HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DE NAVIA DE SUARNA

Historias, tradicións, mitos e lendas de Navia de Suarna que se achegan: A deusa Navia, A lúa, Tradicións do Nadal, O Ano Vello, O Ano Novo, O tizón do Nadal, O apalpador, O entroido, A Noite do San Xoán, A chacarela do San Xoán, O matrimonio, A Noite de Defuntos, O castiñeiro das Cruces, O hórreo, A lareira, O lume, A auga, As árbores, O castiñeiro e a castaña, Herbas medicinais, O sal, Os arresponsadores, O topónimo Galegos, A pita do monte, O pan, A feira, As brañas, Os camiños, A Casa da Fábrica, O viño, As penas do reloxo do sol, Remedio contra a caída da paletilla e a espinilla, Fórmula para curar os orizós ou orizopos, O meigallo, A figa, As fontes, Fonte de don Ángel, A millora, Ferrarías, Guerra Civil: represión fascista, Repoboacións forestais, Lugo-Baralla-Becerreá-Navia, Busca dun guerrilleiro antifranquista no cemiterio de Rao, O derradeiro oso dos Ancares galegos, Unha historia de Álvaro Cunqueiro en Navia de Suarna, O castro dos Vilares, O castro do Cantón, Castro de Cabanela, O emperador Teodosio I o Grande, As covas de Castañedo, As covas dos mouros, Un diluvio sobre a aldea de Penamil, A Madanela, A capela de Coro, Capela de Ventosa, Igrexa de Vilarpandín, A Pena do Corvo, A Pena Castelo, A Pena de Murias, A Pena da Muller, O trasno do choco, O trasno, O busgoso, o Pozo do inferno, O tesouro do barbeito de Caselas, O tesouro de Cantorcia, O tesouro de Molmeán, Manuel e o lobo, Dúas vinganzas.

A DEUSA NAVIA 
É unha das deidades galaicas mellor testemuñadas na epigrafía. Era a deusa dos ríos e da auga. Os ríos Navia e Navea, en Galiza, e o Neiva, en Braga, foron bautizados co seu nome. Para Blanca García Fernández-Albalat (1990), o vencello de Navia cos ríos explicaríase a partires da concepción céltica da auga como elemento característico do acceso ao Alén a través da auga. tamén está considerada como deusa facilitadora da Natureza, das augas, das fontes e dos ríos, e tamén dos bosques. 

A LÚA
Para os habitantes de moitas aldeas da comarca dos Ancares, a lúa de marzo en crecente é boa e mata a mala herba. A matanza facíase nos meses de inverno e, a poder ser, en lúa mingunate para que o touciño non se puxera amarelo. A lúa é como o axente que regula o ciclo da circulación do sangue non só nas persoas, senón tamén nos animais e nas plantas. O crecente e o minguante marcan os momentos nos que a lúa actúa con máis ou con menos forza sobre o sangue; no crecente é cando sobe da raíz ao talo, do corazón ás extremidades. Durante o minguante din que é cando o sangue baixa, concentrándose en torno á raíz e perdendo vigor o organistmo. O crecente de mazo e o minguante de agosto marcan os momentos do ano de máis e de menos forza da lúa. En crecente elimínanse as malas herbas por iso é cando se aran, ao cortar as malas herbas desangran e morren. Os artesáns dos Ancares din que se debe cortar a madeira coa que van a traballar no minguante de outubro, novembro ou decembro por seren o momento do ano en que a lúa envellece e vai perdendo a súa forza, e as ramas das árbores non teñen sangue. Din que se cortan a madeira noutra época do ano o máis normal é que se abiche. Tamén din que o mellor momento para matar o porco é de novembro ata decembro, porque en xaneiro entra a lúa de ano novo e xa non se conserva ben a carne; e nunca debe matarse a partires de marzo.

O SOL
Os habitantes dos Ancares din que na montaña é onde o sol quenta a terra para fecundar o produto máis forte e máis puro. Mais na montaña é onde trona máis; a auga do trono vén quentada polo sol por medio da descarga eléctrica e "coce" (purifica) a terra eliminando as malas herbas. O sol presidindo a montaña é identificado coa forza purificadora que "atrempeira" a terra. Por iso consideran que todo o producido nas terras da montaña (alzadas, searas) é máis forte e ten máis poder alimenticio que nas terras de abaixo. A palla do centeo producido arriba din que é a única que serve para teitar as pallozas; a herba da montaña din que alimenta mellor ao gando e, ademais, serve para curalo cando está enfermo ou despois de parir (Rodríguez Campos, 1990). Unha muller do municipio de Navia de Suarna, de máis de noventa anos, contoume que cando acaía unha desgraza, o desventurado ou desventurada miraba cara o sol nacente e pregáballe protección. Ao munxir as vacas acostumábase ofrecer ao novo día as primeiras pingas de leite, poñéndoa nunha cunca que se colocaba na ventá que miraba cara o Oriente para seren ferida polos primeiros raios do sol. Antes de meter o pan ao forno, ofrecíase unha torta á "estrela panadeira" (Venus), poñéndoa na ventá que mira cara o nacemento do astro. 

O CANTO 
Chaman así a un lugar situado na aldea de Coea, na parroquia de Castañedo. Contoume un veciño que hai anos estaba a arar a terra cando, de súpeto, quedou enganchado o arado; cando foi a comprobar a que se debera, viu unhas tumbas rectangulares feitas con laxes en cuxo interior había esqueletos humanos. (Recollido polo autor do blogue).

AS ÁNIMAS 
Crese que en varias zonas dos Ancares, cando alguén está gravemente enfermo escóitase un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte" que anuncia o pasamento ao Máis Alá do doente. En moitas aldeas coidan de non varrer a casa de noite, porque se lles dá para atrás ás ánimas, impedíndolles que se quenten.

A ÁNIMA SOILA
"Existe a crenza en Galiza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo". (Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-a961). Esta Ánima Soila é coñecida en varias partes da comarca dos Ancares.

TRADICIÓNS DO NADAL
Por Noiteboa estaba extendido o costume de que os mozos percorreran as casas da veciñanza cantando panxoliñas acompañados dun gaiteiro, obtendo a cambio donativos que utilizaban para celebrar festa e baile. Arredor da festividade de Reis, a primeiros do mes de xaneiro, formábanse mascaradas, formadas sempre por homes, que percorrían un amplo territorio visitando as distintas aldeas, recadando donativos cos que logo celebrar a festividade. Canto aos cantares encomezábase sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar. Estas mascaradas desapareceron totalmente, fixando a súa decadencia na época da post-guerra. (Antropología y etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares, de Xosé Manuel González Reboredo e Xaquín Rodríguez Campos, 1990).

O ANO VELLO
A noite do derradeiro día do ano está cargada de misterio xa que se xuntan a despedida do Ano Vello e a benvida do novo. É un tempo de transición na que se desatan as forzas ocultas e por iso se lle vencellan ritos e poderes máxicos. En moitas partes de Galiza queimaban o Ano Vello, como en Becerreá, simbolizado nun boneco de palla vestido con roupa usada que se queimaba cara a medianoite, un xeito de botar fóra do seu mundo todo o vello. Segundo conta Taboada Chivite (1907-1976), "en Becerreá, os mozos dunha parroquia acostuman levar a outra veciña un boneco de palla que representa o Ano Vello. A falcatruada acostúmase tomar como grave aldraxe, e os aldraxados reaccionan, ás veces, de maneira violenta, que remata en liorta e axitación. Nalgunhas partes cólganno, en sinal de burla, no tellado veciño para mofa do pobo. Ese ou outro boneco que representa o Ano Vello, monicreque de palla vestido con roupa vella, quéimase despois publicamente entre barullo e rebumbio xeral". É un sacrificio, segundo Nieves del Hoyo, de belísima tradición, que substitúe aos animais ofrendados na fase pastoril e cazadora e posterior ofrecemento ao deus da vexetación.

O ANO NOVO
O derradeiro día do ano, en Becerreá facíase o rito de coutar o ano. O patriarca da casa recitaba dende a porta unha fórmula coa familia para espaventar os males que puidesen vir co Ano Novo. Enchegado o primeiro día do ano, en Murias (Navia de Suarna) tíñase o costume de saír as máscaras anunciando o novo tempo que viña co Entroido.

O TIZÓN DE NADAL
"Cotarelo, no seu traballo A Noiteboa na aldea, descríebeo deste xeito: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume, cando mandan apagalo e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha de ter a sorte para a facenda e para os donos. Dito tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que o resto que queda consérvase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameaza unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade".  (Recollido de Ritos galegos de Nadal, de Xesús Taboada Chivite).

O APALPADOR
O Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. A lenda do Apalpador ten a súa orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro. As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña".

O ENTROIDO
En Coro e Robledo (Navia de Suarna) os mozos acostumaban a disfrazarse, e armados con fachuzos acesos ían ata o límite da parroquia para marcar a territorialidade aos seus veciños.

A NOITE DE SAN XOÁN
Nalgunhas aldeas os mozos roubaban a leña para facer a fogueira que saltaban a medianoite mentres dicían: "Fóra meigas". En varias aldeas de Navia de Suarna recollíanse sabugueiros (boito, como lle chaman no concello), a herba de San Xoán e a artemisa que se colocaban en portas e ventás para espaventar as bruxas. Os de Vilar de Moía acendían a fogueira entre Vilar e Moía, como símbolo para recalcar a personalidade dun pobo fronte ao outro cun marcado carácter de fixador de límites simbólico-sociais (González Reboredo e Rodríguez Campos, 1990). En Savane (Navia de Suarna) poñíanse as fogueiras nos cruces dos camiños para que por riba pasara o gando para lle curar o mal dos pés. En Doncos e Noceda (As Nogais) acostumábase a colgar de portas e fiestras determinadas flores e plantas contra as bruxas.

A CACHARELA DO SAN XOÁN
Cando o salto da cacharela do San Xoán crese que as mulleres solteiras conseguen casar se o fan sen tocar o lume; di Vicente Risco que se o logran pasarán polo altar antes dun ano.

O MATRIMONIO 
O matrimonio afecta á esfera particular de cada casa... pero no mesmo tamén se ve implicada a comunidade en tanto que os contraíntes mudan a residencia e de status. Un primeiro síntoma desta implicación maniféstase na actitude dos mozos dun pobo cara un alleo que cortexa a unha muller. A presenza dun estrano soía dar lugar a unha reacción defensiva que podía presentar un aspecto violento, aínda que o normal era que se reducira a esixir unha compensación ao mozo intruso a cambio de permitirlle o cortexo (para a bebida, por exemplo). Unha vez superado o noviazgo, é no cerimonial de voda onde se reflicte intensamente a implicación da comunidade no proceso. Se nos últimos tempos a decadencia das capelas do pobo é evidente, non acontecía así ata os anos cincoenta, época na que esta era o marco usual do rito nupcial. Cando o cura preguntaba se había impedimento toda a xente dicía: "Non, non señor, pódense casar". Era, polo tanto, o conxunto da veciñanza a que afirmaba coa súa presenza na capela e manifestación verbal a oportunidade do enlace, expresando deste xeito a súa aceptación da nova alizanza selada na cerimonia. A cambio delo os veciños recibían pequenos obsequios que serven de compensación a este recoñecemento colectivo. Dentro da ritualidade das nupcias resulta significativa a recepción da comitiva no pobo onde o novo matrimonio fixa a súa residencia, xeralmente no do varón. Co nome de loias coñécense os cantares que os veciños dedican aos desposados... se ben en Navia de Suarna denomiánse cantares de voda ou cantar o rosco. Seguidamente, a xente, especialmente as mozas, entoaban os cantares. A canción entoada polas mozas é o primeiro paso da integración ritual da noiva na súa nova casa e moitas veces na súa nova comunidade. (González Reboredo e Rodríguez Campos, 1990).

A NOITE DE DEFUNTOS
En moitas aldeas do municipio críase que as ánimas dos familiares viñan na Noite de Defuntos a quentarse xunto a lareira, e por iso se deixaba un gran pao aceso ata o amencer. 

O CASTIÑEIRO DAS CRUCES 
O Castiñeiro das Cruces atópase en Rao. Era costume cravar unha cruz de madeira neste castiñeiro cando pasaba un enterro polo camiño da igrexa. Na actualidade atópase inzado pola edra (que non estaría de máis recuperar). Segundo me achegou Clodio González Pérez, etnógrafo e historiador, entre Murias e Robledo, na baixada cara o río Balouta, había outro castiñeiro adicado ao mesmo fin. E outro máis entre Meda e Rao, contoume o amigo Manolo G. Trabada. Segundo sinala González Reboredo, márcase simbolicamente a saída do defunto da súa comunidade camiño do universo máis extenso da parroquia.



O HÓRREO
Moitos cren que os hórreos, horros, son herdeiros das palafitas prehistóricas. Ademais de como despensa, en moitos lugares dos Ancares utilizábanno para depositar os corpos dos defuntos mentres non se celebraba o enterro. Ademais de teren espazo suficiente, era un lugar limpo e onde os ratos non podían chegar.

A LAREIRA
No espzao ocupado pola lareira, en moitas aldeas, en ausencia doutro lugar axeitado, utilizábase para instalar nela ao moribundo. O cura entraba acompañado dos veciños do pobo portando velas cando lle subminstraba a Extrema Unción.

O LUME
Considerado como unha divindade protectora, cando unha persoa se sentía agoniada ou vítima dalgunha pena, adoitaba situarse diante do lar para avivalo e maldicilo. Tamén lle botaban flores en determinados días do ano. Cando se cocía o pan, dábanlle a súa ración, e cando comían arredor del, botábanlle algunhas culleradas de graxa para avivalo. O lume debía conservarse puro, e non se permitía ningunha acción culpable na súa presenza; tampouco debía ser ofendido. Non se podía tirar a el nada suxo, e tíñase especial coidado en que non fosen a parar a el as cascas dos ovos xa que con elas queimaron a San Lourenzo. Existía a tradición de manter o lume aceso para alonxar os malos espíritos. En moitas aldeas o lume era cuberto e recuperado á mañá seguinte. Ademais das fogueiras do San Xoán, facíanse rituais co lume noutras épócas do ano, así os veciños de Vilarpandín (Navia de Suarna) prendían a fogueira no medio da aldea na véspera do San Roque, e tamén os veciños de Traserra prendían un lume nos límites co Tabillón por carnaval.

A AUGA
Nos meses de febreiro e marzo non se botaba a auga aos campos porque as augas estaban "preñadas", segundo uns meses nacen os "cucharos" dentro de pequenas bolsas das que logo saen as ras no mes de abril; segundo outros chámanse "preñadas" porque neses meses traen como unha especie de "moco" parecido ao que botan as vacas pola matriz cando se están purgando. Por iso nese período do ano os campos só se regaban coa auga das fontes, pero non coa dos ríos e regueiros ata o mes de abril. A auga que corre ao longo do ano está "preñada" ao final do inverno, dise que é o período en que a auga está queda. Despois de quedar "preñada" a auga tamén quedará preñada a terra, que antes se purgou. Nos Ancares distinguen entre as augas boas e doces e as malas e bravas; as fontes de onde saen as primeiras están case todas na montaña, e dise que a súa auga é boa para "coller sangue"; as do pobo son sempre consideradas máis bravas. A auga que mana das rochas da montaña purifica e fecunda a terra. (Xaquín Rodríguez Campos, 1990).  

AS ÁRBORES
Aseguran os habitantes da comarca dos Ancares que a mellor madeira é a das árbores que medran en sitios máis montañosos, pedregosos e soleados, porque nestes lugares "vicia" menos. Quere dicir que coa calor do sol medra máis lentamente, onde non hai sol medra máis rápido en busca do sol. A madeira é mellor canto máis pobre é o terreo. Din dun castaño ou dun carballo que estea xunto unha rocha, "esa madeira é dura coma un carro". En Robledo de Rao chámanlles "pedreses" porque son duros coma o seu terreo, aferrados ás súas tradicións e atrasados, e por outra porque son insociables xa que non van á taberna (Rodríguez Campos, 1990). Nos Ancares había grandes extensións de bosque poboado por castiñeiros, carballos, vidros, abrairas, pradairos, faiais, piornos, teixos, acivros, capudres... O vidro e o pradairo utilizábanse para facer zocos, o boxe para facer mangos de navalla e culleres de madeira, o castaño e o carballo para facer mobles, a rama do teixo para dar de comer ao gando, a do piorno para facer carbón como complemento da uz. O máis emblemático da zona é o castiñeiro, tanto pola importancia que tivo a castaña na alimentación como por seren a madeira utilizada para facer os teitos, tabiques, os solos das casas e dos hórreos, etc.

O CASTIÑEIRO E A CASTAÑA
Cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer os da súa propiedade, facíanlles unha marca. Cando se compraba ou se vendía escriturábase como unha propiedade máis. Distinguen na zona cinco tipos de castiñeiros que levan os nomes "do bravo", "da parede", "ron" (ou coruxa), "verdiños" (ou marelás) e "de cebola". Canto ao seu froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen pronto, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución; e canto máis forte se lle pegue ao varexalos, mellor. Ata ben entrada a segundo metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos.

HERBAS MEDICINAIS
Case todas as herbas medicinais nacen no monte, agás a ruda que se cultiva na horta. O talo do regaliz era considerado bo para a gorxa, a raíz e as follas da arandeira (vaccinium myrtillus) e a pel do sangumio (corunus sanguinea) para as dores de ventre, a xeixebra (xaifraga granulata) para as almorrás, a celidoña para as cortaduras, a árnica (arnica montana) para a circulación do sangue, a xanzá (geniata lutea) para os catarros, tuberculose e para baixar a tensión porque clarea e purifica o sangue, a raíz do llantén (alisma plantago) para os catarros, a raíz e a flor da uz branca (a vermella é considerada velenosa) para as dores de cabeza e de lumbago, a raíz e a flor da carqueixa branca (chamaespartium tridentarum) para rebaixar a tensión, a raíz e o talo da consoldra para os golpes e lombrigas do gando. Mais dise que deben ser aplicadas con coidado, en doses controladas zugan o mal que hai nel. A característica que consideran máis común a todas as herbas medicinais é a súa sabor doce, fronte ás malas que lles atribúen un sabor amargo e desagradable, por iso non as comen os animais. 

O SAL
Está considerado como un axente purificador da terra que botan durante os meses de inverno nas leiras de labradío cando son invadidas polas malas herbas; din que así conseguen facelas desaparecer. O poder curativo do sal exprésase noutra crenza relativa á salmoeira, a que serviu para curar a carne da matanza; antigamente, durante a festa do primeiro de maio, botábanlla ao caldo de castañas para que as mulleres non se marearan. A salmoneira séguese a utilizar nalgunhas comidas de inverno e primavera para dar sabor ao caldo, mais perdendo a función ritual que tiña en determinadas celebracións sobre o ciclo agrícola e a vida familiar. (Rodríguez Campos, 1990). 

OS ARRESPONSADORES
Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o límpido ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno. A resposta deulla un arresponsador: A non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra o goberno democrático e lexítimo da República. Comezaba a Guerra Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). Xa coa guerra en marcha, un avó da dona do meu informante, caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu a un arresponsador que, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou. Á figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos. (Recollido polo autor do blogue).

O TOPÓNIMO GALEGOS 
Nome que recibe unha parroquia do municipio de Navia de Suarna. Con este nome que serve para identificar aos habitantes de Galiza, tamén se denominaba aos "cristiáns vellos" e que despois se converteu en topónimo tal como se explica na Genealogía Sarracenorum do século XII. Cristián vello ou cristián puro é un concepto ideolóxico que pretendía designar a un segmento da poboación da Península Ibérica, a partir do século XV, que supoñía a "limpeza de sangue" para distinguirse dos conversos. Malia o anterior, pode derivar do nome da deusa-nai céltica da fertilidade e da guerra Cal-leach; o termo os viría do goidélico oes que quere dicir "fillos de, xente de"; Galegos serían, entón, os fillos da deusa nai.

A PITA DE MONTE 
Da familia "tetranoide" é, quizais, a ave de maior tamaño da fauna galega, con cola característica en forma de abano e pruma negra con irisacións e tonalidades que van variando da cola ao peito e deste ás as. As femias son máis pequenas que os machos, presentan tonalidades na prumaxe tendentes á cor parda e ao abrancazado e o seu carácter é bastante esquivo. O máis característico desta ave é o cortello nupcial: o macho, pousado nunha póla á que se denomina cantadeiro, abre a cola en abano e ao mesmo tempo estira o pescozo e comeza a cantar chamando ás femias; a súa concentración é tal que en ocasións esta cerimonia cústalle a vida. Desaparecida dos Ancares galegos, pódese ver unha, desecada, no albergue da Campa de Fieiró, tiroteada por Fraga a principios dos anos setenta do pasado século.

O PAN
Antes de cocer o pan acostumábase a facer unha bola con masa e ofrecerlla á estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña. 

A FEIRA 
O día 8 de abril do ano 1881, o Concello de Navia de Suarna aprobou unha proposta encamiñada a crear unha feira estable en Rao debido á importancia da súa cabana gandeira, iniciativa que non chegou a consolidarse. No ano 1932, os veciños solicitaron a restauración da mesma pero a petición non saíu adiante.

AS BRAÑAS
As brañas eran poboados temporais considerados como construcións estables a onde se trasladaban parte da familia durante o verán para o aproveitamento dos prados, sementar o gran e logo a recolleita. Deste xeito, nas aldeas situadas a unha altitude media, parte da familia ía cara a braña que se atopaba en zonas moito máis altas, permanecendo alí dende finais da primavera ata principios do outono. As brañas apareceron como consecuencia da escaseza de terras nos estreitos vales do municipio. A primeira mención documental das brañas do municipio de Navia de Suarna data do ano 1611, onde o conde de Altamira recibía un queixo ou un real por cada cabana, e un dezmo de leite a igrexa de Rao. A importancia que tiveron as brañas na economía maniféstase na de Xestoso que chegou a ter capela, posta baixo o padroado de Santa Ana, e festa.

OS CAMIÑOS 
No Mapa Geográfico del Reyno de Galicia de Tomás López (1784), a vía de comunicación máis importante que cruzaba o municipio de Navia de Suarna era unha desviación que ía de Lugo á Fonsagrada. No 1804, Lucas Labrada escribía: "No concello de Navia de Suarna asegura a xustiza que case todos os camiños son intransitables". A primeira obra que fai referencia ás comunicacións de cada parroquia e ao seu estado é o Diccionario de P. Madoz, publicado entre os anos 1845 e 1850, onde sinala que todos os camiños locais son malos e están mal coidados. Situación que non mudara a principios do século XX tal como testemuña Amor Meilán na súa obra Geografía General del Reyno de Galicia: "A capital do concello, por toda vía de comunicación ten un tramo (29 km) entre Becerreá e A Pobra de Navia. Coa Fonsagrada, a capital do partido, únea un mal camiño de carro, torto e difícil, de 28 quilómetros. E nada máis".

A CASA DA FÁBRICA 
Estaba en Murias de Rao. Chamada así porque nela funcionou unha fábrica de manteiga ata o ano 1871. Os arrieiros transportábanna en barricas ata o porto de Ribadeo.

O VIÑO
As primeiras noticias sobre a produción de viño na zona datan do 13 de febreiro do ano 1505, cando o conde de Altamira aforou polo terzo de viño e o cuarto dos grans, varios bens en Queizán (Navia de Suarna). 

AS PENAS DO RELOXO DO SOL
Atópanse a media ladeira do Pico de Surcio, que se eleva a 1.456 metros de altitude sobre o nivel do mar, actuando como un impresionante fito divisorio entre as provincias de Lugo e León. As penas do reloxo do sol sitúanse na ladeira que dá cara o, ata non hai moitos anos, asentamento temporal da Braña do Pandozarco, en Murias de Rao (Navia de Suarna). Trátase de dúas enormes pedras de xisto, paralelas entre si, que eran utilizadas polos veciños para saber a hora, que se calculaba dependendo de onde o sol pousara os seus raios. Cando a sombra se apoderaba do sitio, sabían que non tardaría en "botarse a noite", polo que procedían a recoller o gando para metelo nas cortes, e eles nas casas. Non moi lonxe, a 1.234 metros de altitude, érguese un pico que tamén toma o nome do astro rei: O Pico do Sol. No ano 2010, nas proximidades localizouse un campamento temporal de época romana, levantado, seguramente, durante as coñecidas como "Guerras Cántabras" (29-19 a.C.), evidencias que botan polo chan as teorías de que o actual territorio de Galicia foi un paseo militar para as tropas do Imperio. (Recollida polo autor do blogue, contada polo amigo José de Vilarín, de Murias). 
 

REMEDIO CONTRA A "CAÍDA DA PALETILLA E A ESPINILLA"
A espiña dorsar ou "espinilla", chamada tamén espiña, trátase dun conxunto de vértebras dispostas en fileira e unidas entre si que forman o cixo do esqueleto e sosteñen o corpo humano. Pola contra, co nome de "paletilla", tamén chamada paleta, cada un dos ósos planos que articulan o brazo co ombro. Esta enfermidade consiste no dislocamento dalgún óso e caída das vísceras que provoca unha malformación que se pode comprobar de modo popular do seguinte xeito. Déitase á persoa no chan coas pernas estiradas e xuntas, tendo en conta que os pés estean xuntos tamén, e se xuntan os brazos por detrás da cabeza. Se as palmas das mans ao xuntarse quedan a distinto nivel é que hai esta enfermidade. Na parroquia de San Pedro de Cervantes sentaban ao enfermo nunha cadeira, igualábanlle as pernas e levantábanlle os brazos, tirando deles cara arriba ata que as mans quedaban ao mesmo nivel. Logo era necesario repouso e xantar bos alimentos. Para finalizar o ritual, outra persoa dáballe unhas masaxes e mencionaba as seguintes palabras que tería que repetir durante cinco días seguidos: "Refrégoche os ósos/de arriba ata abaixo/e ao cabo duns días/a dor dos ósos/irache pasando".

FÓRMULA PARA CURAR OS ORIZÓS OU ORIZOPOS
Esta doenza é unha inflamación benigna que afecta basicamente a nenos e xoves, e que aparece na beira libre das pálpebras. Para curar esta enfermidade, ademais de remedios físicos, úsanse outros de base máxico-relixiosa. Na parroquia de Cereixedo collíanse tres pallas dunha palloza; unha delas tiña que ter un no; logo poñíanse en forma triangular e prendíaselle lume por debaixo, mentres se recitaba o seguinte ensalmo: "Foxe orizó/que che queiman a casa/con tres pallas e un no". Na parroquia de Donís o remedio para curar ben a doenza do orizó consistía na construción dunha pequena casa de palla á que logo se lle prendía lume; mentres ardía, pronunciábanse as seguintes palabras: "Queimo a palla/e o palleiro/e queimo o meu orizopo".

O MEIGALLO 
En Aigas (Rao), durante o Entroido, nenos e nenas percorrían as terras con fachos para alonxar o meigallo. (González Reboredo e Rodríguez Campos, 1990). En Noceda (As Nogais) dicíase que as meigas quitaban a saúde á xente e as ganas de comer, tiñan pauto co demo ou estaban revestidas do demo.

A FIGA
A figa é a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou como insulto. En moitas aldeas da comarca aos recén nados poñíanlle unha figa en forma de man pequena, principalmente de cor negra, nunha pulseira. Diante das meigas e aolladoras, homes e mulleres apuntábannas co dedo polgar.

AS FONTES
A algunhas fontes e mananciais acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear. 

FONTE DE DON ÁNGEL
Situada preto da Braña do Pan do Zarco. Din que no lugar había unha antiga capela da que non quedan restos. Cóntase que as imaxes foron a parar a unha casa de Balouta.  

A MILLORA 
"Bens divididos, bens perdidos". A millora era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas.  

FERRARÍAS
A tradición do ferro está documentada dende o século XII (a arqueoloxía documéntaa dende a Idade do Ferro). Sábese que os monxes tiñan en Constantín (Baralla) unha forxa de fundición e transformación do metal. As ferramentas que facían vendíanllas aos campesiños a cambio de terras; o ferro extraíano das minas que tiñan en Pedrafita. Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, o oficio de ferreiro era o máis abundante na xurisdición de Navia de Suarna, había ferrarías en Barcia, Mosteiro, Pin, A Pobra e Rao. Lucas Labrada (1804) cita unha ferraría no val de Rao que daba traballo a vinte operarios, aínda que a súa existencia debeu de ser curta xa que o Diccionario de Madoz de mediados do século XIX non a menciona; desta ferraría, situada entre Murias e Robledo, só se conserva a canle por onde desviaban a auga do río Balouta para mover o mazo.

GUERRA CIVIL: REPRESIÓN FASCISTA
A Guerra Civil (1936-1939) produciu a arrepiante cifra de máis de medio millón de mortos. Isto sen contar aqueles que morreron de fame e por enfermidades xeradas pola guerra. Sumados os primeiros e os segundos a cifra pode acadar o millón de vítimas. Debido á represión, os fascitas asasinaron na retagarda unhas 100.000 persoas entre 1936 e 1939, e 50.000 máis na postguerra. Unha investigación rigorosa realizada polas tres universidades galegas (As vítimas, as voces, os nomes e os lugares), dirixida polo profesor Lourenzo Prieto, documenta en Galiza 3.260 asasinatos extraxudiciais (paseos e sacas), e 1.413 execucións mediante consellos de guerra (carentes da máis elemental garantía xurídica) entre os que se atopaban militares leais á República, os catro gobernadores civís, deputados, alcaldes, labregos, ferroviarios, funcionarios, médicos, mestres... É dicir, 4.673 persoas cuxo único delito foi defender a legalidade. Segundo datos tirados do grupo de investigación Nomes e Voces formado por especialistas en historia contemporánea de Galiza, na comarca galega dos Ancares, dos 147 represaliados, case medio cento foron executados e un bo número foi deportado a campos nazis en Alemaña, onde morreron a maioría. No ano 2014, veciños de Becerreá e de Ribadeo decidiron sumarse á querela arxentina contra o franquismo, denunciando ante o cónsul arxentino en Vigo casos de desaparicións e torturas de familiares seus, segundo anunciou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Esta querela promoveuna, entre outros, Darío Rivas, fillo de Severino Rivas, fusilado en 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. Familiares e as propias vítimas están facendo chegar os seus casos á xustiza arxentina, a través de consulados e da embaixada do país americano.

REPOBOACIÓNS FORESTAIS
As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. O estado incautouse de montes comunais para efectuar as plantacións, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das aldeas subiran a pastar o gando.   

LUGO, BARALLA, BECERREÁ, NAVIA 
Nada teño que engadir a esta lembranza que me achegou o amigo Kike de Vidal, así que aí deixo as súas palabras (e as fotos)... 
"LUGO-BARALLA-BECERRA-NAVIA. Dúas horas e meia a Lugo sen contar coas longas paradas no Eslavín (infelizmente xa non está), no Roca de Baralla, en calquer lugar que deran o alto. Ahh ! xa se me esquecía, a parada tamén eterna e de obrigado cumprimento no cruce de Liber esperando La Ponferradina que viña polo Portelo e Doiras. Digo as máis importantes porque se comezo dende O Cochoso até A Borquería igual de Navia a Becerrá había máis de vinte, si oh ! Logo a coña: Cabana: que baixe o que lle dé a gaña; San Martín de La Ribera, que se baje el que quiera, e esí..."


BUSCA DUN GUERRILLEIRO ANTIFRANQUISTA NO CEMITERIO DE RAO
Segundo noticia aparecida en La Voz de Galicia o día 5 de decembro de 2014, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica vai buscar no antigo cemiterio de Rao (Navia de Suarna) o corpo do guerrilleiro do Bierzo Salvador Voces Canóniga, morto nun encontro coa garda civil o día 13 de outubro de 1948. Voces formaba parte dun grupo antifranquista no que tamén estaban dous irmáns, naturais do municipio de Cacabelos, e coñecidos como Os Picafiegas, todos mortos de forma violenta. Salvador formaba parte da guerrilla antifranquista dende o ano 1937.
O bispado de Lugo xa lle concedeu o permiso á asociación para que poidan buscar a fosa anómima na que se cre foi enterrado o guerrilleiro no antigo cemiterio, hoxe en día clausurado.
Chama a atención que esta actuación se levará a cabo grazas ás achegas do sindicato noruegués O&IT Forbundet, que reúne a traballadores do sector da enerxía, as telecomunicacións e os enxeñeiros eléctricos.

O DERRADEIRO OSO DOS ANCARES GALEGOS 
Sábese que no século XIX os osos xa escaseaban en Galicia, mais aínda se podían ver algúns, ademais doutras zonas do país, nas montañas dos Ancares e do Courel.
No seu Viaje por los montes y chemineas de Galicia. Caza y cocina gallegas (1962), no capítulo Del oso filosofante y gruñón, que aún mora en los Ancares, José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro falan do derradeiro oso pardo (Ursus arctos) que viviu nos montes dos Ancares galegos. Din que foi un home de Castelo de Frades (Cervantes), chamado Manuel Cedrón, quen despois de meterse na gorida do plantígrado, matouno dun disparo. Contan que este home, de neno, dende a solaina do seu pazo vía os osos e os seus osiños (orgaños lle chaman por aquí) andar polos prados próximos á aldea. Descoñezo se se trata da mesma osa e unha cría, recollido nas crónicas da época, mortas na Pena Boullosa (tamén en Cervantes) no ano 1942 por un veciño da Freita. Mais, trátese ou non do mesmo suceso, o certo é que a súa extinción estaba anunciada. 
Do que non semella haber dúbidas é de que o derradeiro oso de Galicia foi abatido o 17 de xuño de 1946 por Camilo Lloves González en Coucieiro, no concello de Padrenda, "fazaña" que mesmo foi premiada polo gobernador civil de Ourense Vicente Muñoz Calero.

UNHA HISTORIA DE ÁLVARO CUNQUEIRO EN NAVIA DE SUARNA 
Traigo aquí unha breve narración sacada de Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos (Escola de menciñeiros) de Álvaro Cunqueiro (1976), titulada Xil da Ribeira. Non achego a narración completa, só a parte adicada a un persoeiro de Navia de Suarna.
O bisavó de Xil fora curandeiro, e tamén seu pai, e a súa avoa e a nai, parteiras. Manuel Xil era natural de Ribeira de Piquín, e herdara, nos Xiles da Ribeira, o talento médico. Sempre que podía, estudaba o enfermo ao aire libre, baixo un enorme paraugas que tiña, xa porque chovese, xa porque sopraba o nordés, xa porque facía sol. Xil sentábase nunha pedra ou nun pequeno banquiño, e o enfermo tombábase no chan. Xil era especialista en quitarlle aos enfermos o que se chama volverse a suor, que é suar en frío, perder peso, perder a cor, e sentir entrar no corpo unha canseira que chegaba á alma. Xil preparaba as medicinas con herbas, e non cobraba. Mais estaba en contra do leite: "Se o leite fose necesario para o ser humano, estariamos mamando toda a vida. Un xato deixa de mamar, e pásase á herba e non volve a mamar. Un zorro deixa de mamar, un coello deixa de mamar... Hai que seguir o natural". Afastando o leite da dieta, Xil receitaba queixos curados, xamón, viño quente, viño doce, baños e as esencias, que así chamaba a súas herbas.
Xil tamén era xastre de enfermos. Ía a ver a un, e dicíalle á familia que nada había que facer, que o enfermo íase, e preguntaba se tiña traxe novo, e se non o tiña, Xil ía a Lugo, Vilalba ou Mondoñedo, mercaba un corte tirando a escuro, e facía o traxe, que somente se poría o enfermo cando chegase a defunto. Algúns enfermos animábanse algo ao ver a Xil facerlles o traxe novo. A chaqueta era de sete botóns e non tiña petos.
Un tal Moure, de Navia de Suarna, un pequeno fraco, ao que segundo Xil as súas grandes orellas lle viñan dun susto que lle dera o lobo unha tarde na que, sendo neno, perdérase nunha fraga, e despois non tomaba o sono, que todo se lle volvía espías se saía o lobo das tebras. Este Moure sandou cando xa estaba despachado de todo, e gastou o traxe que lle fixera Xil, e as xentes, nas feiras e festas, pedíanlle permiso para tocarlle as costas, e levaban os pais aos nenos para que acariñaran a chaqueta de Moure. Antes de ir a comer o polbo, Moure sentábase na feira nun lugar onde puidese ser visitado e tocado polos que el, sorrindo, iso que era máis ben adusto, chamaba os seus clientes. Poñíase á espera, tendo a súa égua do cabestro, na feira. Se non había clientes, pregaba aos coñecidos que lle tocasen a chaqueta: "Por respecto a Xil, home!". 
Xil morreu saíndo da casa da súa irmá propiamente para morrer. Xustamente era un corenta de maio e afeitárase aquela mañá. "Dentro dunha hora, dixéralle á irmá, ídesme a buscar a traédesme á casa sentada nunha cadeira".
 
O CASTRO DOS VILARES
Situado nas proximidades da aldea dos Vilares, na parroquia de Barcia. Disque no castro hai agochado un tesouro. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DO CANTÓN
Na parroquia de Cabanela. Uns veciños contáronme que a mediados dos anos cincoenta do pasado século XX apareceu un anel de ouro. Pola mesma época chegou ao castro un descoñecido que durante varios días escavou en distintos lugares do asentamento; canda el traía un libro, disque escrito en portugués, que sinalaba a ubicación dun tesouro. O home desapareceu un día, descoñecéndose se atopou o que buscaba. (Recollida polo autor do blogue).
 

CASTRO DE CABANELA
Na parroquia de Cabanela. Situado a 500 metros de distancia do castro do Cantón. Un veciño de Cabanela, que leva máis de cincoenta anos en Cataluña, contoume que cando era pequeno ía con outros nenos a xogar a un acubillo que había no castro. Nunha das paredes había escritas unhas letras que destruíu un home de Galegos cunha maza porque dicía que era a chave para atopar un tesouro, e non quería que ninguén o atopara, só el que escribira as letras nunha folla. 
 

O EMPERADOR TEODOSIO I O GRANDE
Segundo algúns autores, en Coea, na parrquia de Castañedo, está a orixe do emperador romano Teodosio I o Grande (347-395). Se ben é certo que a maior parte dos investigadores sitúan o seu nacemento en Coca (Segovia), non fallan os que o trasladan a Galicia. Benito Vicetto identifica Coca coa parroquia de San Salvador de Coea, en Castro de Rei, mais Amor Meilán inclínase pola Coea de Navia de Suarna.
  
AS COVAS DE CASTAÑEDO
Na parroquia de Castañedo están estas covas das que se conta a seguinte lenda. Do lugar de Río de Piñeira desapareceu unha nena sen que ninguén soubese como. Ao cumprírense sete anos, os veciños sentiron o cantar dunha moza. Viña do lado das Covas de Castañedo, e dicía:
-Rapaciñas de Río de Piñeira/siete moritos me tienen aquí;/hace site años, tengo siete hijos,/todos son muy guapos,/todos están alrededor de mi.
Fórona buscar e trouxérona para a casa. Dos fillos e dos "moritos" non se sabe que foi deles. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).

AS COVAS DOS MOUROS
Na parroquia de Castañedo. Segundo Elías Valiña Sampedro, sinalaban o paso dos mouros e ao pasadizo de Mazaira e Bullán.

UN DILUVIO SOBRE A ALDEA DE PENAMIL
A aldea de Penamil atópase a uns 470 metros de altitude, case no cume dunha pequena montaña dende onde se divisa unha engaiolante panorámica. Na mesma aldea, sobre un pequeno curuto, hai un castro moi humanizado por construcións e usos posteriores, entre outras a igrexa, o cemiterio, casas, camiños, etc. Do antigo castro aínda se poden ver pedras graníticas de boa feitura que formaban parte da muralla que o protexía. Mais esas pedras, segundo a lenda, non foron levadas alí polos primitivos moradores senón por causas naturais. Dise que hai milleiros de anos o lugar foi asulagado por un terrible diluvio, foi tanta a choiva que caeu que o río Navia, que discorre cen metros máis abaixo, subiu tanto o seu caudal que arrastrou ata Penamil as pedras que hoxe en día se poden ver esparexidas polo castro. (Recollida polo autor do blogue).
  
A MADANELA
Trátase dun monte situado na aldea de Coea, parroquia de Castañedo. Disque recibe o nome porque no lugar apareceu a imaxe da Madanela, a seguidora de Xesús, que os veciños trasladaron para a capela que hai na poboación, feito que, ao parecer, non era do agrado da santa que sempre volvía para o sitio onde a atoparon. (Recollida polo autor do blogue).

A CAPELA DE CORO
Na aldea de Coro, parroquia de Rao. Atópase no camiño que vai cara a Braña de Vilarpandín. Cóntase que a imaxe de Santa Mariña baixaba dende alí ata o seu actual emprazamento ata que os veciños lle construíron a ermida.

CAPELA DE VENTOSA
A súa campá, ao tanxer, alonxa as treboadas.

IGREXA DE VILARPANDÍN
Segundo a lenda, as súas campás alonxan os lóstregos. Acaroado á igrexa érguese un fenomenal pradairo citado no catálogo de Árbores xenlleiras de Galicia.

A PENA DO CORVO
Na Pena do Corvo había un furado debaixo dunha ouriceira. Dicían que o lugar agochaba unha cociña de ouro. Ao chegar alí había que dar cunha pucha ou cun pano e dicir: "Toma a miña pobreza e dáme a túa riqueza". Abríase o chan que levaba a outro furado onde lle cavaban o ouro ao que só tiñan acceso os veciños de Barcia. Xentes doutras aldeas veciñas, ciumentas, armáronse un día con chapos e fouzos para coller a cociña. Enterados os de Barcia, agocháronse no lugar e cando os usurpadores encomezaron a cavar, berraron os de Barcia: "Covardes, baixai, que hai carne fresca". Os outros asustáronse, tiraron as ferramentas e fuxiron. Os de Barcia saíron do escondedoiro e levaron para eles as ferramentas. (Recollida por alumnos do CPI "Dr. Daniel Monge de Navia de Suarna).

A PENA CASTELO
A Pena Castelo está na parroquia de Rao, a 793 metros de altitude. Domina un pequeno val regado polo río que tomou o nome da freguesía. No tocante ao topónimo non hai acordo canto ao porqué de tal nome: un primitivo castro para uns, unha torre medieval para outros ou que, pola forma que debuxan as colosais penas que a coroan semella unha fortaleza. O amigo Manolo Trabada contoume que nun momento non precisado da Idade Media (non existe documento que testemuñe tal feito) o castelo foi asaltado e destruído, disque o lugar onde os atacantes emprazaron os canóns quedou ermo para sempre pola gran cantidade de pólvora utilizada que por queimar, queimou ata as pedras. Tamén se conta que a media ladeira do monte hai unha cova (ou máis dunha) que vai dar ao río. E está a serpe... O señor Nemesio, de Laxo, contounos que xunto o río, ao pé da Pena Castelo, hai varias penedas que non chaman máis a atención que outras moitas que hai pola contorna. Mais hai unha, lambida pola auga, que posúe unha característica que a fai distinta: ten gravada unha serpe. Entre os veciños corría a historia de que alí había un tesouro, mais, a pesares das horas gastadas na súa procura, ninguén daba con el. En tempos dun seu avó, un verán de mediados do século XIX, a seca fixo que o río Rao minguara o seu caudal ata límites nunca vistos, feito que aproveitou un home da aldea para examinar de cerca a Pena da Serpe. A rocha, ademais da gravura, non amosaba, a simple vista, ningún elemento que denunciara algún indicio que levara ao devecido tesouro. Cando, farto, se dispoñía a abandonar o empeño, notou que algo se movía baixo os seus pés. Mirou cara o chan e observou que estaba apoiado sobre unha lousa perfectamente cadrada, feitura, cavilou, na que pouco tiña que ver a acción da natureza. Levantou a lousa, colleu o sacho que levaba canda el e comezou a cavar na branda terra que, para que non lle estorbara, ía bourando ao río. O corazón deulle un volco cando, despois de varias horas de inútil esforzo, o sacho petou con algo duro. Mais a esperanza axiña se esvaeu, non se trataba dun deses arcóns dos que falaban as lendas, era, simplemente, unha dura rocha imposible de fender. A noite botábase enriba cando, desanimado, entrou na súa casa. Canso, puxo as botas xunto a lareira e sentou nun banco. Coa mirada fixa no lume, pensou como se deixara enganar por un fato de andrómenas: os tesouros, simplemente, non existían, e menos nun lugar tan afastado. A quen se lle ía ocorrer agochar un tesouro en Laxo? Unhas cousas brillantes tintinearon sobre as súas botas. Muxicas que viñan do lume? Ergueuse, non fose que aviveceran e llas queimaran, os tempos non estaban para tirar cos cartos. Inclinouse para collelas, e así quedou, como entalecido. Co resplandor da lareira, as botas adquiriron tal brillo que semellaban de ouro. Ouro? Sen pensalo dúas veces, colleu o sacho, un saco e un candil e regresou á Pena da Serpe. Foi, ao enfocar o profundo burato que fixera, cando se decatou de todo, a lousa que actuaba de tampa cubría unha arca de pedra. De xeonllos, frotou a arca coas mans que, ao achegalas ao candil, resplandecían: A terra, que con tanto afán guindara cara o río, era ouro! Sábese, rematou o señor Nemesio, que conseguiu recuperar algún po de ouro que vendeu por dezasete mil reás. (Recollida polo autor do blogue).

A PENA DE MURIAS 
Trátase dun colosal penedo cónico de paredes de lousa negra, con covas na base. Ao parecer aquí houbo unha explotación mineira de época romana. Se ben hai algunhas lendas cuxos protagonistas son os mouros (disque que agochan un carro e dous xugos de ouro), ou un burato que se se tira unha pedra soa como se tocase en metal, a de máis sona entre os veciños (que teñen por unha historia real) aconteceu durante as Guerras Carlistas do século XIX. Cóntase que cando unha partida carlista fuxía das forzas liberais, e por medo a que stas se apoderaran do tesouro que levaban, decidiron agochalo na Pena de Murias. A pesares de que foron moitos os forasteiros que o buscaron, endexamais lograron dar con el. Tamén andiveron na súa procura os veciños, mais, ata o de agora, sen éxito. Iso si, saben que non está lonxe de onde buscan e que, máis tarde ou máis cedo, ha aparecer. Esa seguridade dánlla dúas referencias que, ao parecer, deixaron os carlistas por se algunha vez tiñan que volver a buscalo. Dise que o tesouro está no único lugar da pena dende onde se divisa o campanario da igrexa de Rao. Desta pena tamén falan Xosé Manuel González Reboredo e Xaquín Rodríguez Campos no súa Antropoloxía y etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990) onde recollen que os mouros viviron na Pena de Murias bastante tempo e para evitalos os veciños tiñan que arrodear por Pan do Zarco. (Recollida polo autor do blogue).

PENA DA MULLER
Situada entre Embernallas e Muñís. Dise que en tempos das Cruzadas, unha nai coa súa filla dirixíanse, a pé, cara Embernallas. Nun momento dado, a filla detívose xunto unha pena onde estaba o demo. A nai, que ía por diante, e farta de que a filla non acelerara o paso, díxolle: "Se foses pedra, camiñarías máis apresa". Nese intre, o demo converteu á moza nunha pena. 
Outra versión conta o que segue: Dúas mulleres de Embernallas, nai e filla, ían á misa a Muñís. Ao pasar por Rigueiro decatáronse de que esqueceran na casa un bolo que lle ofreceran ao santo. Entón, a nai pídelle á filla que volva por el, mais a filla negouse. A nai, encabuxada, largoulle: "Ogallá te convertas en pedra!". Cando a nai volvía co bolo, no lugar onde tiña que estar agardando a rapaza había unha pena coa forma do seu corpo. Agora no sitio xa non existe a pena, tiráronna cando fixeron unha pista que vai a Embernallas.

O TRASNO DO CHOCO
Vive nos montes de Cervantes e Navia de Suarna. Imita o son dos chocallos das vacas extraviadas, e fai que o dono o persiga a el en lugar de atopar a súa vaca. (Recollida polo autor do blogue).

O TRASNO
Trasno deriva do latín trans gradi, ir máis alá ou cometer unha infracción. O trasno ou trasgo é unha especie de demo invisible, coñecido tamén como diaño pero distinto ao demo, e nunca tan maligno. Acostuma andar de noite polos bosques e camiños que é cando pon en práctica as trasnadas argalladas polo día. Existe un truco para librarse del que consiste en deixarlle unha boa presa de grans de millo; como non sabe contar máis de cen, cando chega a esta cifra ten que encomezar de novo, e así manterse ocupado. Isolina e Segundo, un matrimonio de Coro, parroquia de Rao, contáronme que unha súa cuñada saíu ao anoitecer en busca dunha vaca que se lle perdera. A muller, como non pode ser doutro xeito, encomezou a chamar á vaca polo seu nome: "Marela, Marela". Cal foi a súa sorpresa cando ao pouco escoitou: "aivou, aivou". Outra persoa que xa entrada a noite regresaba a Coro dende Rao, escoitou ao lonxe: "araboiara, araboiara". En ambos os dous casos, aseguran, fora o trasno para amedoñalos. (Recollida polo autor do blogue).

O BUSGOSO
O Busgoso é o gardían dos bosques. Defende aos animais é e cruel cos cazadores e coas mulleres, ás que persegue para violalas. Non ocorre o mesmo cos camiñantes aos que axuda se se perden nunha fraga. Contan que unha vez estaba unha velliña soutando castañas no Penedo da Forca cando sentiu unha voz a bradar: "Vaite ao monte, vella, non me soutes as castañas!". A muller non fixo caso. Axiña apareceu o Busgoso e matouna, pendurándoa dunha forca. De aí vén o nome do lugar coñecido como O Penedo da Forca no que, anos despois, apareceron unhas zocas e unha arca que ninguén soubo de quen era. (Recollida da páxina de Proxecto Estrume).

O POZO DO INFERNO
A carón da aldea de Vallo pasa o río Ser con moita forza e ten un pozo moi profundo. Chámanlle O Pozo do Inferno dende un día que pasou por alí un home con vacas e ovellas; o home chegou ao río e esvarou, e canda el foron parar ao pozo unha vaca e unha ovella. Tamén se conta que neste pozo caeu un can e cando todos contaban que afogara resulta que, ao cabo dunha semana, sentírono ouvear por debaixo de Chao de Vilarín. Postos a investigar como fora posible, descubriron que entre o Pozo do Inferno e Chao de Vilarín hai unha cova moi longa. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).

O TESOURO DO BARBEITO DE CASELAS
O Barbeito de Caselas está situado na parroquia de Savane. Un veciño contoume que nun manancial que mana dunha pena que hai no lugar estaba agochado un xugo do que colgaba unha caldeira con moedas. Xugo, caldeira e moedas eran de ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O TESOURO DE CANTORCIA
Cantorcia é unha aldea de Savane. Un veciño contoume que preto da aldea de Cantorcia había unha grande e antiga nogueira. Un bo día, o propietario decidiu arrincala. Cal foi a súa sorpresa cando debaixo das raíces había un pucheiro cheo de po de ouro. Mais a alegría pouco lle durou, o pucheiro partiu e o ouro foi arrastrado por un regueiro que discorre polo lugar. (Recollido polo autor do blogue).

O TESOURO DE MOLMEÁN
Un veciño de Cereixedo contoume que entre Pando e Deva hai unha especie de sima onde hai tres olas: unha con ouro, outra con prata e a terceira con alcatrán. Quen as atope, se abre as dúas primeiras farase rico, mais se abre a de alcatrán estoupará todo. Dise que na parede da sima vense coma uns chanzos esculpidos na rocha para baixar. (Recollida polo autor do blogue).

MANUEL E O LOBO
A lenda débese a don José Rodríguez Santalla, natural de A Lagúa (Asturias), gaiteiro homenaxeado o día 18 de agosto de 2012 na III Festa da Gaita celebrada en Quintá de Cancelada (Becerreá).
Hai moitos anos había un gaiteiro de nome Manuel González (naceu no ano 1870 e morreu no 1930), natural de A Lagúa (Asturias), poboación lindeira coa parroquia de Marcelín, en Navia de Suarna. Nunha ocasión, e xa moi entrada a noite, regresaba Manuel para a casa, camiñando polo monte despois de tocar nunha festa en Marcelín. Cando tiña o camiño medio percorrido, parouse a liar un cigarro, mais, cando foi a acendelo, a chama do misto alumeou a varios lobos situados case ao seu carón. Os lobos, sorprendidos pola chama, recuaron un chisco. O gaiteiro, medoñento, aproveitou para erguerse e liscar do lugar, acendendo un misto tras outro ata que se lle acabaron. Sen lume, os lobos axiña se envalentoaron. Xa en plena fuxida, Manuel tivo que saltar un muro, mais, como era noite pecha, non calculou ben e caeu ao chan. E foi iso o que lle salvou a vida. Ao caer apertou por casualidade o fole da gaita e, aínda que case non quedaba aire dentro, o roncón fixo un ruído estrano que asustou aos seus perseguidores. Manuel, que axiña se apercebeu da reacción dos lobos, dixo: "Ai si? Pois se por causa da gaita é, de gaita heivos encher". Desta maneira seguiu tocando o resto do camiño ata poñerse a salvo. Cóntase que os lobos e outros animais lle teñen moito medo ao son da gaita. 
 

DÚAS VINGANZAS
O mestre José María Coira Sanjurjo (Begonte, 1908 - Lugo, 1977) centrou os seus estudos na Terra Chá, sobre todo nos terreos da heráldica e a xenealoxía, o que non o impediu que percorrera a provincia de Lugo na procura de novos datos. No Arquivo Histórico de Lugo consérvanse notas mecanografadas e manuscritas inéditas sobre historias que recollía nas súas andainas, entre outras unha acontecida no concello de Navia de Suarna. Descoñecemos en que ano ocorreron estes sucesos, don José María non o reflicte.
A continuación, transcribimos textualmente este curto pero interesante relato. 
"Dos venganzas 
Cuentan los vecinos del lugar de Mera, de la parroquia de Barcia, en Navia de Suarna, que a causa de un pleito entre dos casas de este lugar, la de Rivera y la de Córdoba, aquellos, por venganza de éstes, metieron un cáliz en un montón de estiércol que tenían los de Córdoba junto a su casa, y luego los denunciaron por robo sacrílego. Encontrado allí el cáliz por los agentes de la autoridad, fueron castigados por sacrílegos ladrones. Pasado algún tiempo los Córdobas apuñalaron en el vientre a dos bueyes que los Riveras tenían en unha cuadra sin que se les pudiera probar tal hecho, realizado en venganza del anterior: dos bajas pasiones satisfechas".
 

Historias, tradicións e lendas de Navia de Suarna
Colectivo Patrimonio dos Ancares