HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DE BECERREÁ

Historias, tradicións e lendas de Becerreá que se achegan: Os zoelas, Relevo de Vilarín, A lúa, O Camiño francés a Santiago, As ánimas, A Ánima Soila, O Ano Vello, O Ano Novo, O tizón de Nadal, A cacharela do San Xoán, Capela de San Bieito de Agüeira, As campás da igrexa de San Xoán de Becerreá, A Noite de Defuntos, O castiñeiro e a castaña,  Herbas medicinais, As Candeas, Os arresponsadores, As festas do Santo, A festa das Ánimas, Castelo de Pena Agüeira, A ponte de Cruzul, O pan, A figa, As fontes, A Guerra da Independencia, O campanario de Cruzul, O reloxo do Concello de Becerreá, Revolta campesiña, A millora, As Guerras Carlistas, Ferreiros de Valboa, O cardenal Benjamín de Arriba y Castro, Fuco Gómez, A Guerra Civil: represión fascista, Enriqueta Otero Blanco, Federación de guerrillas León-Galicia, Repoboacións forestais, Lugo-Baralla-Becerreá-Navia, O dolme da Pedra Cobertoira, Marco de Vilouta, O castro de Cantiz, O castro da Serra ou do Casar, O castro de Fontes, O castro de Donín, Castros de Vilouta de Abaixo e de Vilouta de Arriba, Castro de Vilar de Frades, Castro de Eixibrón, O Pico do Castro, Cova de Barreiro, A Furada dos Mouros, A mina dos mouros, As covas de Furco, A fonte de Agüeira, O milagre de Xan Troula, O mosteiro de Penamaior, A Cruz de Ferro, A Pena de Pascua, As Pontes de Gatín, O tesouro da capela do San Lourenzo, O Cereixal, O topónimo Becerreá, Un ovni no ceo de Becerreá, A Ermida, George Borrow por Becerreá, A Cova dos Mouros, O Chao da Capilla, A maldición do soldado francés, O Espírito Santo de Fontarón, O Trasgo de Fontarón, Unha historia real arredor da lareira, A Pena Quente, A Pena Furada, As calizas nos Ancares, Envelenamento de 20 persoas en Becerreá, Cando na comarca dos Ancares non había lumes, A Fonte do Inferno.

OS ZOELAS
No casto asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime) apareceu un vaso de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito coa inscrición: COPIAM [.] VROFLAVIENSES SALVTEM OCELAE FELICITER, que podemos traducir como "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela". Algúns historiadores sitúan en Ouselle (Becerreá) a antiga Ocellum Gallaicorum, capital do pobo dos zoelas, famosos entre os romanos pola calidade do liño que cultivaban e traballaban. Mais as últimas investigacións apuntan que os zoelas habitarían a área situada na rexión de Bragança (Portugal), estendéndose cara o leste ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata a área de Miranda do Douro. A capitalidade dos Buroflavienses identifícase coa Pobra do Burón (A Fonsagrada). 

RELEVO DE VILARÍN
Vilarín é unha finca situada na parroquia de Ouselle. Trátase dun relevo en granito no que se representa un touro, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. A peza foi reutilizada na construción do forno dunha olería, datada no século III d.C., aínda que o relevo parece de finais do século I ou da primeira metade do século II d.C. Crese que formaría parte dun friso de posible carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra.

A LÚA
Para os habitantes de moitas aldeas da comarca dos Ancares, a lúa de marzo en crecente é boa e mata a mala herba. A matanza facíase nos meses de inverno e, a poder ser, en lúa mingunate para que o touciño non se puxera amarelo. A lúa é como o axente que regula o ciclo da circulación do sangue non só nas persoas, senón tamén nos animais e nas plantas. O crecente e o minguante marcan os momentos nos que a lúa actúa con máis ou con menos forza sobre o sangue; no crecente é cando sobe da raíz ao talo, do corazón ás extremidades. Durante o minguante din que é cando o sangue baixa, concentrándose en torno á raíz e perdendo vigor o organistmo. O crecente de mazo e o minguante de agosto marcan os momentos do ano de máis e de menos forza da lúa. En crecente elimínanse as malas herbas por iso é cando se aran, ao cortar as malas herbas desangran e morren. Os artesáns dos Ancares din que se debe cortar a madeira coa que van a traballar no minguante de outubro, novembro ou decembro por seren o momento do ano en que a lúa envellece e vai perdendo a súa forza, e as ramas das árbores non teñen sangue. Din que se cortan a madeira noutra época do ano o máis normal é que se abiche. Tamén din que o mellor momento para matar o porco é de novembro ata decembro, porque en xaneiro entra a lúa de ano novo e xa non se conserva ben a carne; e nunca debe matarse a partires de marzo.

O CAMIÑO FRANCÉS A SANTIAGO 
Ver Apéndice: Os camiños de Santiago polos Ancares: A Vía de Künig. 

AS ÁNIMAS
Crese que en varias zonas dos Ancares, cando alguén está gravemente enfermo escóitase un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte" que anuncia o pasamento ao Máis Alá do doente. En moitas aldeas coidan de non varrer a casa de noite, porque se lles dá para atrás ás ánimas, impedíndolles que se quenten.

A ÁNIMA SOILA
"Existe a crenza en Galiza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo". (Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-a961). Esta Ánima Soila é coñecida en varias partes da comarca dos Ancares. 

O ANO VELLO
A noite do derradeiro día do ano está cargada de misterio xa que se xuntan a despedida do Ano Vello e a benvida do novo. É un tempo de transición na que se desatan as forzas ocultas e por iso se lle vencellan ritos e poderes máxicos. En moitas partes de Galiza queimaban o Ano Vello, como en Becerreá, simbolizado nun boneco de palla vestido con roupa usada que se queimaba cara a medianoite, un xeito de botar fóra do seu mundo todo o vello. Segundo conta Taboada Chivite (1907-1976), "en Becerreá, os mozos dunha parroquia acostuman levar a outra veciña un boneco de palla que representa o Ano Vello. A falcatruada acostúmase tomar como grave aldraxe, e os aldraxados reaccionan, ás veces, de maneira violenta, que remata en liorta e axitación. Nalgunhas partes cólganno, en sinal de burla, no tellado veciño para mofa do pobo. Ese ou outro boneco que representa o Ano Vello, monicreque de palla vestido con roupa vella, quéimase despois publicamente entre barullo e rebumbio xeral". É un sacrificio, segundo Nieves del Hoyo, de belísima tradición, que substitúe aos animais ofrendados na fase pastoril e cazadora e posterior ofrecemento ao deus da vexetación.

O ANO NOVO
O derradeiro día do ano, en Becerreá facíase o rito de coutar o ano. O patriarca da casa recitaba dende a porta unha fórmula coa familia para espaventar os males que puidesen vir co Ano Novo. Enchegado o primeiro día do ano, en Murias (Navia de Suarna) tíñase o costume de saír as máscaras anunciando o novo tempo que viña co Entroido.

O TIZÓN DE NADAL
"Cotarelo, no seu traballo A Noiteboa na aldea, descríebeo deste xeito: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume, cando mandan apagalo e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha de ter a sorte para a facenda e para os donos. Despois de queimado un pouco, déixase que se apague e aí se conserva o tizón do Nadal, para volver a acendelo cando haxa temor dalgunha desgraza para a casa". Rodríguez López, no seu Supersticiones de Galicia (1910), cita este costume en Becerreá e Cervantes, e insiste na circunstancia de limpar ben o fogar a Noite do Nadal, mais o cepo que aquí se pon ha durar todo o ano, isto é, acenderase todos os días, anque de noite se apague. Dito tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que o resto que queda consérvase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameaza unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade".  (Recollido de Ritos galegos de Nadal, de Xesús Taboada Chivite). 

A CACHARELA DO SAN XOÁN
Cando o salto da cacharela do San Xoán crese que as mulleres solteiras conseguen casar se o fan sen tocar o lume; di Vicente Risco que se o logran pasarán polo altar antes dun ano.

CAPELA DE SAN BIEITO DE AGÜEIRA 
Celebra a súa festividade o luns de Pascua. Levábanlle exvotos de cera que representaban o corpo de animais: vacas, cochos... Pertenceu á casa-torre de Horta. A ermida, hoxe en día restaurada, foi queimada o día 18 de xullo de 1936.

AS CAMPÁS DA IGREXA DE SAN XOÁN DE BECERREÁ 
Ata os anos setenta do pasado século existía na parroquia un ritual asociado ás campás da igrexa. Cando morría unha persoa, o xeito de tocar a defunto variaba segundo o finado fose un home ou unha muller. Se era home, a campá máis grande, alcumada de San Xoán, tocaba dúas veces seguidas, e a pequena, de nome As Candeas, unha. Cando a falecida era unha muller, a campá pequena daba dúas badaladas seguidas e unha a maior. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

A NOITE DE DEFUNTOS
En moitas aldeas do municipio críase que as ánimas dos familiares viñan na Noite de Defuntos a quentarse xunto a lareira, e por iso se deixaba un gran pao aceso ata o amencer. 

O CASTIÑEIRO E A CASTAÑA
Cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer os da súa propiedade, facíanlles unha marca. Cando se compraba ou se vendía escriturábase como unha propiedade máis. Distinguen na zona cinco tipos de castiñeiros que levan os nomes "do bravo", "da parede", "ron" (ou coruxa), "verdiños" (ou marelás) e "de cebola". Canto ao seu froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen pronto, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución; e canto máis forte se lle pegue ao varexalos, mellor. Ata ben entrada a segundo metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos.

HERBAS MEDICINAIS
Case todas as herbas medicinais nacen no monte, agás a ruda que se cultiva na horta. O talo do regaliz era considerado bo para a gorxa, a raíz e as follas da arandeira (vaccinium myrtillus) e a pel do sangumio (corunus sanguinea) para as dores de ventre, a xeixebra (xaifraga granulata) para as almorrás, a celidoña para as cortaduras, a árnica (arnica montana) para a circulación do sangue, a xanzá (geniata lutea) para os catarros, tuberculose e para baixar a tensión porque clarea e purifica o sangue, a raíz do llantén (alisma plantago) para os catarros, a raíz e a flor da uz branca (a vermella é considerada velenosa) para as dores de cabeza e de lumbago, a raíz e a flor da carqueixa branca (chamaespartium tridentarum) para rebaixar a tensión, a raíz e o talo da consoldra para os golpes e lombrigas do gando. Mais dise que deben ser aplicadas con coidado, en doses controladas zugan o mal que hai nel. A característica que consideran máis común a todas as herbas medicinais é a súa sabor doce, fronte ás malas que lles atribúen un sabor amargo e desagradable, por iso non as comen os animais. 

AS CANDEAS
A festa das Candeas celébrase o día 2 de febreiro en Becerreá. A súa orixe está en Oriente, na festa das Candeas ou da Luz, denominada do Encontro, que logo se extendeu a Occidente no século VI. Segundo o santoral católico, celébrase o día 2 de febreiro en lembranza da pasaxe bíblica da Presentación do Neno Xesús no templo de Xerusalén e a purificación da Virxe María despois do parto, para cumprir a prescrición do Antigo Testamento. As candeas substituíron ás paganas Lupercais que en Roma se festexaban o día 15 de febreiro ("ante diem XV Kalendas Martias"). O seu nome deriva, ao parecer, de lupus, lobo, e hircus, macho cabrío. Durante as cerimonias acendíanse candeas pedindo, entre outras, a protección contra a morte e a fertilidade que procuraba o Fauno Luperco. En Becerreá aínda se conserva a cantiga: "Vimos das Candeas e imos pro San Brais, alegraivos nenas que festas non hai máis". Ata non hai moitos anos, eran os veciños de Lamas os encargados de fornecer cun carro de leña a fogueira das Candeas. Tamén existía o costume de que a derradeira parella que casara no ano anterior, era a que se tiña que facer cargo das festa.
 

OS ARRESPONSADORES
Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o límpido ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno. A resposta deulla un arresponsador: A non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra o goberno democrático e lexítimo da República. Comezaba a Guerra Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). Xa coa guerra en marcha, un avó da dona do meu informante, caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu a un arresponsador que, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou. Á figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos". En Eixibrón, durante a novena ao Santo Antonio, líase un parágrafo cada día, e ao final a oración completa. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

AS FESTAS DO SANTO
Celébranse os días 14 e 15 de setembro en honra do Ecce-Homo que se venera na igrexa parroquial de Cadoalla. Ademais do ritual relixioso, durante uns días os veciños acostuman a montar uns casetos no Souto da Bouza de Saa, xunto un primitivo castro, ateigados de comida e bebida. O culto ao santo vén do ano 1727 cando o cura, don Xosé Valcárcel Quiroga, mercou a imaxe, pagando a metade en cartos e a outra metade en misas. En tempos, os veciños acodían á igrexa con trigo ou centeo que logo era vendido para mantemento do santuario. Destes cartos, o párroco recibía unha parte xa que, segundo sentenza do Tribunal Eclesiástico de 1761, tiña dereito á quinta parte das esmolas que se recadaran durante o ano. Ao santo acódese para pedir un favor ou para agradecerlle un xa conseguido. Como protección, adoitábase arrincar unha estela da porta do templo e gardala na casa. O párroco impón a imaxe do santo por riba da cabeza do devoto, dicindo a seguinte xaculatoria: "Que el sexa para ti, o camiño, a verdade e a vida". Moitos penitentes pasan un pano pola imaxe do Ecce-Homo e logo úsanna cunha finalidade preventiva e curativa. Hai algúns anos traían exvotos representando o corpo humano e tamén animais: vacas, cochos, xatos, etc.
 

A FESTA DAS ÁNIMAS 
Enterámonos da existencia desta festa a raíz dunha invitación para cear feita polo amigo Herminio Pérez Díaz ao que isto escribe. Na actualidade non hai festa o día 15 de xaneiro, a celebración limítase á xuntanza entre familiares e amigos para comer e pasar un bo rato. Cando preguntei de onde viña a celebración, ninguén dos presentes (párroco incluído) soubo contestarme, e por máis que buscamos por aquí e acolá sobre a súa orixe non atopamos nada. Mais, por casualidade, un meses despois (abril de 2015) chegou ata as miñas mans un traballo de licenciatura (inédito) da que fora veciña e profesora da vila de Becerreá dona Guadalupe Pardo González, tese escrita no ano 1957, dirixida polo profesor don Ramón Otero Túñez, baixo o título Notas sobre el arte en Becerreá. Neste traballo achega a transcrición dun documento do 13 de xaneiro do 1704 en que o papa Clemente XI concede indulxencias por medio dunha bula á Cofrafía de Fieles de Cristo de Ouselle, de ambos sexos, debaxo del título de las Ánimas del Purgatorio. (Máis información en Apéndices: A Festa das Ánimas do Purgatorio).
 

CASTELO DE PENA AGÜEIRA
Na Pena Agüeira dise que había un castelo, construído no século XI, que foi destruído durante a Revolta Irmandiña. 

A PONTE DE CRUZUL
Na parroquia de Cruzul, sobre o río Ferreiros. Foi construída no século XVIII. Proxectada polo enxeñeiro francés Lemour no ano 1773, ten noventa e catro metros de lonxitude, con tres arcos de medio punto. Durante a Guerra da Independencia, as xentes do lugar apoderáronse de máis dun milleiro de fusís que os soldados franceses agochaban xunto a ponte. Dise que foi voada para empecer o paso das tropas napoleónicas. Cóntase que cando a raíña Isabel II (cronoloxicamente non coinciden as datas da construción e o seu reinado) se enterou do custo da ponte, asomouse ao balcón deu palacio en Madrid e, mirando cara a serra de Guadarrama, asombrouse de non ver dende alí tan custosa obra.

O PAN
Antes de cocer o pan acostumábase a facer unha bola con masa e ofrecerlla á estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña.  

A FIGA
A figa é a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou como insulto. En moitas aldeas da comarca aos recén nados poñíanlle unha figa en forma de man pequena, principalmente de cor negra, nunha pulseira. Diante das meigas e aolladoras, homes e mulleres apuntábannas co dedo polgar.

AS FONTES
A algunhas fontes e mananciais acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear.

A GUERRA DA INDEPENDENCIA
Segundo as crónicas e atradición, os sucesos máis importantes sobre a guerra contra a invasión napoleónica nas terras de Baralla produciuse a principios do ano 1809. Pardo de Neyra reproduce unha carta publicada no ano 1809 no peródico Diario onde se di que en Vilarpunteiro os guerrilleiros galegos puxeron en fuga aos soldados franceses cando se dispuñan a saquear Lexo, ou cando os franceses tiveron que fuxir de Baralla cando foron sorprendidos polos veciños, abandonando provisións e munición. E que na Pena, escribiu Antonio Correa, unha partida de franceses morreron a mans dos veciños e que logo foron soterrados no monte que, de alí en diante, recibiu o nome de Furada dos Franceses, episodio narrado por Gerardo Fernández López no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo, que asegura tomado do Libro Probisional de Fábrica da igrexa de Baralla, redactado por Andrés Rivas Pardo, cura vicario na vacante da parroquia. O día 5 de xaneiro do mesmo ano, unha avanzada do exército napoleónico foi obrigada a recuar polos dous canóns que os aliados ingleses situaran xunto a Ponte de Senra; os franceses retiráronse, entón, cara Baralla onde, contan, fixeron tres fogueiras no interior da igrexa quimando todo o que de madeira había. Conta benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1874) que a principios do ano 1809, xuntáronse uns cinco mil veciños para atacar a cantas columnas francesas pasaran pola zona, interceptando postas, correos e toda clase de noticias, por ben escoltadas que fosen, e para evitar isto tiveron que poñer os franceses un forte destacamento en Sobrado do Picato que foi exterminado polos guerrilleiros galegos, arroxándoos ás augas do río Neira. Nas mesmas datas, os veciños apostáronse en Constantín, á beira do camiño real, ocasionando ao exército napoleónico moitas baixas, entre elas o mesmo comandante que dirixía o destacamento inimigo. E en Constantín fixo noite o valeroso Batallón Literario formado por estudantes da Universidade de Santiago, sendo o grupo máis famoso que actuou durante a Guerra da Independencia. Á súa fronte colocouse a un militar con experiencia, Xoán Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón e Salgado de Soutomaior, marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Na biblioteca da Universidade aínda se conserva a súa bandeira, coas cores azul e branca da bandeira de Galiza, e dous escudos, o do antigo Reino de Galiza e o escudo de armas da Universidade cubertos por unha coroa real e a inscrición: Auspice Deo: pro libertati regis palladis legio: anno MDCCCVIII. Na Praza da Quintana compostelá hai unha praca lembrando a súa xesta. Tamén conta Vicetto que no mes de decembro de 1808, o mariscal francés Soult persegue dende Astorga ao exército inglés de Moore, e á división española mandada  por de la Romana. No Bierzo De la Romana sepárase, a retirada dos alidados semella unha fuxida en toda regra. Segundo achega Villamil y Castro na Crónica de la provincia de Lugo, en Crónica General de España (1886), o inglés Moore proseguiu a súa retirada cara Lugo, mais era tal a desorde, indisciplina e inmoralidade dos seus soldados que ordenou arroxar por un despeñadeiro das Nogais 120.000 pesos que levaba, preferindo isto a repartilos entre a súa tropa; tal era a desorde que ata abandonaron as armas e os feridos. Nesta desbandada dos ingleses, moitos veciños de Noceda, Doncos, As Nogais e outros concellos limítrofes ofrecéronse a Moore para combater aos franceses. O 17 de xaneiro, día en que o francés Soult vencía aos ingleses, os veciños de Neria de Xusá (Baralla) e das Nogais emboscáronse e colocáronse nos desfiladeiros de Augas Louras e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas. Os guerrilleiros galegos de As Nogais, animados polos éxitos citados atacaron o día 28 de xaneiro a unha partida inimiga que descubriran na serra de Albela conducindo prisioeiros ingleses; os cautivos foron liberados e os franceses postos en fuga. Ese mesmo día, outro grupo de guerrilleiros das Nogais puxo en desbandada a unha partida do exército francés que se dirixía a saquear Lexo, no municipio de Baralla. A finais de febreiro do 1809, estando en Doncos unha columna de 430 franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos guerrilleiros dende As Nogais ata Baralla, apoderándose de 7.000 pares. Na loita contra o francés na comarca destacaron o veciño de Agüeira Manuel María Núñez, que o marqués De la Romana confiou o mando dos guerrilleiros, e Ramón de Nadela. No ano 2008, José Luis Gárfer, que estaba a percorrer Galiza na procura de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego (2000), descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), conservaba entre outros documentos históricos un que podemos considerar como excepcional. Trátase dun manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recolle a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España entre o 6 de febreiro de 1807 e o 6 de maio do 1808. O seu autor é o xeneral francés Gerard que ofrece o retrato do conflito bélico en diferentes localidades, incluíndo arengas, resolucións, consignas, consellos de guerra e notas oficiais sobre as diferentes campañas do exército francés que transportaba armas a un continxente destacado en Astorga (León), tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Os soldados de Napoleón acabaron derrotados polos guerrilleiros locais que se sublevaron fartos dos saqueos e tropelías cometidas polos invasores. Para atopar a quen se fixo co botín, hai que remontarse a oito xeracións atrás, tamén se chamaba Gabriel Fernández, máis coñecido como O terror dos gabachos. A súa casa aínda se conserva, se ben que xa non existe o espazo subterráneo que utilizaba a familia para agochar a carne aos franceses, e máis tarde aos carlistas; para disimular o escondedoiro depositaban a leña por riba da trapela. Na batalla contra os franceses, os veciños da zona, nun número duns 4.000, apoderáronse de gran cantidade de armas, ata o punto de que os desaugues dos fregadoiros de boa parte das casas de Becerreá construíronse con canos de fusil francés. As probas do levantamento popular contra as forzas de Napoleón en Becerreá son abondosas, de feito, entre os ano 1960 e 1980, o bar Chafarotes tomou o nome polos anchos sabres utilizados polos soldados e que serviron para adornar as paredes do local. Gabriel Fernández tamén conserva un documento no que o capitán xeneral de Galiza, o marqués De la Romana, chama á mobilización, que os veciños executaron co enfrontamento, entre outros, da ponte de Cruzul. No concello de Cervantes, as tropas napoleónicas, chegadas polo Camiño Real, foron atacadas en varias ocasións polas alarmas populares; a difícil orografía do terreo permitíalles facer emboscadas. Na Pena da Seara, unha pequena aldea da parroquia do Cebreiro, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro, onde foron levados os que quedaron para que as tropas napoleónicos non os destruíran; a respeito deste sucedo, un frade do Cebreiro escribe: "Certifico yo el infraescrito cura de Sta. María la Rl. del Cebrero como en el día ventiseis de junio de este presente año de mil ochocientos nueve se quemaron por los franceses en el lugar de Peña Seara y casa de Dn. Santiago Gómez, todos los libros antiguos de Bautizados, Casados y Difuntos de esta parroquia; a cuya casa se habían extrahido con los demás Libros que yo tenía cerrado en dos baules, a fin de librarlo de las manos de estos enemigos de la Religión y genero humano por que no los derrotase , o quemaren, pero hubo desgracia de que vaxaron a quemar aquella casa y juntamente, baules y Libros, sen dar lugar a librarlos por temor de perder la vida. Puedo certificar como no faltaba por poner, por haber estado doce años en este Priorato, y haber registrado con atención los referidos libros, y para que conste en lo sucesibo doy el presente certificado que firmo en el expresado priorato del Cebrero á veinte y nueve de junio de dicho año". Dona María do Carmen Ulloa Valcarce e Olarte-Ponce de León, esposa de Vicente María Pardo Ribadeneira Saco-Quiroga e Montenegro que se atopaba moi enfermo, defendeu a casa dos soldados napoleónico do mariscal Soult.

O CAMPANARIO DE CRUZUL
Trátase dunha espadana de dous vans á que se accede por medio dunha escaleira de pedra pero situada na aldea non na igrexa parroquial. Data, posiblemente, do século XVIII. O motivo que levou aos veciños a erguela no pobo debeuse a que a única campá da igrexa non se escoitaba polo que, en caso de calquera continxencia (unha morte, un incendio, etc.), toda a veciñanza podía enterarse. Cóntase que cando a invasión francesa, no ano 1809, estas campás alertaron da chegada das tropas napoleónicas á Ponte de Cruzul. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O RELOXO DO CONCELLO DE BECERREÁ
O mecanismo, de máis de 100 quilos de peso, data do ano 1884. Foi construído por Canseco, un reloxeiro de Rabanal del Camino, no Bierzo. O custo ascendeu a 3.526 pesetas da época. Nos anos setenta aínda funcionaba no antigo Concello. Despois botou varios anos desmontado nos baixo do Xulgado para seren colocado posteriormente no novo Concello. A campá pesa 150 quilos de peso, está coroada por un catavento en forma de galo. Soa cada media hora e repite os toques aos dous minutos, ademais de marcar as medias.

REVOLTA CAMPESIÑA
No ano 1871, campesiños de Becerreá e As Nogais únense ás revoltas que estouran por toda Galiza en protesta contra os abusivos trabucos.

A MILLORA 
"Bens divididos, bens perdidos". A millora era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas. As zonas de Galicia nas que parece darse máis casos de millora eran Becerreá, A Fonsagrada, Quiroga, Chantada, Monforte e Dodro. 

AS GUERRAS CARLISTAS
Pardo de Neyra fala dunha partida carlista, ao mando de Núñez Saavedra, que se levantou en Vilarín (Becerreá) no ano 1873. Entre outras accións cita a queima do rexistro civil de Neira de Xusá, no actual concello de Baralla. 
 

 

FERREIROS DE VALBOA
Segundo a tradición, a súa fundación foi cara o ano 1600, cando catro ferreiros que vivían no alto da montaña baixaron ao val para buscar un sitio máis cálido para se resgardar do frío; pouco a pouco foise poboando.

O CARDENAL BENJAMÍN DE ARRIBA Y CASTRO
Naceu na Ferrería, parroquia de Penamaior, o día 8 de maio do 1886. Aos nove anos marchou cos seus pais a vivir para Madrid onde comezou os seus estudos no colexio dos PP. Escolapios de San Antonio Abade; disque lle tiñan que quitar os libros no recreo de tan estudoso que era. Despois pasou ao Seminario para cursar estudos eclesiásticos. Logo foi enviado como becario ao pontificio Colexio Español de Roma onde se doctorou en Teoloxía e Filosofía. De volta á Península, licenciouse en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Toledo. Foi ordenado sacerdote en xullo de 1912. No 1935 foi nomeado bispo de Mondoñedo onde estivo durante nove anos despois dos cales foi trasladado para a diócese de Oviedo. No mesmo 1935, durante unha asemblea celebrada en Pontevedra, espuxo a idea de fundar o museo diocesano, artístico e histórico. No mosteiro de Lourenzá creou o Seminario Maior. Foi nomeado cardenal por Pío XII o 12 de xaneiro de 1953. Asistiu aos cónclaves para a elección dos papas Xoán XXIII e Paulo VI. Foi un dos principais promotores da canonización dos relixiosos anticomunistas e antirepublicanos mortos durante a Guerra Civil. Como cardenal visitou Becerreá no ano 1966, sendo un dos principais impulsadores da construción dunha casa de exercicios espirituais. Colaborou na revista Lucvs no ano 1961 onde fai un percorrido pola historia da freguesía de Penamaior e da románica igrexa mosteiral, lembrando tamén a súa nenez: "Aquela posta de sol..., cando cheguemos á casa, deixamos as ovellas e vamos ata alí, pra ver qu-é aquelo", ou "E o escano vello e carcomido, xunt-á lareira", rematando o artigo cunha poesía de Noriega Varela: "Nosa fala é un paxariño/que adoita fagué-lo niño/no seio d-o hirsuto monte/ben na pola d-un espiño/ben á beira d-uha fonte/... eu moito a venero, e creio/que somente no ceio/pode haber fala mellor". Morreu en Barcelona o 8 de marzo de 1973. Está enterrado na igrexa parroquial de San Paulo de Tarragona, cidade da que foi arcebispo. Noriega Varela adicoulle o poema Al Excmo. Sr. Doctor don Benjamín de Arriba Castro, obispo de Mondoñedo (Temporis puncto).

FUCO GÓMEZ
Naceu en Montaña da Agra o día 9 de xullo de 1895. Sendo neno embarcouse como polizón nun barco con destino a Cuba. Xa como xornalista, participa nos primeiros grupos nacionalistas galegos. Defensor a ultranza da lingua galega, en 1921 funda o Comité Revolucionario Arredista Galego que perseguía o fin da ditadura de Primo de Rivera e da monarquía en España, así como a proclamación dunha Galiza independente. Coa II República volve a Galiza para loitar pola súa independenza, se ben atopou poucos apoios dos galeguistas moderados. Voltou a Cuba onde faleceu en xaneiro de 1972. Escribiu en varias publicacións e entre 1941 e 1960 dirixiu a revista mensual Patria Galega. Din que pertencía á masonería. Ten adicado un monolito xunto a igrexa románica de Ouselle.

GUERRA CIVIL: REPRESIÓN FASCISTA 
A Guerra Civil (1936-1939) produciu a arrepiante cifra de máis de medio millón de mortos. Isto sen contar aqueles que morreron de fame e por enfermidades xeradas pola guerra. Sumados os primeiros e os segundos a cifra pode acadar o millón de vítimas. Debido á represión, os fascitas asasinaron na retagarda unhas 100.000 persoas entre 1936 e 1939, e 50.000 máis na postguerra. Unha investigación rigorosa realizada polas tres universidades galegas (As vítimas, as voces, os nomes e os lugares), dirixida polo profesor Lourenzo Prieto, documenta en Galiza 3.260 asasinatos extraxudiciais (paseos e sacas), e 1.413 execucións mediante consellos de guerra (carentes da máis elemental garantía xurídica) entre os que se atopaban militares leais á República, os catro gobernadores civís, deputados, alcaldes, labregos, ferroviarios, funcionarios, médicos, mestres... É dicir, 4.673 persoas cuxo único delito foi defender a legalidade. Segundo datos tirados do grupo de investigación Nomes e Voces formado por especialistas en historia contemporánea de Galiza, na comarca galega dos Ancares, dos 147 represaliados, case medio cento foron executados e un bo número foi deportado a campos nazis en Alemaña, onde morreron a maioría. No ano 2014, veciños de Becerreá e de Ribadeo decidiron sumarse á querela arxentina contra o franquismo, denunciando ante o cónsul arxentino en Vigo casos de desaparicións e torturas de familiares seus, segundo anunciou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Esta querela promoveuna, entre outros, Darío Rivas, fillo de Severino Rivas, fusilado en 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. Familiares e as propias vítimas están facendo chegar os seus casos á xustiza arxentina, a través de consulados e da embaixada do país americano.

ENRIQUETA OTERO BLANCO
Enriqueta Otero Blanco, alcumada Quevi ou María Dolores, naceu no ano 1910 en Castroverde. Como mestra exerceu en varias escolas da provincia de Lugo e en Madrid. Ao estalar a Guerra Civil dedicouse á evacuación de cativos ao Levante. Logo traballou como enfermeira no Hospital Militar de Carabanchel. En xaneiro de 1937 incorporouse como miliciana á defensa de Madrid. Participou na creación de varios fogares-soldado ou hospitais-escola. Un día antes da rendición de Madrid, o 27 de marzo de 1939, foxe xunto con outras persoas. Consegue chegar a Lugo, á casa do párroco da Nova, ata onde a alcanzou a persecución policial, se ben librou grazas ao crego. Nestes primeiros meses de semiclandestinidade acubíllase en varias vilas da provincia, sempre baixo identidade falsa. Houbo un novo intento policial por capturala no 1942. Comezou a establecer conexións cos fuxidos e cos antifascistas de Becerreá, onde colaborou nunha primitiva estrutura guerrilleira. O seguimento sobre Enriqueta Otero intensificouse a partir de finais de 1945 e principios de 1946. O 16 de febreiro de 1946 foi detida en Lugo. Antes da detención resistiu tres horas o acoso policial pero ao ser ferida nunha perna foi apreixada. Ameazada e duramente torturada, a intervención dalgunhas antigas profesoras salvouna de ser asasinada. Acusada dun delito de rebelión militar e de actividades comunistas por un consello de guerra celebrada na Coruña en xullo de 1946, foi sentenciada a trinta anos por rebelión militar e a catro anos por un atentado contra a autoridade. En outubro de 1951 foi enviada ao penal de castigo de Guadalaxara e meses despois confináronna no penal de Alcalá de Henares no que conseguiu a liberdade condicional en 1960. A definitiva houbo de esperar ata 1965. Ao saír da cadea recuperou parte das propiedades familiares incautadas, perdeu outras e abriu un longo contencioso-administrativo para seren rehabilitada como mestra nacional, o que conseguiu en outubro de 1974. En 1975 acadou destino na escola de Fontarón. Xubilouse no 1980. Tres anos antes creara a Asociación Popular O Carriño, inspirada nas Misións Pedagóxicas republicanas, como un espazo de cultura, reflexión e discusión, afastado do ensino tradicional. Morreu o último día de outubro de 1989 e foi enterrada na súa parroquia natal, envolta na bandeira republicana, evocada como "a última guerrilleira galega, a Pasionaria do pobo galego".


FEDERACIÓN DE GUERRILLAS LEÓN-GALIZA
Na primavera do ano 1942 creouse a Federación de Guerrillas León-Galiza con grupos de León, Lugo e Ourense, nunha reunión celebrada nos montes de Ferradillo, preto de Ponferrada, que fixou como encarreirar a loita contra o fascismo franquista. O obxectivo non era, en principio, derrubar a ditadura mediante a loita armada, senón manter viva a chama da resistencia ata que se producira a intervención das potencias aliadas que todos daban por feita. A Federación actuaba no Bierzo, Cabrera, Laciana e A Maragatería (León), Becerreá, A Fonsagrada e Quiroga (Lugo), e no Barco de Valdeorras, A Pobra de Trives e Viana do Bolo (Ourense). No ano 1943, a Federación era a única guerrilla organizada que había no estado español. No ano 1945 creouse en Galiza o Exército Guerrilleiro de Galiza-León. Foi nesta época cando as guerrillas acadaron o máximo apoxeo, botándose ao monte e desencadeando durante o ano 1946 unha ofensiva xeralizada en todo o estado, mais a esperanza por derrubar o réxime fascista axiña se diluiu cando se tivo a certidume de que os países aliados non ían intervir despois de derrotada a Alemaña nazi e iso a pesares de que o 19 de xuño de 1945 a ONU emitira unha condena contra a ditadura franquista. A partires de 1950, a maioría dos guerrilleiros foron morrendo en enfrontamentos coas forzas represivas.

REPOBOACIÓNS FORESTAIS
As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. O estado incautouse de montes comunais para efectuar as plantacións, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das aldeas subiran a pastar o gando.   

LUGO, BARALLA, BECERREÁ, NAVIA 
Nada teño que engadir a esta lembranza que me achegou o amigo Kike de Vidal, así que aí deixo as súas palabras (e as fotos)... 
"LUGO-BARALLA-BECERRA-NAVIA. Dúas horas e meia a Lugo sen contar coas longas paradas no Eslavín (infelizmente xa non está), no Roca de Baralla, en calquer lugar que deran o alto. Ahh ! xa se me esquecía, a parada tamén eterna e de obrigado cumprimento no cruce de Liber esperando La Ponferradina que viña polo Portelo e Doiras. Digo as máis importantes porque se comezo dende O Cochoso até A Borquería igual de Navia a Becerrá había máis de vinte, si oh ! Logo a coña: Cabana: que baixe o que lle dé a gaña; San Martín de La Ribera, que se baje el que quiera, e esí..."



O DOLME DA PEDRA COBERTOIRA 
Dise que a enorme tampa de pedra que cubre a anta da Pedra Cobertoira, situada na aldea de Vilouta de Abaixo, nas abas da serra do Pico, foi levada alí por unha moura que a trasladou sobre a súa cabeza. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
 

MARCO DE VILOUTA
Situado entre as aldeas de Vilouta de Arriba e de Vilouta de Abaixo. Quizais actuou como marco divisorio entre ambas as dúas aldeas que pertencían ao mosteiro cisterciense de Penamaior. Na actualidade atópase tirado á beira dun regato, mais, ao parecer, no mesmo lugar onde estaba chantado. A lenda di que o puxo alí unha moura e que os mouros que habitaban no túnel que comunica os castros de Vilouta de Abaixo e de Vilouta de Arriba utilizábano para amarrar a el os cabalos. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
 

O CASTRO DE CANTIZ
En Cantiz, parroquia de Vilachá. Uns veciños contáronme que non hai moitos anos uns furtivos sacaron á luz varias moedas utilizando un detector de metais. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O CASTRO DA SERRA OU DO CASAR 
Na aldea do Casar, parroquia de Furco. No castro hai soterrada unha Virxe de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O CASTRO DE FONTES 
Na aldea de Fontes, parroquia de Furco. Ao arar a terra saíu á luz unha ola con po de prata. Unha veciña de Vilameixe, en Baralla, díxome que tamén había agochado un carro de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O CASTRO DE DONÍN 
Na aldea de Donín, parroquia de Sevane. Contáronme que o propietario dunha casa que había no castro, e da que aínda se conservan parte dos muros, escavou en varios puntos do xacemento porque, segundo a lenda, había soterrado un tesouro que nunca atopou. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

CASTROS DE VILOUTA DE ABAIXO E DE VILOUTA DE ARRIBA 
Na parroquia de Vilouta. Un veciño de Vilameixe, no concello de Baralla, contoume que no castro de Vilouta de Arriba hai xente que viu a unha vella fiando e que cando se achegaban a ela desaparecía. Tamén se di que hai unha cova que comunica co castro de Vilouta de Abaixo onde os mouros custodiaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

CASTRO DE VILAR DE FRADES 
Cóntase que se se ara o castro con dous bois xemelgos atópase un xugo de ouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

CASTRO DE EIXIBRÓN 
Na parrquia de Tortes. Da croa saía unha cheminea que daba a unha cova que agochaba un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O PICO DO CASTRO 
Un veciño de Agüeira contoume que no monte do Pico, onde se ergue un castro, os seus primeiros moradores, os mouros, tirábanlle pedras a quen tentara atacalos. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  

COVA DE BARREIRO  
Situada nun monte de Barreiro, na parroquia de Liber. Segundo me contou un veciño que na actualidade vive en Becerreá, cando era mozo acostumaban tirar unha pedra dentro da cova porque resoaba. Disque nela vivían os mouros. Unha vez caeu na cova unha pita que foi aparecer, despois de pasar baixo o río Navia, en Liber. 

A FURADA DOS MOUROS 
Chaman así a un lugar situado no castro de Sevane onde os mouros agochaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

A MINA DOS MOUROS 
Situada na aldea de Casares, parroquia de Vilaiz. Unhas veciñas contáronme que de nenas entraban con fachos acesos na longa gruta, abeirada ao principio por dúas "camas" de pedra onde durmían os mouros que custodiaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  

AS COVAS DE FURCO 
Na parroquia de Furco. Dise que no seu interior había tesouros ocultos, de onde saíron varios obxectos metálicos, entre eles unhas campás.

A FONTE DE AGÜEIRA 
En Agüeira. Ata non hai moitos anos era utilizada polos veciños como indicador meteorolóxico xa que, segundo vaia a ser o tempo, as súas augas adquiren unha ou outra cor. 

O MILAGRE DE XAN TROULA 
Unha noite, alá polos anos sesenta do pasado século XX, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante da Santa Cruz de Penamaior cando, de súpeto, sufriu a descarga dun raio. Todos os veciños viron como un cordón de lume atravesaba o seu corpo, elevándoo varios metros do chan. Cegados pola luz e enxordecidos polo estrondo, a xente observou como o corpo de Xan caeu na terra mollada, esparexendo polo lugar un forte cheiro a carne queimada. Xa todos temían o peor cando Xan se ergueu e, cos brazos abertos, deu uns trementes pasos cara os presentes. mais axiña volveu a caer. Foi entón cando Roque da Eirexe, veciño e parente seu, acodiu no seu auxilio. Crendo que o ía atopar sen vida, alargou os brazos para darlle a volta e, nese intre, Xan abrazouse a el. Dende aquel  suceso, o home converteuse nun afamado "arresponsador". Un dos casos de máis sona do que foi protagonista ocorreu cando unha viúva acodiu a el para procurar axuda porque un home deixara preñada a unha filla disminuída psíquica. Xan díxolle: "Vaite pra casa, farase xustiza". Aos poucos días, nas faldras do monte Calamouco atoparon a un home, tratante de gando que ía cara a feira de Becerreá, pendurando dun carballo, aforcado. Ao seu carón había unha nota manuscrita que dicía: "Deus me perdoe". Como compensación polo mal padecido, as autoridades entregaron á viúva unha bolsa do tratante chea de cartos. (Recollida do blogue Vento nas Xestas). (Máis información sobre os "arresponsadores" na entrada deste mesmo blogue, Historias e tracicións da comarca dos Ancares). 

O MOSTEIRO DE PENAMAIOR 
Mosteiro cisterciense fundado no século XIII polos monxes da orde do Císter. Hai quen sitúa aquí aos cabaleiros do Temple, a famosa e mistérica orde monástico-militar. No aleiro hai dous canzorros que segundo a crenza popular, representan a Sede e a Fame. Cóntase que cando a restauración do cenobio atoparon unha mazmorra onde había un sistema para torturar aos presos polo método da goteira, que ben suxeitos cun mecanismo para que non se puideran mover, sobre a súa cabeza caía unha gota de forma intermitente que lle perforaba a tapa do cranio e lle podrecía os miolos.

A CRUZ DE FERRO 
Levántase en Penamaior, xunto o antigo mosteiro cisterciense. Disque pola noite, os mortos qeu compoñen a Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena, axeónllanse diante dela para atopar a salvación das súas almas. Ao parecer, a cruz foi erixida polos monxes que habitaron o cenobio. Cóntase que cando tronaba, todos os raios ían para a ela. Hoxe en día, a cruz é de madeira.
 

A PENA DE PASCUA 
Situada na parroquia de Vilouta, non moi lonxe do dolme da Pedra Cobertoira. No lugar xantaban os pegureiros que coidaban das ovellas na Serra do Pico. Na pena hai unha especie de banzo onde se xuntaban os mouros. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

AS PONTES DE GATÍN 
Nas Pontes de Gatín, parroquia de Liber, érguese unha ponte sobre o río Navia, medieval de posible orixe romana. Segundo a lenda foi construída polo demo nunha noite; o nome viría do gato negro co que os veciños lle pagaron a obra ao diaño. Outra lenda conta o pauto que fixo co demo un mozo que non podía cruzar o río para ver a súa amada. No medio do único arco consérvase un miliario que debeu pertencer a unha calzada romana, logo reutilizado en tempos de Carlos III para insculpir unha inscrición viaria.

O TESOURO DA CAPELA DE SAN LOURENZO 
A capela está situada na estrada que vai cara a escola forestal. Tres home da Lagúa, un da Casa Nova, outro da Casa de Nesa e un terceiro da Casa de Vázquez, andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros dixéronlle: "Estente calado que aínda van pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl. (Achegada por José Fernández Carrete). 
 

O CEREIXAL 
Dise que a parroquia de O Cereixal cítase no Ciprianillo, o famoso libro (publicado baixo distintos títulos) que recolle as fórmulas para descubrir os tesouros que os mouros agochaban en covas, castros, etc. Parece ser que foi escrito arredor dos séculos XVI ou XVII. Álvarez Blázquez afirma que no XVII circulaba por Galiza un libro de esconxuros atribuído a San Cibrán. 

O TOPÓNIMO BECERREÁ 
Para J. Piel é un nome de señorío dun propietario latino, rematado no sufixo adxectival -ana, procedente dunha *(villa) Becerreana ou Becerriana, derivado dun posesor de nome Becerianus ou Bicerianus, forma patronímica de Becerius ou Bicirius. Mais, segundo a lenda, debe o nome a un feito ocorrido durante unha das feiras que se celebraban na vila. Ía un veciño co seu becerro á feira cando un neno lle lanzou unha pedra ao animal. Tal foi a dor que lle produciu que deu un salto e botou a correr sen que ninguén conseguira deteñelo. Chamaron, entón, ao alcalde, home valente e astuto, que conseguiu detelo e devolvelo ao seu dono.

UN OVNI SOBRE O CEO DE BECERREÁ 
Hai case 40 anos aconteceu un suceso en Becerreá que pasou desapercibido, e non so para os seus habitantes. Houbo que esperar 24 anos para coñecer o que aconteceu ás oito da tarde do día 2 de abril de 1969. Unha persoa que viaxaba no seu coche pola antiga N-VI viu, á altura do quilómetro 476, ao pé duns outeiros, un obxecto que identificou como "unha nave espacial tripulada" en forma de obús, duns seis metros de lonxitude, e totalmente iluminada. Cando detivo o coche para ver mellor o obxecto, xa desaparecera. Segundo se puído saber no ano 1993, en que o Mando Operativo Aéreo (MOA) desclasificou os arquivos OVNI, trece días despois do avistamento a testemuña narrou por carta o acontecido á Subsecretaría de Aviación Civil. Segundo o informe do MOA, carécese de datos puntuais do avistamento, ademais a zona é rica, continúa, en penas graníticas con forte compoñente en mica e moi erosionadas o que lles proporciona uns contornos arredondados de múltiples formas. Conclúe o informe que o fenómeno observado suxire unha ilusión óptica orixinada polo reflexo do sol nunha rocha granítica. Versión non compartida polos ufólogos que fan fincapé en que a investigación do MOA foi unha chapuza xa que as descricións que se verquían no informe non se corresponden coas citadas pola testemuña o que leva a pensar que os investigadores visitaron o sitio equivocado e non o Alto do Campo de Árbore, identificado claramente polo observador. Nós non quitamos nin poñemos, pro si podemos asegurar que nin na zona nin en varios quilómetros á redonda hai unha soa pena granítica.

A ERMIDA
Lugar divisorio entre as parroquias de Torés e Viladicente (As Nogais) e Morcelle e Guillén (Becerreá). Segundo a tradición, aquí reuníanse os curas das catro parroquias para comer. No sitio hai unhas pedras que disque pertenceron aos alicerces dunha antiga capela. (Contada por Xoque, de Riomao, As Nogais). 

GEORGE BORROW POR BECERREÁ
José Ángel García López, no seu traballo Viaxes con Ánxel Fole de Manuel García López, conta que Fole, camiño de Becerreá, contoulle aos acompañantes: "É moi coñecido por estas terras o tránsito do evanxelista Jorgito Borrow, vendedor de biblias, que tivo necesidade de escolta ata chegar a Becerreá, debido aos carlistas e bandoleiros que abundaban por estes camiños".
O británico George Borrow (1803-1881), percorreu España entre os anos 1836 e 1840 ao mesmo tempo que vendía ou regalaba edicións do Novo Testamento sen anotar. No 1842 publicou A Biblia en España ou viaxes, aventuras e prisións dun inglés no seu intento de difundir as Escrituras pola Península, moitas de cuxas páxinas están adicadas a Galicia, terra que o impresionou profundamente. Don Jorgito era o sobrenome polo que aquí se coñecía a George Borrow.
 

A COVA DOS MOUROS
Preto do castro de Vilar de Ousón. A galería, de cronoloxía descoñecida, ten un metro de ancho por dous de alto; interrómpese despois duns vinte metros debido aos cascallos, provenientes dun derrube, que impide continuar. Pouco sabemos desta cova. Dise que durante a Guerra da Independencia foi utilizada polos guerrilleiros galegos que loitaban contra as tropas napoleónicas, e que despois da Guerra Civil foi usada polos guerrilleiros antifranquistas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.
 

O CHAO DA CAPILLA
Lugar situado en Vilar de Ousón. O composto, castelanización de capela, vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao anaco de capa que San Martiño deu a un pobre. Segundo me contaron aquí había unha pequena ermida, logo trasladada para a aldea. Apareceron tumbas feitas con laxes. Un veciños de Vilar de Ousón contounos que se conservan antigos documentos que falan de que ata aquí viñan enterrar aos veciños da parroquia de Liber que conta con igrexa e cemiterio próximos. De ser certo isto, este cemiterio do Chao da Capilla é anterior ao século XVII, data de construción da igrexa de Liber.
 

A MALDICIÓN DO SOLDADO FRANCÉS
Durante a invasión napoleónica en Becerreá, un soldado francés achegouse un día á coñecida como Casa da Corredoira, na aldea de Guilfrei, para que lle deran un vaso de auga para calmar a sede. Cando o home estaba a beber, o dono da casa colleu un rolo e golpeouno na cabeza, causándolle a morte. Dende aquelas, os habitantes da casa, cando saen ao campo para traballar, teñen que levar consigo auga para beber debido á sede que lles entra. Tamén se di que cando un dos moradores da casa vai a morrer, pouco antes sempre pide auga. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

O ESPÍRITO SANTO DE FONTARÓN
A igrexa parroquia de Fontarón está adicada ao Sancti Spiritus. Cóntase que cando se erixiu o templo, a escultura da pomba que hoxe podemos ver xunto a entrada marchaba para o lugar onde estivera sempre, unha antiga capela hoxe en día desaparecida. A única maneira de que permanecese na igrexa foi derrubando a ermida. Cóntase que tamén había un santo, procedente da citada ermida, que facía o mesmo. Para que non liscara, o cura dixo que o único xeito de que quedara na igrexa era ofrecerlle cartos á imaxe. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

O TRASGO DE FONTARÓN
Nalgunhas partes de Cervantes e de Navia de Suarna, ese demo invisible, menos maligno ca o diaño, que se caracteriza por facer trasnadas, recibe o nome de Busgoso, Choco ou Trasno (do latín trans gradi, transgredir, cometer unha infracción). Hoxe contáronnos que en Fontarón (Becerreá) tamén se coñece como Trasgo. Este Trasgo adoita transmutarse en pedra, árbore, etc. Nunha ocasión, un home levaba baixo o brazo un toro de carballo para a lareira. Mais, a medida que avanzaba polo camiño, o toro aumentaba de peso. Xa ao límite das súas forzas, conseguíu chegar á casa. Respirou aliviado. Pero cando ía metelo na lareira, estourou o toro, reducíndose a cinsas. Fora o Trasgo. 

UNHA HISTORIA REAL ARREDOR DA LAREIRA 
Nas longas noites de inverno, o bisavó do noso informante pasaba as horas diante da lareira. Falaba do traballo, contaba historias... En fin, sempre tiña algo de que falar. Un día houbo que facer reformas na casa. O primeiro foi poñer unha cociña de ferro (económica, lle chamaban), mais mantiveron a lareira. Noite tras noite, o bisavó continuou a sentarse a carón da lareira. Falaba menos, si, a muller, os fillos preferían a comodidade da económica (menos fume, cómoda para cociñar...), pero para ser feliz chegáballe con escoitar as súas rias, e sentir e mirar para o lume da lareira. Pero chegou un día en que aumentou a familia e había que ampliar a casa para facer dous dormitorios. O cuarto que acollía a lareira foi o sacrificado. Dende aquelas, o bisavó, con cada día que morría, morría unha parte del mesmo. Foise en pouco máis dun mes. 

A PENA QUENTE
Situada a carón da estrada, pouco antes de chegar ao Lago. Contounos o señor Gerardo "O Minero", un home ao que só lle quedan algúns meses para chegar aos cen anos pero que os leva que non vexas, que recibe o nome porque, ao contrario do que pode parecer, era o lugar máis frío da zona. Desapareceu case na súa totalidade ao ampliar a estrada.
 

A PENA FURADA 
Recibe o nome unha pena situada nun monte do Lago (Fontarón). Caracterízase por posuír un enorme furado que semella unha ponte. Segundo a lenda foi o demo quen, encabuxado por non se sabe que causa, a furou dun puñetazo.

AS CALIZAS NOS ANCARES  
Entre as cuarcitas, xistos e lousas que predominan nos Ancares cóase a coñecida en xeoloxía como caliza de Vegadeo. Proveniente do norte da provincia de Lugo, atravesa Becerreá e As Nogais, tocando algunhas zonas de Cervantes e morrendo en Pedrafita do Cebreiro, deixando ao seu paso a paisaxe de modelado kárstico (Os Grobos, en Becerreá), especies vexetais máis propias doutras zonas como faias (faial da Pintinidoira) e aciñeiras (aciñeiral de Cruzul), ou covas que agochan importantes sitios arqueolóxicos como a cova de Valdavara, a escasa acidez que este tipo de rocha achega ao solo permite a conservación de fósiles. As calizas só afloran no 5% do territorio galego.
O centro desta veta caliza atópase en Becerreá, no entorno de Cruzul, Morcelle, Horta e Agüeira. En moitas vellas construcións utilizouse esta rocha, como aconteceu coa Ponte de Cruzul que foi levantada no Camiño Real de Galicia.

ENVELENAMENTO DE VINTE PERSOAS EN BECERREÁ
La Correspondencia de España, do día 30 de xaneiro de 1914, recolle o envelenamento de vinte persoas en Becerreá.

CANDO NA COMARCA DOS ANCARES NON HABÍA LUMES
La España, do día 4 de setembro de 1857, amosa a súa sorpresa por un incendio acontecido nunhas herdades do alcalde de Becerreá.
  
A FONTE DO INFERNO
Preto de Becerreá, na estrada que leva ata Saa, nas inmediacións dun lavadoiro, discorre un pequeno regueiro que nace na serra da Pena do Pico. Neste punto coñécese como A Fonte do Inferno. O nome débese a que durante a Guerra Civil os falanxistas levaban eiquí aos que apreixaban para “darlles o tiro de graza”. Antes de asasinalos, preguntábanlle: “Hablad todo lo que tengais que hablar”. Ao que contestaban: “Matarédesnos, pero vos tamén caeredes”.
Na paraxe da Moura, tamén moi preto de Becerreá, os falanxistas despoxaban dos cartos á xente que viña da feira despois de vender os produtos do campo, xatos, becerros, porcos... Era tal a impunidade con que se desenvolvía que un garda civil que lles fixo fronte foi asasinado polos fascistas.