e a uns 100 metros do Camiño de Santiago. Segundo información achegada por Félix Brañas, chámase así porque separa os lindes dos montes comunais de Liñares e Coterces co da Lagoa de Tablas. Cando algún invadía o linde do outro monte dicía: "Pois imos mirar a Pena da Verdade".
 

Historias, lendas e tradicións do concello de Pedrafita do Cebreiro

© Colectivo Patrimonio dos Ancares