HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DAS NOGAIS

Historias, tradicións, mitos e lendas do concello de As Nogais que se achegan: A lúa, O sol, O Camiño Francés a Santiago, As ánimas, A Ánima Soila, A Noite de Defuntos, A Santa Compaña, A Cruz de Cerredo, Tradicións do Nadal, O tizón do Nadal, O apalpador, O entroido, A Noite do San Xoán, A cacharela do San Xoán, O santuario do San Antón, Luis Antonio Becerra Chao: o curandeiro de Viladicente, O cemiterio do Castelo, A Lameira dos Mouros, A lareira, O lume, A auga, As árbores, O castiñeiro e a castaña, O fiadeiro, O matrimonio, Herbas medicinais, Para curar as espullas, Os Arresponsadores, Un alicornio en Torés, O sal, O topónimo Doncos, O pan, O mal bravo, O mal de ollo, Coitelo e navalla, As fontes, A Guerra da Independencia, O reloxo de Doncos, As campás da igrexa de Noceda, Revolta campesiña, A millora, O monte das Travesas, Guerra Civil: represión fascista, O asasinato de O Pelegrín, Unha historia de fuxidos, Un anarquista dos Ancares sobreviviu illado durante 40 anos, A tola, Traxedia na montaña: unha tormenta histórica nas Nogais, Repoboacións forestais, O marco da Casa de Chancia, O asasinato do xuíz José Ramón Fernández Díaz, O Pedáneo, Non había festa sen liorta, Liorta en Nullán, A Feira da Cebola, Festa da Cofradería, Segredo de confesión, O souto de Robledo, O castro de Sinllán, O castro da Fonte do Cando, O castro de Vilaesteva, O monte do Castro, A Cova da Moura, A cova do Pando, A Cova Redonda, A Cova do Burro, A Pena Furada, O Chao das Olas e a Leira dos Fornos, Fonte do regueiro de Forcas, O castelo de Torés, A torre de Doncos, Igrexa de Santo André das Nogais, As ferraduras da igrexa de Santo André, Maruxa, o muíño e o trasgo, A Pena do Peido, A orixe do apelido Bolaño, A Ermida, O chorco dos lobos, Un telegrafista nas Nogais, A muller do veo gris, O cemiterio de Torés, Marco do Val de Solleiro, Un Tesouro entre tres fontes.

A LÚA
Para os habitantes de moitas aldeas da comarca dos Ancares, a lúa de marzo en crecente é boa e mata a mala herba. A matanza facíase nos meses de inverno e, a poder ser, en lúa mingunate para que o touciño non se puxera amarelo. A lúa é como o axente que regula o ciclo da circulación do sangue non só nas persoas, senón tamén nos animais e nas plantas. O crecente e o minguante marcan os momentos nos que a lúa actúa con máis ou con menos forza sobre o sangue; no crecente é cando sobe da raíz ao talo, do corazón ás extremidades. Durante o minguante din que é cando o sangue baixa, concentrándose en torno á raíz e perdendo vigor o organistmo. O crecente de mazo e o minguante de agosto marcan os momentos do ano de máis e de menos forza da lúa. En crecente elimínanse as malas herbas por iso é cando se aran, ao cortar as malas herbas desangran e morren. Os artesáns dos Ancares din que se debe cortar a madeira coa que van a traballar no minguante de outubro, novembro ou decembro por seren o momento do ano en que a lúa envellece e vai perdendo a súa forza, e as ramas das árbores non teñen sangue. Din que se cortan a madeira noutra época do ano o máis normal é que se abiche. Tamén din que o mellor momento para matar o porco é de novembro ata decembro, porque en xaneiro entra a lúa de ano novo e xa non se conserva ben a carne; e nunca debe matarse a partires de marzo.

O SOL
Os habitantes dos Ancares din que na montaña é onde o sol quenta a terra para fecundar o produto máis forte e máis puro. Mais na montaña é onde trona máis; a auga do trono vén quentada polo sol por medio da descarga eléctrica e "coce" (purifica) a terra eliminando as malas herbas. O sol presidindo a montaña é identificado coa forza purificadora que "atrempeira" a terra. Por iso consideran que todo o producido nas terras da montaña (alzadas, searas) é máis forte e ten máis poder alimenticio que nas terras de abaixo. A palla do centeo producido arriba din que é a única que serve para teitar as pallozas; a herba da montaña din que alimenta mellor ao gando e, ademais, serve para curalo cando está enfermo ou despois de parir (Rodríguez Campos, 1990). Unha muller do municipio de Navia de Suarna, de máis de noventa anos, contoume que cando acaía unha desgraza, o desventurado ou desventurada miraba cara o sol nacente e pregáballe protección. Ao munxir as vacas acostumábase ofrecer ao novo día as primeiras pingas de leite, poñéndoa nunha cunca que se colocaba na ventá que miraba cara o Oriente para seren ferida polos primeiros raios do sol. Antes de meter o pan ao forno, ofrecíase unha torta á "estrela panadeira" (Venus), poñéndoa na ventá que mira cara o nacemento do astro.

O CAMIÑO FRANCÉS A SANTIAGO
Ver Apéndice: Os camiños de Santiago polos Ancares: A Vía de Künig. 

AS ÁNIMAS
Crese que en varias zonas dos Ancares, cando alguén está gravemente enfermo escóitase un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte" que anuncia o pasamento ao Máis Alá do doente. En moitas aldeas coidan de non varrer a casa de noite, porque se lles dá para atrás ás ánimas, impedíndolles que se quenten.

A ÁNIMA SOILA
"Existe a crenza en Galiza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo". (Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-a961). Esta Ánima Soila é coñecida en varias partes da comarca dos Ancares. 

A NOITE DE DEFUNTOS
En moitas aldeas do municipio críase que as ánimas dos familiares viñan na Noite de Defuntos a quentarse xunto a lareira, e por iso se deixaba un gran pao aceso ata o amencer. 

A SANTA COMPAÑA
Lisón Tolosana recolleu en Doncos que as ánimas (as da noite) que saían nas procesións nocturnas eran de defuntos da parroquia e que saían do cemiterio parroquial. 

A CRUZ DE CERREDO
Lugar situado no monte da Medorra de Cerredo (polo de agora non atopamos ningunha mámoa, só temos o topónimo), entre Vilavexe e Lama da Vila. Ata non hai moitos anos había unha cruz de madeira, hoxe en día desaparecida. Contáronnos que cando morría alguén de Vilavexe, o defundo era transportado coa cara mirando á aldea, e ao chegar á cruz dábanlle a volta ao cadaleito para que mirara cara a igrexa parroquial de Santo André. Dise que polo lugar transita a Santa Compaña. (Recollida polo autor do blogue).
 

TRADICIÓNS DO NADAL
Por Noiteboa estaba extendido o costume de que os mozos percorreran as casas da veciñanza cantando panxoliñas acompañados dun gaiteiro, obtendo a cambio donativos que utilizaban para celebrar festa e baile. Arredor da festividade de Reis, a primeiros do mes de xaneiro, formábanse mascaradas, formadas sempre por homes, que percorrían un amplo territorio visitando as distintas aldeas, recadando donativos cos que logo celebrar a festividade. Canto aos cantares encomezábase sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar.  

O TIZÓN DE NADAL 
"Cotarelo, no seu traballo A Noiteboa na aldea, descríebeo deste xeito: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume, cando mandan apagalo e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha de ter a sorte para a facenda e para os donos. Despois de queimado un pouco, déixase que se apague e aí se conserva o tizón do Nadal, para volver a acendelo cando haxa temor dalgunha desgraza para a casa". Dito tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que o resto que queda consérvase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameaza unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade".  (Recollido de Ritos galegos de Nadal, de Xesús Taboada Chivite). 

O APALPADOR
O Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. A lenda do Apalpador ten a súa orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro. As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña".
 

O ENTROIDO
En Noceda e en Sinllán, despois de enterrar "o antroido", xuntábase toda a aldea para comer sardiñas. Logo ían todos para unha casa alumeada con ganzos (paus secos de breixo) e bailaban ao son da pandeireta. 

A NOITE DO SAN XOÁN
En Castelo levaban as vacas a unha carballeira a Noite do San Xoán para que alí recibiran o orballo. Tamén facían o mesmo nalgunhas aldeas de Cervantes. 

A CACHARELA DO SAN XOÁN
Cando o salto da cacharela do San Xoán crese que as mulleres solteiras conseguen casar se o fan sen tocar o lume; di Vicente Risco que se o logran pasarán polo altar antes dun ano. Segundo me achegou Abel Iván Arias Alba, entre a aldea de Vilar e Santo André hai un lugar coñecido como Campa do San Xoán onde había unha capela da que non quedan restos. Sábese que era de planta rectangular, cunha superficie de entre 30 e 40 metros cadrados; no interior albergaba as imaxes de Santa Isabel, Santa Inés e San Xoán que a finais do século XIX ou primeiros do XX foron trasladadas á parroquial de Santo André, situadas á dereita do altar maior. Na Campa do San Xoán facíase unha fogueira o día 24 de xuño.

O SANTUARIO DO SAN ANTÓN 
Na parroquia de Vilavexe. A festa celébrase o 17 de xaneiro e o 13 de xuño. Algúns devotos seguen ofrecendo produtos derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios relixiosos. 

A CUSTODIA DA IGREXA DE TORÉS
A igrexa de San Xoán conserva unha custodia do século XVIII coa inscrición: "Diolo don Pedro de Bolaño señor de Torés y Junqueras. Año 1667". Miguel e Sergio, da Asociación de Veciños de Torés, contáronme que cando unha persoa estaba a punto de morrer, e cando o cura lle administraba a Extrema Unción, dábanlle a custodia ao doente.
   

LUIS ANTONIO BECERRA CHAO, O CURANDEIRO DE VILADICENTE (1815-1900), artigo achegado por Luis López Pombo.  
Luis Antonio Becerra Chao naceu en Viladicente (As Nogais) o 4 de agosto de 1815, fillo de don Domingo Becerra Maceda, de Viladicente, e de María Chao López, do lugar de Pallarvello, actual parroquia de San Xoán de Padornelo, en Pedrafita do Cebreiro, por aquelas datas freguesía de Santa María Madanela do Poio. Á idade de 21 anos alistouse na Compañía de Voluntarios formada nas Nogais para perseguir aos carlistas, sendo miliciano durante bastantes anos na zona de Pallar de Xubín (Ourense), onde tivo grande amizade cun médico da zona. Falecido este contraeu matrimonio coa súa viúva Manuela Mourenza, regresando a Viladicente onde anos máis tarde quedou viúvo. Logo contraeu matrimonio con Manuela Peral, natural de Ferreiros de Valboa (Becerreá), non quedando dos mesmos descendencia. 
A Luis Antonio Becerra Chao parece que se lle daba ben a medicina, mesmo preparara algún composto que el mesmo comercializaba por Galicia e León, aparte de practicar a arte de extraer moas. Non obstante, a súa fama vén de terlle extraído unha moa á raíña Isabel II, extracción que realizou no Mesón Herbón das Nogais o 14 de setembro de 1858, feito polo que se lle concedeu a Cruz de la Orden de Isabel la Católica. Del consérvanse no Museo Provincial de Lugo dous pequenos retratos de autor ou autores anónimos, nun aparece a inscrición que di: "El facultatibo D. Luis Antonio Becerra y Chao, Caballero de la Orden Americana". Tamén fora nomeado Caballero descubierto, é dicir, tiña o privilexio de non descubrise diante dos reis.
Home intelixente e curioso ao mesmo tempo, que ao parecer vivira dez anos en Madrid. Do mesmo había nunha casa de Vilar de Ousón un degarrotipo que se perdeu cando aínda hai poucos anos procederon á súa limpeza, sendo borrada a imaxe. Como datos curiosos dicir que no Monte da Trapa construíu dous pozos onde se refuxiaban os xóvenes, pero que a verdadeira función dos mesmos era para que neles caesen os lobos, é dicir, algo semellante aos fosos dos lobos tan comúns nas zonas de Sarria e do Incio, e que por aquelas datas habíaos a fatos. A tradición familiar recolle cousas tan curiosas del que mesmo mandou facer o seu propio ataúde, que logo regalaba aos veciños que o precisaban, e así unha e outra vez. Deixou dito que unha vez falecido, mentres estivese de corpo presente, a campá de Viladicente tocase todo o tempo a defunto, para que así fose escoitada polas xentes que pasaban polo Camiño Real de Castela a Galicia. Do mesmo díxose en varias ocasións que foi alcalde de As Nogais e Xuíz de Paz, datos que polo de agora non foron documentados.
No 1854, ante o notario de Becerreá don Domingo María Gómez, foi outorgada venta por parte de María Pombo e o seu fillo Manuel Méndez Pombo a favor de Luis Antonio Becerra y Chao dunha peza de terreo en San Pedro de Quintá, que comprende un prado e labradío denominada Cortiña da Fonte, pechadas sobre si, dunha fanega e media de superficie, no prezo e cantidade de oitocentos reás. Este mesmo señor, en 22 de xaneiro de 1861, vendeu a Fernando Rodríguez, veciño do lugar de Louzarela, a renda de catro fanegas de centeo que anualmente pagaban os herdeiros de Fernando Rodríguez, impostas sobre bens e sitios no pobo da Porfía, no prezo de 960 reás. 

Acta sacramental do bautismo de Luis Antonio Becerra Chao 
"En los seis días de agosto del presente año de mil ochocientos quince, yo Don Jose Fernandez Quiroga, Presbitero Vicario en esta Feligresía de San Juan de Villadicente bauticé solemnemente un niño que naciera a quatro de agosto, hijo lexitimo de D. Domingo Becerra y de Dª María López, abuelos paternos D. Antonio Becerra y Dª Josefa Maceda de esta vecindad; maternos Juan de Chao y María López vecinos de Parllarvello, parroquia de Santa María Magdalena del Poyo. Pusele nombre Luis Antonio. Padrino D. Luis Arroyo vecino de Quintá. Advertile del Parentesco espiritual y lo mas prevenido por el Ritual y que asi conste lo firmo. D. José Fernandez Quiroga".

O CEMITEIRO DO CASTELO 
O cemiterio do Castelo atópase na poboación do mesmo nome, na parroquia de Doncos. Dise que antigamente o castelo estaba en Doncos. Cóntase que o cura mailo señor do pazo que hai no pobo eran inimigos irreconciliables polo que, cando morreu a muller do último, o sacerdote negouse a darlle sepultura no cemiterio que había en Doncos. Foi entón cando o señor levou o corpo da súa esposa a soterrar no actual do Castelo, onde había un antigo castro. (Recollida polo autor do blogue).
    

A LAMEIRA DOS MOUROS
Na parroquia de Santo André das Nogais. Na paraxe de Senra, lugar coñecido tamén como O Lameirón. Apareceron varias tumbas con laxes cubertas con tampas, algunha cunha inscrición. 

A LAREIRA
No espzao ocupado pola lareira, en moitas aldeas, en ausencia doutro lugar axeitado, utilizábase para instalar nela ao moribundo. O cura entraba acompañado dos veciños do pobo portando velas cando lle subminstraba a Extrema Unción.

O LUME
Considerado como unha divindade protectora, cando unha persoa se sentía agoniada ou vítima dalgunha pena, adoitaba situarse diante do lar para avivalo e maldicilo. Tamén lle botaban flores en determinados días do ano. Cando se cocía o pan, dábanlle a súa ración, e cando comían arredor del, botábanlle algunhas culleradas de graxa para avivalo. O lume debía conservarse puro, e non se permitía ningunha acción culpable na súa presenza; tampouco debía ser ofendido. Non se podía tirar a el nada suxo, e tíñase especial coidado en que non fosen a parar a el as cascas dos ovos xa que con elas queimaron a San Lourenzo. Existía a tradición de manter o lume aceso para alonxar os malos espíritos. En moitas aldeas o lume era cuberto e recuperado á mañá seguinte.

A AUGA
Nos meses de febreiro e marzo non se botaba a auga aos campos porque as augas estaban "preñadas", segundo uns meses nacen os "cucharos" dentro de pequenas bolsas das que logo saen as ras no mes de abril; segundo outros chámanse "preñadas" porque neses meses traen como unha especie de "moco" parecido ao que botan as vacas pola matriz cando se están purgando. Por iso nese período do ano os campos só se regaban coa auga das fontes, pero non coa dos ríos e regueiros ata o mes de abril. A auga que corre ao longo do ano está "preñada" ao final do inverno, dise que é o período en que a auga está queda. Despois de quedar "preñada" a auga tamén quedará preñada a terra, que antes se purgou. Nos Ancares distinguen entre as augas boas e doces e as malas e bravas; as fontes de onde saen as primeiras están case todas na montaña, e dise que a súa auga é boa para "coller sangue"; as do pobo son sempre consideradas máis bravas. A auga que mana das rochas da montaña purifica e fecunda a terra. (Xaquín Rodríguez Campos, 1990). 
Do poder da auga falounos a señora Amada de Torés. Contounos que se se fai un círculo con auga e pasa por el unha araña, morre. 

AS ÁRBORES
Aseguran os habitantes da comarca dos Ancares que a mellor madeira é a das árbores que medran en sitios máis montañosos, pedregosos e soleados, porque nestes lugares "vicia" menos. Quere dicir que coa calor do sol medra máis lentamente, onde non hai sol medra máis rápido en busca do sol. A madeira é mellor canto máis pobre é o terreo. Din dun castaño ou dun carballo que estea xunto unha rocha, "esa madeira é dura coma un carro". En Robledo de Rao chámanlles "pedreses" porque son duros coma o seu terreo, aferrados ás súas tradicións e atrasados, e por outra porque son insociables xa que non van á taberna (Rodríguez Campos, 1990). Nos Ancares había grandes extensións de bosque poboado por castiñeiros, carballos, vidros, abrairas, pradairos, faiais, piornos, teixos, acivros, capudres... O vidro e o pradairo utilizábanse para facer zocos, o boxe para facer mangos de navalla e culleres de madeira, o castaño e o carballo para facer mobles, a rama do teixo para dar de comer ao gando, a do piorno para facer carbón como complemento da uz. O máis emblemático da zona é o castiñeiro, tanto pola importancia que tivo a castaña na alimentación como por seren a madeira utilizada para facer os teitos, tabiques, os solos das casas e dos hórreos, etc.

O CASTIÑEIRO E A CASTAÑA
Cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer os da súa propiedade, facíanlles unha marca. Cando se compraba ou se vendía escriturábase como unha propiedade máis. Distinguen na zona cinco tipos de castiñeiros que levan os nomes "do bravo", "da parede", "ron" (ou coruxa), "verdiños" (ou marelás) e "de cebola". Canto ao seu froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen pronto, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución; e canto máis forte se lle pegue ao varexalos, mellor. Ata ben entrada a segundo metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos.
 

O FIADEIRO
Nas Nogais eran as mulleres as encargadas de espadelar (tirarlle a casca ao liño batendo coa espadela) e de fiar. Facíanno gratis, traballando unhas para as outras. Cada casa collía un quilo e cando remataban levábanno para a casa da propietaria. Despois ceaban na casa para a que traballaran. 

O MATRIMONIO
Ata os anos cincoenta ou sesenta do pasado século XX, os mozos e as mozas das aldeas adoitaban participar dunha ou doutra forma no casamento dunha parella. Na parroquia de Doncos non estaba ben visto que os noivos non deran un baile o día da voda para desfrute dos veciños. Tal proceder conlevaba que os mozos lle fixeran aos noivos a "cinzarrada". Dábanse casos de que unha moza ou un mozo non conseguían atopar parella. Entón, o derradeiro día do ano xuntábanse os veciños para asignarlle parella a quen non tivera. Para isto celebrábase, como no caso de Noceda, un sorteo (as sortes) entre os solteiros e as solteiras. A. García Ramos, no seu libro Estilos consuetudinarios y prácticas económico-familiares de Galicia (1909), recolle que en Noceda o 60% dos contraentes eran da mesma parroquia, o 23% de distinta parroquia pero do mesmo concello, e só no 17% un dos compoñentes era de distinto municipio. 

HERBAS MEDICINAIS
Case todas as herbas medicinais nacen no monte, agás a ruda que se cultiva na horta. O talo do regaliz era considerado bo para a gorxa, a raíz e as follas da arandeira (vaccinium myrtillus) e a pel do sangumio (corunus sanguinea) para as dores de ventre, a xeixebra (xaifraga granulata) para as almorrás, a celidoña para as cortaduras, a árnica (arnica montana) para a circulación do sangue, a xanzá (geniata lutea) para os catarros, tuberculose e para baixar a tensión porque clarea e purifica o sangue, a raíz do llantén (alisma plantago) para os catarros, a raíz e a flor da uz branca (a vermella é considerada velenosa) para as dores de cabeza e de lumbago, a raíz e a flor da carqueixa branca (chamaespartium tridentarum) para rebaixar a tensión, a raíz e o talo da consoldra para os golpes e lombrigas do gando. Mais dise que deben ser aplicadas con coidado, en doses controladas zugan o mal que hai nel. A característica que consideran máis común a todas as herbas medicinais é a súa sabor doce, fronte ás malas que lles atribúen un sabor amargo e desagradable, por iso non as comen os animais. 

PARA CURAR AS ESPULLAS
En Torés, para curar as espullas, tirábase ao forno tantos anacos de masa para facer o pan como espullas se tiñan. Ao tempo dicíase: "Verrugas traio, verrugas vendo, tíroas ao forno e marcho correndo". (Achegada pola señora Amada de Torés).     

OS ARRESPONSADORES
Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Na parroquia de Torés, a letanía (vela en Historias, tradición e lendas de Becerreá) dise sen interrupción para que se cumpra, o arresponsador non pode equivocarse. A seóra Amada, de Torés, contounos que nunha ocasión un home foi a Viladicente coas alforxas e perdeunas, entón díxolle ao Baldo que o arresponsara, volveu a Viladicente e atopounas a carón do camín. Nouta ocasión unha arresponsadora adiviñou onde se estaba unha muller chamada María da Carreira: atopábase no Seixón, morta, suicidárase. En Torés había tamén un arresponsador que era cego.

UN ALICORNIO EN TORÉS
A primeiros de marzo de 2015, Miguel e Sergio, da Asociación de Veciños de Torés, leváronnos ata a casa da señora Amada, unha veciña de 88 anos de idade. Ademais doutras historias e lendas que nos relatou, amosounos o seu obxecto máis prezado: un antigo alicornio que sempre estivo na familia e do que se descoñece a procedencia. O alicornio vai inserido nunha "funda" de óso, ao parecer de xabarín, de 5,5 cm de longo e un diámetro de 5 cm. Disque o alicornio, de cor negra, tamén é de óso. Para facer o ritual hai que extraer o alicornio da funda ata que fai tope, acadando así as dúas pezas unha lonxitude duns 7 cm. Entre outras propiedades, este alicornio utilízao a señora Amada para curar a pezoña producida polas picaduras dos bechos. O ritual é como segue: coa punta do alicornio faise un círculo e unha cruz sobre a auga que previamente se botou nunha cunca limpa. Logo, co alicornio mollado, trázase un amplo círculo ao redor da picadura e unha cruz dentro daquel. Continúase facendo círculos e cruces cada volta máis pequenos (a xeito de círculos concéntricos), rematando o ritual cando o derradeiro círculo lambe a picadura. Mentres se fai o ritual hai que recitar o seguinte: "Colloutizo cabalar, que viñeches aquí buscar, se es de araña vaite á paramia, se es de arañón vaite ao paramión, se es de sapo vaite arrastro, se es de sabandixa vaite á cinsa". O alicornio tamén o utiliza para levedar a masa do pan. Cómpre aclarar que non se pode usar para curar feridas abertas, mais si para quenturas, inflamacións, etc. Despois de rematado o ritual, a persoa afectada adoita beber a auga que queda na cunca.
 

O SAL
Está considerado como un axente purificador da terra que botan durante os meses de inverno nas leiras de labradío cando son invadidas polas malas herbas; din que así conseguen facelas desaparecer. O poder curativo do sal exprésase noutra crenza relativa á salmoeira, a que serviu para curar a carne da matanza; antigamente, durante a festa do primeiro de maio, botábanlla ao caldo de castañas para que as mulleres non se marearan. A salmoneira séguese a utilizar nalgunhas comidas de inverno e primavera para dar sabor ao caldo, mais perdendo a función ritual que tiña en determinadas celebracións sobre o ciclo agrícola e a vida familiar. (Rodríguez Campos, 1990). 

O TOPÓNIMO DONCOS 
Algúns investigadores sitúan a gentilitas dos Desoncos en Duancos, que identifican co Doncos de As Nogais. García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que a maior parte dos escritores identifican o vocábulo Desoncos co Doncos de As Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas, mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Polo tanto, este autor inclínase por situalos en Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei. Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança (Portugal), con capital no castro de Avelaes, tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata Miranda do Douro.

O PAN
Antes de cocer o pan acostumábase a facer unha bola con masa e ofrecerlla á estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña. 

O MAL BRAVO
Recibe este nome cando o gando vacún ten un insufrible dor de ventre. Para "encoutar" o mal (sandala) rezábase: "Estabamos en a Fontefría, todas tres llegó por allí Nuestro Señor e les dijo que faceis aí todas na Fontefría. Estamos aquí, nin comemos nin marmolecemos a nadie. Con nacidas e pachucas haces tres cruces con el dedo polgar de la mano dereita. Si é blanca Dios la fenda, si é rubia Dios la funda, e si é negra Dios la parta. Con el poder de Dios e de la Virgen María, un Padrenuestro e un Avemaría". (Achegada pola señora Amanda de Torés). 

O MAL DE OLLO
Para librar ao gando do mal de ollo, en Nullán (As Nogais) poñían un pantalón de home no chan e facían pasar ao animal por riba para que dera leite que a meiga cortara. En Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro) críase que se podía coller o mal de ollo cando na misa non se miraba o Cáliz e a Hostia; cando ao alzalos un volvía a vista a un lado ou cara atrás, así quedaba; mais pasáballe se ao domingo seguinte a persoa afectada volvía a estar atenta. En moitas aldeas dos Ancares críase que había xente boa con vista que fire e podían causar trastornos sen pretendelo, por iso tiñan que tapar o ollo que os causaban, e case sempre era o ollo dereito.

COITELO E NAVALLA
Consideradas armas místicas que protexían, cortaban e atacaban a envexa e o mal de ollo. Conta Lisón Tolosana que en Nullán (As Nogais), un veciño que viña guiando o carro cargado de leña, ao entrar no pobo e pasar fronte a porta dunha casa saíu unha muller, mirou as vacas e estas detivéronse de súpeto. O home, ao tempo que a maldicía, berrándolle "quita de aí, bruxa!", cravou a navalla con forza no xugo e así desfixo o mal de ollo.

A FIGA
A figa é a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou como insulto. En moitas aldeas da comarca aos recén nados poñíanlle unha figa en forma de man pequena, principalmente de cor negra, nunha pulseira. Diante das meigas e aolladoras, homes e mulleres apuntábannas co dedo polgar.

AS FONTES
A algunhas fontes e mananciais acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear.

A GUERRA DA INDEPENDENCIA
Segundo as crónicas e atradición, os sucesos máis importantes sobre a guerra contra a invasión napoleónica nas terras de Baralla produciuse a principios do ano 1809. Pardo de Neyra reproduce unha carta publicada no ano 1809 no peródico Diario onde se di que en Vilarpunteiro os guerrilleiros galegos puxeron en fuga aos soldados franceses cando se dispuñan a saquear Lexo, ou cando os franceses tiveron que fuxir de Baralla cando foron sorprendidos polos veciños, abandonando provisións e munición. E que na Pena, escribiu Antonio Correa, unha partida de franceses morreron a mans dos veciños e que logo foron soterrados no monte que, de alí en diante, recibiu o nome de Furada dos Franceses, episodio narrado por Gerardo Fernández López no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo, que asegura tomado do Libro Probisional de Fábrica da igrexa de Baralla, redactado por Andrés Rivas Pardo, cura vicario na vacante da parroquia. O día 5 de xaneiro do mesmo ano, unha avanzada do exército napoleónico foi obrigada a recuar polos dous canóns que os aliados ingleses situaran xunto a Ponte de Senra; os franceses retiráronse, entón, cara Baralla onde, contan, fixeron tres fogueiras no interior da igrexa quimando todo o que de madeira había. Conta benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1874) que a principios do ano 1809, xuntáronse uns cinco mil veciños para atacar a cantas columnas francesas pasaran pola zona, interceptando postas, correos e toda clase de noticias, por ben escoltadas que fosen, e para evitar isto tiveron que poñer os franceses un forte destacamento en Sobrado do Picato que foi exterminado polos guerrilleiros galegos, arroxándoos ás augas do río Neira. Nas mesmas datas, os veciños apostáronse en Constantín, á beira do camiño real, ocasionando ao exército napoleónico moitas baixas, entre elas o mesmo comandante que dirixía o destacamento inimigo. E en Constantín fixo noite o valeroso Batallón Literario formado por estudantes da Universidade de Santiago, sendo o grupo máis famoso que actuou durante a Guerra da Independencia. Á súa fronte colocouse a un militar con experiencia, Xoán Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón e Salgado de Soutomaior, marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Na biblioteca da Universidade aínda se conserva a súa bandeira, coas cores azul e branca da bandeira de Galiza, e dous escudos, o do antigo Reino de Galiza e o escudo de armas da Universidade cubertos por unha coroa real e a inscrición: Auspice Deo: pro libertati regis palladis legio: anno MDCCCVIII. Na Praza da Quintana compostelá hai unha praca lembrando a súa xesta. Tamén conta Vicetto que no mes de decembro de 1808, o mariscal francés Soult persegue dende Astorga ao exército inglés de Moore, e á división española mandada  por de la Romana. No Bierzo De la Romana sepárase, a retirada dos alidados semella unha fuxida en toda regra. Segundo achega Villamil y Castro na Crónica de la provincia de Lugo, en Crónica General de España (1886), o inglés Moore proseguiu a súa retirada cara Lugo, mais era tal a desorde, indisciplina e inmoralidade dos seus soldados que ordenou arroxar por un despeñadeiro das Nogais 120.000 pesos que levaba, preferindo isto a repartilos entre a súa tropa; tal era a desorde que ata abandonaron as armas e os feridos. Nesta desbandada dos ingleses, moitos veciños de Noceda, Doncos, As Nogais e outros concellos limítrofes ofrecéronse a Moore para combater aos franceses. O 17 de xaneiro, día en que o francés Soult vencía aos ingleses, os veciños de Neria de Xusá (Baralla) e das Nogais emboscáronse e colocáronse nos desfiladeiros de Augas Louras e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas. Os guerrilleiros galegos de As Nogais, animados polos éxitos citados atacaron o día 28 de xaneiro a unha partida inimiga que descubriran na serra de Albela conducindo prisioeiros ingleses; os cautivos foron liberados e os franceses postos en fuga. Ese mesmo día, outro grupo de guerrilleiros das Nogais puxo en desbandada a unha partida do exército francés que se dirixía a saquear Lexo, no municipio de Baralla. A finais de febreiro do 1809, estando en Doncos unha columna de 430 franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos guerrilleiros dende As Nogais ata Baralla, apoderándose de 7.000 pares. Na loita contra o francés na comarca destacaron o veciño de Agüeira Manuel María Núñez, que o marqués De la Romana confiou o mando dos guerrilleiros, e Ramón de Nadela. No ano 2008, José Luis Gárfer, que estaba a percorrer Galiza na procura de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego (2000), descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), conservaba entre outros documentos históricos un que podemos considerar como excepcional. Trátase dun manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recolle a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España entre o 6 de febreiro de 1807 e o 6 de maio do 1808. O seu autor é o xeneral francés Gerard que ofrece o retrato do conflito bélico en diferentes localidades, incluíndo arengas, resolucións, consignas, consellos de guerra e notas oficiais sobre as diferentes campañas do exército francés que transportaba armas a un continxente destacado en Astorga (León), tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Os soldados de Napoleón acabaron derrotados polos guerrilleiros locais que se sublevaron fartos dos saqueos e tropelías cometidas polos invasores. Para atopar a quen se fixo co botín, hai que remontarse a oito xeracións atrás, tamén se chamaba Gabriel Fernández, máis coñecido como O terror dos gabachos. A súa casa aínda se conserva, se ben que xa non existe o espazo subterráneo que utilizaba a familia para agochar a carne aos franceses, e máis tarde aos carlistas; para disimular o escondedoiro depositaban a leña por riba da trapela. Na batalla contra os franceses, os veciños da zona, nun número duns 4.000, apoderáronse de gran cantidade de armas, ata o punto de que os desaugues dos fregadoiros de boa parte das casas de Becerreá construíronse con canos de fusil francés. As probas do levantamento popular contra as forzas de Napoleón en Becerreá son abondosas, de feito, entre os ano 1960 e 1980, o bar Chafarotes tomou o nome polos anchos sabres utilizados polos soldados e que serviron para adornar as paredes do local. Gabriel Fernández tamén conserva un documento no que o capitán xeneral de Galiza, o marqués De la Romana, chama á mobilización, que os veciños executaron co enfrontamento, entre outros, da ponte de Cruzul. No concello de Cervantes, as tropas napoleónicas, chegadas polo Camiño Real, foron atacadas en varias ocasións polas alarmas populares; a difícil orografía do terreo permitíalles facer emboscadas. Na Pena da Seara, unha pequena aldea da parroquia do Cebreiro, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro, onde foron levados os que quedaron para que as tropas napoleónicos non os destruíran; a respeito deste sucedo, un frade do Cebreiro escribe: "Certifico yo el infraescrito cura de Sta. María la Rl. del Cebrero como en el día ventiseis de junio de este presente año de mil ochocientos nueve se quemaron por los franceses en el lugar de Peña Seara y casa de Dn. Santiago Gómez, todos los libros antiguos de Bautizados, Casados y Difuntos de esta parroquia; a cuya casa se habían extrahido con los demás Libros que yo tenía cerrado en dos baules, a fin de librarlo de las manos de estos enemigos de la Religión y genero humano por que no los derrotase , o quemaren, pero hubo desgracia de que vaxaron a quemar aquella casa y juntamente, baules y Libros, sen dar lugar a librarlos por temor de perder la vida. Puedo certificar como no faltaba por poner, por haber estado doce años en este Priorato, y haber registrado con atención los referidos libros, y para que conste en lo sucesibo doy el presente certificado que firmo en el expresado priorato del Cebrero á veinte y nueve de junio de dicho año".

O RELOXO DE DONCOS  
Situado na fachada da igrexa de Santiago de Doncos, no ano 2012 cumpriu 104 anos. Cando hai máis dun século lle ofreceron aos veciños a traída da auga ou o reloxo, optaron polo segundo. Non ten motor e posúe un mecanismo que axuda a predecir os fenómenos meteorolóxicos. Durante moitos anos estivo adiantado cinco minutos para evitar que os veciños perderan o autobús.
 

AS CAMPÁS DA IGREXA DE NOCEDA
O sacristán de Noceda tocaba as campás para arrenegar o trono. Cando vía vir o trebón estando no campo ía correndo para a igrexa. Daba dous golpes cunha campá e outro coa outra, ritmicamente, "xogando coas campás", e recitaba: "Tente trono/tente ti/que Dios pode/mais que ti./Garda viño/garda pan".
 

REVOLTA CAMPESIÑA
No ano 1871, campesiños de Becerreá e As Nogais únense ás revoltas que estouran por toda Galiza en protesta contra os abusivos trabucos. 

A MILLORA
"Bens divididos, bens perdidos". A millora era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar, herdando un terzo e o quinto, é dicir, sete décimas quintas partes de todos os bens paternos e maternos. O resto dos irmáns e irmás tiñan a opción de casar cun primoxénito dunha familia da aldea, acollerse ao irmán ou irmá maior ou, simplemente, abandonar a familia na procura doutros horizontes. Este sistema tentaba evitar o minifundismo e as tradicionais partillas tan habituais en Galiza, mais non o conseguiu posto que era preciso para conservar un modo de vida baseado, fundamentalmente, na agricultura e na gandería. A millora adquiría modalidades diferentes segundo as comarcas.  

O MONTE DAS TRAVESAS
Sobre este monte existe un litixio que se remonta ao ano 1867, cando o xulgado de Becerreá ditou que 82 hectáreas que reclamaban os veciños da Pintinidoira pertencían a Pedrafita do Cebreiro. Os das Nogais presentaron como proba o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII.

GUERRA CIVIL: REPRESIÓN FASCISTA
A Guerra Civil (1936-1939) produciu a arrepiante cifra de máis de medio millón de mortos. Isto sen contar aqueles que morreron de fame e por enfermidades xeradas pola guerra. Sumados os primeiros e os segundos a cifra pode acadar o millón de vítimas. Debido á represión, os fascitas asasinaron na retagarda unhas 100.000 persoas entre 1936 e 1939, e 50.000 máis na postguerra. Unha investigación rigorosa realizada polas tres universidades galegas (As vítimas, as voces, os nomes e os lugares), dirixida polo profesor Lourenzo Prieto, documenta en Galiza 3.260 asasinatos extraxudiciais (paseos e sacas), e 1.413 execucións mediante consellos de guerra (carentes da máis elemental garantía xurídica) entre os que se atopaban militares leais á República, os catro gobernadores civís, deputados, alcaldes, labregos, ferroviarios, funcionarios, médicos, mestres... É dicir, 4.673 persoas cuxo único delito foi defender a legalidade. Segundo datos tirados do grupo de investigación Nomes e Voces formado por especialistas en historia contemporánea de Galiza, na comarca galega dos Ancares, dos 147 represaliados, case medio cento foron executados e un bo número foi deportado a campos nazis en Alemaña, onde morreron a maioría. No ano 2014, veciños de Becerreá e de Ribadeo decidiron sumarse á querela arxentina contra o franquismo, denunciando ante o cónsul arxentino en Vigo casos de desaparicións e torturas de familiares seus, segundo anunciou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Esta querela promoveuna, entre outros, Darío Rivas, fillo de Severino Rivas, fusilado en 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. Familiares e as propias vítimas están facendo chegar os seus casos á xustiza arxentina, a través de consulados e da embaixada do país americano. 

O ASASINATO DE "O PELEGRÍN"
José García, "O Pelegrín", era natural de Becerreá. Foi paseado, segundo nos informou  Luis López Pombo, no monte de Reteixeira, entre As Cruces e A Alence, pola garda civil despois da guerra. Ao pouco de ser detido, a garda civil díxolle que liscara correndo, disparándolle a continuación (a coñecida como Lei de Fugas). Tiña 21 anos. O señor Ricardo (bisavó de Sergio Fernández, presidente da Asociación de Veciños de Torés que foi o que nos contou a historia), foi recoller o cadáver, expoñéndose a que o acusaran de colaborar cos fuxidos, feito que non o arredou xa que como ser humano que era non ía permitir que un morto quedara como alimento das alimarias. Sen pensalo dúas veces, mandou facer unha caixa de chopo a un carpinterio de Becerreá e enterrouno nun lateral da igrexa de Torés, no sitio onde antano soterraban nenos que morrían sen bautizar, ateos e suicidas. Segundo nos contou a señora Amada, unha veciña de 89 anos, O Pelegrín era boa persoa e nunca lle fixera mal a ninguén, asasináranno só por "falar de política". O domingo 29 de marzo de 2015, membros da Asociación de Veciños de Torés, Luis López Pombo e Miguel Freire, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica puxeron un pequeno ramo de flores vermellas no lugar onde foi enterrado O Pelegrín. O día 18 de abril de 2016, integrantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica procederon á exhumación do cadáver. A primeira hora da mañá, un bo número de veciños achegáronse ata o lugar, seguindo os traballos con enorme respecto.
 

UNHA HISTORIA DE FUXIDOS 
Despois da Guerra Civil, pola zona de Fonfría, Pallarvello, A Porfía, As Cruces e outros pobos, despregouse un batallón de Regulares procedentes de África coa finalidade de terminar cos maquis que puideran estar ocultos por estas aldeas. Entre As Cruces e A Alence, nun lugar inzado pola matogueira, deron cun grupo de fuxidos. Houbo un cruce de disparos, parece ser que moi intenso. Un soldado procedente de Monforte de Lemos, facéndose o valente, meteuse pola xesteira arriba. Un dos maquis, que o coñecía, advertiuno dende o alto: "Monforte, non te metas, que se te metes imos a matarte". Mais o soldado non fixo caso e meteuse na matogueira, foi descuberto e os fuxidos matáronno a culatazos.

CASA DAS ROXAIS 
Situada nas Cruces, na parroquia de A Alence. Contáronnos que despois da Guerra Civil aquí agochaban aos fuxidos. 

UN ANARQUISTA DOS ANCARES SOBREVIVIU ILLADO DURANTE 40 ANOS
"Aquí teño dúas balas", di Segundo, de 89 anos, sinalando a omoplata esquerda cun sorriso. "Metéromas no Segre. Logo déronme 18 pesos sen dereito a nada máis". Segundo é o único veciño de Viladicente, en As Nogais, que conserva a lembranza iniciática de Gonzalo Becerra Souto.
"Eu víao todos os días porque viviamos porta con porta", relata, no camiño embostado que conduce ao cemiterio. "Non se gaña nada facéndolle mal á xente". Ali, no panteón dos Becerra, está a lápida de Gonzalo (1910-1976), "perseguido polos seus ideais". O condutor é Ovidio Becerra. Hai un mes que Ovidio, o último de oito irmáns, decidiu doar a memoria de Gonzalo ao proxecto da Consellería de Cultura As vítimas, os nomes, as voces e os lugares.
Esa memoria, pendente de analizar, distínguese das demais. Son sete quilos de material diarístico, entre papel de barba, cuartillas e documentación con códigos cifrados da primeira guerrilla. "Era agosto de 1936 porque andabamos segando", lembra Ovidio, de 78 anos. "Miña nai viu a uns falanxistas, berroume e puíden avisar a Gonzalo e a Manuel Antonio. Pola noite empezou o labirinto". O caso é que, no canto de botarse ao monte, os irmáns politizados de Ovidio decidiron regresa á casa.
A partires daquí a historia descállase. Ovidio emigrou a Madrid a mediados dos anos 50, e conseguiu fundar unha empresa de transportes. Manuel Antonio, que non quixo incorporarse a filas, presentouse alí inmediatamente. "Comezou vendendo aparatos de radio cunha partida de nacemento falsa. Eu cro que era comunista por unha garavata coa fouce e o martelo que debeu queimar a miña nai". Ata entón, Manuel permanecera na casa paterna con Gonzalo. Os dous irmáns habilitaron unha cova de dous metros cadrados, riscando pedra e terra, no lateral onde se almacenaba a palla, agora reconvertido en baño. "Había que entrar co cú para poder saír de cara", resume Ovidio.
Ese foi o seu refuxio durante os primeiros anos da represión, cando "algúns disparaban contra as paredes por vicio", ou supostos membros da Federación de Guerrillas de León-Galicia preguntaban por Gonzalo ao amencer. O seu pai pagou o silencio co cárcere. De como sobreviviu Gonzalo durante 40 anos, rexistrando en papel "absolutamente todo", ocúpanse agora os investigadores. Sábese que facía zocas para os veciños. Ovidio traíalle de Madrid papel e novelas do Oeste. "Tamén lle paguei uns cursos por correspondencia que logo me valeron a min, e unha suscrición ao diario Ya, pero non sei que pasaba que nunca chegou á parroquia".
"Isto é único", di o historiador Andrés Domínguez, consciente do peso das vidas ocultas tras unha represión que non admite foto fixa. Domínguez entrevistou a Ovidio para o proxecto As vítimas..., que antes do verán expoñerá publicamente o balanzo de tres anos de traballo. "A familia íase ao campo e el quedaba alí coas criaturas, como un amo da casa". Dionisio Pereira, entusiasmado tamén co valor dos cartafoles, considera "moi probable" que contactara con Abelardo Gutiérrez Alva, mítico guerrilleiro anarquista de Cervantes que se uniu a Xosé Castro Veiga, O Piloto, no 1946. "O mesmo Abelardo non conseguiu enlazar coa CNT orgánica ata 1944", sinala Pereira. Alonxados das súas áreas de risco, os paisanos anarquistas quedaron cortados, como a propia Federación de Guerrillas León-Galicia, inicialmente plural e militarizada no 1945 en plena deriva estalinista.
Gonzalo, canteiro en Francia e militante da CNT tras a súa experiencia baixando carbón de Fabero a Ponferrada, en plena revolución de Asturias, non quixo saber nada da piedade invertida de Franco. "Estou ledo de non ter que sinalar a ninguén do pobo", di Ovidio, votante da UCD en 1977. Todos sabían que en San Xoán de Viladicente había un escondido, que se aparecía de noite ou amedoñaba ás mulleres que recollían cereixas.
Ao final, Gonzalo sobreviviu a Franco. "Era unha teima que el tiña. Está a caer, está a caer... Medio ano despois caeu o meu irmán, vítima do corazón". Á vista de todos e moi cerca da súa casa. (Por Óscar Iglesias, en El País do 4 de maio de 2008. Artigo traducido do castelán polos autores do blogue). 

A TOLA
Despois da Guerra Civil, ante a escaseza de gando para facer o esterco, o único xeito de fertilizar a terra era con cinsa. Para elo facían a "tola" que consistía en amorear terróns secos mesturados con leña de garrocha negra que queimaban e despois esparexían polo campo onde se sementaba centeo e avea. López Pombo aínda lembra cando os mozos de Forcas cavaban a Fulgueirosa, amontoando a broza a xeito de media laranxa. A "tola" pasaba varios días ardendo. Logo esparexían a cinsa, sementaban o centeo e ao ano seguinte segábanno cos fouciños, facían os mollos, os medochos ou martores que despois cargaban nos carros cuxos eixos ían ben apertados para que cantaran mellor.     

TRAXEDIA NA MONTAÑA: UNHA TORMENTA HISTÓRICA EN AS NOGAIS
Foi a peor tormenta que se lembra en As Nogais. Todo comezou no monte Riomao, unha tarde do día 4 de outubro do ano 1943. Din que caeron choivas torrenciais e que infernos de auga e lama se encañonaron polos vagantes dos catro regatos que descenden cara o río Navia, arrastrando todo ao seu paso. Entón a prensa non se fixo eco pero a traxedia permanece viva na memoria colectiva da poboación de Viladicente. O impacto sicolóxico levou a Anxo Eiriz Mouriz, o párroco das Nogais, a documentar os feitos, para que da tradición oral pasen a formar parte da memoria histórica do concello. Antonio Legaspi Quiroga foi testemuña de excepción. Tiña daquela 13 anos cando, xunto cun grupo de labregos que estaban a botar o pan, se refuxiou na acea do Mazo. Di que no lugar había dous ou tres burros atados que quedaran co dú pegado ao teito. Foi tamén cando viron parte dunha camisa que máis tarde se comprobou que pertencía a Manuela Poy López que morreu vítima da apavorante riada. A tormenta sorprendeu a Manuela  cando estaba co gando no lugar coñecido como O Vilar, a catro quilómetros da acea das Nogais, arrastrándoa polos cursos do regueiro Grande e o río Boullón, e xa na capital polo río Navia. O seu cadáver apareceu no rodicio do muíño, espido, aínda cunha media de la e unha ferida nunha cella. (Recollido dun artigo de Fernanda Follana, en La Voz de Galicia).


REPOBOACIÓNS FORESTAIS
As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. O estado incautouse de montes comunais para efectuar as plantacións, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das aldeas subiran a pastar o gando. 

O MARCO DA CASA DE CHANCIA
A Casa de Chancia atópase na parroquia de Nullán, no concello das Nogais. Segundo me achegou o investigador e escritor Luis López Pombo, que naceu neste casarío, na casa consérvase un fito que dividía as xurisdicións de Doncos e Torés, e os curatos de Fonfría e Nullán. Desta pedra chantada viría o nome de Chancia (Casa do Chanto). A casa menciónase nun documento do mosteiro de Samos do ano 1450, en que os monxes a aforan a uns veciños da Alence. Na actualidade o marco atópase baixo os cascallos da parte derruída da vivenda. Luis díxome que o marco non se podía sacar da casa nin mover do lugar xa que tal feito lles podía carrexar problemas coas xustiza.

O ASASINATO DO XUÍZ JOSÉ RAMÓN FERNÁNDEZ DÍAZ 
O licenciado en Dereito José Ramón Fernández Díaz, natural do concello de As Nogais, era fillo de José Ramón Fernández Valcarce, que dende o seu despacho de Becerreá exercía como avogado nos partidos xudiciais de Becerreá e Lugo. Despois de rematar o bacharelato, no ano 1902 ingresa na Facultade de Dereito e Ciencias Sociais de Santiago de Compostela onde participa nas tertulias do Café das Monxas. No 1905 vaise para Madrid onde remata a carreira. Obtén o seu primeiro traballo como xuíz nas Illas Canarias. 
Despois de varios anos ascende a maxistrado, tomando posesión na Audiencia de Tenerife da que chegou a ser presidente. Transcorría o mes de setembro de 1935 cando se produciron diversos conflitos relacionados coa actividade tabaqueira. Por razóns pouco claras (oficialmente foi para acompañar á súa muller á Península para ser operada), o gobernador civil Enrique Malboyson tivo que delegar o seu cargo en José Ramón Fernández Díaz, Presidente da Audiencia, que da noite para a mañá viuse na obriga de adoptar unhas desagradables medidas ordenadas polo ausente gobernador ante a convocatoria dunha folga xeral. A pesares da tensión que se vivía na illa, don José Ramón non variara os seus costumes, como o de dar os seus paseos habituais. Foi o día 10 de outubro de 1935, cara as once da noite, cando paseaba pola Praza de San Fernando, cando dous descoñecidos se aproximaron ata el e lle dispararon na cabeza, peito e baixo ventre, falecendo pouco despois de seren trasladado á Casa de Socorro. Ao día seguinte a policía detivo a un xove, e nos seguintes a outras once persoas, mais o caso tivo que arquivarse por falta de probas. O asasinato nin as súas causas nunca se aclararon.
A noticia axiña chegou ás Nogais. O xuíz do distrito Benito Pombo Somoza e os notarios Manuel Pardo de Vera e José Manuel Orol Balseiro organizaron un funeral na igrexa de Santa María Madalena das Nogais, ademais dunha homenaxe diante da súa casa natal en cuxa fachada se colocou unha praca de mármore que di: "A la memoria del Ilmo. Sr. D. José Ramón Fernández Díaz, presidente de la Audiencia de Santa Cruz de Tenerife, muerto en cumplimiento de su deber en dicha ciudad". A casa consérvase fronte ao Concello das Nogais.
O xornal El Progreso do día 11 de outubro fíxose eco na noticia, sinalando que "Durante el entierro del señor Fernández Díaz, que tuvo lugar esta tarde, el cementerio cerró sus puertas. La opinión general es que se trata de un atentado de carácter social ya que últimamente el señor Fernández, como gobernador interino, intervino en el asunto de los tabaqueros, despertando la animadversión de los elementos extremistas". (Información recollida do libro de Luis López Pombo, Lucenses de Cuna y Vínculo. Biografías y Genealogías, 2003).
No periódico ABC do día 10 dise que José Ramón Fernández Díaz foi asasinado cara as 11,30 da noite cando entraba no seu domicilio, situado no Pazo de Xustiza, por dous individuos que lle dispararon tres tiros na cara. Conta ademais que os asasinos fuxiron e que antes estiveran no Casino á espera de que chegara. Despois de asasinalo, un dos agresores tirou a arma ao chan que logo foi recollida pola policía. 
O xornal da época La Gaceta de Tenerife, di que naceu en Santa María de Cascallá, en Becerreá, o día 16 de novembro de 1886, e que o bacharelato, en vez de en Lugo, fíxoo en Vilafranca do Bierzo. Ademais dos lugares citados máis arriba, tamén estivo destinado en Badaxoz, Ourense e A Coruña. Foi no 1929 cando foi nomeado Presidente da Audiencia de Tenerife. A arma que deixaron os asasinos era unha Astra do calibre 9, xunto dela tamén se atoparon catro peites de balas. Don José Ramón casara en Icod (localidade canaria onde tivo o primeiro destino) con María Tabares "de distinguida familia tinerfeña". Ademais da viúva, deixara cinco fillos, tres homes e dúas mulleres.
Houbo quen relacionou o asasinato con motivos políticos. Dise que as persoas sospeitosas que nun principio foran detidas, saíron ceibes polo triunfo do Frente Popular, se ben se cre que estas afirmación débense máis ben ás intoxicacións que daquelas propalaban individuos de "derechas y católicos", tal como escribe Manuel de Paz Sánchez no seu libro Masones en el Atlántico.
 

O PEDÁNEO
Cada parroquia tiña un pedáneo. Era nomeado polo alcalde do Concello. Residía, habitualmente, na aldea onde estaba a igrexa parroquial. Representaba ao alcalde e transmitía e publicaba os bandos da alcaldía, colocándoos na porta da igrexa, das tendas, das tabernas e naqueles lugares máis frecuentados pola veciñanza. Tamén actuaba de mediador e transmitía ao alcalde as necesidades de cada aldea. Así mesmo era o encargado de propoñer rogativas para chamar a choiva, e novenas ao San Antonio para curar as enfermidades dos animais. Certificaba a defunción das persoas que non foran vistas polo médico, organizaba os traballos e vixiaba o bo funcionamento dos fornos e dos muíños comunais. Tamén podía haber un pedáneo de aldea que era o que tiña que dar conta ao pedáneo da parroquia. Nas Nogais, unha aldea tiña que ter cinco casas para poder ter dereito a pedáneo. 

NON HABÍA FESTA SEN LIORTA
As liortas entre os mozos das parroquias dun mesmo concello eran bastante frecuentes en Galicia. Había casos en que os mozos eran axudados por homes de idade, e mesmo polas mulleres. Ata mediados dos anos cincoenta do pasado século XX os de Nullán loitaban con paus, navallas e incluso con pistolas cos mozos das freguesías colindantes. Non era infrecuente que houbera feridos graves, mesmo mortes. Unha das razóns principais destas liortas eran as mozas. 

LIORTA EN NULLÁN
A liorta produciuse a principios dos anos trinta do pasado século XX. Por aquelas datas andaban os mozos de Forcas máis algúns da Casa de Chancia moi pelexados cos de Nullán, desputa que que xa viña de vello. O caso é que a pelexa xa estaba pactada, incluso coa data fixada. Foi na festa de Nullán, o herdeiro da Casa de Chancia, Baldomero Pombo Carballo estrenou uns calcetíns de la que lle fixera a súa nai, e el dixo: "Pobres calcetíns que día vais a ter", frase que fixo que a súa nai, Dolores, o acompañase, xunto cos outros irmáns, á misa e á festa. Xa en Nullán, Baldomero xuntouso cos mozos de Forcas, entre outros un primo seu da Casa de Pombo. Rematada a misa, uns mozos de Nullán adiantáronse á saída da igrexa e esperaron aos de Chancia e aos de Forcas a ambos os lados da porta da entrada, onde está o cabido e a torre do campanario. Cando saíu Baldomero, un de Nullán tratou de cortarxe a gorxa cunha navalla de barbear, pero Dolores, a nai, deuse de conta e botoulle a man á cabeza, recibindo unha cortadela no pescozo que ela mesma envolveu cun mandil para que non se desangrara, ferida da que tardou varios días en curar, mesmo lle tiveron que coutar a hemorraxia coas borras das boinas raspadas cunha navalla; da ferida quedoulle para sempre un costurón moi visible. O peor parado foi o seu primo da Casa de Pombo, en Forcas, pois debido a un disparo de pistola quedoulle unha bala alonxada no entripado; non foi operado e morreu a berros oito días despois. A garda civil levantou acta do asunto. No xuízo, celebrado en Becerreá, os atacantes foron condenados a unha mínima condena no cárcere, pois parece que tanto as testemuñas como o mesmo xuízo foron amañados. Ao estourar a Guerra Civil, o cabecilla meteuse no exército e chegou a sarxento. Outros protagonistas marcharon á emigración; o veciño de Chancia marchou coa súa muller e dous nenos para Arxentina onde aínda quedan descendentes. O caso da liorta de Nullán foi tan soado que incluso se fixo eco dela o xornal arxentino Clarín.
(Estas historias achegóunolas o investigador Luis López Pombo). 
 

A FEIRA DA CEBOLA
O día do Santo André, o 30 de novembro, facíase unha feira anual na parroquia de Santo André coñecida como Feira da Cebola que deixou de celebrarse no ano 1910. A esta feira acodían xentes da comarca do Bierzo para comerciar con produtos de tempada e outras mercadorías, expoñendo os cestos nos muros do camiño que subía de Santo André a Vilar e tamén ao longo da Campa do San Xoán, lugar onde se facía a "Corrida do Galo" fronte da capeliña, hoxe en día desaparecida. Os do Bierzo chegaban a través do coñecido como Camín Vello que dende Pedrafita do Cebreiro pasaba pola Ferrería de Bois e Casas da Serra para logo subir cara a Serra de Xuncedo e dende aquí baixar ao val de Santo André polo camiño que pasa a carón do antigo castro. Un veciño contaba os laios dunha muller que vindo dende O Bierzo cun cesto sobre a cabeza onde levaba cousas de barro, perdeuno todo ao lle caer o cesto e romper todos os cacharros cando xa estaba a piques de chegar á feira. Os naturais doutros pobos da comarca chamábanlle despectivamente aos de Santo André "Ceboleiros" debido á feira que facían. (Achegada por Abel Iván Arias Alba). 

A FESTA DA COFRADERÍA
Ata primeiros dos anos trinta do pasado século XX celebrábase en Santo André a coñecida como Festa da Cofradería. Para elixir o ramista entre os irmáns confrades sorteábase un ramo que estaba posto aos pés da Virxe do Rosario, altar situado á esquerda do maior. O confrade elixido tiña que percorrer a parroquia recadando para facer a festa cereais (trigo e centeo), lacois, touciños, xamóns, etc., que logo eran subastados, facéndose cargo da subasta o cura párroco. (Achegada por Abel Iván Arias Alba). 

SEGREDO DE CONFESIÓN
Manuel Vidal Roca era un crego que vivía na reitoral de Santo André, casa situada xunto a igrexa parroquial que aínda hoxe en día continúan a chamarlle A Casa do Cura. Na Festa da Cofradería facíase unha confesión xeral aos veciños polo que, para axudar á misa e ás confesións, ían curas doutras parroquias dos arredores. Unha mañanciña presentóuselle a un dos curas unha muller que lle contou a súa vida, incluída a máis "lixeira". O cura quedou apampado da luxuriosa vida da muller. Cando os curas se foron a xantar, o crego confesor non puído calar e díxolles que o par da muller que fora onda el de primeiras a confesar, non había outra no mundo de Deus que lle fixese sombra en menesteres. Mentres lles relataba aos da mesa o que lle contara a muller no confesonario, entrou a criada do párroco no comedor e, dirixíndose a el, soltoulle: "Tome vostede de primeiro, padre, por ser eu tamén a primeira a quen confesou". (Achegada por Abel Iván Arias Alba). 

O SOUTO DE ROBLEDO
Dise que aquí aparece o diaño. 

O CASTRO DE SINLLÁN
Atópase no evocador Monte da Medorra, en Sinllán, parroquia de Nullán. A mediados do pasado século XX apareceu na aldea de Sinllán un mozo na procura de traballo. Un veciño, a cambio de cama e mantenza, propúxolle que lle coidara do gando. O home aceptou. Día tras día, o descoñecido guiaba o gando cara os prados do castro. Canda el levaba sempre un misterioso libro que non mostraba a ninguén. Segundo as testemuñas, ao chegar ao lugar escavaba aquí e acolá cunha aixada, e así un e outro día, fose laborable ou festa de gardar. Mais un bo día o mozo non regresou á aldea. No lugar onde o viran por última vez só atoparon a aixada e unha gran focha onde, din, se agochaba un tesouro. (Recollida polo autor do blog).
  
O CASTRO DA FONTE DO CANDO
Na aldea da Fonte do Cando, parroquia de Santo André. Dise que no castro hai agochado un xugo de ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O CASTRO DE VILAESTEVA
En Vilaesteva, parroquia de Torés. Uns veciños contáronme que no "tempo da fame" (despois da Guerra Civil), ante a escaseza de gando para facer o esterco, o único xeito de fertilizar a terra era con cinsa. Para elo "facían a tola" que consistía en amorear terróns secos mesturados con leña que queimaban e logo esparexían polo campo onde sementaban centeo e avea. Nunha ocasión, ao rematar a operación de queimado, apareceu baixo a cinsa unha vasilla feita anacos, pero o que máis chamou a atención foi un po moi brillante que, disque, ero ouro. (Recollida polo autor do blogue).

O MONTE DO CASTRO
No moi lonxe do castelo de Torés hai un monte coñecido como o Monte do Castro onde aínda se poden ver os restos dun asentamento da Idade do Ferro. No castro vivían os mouros (a uns 400 metros está a Cova da Moura) e que un túnel comunicábao co castelo de Torés e o río. (Recollida polo autor do blogue).

A COVA DA MOURA
Atópase a pouco máis de 400 metros en liña recta do castro de Torés, situada nas inmediacións do regueiro da Moura, da que se di comunicaba por un túnel co castelo e o castro. Un día, unha moza que estaba a coidar das ovellas nas proximidades dunha pena en cuxo bico nace un manancial e que disque foi levada ata alí por unha moura, dixo: "Moura, dáme a túa riqueza". Foi pronunciar estas palabras e alí se lle apareceu este mítico ser quen lle dixo que se quería ver cumprido o seu desexo tiña que ir para a casa pero que baixo ningún concepto podía ver, ata chegar, o que levaba envolto no mandil. Mais á rapaza superouna a curiosidade e polo camiño quixo comprobar que agochaba no mandil. Nada máis abrilo, o único que viu foron un montón de cagallas de ovella. Desilusionada, sacudiuno para limpalo. Mais cal foi a súa sorpresa que cando chegou á casa viu que un par de cagallas se converteran en moedas de ouro. Ela mais a nai volveron onde sacudira o mandil, pero xa non atoparon nada. (Achegada por Sergio e Miguel da Asociación de Veciños de Torés).
 

A COVA DO PANDO
Na parroquia de A Alence. Disque que nesta cova eran arroxados os soldados do exército napoleónico durante a Guerra da Independencia. Cóntase que só un soldado conseguiu escapar con vida, meténdose por un sumidoiro que dá ao regueiro da Fontela. Unha moza, que estaba a gardar o gando, cando o viu acodiu no seu auxilio, levándoo ata a aldea de Forcas onde os veciños lle curaron as feridas. Mais o seu sino viña marcado, ao día seguinte partiu cara o Hospital da Condesa, en Pedrafita do Cebreiro, onde foi apreixado e logo decapitado. 

A COVA REDONDA
Na parroquia de Torés. En tempos tiraban nela os animais mortos. Contan que unha vez meteran unha cadela que foi saír á croa do castro de Torés. Nunha ocasión caeu nela unha vaca que estaba para parir; conseguiron sacala e pariu ben. (Achegada pola señora Amada de Torés). 

A COVA DO BURRO
Na parroquia de Torés. Dise que nela tiraban os animais mortos. (Achegada por Sergio, presidente da Asociación de Veciños de Torés).  

PENA DA CAMPIÑA
Na parroquia de Torés, non moi lonxe da Cova da Moura. Trátase dunha pena dunha enorme pena de xisto que se atopa apoiada sobre outras catro de menor tamaño. Na parte máis alta da rocha hai unha profunda pía con auga que, disque, nunca seca. Segundo a lenda a pena subiuna unha moura mentres fiaba na roca. A señora Amada, de Torés, contounos que nesa auga a xente lavaba as mans para curar as espullas mentres se recitaba: "Auga de pena sol que se enxuga, quítame daquí esta verruga". 

A PENA CHÁ
En Santo André das Nogais. Dise que debaixo ten unha ola de ouro e outra de alcatrán. Se non tes sorte e das coa de alcatrán arden sete leguas ao redor. (Achegada por Abel I. Arias Alba).  

A PENA FURADA
En Lama da Vila, na parroquia de Santo André das Nogais. Trátase de dúas covas, unha tapada na actualidade. Cóntase que dende aquí baixaban os mouros cara San Martín da Ribeira (Cervantes) para roubarlle as vacas aos gandeiros do val. As mulleres dicíanlle: "Pisade allo, pisade allo, que carne imos traer". Tamén se conta que unha moza que estaba embarazada foi a parir á pena, deixando alí ao recén nado; a nai da rapaza subiu ata o lugar, crendo que ía atopar morta á criatura, mais cal foi a súa sorpresa ao ver que estaba viva. (Achegada por Abel Iván Arias Alba máis a súa nai). Ignacio Ruiz López conta que durante e despois da Guerra Civil serviu como refuxio dos fuxidos.
 

O CHAO DAS OLAS E A LEIRA DOS FORNOS
Na parroquia de Santo André das Nogais. No lugar apareceron restos cerámicos. Un pouco máis arriba hai unha cova escavada na rocha das que se di aparecíase unha muller cantando acompañada por lobos. (Achegada por Abel Iván Arias Alba).    

FONTE DO REGUEIRO DE FORCAS
O regueiro nace a uns 600 metros da Casa de Chancia (Nullán), na cima dun prado de Sabugos. Levaba a auga por un rego ata a dita casa, que logo foi encanada polo pai do escritor e investigador Luis López Pombo. Na fonte había unha lenda que dicía que na galería da rocha onde nace había agochadas tres olas de barro, unha tiña mirra, outra ouro e a terceira unha serpe grande e perigosa. O caso foi que o avó de Luis, Baldomero Pombo Aira e máis un criado que había na casa, andiveron cavando e quitando cascallos da galería. Deron cunha lousa, pero que non tiña ouro senón unha víbora viva.

O CASTELO DE TORÉS
Cóntase que cando os discípulos do Apóstolo Santiago chegaron a Iria Flavia (Padrón) cos restos do santo, achegáronse ata o castelo da raíña Lupa para pidirlle axuda para trasladar o corpo. Lupa díxolles que tiñan que solicitar a utorización de Filotio, legado do emperador de Roma. Mais este, desconfiado, ordenou prender aos discípulos e guindalos a unha escura mazmorra da que foron liberados por un anxo. As lexións romanas saíron na súa busca e, cando xa estaban a piques de collelos, a ponte que viñan de cruzar os discípulos derrubouse. Ao enteirarse do feito, Lupa converteuse ao cristinianismo. Outra versión conta que a raíña deulles uns bois e un carro para transportar ao Apóstolo, mais, cando chegaron ao Illicino (o Pico Sacro), os bois transmutáronse en touros bravos. Os atemorizados seguidores de Santiago, prevendo a súa fin, fixeron o sinal da cruz e, de súpeto, os touros amansaron. É entón cando a raíña Lupa abraza a fe cristiana e, para conmemorar o prodixio, mandou contruír o castelo de Torés como totem aos touros que transportaban o corpo do Apóstolo. Outra lenda, relatada por Frei Xerónimo Pardo en Historia del Apóstol Santiago, afirma que foi dono da fortaleza Lobo Loberio, señor do castelo Lupario, nomeado Régulo por Augusto. Conta tamén que o seu fillo Loberio Rivano casou con Caia Valeria. Loberio tiña un pazo preto de Vigo, e un día, estando xunto o mar, viu a nave que conducía os restos do Apóstolo e un lampexo no ceo en forma de cruz. O cabalo que montaba meteuse no mar e Loberio saíu con varias cunchas apegadas á roupa. Desa lenda xurdiu a pedra de armas dos Ribadeneira, que ten unha cruz en cuxos brazos hai unha cuncha.

A TORRE DE DONCOS
Erixida na segunda metade do século XV á beira do río Navia. Do antigo castelo continúa en pé a torre da Homenaxe. Situada xunto unha calzada romana, defendía a entrada a Galiza. Coñécese tamén como Castelo da Anca pola lenda que narra que durante a Reconquista un dos trece cabaleiros que estaban para defender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela viu como unha parella de cristiáns era atacada por un grupo de sarracenos. Un eles tomou prisioeira á muller, e con ela montada na anca do seu cabalo tentou fuxir. Mais cando o árabe xa estaba ía ser atrapado polos cabaleiros, desenvaiñou o seu alfanxe e dun talo degolou á moza para que ninguén gozase da sua beleza.
 

IGREXA DE SANTO ANDRÉ DAS NOGAIS
Segundo a tradición, xunto a igrexa parroquial de Santo André das Nogais existiu un antigo eremitorio convertido en mosteiro e do que non quedan restos visibles.
A igrexa conserva restos de tres estilos arquitectónicos, os máis antigos van dende o século VII ao século IX. Tanto no exterior coma no interior pódense ver varios elementos decorativos reutilizados, ademais da inscrición da fundación do templo. Nun dos contrafortes do edificio hai insculpidos un círculos concéntricos con coviña central, apreciándose tamén dous radios que parten dela.
No interior vese unha porta, tapiada na actualidade, que recibe o nome de Porta da Penitencia. Descoñécese con exactitude a que debe o nome, uns din porque era utilizada polos monxes do primitivo cenobio para facer penitencia, outros que por ela pasaban os reos para expiar os seus pecados. Tamén dentro hai unha Virxe que popularmente recibe o nome de Virxe da Portería que hai moitos anos levou o cura para non se sabe onde por motivos, dixo, de seguridade; cando a imaxe volveu de novo, os veciños aseguraron, e os que coñecían a talla continúan a asegurar, que non se trataba da orixinal.
Hai anos, cando a reforma e ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa, saíron á luz varias tumbas feitas con laxes que foron destruídas. Descoñécese tanto a época de pertenza como a quen enterraban nelas. Uns din que puideron corresponder aos monxes que habitaban no mosteiro, hipótese que non convenceu a todos os vecios xa que tamén apareceron tumbas de pequeno tamaño que se dicía eran onde enterraran aos fillos dos monxes. 
Dous canzorros que se hai debaixo do aleiro da ábsida románica, din que representan á Sede e á Fame, alegoría do duro que era o traballo nestas terras. 
   

 

AS FERRADURAS DA IGREXA DE SANTO ANDRÉ
Os rapaces teñen ese don da curiosidade para preguntar sobre cousas ou detalles que lles chaman a atención. Unha desas curiosidades dos nenos da parroquia de Santo André era saber que eran as marcas que hai insculpidas nas pedras da porta da igrexa. Cando lle preguntaban ao cura o significado daquelas marcas en forma de ferradura, unhas postas a un xeito e outras ao outro, contáballes: "Cando naceu Cristo, Herodes deu a orde de matar a todos os recén nados. Enterada a Sagrada Familia da orde ditada polo rei, a Virxe, San Xosé e o Neno fuxiron do portal de Belén a lombos dun burriño. Entón, para desorientar aos soldados que os perseguían, cambiaron as ferraduras do burro de xeito que as marcas das pegadas fixeran un rastro ao revés do camiño que eles levaban". (Achegada por Abel Iván Arias Alba).
 

MARUXA, O MUÍÑO E O TRASGO
No camiño entre Santo André e Lama da Vila baixa un regueiro onde noutro tempo houbo algúns muíños. Un destes muíños traballaba día e noite para que moeran os veciños que viñan dende os pobos dos arredores. Tal foi o caso de Maruxa, unha muller de Lama da Vila que á atardecida dun día do mes de decembro, con vento e choiva, sentou a carón da lareira para quentarse, á espera de que rematara a moenda. O muíño, do que aínda se poden ver as súas ruínas, era un edificio escuro cuxa única claridade a proporcionaban a luz que entraba por dúas pequenas bufardas polo día e polo lume da lareira durante a noite. Pola media noite entrou no muíño un home moi alto, cuberto por unha capa negra e unha carapucha que, entre a penumbra, non lle permitira verlle a cara a Maruxa para saber de quen se trataba. O descoñecido sentouse nun escano fronte a muller e comezou a sacar alimachas dun cesto e a cravalas nun espeto. Morta de medo, Maruxa miraba para o home mentres asaba no lume as alimachas. Despois dun chisco, o estrano púxose a comer as alimachas asadas. Foi entón cando Maruxa puído ver uns dentes desfigurados e longos. Mentres o miraba atemorizada, unha voz que semellaba vir do inferno saíu da gorxa do home: "Asadas e revoltas, Maruxiña... Queres delas? Maruxa, presa polo pánico, fuxiu do muíño, correndo ás escuras polo camiño da Senra e deixando detrás dela a moenda na moxega e a besta no alpendre do muíño, correndo o máis rápido que lle permitían as súas pernas para alonxarse do trasgo. (Achegada por Abel Iván Arias Alba). 

A PENA DO PEIDO
No monte da Chouliña, na parroquia de A Alence, enfronte de Pando, e preto do risco de penas da Serra do Rañadoiro, pero xa na vertente das Nogais. É de forma circular, a modo de mesa camiña. Cando había rabaños de cabras e ovellas os pegureiros subíanse a ela para gardar o gando e espaventar o lobo. (Achegada por Luis López Pombo). 

A ORIXE DO APELIDO BOLAÑO 
Etimoloxicamente quizais proceda do nome persoal Bullanius. Para Carré Alvarellos é un diminutivo de bouza, latín baltea. Outros autores fanno derivar do latín bolanus e do grego Bola, antiga cidade do Lacio, máis o sufixo latino aneus, nativo de. Nalgunhas partes de Galicia tamén chaman así ao xastre. Mais a tradición e a lenda dánlle outre orixe a este apelido que levaron algúns dos señores do castelo de Torés. Conta Felipe de la Gándara, na súa Armas y Triunfos de Galicia, que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falla, argucia que enganou aos árabes que optaron por marchar. Semellante relato describe o doutor Pallares na súa Argos Divina. Teodosio Vesteiro Torres, en Recuerdos de Galicia, precisa que asedio árabe aconteceu nunha das últimas mañás de setembro do 997, e que o conde Bolaño non se chamaba Diego senón Fernando. Amor Meilán, en Historia de la provincia de Lugo, outorga o protagonismo ao conde Pallares no ofrecemento do pan e ao conde Bolaño o do año. Un cuadro de Modesto Brocos reflicte a defensa de Lugo, lenzo que formaba parte da pinacoteca do Centro Galego da Habana e do que na actualidade nada se sabe. De aí que os deste apelido teñan na súa pedra armeira un bolo e un año. O Licenciado Molina refírese a el nestes versos: "También en Galicia vereis los Caamaños/Notorios solares y buenos hidalgos/Hay otros antiguos que son Aguilares//Que ya de muy lejos se pierden los años/Con estos se abrazan los viejos Bolaños". Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e á súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III.
 

A ERMIDA
Lugar divisorio entre as parroquias de Torés e Viladicente (As Nogais) e Morcelle e Guillén (Becerreá). Segundo a tradición, aquí reuníanse os curas das catro parroquias para comer. No sitio hai unhas pedras que disque pertenceron aos alicerces dunha antiga capela. (Contada por Xoque, de Riomao, As Nogais).
 

O CHORCO DOS LOBOS
Nas Fontes, na parroquia de Doncos, aínda se conservan os restos dun chorco dos lobos (foxo para cazar lobos). Unha vez caeron no chorco o lobo e un dos homes que o perseguía. Contan que dentro do foxo non se sabía quen estaba máis amedoñado, se o animal ou o humano, mirándose fixamente o un ao outro. Como o resto dos perseguidores non lle podían tirar as pedras ao lobo por medo de ferir ao home, tiveron que abrir a gateira. O lobo, aproveitando aquela imprevista oportunidade, saíu primeiro, evitando así a súa morte. Na actualidade o chorco está tapado debido a que nel tiñan caído varias vacas. 

UN TELEGRAFISTA NAS NOGAIS  
Emilio Novoa de la Vega naceu o 11 de xaneiro de 1852 no Barco de Valceorras, era fillo de Manuel Novoa Cubeiro e de Antonia de la Vega Diéguez. Tanto os pais coma os avós paternos eran propietarios de varias viñas en Punxín. O avó materno, Manuel de la Vega Alonso, posuía unha boa biblioteca que espertou a afección de Emilio polos clásicos e a Filosofía, e leváronno a dominar perfectamente o latín.
Cando as letras semellaban que ían ser o seu futuro, sendo mozo viu unha sala de equipos de telegrafía. Quedou tan impresionado que decidiu mudar as letras polas ciencias. Tras estudar o bacharelato en Ponferrada, aprobou con 17 anos os exames de ingreso no Corpo de Telégrafos. Corría o ano de 1869. Foi nomeado telegrafista no 1871, sendo Barcelona o seu primeiro destino. Mentres duraron as eleccións ás Cortes, do 3 ao 6 de abril de 1872, foi destinado a Figueres. Posteriormente acadou destino en Lugo, e no 1874 fíxose cargo da estación das Nogais onde se fixo amigo do médico da zona, Gaspar González Gómez, casándose coa filla, Amalia González de Balboa, o 13 de novembro de 1880 en Doncos. Tiveron catro fillos. 
Emilio Novoa de la Vega tivo no seu destino das Nogais certos problemas co alcalde. Por un acordo entre o Concello e o Corpo de Telégrafos, o municipio pagaba o aluguer da Casa-Estación de Telégrafos. O alcalde quería anular ese acordo antes de que rematara o prazo, atopándose coa oposición de Emilio Novoa que pouco despois, no ano 1875, tras unha "xestión" entre o alcalde e o gobernador civil, foi destinado a Santander.
No 1876 conseguiu volver para Galicia, destinado para Vigo. No 1877 foi destinado de novo para As Nogais, sendo nomeado Xefe de Estación varios anos despois, no 1893. Logo pasou por diferentes destinos ata ser o xefe de Reparacións na Coruña no ano 1894. En xullo de 1898 foi nomeado subdirector, alternándose entre Ourense, Lugo e A Coruña. Foi nesta última cidade onde presentou unha memoria dun invento seu, consistente nun aparato para a renovación dos condutores telegráficos sen ter que interrompir o servizo nin producir cruces. O aparato foi ensaiado con éxito en outubro de 1911 nas liñas da provincia de Toledo. 
A súa carreira profesional continuou co ascenso a director no 1906. No 1910 foi nomeado xefe de Centro, vivindo entre Ourense e A Coruña. No 1914 foi ascendido a inspector do corpo. Finalmente, no 1915 conseguiu o posto de interventor do servizo público no Ministerio da Gobernación onde non durou moito tempo pois sufriu toda clase de presións de tipo político que non estivo disposto a tolerar. Xubilouse anticipadamente no 1916, retirándose en Doncos onde mercou unha casa que pertencía á Casa de Alba onde viviu ata a súa morte acontecida o 23 de xaneiro de 1923 aos 71 anos.

 A MULLER DO VEO GRIS
As nosas informantes non se puxeron de acordo onde sucedra a historia, unha que na Alence (As Nogais), a outra que en Lamas de Biduedo (Triacastela). Pero iso é algo que carece de importancia, unha e outra parroquia, aínda que situadas en distintos concellos, atópanse case a tiro de pedra, e ata ben pasada a segunda metade do pasado século as relacións entre a veciñanza de ambas as dúas aldeas era, pódese dicir, diaria. No que si concordaron as dúas mulleres foi no desenvolvemento dun estrano suceso ocorrido hai máis de cen anos.
Polos datos que non achegaron, debeu de acontecer a principios do século XX, dez ou quince anos antes do nacemento dos seus pais.
Daquelas, as vías de comunicación que enlazaban a cabeceira da parroquia co resto das aldeas convertíanse, cando chegaba o inverno, en intransitables camiños, ben fose porque unhas veces os cubrían a neve ou porque cando chovía inzábanse de lama.
Debido a unha grave doenza, o párroco tivo que ser trasladado para Lugo. Como o inverno xa chegara, os veciños sabían, como pasaba sempre, que o Bispado non ía mandar ningún substituto, só enviarían un cura en caso de forza maior, un enterro, por exemplo. E iso se a nevarada o permitía, non era a primeira vez que o defunto tiña que estar de corpo presente máis dos tres días de rigor.
Por iso quedaron pampos cando un día de forte zarracina e mesta nevarada, que nin os lobos se atrevían a saír dos seus cubiles, chegou ao pobo un novo cura. Viña montado nun cabalo, e canda el traía unha maleta. Os veciños axiña se prestaron para acomodar o cabalo na corte e axudar ao crego a instalarse na reitoral. Era un home alto, pelo negro e aspecto agradable, a impecable sotana nada se parecía á raída que vestía o vello párroco. A xente nada lle preguntou, todo o mundo daba por suposto que viña de parte do Bispado. O nome díxollo el: Benito.
Á atardecida de todos os días da semana, don Benito rezaba o rosario e dicía misa na igrexa. Mais non só iso, dende o primeiro momento ofreceuse a recoller e levar o correo (supoñemos que en Triacastela ou nas Nogais) todos os sábados. A súa amabilidade chegaba a tal punto que incluso escribía as cartas que lle ditaban, e sempre estaba disposto axudar a quen o precisara.
Pero iso non foi todo. A monotonía da aldea viuse alterada de novo o domingo. Pouco antes da misa da mañá, diante da igrexa parou unha carruaxe cuberta tirada por dous cabalos. O condutor, ben abrigado do frío, baixou do pescante e abriu a porta. Do coche descendeu unha muller elegantemente vestida, a súa cara era tan branca que case non se distinguía da cor da neve. A cabeza estaba cuberta cun veo gris de encaixe, prenda, concluíron os presentes, que denunciaba a condición social da visitante, o veo contrastaba cos fortes panos negros anoados ao queixo das demais mulleres. Durante a misa, a descoñecida permaneceu de pé xunto a penumbrosa entrada, detrás de onde sentaban os homes (as mulleres sentaban nos bancos dianteiros). Rematados os actos relixiosos, montou no carruaxe e partiu. Ninguén lle atopou explicación. Primeiro pola ousadía de arriscarse a vir á misa con semellante tempo, e segundo que era o que lle atraía daquel lugar.
Durante as tres semanas seguintes, don Benito continuou coa súa rutina, e a elegante muller tocada co veo gris de encaixe asistindo en silencio á misa dominical.
O cuarto domingo, os veciños e as veciñas quedaron sorprendidos cando á entrada da igrexa os recibiu o vello párroco. Despois de interesarse pola súa saúde, preguntáronlle polo cura que o substituíra durante a súa ausencia. O párroco, confundido, aseguroulles que o Bispado non enviara a ninguén, estranáballe que non o informaran, pero de todas formas xa preguntaría. Ese domingo tampouco apareceu a elegante muller, de seguro, teimaron, que se fartou de troupelear por aqueles camiños deixados da man de Deus.
Mais todo mudou cando o cura, antes de comezar a misa, lle preguntou aos asistentes, con voz grave, que era aquilo que había por riba do altar. Unha persoa tras outra foise achegando ata o altar e o que viron deixounos de pedra.
Cando as nosas informantes chegaron a aquel punto, durante uns segundos esperamos, ansiosos, a solución do emocionante, e de seguro ultraterreal desenlace. A resposta no tardou en chegar: debaixo dun veo gris de encaixe había vinte billetes de cincoenta pesetas. Mil pesetas! 
Si, así nos quedou a nós a cara!

O CEMITERIO DE TORÉS
Na actualidade, o cemiterio de Torés arrodea a igrexa parroquial. Mais ata non hai moitos anos, un dos laterais do templo reservábase para os nenos que morrían sen bautizar, suicidas e ateos. Aquí tamén recibiu sepultura José García, O Pelegrín, asasinado polos fascistas despois da Guerra Civil.  

MARCO DO VAL DE SOLLEIRO
En tempos, este marco, situado a uns 1.280 metros de altitude, actuaba como linde entre os concellos de Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Na actualidade actúa como divisorio entre Cervantes e Pedrafita, feito que moveu ao Concello das Nogais a unha desputa co de Pedrafita porque, disque, se apoderou de terras que dende antigo lle pertencen.
 

UN TESOURO ENTRE TRES FONTES
"Entre as fontes do Sulimán, da Arqueira e da Medrosa Tenebrosa hai un xugo de ouro que gastan as cabras coas patas". (Recollida polos autores en Vilar de Cucos, Cervantes, e A Lagúa, As Nogais).

Colectivo Patrimonio dos Ancares