HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DE CERVANTES

Historias, tradicións, mitos e lendas de Cervantes que se achegan: A pena do Castelo, A deusa Navia, A deusa Deva, A lúa, O sol, As tumbas de Corneantes, O Camiño Francés a Santiago, O Pico dos Tres Bispos, Cabana dos Estremeños, As ánimas, A Ánima Soila, Tradicións do Nadal, O tizón de Nadal, O apalpador, O entroido, A cacharela do San Xoán, Casa torre de Donís, A relixión, O mosteiro de Dorna, O mosteiro de Estremar, Mosteiro de San Salvador de Cancelada, O santuario dos Remedios, O matrimonio, O casamento de trato, Rituais sobre a morte, A Noite de Defuntos, O hórreo, A lareira, O lume, A auga, As árbores, O castiñeiro e a castaña, Herbas medicinais, Médicos e curandeiros, O sal, Castelo de Cais, A orixe de Miguel de Cervantes, A pita do monte, O pan, A malla, A pandeira, Penas Mulleres, A pena do viño, Remedio contra a caída da paletilla e a espinilla, Fórmula para curar os orizós ou os orizopos, A figa, As fontes, O cardenal Álvaro de Mendoza, A Guerra da Independencia, República independente de Donís, A millora, Acea das Pontes, As campás da igrexa de Donís, A Guerra Civil: represión fascista, A furada da raposa, Repoboacións forestais, Chan da Cruz, Dámaso Alonso nos Ancares, O derradeiro oso dos Ancares galegos, Castro de Pena Tallada, Santa María do Castro, A Cortiña dos Mouros, A cova da meiga, A fonte dos namorados, A fonte de María González, O castelo de Doiras, O encantamento do Barreiro, A campa de Fieiró, O campo da matanza, Unha cidade nos Ancares: Capara, A pena da noiva, A pena dos mouros, A Pena do Santo, A pena do viño, O pazo de Saavedra, A moza e o demo, As bruxas na Franxoeira dos Olmos, O renubeiro, O trasno do Choco, O enterro do home que estaba vivo, Un tesouro na parroquia de Cereixedo, O lobishome de Doiras, O lobishome de Vilarello de Donís, Como matar un lobo, A corriza, A orixe do nome de San Tomé de Cancelada, Un morto mata catro vivos na Franxoeira dos Olmos, En Cervantes un morto matou dous vivos, Viaxes con Ánxel Fole, Un Quindós de Cervantes en Ribeira de Piquín, A Fonte do Tesouro, Unha historia de lobos, A Cova dos Mouros, Cando os veciños de Chan de Lagares e Folgueiroa vivía xuntos, O castro de Cela, Marco do Val de Solleiro, Un tesouro entre tres fontes.

A PENA DO CASTELO 
Situada por riba da acea das Pontes, do río do mesmo nome e dunha ponte medieval de posible orixe romana. Segundo me contaron os veciños, existe a tradición de que na pena houbo unha torre de época romana.
 

A DEUSA NAVIA
É unha das deidades galaicas mellor testemuñadas na epigrafía. Era a deusa dos ríos e da auga. Os ríos Navia e Navea, en Galiza, e o Neiva, en Braga, foron bautizados co seu nome. Para Blanca García Fernández-Albalat (1990), o vencello de Navia cos ríos explicaríase a partires da concepción céltica da auga como elemento característico do acceso ao Alén a través da auga. tamén está considerada como deusa facilitadora da Natureza, das augas, das fontes e dos ríos, e tamén dos bosques. 

A DEUSA DEVA
Aldea da parroquia de Cereixedo. Etimoloxicamente significa "deusa ou divina", divindade céltica relacionada coas augas.
 

A LÚA
Para os habitantes de moitas aldeas da comarca dos Ancares, a lúa de marzo en crecente é boa e mata a mala herba. A matanza facíase nos meses de inverno e, a poder ser, en lúa mingunate para que o touciño non se puxera amarelo. A lúa é como o axente que regula o ciclo da circulación do sangue non só nas persoas, senón tamén nos animais e nas plantas. O crecente e o minguante marcan os momentos nos que a lúa actúa con máis ou con menos forza sobre o sangue; no crecente é cando sobe da raíz ao talo, do corazón ás extremidades. Durante o minguante din que é cando o sangue baixa, concentrándose en torno á raíz e perdendo vigor o organistmo. O crecente de mazo e o minguante de agosto marcan os momentos do ano de máis e de menos forza da lúa. En crecente elimínanse as malas herbas por iso é cando se aran, ao cortar as malas herbas desangran e morren. Os artesáns dos Ancares din que se debe cortar a madeira coa que van a traballar no minguante de outubro, novembro ou decembro por seren o momento do ano en que a lúa envellece e vai perdendo a súa forza, e as ramas das árbores non teñen sangue. Din que se cortan a madeira noutra época do ano o máis normal é que se abiche. Tamén din que o mellor momento para matar o porco é de novembro ata decembro, porque en xaneiro entra a lúa de ano novo e xa non se conserva ben a carne; e nunca debe matarse a partires de marzo.

O SOL
Os habitantes dos Ancares din que na montaña é onde o sol quenta a terra para fecundar o produto máis forte e máis puro. Mais na montaña é onde trona máis; a auga do trono vén quentada polo sol por medio da descarga eléctrica e "coce" (purifica) a terra eliminando as malas herbas. O sol presidindo a montaña é identificado coa forza purificadora que "atrempeira" a terra. Por iso consideran que todo o producido nas terras da montaña (alzadas, searas) é máis forte e ten máis poder alimenticio que nas terras de abaixo. A palla do centeo producido arriba din que é a única que serve para teitar as pallozas; a herba da montaña din que alimenta mellor ao gando e, ademais, serve para curalo cando está enfermo ou despois de parir (Rodríguez Campos, 1990). Unha muller do municipio de Navia de Suarna, de máis de noventa anos, contoume que cando acaía unha desgraza, o desventurado ou desventurada miraba cara o sol nacente e pregáballe protección. Ao munxir as vacas acostumábase ofrecer ao novo día as primeiras pingas de leite, poñéndoa nunha cunca que se colocaba na ventá que miraba cara o Oriente para seren ferida polos primeiros raios do sol. Antes de meter o pan ao forno, ofrecíase unha torta á "estrela panadeira" (Venus), poñéndoa na ventá que mira cara o nacemento do astro.

AS TUMBAS DE CORNEANTES
Xunto a ermida de Corneantes apareceron unhas tumbasn construídas con lousas ao ampliar a estrada local que discorre ao seu carón. Dixéronme que no seu interior había esqueletos humanos completos.

O CAMIÑO FRANCÉS A SANTIAGO
Esta variante do Camiño de Santiago aproveitaba o itinerario da Vía XIX de época romana. Segundo o catedrático Antonio Rodríguez Colmenero, fala deste camiño un documento do século XVI atopado no pazo do Fabal (Cervantes) que nomea como Camiño Francés. En realidade trátase de dous desvíos. En Galiza, o primeiro discorría por O Cebreiro, Hospital, Fonfría, Lamas e Biduedo (localidades de Pedrafita do Cebreiro); Torés (parroquia de As Nogais); As Pontes de Gatín, A Borquería, Val de Tortes, Cadoalla, Becerreá, O Cereixal, mosteiro de Penamaior e Furco (localidades de Becerreá); Constantín, Baralla, Ferreiros e Pacios (no concello de Baralla); Gomeán, Hospital de Chamoso e Laxosa (no municipio de O Corgo), para adentrarse na cidade de Lugo onde enlazaría co Camiño Primitivo procedente de A Fonsagrada. Unha segunda rota viría dende O Cebreiro, continuando por Pedrafita (onde retomaría o Camiño Real medieval que discorría pola N-VI), Castelo, Doncos, As Nogais e Becerreá (dende aquí xa continuaría polas poboacións descritas no primeiro percorrido). Esta última variante é a coñecida como Vía de Küning, en alusión a un moxe alsaciano de nome Herman Küning Von Bach que peregrinou a Compostela no ano 1495 a partires do Cemiterio dos ingleses en Ruitelán de Valcarce, no Bierzo.

O PICO DOS TRES BISPOS
A 1.795 metros de altitude sobre o nivel do mar. Segundo a tradición recibe o nome porque aquí se reunían os bispos das dióceses de Lugo, Astorga e Oviedo. Trátase dun topónimo metafórico que mediante unha alegoría popular indicaba o lugar de confluenza das dióceses citadas. No lugar hai unha columna de pedra. 

CABANA DOS ESTREMEÑOS
Na Mallada do Piornedo, aos pés do Pico Mostallar. Contáronme que recibe o nome porque antigamente viña xente dende Estremadura a traer o gando. Este nome figura recollido nun preito do ano 1788: "...rebaños trashumantes de la provincia de Extremadura..." que viñan por estas terras. (Recollida do autor do blogue).

AS ÁNIMAS
Crese que en varias zonas dos Ancares, cando alguén está gravemente enfermo escóitase un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte" que anuncia o pasamento ao Máis Alá do doente. En moitas aldeas coidan de non varrer a casa de noite, porque se lles dá para atrás ás ánimas, impedíndolles que se quenten.

A ÁNIMA SOILA
"Existe a crenza en Galiza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo". (Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-a961). Esta Ánima Soila é coñecida en varias partes da comarca dos Ancares.

TRADICIÓNS DO NADAL
Por Noiteboa estaba extendido o costume de que os mozos percorreran as casas da veciñanza cantando panxoliñas acompañados dun gaiteiro, obtendo a cambio donativos que utilizaban para celebrar festa e baile. Arredor da festividade de Reis, a primeiros do mes de xaneiro, formábanse mascaradas, formadas sempre por homes, que percorrían un amplo territorio visitando as distintas aldeas, recadando donativos cos que logo celebrar a festividade. Canto aos cantares encomezábase sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar. Estas mascaradas desapareceron totalmente, fixando a súa decadencia na época da post-guerra. (Antropología y etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares, de Xosé Manuel González Reboredo e Xaquín Rodríguez Campos, 1990).

O TIZÓN DE NADAL
"Cotarelo, no seu traballo A Noiteboa na aldea, descríebeo deste xeito: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume, cando mandan apagalo e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha de ter a sorte para a facenda e para os donos. Despois de queimado un pouco, déixase que se apague e aí se conserva o tizón do Nadal, para volver a acendelo cando haxa temor dalgunha desgraza para a casa". Rodríguez López, no seu Supersticiones de Galicia (1910), cita este costume en Becerreá e Cervantes, e insiste na circunstancia de limpar ben o fogar a Noite do Nadal, mais o cepo que aquí se pon ha durar todo o ano, isto é, acenderase todos os días, anque de noite se apague. Dito tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que o resto que queda consérvase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameaza unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade".  (Recollido de Ritos galegos de Nadal, de Xesús Taboada Chivite).

O APALPADOR
O Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. A lenda do Apalpador ten a súa orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro. As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña".
 

O ENTROIDO
O martes de entroido pola noite, en Donís facían unha facha cada veciño e con ela prendida, ían cara unha fogueira situada ás afóras preparada polas mozas. Tocaban o tambor e bailaban lanzando gritos guturais. Despois regresaban ao pobo e xuntábanse nunha casa e bebían viño. 

A CACHARELA DO SAN XOÁN
Cando o salto da cacharela do San Xoán crese que as mulleres solteiras conseguen casar se o fan sen tocar o lume; di Vicente Risco que se o logran pasarán polo altar antes dun ano.

CASA-TORRE DE DONÍS
No Diccionario Heráldico y Genealógico de apellidos españoles y americanos dos irmáns García Garrafa, aparece Onís ou Donís. Na xenealoxía alúdese a un cabaleiro que ingresou na Orde de Santiago, ao seu pai e a un seu avó que figuran apelidados como Donís, así como á súa nai que pertencía á mesma casa, mais aparecendo apelidado Onís o avó materno. Noutro documento referido a un irmán do citado cabaleiro, teñen o apelido Onís o pretendente e os sucesores. O edificio ten forma rectangular, adosado á torre. Na fachada hai unha pedra armeira. 

A RELIXIÓN
Parroquia equivale a territorio incluído baixo a xurisdición espiritual dun cura. Todos os fregueses escoitan ao mesmo sacerdote, xúntanse e reciben os sacramentos na mesma igrexa, celebran as mesmas festas patronais e reciben sepultura nomesmo cemiterio. O cura era a primeira autoridade, a el acodían nas enfermidades espirituais, mais tamén lle pidían consello para as enfermidades do corpo, consultábanlle os problemas e tíñano como intermediario entre a parroquia e o mundo exterior. Mais en non poucos casos o cura era vixiado polos parroquianos para impedir que sacara cousas da igrexa, comprobando a miúdo se faltaba algo. Moitos curas que quixeron arranxar os templos ou substituír ou "restaurar" imaxes non puideron facelo sen contar cos veciños que consideraban que o recinto sagrado lles pertencía a eles e non ao cura que estaba á súa fronte. Ademais das doazóns ao cura polas misas, novenas, vodas, enterros, etc., os fregueses tamén pensaban nos seus campos e colleitas. Así acostumábase a dar ao sacerdote esmolas para que bendicira os campos, celebrar rogativas para que chovera, para que saíra o sol ou para esconxurar o trono. En Zanfoga (Pedrafita do Cebreiro) contribuían cun ferrado de trigo ou de centeo (pan do desconxuro). En Corneantes (Cervantes) pidíanlle ao cura que fora a celebrar misa para dicir as letanías e arrenegar o trono. Tamén se celebraban procesións para evitar calamidades.   

O MOSTEIRO DE DORNA
Na actualidade a igrexa de San Xoán atópase case en ruínas, con pegotes de formigón e bloques e teito de uralita. Ao parecer asenta sobre os restos dun primitivo mosteiro templario. Dise que os monxes-guerreiros eran os encargados e enterrar no cemiterio aos mortos da parroquia, non permitindo a inxerencia de cregos alleos á súa orde. (Recollida polo autor do blogue).

O MOSTEIRO DE ESTREMAR
Estremar é unha aldea da parroquia de Dorna. Segundo a tradición, por riba da aldea houbo un mosteiro cisterciense dependente de Carracedo do Bierzo. (Recollida polo autor do blogue).

MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE CANCELADA
A única referencia da que dispoño débese a unha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír unha igrexa e un mosteiro no lugar de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando, e para facer doazón dela aos monxes do Císter. De existir este mosteiro, posto baixo o padroado do Salvador, a data da fundación hai que situala entre os anos 1152 e 1181 en que o bispo Xoán, elixido polo cabido, estivo á fronte da diócese de Lugo. Este prelado fora con anterioridade abade do mosteiro de Samos. O cenobio menciónase na España Sagrada, do século XVIII, dos PP. Flórez e Risco.

O SANTUARIO DOS REMEDIOS
Atópase en Tarnas, parroquia de A Ribeira. Algúns devotos levan a cabo procesións individuais ao redor do santuario, de xeonllos ou camiñando.
 

O MATRIMONIO
"O matrimonio afecta á esfera particular de cada casa... pero no mesmo tamén se ve implicada a comunidade en tanto que os contraíntes mudan a residencia e de status. Un primeiro síntoma desta implicación maniféstase na actitude dos mozos dun pobo cara un alleo que cortexa a unha muller. A presenza dun estrano soía dar lugar a unha reacción defensiva que podía presentar un aspecto violento, aínda que o normal era que se reducira a esixir unha compensación ao mozo intruso a cambio de permitirlle o cortexo (para a bebida, por exemplo). Unha vez superado o noviazgo, é no cerimonial de voda onde se reflicte intensamente a implicación da comunidade no proceso. Se nos últimos tempos a decadencia das capelas do pobo é evidente, non acontecía así ata os anos cincoenta, época na que esta era o marco usual do rito nupcial. Cando o cura preguntaba se había impedimento toda a xente dicía: "Non, non señor, pódense casar". Era, polo tanto, o conxunto da veciñanza a que afirmaba coa súa presenza na capela e manifestación verbal a oportunidade do enlace, expresando deste xeito a súa aceptación da nova alizanza selada na cerimonia. A cambio delo os veciños recibían pequenos obsequios que serven de compensación a este recoñecemento colectivo. Dentro da ritualidade das nupcias resulta significativa a recepción da comitiva no pobo onde o novo matrimonio fixa a súa residencia, xeralmente no do varón. Co nome de loias coñécense os cantares que os veciños dedican aos desposados... se ben en Navia de Suarna denomiánse cantares de voda ou cantar o rosco. Seguidamente, a xente, especialmente as mozas, entoaban os cantares. A canción entoada polas mozas é o primeiro paso da integración ritual da noiva na súa nova casa e moitas veces na súa nova comunidade. (González Reboredo e Rodríguez Campos, 1990).
En Donís era onde se celebraban as vodas das aldeas da parroquia. Noivos, familiares, invitados e padriños, adobiados coas mellores galas, eran recibidos pola xente ao pasar polo camiño cara a igrexa; as mozas de Donís tocábanlle o tambor e cantaban. 

O CASAMENTO DE TRATO
Nun bo número de casos, o patriarca da casa era o que elixía con quen debía casar o fillo (casamento de trato). Se o pai non se arreglaba co pai dela canto á dote, non había matrimonio. Polo xeral, o pai falaba co fillo e co pai da futura noiva o mesmo día. Se había acordo, aos oito días celebrábase a voda. Había veces que a voda tiña lugar case dun día para o outro porque a filla tiña noivo e cumpría facer as cousas apresa para evitar liortas. Un lugar para tratar do casamento era na feira, mentres se comía o polbo e se bebía o viño.
Nunha ocasión un do Piornedo foi co seu fillo a Degrada a pidir a unha moza. A casa do pai era rica en gando e buscaba a aquela rapaza porque tamén a súa casa era forte en gando vacún. O fillo, o primeiro que fixo ao chegar á casa da pretendida foi ir á corte a ver as vacas e os bois. Á moza non lle gustou aquilo e díxolle que se casara cos bois e coas vacas. Non se casaron. Isto aconteceu a mediados dos anos sesenta do pasado século XX.
En Vilarello, uns pais decidiron casar ao primoxénito cunha moza, pero esta ao enterarse dixo que se casaría co segundo fillo porque era máis guapo e gustáballe máis. Os pais aceptaron entón millorar ao segundo para traer á moza para a casa porque era rica. Mais mentres isto acontece, o fillo elixido pola rapaza morreu, e esta non se quixo casar co máis vello.
En moitos casos o período de noivado apenas existía, as vodas celebrábanse moitas veces rapidamente e moi en segredo, sen amonestacións, a medianoite. Os fillos e fillas podían ter os noivos e as noivas que quixeran mais, unha vez arranxada a dote, quedaban desprazados polos elixidos polos pais.    

RITUAIS SOBRE A MORTE
Entre as aldeas do Piornedo e Donís (Cervantes) existía un punto onde se detiñan as comitivas fúnebres. Mentres o párroco aproveitaba para cantar un responso, un parente do defunto espetaba na terra unha pequena cruz de madeira. No lugar había outras cruces, tantas como habitantes do Piornedo morreran. A continuación reproduzo uns parágrafos recollidos da obra Identidade local en terras do oriente de Galicia, de Xosé Manuel Rodríguez Campos: "A morte é un paso definitivo que leva a quen a sofre ata o mundo dos mortos, paso que vai acompañado, como é lóxico, dunha serie de actitudes rituais de carácter oficial ou para-oficial. O morto nas aldeas naviegas poñíase no horro, cuberto de sabas... ata os tres días non se enterraba. Cada vecín levaba ovos, manteiga... para axudar á comida; aos que ían ao enterro dábaselles de comer... As molestias e gastos eran en alivio dos mortos. Mentres o defunto está no ámbito familiar da casa e no veciñal do pobo celébrase o velatorio, ao que acoden preferentemente familiares e veciños, quen tratan coa súa participación de suavizar as tensións derivadas do transo. Pero aos tres días levábase ao defunto a Rao. No traslado moitas veces dificultoso por camiños de montaña, cando se sae da esfera inmediata do pobo á máis ampla da parroquia, si que se poden multiplicar as xentes relacionadas coa familia do defunto por unha veciñanza máis alonxada, as que poden contribuír co seu esforzo a portar o cadaleito e cos seus donativos a sufragar responsos que alixeiren a situación do finado no Máis Alá, participando dos alimentos, que entre eles se podían repartir, do mesmo xeito que os reciben cando van invitados á festa patronal do pobo. Pero a saída do morto cara á parroquial para ser funerado e enterrado non está exenta dun ritual que, unha vez máis, marca a identidade do pobo diante dos segmentos superiores. A morte dun vecín é tamén circunstancia propicia para que a vecindade se manifeste como unha unidade solidaria. O proceso iníciase coa participación dos veciños na cerimonia da administración da Extrema Unción e durante os dous ou tres días que o cadáver permanecía no pobo, dado que a distancia entre a localidade do defunto e a igrexa parroquial podía ser grande, o cura podía non acodir ata o lugar para presidir a condución do cadáver, encargándose algún veciño de dirixir os rezos e organizar o cortello coa colaboración dos demais; de treito en treito facíanse as necesarias remudas dos portadores do cadaleito e rezábase un Painoso que suplía ao tradicional responso do cura".
En Corneantes e no Piornedo, despois do enterro no cemiterio de Donís, toda a aldea ía xantar ou cear á casa do defunto; dábanlle patacas, pan de centeo, potaxe, touciño, viño e tamén leite.


A NOITE DE DEFUNTOS
En moitas aldeas do municipio críase que as ánimas dos familiares viñan na Noite de Defuntos a quentarse xunto a lareira, e por iso se deixaba un gran pao aceso ata o amencer. 

O HÓRREO 
Moitos cren que os hórreos, horros, son herdeiros das palafitas prehistóricas. Ademais de como despensa, en moitos lugares dos Ancares utilizábanno para depositar os corpos dos defuntos mentres non se celebraba o enterro. Ademais de teren espazo suficiente, era un lugar limpo e onde os ratos non podían chegar.

A LAREIRA
No espazo ocupado pola lareira, en moitas aldeas, en ausencia doutro lugar axeitado, utilizábase para instalar nela ao moribundo. O cura entraba acompañado dos veciños do pobo portando velas cando lle subminstraba a Extrema Unción.

O LUME
Considerado como unha divindade protectora, cando unha persoa se sentía agoniada ou vítima dalgunha pena, adoitaba situarse diante do lar para avivalo e maldicilo. Tamén lle botaban flores en determinados días do ano. Cando se cocía o pan, dábanlle a súa ración, e cando comían arredor del, botábanlle algunhas culleradas de graxa para avivalo. O lume debía conservarse puro, e non se permitía ningunha acción culpable na súa presenza; tampouco debía ser ofendido. Non se podía tirar a el nada suxo, e tíñase especial coidado en que non fosen a parar a el as cascas dos ovos xa que con elas queimaron a San Lourenzo. Existía a tradición de manter o lume aceso para alonxar os malos espíritos. En moitas aldeas o lume era cuberto e recuperado á mañá seguinte. 

A AUGA
Nos meses de febreiro e marzo non se botaba a auga aos campos porque as augas estaban "preñadas", segundo uns meses nacen os "cucharos" dentro de pequenas bolsas das que logo saen as ras no mes de abril; segundo outros chámanse "preñadas" porque neses meses traen como unha especie de "moco" parecido ao que botan as vacas pola matriz cando se están purgando. Por iso nese período do ano os campos só se regaban coa auga das fontes, pero non coa dos ríos e regueiros ata o mes de abril. A auga que corre ao longo do ano está "preñada" ao final do inverno, dise que é o período en que a auga está queda. Despois de quedar "preñada" a auga tamén quedará preñada a terra, que antes se purgou. Nos Ancares distinguen entre as augas boas e doces e as malas e bravas; as fontes de onde saen as primeiras están case todas na montaña, e dise que a súa auga é boa para "coller sangue"; as do pobo son sempre consideradas máis bravas. A auga que mana das rochas da montaña purifica e fecunda a terra. (Xaquín Rodríguez Campos, 1990).

AS ÁRBORES
Aseguran os habitantes da comarca dos Ancares que a mellor madeira é a das árbores que medran en sitios máis montañosos, pedregosos e soleados, porque nestes lugares "vicia" menos. Quere dicir que coa calor do sol medra máis lentamente, onde non hai sol medra máis rápido en busca do sol. A madeira é mellor canto máis pobre é o terreo. Din dun castaño ou dun carballo que estea xunto unha rocha, "esa madeira é dura coma un carro". En Robledo de Rao chámanlles "pedreses" porque son duros coma o seu terreo, aferrados ás súas tradicións e atrasados, e por outra porque son insociables xa que non van á taberna (Rodríguez Campos, 1990). Nos Ancares había grandes extensións de bosque poboado por castiñeiros, carballos, vidros, abrairas, pradairos, faiais, piornos, teixos, acivros, capudres... O vidro e o pradairo utilizábanse para facer zocos, o boxe para facer mangos de navalla e culleres de madeira, o castaño e o carballo para facer mobles, a rama do teixo para dar de comer ao gando, a do piorno para facer carbón como complemento da uz. O máis emblemático da zona é o castiñeiro, tanto pola importancia que tivo a castaña na alimentación como por seren a madeira utilizada para facer os teitos, tabiques, os solos das casas e dos hórreos, etc.

O CASTIÑEIRO E A CASTAÑA
Cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer os da súa propiedade, facíanlles unha marca. Cando se compraba ou se vendía escriturábase como unha propiedade máis. Distinguen na zona cinco tipos de castiñeiros que levan os nomes "do bravo", "da parede", "ron" (ou coruxa), "verdiños" (ou marelás) e "de cebola". Canto ao seu froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen pronto, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución; e canto máis forte se lle pegue ao varexalos, mellor. Ata ben entrada a segundo metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos.

HERBAS MEDICINAIS
Case todas as herbas medicinais nacen no monte, agás a ruda que se cultiva na horta. O talo do regaliz era considerado bo para a gorxa, a raíz e as follas da arandeira (vaccinium myrtillus) e a pel do sangumio (corunus sanguinea) para as dores de ventre, a xeixebra (xaifraga granulata) para as almorrás, a celidoña para as cortaduras, a árnica (arnica montana) para a circulación do sangue, a xanzá (geniata lutea) para os catarros, tuberculose e para baixar a tensión porque clarea e purifica o sangue, a raíz do llantén (alisma plantago) para os catarros, a raíz e a flor da uz branca (a vermella é considerada velenosa) para as dores de cabeza e de lumbago, a raíz e a flor da carqueixa branca (chamaespartium tridentarum) para rebaixar a tensión, a raíz e o talo da consoldra para os golpes e lombrigas do gando. Mais dise que deben ser aplicadas con coidado, en doses controladas zugan o mal que hai nel. A característica que consideran máis común a todas as herbas medicinais é a súa sabor doce, fronte ás malas que lles atribúen un sabor amargo e desagradable, por iso non as comen os animais. 


MÉDICOS, CIRURXÁNS, COMPOÑEDORES, CURANDEIROS...
A finais do século XIX o número de médicos que había en Galiza non chegaba aos 70, e 500 cirurxáns, tendo en conta, ademais, que moitos médicos eran charlatáns e a maioría dos cirurxáns non eran máis ca barbeiros-sangradores. A residencia do médico na capital municipal non implicaba a súa actuación profesional nas numerosas aldeas coas que apenas tiña contacto. As comunicacións dende a capital entre as distintas aldeas era tan deficiente que se chamaban ao médico, por exemplo dende Candepena, este invertía na viaxe e consulta non menos de sete horas, quedando o resto dos veciños do concello sen atención, e iso contanto que non nevara. O desprazamento a moitos lugares esixía a combinación de coche e cabalo. Non resultaba unha rareza non avisar ao médico cando se cría que a enfermidade era incurable. Cando alguén morría sen asistencia médica, o sacerdote ou o pedáneo eran requiridos para cubrir un papel no que dicía "morreu de morte natural", para así poder ser enterrado. A visita custaba entre 1.500 e 2.000 pesetas, todo un diñeiral para as minguadas rendas. Os únicos que estaban exentos de pagar os gastos do médico eran os "pobres de solemnidade" que figuraban nunha lista confeccionada polo Concello. A xente distinguía entre enfermidades "novas" que eran competencia do médico, e as que non o eran como erisipela, cualleiro, paletilla, espinilla, esfiado, ponzoña, aire da pozoira, a sombra, o enganido, o coxo do sapo, a cisma, o rauto, mal da teupa, mal de afóra, mal de ollo, feitizos..., recorréndose, en vez de ao médico, a bruxas, compostores, manciñeiros, arresponsadores, curas, santos, cemiterios, rescriptos, allos, cornos, herbas ou remedios caseiros, etc. En Donís (Cervantes) lembraban con detalle as primeiras visitas do médico a mediados dos anos cincoenta do pasado século XX. O cura facía de médico e a el chamaban, pedíndolle a súa opinión sobre se o enfermo ía a morrer ou non ou se chamaban ao médico. Curandeiros, compostores, compoñedores, sabias, axeitas, manciñeiros, etc. cubrían o campo das roturas de ósos, luxacións, dores de costas, estómago, calleiro... Para a curación de "enfermidades de nervios" recoríase a certos santuarios, con símbolos e rituais específicos. En moitos casos, nos lugares de difícil acceso, os "enfermos de médico" graves eran levados a ombros ata a estrada onde os recollía un coche para achegalos ata a consulta. En Cervantes, os únicos que podían curar "o mal de afora" eran os curas (maldicións, meigas, mortos, etc.) porque os médicos, dicía a xente, "diso non entendían"; dicían que eran enfermidades, mais "son espíritos que andaban perdidos e metíanse nunha persoa". Ademais da capital municipal, o médico tamén podía ter consulta nalgunha aldea. En Vilanova do Pedregal había unha praca de médico na porta do estanco que dicía: "Consulta martes, venres e días de feira", actividade que compartía con menciñeiros, compostores, sabias, etc., que adoitaban ter máis pacientes que o propio médico. 

O SAL
Está considerado como un axente purificador da terra que botan durante os meses de inverno nas leiras de labradío cando son invadidas polas malas herbas; din que así conseguen facelas desaparecer. O poder curativo do sal exprésase noutra crenza relativa á salmoeira, a que serviu para curar a carne da matanza; antigamente, durante a festa do primeiro de maio, botábanlla ao caldo de castañas para que as mulleres non se marearan. A salmoneira séguese a utilizar nalgunhas comidas de inverno e primavera para dar sabor ao caldo, mais perdendo a función ritual que tiña en determinadas celebracións sobre o ciclo agrícola e a vida familiar. (Rodríguez Campos, 1990). 

CASTELO DE CAIS
O composto do topónimo semella estar relacionado cos cans, os animais domésticos, ou, tamén, con calellas ou ruelas. Caridad Arias recolle o nome de Vila de Cais cuxa orixe retrotrae á forma posesiva Bellacanus ou Villacanus, do nome Bilicanus. Durante o afán castelanizador do Antigo Réxime chegou a chamarse Castillo de Perros.
 

A ORIXE DE MIGUEL DE CERVANTES
Moito se ten lucubrado canto á orixe do topónimo que dá nome ao municipio de Cervantes, se terra de cervos, se deriva do nome latino Servandus, cuna do autor do Quixote... César Brandariz publicou El hombre que "habla difícil". ¿Quien era realmente Cervantes? (2011) no que informa da localización do orixinal dun documento de Rodrigo Méndez Silva (1600-1670), un xenealoxista portugués que foi cronista de Felipe II, onde di que Miguel de Cervantes Saavedra é "orixinario de Cervantes, en Sanabria, no antigo Reino de Galicia". No apartado adicado á xenealoxía do alcalde de Toledo, Nuño Alfonso, de orixe galega, refírese a Miguel de Cervantes como un dos seus ascendentes. Méndez Silva fai mención dun manuscrito de Florián de Ocampo (1513-1590) custodiado na libraría do Conde de Lemos, protector do escritor. Neste documento fálase de que membros da familia de Cervantes desprazáronse no ano 1577 a Sevilla, Extremadura e México. entre outros documentos, Brandariz cita un documento do desaparecido Colexio dos Xesuítas de Monterrei, na comarca de Verín, cuxas páxinas están escritas na caligrafía de Cervantes. César Brandariz arfirma, ademais, que non existe ningún documento non falsificado no que Miguel de Cervantes se delcare de Alcalá de Henares. (Ver a entrada neste mesmo blogue: Toponimia do concello de Cervantes). 

A PITA DE MONTE
Da familia "tetranoide" é, quizais, a ave de maior tamaño da fauna galega, con cola característica en forma de abano e pruma negra con irisacións e tonalidades que van variando da cola ao peito e deste ás as. As femias son máis pequenas que os machos, presentan tonalidades na prumaxe tendentes á cor parda e ao abrancazado e o seu carácter é bastante esquivo. O máis característico desta ave é o cortello nupcial: o macho, pousado nunha póla á que se denomina cantadeiro, abre a cola en abano e ao mesmo tempo estira o pescozo e comeza a cantar chamando ás femias; a súa concentración é tal que en ocasións esta cerimonia cústalle a vida. Desaparecida dos Ancares galegos, pódese ver unha, desecada, no albergue da Campa de Fieiró, tiroteada por Fraga a principios dos anos setenta do pasado século.

O PAN
Antes de cocer o pan acostumábase a facer unha bola con masa e ofrecerlla á estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña.

A MALLA
Mallar é golpear o trigo ou o centeo cun mallo, pao, etc. para separar o gran da palla. Lisón Tolosana escribiu que aínda a finais dos anos setenta do pasado século era bastante xeralizada en Donís e outras aldeas de Cervantes. A Tirso de Molina (1579-1648), na súa obra Mari-Hernández la Gallega, chamáballe a atención que en Galicia non se usara o trillo como en Castela: "Los gallegos al limpiallo/robustos juegan al mallo/y menosprecian el trillo". A malla comezaba moi cedo, despois de tirar unha meda sobre a aira actuaban os malladores. Arredor das oito da mañá, o dono levaba un mantel que poñía sobre o gran e todos paraban para o almorzo a base de xamón, chourizo e viño. Á hora do xantar matábase un cordeiro ou un año. A merenda era sobre as cinco do serán. E por último, ao rematar a xornada, ceábase forte con carne, patacas, xamón, ovos, cachucha, chourizos e viño. Nalgunhas aldeas do concello, despois da malla bailaban na mesma aira.

A PANDEIRA
Nas montañas dos Ancares denominan pandeira a uns pandeiros redondos que levan algunhas ferreñas inseridas no marco. Fabrícanse curvando unha táboa de 5-6 mm de grosor, e cubríndoa por un lado cunha pelica de cabra ou corzo. A pandeira leva varios grupos de ferreñas inseridas en furados rectangulares e alongados que se distribúen arredor do seu marco. En moitas aldeas, coma no Piornedo (Cervantes), pintábase na pel un debuxo. Na comarca, o uso deste instrumento está intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino.(Ver Apéndices neste blogue: IX Festa da Pandeira). 

PENAS MULLERES
Situadas por riba da aldea das Casas do Río. Segundo me contou un veciño, en tempos que ninguén lembra, unhas mulleres que viñan de Folgoso por un antigo camiño, víronse, de súpeto, arrodeadas por unha manda de lobos. Desesperadas, e cando os lobos xa se ían botar sobre elas, gatuñaron polas verticais penas, decisión que lles salvou a vida.
 

A PENA DO VIÑO
En Chandeiro, parroquia de San Pedro de Cervantes. Recibe o nome porque xunto dela, situada xunto o camiño, na actualidade unha estrada local, poñíanse os veciños con garrafóns para llelo vender aos que pasaban polo lugar. (Esta tradición achegouma Anuncia, do mesón de Catroventos).
 


REMEDIO CONTRA A "CAÍDA DA PALETILLA E A ESPINILLA"
A espiña dorsar ou "espinilla", chamada tamén espiña, trátase dun conxunto de vértebras dispostas en fileira e unidas entre si que forman o cixo do esqueleto e sosteñen o corpo humano. Pola contra, co nome de "paletilla", tamén chamada paleta, cada un dos ósos planos que articulan o brazo co ombro. Esta enfermidade consiste no dislocamento dalgún óso e caída das vísceras que provoca unha malformación que se pode comprobar de modo popular do seguinte xeito. Déitase á persoa no chan coas pernas estiradas e xuntas, tendo en conta que os pés estean xuntos tamén, e se xuntan os brazos por detrás da cabeza. Se as palmas das mans ao xuntarse quedan a distinto nivel é que hai esta enfermidade. Na parroquia de San Pedro de Cervantes sentaban ao enfermo nunha cadeira, igualábanlle as pernas e levantábanlle os brazos, tirando deles cara arriba ata que as mans quedaban ao mesmo nivel. Logo era necesario repouso e xantar bos alimentos. Para finalizar o ritual, outra persoa dáballe unhas masaxes e mencionaba as seguintes palabras que tería que repetir durante cinco días seguidos: "Refrégoche os ósos/de arriba ata abaixo/e ao cabo duns días/a dor dos ósos/irache pasando". (Recollido de O Paraíso: Cervantes).

FÓRMULA PARA CURAR OS ORIZÓS OU ORIZOPOS
Esta doenza é unha inflamación benigna que afecta basicamente a nenos e xoves, e que aparece na beira libre das pálpebras. Para curar esta enfermidade, ademais de remedios físicos, úsanse outros de base máxico-relixiosa. Na parroquia de Cereixedo collíanse tres pallas dunha palloza; unha delas tiña que ter un no; logo poñíanse en forma triangular e prendíaselle lume por debaixo, mentres se recitaba o seguinte ensalmo: "Foxe orizó/que che queiman a casa/con tres pallas e un no". Na parroquia de Donís o remedio para curar ben a doenza do orizó consistía na construción dunha pequena casa de palla á que logo se lle prendía lume; mentres ardía, pronunciábanse as seguintes palabras: "Queimo a palla/e o palleiro/e queimo o meu orizopo". (Recollido de O Paraíso: Cervantes).

A FIGA
A figa é a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou como insulto. En moitas aldeas da comarca aos recén nados poñíanlle unha figa en forma de man pequena, principalmente de cor negra, nunha pulseira. Diante das meigas e aolladoras, homes e mulleres apuntábannas co dedo polgar.

AS FONTES
A algunhas fontes e mananciais acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear. 

O CARDENAL ÁLVARO DE MENDOZA
Álvaro de Mendoza Caamaño y Sotomayor, cardeal das Indias entre o 1734 e o 1761, dise, sen fundamento histórico, que era natural de O Pando e que polo seu mandato se mandou construír en Lama de Rei, parroquia de Mosteiro, un suntuoso pazo. 

A GUERRA DA INDEPENDENCIA
Segundo as crónicas e atradición, os sucesos máis importantes sobre a guerra contra a invasión napoleónica nas terras de Baralla produciuse a principios do ano 1809. Pardo de Neyra reproduce unha carta publicada no ano 1809 no peródico Diario onde se di que en Vilarpunteiro os guerrilleiros galegos puxeron en fuga aos soldados franceses cando se dispuñan a saquear Lexo, ou cando os franceses tiveron que fuxir de Baralla cando foron sorprendidos polos veciños, abandonando provisións e munición. E que na Pena, escribiu Antonio Correa, unha partida de franceses morreron a mans dos veciños e que logo foron soterrados no monte que, de alí en diante, recibiu o nome de Furada dos Franceses, episodio narrado por Gerardo Fernández López no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo, que asegura tomado do Libro Probisional de Fábrica da igrexa de Baralla, redactado por Andrés Rivas Pardo, cura vicario na vacante da parroquia. O día 5 de xaneiro do mesmo ano, unha avanzada do exército napoleónico foi obrigada a recuar polos dous canóns que os aliados ingleses situaran xunto a Ponte de Senra; os franceses retiráronse, entón, cara Baralla onde, contan, fixeron tres fogueiras no interior da igrexa quimando todo o que de madeira había. Conta benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1874) que a principios do ano 1809, xuntáronse uns cinco mil veciños para atacar a cantas columnas francesas pasaran pola zona, interceptando postas, correos e toda clase de noticias, por ben escoltadas que fosen, e para evitar isto tiveron que poñer os franceses un forte destacamento en Sobrado do Picato que foi exterminado polos guerrilleiros galegos, arroxándoos ás augas do río Neira. Nas mesmas datas, os veciños apostáronse en Constantín, á beira do camiño real, ocasionando ao exército napoleónico moitas baixas, entre elas o mesmo comandante que dirixía o destacamento inimigo. E en Constantín fixo noite o valeroso Batallón Literario formado por estudantes da Universidade de Santiago, sendo o grupo máis famoso que actuou durante a Guerra da Independencia. Á súa fronte colocouse a un militar con experiencia, Xoán Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón e Salgado de Soutomaior, marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Na biblioteca da Universidade aínda se conserva a súa bandeira, coas cores azul e branca da bandeira de Galiza, e dous escudos, o do antigo Reino de Galiza e o escudo de armas da Universidade cubertos por unha coroa real e a inscrición: Auspice Deo: pro libertati regis palladis legio: anno MDCCCVIII. Na Praza da Quintana compostelá hai unha praca lembrando a súa xesta. Tamén conta Vicetto que no mes de decembro de 1808, o mariscal francés Soult persegue dende Astorga ao exército inglés de Moore, e á división española mandada  por de la Romana. No Bierzo De la Romana sepárase, a retirada dos alidados semella unha fuxida en toda regra. Segundo achega Villamil y Castro na Crónica de la provincia de Lugo, en Crónica General de España (1886), o inglés Moore proseguiu a súa retirada cara Lugo, mais era tal a desorde, indisciplina e inmoralidade dos seus soldados que ordenou arroxar por un despeñadeiro das Nogais 120.000 pesos que levaba, preferindo isto a repartilos entre a súa tropa; tal era a desorde que ata abandonaron as armas e os feridos. Nesta desbandada dos ingleses, moitos veciños de Noceda, Doncos, As Nogais e outros concellos limítrofes ofrecéronse a Moore para combater aos franceses. O 17 de xaneiro, día en que o francés Soult vencía aos ingleses, os veciños de Neria de Xusá (Baralla) e das Nogais emboscáronse e colocáronse nos desfiladeiros de Augas Louras e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas. Os guerrilleiros galegos de As Nogais, animados polos éxitos citados atacaron o día 28 de xaneiro a unha partida inimiga que descubriran na serra de Albela conducindo prisioeiros ingleses; os cautivos foron liberados e os franceses postos en fuga. Ese mesmo día, outro grupo de guerrilleiros das Nogais puxo en desbandada a unha partida do exército francés que se dirixía a saquear Lexo, no municipio de Baralla. A finais de febreiro do 1809, estando en Doncos unha columna de 430 franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos guerrilleiros dende As Nogais ata Baralla, apoderándose de 7.000 pares. Na loita contra o francés na comarca destacaron o veciño de Agüeira Manuel María Núñez, que o marqués De la Romana confiou o mando dos guerrilleiros, e Ramón de Nadela. No ano 2008, José Luis Gárfer, que estaba a percorrer Galiza na procura de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego (2000), descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), conservaba entre outros documentos históricos un que podemos considerar como excepcional. Trátase dun manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recolle a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España entre o 6 de febreiro de 1807 e o 6 de maio do 1808. O seu autor é o xeneral francés Gerard que ofrece o retrato do conflito bélico en diferentes localidades, incluíndo arengas, resolucións, consignas, consellos de guerra e notas oficiais sobre as diferentes campañas do exército francés que transportaba armas a un continxente destacado en Astorga (León), tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Os soldados de Napoleón acabaron derrotados polos guerrilleiros locais que se sublevaron fartos dos saqueos e tropelías cometidas polos invasores. Para atopar a quen se fixo co botín, hai que remontarse a oito xeracións atrás, tamén se chamaba Gabriel Fernández, máis coñecido como O terror dos gabachos. A súa casa aínda se conserva, se ben que xa non existe o espazo subterráneo que utilizaba a familia para agochar a carne aos franceses, e máis tarde aos carlistas; para disimular o escondedoiro depositaban a leña por riba da trapela. Na batalla contra os franceses, os veciños da zona, nun número duns 4.000, apoderáronse de gran cantidade de armas, ata o punto de que os desaugues dos fregadoiros de boa parte das casas de Becerreá construíronse con canos de fusil francés. As probas do levantamento popular contra as forzas de Napoleón en Becerreá son abondosas, de feito, entre os ano 1960 e 1980, o bar Chafarotes tomou o nome polos anchos sabres utilizados polos soldados e que serviron para adornar as paredes do local. Gabriel Fernández tamén conserva un documento no que o capitán xeneral de Galiza, o marqués De la Romana, chama á mobilización, que os veciños executaron co enfrontamento, entre outros, da ponte de Cruzul. No concello de Cervantes, as tropas napoleónicas, chegadas polo Camiño Real, foron atacadas en varias ocasións polas alarmas populares; a difícil orografía do terreo permitíalles facer emboscadas. Na Pena da Seara, unha pequena aldea da parroquia do Cebreiro, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro, onde foron levados os que quedaron para que as tropas napoleónicos non os destruíran; a respeito deste sucedo, un frade do Cebreiro escribe: "Certifico yo el infraescrito cura de Sta. María la Rl. del Cebrero como en el día ventiseis de junio de este presente año de mil ochocientos nueve se quemaron por los franceses en el lugar de Peña Seara y casa de Dn. Santiago Gómez, todos los libros antiguos de Bautizados, Casados y Difuntos de esta parroquia; a cuya casa se habían extrahido con los demás Libros que yo tenía cerrado en dos baules, a fin de librarlo de las manos de estos enemigos de la Religión y genero humano por que no los derrotase , o quemaren, pero hubo desgracia de que vaxaron a quemar aquella casa y juntamente, baules y Libros, sen dar lugar a librarlos por temor de perder la vida. Puedo certificar como no faltaba por poner, por haber estado doce años en este Priorato, y haber registrado con atención los referidos libros, y para que conste en lo sucesibo doy el presente certificado que firmo en el expresado priorato del Cebrero á veinte y nueve de junio de dicho año".

REPÚBLICA INDEPENDENTE DE DONÍS 
A finais do século XIX había unha mala comunicación con Donís, en plena Serra dos Ancares. Esta quizais fose a razón para que o alguacil de Cervantes, Francisco Trabado Ponte, veciño de Sabadelle, tamén coñecido como Campaín de Sabadelle, en función de axente executivo, se demorase no cobro duns recibos da contribución daquelas xentes que tiñan que pagar por traballar as terras, vivir nunhas miserentas pallozas e ser propietarios duns carros cos que transportaba herba, centeo e colleitas de patacas e nabos. Cando o alguacil chegou a Donís a cobrar as contribucións atrasadas, recibiu un non por resposta en todas as casas xa que a xente carecía de cartos. Ante a negativa, o Campaín de Sabadelle comezou a ameazar aos veciños co embargo dos seus bens. Ante este ultimatum a xente reuniuse debaixo duns carballos que había preto da igrexa e acordaron declarar a República Independente de Donís. Un home do pobo arrebatoulle os recibos da contribución ao recadador que ameazou con acodir á garda civil de Becerreá. Diante disto foi despoxado das súas roupas e encarcerado na capela do pobo. Alí permaneceu ata que a Garda Civil, ante a súa tardanza, o rescatou poñendo fin á República.
 

A MILLORA 
"Bens divididos, bens perdidos". A millora era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas. En Cervantes, aínda que se fixeran as partillas, o fillo millorado apenas mandaba, se o pai aínda vivía era o que ordenaba e mandaba, dicía o que había que facer e quedaba cos produtos das vendas. Incluso se estaba casado, o pai non lle daba nada, só lles daba de comer, vestíaos e pagaba o médico do primoxénito, da súa muller e dos fillos destes. Este tipo de situacións causaba moitas veces enemistades entre o vello pai e o fillo.  

ACEA DAS PONTES
Situada nas Pontes, parroquia de Donís, xunto o río do mesmo nome e unha ponte medieval de posible orixe romana. O matrimonio que aínda vive no lugar contoume que alí había tamén unha taberna, lembrando que era habitual atopar máis de vinte cabalarías esperando polos seus propietarios. O sitio era de paso obrigado polo antigo camiño que unía, entre outras aldeas, Xantes con Donís. Por riba do lugar érguese a Pena do Castelo onde, din, os romanos tiveron unha garita de vixiancia da ponte romana situada nas inmediacións.
 

AS CAMPÁS DA IGREXA DE DONÍS
Ata a Guerra Civil, para "arroxar o demo", os habitantes do Piornedo baixaban ata a igrexa parroquial de Donís o día Xoves Santo para tocar as campás. Tamén teñen sona de alonxar os tronos.
  
GUERRA CIVIL: REPRESIÓN FASCISTA 
A Guerra Civil (1936-1939) produciu a arrepiante cifra de máis de medio millón de mortos. Isto sen contar aqueles que morreron de fame e por enfermidades xeradas pola guerra. Sumados os primeiros e os segundos a cifra pode acadar o millón de vítimas. Debido á represión, os fascitas asasinaron na retagarda unhas 100.000 persoas entre 1936 e 1939, e 50.000 máis na postguerra. Unha investigación rigorosa realizada polas tres universidades galegas (As vítimas, as voces, os nomes e os lugares), dirixida polo profesor Lourenzo Prieto, documenta en Galiza 3.260 asasinatos extraxudiciais (paseos e sacas), e 1.413 execucións mediante consellos de guerra (carentes da máis elemental garantía xurídica) entre os que se atopaban militares leais á República, os catro gobernadores civís, deputados, alcaldes, labregos, ferroviarios, funcionarios, médicos, mestres... É dicir, 4.673 persoas cuxo único delito foi defender a legalidade. Segundo datos tirados do grupo de investigación Nomes e Voces formado por especialistas en historia contemporánea de Galiza, na comarca galega dos Ancares, dos 147 represaliados, case medio cento foron executados e un bo número foi deportado a campos nazis en Alemaña, onde morreron a maioría. No ano 2014, veciños de Becerreá e de Ribadeo decidiron sumarse á querela arxentina contra o franquismo, denunciando ante o cónsul arxentino en Vigo casos de desaparicións e torturas de familiares seus, segundo anunciou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Esta querela promoveuna, entre outros, Darío Rivas, fillo de Severino Rivas, fusilado en 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. Familiares e as propias vítimas están facendo chegar os seus casos á xustiza arxentina, a través de consulados e da embaixada do país americano.   

A FURADA DA RAPOSA
Trátase dunha cova onde se refuxiaban os perseguidos polo réxime fascista durante e despois da Guerra Civil.

REPOBOACIÓNS FORESTAIS
As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. O estado incautouse de montes comunais para efectuar as plantacións, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das aldeas subiran a pastar o gando.  

CHAN DA CRUZ
En Poso, parroquia do Pando. Segundo a tradición, aínda moi viva entre os veciños, neste lugar, situado preto do Pico da Legua, está a orixe da aldea. (Recollida polos autores do blogue).
 

DÁMASO ALONSO NOS ANCARES
O filólogo Valentín García Yebra (1917-2010) conta en Tres viajes dialectológicos con Dámaso Alonso (Cuadernos Hispanoamericanos, 1973) as viaxes que como acompañante de Dámaso Alonso ((1898-1990) realizaron aos Ancares en tres ocasións.
Dámaso investigou o galego que se fala nos Ancares e nos Ozcos, ademais de ser o primeiro en clasificar a fala de entre o Eo e o Navia como galego, se ben o denominou co termo de galego-asturiano. Entre os seus traballos sobre o galego salientan EnxebreNarraciones orales gallego-asturianas ou El gallego-leonés de Ancares y su interés por la dialectología portuguesa. Neste último fala da investigación feita por el mesmo e por García Yebra no val de Ancares.
A primeira das viaxes tivo lugar no ano 1954 polos vales de Ancares e da Fornela leoneses, "Entre los dos está el límite del gallego y del leonés en la montaña de la provincia", escribiu nun especial de Mundo Hispánico (1957). Visitaron Vega de Espinareda, Candín e Peranzanes onde fixeron noite na casa do Narciso, lembrando "El jersey de la moza se le había rozado y roto, exactamente en las dos puntas críticas, y las asociaciones mentales consiguientes". En Candín alonxáronse nunha das mellores casas do pobo, con tan boa sorte que alí mesmo había dúas persoas aptas para o interrogatorio lingüístico proxectado. Di García Yebra que o galego das dúas mulleres da casa era "delicioso... la doble acentuación de las palabras de más de dos sílabas, la diferencia de tono entre las dos sílabas acentuadas, la prolongación de las vocales en hiato, la fuerte nasalización de las vocales inmediatas a -n- intervocálica perdida, y la palatalización de la a en ciertas condiciones le dan al habla de Ancares gran musicalidad y una extraña dulzura".
A segunda viaxe foi no verán de 1957. Estiveron en Candín e Pereda; para desgusto de Dámaso Alonso, non puideron ir a Tejedo de Ancares (Teixeu).
Foi no verán do ano 1962 cando Dámaso Alonso e García Yebra regresaron aos Ancares, mais nesta ocasión á vertente galega dos "Picos de Ancares", na zona de Cervantes. Querían saber se nos Ancares galegos se daban os mesmos fenómenos dialectais que nos leoneses. Chegaron en coche a Becerreá, e dalí, acompañados por Antonio Rosón e dous primos seus, foron ata Os Cabaniños, "Tres casucas de madera que daban nombre al lugar". Nos Cabaniños esperábaos Inés, "preciosa amazona... de diez o once años", que dende Xantes lles levara, soa, dous cabalos e un macho. Por un tupido bosque de castiñeiros, faias e abeleiras, descenderon a un fondo val por onde discorría un regato. Ao cruzalo por unha ponte de troncos, Antonio Rosón díxolles que estaban a cruzar o río máis metafísico do mundo: o río Ser. "Ser es una raíz indoeuropea que significa río. Serían celtas quienes llamaron a aquella pequeña corriente Ser, es decir, Río, precisamente porque carecía de nombre propio". Río irmán do Sar compostelán, cantado por Rosalía, e do Sarela, e do Sor que desemboca na ría do Barqueiro, e tamén do Sôr portugués, e doutros moitos ríos de Europa. 
Chegaron a Xantes, lugar central das súas investigacións, comprobando que a fala da vertente galega dos Ancares non presentaba ningunha das características que tanto lles chamara a atención na zona leonesa, o que levou aos dous investigadores a considerar aquela viaxe coma un fracaso, mais só no aspecto lingüístico xa que o humano e paisaxístico compensounos amplamente. Dixo Dámaso Alonso que contemplar aquela natureza era como asistir "al momento auroral de la creación, al amanecer del mundo", preguntándose se a vida en Xantes non sería en moito como a dos antigos celtas que poboaron aquel monte. Máis da metade do pobo eran pallozas, perfectamente circulares, con dúas entradas diametralmente opostas, e divididas no seu interior de maneira típica, que permitía a homes e animais unha próxima convivencia.
Foi naquela estadía en Xantes cando souberon que nunha das pallozas da aldea desenvolvérase un acontecemento que semellaba retrotraelos a épocas remotas. Vivía na palloza un vello con dúas fillas e dous fillos, xa maiores. A noite do suceso as dúas fillas atopábanse na casa veciña. O vello xa deitara. Manuel, un dos fillos, saíra un momento deixando a porta entreaberta. O outro, Xoán, que durmiñaba sentado nun dos escanos da lareira, non prestou maior atención á entrada dunha mastina da casa que andaba en celo, e entrou seguida de dous que a Xoán, medio durmido, lle semellaron cans, mais non lle soaban de que pertenceran ao pobo. Abriu ben os ollos, e ergueuse dun salto: Eran lobos! Regresaba entón Manuel de fóra. "Pecha a porta! -berroulle Xoán-, haiche dous lobos na casa". Ao oír ao home, un dos lobos tentou ganar a porta, mais Manuel, un xigante, logrou atrapalo. Case totalmente a escuras loitou co lobo, mais unha especie de gruñido deste fíxolle crer que era un can, e deixouno marchar. Pechou a porta, e quedou dentro o outro lobo. Os dous irmáns comezaron a perseguilo por toda a palloza. Cando fuxía, o lobo caeu sobre un dos escanos, onde case ao mesmo tempo, un dos homes suxeitouno polo rabo e o outro deulle tal golpe co mango dunha aixada  que o pobre animal caeu redondo. Os da casa onde hospedaban Dámaso Alonso e Vicente García Yebra contáronlles que era raro o inverno que non entraban os lobos en Xantes, e que os osos chegaban moi cerca do pobo.


O DERRADEIRO OSO DOS ANCARES GALEGOS
Sábese que no século XIX os osos xa escaseaban en Galicia, mais aínda se podían ver algúns, ademais doutras zonas do país, nas montañas dos Ancares e do Courel.
No seu Viaje por los montes y chemineas de Galicia. Caza y cocina gallegas (1962), no capítulo Del oso filosofante y gruñón, que aún mora en los Ancares, José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro falan do derradeiro oso pardo (Ursus arctos) que viviu nos montes dos Ancares galegos. Din que foi un home de Castelo de Frades (Cervantes), chamado Manuel Cedrón, quen despois de meterse na gorida do plantígrado, matouno dun disparo. Contan que este home, de neno, dende a solaina do seu pazo vía os osos e os seus osiños (orgaños lle chaman por aquí) andar polos prados próximos á aldea. Descoñezo se se trata da mesma osa e unha cría, recollido nas crónicas da época, mortas na Pena Boullosa (tamén en Cervantes) no ano 1942 por un veciño da Freita. Mais, trátese ou non do mesmo suceso, o certo é que a súa extinción estaba anunciada. 
Do que non semella haber dúbidas é de que o derradeiro oso de Galicia foi abatido o 17 de xuño de 1946 por Camilo Lloves González en Coucieiro, no concello de Padrenda, "fazaña" que mesmo foi premiada polo gobernador civil de Ourense Vicente Muñoz Calero. 

CASTRO DE PENA TALLADA
O castro sitúase no Fabal. O nome dállo unha gran rocha cunha fenda de máis de quince metros. Dise que existe un túnel polo que baixaban os mouros ata o río para que bebesen as cabalarías e para fuxir eles mesmos cando había liortas; abaixo no río hai un gran barcal feito na pena para que bebesen sen ser vistos. (Achegada por Tito Fernández de Témez).
 

SANTA MARÍA DO CASTRO 
Dise que debaixo da igrexa situada no castro hai un túnel que comunica co río. 

A CORTIÑA DOS MOUROS
Lugar situado no castro da Croa de San Miguel, na parroquia de Vilarello. Un veciño de San Miguel contoume que no castro había tres fornos onde os mouros facían o cal que, disque foron utilizados na construción do castelo de Doiras. (Recollida polos autores do blogue).    

A COVA DA MEIGA
Esta cova é citada por Eladio Rodríguez (1958). Di que está formada en terreos calcario-cambrianos, na cal se oculta a corrente do regueiro de Covas, cuxas augas reaparecen de novo máis abaixo. 

A FONTE DOS NAMORADOS
Situada na Campa do Barreiro. Dise que cómpre beber dela tres veces para conseguir o favor da persoa amada. Mais a lenda non queda aí, senón que tamén di que se os namorados beben collidos da man, entón a parella contraerá matrimonio con total seguridade antes de que transcorra un ano.

A FONTE DE MARÍA GONZÁLEZ
Un día chegou unha muller ao municipio de Cervantes, dise que proveniente dalgún lugar de Asturias. A toda persoa que atopaba no camiño lle preguntaba se coñecía unha fonte de poderes milagreiros que lera nun pergameo moi antigo. Mais ninguén soubo darlle resposta. A muller, enferma e case ao bordo da morte, chegou ao Piornedo. Foi alí onde un veciño lle dixo onde estaba, mais advertíndoa de que non se quedara no lugar de noite, xa que podía morrer de frío ou ser devorada polos lobos. Pasou unn día, e outro... e a muller non daba sinais de vida. Mais ao noveno día, os veciños víronna baixar polo mesmo camiño que percorrera días antes. O seu aspecto xa non era o dunha muller moribunda, a cor da vida retornara ao seu lívido rosto. Cando chegou xunto os habitantes do Piornedo, contoulles que se bañara na fonte nove veces ao día durante os nove días que permanecera no lugar e que o último, unha nube negra baixou do Corno Maldito, un monte lindeiro coa provincia de León e situado a 1.849 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cando a envolveu a nube, dos seus peitos manou un sangue negro e fedorento. Mais, de súpeto, a nube desapareceu como tragada pola auga do manancial. Cando a muller mirou para os seus peitos, viu que cada un tiña unha cicatriz que é por onde se fora o terrible mal. Dende aquel suceso, a fonte chámase de María González. 

O CASTELO DE DOIRAS
Na parroquia de Vilarello. Coñecido tamén como da Ponte de Doiras, Ferreira ou da Ferreiría, estes últimos nomes quizas pola súa proximidade coa ferraría de Fonquente. Construído sobre un rochedo no século XV, pertenceu ao conde de Graxal de Campos, álzase a 77 de altitude sobre o río Cervantes ou Cancelada, na desembocadura do río Doiras. Tirada dunha antiga lenda oral, A Doniña cerva, que os veciños transmitiron de xeración en xeración; disque Gustavo Adolfo Bécquer teceu aquí a lenda da Corza Branca. No castelo vivían uns señores que tiñan dous fillos, irmán e irmá. Un día a irmá marchou ao monte. Xa era noite e a rapaza non regresara. Os pais, preocupados, ordenaron de facer unha batida para ver de atopala pero, por máis que a buscaron non deron con ela. Todos abandonaron a busca, mais o irmán seguía a intentalo. Un día no monte viu unha cerva branca e matouna. Como non podía levala só para a casa, cortoulle unha das patas dianteiras. Cando chegou ao castelo e sacou a pata do saco viu, abraiado, que se trataba da man da súa irmá que recoñeceu por un anel que tiña no dedo. Marchou ao monte e a cerva convertérase no corpo da doncela.
Xosé Benito Reza, no seu Vivir en Ancares (2002), recolle unha lenda sobre o castelo onde un afiador de Ourense levou o tesouro que se agochaba dende non se sabe canto tempo baixo o portón da fortaleza.

O ENCANTAMENTO DE BARREIRO
Un xastre que ía coas cabras para levalas ás brañas pasou pola Campa do Barreiro e ao chegar a un prado que era dun veciño observou que estaba instalado un posto como os que hai nas feiras e que ofertaba moitas e moi variadas cousas.... mesmo tesoiras! Este posto ambulante era atendido por unha rapaza loira moi fermosa, elegante e disposta.
Ao pasar por diante, o xastre sentiu que o chamaban:
-Oia, señor! Faga o favor!
O xastre achegouse onda ela e esta díxolle:
-Señor, que é o que máis lle gusta de todo o que hai aquí?
El, como era xastre, contestoulle:
-As tesoiras!
A rapaza, entón, deullas, ao tempo que lle dicía:
-Pois tómeas! Se as cravara no seu corazón! Se me houbese elixido a min podería ir con vostede e ser felices os dous!
Dicindo isto, desapareceu a rapaza e o posto.
Claro, a moza era unha princesa que tiña un encanto!
(Recollida da páxina de Galicia Encantada).

A CAMPA DE FIEIRÓ
Un home de Degrada, dunha casa coñecida, foi a Castela. Daquela ían moito ás segas... Ao chegar a Valladolid sentiu a unha rapaciña que estaba nun balcón lendo nas lendas do Fieiró de Arriba. O home quedou escoitando e dixo:
-Pero se iso é do noso pobo!
A rapaciña ía dicindo:
-... na primeira uceira, na que dea o sol a mañá do día do San Xoán, hai debaixo unha arca chea de ouro.
O home xa non foi para as segas. Díxolles aos outros:
-Eu non me encontro ben, vou para a casa.
Deu a volta e veu para a casa, pensando na riqueza que lle estaba esperando.
A véspera do San Xoán chamou a un veciño e díxolle:
-Aí, ho, tes que vir comigo ata as brañas que teño que ir buscar unhas reses que me faltan. Non viñeron e para ir só teño algo de medo, porque xa sabes que hai moitos lobos e por aí arriba éche o corredor deles.
E foron e pasaron a noite por aí arriba por se vían algo. El xa sabía que non ía atopar nada porque tiña todo o gando na casa pero ao amigo non lle constaba tal cousa. Cando foi día mandou ao amigo para a casa e díxolle:
-Vaite para a casa que agora xa me amaño eu só. Xa mirarei por aí, quen sabe para onde marcharon!
Así que quedou só, foi ao Fieiró de Arriba e cando saíu o sol fixouse na uceira onde daba primeiro o sol e despois marchou para a casa. Para o día seguinte levou un pico e empezou a descubrir a uceira, quitouna e debaixo había unha tapa que cubría a arca que estaba chea de ouro. En veces foi baixando o tesouro para a súa casa e botouno nun baúl deses antigos que tiña por pechadura un atume cun viorto de aceiro. Este home tiña un sobriño que era rapaz novo e que cando lle parecía íalle sacando do baúl o que lle facía falta. Ata que ao pasar unha temporadiña o tío foi mirar e notou coma se andaran os ratos, e dixo:
-Aquí andou o sobrín. Debeu ser o sobrín!
Porque os outros que vivían na casa eran todos irmáns e eran do seu tempo.
-Levou algo, teño que ter coidado -pensou, e díxolle aos outros irmáns- Parece que me anda o sobrín no neal porque encontrei alí algo en falta!
-E canto che levou logo?
-E eu que sei que levou!
-Pois se non o sabes tampouco tes que ter pena! Cando non o sabes é que moito non afandaría!
Outro día ía á leña de cocer... Un veciño estivera arando no barbeito que hai arriba da estrada da Campa da Braña e encontrara un penedo amarelo, redondo, da forma dun calabazón e tirouna para unha finca que estaba máis para abaixo e que era de outro. Este cando o viu tirouno para máis abaixo. Ao pasar por alí o dono do tesouro e ver aquel penedo amarelo deulle coa cota da fouce e escachouno. Todo cheo de moedas! Colleunas e meteunas coas outras. De alí a unha tempada grande, queima a casa e ardeulle todo. Despois déranlle algo pola borra, pero pouco foi, se cadra aínda ía algunha moeda coa cinza... Sorte con desfortuna! Alegría con tristura! (Recollida da páxina de Galicia Encantada). 

O CAMPO DA MATANZA
Lugar situado na parroquia de Cereixedo. Polo de agora ninguén me soubo dicir o porqué do nome. Mais, por outros Campo da Matanza esparexidos por Galiza (Baleira, A Pontenova, Malpica de Bergantiños) pode que estea asociado a unha gran batalla que houbo no lugar e que carrexou un gran número de mortos. En Baleira e Malpica atopáronse restos de puntas de lanza, espadas e outro material de guerra. (Recollida polo autor do blogue).

UNHA CIDADE NOS ANCARES: CAPARA
O pozo de Ferreira está na aba do Cuíña, un dos picos da Serra dos Ancares. Era un matrimonio moi rico que vivía nunha cidade chamada Capara e tiña unha filla á que estexaban dous mozos. A nai da rapaza quería que casase co rico mentres que a moza prefería ao máis pobre. O pai da moza, para solucionar as diferenzas, propúxolles aos dous pretendentes que aquel que antes rematase de levar unha presa dende o Pozo de Ferreira á cidade de Capara casaría coa filla. Esta é a razón que explica que haxa dúas presas en paralelo que saen do mesmo pozo. Postos á obra o que chegou antes coa cal de auga á cidade foi o pobre pero a nai da rapaza non lla quixo dar en matrimonio. Pasou o tempo, veu unha treboada que asulagou Capara e desapareceu. Por iso quedou o dito: "A cidade de Capara asulagouse por home bon e muller mala".
Nota: No Códice Calixtino aparece o nome de Capara. A evolución fixo que fose castelanizado por Alcaparra. (Recollida de Os Ancares, parque natural e etnográfico).  

A PENA DA NOIVA
Atópase entre as aldeas de Bustelo (parroquia do Castro) e Trigais (parroquia de San Pedro de Cervantes). Trátase dunha pena que semella unha pedrafita. Recibe o nome porque xunto dela casou unha moura que custodiaba un tesouro. (Esta lenda contónola Anuncia, do Mesón de Catroventos). 
 

A PENA DOS MOUROS
Situada xunto a aldea de Riamonte, parroquia de Vilarello. Un veciño de San Miguel contoume que na pena hai unha pequena cova onde vivían os mouros. (Recollida polos autores do blogue). 

A PENA DO SANTO
O día 21 de xuño de 2014 pola tarde decidín achegarme ata a Pena do Santo, un monte da parroquia de Dorna, no concello de Cervantes, que se ergue a 1.403 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 


Ao chegar, o primeiro que fixen, como de costume, foi botar unha ollada ao lugar, na procura de algo que me chamara a atención, neste caso unha pena. Mais nada, só pequenos afloramentos de xisto e lousa. Reparei, entón, no piar e a base cúbica de formigón do Vértice Xeodésico levantado o día 1 de agosto de 1980. Unha morea de pedras esnaquizadas alfombraban o sitio. Non tiña dúbidas, o vértice érguerase sobre a lendaria pena! Sorprendido? Pois como no caso dos cortalumes que arrasan castros, mámoas ou petroglifos. Máis do mesmo. Na prancha de metal cravada no vértice lin: "Instituto Geográfico. Vértice Geodésico. La destrucción de esta señal está penada por la ley". Paradoxos!
 


Por se acaso, seguindo o ritual habitual, peiteei o lugar paseniñamente. E a busca deu o seu froito. Nunha laxe partida situada na morea que arrodeaba a base do vértice vin unha especie de gravuras. En efecto, despois de limpar a pedra asomaron, gravadas, dúas sinxelas cruces de fasquía relativamente moderna. A viaxe non fora en balde, a tradición e a lenda, unha vez máis, non eran só un conto.
 


Despois de fincar a lousa coas cruces mirando cara o leste, boteille unha ollada á contorna. En primeiro termo, en dirección oeste, a aldea de O Chao e o Teso do Castro; cara o leste A Campa do Barreiro, onde hai pouco menos dun ano documentamos os primeiros petroglifos da comarca dos Ancares; e cara o NO as aldeas de Borzoado, Ardevila, Estremar de Baixo, o monte do Chao da Arquela (así bautizado polo enterramento megalítico destruído hai anos polos labores agrícolas); e, encaixada nun diminuto val formado polo río Quindous, a arruinada igrexa mosteiral de Dorna, disque pertencente aos cabaleiros do Temple, se ben as fontes documentais falan de que aquí tiveron unha granxa os monxes cistecienses de Carracedo do Bierzo, citándose polo nome actual no seu cartulario dende o ano 1200. No 1203, o rei galego Afonso VIII libera ao "monasterio Sancte Marie de Dorna... de fossadaria et de toto foro et regio fisco". Suoroso, regresei ata onde deixara o coche, matinando na tradición que deu nome á Pena do Santo. Cóntase que os veciños das aldeas dos arredores acostumaban levar un santo ata o cume cada vez que precisaban da súa axuda (ninguén me soubo dicir de que santo se trataba). Unha vez na parte máis alta do monte colocábanno sobre a pena (a destruída polo vértice xeodésico), poñíanse en círculo arredor da imaxe e facían as peticións. Finalizado o ritual, baixábanno de novo para a igrexa de Dorna ou, segundo me dixo un veciño de O Chao, para un mosteiro desaparecido que había en Estremar do que non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos. A tradición asegura tamén que, en efecto, había cruces insculpidas na pena onde se "pousaba" o santo, ademais da figura dunha imaxe que, ao parecer, representaba ao santo.
O nome xenérico de Pena do Santo que é como na actualidade se coñece a todo o monte, provén da pena que acollía a lendaria imaxe. 
 

A PENA DO VIÑO 
Situada en Chandeiro, parroquia de San Pedro de Cervantes. Recibe o nome porque xunto dela, situada xunto o camiño, na actualidade unha estrada local, poñíanse os veciños con garrafóns de viño para vender aos que pasaban polo lugar. (Contada por Anuncia, do Mesón de Catroventos). 
 

O PAZO DE SAAVEDRA
Coñecido tamén como Pazo de Vilarello. Segundo a tradición é aquí de onde procede a linaxe de Miguel de Cervantes Saavedra, o autor de O Quixote.
 

A MOZA E O DEMO
Unha mañá ía unha muller coa súa filla camiño da feira. A rapaza entretíñase con cada flor que atopaba polo camiño. Ao pasar por diante dunhas pedras, a muller marmurou cara a filla:
-Se foras unha pedra, andaría máis axiña.
Un pouco máis atrás, a rapaza ficaba mirando unha flor de cor vermella que lle ofrecía un extraño ser que había enriba das pedras que vira antes súa nai. Sen pensalo, achegouse a collela e inmediatamente quedou convertida nunha pedra. A muller, ao darse de conta da falta da súa filla, volve atrás comprobando que no sitio onde antes estaban dúas pedras, agora había tres, e que unha tiña unhas extrañas formas de muller. Seguidamente oe unha forte gargallada e un intenso aroma a ovos podres... (Recollida da páxina de Galicia Encantada). 

AS BRUXAS NA FRANXOEIRA DOS OLMOS
Preto da aldea chamada Os Olmos, na parroquia de Vilaquinte, hai un monte coñecido como A Franxoeira. Trátase dun terreo ladeiro moi empinado e pedroso que vai parar ao río Ser. Neste lugar dicíase que era onde se xuntaban co demo as bruxas desta contorna polas noites. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).

O RENUBEIRO
Xosé Benito Reza, no seu Vivir en Ancares (2002), recolle unha conversa cunha veciña dalgún lugar do concello de Cervantes. Contoulle a muller que en tempos vivíase con moito medo: á sarabia, á neve, ás treboadas, ao lobo... e ao demo. Co demo viñan os "renubeiros", e con eles os tronos, os lóstregos e os incendios que asolaban aldeas enteiras. Sucesos que nada tiñan que ver cos fenómenos naturais senón cunha maldición. Por iso se rezaba a Santa Bárbara "que no ceo estás inscrita, garda pan e garda viño, para os pobres do camiño". Tamén se rezaba a San Xosé, ao San Antonio, ao Santo Anxo da Garda e á Virxe Negra de Vilarello, sobre todo cando os paxaros da noite e as cobras se achegaban ás casas. Continúa a muller que antes colocábanse cruces nos cumes dos montes e nas entradas dos vales para afastar ao "renubeiro". Colgábanse xestas nas portas das pallozaas cando ía tormenta, e polas aldeas plantábanse sabugueiros, tamén nos cemiterios e nas casas abandonadas que é por onde máis anda o maligno. Para alonxar ao demo ían ver ás "saludadoras" para que fixeran o esconxuro, ou mandábase un tizón por riba da palloza o día do nacemento de Cristo.

O TRASNO DO CHOCO
Vive nos Ancares. Imita o son dos chocallos das vacas extraviadas, e fai que o dono o persiga a el en lugar de atopar a súa vaca. (Recollida polo autor do blogue). 

O ENTERRO DO HOME QUE ESTABA VIVO
Aconteceu en Donís. Ían enterrar vivo a un home moi pobre. Cando o levaban tumbado nunha escaleira cara o cemiterio, atopáronse cun veciño de Corneantes que se encarou coa comitiva.
-Onde levades a este home?
-Imos a enterralo porque por ter, non ten nin para comer -responderon os de Donís.
-Deixádeo, que eu lle darei trigo.
Ao escoitar o ofrecemento, o morto-vivo ergueu a cabeza e preguntou:
-Cocido ou sen cocer?
-En gran -respondeu o de Corneantes.
-Pois que continúe o enterro! -dixo o pobre tumbándose de novo na escaleira. 


UN TESOURO NA PARROQUIA DE CEREIXEDO
Un veciño de Cereixedo contoume que entre Pando e Deva hai unha especie de sima onde hai tres olas: unha con ouro, outra con prata e a terceira con alcatrán. Quen as atope, se abre as dúas primeiras farase rico, mais se abre a de alcatrán estoupará todo. Dise que na parede da sima vense coma uns chanzos esculpidos na rocha para baixar. (Recollida polos autores do blogue). 

O LOBISHOME DE DOIRAS
Cóntase que un pai non deixou ao fillo ir a unha festa que se celebraba en Pedrafita do Cebreiro, mais o rapaz, despois de moito discutir, conseguiu o seu desexo. O pai, encabuxado, deitoulle unha maldición, dicíndolle que se tanto gostaba das mozas así andase tras das lobas. E a maldición cumpriuse. Unha noite o mozo sentiu como unha forza sobrenatural o apurraba fóra da casa, cara o monte. Cando se decatou andaba a catro patas: convertérase en lobo que axiña encomezou a matar o gando. O pai, lembrándose da maldición, recorreu a unha meiga para que volvera ao fillo ao seu estado anterior. A meiga díxolle que o único xeito é que o ferise, mais cunha ferida leve xa que, se era grave, morrería. E así fixo o pai que, cando se lle presentou a ocasión, cortou cun coitelo a pel do lobo. Pouco a pouco, o mozo volver a transformase en home. 

O LOBISHOME DE VILARELLO DE DONÍS
Antigamente había o costume de meter criados nas casas para axudar nos labores e un señor de Vilarello de Donís ordenou de meter un criado; andou buscando e atopou un que lle valía para o que el quería. O que logo había ser un criado díxolle ao señor que si, que el ía traballar á súa casa pero que lle tiña que deixar a noite libre. Acordárono os dous así. Polo mesmo o criado traballaba todo o día e á noite collía e marchaba da casa.
O amo preguntábase:
-Pero, que vai facer este pola noite? Onde vai?
Unha noite deulle por seguilo e observou como o seu criado chegou a unha poza e envorcallouse todo e logo volveuse lobo e deu en oular. Nisto xuntáronse e os dous quedaron mirándose. O señor marchou e non dixo nada. Á noite seguinte díxolle ao seu criado:
-Xa sei ao que vas! Que é o que che pasa para andares desta maneira?
-Non che se ocorra volver que se non comémoste, e o primeiro en facelo son eu! -díxolle o criado.
-Pero, non hai forma de saír desa situación? Non vas estar así toda a vida!
-Eu estou encantado.
-E non hai forma de desencantar?
-Hai, pero non teño valor para iso.
-Di a ver!
-Mira cando me envorcallo e..., pero non o vas facer..., e me enlouce no po, levas unha fouce e pégasme unha fouzada todo canto podas no lombo e tiras por el e fasme unha... é do único xeito que poderás... Pero non vas ter valor!
E para a noite seguinte volveu o señor xunto do criado, parece que o home non era temido e foi e fíxollo. O criado unha vez recuperado non volveu marchar máis. Desfíxose o encantamento. (Recollida da páxina de Galicia Encantada). 

COMO MATAR UN LOBO
Cóntovos unha lenda que me comentou o señor Antonio, veciño de Degrada e que a el lle relatou un madeirista de Becerreá. Este comentario foi recollido o 17 de xullo do 2008 nun bar da Campa da Braña. Para poder envelenar a un lobo, debemos coller a unha víbora no monte e sen maltratala. Ademais disto, necesitamos dunha casavella (píntega, salamántiga). Ambos animais póñense un diante do outro á espera de que a víbora morda varias veces á casavella. Posteriormente, debemos coller a casavella e metémola dentro dun envase metálico (unha lata ou pota vella). Logo poñemos a lata (e dentro dela a casavella envelenada pola víbora) ao lume ata que quede ben chamuscada. Por último, sacamos a casavella e moémola ata facer un po fino. Este po ponse sobre carne ou algo que lle goste ao lobo, da mesma maneira que se fai coa estrignima. (Recollida da páxina Lendas herpetolóxicas).  

A CORRIZA
Contaba o meu avó que debaixo dunha pena nunha campa enriba de Vilarello de Donís había un encanto. Parece que uns rapaces puxéronse a escaravellar por debaixo da pena e foron indo ata que sentiron unha voz que procedía do interior e que dicía:
-Fáltame sal, que carne teño bastante!
Claro, ao sentiren aquilo, trotaron! Viran saír coma unha corriza, coma unha luria envolta que botou polo regueiro abaixo. Dixo o meu avó que eles saíron correndo e non souberan máis nada. (Recollida da páxina de Galicia Encantada). 

A ORIXE DO NOME DE SAN TOMÉ DE CANCELADA 
Nunha vella ficha confeccionada para incluír no Diccionario Geográfico Español, recóllese a testemuña dun veciño de San Tomé no que achega a súa versión sobre a procedencia do nome Cancelada. Relata que provén de dous cans, un de nome Can e o outro Celada quen, xunto co conde da contorna, deron morte a un dragón.
 

UN MORTO MATA CATRO VIVOS NA FRANXOEIRA DOS OLMOS
Sucedeu na Franxoeira dos Olmos, na parroquia de Vilaquinte, onde un morto matou a catro vivos. Asegura a xente que isto foi certo. Nunha ocasión levaban enterrar un defunto entre catro por un sendeiro estreito que cruza a Franxoeira; un deles tropezou e caeron os catro co cadaleito polo monte abaixo; e matáronse. (Extraída da páxina de Galicia Encantada). 

EN CERVANTES, UN MORTO MATOU DOUS VIVOS
Foi na primeira metade do pasado século XX. Nun día gran nevarada morreu un veciño dun pobo de Cervantes. Dous veciños da aldea marcharon a San Román, a capital municipal, para que o xuíz de paz emitira o certificado de defunción e así poder dar sepultura ao defunto. Mais na volta cara a aldea para darlle o certificado ao cura botóuselles a noite enriba, mais tal era o frío que morreron conxelados. De aí o dito: "En Cervantes un morto matou dous vivos".

VIAXES CON ÁNXEL FOLE DE MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ
Título dun traballo de José Ángel Rodríguez onde recolle unha viaxe de Ánxel Fole por Galicia, acompañado do xornalista Manuel Rodríguez López, entre os anos 1978 e 1975 de onde xurdiron unha serie de crónicas que Rodríguez López escribiu para distintos medios de comunicación galegos e cataláns (El Progreso, El Ideal Gallego...). Ánxel Fole (1903-1986) é un dos escritores galegos máis importantes do século XX. Ao longo da súa vida cultivou todos os xéneros literarios, se ben foi como narrador como obtivo o maior recoñecemento. No 1941 deixou a cidade de Lugo para ir ao mundo do rural (Quiroga), feito que mudaría substancialmente o seu discurso sobre Galicia. A continuación achegamos as crónicas que Rodríguez López recompilou sobre a comarca. "Terminado el almuerzo, encaramos el inclinado pero fácil ascenso hacia Os Ancares, parque natural de Galicia, al lado de pendientes quebradas llenas de uces y tojos y, a veces, entre enormes masas de pequeños robles, contemplando las diseminadas aldeas de montaña. Llegamos a Degrada y, sin demorarnos, recorremos los diecisite kilómetros que nos separan de Piornedo, por bosques de robles, castaños, avellanos y pequenas cascadas de aguas rugientes que descienden del monte e invaden las carreteras". Manuel Belón ofreceulles a súa casa na visita aos Ancares. Cando pasaban pola Campa da Braña, Fole di que etimoloxicamente vén de Campa Veranica, é dicir, lugar de pastos de verán. No Piornedo, Ánxel Fole explica que nas pallozas circulares, cuxa estrutura é semellante á das antigas citanias, é de supoñer que a xente durmía en círculo tocándose os pés e que no centro tiñan o lume; as cortes eran pequenas porque entón só había gando lanar.
 

UN QUINDÓS DE CERVANTES EN RIBEIRA DE PIQUÍN
A mediados do mes de maio de 2015 achegámonos ata a parroquia de Os Vaos, en Ribeira de Piquín, para ver as famosas caliveras empotradas nun muro da igrexa parroquial, situada no que foi un primitivo castro erixido nun acusado meandro do río Rodil, tributario do Eo. No muro sur da igrexa vimos un reloxo de sol feito en lousa no que figura unha inscrición. Cando a lemos axiña recoñecemos o nome da persoa que o mandou facer, un persoeiro citado na xeanoloxía da familia Quindós, fundadores do pazo-fortaleza de Quindous, no concello de Cervantes. Na parte superior lese: LOMBARDERO. Na inferior: SIENDO PRIOR DON FRAN.co BR.do PASARIN Y QUINDOS. A.o DE 1742.
 

A FONTE DO TESOURO
Na Valiña, monte de Valgos, na parroquia de A Ribeira. Dise que aquí os carlistas gardaron un tesouro. (Recollida polos autores do blogue). 

UNHA HISTORIA DE LOBOS
Unha noite viña un veciño do Piornedo de volta da Pobra de Navia cando, de súpeto, puxéronselle diante dous lobos. O home levaba cada el un enorme coitelo e unha manta para protexerse do frío. Acurralado, envolveu a manta no brazo esquerdo e ofreceullo aos lobos, mentres co dereito agarraba con forza o coitelo. Os lobos, ao velo tan decidido a atacalos, apartáronse do camiño e deixáronno marchar. 

A COVA DOS MOUROS
Está non moi lonxe da aldea do Pandelo. Na actualidade atópase cegada por un derrube. Contáronnos que ten varias galerías. Nunha delas había unha mesa con selas ao redor onde se sentaban os mouros a deliberar. Dise que vai dar a unha casa do Pandelo. 

CANDO OS VECIÑOS DE CHAN DE LAGARES E FOLGUEIROA VIVÍAN XUNTOS 
O pastizal que se ve na foto atópase entre as aldeas de Folgueiroa e Chan de Lagares (Cervantes). Dise que antigamente había eiquí un pobo onde vivían, xuntos, os habitantes das aldeas citadas. Que motivo os empuxou a abandonar o lugar e formar dúas comunidades distintas? 
 

O CASTRO DE CELA
Cóntase que un bo día chegaron os mouros a Cela para apoderarse da aldea, mais os habitantes fixéronlles fronte e conseguiron expulsalos para o lugar onde logo construíron o castro. 
 

MARCO DO VAL DE SOLLEIRO
En tempos, este marco, situado a uns 1.280 metros de altitude, actuaba como linde entre os concellos de Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Na actualidade actúa como divisorio entre Cervantes e Pedrafita, feito que moveu ao Concello das Nogais a unha desputa co de Pedrafita porque, disque, se apoderou de terras que dende antigo lle pertencen.

UN TESOURO ENTRE TRES FONTES
"Entre as fontes do Sulimán, da Arqueira e da Medrosa Tenebrosa hai un xugo de ouro que gastan as cabras coas patas". (Recollida polos autores en Vilar de Cucos, Cervantes, e A Lagúa, As Nogais).
 
Colectivo Patrimonio dos Ancares