HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DO CONCELLO DE BECERREÁ

CONCELLO DE BECERREÁ

* As Covas de Valdavara. * As Covas de Furco. * A Cova dos Mouros. * Cova do Barreiro. * O dolmen da Pedra Cobertoira. * O marco de Vilouta. * O Castro de Cantiz e O Lago. * O Castro de Cantiz. * O Castro da Serra ou do Casar. * O Castro de Fontes. * O Castro de Donín. * Castros de Vilouta. * Castro de Vilar de Frades. * Castro de Eixibrón. * O Pico do Castro. * O Monte Medulio. * Nin zoelas en Becerreá, nin Desoncos nas Nogais. * O Monte do Pico. * A Furada dos Mouros. * A Mina dos Mouros. * O relevo de Vilarín. * O trasgo de Fontarón. * A Pena da Pascua., * A Pedra da Cabeza. * A Pena Quente. * A Pena Furada. * Unha historia real arredor da lareira. * O castelo de Pena Agüeira, existiu en realidade? * As Pontes de Gatín. * A Ponte de Cruzul. * A Fonte de Agüeira. * A Fonte do Inferno. * Un crime na Pena dos Mouros. * O mosteiro de Penamaior (Historias do Convento). * Capela do San Bieito de Agüeira. * A Ermida. * O Chao da Capilla. * O tesouro da capela do San Lourenzo. * A romaría do San Lourenzo. * Un mapa do ano 1790. * Selo do Concello de Becerreá (1876). *A millora. * Revolta campesiña. * Queimaron os "roxos" a igrexa de San Xoán de Becerreá no 1936? * Un cura en Fontarón: Don Pedro dos Cachos. * A Cadela, unha campá en Fontarón. * O cardenal Benjamín de Arriba y Castro. * As campás da igrexa de San Xoán de Becerreá. * O campanario de Cruzul. * O reloxo do Concello de Becerreá. * Rituais sobre a morte. * As Candeas (Becerreá), unha festa pagá. * As Festas do Santo. * O roubo do peto do Ecce Homo do Carballín. * As Festas das Ánimas de Ouselle. * Os arresponsadores e as arresponsadoras. * O milagre de Xan Troula. * O Cereixal. * O topónimo Becerreá. * Ferreirós de Valboa. * A maldición do soldado francés. * O vendedor de biblias, George Borrow, por Becerreá. * De Becerreá ou Mondoñedo, de onde era que disparou contra Alfonso XIII. * Envelenamento de vinte persoas en Becerreá. * Fuco Gómez. * O asasinato do Castellano. * Eclipse de sol en Becerreá. * Eclipse coa lúa de sangue. * A predicción do tempo. * Unha cruz de Horta (Becerreá) levada para Santa Cruz do Picato (Baralla). * Excursión á Coruña. * O Gran Cinema de Becerreá. * As calizas nos Ancares. * Ovnis no ceo de Becerreá. * Historia das feiras en Becerreá. * El Monitor de Becerreá. * Becerreá: O tren que nunca chegou    


AS COVAS DE VALDAVARA
 
Nas covas de Valdavara, onde se teñen documentado abundantes pezas do Paleolítico, a escritora Helena Villar Janeiro contounos que na entrada dalgunha destas covas escondíase temporalmente un zapateiro perseguido polos falanxistas, que vivía na Casa de Valdavara, que logrou salvar a vida polas súas destrezas na escapatoria. 

 


AS COVAS DE FURCO
 
Dise que no seu interior había tesouros ocultos, de onde saíron varios obxectos metálicos, entre eles unhas campás. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 

 
A COVA DOS MOUROS
  
Situada preto do castro de Vilar de Ousón. A galería, de cronoloxía descoñecida, ten un metro de ancho por dous de alto; interrómpese despois duns vinte metros debido aos cascallos, provenientes dun derrube, que impide continuar. Pouco sabemos desta cova. Dise que durante a Guerra da Independencia foi utilizada polos guerrilleiros galegos que loitaban contra as tropas napoleónicas, e que despois da Guerra Civil foi usada polos guerrilleiros antifranquistas. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 

 
COVA DO BARREIRO
 
Situada no monte do Barreiro, na parroquia de Liber. Segundo nos contou un veciño que na actualidade vive en Becerreá, cando era mozo acostumaban tirar unha pedra dentro da cova porque resoaba. Disque nela vivían os mouros. Unha vez caeu na cova unha pita que foi aparecer, despois de pasar baixo o río Navia, en Liber. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O DOLMEN DA PEDRA COBERTOIRA
 
Contan que a enorme tampa de pedra que cubre a anta da Pedra Cobertoira, situada na aldea de Vilouta de Abaixo, nas abas da serra do Pico, foi levada alí por unha moura que a trasladou sobre a súa cabeza. Como "dolmen de Vilonta" aparece citado na Revista Galicia no ano 1935. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O MARCO DE VILOUTA
 
Situado entre as aldeas de Vilouta de Arriba e de Vilouta de Abaixo. Quizais actuou como marco divisorio entre ambas as dúas aldeas que pertencían ao mosteiro cisterciense de Penamaior. Na actualidade atópase tirado á beira dun regato, mais, ao parecer, no mesmo lugar onde estaba chantado. A lenda di que o puxo alí unha moura e que os mouros que habitaban no túnel que comunica os castros de Vilouta de Abaixo e de Vilouta de Arriba utilizábano para amarrar os cabalos. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CASTRO DE CANTIZ E O LAGO
 
A aldea do Lago, en Becerreá, tomou o nome dun gran lago que había no lugar. Agora nada queda do lago. A señora Carmen, de Sarceada, escoitou dicir aos seus antepasados que foran os mouros que habitaban no castro de Cantiz quen levaron a auga. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 
O CASTRO DE CANTIZ
  
Non hai moitos anos uns furtivos sacaron á luz varias moedas utilizando un detector de metais. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O CASTRO DA SERRA OU DO CASAR
 
No castro hai soterrada unha Virxe de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CASTRO DE FONTES
 
Ao arar a terra saíu á luz unha ola con po de prata. Unha veciña de Vilameixe, en Baralla, díxonos que tamén había agochado un carro de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CASTRO DE DONÍN
 
O propietario dunha casa que había no castro, e da que aínda se conservan parte dos muros, escavou en varios puntos do xacemento porque había soterrado un tesouro. Que se saiba nunca o atopou. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


CASTROS DE VILOUTA DE ABAIXO E DE VILOUTA DE ARRIBA
 
Un veciño de Vilameixe, no concello de Baralla, contounos que no castro de Vilouta de Arriba hai xente que viu a unha vella fiando e que cando se achegaban a ela desaparecía. Tamén se di que hai unha cova que comunica co castro de Vilouta de Abaixo onde os mouros custodiaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


CASTRO DE VILAR DE FRADES
 
Cóntase que se se ara o castro con dous bois xemelgos atópase un xugo de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


CASTRO DE EIXIBRÓN
 
Da croa saía unha cheminea que daba a unha cova que agochaba un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O PICO DO CASTRO
 
Un veciño de Agüeira contounos que no monte do Pico, onde se ergue un castro, os seus primeiros moradores, os mouros, tirábanlle pedras a quen tentara atacalos. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  


O MONTE MEDULIO
 
No xornal El Pueblo Gallego do 14 de agosto de 1935, nun pequeno artigo que fala do mal estado de conservación da igrexa e dos restos do mosteiro cisterciense de Panamaior, chámanos a atención un parágrafo que fala do derradiero bastión galaico contra os romanos: "El viejo monasterio de Penamayor, emplazado en las estribaciones de la montaña que le da nombre, y en la que algunos historiadores localizan el fabuloso Monte Medulio...". É a primeira noticia que temos sobre a ubicación do lendario Medulio nestas terras. 

 


NIN ZOELAS EN BECERREÁ, NIN DESONCOS NAS NOGAIS
 
Resulta bastante frecuente atoparnos con referencias á parroquia de Ouselle, no concello de Becerreá, como a capital do antigo pobo dos Zoelas (Zoelae en latín), a Ocellum Gallaicorum da Xeografía de Ptolomeo (100-170 d.C.), famosos polo liño que cultivaban e que era moi apreciado en Roma, empregado tanto para a confección de pezas de vestir como para curar feridas. Reforzan esta hipótese coa existencia no municipio do topónimo Liñares, feble exemplo se temos en conta que Liñar, Liñares, Liñariños, etc. témolos por toda a xeografía galega. O mesmo acontece cos Desoncos, unha gens dos zoelas, que algúns, sen base etimolóxica nin arqueolóxica algunha, e só pola fonética (sóalles ben na orella), lévannos para Doncos, no concello das Nogais. Para desenlear o nobelo, nada mellor que unha epígrafe aparecida en Asturica (Astorga).

 

Trátase da coñecida como Táboa de Hospitalidade de Astorga ou Pacto dos Zoelas, dúas inscricións xurídicas reflectidas no mesmo documento en datas distintas, inseridas nunha mesma prancha de bronce de 32 x 24 cm, coroada por un frontón triangular en cuxo interior aparece a data consular. O orixinal atópase no Staaliche Museem de Berlín e unha reprodución no Museo Romano de Astorga. As primeiras referencias que se teñen son as do Corpus Inscriptionum Latinarum (1869), onde indica que procede "de los confines astorganos donde fue llevada a Madrid, antes de mediar el siglo XVII; de Madrid, donde la poseía D. Lorenzo Ramírez de Prado, llevola a Roma Camilo Máximo, patriarca de Jerusalén y allí estuvo en el Museo de Bellorio, hasta que pasó al Real Museo de Berlín, donde se conserva". 
 
A primeira das inscricións, suscrita no ano 27 d.C., renova un pacto de hospitalidade acordado entre os Desonci/Desoncos e os Tridiavi/Tridiavos, dúas gentilitas do pobo dos Zoelas: "Sendo cónsules Marco Licinio Craso e Lucio Calpurnio Pisón, o 4 das kalendas de maio, a gentilitas dos Desoncos, da gens dos Zoelas, e a gentilitas dos Tridiavos, da mesma gens dos Zoelas, renovaron o seu antigo e vetusto pacto de hospitalidade e todos eles, os uns aos outros, recibíronse na súa fe e clientela e na dos seus fillos e descendentes. Actuaron: Arausa, fillo de Blaceno; Turanio, fillo de Clouto; Dacio, fillo de Elaeso; Magilo, fillo de Clouto; Bodecio, fillo de Burralo; Elaeso, fillo de Clutano, por medio de Avieno, fillo de Pontilo, maxistrado dos Zoelas, feito en Curunda". Na segunda inscrición, do ano 152 d.C., lese: "O 5 dos idus de xullo do ano en que foron cónsules Blabrión e Hómulo a mesma gentilitas dos Desoncos e a gentilitas dos Tridiavos recibiron na mesma clientela e na mesma alianza a Sempronio Perpetuo Orniaco, da gens dos Avolgigoros, a Antonio Arquio da gens dos Visáligos, a Flavio Frontón Zoelas, da gens dos Cabruagénigos. Actuaron: Lucio Domicio Silo e Lucio Flavio Severo, en Asturica".    
 
Resulta chamativo que este pacto se realice entre dúas partes, a dos Desoncos e a dos Tridiavos, pertencentes á mesma comunidade, os Zoelae, que se comprometen entre si a un acordo, o que deu pé a supoñer que aínda non se comezara a aplicar o esquema administrativo romano con base na Civitas. A segunda inscrición correspóndese co acto de renovación do dito pacto, feito que ten lugar nun ambiente máis romanizado, como así o testemuñan os elementos da onomástica que definen aos interesados que son os mesmos que no caso anterior e que agora actúan en conxunto e realizan pacto con tres individuos concretos, un da gens dos Orniacos e outros dous dos Zoelae. Este pacto non se trata dun acordo entre o poder de Roma e un pobo indíxena, senón que establece un acto de clientela entre gentilitates do Conventus Asturum, ratificado en Asturica Augusta.   
 
Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança, en Portugal (son mencionados no castro de Avelães), tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e Miranda do Douro. A súa capital, Curunda, onde se asinaron os pactos, estaría entre Bragança e a provincia de Zamora, cuxa área de actuación se ubicaba no Conventus Asturum, con capital en Asturica Augusta (Astorga). Curunda podería ser a citada nunha inscrición atopada nun castro preto de Rabanales de Alcañices (Zamora), e outra en Astorga, lugar onde se atopou a tábula. 

 
Ocellum é un nome prerromano, co significado de cume, monte escarpado, outeiro que, ademais de como topónimo, funciona como epíteto, en ocasións acompañando a unha divindade indíxena como Arentius Ocalaecus ou Arentia Ocelaecca, como acontece coa ara adicada ao Lar Ocaelaego atopada en Vilariño (Sarreaus) e custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense, unha testemuña do sincretismo entre a relixión autóctona (Ocaelaego) e romana (aos Lares) en Galicia, terra onde abundan os topónimos rematados en -ozelo, -ouselle, -oselo... (Arcucelos, Fragoselo, Nocelo, Ouselle...). Ademais do Ocellum Gallaicorum citado por Ptolomeo, o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217) e o Anónimo de Rávena (do século VII, que manexou documentación de séculos anteriores) citan un Ocellum Duri ou Octoduron, identificado durante moito tempo, non sen polémica, coa cidade de Zamora, un poboado vetón documentado por Estrabón (64 a.C.-19/25 d.C.) no Libro III da súa Xeografía, e por Plinio o Vello (23-79 d.C.) que o describe na súa Naturalis Historia. Posteriormente apareceron outras posibles ubicacións dentro da provincia de Zamora, como Almaraz de Duero e Villalazán. No Itinerario de Antonino menciónase unha calzada dividida en dous tramos: o de Augusta Emerita (Mérida) e Caesaraugusta (Zaragoza) e de Asturica Augusta (Astorga) e Caesaraugusta (Zaragoza). Na punta de intersección das dúas vías atoparíase Oceloduri. Octo- é un deus celta, pero hai autores que opinan que o prefixo ocelo- significa, como apuntamos máis arriba, monte escarpado, outeiro, que tamén se atopa na toponimia. Por outra parte, a palabra Ocelus empregábase como teonimia de Marte en Xermania e na Bretaña. A denominación posterior oceloduri, proveniente de octoduron, é unha corrupción que transforma octo- por ocelo-, co sufixo (durum) que aparece en varios topónimos ao longo dos pobos prerromanos de Europa e que podería significar "forte no promontorio".

 

 

Se ben é certo que en Ouselle está o castro da Croa, a identificación da parroquia con Ocellum débese, unicamente, ao topónimo. O licenciado Molina, na súa Descripción del Reino de Galicia... (1550), tamén di que o lugar onde asenta o castelo de Monterrei é de época romana, chamándoo Ocelum. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un vaso de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito coa inscrición: "Copiam [.] vriflavienses salvtem ocelae felicieter", que podemos traducir como "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela", o que, segundo algúns investigadores, levarían a Ocellum Gallaicorum para o citado castro; a capitalidade dos buroflavienses identíficase coa Pobra do Burón (A Fonsagrada).

 

 

Por outra parte, García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que hai quen identifican aos Desoncos co Doncos das Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas (así o demostra o Pacto citado), mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Pero este mesmo autor, tamén de forma errada, lévaos para Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei.   
 
A comarca actual dos Ancares estaría habitada polos Seurros Transminienses (para uns unha subdivisión interna dos Seurros, e para outros un pobo distinto), cos núcleos urbanos de Aquae Quintiae (Baños de Guntín) e quizais Timalinus (Baralla), e polos Susarros que ocuparían as montañas do Courel e do Cebreiro, con capital no Castellum Alobrigiaeco (tabulae do Courel). Polo norte terían como veciños aos Egovarros Namarinos que habitarían no Val do Masma e na Serra de Meira, polo sur aos Lemavos cuxa capital, Dactonium, ergueríase, probablemente, no monte de San Vicente do Pino, en Monforte, e polo oeste os Cóporos aos que Ptolomeo lles asigna as localidades de Iria Flavia e Lucus Augusti, que abranguerían, polo tanto, un amplo territorio. Os Seurri son mencionados por Ptolomeo (non deben confundirse co populus galaico dos Seurbi, mencionados por Plinio, pertencentes ao conventus bracarensis), e así constan nas testemuñas epigráficas: "Reburrus Ari Seurus (castello) Narelia" (Hübner, 1869), "Tridiae Modesti f(iliae) Seurr(a)e Transm(iniensi) exs (castello) Serante" (Année Epigraphique), "Q(uintius) Varius Reburri f(ilius) Maternus Seurrus Transmini(ensis)" (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979), "Flaci interciso Seuroru(m) [?]itc Susicus" (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979). 


Segundo E. R. Luján, no seu Pueblos celtas y no celtas de la Galicia Antigua: Fuentes literarias frente a fuentes epigráficas, a etimoloxía do etnónimo Seurri é escura, mais presenta un sufixo -u(r)rus que se atopa nun conxunto de etnónimos da Galicia occidental e Asturias; di que non semella que poida tratarse dunha formación celta.   
 
Canto aos Susarros, aparecen citados en varias epígrafes, ao que hai que sumar, segundo Correa (2002), a lenda Susarros/Susarres que se atopa en moedas visigodas coa lenda Arros/Arres [...] castellanos Paemeiobrigenses ex gente susarrorum [...] (Aannée Epigraphique), Tillegus Ambati f(ilius) Susarrus (castello) Aiobrigiaeco et Clotus Clutami f(ilius)... Susarru(s) domo Curunniace (Hübner, 1869). O citado Luján di que non resulta posible establecer a etimoloxía do etnónimo, aínda que eiquí semella de raigame celta.  


O MONTE DO PICO
 
Na Revista Galicia do ano 1935 dise que dende a Pena do Pico, en días claros, pódese ver Santiago de Compostela.   


A FURADA DOS MOUROS
 
Chaman así a un lugar situado no castro de Sevane onde os mouros agochaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


A MINA DOS MOUROS
 
Situada na aldea de Casares, parroquia de Vilaiz. Unhas veciñas contáronnos que de nenas entraban con fachos acesos na longa gruta, abeirada ao principio por dúas "camas" de pedra onde durmían os mouros que custodiaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).      

 
O RELEVO DE VILARÍN
 
Vilarín é unha finca situada na parroquia de Ouselle. Trátase dun relevo en granito no que se representa un touro, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. A peza foi reutilizada na construción do forno dunha olería, datada no século III d. C., aínda que o relevo parece de finais do século I ou da primeira metade do século II d. C. Crese que formaría parte dun friso de posible carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra. 

 


O TRASGO DE FONTARÓN  
Nalgunhas partes de Cervantes e de Navia de Suarna, ese demo invisible, menos maligno ca o diaño, que se caracteriza por facer trasnadas, recibe o nome de Busgoso, Choco ou Trasno (do latín trans gradi, transgredir, cometer unha infracción). En Fontarón (Becerreá) tamén se coñece como Trasgo. Este Trasgo adoita transmutarse en pedra, árbore, etc. Nunha ocasión, un home levaba baixo o brazo un toro de carballo para a lareira. Mais, a medida que avanzaba polo camiño, o toro aumentaba de peso. Xa ao límite das súas forzas, conseguíu chegar á casa. Respirou aliviado. Pero cando ía metelo na lareira, estourou o toro, reducíndose a cinsas. Fora o Trasgo. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).


A PENA DA PASCUA
 
Situada na parroquia de Vilouta, non moi lonxe do dolmen da Pedra Cobertoira. No lugar xantaban os pegureiros que coidaban das ovellas na Serra do Pico. Na pena hai unha especie de banzo onde se xuntaban os mouros. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
 

A PEDRA DA CABEZA
 
Atópase entre Pedrelada e Regochao, na parroquia de Fontarón. Trátase dunha gran pena que recibe o nome pola forma que pode semellar unha enorme cabeza. A principios do século XX dise que se xuntaron 40 homes da parroquia para derrubala, utilizando para elo pancas de ferro e cordas tiradas por bois. Pero, por moito que porfiaron, non foron capaces de mover a pena. Sobre os anos setenta do pasado século, un grupo de mozos da parroquia tentáronno de novo, pero nesta ocasión utilizando un cartucho de dinamita. Pero nin así. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 

 
A PENA QUENTE 
 
Situada a carón da estrada que vai a Louxas, pouco antes de chegar ao Lago. Contounos o señor Gerardo "O Minero", un home ao que só lle quedan algúns meses para chegar aos cen anos pero que os leva que non vexas, que recibe o nome porque, ao contrario do que pode parecer, era o lugar máis frío da zona. Desapareceu case na súa totalidade ao ampliar a estrada. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


A PENA FURADA
  
Recibe o nome unha pena situada nun monte do Lago (Fontarón). Caracterízase por posuír un enorme furado que semella unha ponte. Segundo a lenda foi o demo quen, encabuxado por non se sabe que causa, a furou dunha puñada. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


UNHA HISTORIA REAL ARREDOR DA LAREIRA 
 
Nas longas noites de inverno, o bisavó do noso informante pasaba as horas diante da lareira. Falaba do traballo, contaba historias... En fin, sempre tiña algo do que falar. Un día houbo que facer reformas na casa. O primeiro foi poñer unha cociña de ferro (económica, lle chamaban), mais mantiveron a lareira. Noite tras noite, o bisavó continuou a sentarse a carón da lareira. Falaba menos, si, a muller e os fillos preferían a comodidade da económica (menos fume, cómoda para cociñar...), pero para ser feliz chegáballe con escoitar as súas risas, e sentir e mirar para o lume da lareira. Pero chegou un día en que aumentou a familia e había que ampliar a casa para facer dous dormitorios. O cuarto que acollía a lareira foi o sacrificado. Dende aquelas, o bisavó, con cada día que morría, morría unha parte del mesmo. Foise en pouco máis dun mes. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 
 


O CASTELO DE PENA AGÜEIRA, EXISTIU EN REALIDADE?

Hai quen di que na Valiña, na parroquia de Agüeira (Becerreá), houbo un castelo que foi destruído polos Irmandiños durante a Gran Guerra contra a opresión dos grandes señores acontecida entre os anos 1467 e 1469. Unha das fontes documentamis máis importantes para coñecer o conflito é o Preito Tavera-Fonseca, unha arbitraxe entre o arcebispo de Santiago e logo de Toledo, Alonso III de Fonseca (1475-1534), e o seu sucesor Juan Pardo de Tavera (1472-1545). Pouco despois de chegar ao cargo, Pardo de Tavera reclamou a Fonseca dez millóns de maravedises polos danos sufridos nas fortalezas pertencentes á Mitra que o primeiro non reconstruíra.


Da ficha de Patrimonio da Xunta de Galicia, aberta a mediados dos anos noventa, nada se saca en limpo polo que se deduce que o sitio nunca foi visitado. Descoñecemos quen foi o primeiro en citar esta fortaleza na Valiña, en ningún traballo sobre a Revolución Irmandiña atopamos referencias, só unha breve e imprecisa reseña nun xornal histórico. Canto á tradición oral é inexistente, só algunhas persoas consultadas escoitaron falar deste suposto castelo, pero en épocas recentes.

Cremos que a confusión vén pola mala lectura do nome, ao confundir Agüeira con Aguieira. O citado preito fala dunhas 100 fortalezas destruídas polos Irmandiños, entre outras a de Pena Aguieira, coñecida tamén como Torre do Mariscal, situada no concello do Páramo. Ao pertencer ao señorío dos Ribadeneira e non á Mitra, non é obxecto de interese polos preiteantes, pero tamén serán importantes as testemuñas referidas a estes casos. Así sabemos que os Irmandiños derrubaron as nove torres da fortaleza de Sarria, dos Osorio, que logo foi reedificada, e o castelo de Pena Aguieira que permaneceu destruído. O escudeiro lugués Afonso do Campo confesa que estivo no cerco que a Irmandade tivo contra Pena Aguieira, coincidindo coas testemuñas de Ares de Rigueira, Afonso Ferreiro, Lopo do Outeiro, Fernán López de Betote e Gómez Paz. O campesiño Lope de San Silvestre, vasalo do mosteiro de Samos que participou no ataque, di que a Irmandade atacou a fortaleza de Sarria "e que derrocaran della toda la cerca derredor", e que despois o conde de Trastamara "biniera con mucha gente a la villa de Sarria e comezara a corregir la dicha fortaleza que dezian era suya e despues el dho conde de Trastamara fuera con la dicha gente contra otra fortaleza que se dice la Pena Aguieira e la combatiera y derrocara por el pie porque el dicho testigo se la vio derrocar e que despues se tornara a Sarria a donde dice que se murió e que lo llebaron a Astorga". O citado Lopo do Outeiro, vasalo do señor de Pena Aguieira, deixa claro que os límites entre un e outro dominio están demasiado próximos, un cuarto de legua, o que explica que o derrubamento das fortalezas de Sarria e Pena Aguieira coincidan no tempo.

Ao contrario do que acontece na Valiña de Becerreá, onde non se coñecen restos de ningún tipo, na Pena Aguieira do Páramo documentáronse restos da estrutura central da fortificación e entalladduras nas rochas onde se apoiaban as estruturas de madeira, ademais de obxectos cerámicos, metálicos e unha bóla lítica incrustada nunha viga carbonizada que corresponde a un proxectil.



AS PONTES DE GATÍN
  
A ponte das Pontes de Gatín sitúase na aldea do mesmo nome, no concello de Becerreá. Salva o río Navia. Posúe dúas bóvedas de lousa, unha, tirando a circular, de 15,90 metros de luz, e outra máis pequena na marxe dereita de 4,35 metros de luz que actúa como desaugadoiro durante as enchentas. Ten unha anchura media de 3,80 metros, reducíndose na parte central a 2,70 metros. No medio hai un miliario romano, reutilizado en tempos de Carlos III, que ten gravadas cruces e unha inscrición moderna. Nas inmediacións das Pontes de Gatín apareceron muíños circulares, tres moedas, tégulas e anacos cerámicos de clara filiación romana. Eiquí estaba a mansión romana de Pons Neviae, citada no Itinerario de Antonino, situada a carón da Vía romana XIX que, procedente de Asturica Augusta (Astorga) comunicaba con Lucus Augusti (Lugo). Desta importante infraestrutura consérvanse bos tramos en Ransinde e A Braña (O Bierzo), e O Comeal (Cervantes).

 

Pero, quen construíu a ponte? A razón dinos que persoas humanas, pero xa se sabe que eiquí en Galicia...    
 
Cóntase que nunha ocasión un forte temporal asolou a comarca, provocando unha nunca vista enchenta do Navia, ata o punto de facer imposible atravesar o río. Unha muller que tiña que pasar urxentemente ao outro lado para que unha curandeira (hai quen fala dunha bruxa que habitaba na Cova da Moura, que existe) sandara ao seu fillo que padecía unhas altísimas febres, achegouse ata a ribeira para suplicar axuda ao Todopoderoso, mais quen se lle apareceu non foi outro que o mesmo diaño quen, sempre disposto a "axudar", lle preguntou que lle daría a cambio de asegurarlle o paso cara a outra ourela. A muller, disposta a dálo todo para salvar a vida do seu fillo, respondeulle que o que lle pidise. O diaño construíu a ponte, pero a muller tivo que entregarlle a súa alma. 
 
Pero hai outra versión que di que un mozo, que vivía na marxe esquerda do río, estaba namorado dunha rapaza que vivía na marxe oposta. Como non había maneira de cruzar o río para estar xuntos, fixeron un pauto co demo a cambio de que este lles construíra unha ponte para poder disfrutar do seu amor. O diaño, a cambio, díxolles que lle tiñan que entregar o primeiro ser vivo que nacera na casa da parella. Celebrouse a voda e a moza quedou embarazada ao pouco tempo. Mentres, o diaño facía o imposible para que non nacera ningún animal para así asegurarse que o primeiro ser vivo nacido na casa fora o neno que esperaban. Co que non contou o demo foi coa palleira anexa á vivenda. O destino quixo que nela nacera unha camada de gatiños (daí o nome de Gatín). Entón, o home colleu o primeiro gatiño nacido (hai quen di que era negro) e levoullo ao diaño ata a ponte onde llo entregou, burlando deste xeito o fatal destino que lles tiña preparado.  


A PONTE DE CRUZUL
 
Foi construída no século XVIII. Proxectada polo enxeñeiro francés Lemaur no ano 1773, ten noventa e catro metros de lonxitude, con tres arcos de medio punto. Durante a Guerra da Independencia, as xentes do lugar apoderáronse de máis dun milleiro de fusís que os soldados franceses agochaban xunto a ponte. Dise que foi voada para empecer o paso das tropas napoleónicas, mais iso só é unha lenda. Cóntase que cando a raíña Isabel II se enterou do custo da ponte, asomouse ao balcón do seu palacio en Madrid e, mirando cara a serra de Guadarrama, asombrouse de non ver dende alí tan custosa obra.

 

 
A FONTE DE AGÜEIRA
 
Ata non hai moitos anos era utilizada polos veciños como indicador meteorolóxico xa que, segundo vaia a ser o tempo, as súas augas adquiren unha ou outra cor.    


A FONTE DO INFERNO 
Preto de Becerreá, na estrada que leva ata Saa, nas inmediacións dun lavadoiro, discorre un pequeno regueiro que nace na serra da Pena do Pico. Neste punto coñécese como A Fonte do Inferno. O nome débese a que durante a Guerra Civil os falanxistas levaban eiquí aos que apreixaban para “darlles o tiro de graza”. Antes de asasinalos, espetábanlle: “Hablad todo lo que tengais que hablar”. Ao que contestaban: “Matarédesnos, pero vos tamén caeredes”. Na paraxe da Moura, tamén moi preto de Becerreá, os falanxistas despoxaban dos cartos á xente que viña da feira despois de vender os produtos do campo, xatos, becerros, porcos... Era tal a impunidade coa que actuaban que un garda civil que lles fixo fronte foi asasinado polos fascistas. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).


UN CRIME NA PENA DOS MOUROS 
 
Foi a finais dos anos trinta ou comezos do corenta do pasado século XX. O suceso aconteceu xunto a Pena dos Mouros, situada ao pasar a aldea do Lago, na parroquia de Fontarón, pero xa en terras de Vilamane. Un mozo, acompañado da súa noiva, regresaban á aldea despois de pasar o día na feira de Becerreá para vender uns produtos da horta. Era á atardecida dun frío inverno. Collidos da man, alixeiraron o paso, a noite non tardaría en caer. E por riba comezaba a nevar. Respiraron aliviados cando non moi lonxe albiscaron o fume que saía das chemineas. Pero pouco durou o gozo, detrás da coñecida como A Pena dos Mouros apareceron uns bandidos. O que era o xefe, acercouse ao mozo e colleulle unha estilográfica á que lle tiña grande estima e que levaba, oufano, no peto da chaqueta. O mozo, forte e con sona de non terlle medo a ninguén, avalanzouse sobre o asaltante. Mais, non chegou a alcanzalo, unha bala disparada por un dos sicarios acabou coa súa vida. Días máis tarde sóubose por boca da moza, que conseguira fuxir, que os salteadores pertencían a unha coñecida banda do Cereixal. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 
   
 
O MOSTEIRO DE PENAMAIOR (HISTORIAS DO CONVENTO)
Conta Vázquez Saco no ano 1947 que o pouco que se escribiu sobre o mosteiro de Santa María de Penamaior, erixido nas abas da Serra do Pico, en Becerreá, é a veces confuso e contraditorio. O lugar coñécese aínda hoxe en día como O Convento por onde tamén discorre o rego do mesmo nome. Sobre a data de fundación existen varias opinións, créndose que no sitio houbo outro cenobio bieito anterior ao cisterciense. Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo no século XIX, inclúese unha reseña dun monxe anónimo de Penamaior que di que en tempos de Vermudo II O Gotoso, cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, instalándose onde logo se levantou o mosteiro. Continúa o anómimo monxe que "es muy probable y no poco fundado en privilegios y otras escrituras del archivo del monasterio de Samos, que este monasterio de Panamayor fue aquel célebre monasterio de la Peña, cuyo abad D. Virila dio monjes y libros para repoblar y restablecer el monasterio de Samos, que se hallaba desierto y abandonado, reinando D. Orodoño II". A fundación, segundo o informante, tivo por fin "recivir a diferentes peregrinos y enfermos que pasavan al Sr. San Tiago". Suponse que este Virila é o mesmo que figura nun documento do ano 919 relacionado coa fundación do mosteiro de San Pedro de Triacastela. Villa-Amil y Castro cita unha doazón que no ano 1171 fixo o conde Gómez á abadía de Carracedo, de cuxo outorgamento foi testemuña "Petrus Calvus, prior de Panamaior". Ángel del Castillo data a fundación no ano 1187, rectificando ao cronista bieito P. Yepes que a traslada ao ano 1225. Malia o anterior, no ano 1183 o papa Lucio III confírmalle ao mosteiro de Carracedo "Pennam Maiorem cun suis pertientiis". E no 1188 Urraca González fai unha doazón a "Beate Marie de Penna Maiore, que cenobio Carrazedi pertinere vidatur, et in manum donni Michaelis de Deu...". 

 

No Archivo Histórico Nacional gárdanse 493 pergameos (o máis antigo é do ano 1161), practicamente inéditos, pois só se coñecen os dous de Afonso VIII (goberna co título de "rex Legionis e Galletie"; a falseada historiografía considérao como rei de Castela, denominándoo Alfonso IX) e algún outro solto, ademais dos utilizados por Villa-Amil y Castro. Un dos diplomas, moi maltratado e defectuoso, foi dado en Vilafranca do Bierzo no ano 1223, atopándose incluído na confirmación que do mesmo fixo o rei Fernando III. O mosteiro foi favorecido por Afonso VIII segundo consta nun documento, dado tamén en Vilafranca o 30 de abril de 1227, en que doa a Penamaior o couto e igrexa do Salvador de Furco, doazón confirmada por Fernando III e Afonso X en privilexios dados en Allariz no 1232 e en Palencia no 1255. Chegou a reunir a finais do século XIII numerosas propiedades, mesmo o abade tiña ao seu servizo dous "escudeyros do abade" que se chamaban García Pérez e Miguel Pérez (Villa-Amil y Castro na Ilustración Gallega y Asturiana, 1880, baixo o título Cuatro noticias sueltas del antiguo monasterio cisterciense de Penamayor).

Volvendo a botar man de Vázquez Saco, di que tamén estaban sen aproveitar os fondos que hai anos posuía Estanislao Pinacho: un libro becerro do século XVIII e máis de cen escrituras, conservándose, ademais, interesantes noticias nos fondos de Carracedo do Bierzo.

 

Nun documento do ano 1260, catorce persoas recoñecen que cometeron tropelías nos bens do cenobio e por elo renuncian á demanda e reclamacións que tiñan contra os monxes: "Pro malafactoria quam omnes fecimos donno abbate e conventu Penne Maiori violenter et dannose intrando et fragendo cautum suum renunciamus voci quam nos putabamus et demande quam iniuste faciebamus. Tali conditione firmantes tu nunquam nos de predicta factoria demandent".

No ano 1268, o Adiantado Maior de Galicia dita unha sentenza sobre a exacción do tributo da moeda no couto de Penamaior.


Un documento do ano 1262 fala de que os monxes recibiron en doazón un viñedo en Millaradello, lugar próximo a Vilafranca do Bierzo, para o seu consumo e celebración litúrxica. Dise que era o único mosteiro que non dependía directamente da abadía francesa do Císter. Das antigas dependenzas só quedan algunhas piastras que daban ao claustro, as súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións.

O desaparecido cenobio foi fundado, entón, por monxes cistercienses proveniente do Bierzo que o habitaron ata a Desamortización do ministro Mendizábal no ano 1835. O abade de Carracedo manda a uns monxes baixo o mando dun prior para que erixan unha casa e oratorio coa finalidade de atender aos peregrinos que ían cara Compostela, xa que por aquí pasaba unha derivación do Camiño de Santiago, documentada polo monxe alsaciano Künig de Vach no ano 1495, escollendo "unha das profundas barrancadas que cortan as ásperas serras polas que penetraba o camiño francés en Galicia" (Torres Balbás, 1954). Canda eles traen unha imaxe da Virxe de Abarcas e un relicario que garda un Lignum Crucis. Os seus dominios extendíanse por áreas de Baleira, vales de Neira de Rei e Neira de Xusá (Baralla), Becerreá e A Terra Chá. Penamaior perdeu a dignidade abacial no 1505 cando foi integrado na Congregación de Castela, quedando unido a San Salvador de Salamanca. Sábese que no ano 1584 só contaba con catro monxes, e sete no 1803.

Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII, reformada no século XVII, que está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC). De planta basilical, conta con tres naves rematadas por tres ábsidas, a central hexagonal e semicirculares as laterais. A portada está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre a que figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrense un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. No tímpano hai un círculo onde aparece unha cruz e a data de 1177; o nome de Didacus, posible construtor, e a inscrición ERA MCC IV I (ano 1162). Complétase cun león rampante, unha árbore con aves e un xinete con lanza e escudo ao que segue outro cabalo.


Nun aleiro do templo hai dous canzorros que segundo a crenza popular representan a Sede e a Fame.

 

Segundo a tradición, aquí tamén estiveron os cabaleiros do Temple, a famosa orde monástico-militar. Non moi lonxe do mosteiro, a menos de 1,5 quilómetros, por riba da aldea de Vilarín (non confundir coa finca Vilarín, na parroquia de Ouselle, onde apareceu un relevo do século I ou II d.C.), atópase a Pena do Castelo onde se di había unha torre dende onde os templarios vixiaban a contorna para protexer aos peregrinos a Santiago.

 

Cóntase que cando a restauración do templo atoparon unha mazmorra onde había un sistema para torturar aos presos polo método da goteira, que ben suxeitos por un mecanismo para que non se puideran mover, sobre a súa cabeza caía unha gota de forma intermitente que lle perforaba a tapa do cranio e lle podrecía os miolos.

 

Xunto a igrexa érguese a coñecida como A Cruz de Ferro (hoxe en día de madeira). Disque pola noite, os mortos que compoñen a Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena, axeónllanse diante dela para para purgar as penas e acadar, así, a salvación das súas almas. Cóntase que cando tronaba, todos os raios ían parar a ela.

 

No antigo camiño que comunicaba O Cereixal co Convento érguese unha pequena ermida posta baixo a protección do San Lourenzo (a igrexa mosteiral de Penamaior está posta baixo o padroado de Santa María e San Lourenzo). Cóntase que tres homes andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros dixéronlle: "Estente calado que aínda van pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

 

A tiro de pedra da ermida do San Lourenzo está a Pena da Cruz. Se houbo unha cruz, descoñecémolo, na actualidade non quedan pegadas materiais. Asegúrase que aquí maniféstase a Ánima Soila, quen noite si e noite tamén deambula dende o cemiterio de Penamaior ao cemiterio do Cereixal. En Galicia perdura a crenza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo.

Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o límpido ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno. A resposta deulla un arresponsador de Penamaior: A non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra a República. Comezaba a Guerra Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). Xa coa guerra en marcha, un avó da dona do noso informante caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu ao arresponsador de Penamaior quen, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou. Á figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos".

 

Unha noite, alá polos anos sesenta do pasado século XX, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante da Santa Cruz de Penamaior cando, de súpeto, sufriu a descarga dun raio. Todos os veciños viron como un cordón de lume atravesaba o seu corpo, elevándoo varios metros do chan. Cegados pola luz e enxordecidos polo estrondo, a xente observou como o corpo de Xan caeu na terra mollada, esparexendo polo lugar un forte cheiro a carne queimada. Xa todos temían o peor cando Xan se ergueu e, cos brazos abertos, deu uns trementes pasos cara os presentes. Mais axiña volveu a caer. Foi entón cando Roque da Eirexe, veciño e parente seu, acodiu no seu auxilio. Crendo que o ía atopar sen vida, alargou os brazos para darlle a volta e, nese intre, Xan abrazouse a el. Dende aquel suceso, o home converteuse nun afamado "arresponsador". Un dos casos de máis sona do que foi protagonista ocorreu cando unha viúva acodiu a el para procurar axuda porque un home deixara preñada a unha filla disminuída psíquica. Xan díxolle: "Vaite pra casa, farase xustiza". Aos poucos días, nas faldras do monte Calamouco atoparon a un home, tratante de gando que ía cara a feira de Becerreá, pendurando dun carballo, aforcado. Ao seu carón había unha nota manuscrita que dicía: "Deus me perdoe". Como compensación polo mal padecido, as autoridades entregaron á viúva unha bolsa do tratante chea de cartos.

 
   


CAPELA DO SAN BIEITO DE AGÜEIRA
 
Celebra a súa festividade o luns de Pascua. Levábanlle exvotos de cera que representaban o corpo de animais: vacas, cochos... Pertenceu á casa-torre de Horta. A ermida, hoxe en día restaurada, foi queimada o día 18 de xullo de 1936. Ao seu carón hai un cruceiro moderno. 

 


A ERMIDA
 
Lugar divisorio entre as parroquias de Torés e Vilaicente (As Nogais) e Morcelle e Guillén (Becerreá). Segundo a tradición, eiquí reuníanse os curas das catro parroquias para comer. No sitio hai unhas pedras que disque pertenceron aos alicerces dunha antiga capela. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CHAO DA CAPILLA
 
Lugar situado en Vilar de Ousón. O composto, castelanización de capela, vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao anaco de capa que San Martiño deu a un pobre. Segundo nos contaron, eiquí había unha pequena ermida, logo trasladada para a aldea. Apareceron tumbas feitas con laxes. Un veciños de Vilar de Ousón contounos que se conservan antigos documentos que falan de que ata eiquí viñan enterrar aos veciños da parroquia de Liber que conta con igrexa e cemiterio próximos. De ser certo isto, este cemiterio do Chao da Capilla é anterior ao século XVII, data de construción da igrexa de Liber. 
 
 
O TESOURO DA CAPELA DO SAN LOURENZO
  
O 10 de agosto celébrase a festividade do San Lourenzo, queimado nunha parrilla nese mesmo día do ano 258 por orde do emperador romano Valeriano. Arredor deste día pode verse a choiva de meteoros, as perseidas, coñecidas como "vágoas de San Lourenzo". A continuación achegamos unha lenda relatada por Xosé Fernández Carrete, acontecida xunto a capela do San Lourenzo, en Becerreá, probablemente con orixe nun primitivo eremitorio fundado por monxes chegados de Carracedo do Bierzo que logo deu orixe ao mosteiro cisterciense de Santa María de Penamaior construído, entre outras funcións, para acoller aos peregrinos que ían a Compostela, función na que poñen moito empeño en negar un grupiño de persoeiros moi "rigorosos" e moi subvencionados a pesares de non estar recoñecida a variante, os mesmos que a finais do 2018 dixeron "descubrir" o camiño que fixo o alsaciano Künig a finais do século XV, cando xa no 2015 fomos os do Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Val de Torés quen o visibilizamos ante a xente da comarca e os Concellos que nunca escoitaran falar do monxe. Pero vaiamos coa lenda.

  

A modesta capela do San Lourenzo está situada na estrada que vai cara a escola forestal, a carón dun antigo camiño que ía ata o mosteiro. Tres home da Lagúa, un da Casa Nova, outro da Casa de Nesa e un terceiro da Casa de Vázquez andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros dixéronlle: "Estente calado que aínda van pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

 
 

A ROMARÍA DO SAN LOURENZO

A ermida do San Lourenzo atópase na parroquia de Penamaior (Becerreá), a media ladeira da Serra da Pena do Pico. Trátase dunha humilde capela de planta rectangular, de doce por seis metros, cuberta en lousa a dúas augas. No interior só conserva un altar de pedra moderno e unhas toscas pinturas murais na cabeceira, tamén modernas. Para protexela, a antiga imaxe do santo está gardada nunha casa da parroquia.

Descoñécese cando foi construída. Na segunda metade do século XIX, o historiador Villa-Amil y Castro asegura que foi erixida como eremitorio por uns monxes procedentes do mosteiro de Carracedo do Bierzo que logo fundaron o mosteiro de Santa María de Penamaior no século XII, feito que tamén testemuña a tradición oral.

Cando hai máis de sete anos dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares lanzamos a iniciativa para recoñecer unha variante do Camiño de Santiago que bautizamos como Vïa de Künig, entre a documentación que conseguimos para xustificar o paso de peregrinos por Becerreá atopamos varias referencias á capela do San Lourenzo, as máis antigas do século XVI que citan a ermida como de San Lourenzo do Ramallal, San Lourenzo do Rebolal e San Lourenzo do Rebolar. Un documento do ano 1568 infórmanos que nese ano xa se celebraban na ermida actos relixiosos en honra do santo; e outro do 1694 dinos que nas inmediacións había un cemiterio do que non quedan restos, confirmado polo periódico El Lucense en xuño de 1892 onde se di que ao seu carón había un camposanto.

Alancando no tempo, o xornal El Gallego de marzo de 1833 fala de que xunto a ermida había un campanario do que non quedan restos visibles. Por unha noticia recollida no tamén desaparecido periódico El Regional do mes de marzo de 1892, sabemos que xunto a Pena da Cruz, situada a poucos metros da capela, enterraron un peregrino.

Pola documentación de entre os séculos XVI e XIX e os xornais de entre mediados do XIX ata finais dos anos noventa do século XX, coñecemos que a romaría celebrábase inicialmente o día 10 de agosto, pasando despois aos días 10 e 11. O día principal había misa ao mediodía e despois banda de música. As persoas acostumaban levar a comida, e alí xantaban e merendaban. A prensa da época informa de "grandes merendas, tiro ao prato e festa campestre con orquestras". Á romaría non só asistían as xentes de Becerreá, tamén dos concellos limítrofes, principalmente do extinto de Neira de Suxá, a actual Baralla.

A principios do século XXI deixou de celebrarse xunto a capela, sendo trasladada para o cume de máis sona do concello de Becerreá, a Pena do Pico, organizada por radioafeccionados de Lugo no que tamén participaban os do Bierzo que incluso colocaron no sitio unha cruz de ferro, cambio polo que se ve non deu resultado xa que ao pouco tempo desapareceu.

 

A parroquia de Penamaior é unha das poucas de Galicia que teñen unha dobre advocación: Santa María do San Lourenzo de Penamaior, a primeira relacionada co mosteiro cisterciense e o segundo coa ermida o que dá idea da importancia que este santo, condenado a morrer na parrilla por orde do emperador romano Valeriano o 10 de agosto do ano 258, tiña para as xentes da zona. O que non sabemos é se foi primeiro Santa María ou San Lourenzo, se ben hai quen conxectura que foi o segundo que lle daría inicialmente nome á parroquia e que logo pasaría a ter dous padroados cando a fundación do cenobio cisterciense.

A zona onde se levanta a ermida está asociada a rituais. Moitos romeiros aproveitaban para achegarse ata a cercana Fonte da Bidueira cuxas augas tiñan sona de curar determinados males. Na contorna tamén hai penas de nome evocador, como A Pedra da Vella ou dos Vellos, A Pena do Frade e A Pena dos Tres Señores, ademais da citada Pena da Cruz.

A ermida do San Lourenzo non está exenta de lendas. Cóntase que tres homes andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros dixéronlle: "Estente calado que aínda van pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

Foi tanta a sona do San Lourenzo de Penamaior que o cura e poeta natural de Toldaos (O Incio), Teolindo Cortiña Toural (non aturaba a Benito Pérez Galdós polo seu anticlericalismo), lle adicou un poema no ano 1912. 



UN MAPA DO ANO 1790
 
Mapa do ano 1790 dos términos que disputan Julián Gómez e uns veciños de Horta e Serra de Horta cos dos lugares de A Valiña e Chao da Vila, en Becerreá. Na "Esplicacion" indica, entre outros, un camiño de carro de Horta a Morcelle, camiño de Ousón, camiño para gando que sae da Valiña para Valdavara, camiño que vai cara a ponte e igrexa de Agüeira, río de Agüeira, Serra de Horta e as súas cortiñas, Chao da Vila cos soutos, Pena dos Mouros e un curiosiso "Marco Arrancado". (Fonte: Arquivo da Real Chancillería de Valladolid).
 
 

SELOS DO CONCELLO DE BECERREÁ (ANO 1876)



A MILLORA
   
"Bens divididos, bens perdidos". A "millora" era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas. As zonas de Galicia nas que parece darse máis casos de millora eran Becerreá, A Fonsagrada, Quiroga, Chantada, Monforte e Dodro.   


REVOLTA CAMPESIÑA
 
No ano 1871, campesiños de Becerreá e As Nogais únense ás revoltas que estouran por toda Galiza en protesta contra os abusivos trabucos.  
 

QUEIMARON OS "ROXOS" A IGREXA DE BECERREÁ NO 1936?

A construción da igrexa de San Xoán de Becerreá, deseñada polo arquitecto diocesán Nemesio Cobreros Cuevillas, comezou no ano 1904 pero, debido á falta de cartos para as obras, o remate demorouse más de catro lustros. Non foi consagrada ata o 27 de novembro de 1927. Dise que na construción utilizáronse as pedras da primitiva parroquial que estaba xunto o cemiterio onde se conserva unha pedra, único resto do desaparecido templo. As noticias sobre esta igrexa son escasas. El Clamor Público do 18 de setembro de 1862 achega a noticia dun roubo. Doutro roubo fala El Regional do 10 de decembro de 1898, cometido entre os días 7 e 8 por un veciño de Fontes que accedeu polo campanario (uns meses despois fuxiu do cárcere), e El Norte de Galicia do 3 de marzo de 1903 informa que cando a visita que fixo a Becerreá o deputado Enrique Saavedra Bálgoma xa estaba en ruínas, "incapaz para el culto".

Durante as obras, os oficios relixiosos celebrábanse onde está o Bar Correos. Segundo a tradición oral, nos anos da gripe (1918-1919) amontoaban eiquí os cadáveres, mesmo asegurándose que algúns eran levados vivos. Consérvase unha foto de Ruth Matilda Anderson do 11 de xuño de 1925 da procesión do Corpus en Becerreá onde se ve o edificio que se utilizou provisionalmente como igrexa. Entre os anos 40 e 60 tamén funcionou no edificio o coñecido como Bar Cine ou Gran Cinema (anteriormente tamén funcionara como salina). Unha noticia de El Progreso do 29 de xuño de 1945 informa que con motivo das festas patronais do San Xoán, os falanxistas organizaron varios actos, entre outros "la magnífica idea del camarada Rosón al llevar a todos los peques de los contornos al cine y obsequiarlos con golosinas".

Pero por moito que buscamos, pouco atopamos sobre a queima do templo o día seguinte ao golpe de estado fascista de xullo de 1936. O motivo que nos empurrou a procurar información sobre ese suceso débese a algúns díxome-díxomes que falan de que os "roxos" do concello de Becerreá lle plantaran lume o 19 de xullo, día de feira na vila. Despois de preguntar a varias persoas que xa naceran daquelas, unhas aseguran que non viron o lume pero que si oíran falar "de que algo pasara". Outras, pola contra, negan que acontecera tal suceso. Dende a inauguración, os Boletíns do Bispado de Lugo limítanse a relacionar o nomeamento dos párrocos, e na prensa aos actos sociais (bautizos e vodas principalmente), algunha doazón particular ou subvención de organismos públicos, e sobre todo á publicación de esquelas.

Unha anotación, realizada no Libro de Fábrica da igrexa polo párroco José Castedo González no ano 1941, di: "... siendo quemados los altares y casi todos los objetos de culto, con sus campanas, que fueron fundidas en la gran hoguera que los amotinados rojos hicieron en la plaza delante de la iglesia". O que nos chama a atención é esa queima das campás "fundidas en la gran hoguera". Para fundir o bronce precísase, como mínimo, unha temperatura superior aos 900º C, e unha fogueira, en condicións óptimas, alcanza como máximo os 400º C. Pero máis chamativo resulta que no Libro de Fábrica se mencionen compras e doazóns de floreiros, reclinatorios, alfombras, obras menores... e non aparezan as campás cando son un dos elementos fundamentais de calquera parroquial que se prece. E outro dato: varias imaxes que podemos ver na igrexa son anteriores a 1936.


O sucesor de don José Castedo, seu sobriño José Saco Castedo que pasou a titular da parroquia, xunto coa de Cadoalla, dende outubro de 1951 (xa exercía de forma provisional dende algúns anos antes), autor de varios artigos na prensa da época, omite o suceso.

Xosé Troiano, da web "Campás e reloxos monumentais de Galicia", coméntanos que as campás da igrexa de Becerreá, que carecen de data e sinete (marca do fundidor), pola tipoloxía, poden ser de finais do século XVIII. Aínda que non se aprecia moi ben, na foto de Ruth Matilda Anderson vese parte dunha campá que foi colocada no edificio provisional mentres non se remataba a nova parroquial que ten moita semellanza coas que podemos ver no campanario da igrexa, gravadas cos nomes de "Candelaria" e "San Juan". 

O que si pode aclarar o acontecido o 19 de xullo de 1936 é un documento do 16 de febreiro de 1937, nunha declaración de Antonio Rosón Pérez (Causa 339-37), "hermano del Jefe de Información, Prensa y Propaganda de la Falange Española de Becerreá", realizada contra o Brigada da Garda Civil Emilio Baliño, comandante do posto de Becerreá, a quen acusou de ter actuado con pasividade e "negligencia en el cumplimiento de su deber" durante os sucesos ocorridos na vila o día seguinte da sublevación fascista, cando os dirixentes republicanos convocaron unha manifestación para amosar a súa repulsa polo golpe de estado do día anterior. Na declaración, Antonio Rosón di que "por manifestaciones de personas de solvencia, por las que tuvo conocimiento de que el Brigada Comandante del puesto parlamentó con los rebeldes y que les hizo manifestaciones en ese sentido... Al arrancar el coche con dirección a Lugo, hizo manifestaciones o gestos marxistas". Cando o sacristán, de nome Antonio, lle propuxo aos falanxistas "albergarse dentro de la iglesia para defenderla a tiros... el declarante dice que ofreció su prestación personal, pero le hizo ver la dificultad de la falta de armas". 

Ao longo da declaración contra o brigada, sete meses despois, só se fai fincapé na "ocupación de la iglesia", pero ningunha mención (nen sequera se insinúa) á queima do edificio, tampouco dos altares, obxectos de culto ou campás. Se fora certo, de seguro que o falanxista non o ía obviar, simplemente porque iso reforzaría a súa acusación contra o garda civil. Por certo, o expediente contra o brigada foi sobresido.        


UN CURA EN FONTARÓN: DON PEDRO "DOS CACHOS"
 
A igrexa parroquial de Fontarón está adicada ao Sancti Spiritus. Cóntase que cando se erixiu o templo, a escultura da pomba que hoxe podemos ver no interior marchaba para o lugar onde estivera sempre, unha antiga capela. A única maneira de que permanecese na igrexa foi derrubando a ermida. Cóntase que tamén había un santo, procedente da citada ermida, que facía o mesmo. Para que non marcharan, o cura dixo que o único xeito de que quedaran na igrexa era ofrecerlle cartos ás imaxes. E así acontenceu durante tres ou catro meses, en que pomba e santo volvían liscar, e don Pedro a cobrar. O párroco, que tamén o era de Pedrafita de Camporredondo (Baralla), chamábase don Pedro, alcumado "dos Cachos" porque lle gustaban moito os cachelos con lacón, a poder ser feitos en casa allea. Chegado o mes de abril celebraba uns esconxuros para alonxar a pedrada polo que cobraba a cada casa da parroquia un tego (uns cinco quilos) de distintos produtos. Pero a cousa non quedaba eiquí, cada casa da parroquia tiña que entregarlle ao ano 4 tegos de cereal, para levalo para a súa casa viña un home cun carro dende Biduedo. Cando se enteraba de que nalgunha casa se facían os queixos, alá ía para pidirlle "un durín", en alusión á dureza dos queixos. Xa ben entrado o século XX, coa chegada de novos curas, disque se encabuxou moito cando se enterou de que non cobraban por dicir os responsos cando os enterros paraban nas cruces que había nas encrucilladas; don Pedro dicía: "Curiñas girasoles que ides acabar con todo". (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


A CADELA, UNHA CAMPÁ EN FONTARÓN 
Debeu ser no tempo do citado don Pedro "dos Cachos" cando desapareceu "A Cadela", nome que recibía porque "ladraba moi alto", a campá da igrexa, famosa en toda a contorna por alonxar as treboadas. Nun principio creuse que foran uns ladróns que a tiraron ao Pozo do Piago, en Neira de Rei, pero transcorrido algún tempo sóubose que a levara o Nubeiro, un ser mitolóxico galego responsable das tormentas e dirixir os raios a vontade. Uns din que é un anxo caído, outros un espírito maligno. Anda polas nubes e nelas trasládase dun lugar a outro. Ás veces baixa á terra para comprobar o resultado das súas fazañas.

Foi durante a Guerra Civil cando caeu sobre Fontarón unha gran pedrada. Os vellos, lembrándose da vella campá, dicían: "Se estivera a Cadela non apedraba".

"Tocan os frades a campá/pra escorrentar o nubeiro,/ben eles sudan pra encher/pra todo o ano o granceiro".

(Achegada por José Osorio e Suso Telo).

O CARDENAL BENJAMÍN DE ARRIBA Y CASTRO
 
Naceu na Ferrería, parroquia de Penamaior, o día 8 de maio do 1886. Aos nove anos marchou cos seus pais a vivir para Madrid onde comezou os seus estudos no colexio dos PP. Escolapios de San Antonio Abade; disque lle tiñan que quitar os libros no recreo de tan estudoso que era. Despois pasou ao Seminario para cursar estudos eclesiásticos. Logo foi enviado como becario ao pontificio Colexio Español de Roma onde se doctorou en Teoloxía e Filosofía. De volta á Península, licenciouse en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Toledo. Foi ordenado sacerdote en xullo de 1912. No 1935 foi nomeado bispo de Mondoñedo onde estivo durante nove anos despois dos cales foi trasladado para a diócese de Oviedo. No mesmo ano, durante unha asemblea celebrada en Pontevedra, espuxo a idea de fundar o museo diocesano, artístico e histórico. No mosteiro de Lourenzá creou o Seminario Maior. Foi nomeado cardenal por Pío XII o 12 de xaneiro de 1953. Asistiu aos cónclaves para a elección dos papas Xoán XXIII e Paulo VI. Foi un dos principais promotores da canonización dos relixiosos anticomunistas e antirepublicanos mortos durante a Guerra Civil. Como cardenal visitou Becerreá no ano 1966, sendo un dos principais impulsadores da construción dunha casa de exercicios espirituais. Colaborou na revista Lucvs no ano 1961 onde fai un percorrido pola historia da freguesía de Penamaior e da románica igrexa mosteiral, lembrando tamén a súa nenez: "Aquela posta de sol..., cando cheguemos á casa, deixamos as ovellas e vamos ata alí, pra ver qu-é aquelo", ou "E o escano vello e carcomido, xunt-á lareira", rematando o artigo cunha poesía de Noriega Varela: "Nosa fala é un paxariño/que adoita fagué-lo niño/no seio d-o hirsuto monte/ben na pola d-un espiño/ben á beira d-uha fonte/... eu moito a venero, e creio/que somente no ceio/pode haber fala mellor". Morreu en Barcelona o 8 de marzo de 1973. Está enterrado na igrexa parroquial de San Paulo de Tarragona, cidade da que foi arcebispo. Noriega Varela adicoulle o poema Al Excmo. Sr. Doctor don Benjamín de Arriba Castro, obispo de Mondoñedo (Temporis puncto).


AS CAMPÁS DA IGREXA DE SAN XOÁN DE BECERREÁ 
Ata os anos setenta do pasado século existía na parroquia un ritual asociado ás campás da igrexa. Cando morría unha persoa, o xeito de tocar a defunto variaba segundo o finado fose un home ou unha muller. Se era home, a campá máis grande, alcumada de San Xoán, tocaba dúas veces seguidas, e a pequena, de nome As Candeas, unha. Cando a falecida era unha muller, a campá pequena daba dúas badaladas seguidas e unha a maior. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

    


O CAMPANARIO DE CRUZUL 
Trátase dunha espadana de dous vans á que se accede por medio dunha escaleira de pedra pero situada na aldea non na igrexa parroquial. Data, posiblemente, do século XVIII. O motivo que levou aos veciños a erguela no pobo debeuse a que a única campá da igrexa non se escoitaba polo que, en caso de calquera continxencia (unha morte, un incendio, etc.), toda a veciñanza podía enterarse. Cóntase que cando a invasión francesa, no ano 1809, estas campás alertaron da chegada das tropas napoleónicas á Ponte de Cruzul. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O RELOXO DO CONCELLO DE BECERREÁ
    
O mecanismo, de máis de 100 quilos de peso, data do ano 1884. Foi construído por Canseco, un reloxeiro de Rabanal del Camino, no Bierzo, que fixo uns 600 reloxos artesanais para varios puntos de España, e mesmo para Xerusalén. O custo ascendeu a 3.526 pesetas da época. Nos anos setenta aínda funcionaba no antigo Concello (edificio tristemente desaparecido). Despois botou varios anos desmontado nos baixos do Xulgado para seren colocado posteriormente no novo Consistorio. Foi restaurado polo reloxeiro Pablo López quen estudou a maquinaria, de orixe francesa, e o desmontou peza a peza repoñéndoa á súa imaxe actual. Ao quitarlle o óxido descubriu que a maquinaria estaba pintada de verde polo que procedeu a darlle a mesma cor. Na colocación tamén participou Tonecho, un torneiro local, que foi quen fixo un eixe que faltaba e reparou os piñóns.   
Ao reloxo hai que darlle corda cada día. Pablo, dende neno, xa lle daba corda xa que o seu pai era o empregado municipal encargado de tal labor e el axudábao. 
A campá pesa 150 quilos, está coroada por un catavento en forma de galo. Soa cada media hora e repite os toques aos dous minutos, ademais de marcar as medias.

 
 


RITUAIS SOBRE A MORTE
 
De Arqueología jurídico-consuetudinaria-económica de la región gallega (1912), de Alfredo García Ramos, recollemos: "En la comarca montañosa de Becerreá, momentos antes de conducir el cadáver al cementerio, sale de la casa mortuoria una mujer con una cesta conteniendo abundante comida y vino, para que la disfruten los concurrentes que hagan alguna ofrenda al párroco por el alma del finado. Es costumbre muy generalizada en la parte montañosa de toda la región que en los entierros de personas ricas o acomodadas, después de los funerales y sepelio, se sirva una suntuosa comida a los sacerdotes y personas de significación que concurrieron al acto fúnebre".     


AS CANDEAS (BECERREÁ), UNHA FESTA PAGÁ

A festa das Candelas celebrábase en Becerreá o día 2 de febreiro (adoitaban durar dous días). Na actualidade limítase aos actos relixiosos que comezan coa tradicional bendición das candeas. A asociación cultural As Candelas leva anos traballando pola recuperación desta festa que pasaba por ser unha das máis importantes do concello. 


Descoñecemos cando se instituíu esta celebración na parroquia de San Xoán de Becerreá, a referencia máis antiga coa que contamos data do ano 1793 (lese "Candeloria") pero é probable que a súa antigüidade sexa maior (acadou gran devoción durante a Idade Media), se ben nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Becerreá o 17 de abril de 1753, os veciños din que non tiñan que pagar nada pola organización dos festexos. Polos datos que manexamos, a Confraría da Virxe das Candelas deixaría de ter actividade a partir do ano 1898, quizais pola ruína total que presentaba a antiga igrexa, volvendo a organizarse no 1922, enchendo "el espacioso local que sirve de parroquia, mientras no se levanta el edificio comenzado, que cada vez se ve más su necesidad..." (o novo templo non se consagrou ata o ano 1927). A partir deste ano, os xornais informan que a Festa das Candelas celebrábase por todo o alto.
 
As festas do ano 1967 foron organizadas por Victor e Mariano Reimóndez, Xan Pereira, Ángel Arrojo Argiz e Jesús López Roca. Ás 12 houbo "misa solemne" e procesión arredor da igrexa, pola tarde "gran fiesta campestre", e pola noite "monumental verbena... en la plaza de la villa... y gran quema de fuegos artificiales".    
 




Nas campás da igrexa figuran as lendas de "Candelaria" e "San Juan". No exterior da nova parroquial consérvase unha pía románica de auga bendita, seguramente procedente do desaparecido templo do que non se sabe onde estaba ubicado, se ben a tradición sitúao xunto o cemiterio.
 

 
Segundo o santoral católico, conmemórase este día en lembranza da pasaxe bíblica da Presentación do Neno Xesús no templo de Xerusalén e a purificación da Virxe María despois do parto, para cumprir a prescrición do Antigo Testamento. 
  
As Candelas substituíron ás pagás Lupercais que en Roma se festexaban o día 15 de febreiro ("ante diem XV Kalendas Martias"). O seu nome deriva, ao parecer, de lupus, "lobo", e hircus, "macho cabrío". Durante as cerimonias acendíanse candeas pedindo, entre outras, a protección contra a morte, a fertilidade e a protección dos rabaños que procuraba o Fauno Luperco, deidade que tiña adicado un santuario na cova Lupercal do Monte Palatino onde a lenda sitúa ao pastor Fástulo cando atopou a Rómulo e Remo mentres eran amamantados por unha loba. Loba que era o mesmísimo deus Luperco que se transformara para alimentar aos xemelgos. Durantes as festas entoábanse cantos e bailes a cada cal máis obscenos. Dous mozos elixidos anualmente (Sodales Luperci), espidos e bañados coa sangue duns animais sacrificados previamente, golpeaban con látegos de coiro a quen atopaban por diante. Tamén se tocaba cunha folla con sangue a fronte das mozas e dos mozos. Eran signos de despurificación que se cría que nas mulleres aumentaba a fertilidade.


Aínda que o emperador Teodosio ilegalizou o paganismo no 392 d. C. (instaurou o Cristianismo como relixión oficial), non foi ata o 494 cando esta celebración pagá foi condenada e prohibida pola súa carga sexual polo papa Xelasio I (foi papa entre o 492 e 496 d. C). Pero, sabedor da importancia que tiña para os romanos, nada mellor que cristianizala, substituíndoa pola festa da Purificación cristiá que logo se trasladaría ao 2 de febreiro, pero conservando a tradición de realizar unha procesión en que desfilaban os fieis con cirios e antorchas acesas. Para os gregos, segundo Heráclito (540-480 a.C.), só o logos (λóγος), "a palabra", era comparable ao lume. E tamén para os galegos. Xa no século VI, Martiño de Dumio dicía dos nosos antepasados: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes se non que, nacidas de si mesmas, eran deuses...".


En Becerreá aínda se conserva a cantiga: "Vimos das Candelas/e imos pro San Brais,/ alegraivos nenas,/ que festas non hai máis". Xosé Manuel Vega Gómez achéganos outra versión que cantaba a súa nai, quedáraselle gravada de cando de mociña a mandaran a aprender a coser a Becerreá: "Vimos das Candelas/imos pro San Brais/axudaivos, nenas/que festas non hai máis". Ata non hai moitos anos, eran os veciños de Lamas os encargados de fornecer cun carro de leña a fogueira das Candelas. Tamén existía o costume de que a derradeira parella que casara no ano anterior era a que tiña que facerse cargo da festa.
 
Ditos
 
- "Se queres ter abellas, míraas polas Candelas, e se queres ter mel, polo San Miguel".
- "Cando a Candelaria chora, mitá do inverno vai fóra; que chore e que deixe de chorar, mitá dil aínda está de pasar".
  

AS FESTAS DO SANTO 

A igrexa de San Pedro de Cadoalla, coñecida tamén como O Santo ou Mosteiro do Ecce Homo, atópase en Saa, a carón don primitivo castro da Idade do Ferro que foi "baleirado" por unha canteira. Trátase dun templo de grandes dimensións coroado por unha cúpula octogonal cunha lanterna con ollos ocos. 

 

A torre, acaroada á fachada principal e que actúa como pórtico, apoia sobre catro piares con arcos de medio punto. A cabeceira está presidida pola talla, do 1727, do Ecce Homo, e a ambos lados as imaxes de madeira policromada da Virxe do Carme, San Pedro (doadas por Manuel Pardo de Vera), San Xoán, San Xosé, San Roque e Santa Apolonia. Este ano 2023 comezouse a recadación de donativos para arranxar o retábulo lateral. É probable que a igrexa fora construída sobre unha románica; o que fora cura párroco de Cadoalla, José Seco Castedo (falecido o 6 de marzo de 1960), aseguraba que o templo tiña orixe no século XII. Aínda que non existen datos arqueolóxicos nin escritos, mesmo se conxectura que nas inmediacións houbo un mosteiro. 

Un documento de finais do ano 1809 achega que no mes de febreiro dese ano, durante a Guerra de Independencia, os soldados franceses consumiron dúas fanegas e media de pan pertencentes á igrexa por un valor de 90 reás de vellón.


No ano 1815, o administrador do santuario mercou un reloxo de sol por 370 reás que mandou colocar na torre do campanario.


Entre os anos 1819 e 1822, os carreiros que ían ata igrexa dende Castelo, Cadoalla e Saa foron substituídos por uns camiños mellores, investíndose 7.600 reás. Nun documento do ano 1876, o camiño que ía dende Castelo cítase como Camiño da Igrexa, e noutro do 1914 como Camiño do Souto.

Nunha foto dos anos corenta, extraída de O feitizo de Maruja Roca, de Nieves Neira Roca (2020), vese que ao campanario accedíase por unha escaleira exterior, desaparecida na actualidade.

Nos arredores da igrexa apareceron tumbas de laxas (hoxe en día desaparecidas). Segundo a lenda nunha había enterrado un rei.

Os días 14 e 15 de setembro celébranse as coñecidas popularmente como Festas do Santo, en honra do Ecce-Homo que se venera na igrexa (algún ano a celebración duraba ata tres días). Ademais do ritual relixioso, os veciños acostuman montar uns casetos no Souto da Bouza de Saa, ateigados de comida e bebida. A instalación dos casetos é un costume recente, anteriormente, tal como recollen as crónicas, a xente "acude con las cestas bien repletas, que luego despacharán reunidos en familia, bajo las sombras de sus frondosos castaños".

O seu culto vén do ano 1727 cando o cura, Xosé Valcárcel Quiroga, mercou a imaxe, pagando a metade en cartos e a outra metade en misas. Conseguiu reunir á xente dos pobos de Becerreá, Ouselle, Cruzul e Cadoalla e encamiñarse con todos eles cara os "Picos de Ancares", onde se encargara a nova imaxe do Santo a un carpinteiro, que en "magna procesión" emprenderon o longo percorrido ata San Pedro de Cadoalla.

 

O día 6 de setembro comezaba a "Novena" que, segundo a prensa, "siendo muchas las personas que acuden a la misma por su fervor hacia el Santo y por el hermoso del paraje". En tempos, os veciños ían á igrexa con trigo ou centeo que logo era vendido para mantemento do santuario. Destes cartos, o párroco recibía unha parte xa que, segundo unha sentenza do Tribunal Eclesiástico de 1761, tiña dereito á quinta parte das esmolas que se recadaran durante o ano.

O 24 de xullo de 1889, o Concello de Becerreá, presidido polo seu alcalde Arturo González Vázquez, anuncia a celebración dunha feira anual "de toda clase de ganado vacuno, de cerda, lanar, cabrío y principalmente de caballerías" os días 14 e 15 de setembro, "en el mismo punto que se celebra la antigua función del Ecce-Homo de Cadoalla", engadindo que con tal motivo "se harán festejos extraordinarios que contribuyan a la distracción y entretenimiento del mismo". No mes de setembro de 1991 anúnciase que as mellores cabezas de gando recibirán "premios en metálico los mejores que se presenten".


No ano 1966 a prensa publica que a Comisión de festas estivo formada por "jovenes de ambos sexos", destacando o labor desenvolvido "por las féminas". No ano 1968 a Comisión integráronna José Antonio Montaña e Jesús Pereira, por Becerreá, e Emilio Neira e Manuel Merlán, por Cadoalla. Que a Comisión estivera formada por veciños de Becerreá e Cadoalla debíase a que a parte lúdica das festas repartíanse entre entre as dúas parroquias, a primeira na capital municipal.

Ao Santo acúdese para pedir un favor ou para agradecerlle un xa concedido, para quen o pide ou en nome doutras persoas. O párroco impón unha imaxe do Santo (un pequeno Ecce Homo) por riba da cabeza do devoto, dicindo: "Que el sexa pre ti, o camiño, a verdade e a vida". Moitos penitentes pasan un pano pola talla e logo úsanna cunha finalidade curativa e preventiva. Hai algúns anos traían exvotos representando o corpo humano e tamén animais: vacas, xatos, cochos, etc. Ata non hai moitos anos, como protección, adoitábase arrincar unha estela da porta do templo e gardala na casa o que obrigaba, cada certo tempo, a reparala. Tamén hai procesión coa imaxe do Santo arredor do templo. Á romaría non só acudía xente do concello de Becerreá, tamén de Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e mesmo de Lugo.

Ata o ano 1832 había varios penedos por riba e diante da igrexa que foron demolidos e así deixar máis espazo aos devotos que querían camiñar de xeonllos ao redor do templo para cumprir o ritual; o custo ascendeu a 1.900 reás.

Os días da romaría viñan soldados para manter a orde xa que as liortas eran bastante frecuentes. Pagábaselle coas doazóns dos asistentes. No ano 1827 o custo ascendeu a 40 reás "que se dieron a los soldados que vinieron a pacificar la romería".

No século XIX celebrábanse no santurio catro festividades: Santa Apolonia, a Pascoa de Resurrección, o Luns de Pentecoste e a do Ecce Homo.

O xornal El Progreso do 11 de setembro de 1968 publica unha poesía escrita por José Pereira Vilares, "un ilustre hijo de estas tierras", dedicada ao Ecce-Homo:

Ata o ano 2010 ou 2011, no Carballín, un pequeno lugar da parroquia de Cadoalla, situado a carón da vella N-VI, había un tosco peto cunha pequena talla en madeira que representaba ao Ecce Homo. En varias ocasións roubaran as esmolas que lle depositaban os devotos, pero a derradeira vez tamén desapareceu o Ecce Homo; só atoparon o peto, baleiro, tirado nun monte próximo. A foto do peto é de Sabino García González quen non lembra a data exacta de cando as fixo, pero dinos que foi sacada entre o 1983 e 1985. Quizais se trate da única imaxe que se conserva.

 


O ROUBO DO PETO DO ECCE HOMO DO CARBALLÍN  
 
Ata o ano 2010 ou 2011, no Carballín, un pequeno lugar de tres ou catro casas da parroquia de Cadoalla, situado a carón da vella N-VI, había un tosco peto cunha pequena talla en madeira que representaba ao Ecce Homo. En varias ocasións roubaran as esmolas que lle depositaban os devotos, pero a derradeira vez tamén desapareceu o Ecce Homo, só atoparon o peto, baleiro, tirado nun monte próximo. 
 
A foto é de Sabino García González. Non lembra Sabino a data exacta de cando as fixo, pero dinos que foi sacada entre o 1983 e 1985. Quizais se trate da única imaxe que se conserva.  

 
A FESTA DAS ÁNIMAS DE OUSELLE
 
Enterámonos da existencia desta festa a raíz dunha invitación para cear feita polo amigo Herminio Pérez Díaz. Na actualidade non hai festa o día 15 de xaneiro, a celebración limítase á xuntanza entre familiares e amigos para comer e pasar un bo rato. Cando preguntamos de onde viña a celebración, ninguén dos presentes (párroco incluído) soubo contestarnos, e por máis que buscamos por aquí e acolá sobre a súa orixe non atopamos nada.

Mais, por casualidade, uns meses despois (abril de 2015) chegou ata as nosas mans un traballo de licenciatura (inédito) da que fora veciña e profesora da vila de Becerreá dona Guadalupe Pardo González, tese escrita no ano 1957, dirixida polo profesor don Ramón Otero Túñez, baixo o título Notas sobre el arte en Becerreá. Neste traballo achega a transcrición dun documento do 13 de xaneiro do 1704 en que o papa Clemente XI concede indulxencias por medio dunha bula á "Cofrafía de Fieles de Cristo de Ouselle, de ambos sexos, debaxo del título de las Ánimas del Purgatorio".

Achégase a transcrición realizada por dona Guadalupe. 



 


OS ARRESPONSADORES E AS ARRESPONSADORAS
 
Os arresponsadores e as arresponsadoras recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno. A resposta deulla un arresponsador: A non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra o goberno lexítimo da República. Comezaba a Guerra Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). 
Xa coa guerra en marcha, un avó da nosa informante caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu a un arresponsador que, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou. 
Á figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos". En Eixibrón, durante a novena ao Santo Antonio, líase un parágrafo cada día, e ao final a oración completa. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 
 

O MILAGRE DE XAN TROULA
 
Unha noite, alá polos anos sesenta do pasado século XX, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante da Santa Cruz de Penamaior cando, de súpeto, sufriu a descarga dun raio. Todos os veciños viron como un cordón de lume atravesaba o seu corpo, elevándoo varios metros do chan. Cegados pola luz e enxordecidos polo estrondo, a xente observou como o corpo de Xan caeu na terra mollada, esparexendo polo lugar un forte cheiro a carne queimada. Xa todos temían o peor cando Xan se ergueu e, cos brazos abertos, deu uns trementes pasos cara os presentes. mais axiña volveu a caer. Foi entón cando Roque da Eirexe, veciño e parente seu, acodiu no seu auxilio. Crendo que o ía atopar sen vida, alargou os brazos para darlle a volta e, nese intre, Xan abrazouse a el. Dende aquel  suceso, o home converteuse nun afamado "arresponsador". Un dos casos de máis sona do que foi protagonista ocorreu cando unha viúva acodiu a el para procurar axuda porque un home deixara preñada a unha filla disminuída psíquica. Xan díxolle: "Vaite pra casa, farase xustiza". Aos poucos días, nas faldras do monte Calamouco atoparon a un home, tratante de gando que ía cara a feira de Becerreá, pendurando dun carballo, aforcado. Ao seu carón había unha nota manuscrita que dicía: "Deus me perdoe". Como compensación polo mal padecido, as autoridades entregaron á viúva unha bolsa do tratante chea de cartos. (Recollida de Vento nas Xestas).

 
O CEREIXAL
Dise que a parroquia de O Cereixal cítase no Ciprianillo, o famoso libro (publicado baixo distintos títulos) que recolle as fórmulas para descubrir os tesouros que os mouros agochaban en covas, castros, etc. Parece ser que foi escrito arredor dos séculos XVI ou XVII. Álvarez Blázquez afirma que no XVII circulaba por Galicia un libro de esconxuros atribuído a San Cibrán.  


O TOPÓNIMO BECERREÁ     
Para J. Piel é un nome de señorío dun propietario latino, rematado no sufixo adxectival -ana, procedente dunha *(villa) Becerreana ou Becerriana, derivado dun posesor de nome Becerianus ou Bicerianus, forma patronímica de Becerius ou Bicirius. Mais, segundo a lenda, debe o nome a un feito acontecido durante unha das feiras que se celebraban na vila. Ía un veciño co seu becerro á feira cando un neno lle lanzou unha pedra ao animal. Tal foi a dor que lle produciu que deu un salto e botou a correr sen que ninguén conseguira deteñelo. Chamaron, entón, ao alcalde, home valente e astuto, que conseguiu detelo e devolvelo ao seu dono. Durante a clebración dunhas xornadas sobre Arqueoloxía e Historia de Ancares, organizada en maio de 2019 polo Colectivo Patrimonio dos Ancasres e a Anpa do CPI de Cervantes, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero dixo que non lle resultaba estrano que o nome de Becerreá tivera que ver coas representacións do coñecido como Relevo de Vilarín, do sécúlo I ou II d. C., onde se ven un touro, unha vaca e un cuxo.  


FERREIROS DE VALBOA 
Segundo a tradición, a súa fundación foi cara o ano 1600, cando catro ferreiros que vivían no alto da montaña baixaron ao val para buscar un sitio máis cálido para se regardar do frío; pouco a pouco foise poboando.   


A MALDICIÓN DO SOLDADO FRANCÉS  
Durante a invasión napoleónica en Becerreá, un soldado francés achegouse un día á coñecida como Casa da Corredoira, na aldea de Guilfrei, para que lle deran un vaso de auga para calmar a sede. Cando o home estaba a beber, o dono da casa colleu un rolo e golpeouno na cabeza, causándolle a morte. Dende aquelas, os habitantes da casa, cando saen ao campo para traballar, teñen que levar consigo auga para beber debido á sede que lles entra. Tamén se di que cando un dos moradores da casa vai a morrer, pouco antes sempre pide auga. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


O VENDEDOR DE BIBLIAS, GEORGE BORROW, POR BECERREÁ     
Manuel Rodríguez López, no seu traballo Viaxes con Ánxel Fole (Ediciós do Castro, 1988) conta que Fole, camiño de Becerreá, contoulle aos acompañantes: "É moi coñecido por estas terras o tránsito do evanxelista Jorgito Borrow, vendedor de biblias, que tivo necesidade de escolta ata chegar a Becerreá, debido aos carlistas e bandoleiros que abundaban por estes camiños". O británico George Borrow (1803-1881), percorreu España entre os anos 1836 e 1840 ao mesmo tempo que vendía ou regalaba edicións do Novo Testamento sen anotar. No 1842 publicou A Biblia en España ou viaxes, aventuras e prisións dun inglés no seu intento de difundir as Escrituras pola Península, moitas de cuxas páxinas están adicadas a Galicia, terra que o impresionou profundamente. Don Jorgito era o sobrenome polo que eiquí se coñecía a George Borrow.     


DE BECERREÁ OU MONDOÑEDO: DE ONDE ERA QUEN DISPAROU CONTRA ALFONSO XII?   
Corría o día 30 de decembro de 1879. Ás cinco da tarde Alfonso XII (1857-1885) e a consorte María Cristina de Habsburgo (1858-1929) cruzaban a praza de Oriente nunha carruaxe descuberta. Cando o coche entraba no Palacio Real pola porta do Príncipe, un home xoven, Francisco Otero González, que se atopaba entre os curiosos (outras informacións falan de que se agochara xunto as cortes dos cabalos), disparou dous tiros, a curta distancia, contra os monarcas. As crónicas da época son precisas no tipo de arma utilizada: un revólver militar de orixe francesa tipo Lefaucheux de dous canos, calibre de 16 mm. A calidade da arma, con tambor de seis balas, non foi suficiente para acabar coa vida do rei, só unha das balas lle rozou a cabeza. Cando se dispoñía a fuxir, un mozo dos cabalos, un centinela e un garda civil abalanzáronse sobre el e detivéronno. Un ano antes, no mes de outubro de 1878, Alfonso XII xa sufrira outro atentado.

 

Pouco se sabe sobre a vida de Francisco Otero. Naceu o 14 de marzo de 1860. A nai chamábase Josefa, e o pai José. Tiña un irmán máis novo. Con 19 anos foi para Madrid. "Soltero y huérfano de padre, vino a Madrid con la esperanza de mejorar de fortuna... Contaba, a lo que parece, con el apoyo de un pariente llamado Francisco Seijas Arriba, portero del ministerio de Gracia y Justicia, quien le prestó protección y dándole cuatro mil reales para establecer una pastelería... situada en el número 2 de la calle de Milanesas...". Dise que vivía cunha moza, "a quien llamaba hermana", de dezasete anos. Os costumes de Otero non chamaban a atención dos veciños, pechaba cedo a tenda, "salía pocas veces de noche, y no dió pretexto alguno para que con razón o sin ella se le censurase". Pero os negocios, contan as crónicas, "no tenían resultado próspero, no sabemos si por mala fortuna o por administración desarreglada". O parente deixou de apoialo e cara mediados de decembro Francisco quedou sen casa e sen recursos. "En estos doce o quince últimos días, Otero dividió su tiempo entre las tabernas, los cafés y las casas de mal vivir, acusando de su desgraciada situación a un individuo llamado Antonio García que es dueño de una taberna en el número 16 de la Cava-Baja". Este e outro home de nome Antonio Pérez Cobos tamén foron detidos, declarando que Francisco contáralles a súa intención de suicidarse, pero tamén de realizar prácticas de tiro ás aforas da capital.   
 
Otero foi acusado de intento de rexicidio. O xuízo comezou o ás once e media da mañá do 7 de febreiro de 1880. O fiscal pediu para o acusado a "última pena" (morte). O avogado defensor, acolléndose ao artigo 8º, número 1 do Código Penal que "exime de responsabilidad a los imbéciles", pediu a "irresponsabilidad del reo", e no caso de "no haber lugar", se clasificara como delito común e non como rexicidio. Os informes médicos presentados pola fiscalía non concordan cos da defensa. As conclusións dos médicos alienistas (término que subsistiu ata principios do século XX; eran o equivalente aos psicoanalistas) presentados pola última, baseándose na fisonomía, linguaxe e aptitudes, Francisco Otero era un "imbécil intelectual" e un "idiota moral".    
 
Foi condenado a morte. Dise que a pesares da intercesión de Alfonso XII para que fora indultado (ao parecer máis un acto cara a galería que por sentimento), o consello de ministros, presidido por Cánovas del Castillo, denegouno.      
 
O día 14 de abril de 1880 foi executado no garrote vil no campo de gardas de Chamberí polo verdugo titular de Madrid Francisco Ruiz Castellano, e os seus restos foron enterrados no cemiterio de San Martín. Tiña 20 anos. Uns din que Franciso Otero padecía problemas mentais, outros que era un perigoso anarquista (durante o xuízo negou pertencer a organización política algunha). Sen faltar os que cren que non foi máis ca un chivo expiatorio.         
Pero, de onde era natural o panadeiro Francisco Otero? Segundo a prensa da época: para uns de Santiago de Lindín (Mondoñedo), para outros de Santiago de Nantín (Becerreá).

 

Benito Pérez Galdós escribiu entre 1872 e 1912 os Espisodios Nacionales, unha serie de novelas históricas que tratan da historia de España dende 1805 ata 1880. Lemos: "El mismo día 30 quiso hacer de las suyas el fanatismo sectario: al entrar en coche por la Puerta del Príncipe del Palacio Real Alfonso XII con su esposa María Cristina, les disparó dos tiros un vesánico, Francisco Otero González, natural de Santiago de Nantín, aldea de la provincia de Lugo. Las alevosas balas no tocaron a los reyes...". 

 

Carlos Rojas, no seu libro Alfonso de Borbón habla con el demonio (1995), di que era de Santiago de Nantín. José María Zabala, en Elena y el Rey. La historia del amor prohibido entre Alfonso XII y Elena Sanz (2014), tamén trae a Francisco Otero para Becerreá.    
 
De Lindín ou de Nantín? O único que temos claro é que o patrón de Lindín de Mondoñedo é Santiago, e tamén de Nantín de Becerreá, hoxe suprimida ao pasar a parroquial no século XIX a Cascallá, en Becerreá (antes pertencía a Neira de Rei, no actual concello de Baralla).


ENVELENAMENTO DE VINTE PERSOAS EN BECERREÁ
  
La Correspondencia de España, do día 30 de xaneiro de 1914, recolle o envelenamento de vinte persoas en Becerreá.     


FUCO GÓMEZ
  
Naceu en Montaña da Agra o día 9 de xullo de 1895. Sendo neno embarcouse como polizón nun barco con destino a Cuba. Xa como xornalista, participa nos primeiros grupos nacionalistas galegos. Defensor a ultranza da lingua galega, en 1921 funda o Comité Revolucionario Arredista Galego que perseguía o fin da ditadura de Primo de Rivera e da monarquía en España, así como a proclamación dunha Galicia independente. Coa II República volve a Galiza para loitar pola súa independenza, se ben atopou poucos apoios dos galeguistas moderados. Voltou a Cuba onde faleceu en xaneiro de 1972. Escribiu en varias publicacións e entre 1941 e 1960 dirixiu a revista mensual Patria Galega. Din que pertencía á masonería. Ten adicado un monolito xunto a igrexa románica de Ouselle. 

 


O ASASINATO DO CASTELLANO 
Non se sabe con exactitude cando aconteceu o suceso, polas informacións que nos facilitaron pode que fora a mediados do século XIX. Un arrieiro de Castela, despois de vender varias pelexas de viño na feira de Becerreá, encamiñouse cara A Pobra de Navia, vía o Alto do Restelo, para facer entrega de distintos produtos que lle encargaran na última visita. Non se podía queixar, o día fora proveitoso, a bolsa ía ateigada de moedas. Adormecido, deixou que as mulas guiaran a carreta, coñecían ben o camiño. Transitaban á altura de Sarceada cando, de súpeto, as rodas da carreta deixaron de renxer. Sobresaltado, abriu os ollos. As mulas non se detiveran por vontade propia, diante delas dous homes impedíalles o paso. Mirounos, a faciana daqueles tipos presaxiaban o peor. Non se equivocou, un deles pediulle a bolsa. O arrieiro avaliou as posibilidades de escapar daquela celada: ou entregarlles a bolsa e quedarse sen nada, ou enfrontarse a eles, ao fin e ao cabo só ían armados con navallas. Elixiu, en mala hora, a segunda opción. O corpo sen vida do arrieiro alí quedou tirado no chan, os veciños de Sarceada que acudiron a axudalo cando o oíran berrar non puideron chegar a tempo. Contan que o último que lle escoitaron ao arrieiro foi: "Ay, mi mujer y mis hijos". Dende aquelas, o sitio onde o mataron recibe o nome de Campa do Castellano. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).   


ECLIPSE DE SOL EN BECERREÁ    
La Idea Moderna: diario democrático de Lugo do 28 de maio de 1900 anuncia unha excursión á Serra do Pico para ver un eclipse de sol o día 29.   


ECLIPSE COA LÚA DE SANGUE    
Na madrugada do 22 de xaneiro de 2019 produciuse un espectacular eclipse coa "Lúa de Sangue". O ceo estaba moi anubado o que só nos permitiu velo durante un minuto, xusto ás 5:57 horas. Antigamente a "Lúa de Sangue" era presaxio de malos agoiros.    


A PREDICIÓN DO TEMPO 
"Tal 27,/tal mes seguinte,/se o 29 llo consinte". Quérese dicir, se o 27 e o 29 son meteoroloxicamente semellantes, por aí irán os tiros o mes seguinte. Se a meteoroloxía é distinta, haberá de todo. (Achegada por Xosé Osorio, de Becerreá. Dito transmitido de xeración en xeración).  


UNHA CRUZ DE HORTA (BECERREÁ) LEVADA PARA SANTA CRUZ DO PICATO (BARALLA)  
Nunha finca situada á esquerda da estrada á entrada de Santa Cruz do Picato, en Baralla, dirección Recesende, érguese unha cruz monolítica que descansa sobre un basamento tamén de pedra. O conxunto apoia sobre unha base feita con pequenas pedras de xisto. Salta á vista que esta última base realizouse para que a cruz destacara na contorna polo que deducimos que non formaba parte do conxunto orixinal. Foi isto o que nos levou a preguntar en que posición se atopaba anteriormente, e tamén se sempre estivera nese lugar, ademais de que función cumpría.
 
Todas as lucubracións que fixeramos (se estivera nun cruce de camiños, se ao seu carón enterraran algún recén nado non bautizado ou se producira algunha morte violenta, etc., mesmo pensamos que podería ter a procedencia xunto a capela de Santa Cruz, outrora parroquial, que só conserva a ábsida románica, ou do seu desaparecido cemiterio) viñéronse abaixo cando nos enteramos da verdadeira historia. A finca onde se ergue a cruz é dos mesmos donos da casa-torre de Horta, na parroquia de Agüeira, en Becerreá, con orixes que se remontan aos séculos X ou XI. Nas inmediacións do pazo, mencionado en distintos documentos como Casa dos Ulloa, levántase a capela do San Bieito reedificada, segundo unha prancha que figura na fachada principal, no ano 1710. Moi preto hai un cruceiro moderno colocado nos anos setenta do pasado século XX.Pois ben, a cruz de Santa Cruz do concello de Baralla procede das inmediacións da citada casa-torre e da capela de Horta. Na base orixinal aínda se observan nidiamente as marcas onde estaban colocadas dúas pranchas que posuían senllas inscricións. Que poñían? Descoñecémolo, un veciño de Santa Cruz que podería sabelo, que interveu no traslado ben entrados os anos setenta do pasado século XX, o mesmo que construíu a base onde logo colocaron a cruz, faleceu.
 
         


EXCURSIÓN Á CORUÑA     
En El Pueblo Gallego do 18 de xullo de 1934 aparece recollida a visita que nenos e nenas das escolas de Cadoalla (Becerreá) e Piñeira (Baralla) fixeron á Coruña o día 10 do mesmo mes. Os “magníficos ómnibus completamente abarrotados de niños de ambos sexos” puxéronse en marcha ás catro e media da maña, chegando a Lugo ás seis e media. “Después de visitar la ciudad y sus monumentos y la catedral”, continuaron cara Betanzos, e de alí para á Coruña. Ás oito da noite, “después de haber visitado la ciudad, Torre de Hércules, fábrica de gas”, etc. regresaron para Baralla e Becerreá.

 


O GRAN CINEMA DE BECERREÁ  
O edificio onde está o Bar Correos foi utilizado como igrexa provisional ata a consagración do moderno templo parroquial no ano 1927 (antes tamén funcionara como salina). Durante a República acolleu a Casa do Pobo, disque logo regalada polo Concello, non se sabe porque motivos, a un particular. Na primeira metade dos anos corenta instalouse nela un cine que mantivo o seu funcionamento ata o ano 1968 ou 1969. Se ben nalgún momento estivo rexistrado como "Cine Cervantes", todo o mundo o coñecía como "Bar Cine". O primeiro propietario foi Aniceto Portas Visa, que ao parecer era da parte do Bierzo e tiña un almacén de distribución de alimentos. Depois colléronno Valentín Pereira, máis coñecido como Valentín do Banco, e Isaac Mateos, da Galaica. Logo rexentáronnos Tino e Pepe da Feira. Nos últimos tempos, as entradas recollías un tal Fresco que vivía un pouco máis abaixo do cine. Algunhas persoas mercaban pipas no bar da Praza para comelas durante a función. Ademais de películas, tamén se representaba algunha obra de teatro, entre outras lémbrase Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Ningún material queda, que saibamos, daquela sala de cine, agás unhas entradas que recuperou o amigo Roldán (José Ángel Fernández Revaldería). Lese: "Gran Cinema. Becerreá. Preferencia. Número: silla", isto último escrito a bolígrafo. Na sala había bancos de madeira ao principio, logo butacas de madeira, e ao fondo butacas forradas, e tres prezos. O bo das forradas era que podían sentarse dúas persoas! O escrito ata o de agora estaría moi incompleto se non fora pola información facilitada polo propio Roldán, Victoria Tomé, Manuel Méndez e Carlos Pereira. 

 


AS CALIZAS NOS ANCARES 
Entre as cuarcitas, xistos e lousas que predominan nos Ancares cóase a coñecida en xeoloxía como caliza de Vegadeo. Proveniente do norte da provincia de Lugo, atravesa Becerreá e As Nogais, tocando algunhas zonas de Cervantes e morrendo en Pedrafita do Cebreiro, deixando ao seu paso a paisaxe de modelado kárstico (Os Grobos, en Becerreá), especies vexetais máis propias doutras zonas como faias (faial da Pintinidoira) e aciñeiras (aciñeiral de Cruzul), ou covas que agochan importantes sitios arqueolóxicos como a cova de Valdavara, a escasa acidez que este tipo de rocha achega ao solo permite a conservación de fósiles. As calizas só afloran no 5% do territorio galego.
 
O centro desta veta caliza atópase en Becerreá, no entorno de Cruzul, Morcelle, Horta e Agüeira. En moitas vellas construcións utilizouse esta rocha, como aconteceu coa Ponte de Cruzul que foi levantada no Camiño Real de Galicia.        


OVNIS NO CEO DE BECERREÁ  
Hai máis de 40 anos aconteceu un suceso en Becerreá que pasou desapercibido, e non so para os seus habitantes. Houbo que esperar 24 anos para coñecer o que aconteceu ás oito da tarde do día 2 de abril de 1969. Unha persoa que viaxaba no seu coche pola antiga N-VI viu, á altura do quilómetro 476, ao pé duns outeiros, un obxecto que identificou como "unha nave espacial tripulada" en forma de obús, duns seis metros de lonxitude e totalmente iluminada. Cando detivo o coche para ver mellor o obxecto, xa desaparecera. Segundo se puído saber no ano 1993, en que o Mando Operativo Aéreo (MOA) desclasificou os arquivos OVNI, trece días despois do avistamento a testemuña narrou por carta o acontecido á Subsecretaría de Aviación Civil. Segundo o informe do MOA, carécese de datos puntuais do avistamento, ademais a zona é rica, continúa, en penas graníticas con forte compoñente en mica e moi erosionadas o que lles proporciona uns contornos arredondados de múltiples formas. Conclúe o informe que o fenómeno observado suxire unha ilusión óptica orixinada polo reflexo do sol nunha rocha granítica. Versión non compartida polos ufólogos que fan fincapé en que a investigación do MOA foi unha chapuza xa que as descricións que se verquían no informe non se corresponden coas citadas pola testemuña o que leva a pensar que os investigadores visitaron o sitio equivocado e non o Alto do Campo de Árbore, identificado claramente polo observador. Nós non quitamos nin poñemos, pero si podemos asegurar que nin na zona nin en varios quilómetros á redonda hai unha soa pena granítica. Pero non foi o único "avistamento". No mes de novembro de 1954, o veciño de Becerreá, don Ramón Ortiz, asegurou ver outro que pasou "a una velocidad vertiginosa". A finais dese mesmo mes, outro Ovni foi visto en Friol e en Lugo.


HISTORIA DAS FEIRAS EN BECERREÁ

No ano 2020, na primeira edición pola recuperación da Feira do 12 en Becerreá, organizada pola asociación Rente ao Couce, o Colectivo Patrimonio dos Ancares colaboramos coa impartición dunha charla arredor da orixe das feiras da comarca. Este 2021, na súa segunda edición, facémolo coa confección dun díptico adicado á "Historia das Feiras en Becerreá" que se repartirá o día da celebración, o domingo 12 de decembro.

 


Aí deixamos o texto. 

Non sabemos con exactitude cando comezaron a celebrarse as feiras no territorio que abrangue o actual concello de Becerreá, pero é probable que a súa orixe veña da Idade Media. O documento máis antigo que atopamos é do ano 1525, en que o prior do mosteiro de Santa María de Penamaior ordena que os asistentes ao mercado que se celebraba ás súas portas non entorpeceran a entrada á igrexa a devotos e peregrinos (Documento achegado por Ruth Hidalgo). Nun libriño, encadernado en vitela (pel de animal), comezado a escribir no ano 1748, os monxes de Penamaior anotaron durante algúns anos o que cobraban a cada un dos vendedores a razón do que levaban para vender, indicando o nome do vendedor e o que vendían, así como a cantidade en reás de vellón que lles cobraban (Documento facilitado por Hugo Pardo-Vivero).

 


Nos séculos XV e XVI as feiras reduciron a súa intensidade, que se achaca a unha serie de feitos negativos que se iniciaron coa decadencia das feiras francesas que logo repercutiron nas do resto de Europa. Despois volveron a rexurdir con forza nos séculos XVII e XVIII polo que chama a atención que nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada dos anos 1752 e 1753, das 114 parroquias dos seis concellos da comarca dos Ancares só se mencione o mercado de Penamaior. Despois de que os monxes, debido á Desamortización do ministro Mendizábal do ano 1835, abandonan o mosteiro (os mosteiros pasan á ser propiedade do Estado e os monxes deben marchar), a feira segue a celebrarse, descoñecemos se dun xeito continuado, ata o 1889. Por unha noticia que recollemos do desaparecido xornal El Eco de Galicia do 20 de febreiro dese ano, sabemos que a feira de Penamaior pasa a celebrarse cada terceiro domingo de mes en Becerreá, pero a partir de abril dese mesmo ano celebrarase o día 19. No mesmo xornal, nun anuncio asinado polo alcalde Arturo González Vázquez, dise que a feira que se celebraba en Becerreá o cuarto domingo de cada mes, trasládase ao día 2, o que indica que durante algún tempo conviviron as feiras de Penamaior e Becerreá.



Pero as datas dalgunhas feiras eran cambiantes. Trinta e un anos despois, no Calendario Gallego de 1920, vemos que as feiras de Becerreá celébranse o primeiro domingo de cada mes e o día 19. E no Calendario do ano 1925, o 3 e o 19, ademais de mercado todos os sábados. No mesmo Calendario tamén achega que se celebraban dúas feiras anuais, unha o terceiro domingo de setembro e outra o 3 de outubro. 

Así que, polo dito, sabemos que as actuais feiras de Becerreá, do 3 e 19, instituíronse: no mes de abril de 1889 a do DEZANOVE, e a principios dos anos vinte do pasado século a do TRES.

 


O día 20 de abril de 1949, unha tormenta provocou graves desperfectos no Campo da Feira, as augas, segundo a prensa da época, "al descender en enorme riada, excavaron grandes zanjas". O Campo da Feira foi ampliado e acondicionado en varias ocasións.

 

No concello existe a referencia a outra feira que se celebraba na parroquia de Vilamane. La Correspondencia Gallega do 23 de agosto de 1902 recolle que o Concello de Becerreá acordou crear "una feria para toda clase de ganados, creales y demás artículos de consumo, en el Valle de Cancelada y soto nombrado Furco de Murias, ... cuyo mercado tendrá lugar los días 15 de cada mes". Descoñecemos canto durou.

 

Agora vaiamos coa FEIRA DO DOCE. A primeira referencia atopámola o día 12 de abril de 1873, un sábado, durante a Terceira Guerra Carlista, cando unha partida do carlista Núñez Saavedra, aproveitando a feira de Becerreá, asalta o Xulgado Municipal. 

Descoñecemos canto tempo se celebrou esta feira, nin sequera se era mensual ou anual, pero a duración debeu de ser curta, convivindo durante algúns anos coa de Penamaior. 

 


Non se volve a ter noticia ata o 14 de outubro de 1951, cando o xornal El Progreso anuncia que o Concello de Becerreá, por iniciativa de varios veciños, establece de novo a feira do 12, pode ser porque tiveran coñecemento da do 1873, ou se só se trata dunha coincidendia. Polas noticias da época, ao menos as primeiras foron todo un éxito. As empresas Montaña, La Directa e Transportes Lucenses programaban servizos de ómnibus para asistir á FEIRA DO DOCE dende Lugo.

 


En informacións posteriores recóllese que a algunha feira asistiron compradores de León e mesmo de Andalucía, polo que a súa importancia debeu ser grande. Pero, en El Progreso do 16 de xuño de 1962, di que, debido á desidia, foi perdendo importancia. Ese mesmo ano debeu desaparecer. Neste novo ciclo só durou once anos.

 

Nos distintos periódicos da época, desaparecidos (El Regional, El Correo de Lugo, El Eco de Galicia, Heraldo de Galicia, El Lucense, El Pueblo Gallego, etc.), achegan os prezos que se pagaban nas feiras do concello de Becerreá polos distintos produtos. Así sabemos, por exemplo, que no ano 1898 o ferrado de castaña seca pagábase a 13 reás. No 1900 unha vaca custaba 250 pesetas, un tenreiro 100, unha cabra 8, un cabrito 4, unha galiña 1 peseta, unha ducia de ovos 45 céntimos, e unha libra de queixo do Cebreiro 75 céntimos. No 1924 os ovos pagábanse a 3 pesetas, os polos a 2,50, as galiñas a 4, a parella de gando vacún a 1.250 pesetas, e o porco a 60 pesetas a arroba. Ao longo dos anos son frecuentes as queixas dos labregos e gandeiros pola baixada dos prezos, o que lles ocasionaba graves prexuízos. A principios dos anos sesenta a baixada foi alarmante, no 1964 a ducia de ovos non pasaba de 12 pesetas.

 


Son moitas as historias, lendas e tradicións xurdidas arredor das feiras. Hai unha que mesmo ten relación coa orixe do nome do Concello. Segundo os etimólogos, o nome de Becerreá procede dunha vila Becerreana ou Becerriana, derivado dun propietario de orixe latina que antendería polo nome de Becerianus ou Bicerianus. Pero a lenda asegura que debe o nome a unha becerra. Aconteceu durante unha das feiras que se celebraban na vila. Ía un vecín coa súa becerra á feira cando un neno lle lanzou unha pedra ao animal. Tal foi a dor que lle produciu que a becerra deu un salto e púxose a correr detrás do cativo sen que ninguén conseguira deteñela. Chamaron entón ao alcalde, home valente e astuto, dicían, quen conseguiu amansala e devolvela ao seu dono. Nas primeiras xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares, organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o profesor Rodríguez Colmenero dixo que non lle resultaba estraño que o nome tivera que ver coas representacións do coñecido como Relevo de Vilarín, do século I ou II d. C., onde se ven un touro, unha vaca e un becerro.

 


EL MONITOR DE BECERREÁ

O primeiro número deste periódico apareceu o 13 de xaneiro de 1900, fundado por Antonio Correa Fernández e Evaristo Cela Losada. En 1901 o seu director foi Manuel F. Lema. O último número saíu á rúa o 17 de decembro de 1901. Subtitulado Defensor de los intereses generales y locales de la región oriental de la provincia de Lugo y sus limítrofes.


BECERREÁ: O TREN QUE NUNCA CHEGOU

Vinte e sete anos despois da inauguración da liña férrea entre Barcelona e Mataró, chegou o primeiro tren á cidade de Lugo. Foi polo San Froilán, un 5 de outubro de 1875. A prosperidade que supoñía contar con este medio de transporte contaxiouse a boa parte da provincia, incluída a que hoxe é a comarca dos Ancares. No Plan General de Ferrocarriles de 2 de novembro de 1877 propoñíase unha liña férrea que enlazara Vilafranca do Bierzo con Ribadeo. O tramo entre Vilaodriz (na actualidade parroquia da Pontenova) e Ribadeo comezou a funcionar no 1903 para dar saída por mar ao mineral de ferro e que pouco tempo despois se ampliou ao tráfico de viaxeiros. A liña ferroviaria do Ferrocarril Central Gallego, como bautizaran o proxecto, dábase por feita.


As crónicas da época falan de que esta infraestrutura sería dunha importancia vital para o desenvolmento socioeconómico desta parte da provincia de Lugo e do Bierzo, tanto pola riqueza mineral (ferro, manganeso, caliza, granito, mármore, carbón...) como madeireira (carballos, castiñeiros, nogueiras...), ademais de estratéxica en caso de guerra para o transporte de tropas dende Galicia. Iso si, a que nun principio ía ser no proxecto unha liña xeral, pasou no ano 1908 a secundaria, pero con Becerreá como eixo das comunicacións ferroviarias entre O Bierzo e Galicia (ese mesmo ano publicouse a subasta pública do tramo entre Becerreá e Sarria).


Tan avanzado estaba o proxecto no ano 1911 que, ademais do estudo polos enxeñeiros dos sitios por onde iría o trazado, indicáronse os lugares onde se ubicarían estacións, apeadeiros e depósitos entre Vilaoudriz (A Pontenova) e Vilafranca do Bierzo (resaltamos en negriña os pobos da comarca dos Ancares por onde pasaba): Vilaoudriz, Galegos, San Xurxo de Piquín, Santalla de Piquín, Fonteo, O Cádavo, Queirogal, San Martiño de Neira de Rei, Becerreá, Guilfrei, A Alence, Vilarín do Monte, Pedrafita do Cebreiro, Veiga, Veiga de Valcarce, Ambasmestas, Trabadelo, Perexe e Vilafranca do Bierzo. O custo para os pouco máis de 150 quilómetros ascendía a 51,5 millóns de pesetas. Mesmo se falaba da construción dun ramal que enlazara a capital lucense a través de Neira de Xusá (actual Baralla) con esta liña á altura do Cádavo (Baleira). O proxecto era para unha vía estreita (inferior ao considerado como "normal"), o que supoñía menores custos en zonas de complicada orografía. En Lugo e Vilafranca do Bierzo enlazaría coa vía ancha.


O 23 de marzo de 1918 anúnciase a subasta das obras entre Vilafranca do Bierzo, pasando por Becerreá, e Lugo. Pero, a pesares das boas expectativas e o apoio das Deputacións de Lugo e León, Concellos e institucións públicas e privadas, a subasta quedou deserta.


O contratempo sufrido non decaeu os ánimos. Anos despois, entre o 1925 e 1929, iníciase unha nova campaña. Destaca, pola súa defensa, un presbítero berciano, Manuel Santín, que en varios artigos publicados na prensa da época exhorta a reclamar, por ser de xustiza, a obra, mesmo criticando o traxecto, por perigoso, entre Toral de los Vados e A Pobra do Brollón: "El ferrocarril de Villafranca del Bierzo a Lugo fue incluído entre los de interés general complementarios del plan de 1877. En el R.D. publicado en 1924 por la Ponencia ferroviaria base de la creación del Consejo Superior, fue consignado como complemento y ampliación de la línea del Norte. Acorta la distancia entre Madrid-Coruña 80 quilómetros, es decir, cuatro horas menos de viaje que por la única línea actual. Está además exento del peligro constante que amenaza a los trenes en el trayecto de Toral de los Vados a Puebla de Brollón. Constituye como ampliación de la línea del Norte una doble vía; recorre importantes centros de producción de León y Lugo, como los ayuntamientos de Trabadelo, Vega de Valcarce, Villafranca (de León), Piedrafita de Cebrero, Doncos, Nogales, Baralla, Lajoca, Neira y Becerreá (de Lugo). Pasa por cerca de Cervantes, zona de importante riqueza". Fai un chamamento a "Coruñeses, lucenses y leoneses, la ocasión es propicia. Las Diputaciones y Cámaras de Comercio de La Coruña y Lugo deben sumarse a la comisión que intenta exponer... la necesidad urgente de la construcción del ferrocarril Villafranca-Lugo. No dejarle dormir más tiempo".


Pouco despois, dise que pola falla de interese político, ou por un interese que bulía lonxe da "Montaña", veu o silencio, e con el o esquecemento.

Houbo algún outro intento para que o ferrocarril non se esquecera da comarca dos Ancares, con propostas coma un trazado dende Monforte de Lemos a través do Courel, O Incio, Louzarela, Doncos, Vilanova, Degrada, Donís, Peliceira, Tormaleo e Cangas de Tineo para enlazar cos trens asturianos. Pero coma nos casos anteriores, todo quedou en augas de fregar.

 

BIBLIOGRAFÍA

El Agro (desaparecido)

El Barbero Municipal (desaparecido)

El Eco de Galicia (desaparecido)

El Heraldo Gallego (desaparecido)

El Ideal Gallego (desaparecido)

El Noroeste (desaparecido)

El Regional (desaparecido)

Gaceta de Galicia (desaparecido)

Galicia Moderna (desaparecido)

La Voz de la Verdad (desaparecido)

 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares