HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DE BARALLA

Historias, tradicións e lendas do concello de Baralla que se achegan: Un home centenario en Gundián, Castrolanzán, Aranza, A mansio Timalinum, A mansio Caranico, A vila romanza do Agro de Pedreda, A lúa, O sol, O Camiño Francés a Santiago, As ánimas, A Ánima Soila, Tradicións do Nadal, O Ano Vello, O Apalpador, Igrexa de Berselos, A Noite de Defuntos, A auga, Herbas medicinais, O sal, Casa torre de Traspena, Torre de Neira, Lope de Vega e Baralla, O pan, A figa, As fontes, Cuartel de Sobrado do Picato e traslado de Intendencia, A Guerra da Independencia, A Millora, As Guerras Carlistas, Ferrarías, A Irmandade Galega de Baralla, Guerra Civil: represión fascista, Federación de guerrillas de León-Galicia, Repoboacións forestais, Lugo-Baralla-Becerreá-Navia, O castro de Quintela, O castro de Carballedo, O castro de Pedrafita, O castro da Croa, O castro de Laxes, O castro de Vilasantán, O castro de Sixirei, O castro de Vilameixe, Cova de San Martiño, A cova do castro de Ferreiros, A cova do Ladrón, A fonte do Bispo, O milagre dun santo, O pasadizo de San Miguel, O Santo Cristo, A Pena da Cruz, O pazo de Pousada, A ponte de Carracedo, A ponte de Santestevo, A ponte de Senra, O pozo negro, O pozo de Teixeira, O tesouro, O Castiñeiro de Folgueira, Unha de raposos, O chanto da Ponte de Covas, A aldea de Sanamede.

UN HOME CENTENARIO EN GUNDIÁN
No desaparecido periódico La Voz, de Madrid, atopamos unha entrevista publicada o día 14 de xullo de 1928. Baixo o título Los centenarios españoles cuentan su vida a "La Voz", Jesús de Santa María entrevista a D. Francisco García López, de 102 anos, veciño da aldea de Gundián, en Baralla (daquelas Neira de Xusá).
Don Francisco naceu o 26 de abril de 1826, e foi bautizado na igrexa parroquial de Piñeira. Casou con Manuela Pérez. Tiveron tres fillos e unha filla. Dous fillos e a filla morreron novos, un cando estaba a facer o servizo militar en Alcalá de Henares, e os outros na aldea. O fillo que lle quedaba tampouco durou moito, finou aos poucos anos de casar, deixándolle tres netos que se criaron con el cando a nora marchou para América. O pai de don Francisco morreu con 70 anos, e a nai con 68. Os tres irmáns que tivo faleceron entre os 58 e os 62 anos. Un dos sobriños matáronno en África. Cando xa criara aos netos, a nai reclamounos, deixándoo só e triste; conta que non o esqueceran e que de cando en vez mandábanlle cartos.
 

Cando o entrevistador lle pregunta se lembra algún acontecemento importante, di que dos "facciosos" que andaban pola contorna e non deixaban tranquila a aldea. Conta que en Lebruxo chegaron a ferver auga para escaldar aos que lle facían fronte; andaban polos camiños, apoderándose das cabalarías e do gando, esixíndolles diñeiro aos señores e aos labregos acomodados. Aos que non lle facían nada era aos cregos porque dicían que lles axudaban (debe referirse ás Guerras Carlistas).
Outra lembranza moi presente en don Francisco foi que cando era pequeno vía pasar aos peregrinos que ían a Santiago. Cando regresaban traían nos traxes cunchas pegadas. Di que socorrían a algúns porque eran moi pobres.
Fala tamén do "ano da fame", no 1852, en que o pan, ademais de malo, chegou a ter un prezo moi elevados. Outro mal ano foi o do 1879.
Traballaba de sol a sol, e a súa alimentación era a base de carne de porco, ovos, leite e castañas.
Durante dous anos foi á sega a Castela xunto con outros mozos dos arredores. Traballou no tendido da liña do ferrocarril pola parte de Guadarrama. Nunha visita que fixo a Madrid chamoulle a atención que os señores vestiran pantalóns curtos e uns sombreiros moi altos, e os que non eran señores vestíran doutro xeito. As mulleres levaban dez ou doce enaguas que "armaban como este palleiro".
Non sabía o que era unha enfermidade a pesares de convivir con enfermos contaxiosos. O que si lle aconteceu foi romper unha perna por tres sitios cando ía por unha corredoira conducindo un carro tirado por vacas; arranxáronlla uns compostores de Penamaior (Becerreá). 
Viu o mar nunha ocasión, cando foi á Coruña cun arrieiro.

A entrevista enviámoslla á Xunta de Galicia para que a xunte ao expediente onde solicitamos que se recoñeza a variante do Camiño Francés de Santiago pola comarca dos Ancares.

CASTROLANZÁN
Castrolanzán é unha aldea da parroquia de Penarrubia. O topónimo é nidio, no lugar hai un castro. Era parada obrigada dos arrieiros de Navia, despois de percorrer a Legua Dereita (recta de Gomeán) e pasar o Alto da Mocha enfilaban cara o val de Neira de Rei e ían tirando cara Paradela, salvando o Alto do Restelo polo Couso, Coto, Bullán... Tamén era o paso de tratantes e gandeiros que ían a Laxosa ou a Lugo, camiñando co gando ou en cabalerías. (Achegado por Kike de Vidal, de Navia de Suarna).

ARANZA
Hai autores que identifican esta poboación con Aranz de Sanz, lugar non precisado onde apareceu unha lápida votiva, desaparecida, adicada á deusa Tutela e cuxo texo, segundo Hubner, dicía: "A Tutela por Lucius Antonius Avitus cos seus sete fillos e Zozima, liberta, por unha promesa".

A MANSIO TIMALINUM
Antigo núcleo prerromano, logo romanizado, que algúns autores identifican coa Talamina de Ptolomeo, xeógrafo grego do século II d.C. O único que sabemos desta mansión é polo Itinerario de Antonino, documento que se supón redactado no século III d.C., onde di que se situaba a XXII millas de Lucus (Lugo) dirección Asturica (Astorga). Nun principio situouse no Campo da Árbore e Vilartelín, logo en Constantín e despois en Papín pola aparición dunha ara adicada por Placidinia aos Lares Viais. Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum deipsa via antiqua", en posible referencia a unha calzada romana.

A MANSIO CARANICO
Verea y Aguiar empraza a estación de Caranico en Vilartelín, a mansio coñecida tamén polos nomes de Caranicum ou Coroniom que Madoz sitúa en Guldriz (Friol) e que Monteagudo e Taboada Chivite trasladan a Trasparga (Guitiriz).  

A VILA ROMANA DO AGRO DE PEDREDA
Lugar situado na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. No ano 1932, ao facer unha estrada, saíron á luz varias columnas, cerámica e mosaicos de época romana. Segundo me contou un veciño de Todón de Abaixo, en Becerreá, no lugar había unha cidade que foi soterrada debido a unha maldición divina. No exterior da casa deste mesmo veciño hai unha base dunha columna romana, e na Ponte de Neira, en Baralla, base e fuste da mesma época sustentan unha cruz moderna; todas as pezas proveñen do Agro de Pedreda. Tamén me dixeron que cara o ano 1915, un inglés levou con el un número elevado de pezas. (Recollido polo autor do blogue).

A LÚA
Para os habitantes de moitas aldeas da comarca dos Ancares, a lúa de marzo en crecente é boa e mata a mala herba. A matanza facíase nos meses de inverno e, a poder ser, en lúa mingunate para que o touciño non se puxera amarelo. A lúa é como o axente que regula o ciclo da circulación do sangue non só nas persoas, senón tamén nos animais e nas plantas. O crecente e o minguante marcan os momentos nos que a lúa actúa con máis ou con menos forza sobre o sangue; no crecente é cando sobe da raíz ao talo, do corazón ás extremidades. Durante o minguante din que é cando o sangue baixa, concentrándose en torno á raíz e perdendo vigor o organistmo. O crecente de mazo e o minguante de agosto marcan os momentos do ano de máis e de menos forza da lúa. En crecente elimínanse as malas herbas por iso é cando se aran, ao cortar as malas herbas desangran e morren. Os artesáns dos Ancares din que se debe cortar a madeira coa que van a traballar no minguante de outubro, novembro ou decembro por seren o momento do ano en que a lúa envellece e vai perdendo a súa forza, e as ramas das árbores non teñen sangue. Din que se cortan a madeira noutra época do ano o máis normal é que se abiche. Tamén din que o mellor momento para matar o porco é de novembro ata decembro, porque en xaneiro entra a lúa de ano novo e xa non se conserva ben a carne; e nunca debe matarse a partires de marzo.

O SOL
Os habitantes dos Ancares din que na montaña é onde o sol quenta a terra para fecundar o produto máis forte e máis puro. Mais na montaña é onde trona máis; a auga do trono vén quentada polo sol por medio da descarga eléctrica e "coce" (purifica) a terra eliminando as malas herbas. O sol presidindo a montaña é identificado coa forza purificadora que "atrempeira" a terra. Por iso consideran que todo o producido nas terras da montaña (alzadas, searas) é máis forte e ten máis poder alimenticio que nas terras de abaixo. A palla do centeo producido arriba din que é a única que serve para teitar as pallozas; a herba da montaña din que alimenta mellor ao gando e, ademais, serve para curalo cando está enfermo ou despois de parir (Rodríguez Campos, 1990). Unha muller do municipio de Navia de Suarna, de máis de noventa anos, contoume que cando acaía unha desgraza, o desventurado ou desventurada miraba cara o sol nacente e pregáballe protección. Ao munxir as vacas acostumábase ofrecer ao novo día as primeiras pingas de leite, poñéndoa nunha cunca que se colocaba na ventá que miraba cara o Oriente para seren ferida polos primeiros raios do sol. Antes de meter o pan ao forno, ofrecíase unha torta á "estrela panadeira" (Venus), poñéndoa na ventá que mira cara o nacemento do astro.  

O CAMIÑO FRANCÉS A SANTIAGO
Ver Apéndice: Os camiños de Santiago polos Ancares: A Vía de Künig. 

AS ÁNIMAS
Crese que en varias zonas dos Ancares, cando alguén está gravemente enfermo escóitase un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte" que anuncia o pasamento ao Máis Alá do doente. En moitas aldeas coidan de non varrer a casa de noite, porque se lles dá para atrás ás ánimas, impedíndolles que se quenten.

A ÁNIMA SOILA
"Existe a crenza en Galiza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo". (Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-a961). Esta Ánima Soila é coñecida en varias partes da comarca dos Ancares.

TRADICIÓNS DO NADAL
Por Noiteboa estaba extendido o costume de que os mozos percorreran as casas da veciñanza cantando panxoliñas acompañados dun gaiteiro, obtendo a cambio donativos que utilizaban para celebrar festa e baile. Arredor da festividade de Reis, a primeiros do mes de xaneiro, formábanse mascaradas, formadas sempre por homes, que percorrían un amplo territorio visitando as distintas aldeas, recadando donativos cos que logo celebrar a festividade. Canto aos cantares encomezábase sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar. Estas mascaradas desapareceron totalmente, fixando a súa decadencia na época da post-guerra. (Antropología y etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares, de Xosé Manuel González Reboredo e Xaquín Rodríguez Campos, 1990).

O ANO VELLO
A noite do derradeiro día do ano está cargada de misterio xa que se xuntan a despedida do Ano Vello e a benvida do novo. É un tempo de transición na que se desatan as forzas ocultas e por iso se lle vencellan ritos e poderes máxicos. En moitas partes de Galiza queimaban o Ano Vello, como en Becerreá, simbolizado nun boneco de palla vestido con roupa usada que se queimaba cara a medianoite, un xeito de botar fóra do seu mundo todo o vello. Segundo conta Taboada Chivite (1907-1976), "en Becerreá, os mozos dunha parroquia acostuman levar a outra veciña un boneco de palla que representa o Ano Vello. A falcatruada acostúmase tomar como grave aldraxe, e os aldraxados reaccionan, ás veces, de maneira violenta, que remata en liorta e axitación. Nalgunhas partes cólganno, en sinal de burla, no tellado veciño para mofa do pobo. Ese ou outro boneco que representa o Ano Vello, monicreque de palla vestido con roupa vella, quéimase despois publicamente entre barullo e rebumbio xeral". É un sacrificio, segundo Nieves del Hoyo, de belísima tradición, que substitúe aos animais ofrendados na fase pastoril e cazadora e posterior ofrecemento ao deus da vexetación. 

O APALPADOR
O Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. A lenda do Apalpador ten a súa orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro. As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña".

IGREXA DE BERSELOS
A fermosa igrexa amosa unha peculiaridade que non é moi frecuente no románico galego. Trátase dunha inscrición que figura na base dunha columna da entrada na que se pode ler: PELAGIO FECIT OP. É dicir: "Paio fixo esta obra".

A NOITE DE DEFUNTOS 
En moitas aldeas do municipio críase que as ánimas dos familiares viñan na Noite de Defuntos a quentarse xunto a lareira, e por iso se deixaba un gran pao aceso ata o amencer.

A AUGA 
Nos meses de febreiro e marzo non se botaba a auga aos campos porque as augas estaban "preñadas", segundo uns meses nacen os "cucharos" dentro de pequenas bolsas das que logo saen as ras no mes de abril; segundo outros chámanse "preñadas" porque neses meses traen como unha especie de "moco" parecido ao que botan as vacas pola matriz cando se están purgando. Por iso nese período do ano os campos só se regaban coa auga das fontes, pero non coa dos ríos e regueiros ata o mes de abril. A auga que corre ao longo do ano está "preñada" ao final do inverno, dise que é o período en que a auga está queda. Despois de quedar "preñada" a auga tamén quedará preñada a terra, que antes se purgou. Nos Ancares distinguen entre as augas boas e doces e as malas e bravas; as fontes de onde saen as primeiras están case todas na montaña, e dise que a súa auga é boa para "coller sangue"; as do pobo son sempre consideradas máis bravas. A auga que mana das rochas da montaña purifica e fecunda a terra. (Xaquín Rodríguez Campos, 1990).   

HERBAS MEDICINAIS
Case todas as herbas medicinais nacen no monte, agás a ruda que se cultiva na horta. O talo do regaliz era considerado bo para a gorxa, a raíz e as follas da arandeira (vaccinium myrtillus) e a pel do sangumio (corunus sanguinea) para as dores de ventre, a xeixebra (xaifraga granulata) para as almorrás, a celidoña para as cortaduras, a árnica (arnica montana) para a circulación do sangue, a xanzá (geniata lutea) para os catarros, tuberculose e para baixar a tensión porque clarea e purifica o sangue, a raíz do llantén (alisma plantago) para os catarros, a raíz e a flor da uz branca (a vermella é considerada velenosa) para as dores de cabeza e de lumbago, a raíz e a flor da carqueixa branca (chamaespartium tridentarum) para rebaixar a tensión, a raíz e o talo da consoldra para os golpes e lombrigas do gando. Mais dise que deben ser aplicadas con coidado, en doses controladas zugan o mal que hai nel. A característica que consideran máis común a todas as herbas medicinais é a súa sabor doce, fronte ás malas que lles atribúen un sabor amargo e desagradable, por iso non as comen os animais. 

O SAL
Está considerado como un axente purificador da terra que botan durante os meses de inverno nas leiras de labradío cando son invadidas polas malas herbas; din que así conseguen facelas desaparecer. O poder curativo do sal exprésase noutra crenza relativa á salmoeira, a que serviu para curar a carne da matanza; antigamente, durante a festa do primeiro de maio, botábanlla ao caldo de castañas para que as mulleres non se marearan. A salmoneira séguese a utilizar nalgunhas comidas de inverno e primavera para dar sabor ao caldo, mais perdendo a función ritual que tiña en determinadas celebracións sobre o ciclo agrícola e a vida familiar. (Rodríguez Campos, 1990). 

CASA-TORRE DE TRASPENA
Traspena é unha aldea da parroquia de Covas. Escribiu Vázquez Seijas na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia que onde está o castro da Croa houbo unha torre medieval, mais non se coñecen restos, nin arqueolóxicos nin escritos. 
 

TORRE DE NEIRA
Non existen probas nin arqueolóxicas nin escritas desta suposta torre citada en varias guías turísticas, o que non é atranco para que a Xunta de Galicia a teña catalogada como Ben de Interese Cultural. 

LOPE DE VEGA E BARALLA
Di Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo: "Embellecida con el soberano ropaje de un espléndida poesía y achacando al D. Tello de Neira la deshonra de la doncella Elvira, hija del labrador querelloso, escribió el inmortal Lope de Vega El mejor alcalde el rey", unha de sus obras". Na crónica cóntase un feito acontecido en tempos de Afonso VII, onde un infanzón chamado Fernando de Neyra se apropia das terras dun labrego que, aldraxado, acodiu ao rei na procura de xustiza. Ante a negativa de acatar a xustiza real por parte do infanzón, o propio rei viaxa á aldea de Pousada onde se erixía o pazo dos Neyra, captura e axustiza ao nobre, devolvéndolle a terra ao labrego. Ao parecer, Lope de Vega coñeceu estes feitos pola Crónica General, publicada entre os anos 1543 e 1578 polo cronista de Carlos I Florian de Ocampo, onde se baseaba en crónicas anteriores. Lope mudou algúns elementos, trocando o nome de Neyra polo de Tello, e tamén o motivo, convertendo a peza nun tema amoroso coa "toma" dunha moza por parte de Tello de Neyra. 
 

O PAN 
Antes de cocer o pan acostumábase a facer unha bola con masa e ofrecerlla á estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña.  

A FIGA 
A figa é a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou como insulto. En moitas aldeas da comarca aos recén nados poñíanlle unha figa en forma de man pequena, principalmente de cor negra, nunha pulseira. Diante das meigas e aolladoras, homes e mulleres apuntábannas co dedo polgar. 

AS FONTES
A algunhas fontes e mananciais acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear. 

CUARTEL DE SOBRADO DO PICATO E TRASLADO DE INTENDENCIA
No 1704 instauráronse os aloxamento e vagaxes que obrigaban a que durante as marchas que fixesen as tropas polas aldeas e vilas se asistise aos soldados con vinagre, sal, lume ou unha compesación económica. Estes tránsitos entre Lugo e Castela no 1796 comezan a funcionar case exclusivamente pola estrada nova. O primeiro cuartel que se estableceu na estrada nova foi o de Sobrado do Picato, cuxa forza estaba para o servizo dos veciños do couto de Sobrado, xurisdición de Neira de Xusá, Neira de Rei, Castroverde, couto de Riomol, Baleira e coutos de Pacios e de Piñeira. No 1808, por causa da guerra, o gran número de equipaxes e efectos que foi preciso mobilizar quedaron estancados nos cuarteis, entorpecéndose o servizo. Nestas datas trasládase o cuartel a Ferreiros, ampliándose os coutos e xurisdicións que comprendía. Rematada a guerra, o cuartel de Ferreiros convértese nun tránsito moi importante pola cantidade de enseres que alí se levaban. 

A GUERRA DA INDEPENDENCIA
Segundo as crónicas e atradición, os sucesos máis importantes sobre a guerra contra a invasión napoleónica nas terras de Baralla produciuse a principios do ano 1809. Pardo de Neyra reproduce unha carta publicada no ano 1809 no peródico Diario onde se di que en Vilarpunteiro os guerrilleiros galegos puxeron en fuga aos soldados franceses cando se dispuñan a saquear Lexo, ou cando os franceses tiveron que fuxir de Baralla cando foron sorprendidos polos veciños, abandonando provisións e munición. E que na Pena, escribiu Antonio Correa, unha partida de franceses morreron a mans dos veciños e que logo foron soterrados no monte que, de alí en diante, recibiu o nome de Furada dos Franceses, episodio narrado por Gerardo Fernández López no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo, que asegura tomado do Libro Probisional de Fábrica da igrexa de Baralla, redactado por Andrés Rivas Pardo, cura vicario na vacante da parroquia. O día 5 de xaneiro do mesmo ano, unha avanzada do exército napoleónico foi obrigada a recuar polos dous canóns que os aliados ingleses situaran xunto a Ponte de Senra; os franceses retiráronse, entón, cara Baralla onde, contan, fixeron tres fogueiras no interior da igrexa quimando todo o que de madeira había. Conta benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1874) que a principios do ano 1809, xuntáronse uns cinco mil veciños para atacar a cantas columnas francesas pasaran pola zona, interceptando postas, correos e toda clase de noticias, por ben escoltadas que fosen, e para evitar isto tiveron que poñer os franceses un forte destacamento en Sobrado do Picato que foi exterminado polos guerrilleiros galegos, arroxándoos ás augas do río Neira. Nas mesmas datas, os veciños apostáronse en Constantín, á beira do camiño real, ocasionando ao exército napoleónico moitas baixas, entre elas o mesmo comandante que dirixía o destacamento inimigo. E en Constantín fixo noite o valeroso Batallón Literario formado por estudantes da Universidade de Santiago, sendo o grupo máis famoso que actuou durante a Guerra da Independencia. Á súa fronte colocouse a un militar con experiencia, Xoán Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón e Salgado de Soutomaior, marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Na biblioteca da Universidade aínda se conserva a súa bandeira, coas cores azul e branca da bandeira de Galiza, e dous escudos, o do antigo Reino de Galiza e o escudo de armas da Universidade cubertos por unha coroa real e a inscrición: Auspice Deo: pro libertati regis palladis legio: anno MDCCCVIII. Na Praza da Quintana compostelá hai unha praca lembrando a súa xesta. Tamén conta Vicetto que no mes de decembro de 1808, o mariscal francés Soult persegue dende Astorga ao exército inglés de Moore, e á división española mandada  por de la Romana. No Bierzo De la Romana sepárase, a retirada dos alidados semella unha fuxida en toda regra. Segundo achega Villamil y Castro na Crónica de la provincia de Lugo, en Crónica General de España (1886), o inglés Moore proseguiu a súa retirada cara Lugo, mais era tal a desorde, indisciplina e inmoralidade dos seus soldados que ordenou arroxar por un despeñadeiro das Nogais 120.000 pesos que levaba, preferindo isto a repartilos entre a súa tropa; tal era a desorde que ata abandonaron as armas e os feridos. Nesta desbandada dos ingleses, moitos veciños de Noceda, Doncos, As Nogais e outros concellos limítrofes ofrecéronse a Moore para combater aos franceses. O 17 de xaneiro, día en que o francés Soult vencía aos ingleses, os veciños de Neria de Xusá (Baralla) e das Nogais emboscáronse e colocáronse nos desfiladeiros de Augas Louras e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas. Os guerrilleiros galegos de As Nogais, animados polos éxitos citados atacaron o día 28 de xaneiro a unha partida inimiga que descubriran na serra de Albela conducindo prisioeiros ingleses; os cautivos foron liberados e os franceses postos en fuga. Ese mesmo día, outro grupo de guerrilleiros das Nogais puxo en desbandada a unha partida do exército francés que se dirixía a saquear Lexo, no municipio de Baralla. A finais de febreiro do 1809, estando en Doncos unha columna de 430 franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos guerrilleiros dende As Nogais ata Baralla, apoderándose de 7.000 pares. Na loita contra o francés na comarca destacaron o veciño de Agüeira Manuel María Núñez, que o marqués De la Romana confiou o mando dos guerrilleiros, e Ramón de Nadela. No ano 2008, José Luis Gárfer, que estaba a percorrer Galiza na procura de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego (2000), descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), conservaba entre outros documentos históricos un que podemos considerar como excepcional. Trátase dun manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recolle a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España entre o 6 de febreiro de 1807 e o 6 de maio do 1808. O seu autor é o xeneral francés Gerard que ofrece o retrato do conflito bélico en diferentes localidades, incluíndo arengas, resolucións, consignas, consellos de guerra e notas oficiais sobre as diferentes campañas do exército francés que transportaba armas a un continxente destacado en Astorga (León), tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Os soldados de Napoleón acabaron derrotados polos guerrilleiros locais que se sublevaron fartos dos saqueos e tropelías cometidas polos invasores. Para atopar a quen se fixo co botín, hai que remontarse a oito xeracións atrás, tamén se chamaba Gabriel Fernández, máis coñecido como O terror dos gabachos. A súa casa aínda se conserva, se ben que xa non existe o espazo subterráneo que utilizaba a familia para agochar a carne aos franceses, e máis tarde aos carlistas; para disimular o escondedoiro depositaban a leña por riba da trapela. Na batalla contra os franceses, os veciños da zona, nun número duns 4.000, apoderáronse de gran cantidade de armas, ata o punto de que os desaugues dos fregadoiros de boa parte das casas de Becerreá construíronse con canos de fusil francés. As probas do levantamento popular contra as forzas de Napoleón en Becerreá son abondosas, de feito, entre os ano 1960 e 1980, o bar Chafarotes tomou o nome polos anchos sabres utilizados polos soldados e que serviron para adornar as paredes do local. Gabriel Fernández tamén conserva un documento no que o capitán xeneral de Galiza, o marqués De la Romana, chama á mobilización, que os veciños executaron co enfrontamento, entre outros, da ponte de Cruzul. No concello de Cervantes, as tropas napoleónicas, chegadas polo Camiño Real, foron atacadas en varias ocasións polas alarmas populares; a difícil orografía do terreo permitíalles facer emboscadas. Na Pena da Seara, unha pequena aldea da parroquia do Cebreiro, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro, onde foron levados os que quedaron para que as tropas napoleónicos non os destruíran; a respeito deste sucedo, un frade do Cebreiro escribe: "Certifico yo el infraescrito cura de Sta. María la Rl. del Cebrero como en el día ventiseis de junio de este presente año de mil ochocientos nueve se quemaron por los franceses en el lugar de Peña Seara y casa de Dn. Santiago Gómez, todos los libros antiguos de Bautizados, Casados y Difuntos de esta parroquia; a cuya casa se habían extrahido con los demás Libros que yo tenía cerrado en dos baules, a fin de librarlo de las manos de estos enemigos de la Religión y genero humano por que no los derrotase , o quemaren, pero hubo desgracia de que vaxaron a quemar aquella casa y juntamente, baules y Libros, sen dar lugar a librarlos por temor de perder la vida. Puedo certificar como no faltaba por poner, por haber estado doce años en este Priorato, y haber registrado con atención los referidos libros, y para que conste en lo sucesibo doy el presente certificado que firmo en el expresado priorato del Cebrero á veinte y nueve de junio de dicho año".

A MILLORA
"Bens divididos, bens perdidos". A "millora" era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas. As zonas de Galicia nas que parece darse máis casos de millora eran Becerreá, A Fonsagrada, Quiroga, Chantada, Monforte e Dodro.

AS GUERRAS CARLISTAS
Pardo de Neyra fala dunha partida carlista, ao mando de Núñez Saavedra, que se levantou en Vilarín (Becerreá) no ano 1873. Entre outras accións cita a queima do rexistro civil de Neira de Xusá, no actual concello de Baralla.
 

 

FERRARÍAS
A tradición do ferro está documentada dende o século XII (a arqueoloxía documéntaa dende a Idade do Ferro). Sábese que os monxes tiñan en Constantín (Baralla) unha forxa de fundición e transformación do metal. As ferramentas que facían vendíanllas aos campesiños a cambio de terras; o ferro extraíano das minas que tiñan en Pedrafita. Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, o oficio de ferreiro era o máis abundante na xurisdición de Navia de Suarna, había ferrarías en Barcia, Mosteiro, Pin, A Pobra e Rao. Lucas Labrada (1804) cita unha ferraría no val de Rao que daba traballo a vinte operarios, aínda que a súa existencia debeu de ser curta xa que o Diccionario de Madoz de mediados do século XIX non a menciona; desta ferraría, situada entre Murias e Robledo, só se conserva a canle por onde desviaban a auga do río Balouta para mover o mazo. 

A IRMANDADE GALEGA DE BARALLA
No ano 1917 fundouse en Baralla un grupo galeguista, liderado por Evaristo Correa Calderón, que bautizaron co nome de Irmandade Galega de Baralla. Deste grupo formaron parte Paulino Pardo de Neyra, represaliado polos fascistas ao rematar a Guerra Civil, Casiano Díaz Moreno e Faustino Cela que, perseguido, tivo que fuxir. Evaristo Correa publicou El Eco de Baralla. O Evaristo Correa comprometido coa liberdade mudou a súa traxectoria política no ano 1936, afiliándose a Falange Española.

GUERRA CIVIL: REPRESIÓN FASCISTA
A Guerra Civil (1936-1939) produciu a arrepiante cifra de máis de medio millón de mortos. Isto sen contar aqueles que morreron de fame e por enfermidades xeradas pola guerra. Sumados os primeiros e os segundos a cifra pode acadar o millón de vítimas. Debido á represión, os fascitas asasinaron na retagarda unhas 100.000 persoas entre 1936 e 1939, e 50.000 máis na postguerra. Unha investigación rigorosa realizada polas tres universidades galegas (As vítimas, as voces, os nomes e os lugares), dirixida polo profesor Lourenzo Prieto, documenta en Galiza 3.260 asasinatos extraxudiciais (paseos e sacas), e 1.413 execucións mediante consellos de guerra (carentes da máis elemental garantía xurídica) entre os que se atopaban militares leais á República, os catro gobernadores civís, deputados, alcaldes, labregos, ferroviarios, funcionarios, médicos, mestres... É dicir, 4.673 persoas cuxo único delito foi defender a legalidade. Segundo datos tirados do grupo de investigación Nomes e Voces formado por especialistas en historia contemporánea de Galiza, na comarca galega dos Ancares, dos 147 represaliados, case medio cento foron executados e un bo número foi deportado a campos nazis en Alemaña, onde morreron a maioría. No ano 2014, veciños de Becerreá e de Ribadeo decidiron sumarse á querela arxentina contra o franquismo, denunciando ante o cónsul arxentino en Vigo casos de desaparicións e torturas de familiares seus, segundo anunciou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Esta querela promoveuna, entre outros, Darío Rivas, fillo de Severino Rivas, fusilado en 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. Familiares e as propias vítimas están facendo chegar os seus casos á xustiza arxentina, a través de consulados e da embaixada do país americano. 

FEDERACIÓN DE GUERRILLAS LEÓN-GALIZA
Na primavera do ano 1942 creouse a Federación de Guerrillas León-Galiza con grupos de León, Lugo e Ourense, nunha reunión celebrada nos montes de Ferradillo, preto de Ponferrada, que fixou como encarreirar a loita contra o fascismo franquista. O obxectivo non era, en principio, derrubar a ditadura mediante a loita armada, senón manter viva a chama da resistencia ata que se producira a intervención das potencias aliadas que todos daban por feita. A Federación actuaba no Bierzo, Cabrera, Laciana e A Maragatería (León), Becerreá, A Fonsagrada e Quiroga (Lugo), e no Barco de Valdeorras, A Pobra de Trives e Viana do Bolo (Ourense). No ano 1943, a Federación era a única guerrilla organizada que había no estado español. No ano 1945 creouse en Galiza o Exército Guerrilleiro de Galiza-León. Foi nesta época cando as guerrillas acadaron o máximo apoxeo, botándose ao monte e desencadeando durante o ano 1946 unha ofensiva xeralizada en todo o estado, mais a esperanza por derrubar o réxime fascista axiña se diluiu cando se tivo a certidume de que os países aliados non ían intervir despois de derrotada a Alemaña nazi e iso a pesares de que o 19 de xuño de 1945 a ONU emitira unha condena contra a ditadura franquista. A partires de 1950, a maioría dos guerrilleiros foron morrendo en enfrontamentos coas forzas represivas. 

REPOBOACIÓNS FORESTAIS
As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. O estado incautouse de montes comunais para efectuar as plantacións, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das aldeas subiran a pastar o gando.   

LUGO, BARALLA, BECERREÁ, NAVIA 
Nada teño que engadir a esta lembranza que me achegou o amigo Kike de Vidal, así que aí deixo as súas palabras (e as fotos)... 
"LUGO-BARALLA-BECERRA-NAVIA. Dúas horas e meia a Lugo sen contar coas longas paradas no Eslavín (infelizmente xa non está), no Roca de Baralla, en calquer lugar que deran o alto. Ahh ! xa se me esquecía, a parada tamén eterna e de obrigado cumprimento no cruce de Liber esperando La Ponferradina que viña polo Portelo e Doiras. Digo as máis importantes porque se comezo dende O Cochoso até A Borquería igual de Navia a Becerrá había máis de vinte, si oh ! Logo a coña: Cabana: que baixe o que lle dé a gaña; San Martín de La Ribera, que se baje el que quiera, e esí..."



O CASTRO DE QUINTELA
Na parroquia de Arroxo. Na croa do castro hai unha cova abeirada por dúas pedras chantadas en forma de porta, que é a entrada a un longo túnel que dá ao río. Dise que nos muros do interior hai pinturas. Aseguran que os mouros habitaban en covas construídas baixo o castro e que, para contentalos, os veciños levábanlle alimentos. Eses mouros tamén levaban os cabalos a beber a unha fonte que hai ao pé do castro. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE CARBALLEDO
Na aldea de Carballedo, parroquia de Penarrubia. Unha veciña da aldea de Pena, lindeira con Carballedo, contoume que na croa do castro hai unha "porta" que é a entrada a unha longa cova que dá á igrexa de San Martiño de Neira de Rei e que era utilizada polos mouros para ir á misa. José Ángel Revaldería ("Roldán") contoume outra lenda escoitada aos seus antepasados. Había un arrieiro que abastecía de noite aos mouros do castro, recompensándoo co ouro que custodiaban. Mais non podía dicir nada polo que sempre poñía algunha escusa para saír a horas tan intempestivas (que ía regar, darlle de comer ao gando, etc.), ata que un día a súa muller desconfiou polo que non tivo máis remedio que contarllo. Como cabía esperar, a boa harmonía que tiña cos mouros rematou. Un mouro que era coxo saíulle ao camiño para dicirlle que non volvera polo castro xa que os outros mouros esperábanno para matalo.  (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE PEDRAFITA
Na aldea de Pedrafita, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. Ao arar a terra apareceu unha ola con po de ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DA CROA
Na parroquia de Pousada. Os mouros agochaban nunha cova que hai no castro un pote de ouro. Outra lenda asegura que un can que entrou nela apareceu logo no castro de Ferreiros, a case tres quilómetros de distancia. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE LAXES
No castro hai unha cova, que existe, que era utilizada polos romanos para baixar a coller a auga nun regueiro que hai ao pé do monte. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE VILASANTÁN
Na cima do castro hai unha cova cuxa entrada foi parcialmente destruída por unha escavadora. Uns veciños contáronme que os moradores do castro baixaban por ela aos cabalos para que beberan nun regueiro que discorre ao pé do monte. Tamén que a mediados do século pasado un veciño da aldea, que aínda vive, que estaba a arar a terra rompeu unha ola de barro co arado, o vento esparexeu polo lugar o que creu era po mais, cando volveu a mirar, decatouse de que o que levara o vento era po, si, pero de ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE SIXIREI
Unha veciña de Vilameixe contoume a lenda dun home que, ao arar a terra, atopou unha ola moi pesada e, para ver o que contiña, baleirouna, vendo como o po, empuxado polo vento, se esparexía polo lugar. Mais, de súpeto, os raios do sol pousáronse sobre a leira e o home viu como refulxía a terra. Foi entón cando se decatou de que o po da ola era ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE VILAMEIXE
Na parroquia de Vale. No castro hai unha ola chea de ouro. (Recollida polo autor do blogue).

COVA DE SAN MARTIÑO 
Dise que na parroquia de San Martiño de Neira de Rei hai unha cova feita polos mouros e non se sabe o que hai dentro. É moi longa e ninguén deu chegado ao cabo. Din que os círculos que hai no lugar son garitas feitas polos romanos, son tan grandes que entras por un lado e saes polo outro, mais ninguén o conseguiu. (Recollida da páxina do Concello de Baralla).

A COVA DO CASTRO DE FERREIROS
Os nosos devanceiros din que que na cova caeu un can vivo. Dende aquelas, á mesma hora e o mesmo día de todos os anos, o can sae fóra e ponse a ouvear. Tamén din que a cova atravesa todo Ferreiros, a estrada xeral, Santestevo e chega ata a Serra de Pousada. (Recollida da páxina do Concello de Baralla). 

A COVA DO LADRÓN
Coñecida tamén como A Pena do Ladrón. Atópase en Matela, parroquia de San Martiño de Neira de Rei. Estivo habitada polos mouros, os seres fantásticos asociados a tantas lendas; disque o nome veulle porque uns ladróns tentaron roubar os tesouros que agochaba. José Ángel Revaldería ("Roldán") contoume que había un tesouro envolto na pel dun touro pinto. Ata non hai moitos anos, os veciños aínda buscaban o famoso tesouro. 

A FONTE DO BISPO 
Na parroquia de Arroxo. Cóntase que hai moito tempo, nun día moi caloroso de verán, pasou por Arroxo unha comitiva composta por un bispo cego, que ía montado sobre unha burra, e os seus criados. Deulle a sede, e xusto nese intre pasaban por diante dunha fonte. Foi beber e recuperar a vista. De aí o nome de Fonte do Bispo. Preguntamos a un veciño que se era verdade o da curación do bispo, como é que non se usa a auga da fonte para atender aos que teñen problemas coa vista, ao que contestou que se lle acabara a forza á auga cando lle devolveu a vista ao bispo. (Lenda publicada na revista Folerpas, do CPI Luis Díaz Moreno).

O MILAGRE DUN SANTO
Contáronlle á miña nai as persoas maiores que antes lle tiñan moita confianza ao San Lourenzo, patrón da aldea de Vilares, porque segundo dicían cada vez que tronaba os veciños deixaban os traballos que estaban a facer e ían á capela polo santo para levalo a un monte que se chama O Teso da Capela. Logo de estar alí un pouco co santo, o trono desfacíase e volvían ao San Lourenzo para o seu lugar. (Recollida da páxina do Concello de Baralla). 

O PASADIZO DE SAN MIGUEL
Dise que na sancristía da igrexa de San Miguel hai un pasadizo que vai dar ao río Neira, preto da ponte de Carracedo. A igrexa érguese sobre un castro e un castelo.

O SANTO CRISTO
Hai uns douscentos anos, polas terras do noso concello había algúns ladróns que, entre outras cousas, adicábanse a roubar nas igrexas. Un día, en Arroxo, ademais de roubar o diñeiro e outras cousas de valor, tamén roubaron un santo coñecido como O Santo Cristo. Cando fuxiron, os ladróns déronse de conta de que os seguían as xentes do pobo, e coas presas caeulles o Santo. Cando a xente recolleu ao Santo que estaba ao lado dun muíño, o cura pensou en facerlle unha capela naquel sitio. Hoxe hai unha pequeniña ermida feita polos veciños. (Recollida da páxina do Concello de Baralla).   

A PENA DA CRUZ
Situada no cume do monte Reboredo, na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. Segundo me contou o párroco, don Manuel, a cruz actual, de ferro e colocada a finais dos anos setenta do pasada século, substituíu a outra máis antiga, ao parecer de madeira. Ninguén lembra o motivo que orixinou colocar alí a primitiva cruz. (Recollida polo autor do blogue).
 

O PAZO DE POUSADA
Coñecido tamén como Casa do Pacio. Pertenceu a Tello de Neira, cabaleiro que padeceu as iras do rei, suceso descrito no século XV por Llaguno y Amirola no Sumario de los Reyes de España. Hai quen asegura que as lendas tecidas ao seu redor inspiraron a Lope de Vega para escribir O mellor alcalde o rei. Dise que o camiño veciñal que une o pazo coa Casa de Farexe era antigamente un pasadizo por onde os donos do Pazo de Pousada baixaban as cabalarías a beber ao río. 

A PONTE DE CARRACEDO
Sobre o río Neira. Segundo a lenda foi construída polos mouros.

A PONTE DE SANTESTEVO
En Santestevo, parroquia de Pousada. A lenda dálle unha orixe árabe.

A PONTE DE SENRA
Sobre o río Neira, construída cando o Camiño Real a Castela. Unha lenda di que foi construída polos mouros. 
 

O POZO NEGRO
No ano corenta e dous do pasado século, o goberno requisaba as colleitas aos labregos debido a que estaban vivindo na postguerra e había moita fame no país. Os gobernantes multaban, pegaban e castigaban aos labregos que vendían os seus froitos. O meu avó tiña naquela época dezaseis anos, e como eran moitos irmáns tiña que traballar para axudar na casa. Entre os traballos que facía había un que era ilegal, e á conta dese traballo descubriu parte desta lenda. Por aquel entón a xente tiña medo a andar de noite. O meu avó tiña un cabalo no que carrexaba o trigo, pan, leite, etc. De noite, para poder vendelo, tiña que cruzar o río Neira por un lugar no que un día unha moza, acompañada dunha cadela, se fora bañar, coñecido como O Pozo Nego; a moza tivo mala sorte e afogou. Dende aquelas, a cadela ía todas as noites ao pozo. A familia da moza puxo unha cruz no lugar con cravos prateados. O meu avó tiña que pasar polo lugar cada vez que ía buscar unha carretada e dicíase que se escoitaba ladrar e que tamén se vía que algo brillaba no río. Comentábase que era o espírito da rapaza. Meu avó tiña medo de pasar polo sitio. Mais un día dixo que tiña que saber que acontecía e alí foi. Viu unha cruz de madeira cuberta de cravos prateados e no chan un sinal de que alí durmía un animal que ben podería ser a cadela. (Recollida da páxina do Concello de Baralla). 

O POZO DE TEIXEIRA
Dise que na aldea de Teixeira existe un estrano pozo nas beiras do cal unha muller desapareceu cando estaba a cortar perexil que había arredor. Ninguén soubo que fora da muller, pero máis tarde un boi, que estaba a pacer polas súas beiras, foi tragado polo misterioso pozo. O pozo, moi profundo, aínda existe hoxe, está cuberto de matogueiras, toxos e outros arbustos. (Recollida da páxina do Concello de Baralla). 

O TESOURO
Dise que na serra de Constantín había un tesouro. Un criado dunha casa viu as catro pedras que formaban un cadrado onde había un tesouro. As catro pedras tiñan por riba unha lousa para que non se vira. O criado escavou e escavou ata que o atopou. Dende que se viu que non había o tesouro atopáronse as catro pedras sen a lousa que as cubría. Despois de que se soubo que non había tesouro apareceron armas de guerra. Dende aquela o criado pasou a tomar o mando da casa e agora é a máis rica da aldea. (Recollida da páxina do Concello de Baralla).
Nota: Nidia alusión, sen dúbida, a unha anta megalítica.
Tamén chaman así a un lugar situado no castro de Santa Marta, na parroquia de Vilartelín. Dise que hai soterradas unhas barras de ouro. (Recollida polos autores do blogue). 

O CASTIÑEIRO DE FOLGUEIRA
Estaba na parroquia de Recesende, era famoso polos seus 16 metros de circunferencia. Foi abatido nos anos sesenta do pasado século porque, segundo os paisanos, producía moita sombra nos cultivos de centeo que o arrodeaban. A curiosa foto, de J. Elorriaga, é de finais dos anos corenta. Nela vese a unha familia de labregos co seu carro e unha parella de bois co seu carro e unha parella de vacas no burato do castiñeiro.
 

UNHA DE RAPOSOS
Despois da Guerra Civil, no "tempo da fame", os mozos da parroquia de Covas acostumaban ir a cazar os raposos xa que, día si e día tamén, asolaban os galiñeiros. Cando cazaban un percorrían as casas anunciando: "Matamos un raposo, este xa non vai atacar as pitas". A xente, entón, dáballes unha moeda ou, a maioría das veces, ovos. (Recollida por Rubén Armada).  

O CHANTO DA PONTE DE COVAS
Chovía a mares. O inverno parecía desfrutar vendo aos lagregos nas lareiras, en vez de nas terras. O cura párroco, que se quedaba na casa de Bande de Covas, improvisada reitoral dende había anos, non daba feito cos responsos a Santa Bárbara para escorrentar os tronos das casas dos veciños. Fora ano de boa colleira e de mellores esmolas, que todo isto adoitaba ir da man, e as huchas do párroco permanecían ateigadas de centeo. Mais centeo cru non mantén bandullo humano, e precisaba leña para que a criada lle roxara o forno e lle cocese o rico pan. Buscou entre os fregueses a algún, que non se sabe se lla regalaba, lla vendía ou lla tiña que levar como esmola, que lle carretase un carro de leña. Sábese con certeza que o carro, ateigado de canas e tirado por dúas vacas, viña da zona de Penouta ou lindante con ela. Era tardiña cando se dirixían cara a reitoral, unha comitiva formada por un ou varios veciños e o crego. O río Neira ía moi medrado por mor das choivas, e en chegando ao Pontón de Telo observaron magoados como a corrente esnaquizara o piar central e derrubara o paso. Así pois, coa noite case enriba e coa auga ata os ósos, deu o crego orde de dirixirse cara a Ponte de Covas, para ver se máis abaixo, preto dela, podía atravesarse o río nalgún remanso, quizais polo paso da Insua. Mais ao chegares, e pese a que o crego insistía en cruzar o río, o dono das vacas desbotou a idea. Seica existía un gran chanto fincado no medio da ponte que impedía pasar carro ningún por ela, somente se podía cruzar a pé. Entón, o cura, en vista de que non había xeito de pasar a leña, e vendo que a choiva podía continuar durante varios días ou mesmo semanas, achegouse a unha casa próxima, solicitándolle ao dono unha marra ou un eixadón. Con el nas mans, sen pensalo dúas veces, encomezou a escachar no chanto ata que o derrubou. Toupado de tal esforzo, que distaba moito dos acostumados pola fe, ordenou que pasase o carro pola ponte. Dende aquelas, o paso quedou aberto a carros e gando. (Recollida por Rubén Armada).

A ALDEA DE SANAMEDE
No lugar coñecido como O Piago celebrábase unha festa en honra do San Mamede que tiña unha capela da que na actualidade non quedan restos. Un ano houbo unha terrible liorta entre dous mozos que rematou coa morte dun deles. Dende aquelas deixouse de celebrar a festa. Nas inmediacións onde estaba a ermida saíron á luz varias tumbas feitas con laxes. Nunha casa custodiábase unha imaxe do San Mamede que foi roubada hai anos. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

Historias, tradicións e lendas de Baralla
Colectivo Patrimonio dos Ancares