* Historias do Convento


Conta Vázquez Saco no ano 1947 que o pouco que se escribiu sobre o mosteiro de Santa María de Penamaior, erixido nas abas da Serra do Pico, en Becerreá, é a veces confuso e contraditorio. O lugar coñécese aínda hoxe en día como O Convento por onde tamén discorre o rego do mesmo nome. Sobre a data de fundación existen varias opinións, créndose que no sitio houbo outro cenobio bieito anterior ao cisterciense. Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo no século XIX, inclúese unha reseña dun monxe anónimo de Penamaior que di que en tempos de Vermudo II O Gotoso, cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, instalándose onde logo se levantou o mosteiro. Continúa o anómimo monxe que "es muy probable y no poco fundado en privilegios y otras escrituras del archivo del monasterio de Samos, que este monasterio de Panamayor fue aquel célebre monasterio de la Peña, cuyo abad D. Virila dio monjes y libros para repoblar y restablecer el monasterio de Samos, que se hallaba desierto y abandonado, reinando D. Orodoño II". A fundación, segundo o informante, tivo por fin "recivir a diferentes peregrinos y enfermos que pasavan al Sr. San Tiago". Suponse que este Virila é o mesmo que figura nun documento do ano 919 relacionado coa fundación do mosteiro de San Pedro de Triacastela. Villa-Amil y Castro cita unha doazón que no ano 1171 fixo o conde Gómez á abadía de Carracedo, de cuxo outorgamento foi testemuña "Petrus Calvus, prior de Panamaior". Ángel del Castillo data a fundación no ano 1187, rectificando ao cronista bieito P. Yepes que a traslada ao ano 1225. Malia o anterior, no ano 1183 o papa Lucio III confírmalle ao mosteiro de Carracedo "Pennam Maiorem cun suis pertientiis". E no 1188 Urraca González fai unha doazón a "Beate Marie de Penna Maiore, que cenobio Carrazedi pertinere vidatur, et in manum donni Michaelis de Deu...". 

 

No Archivo Histórico Nacional gárdanse 493 pergameos (o máis antigo é do ano 1161), practicamente inéditos, pois só se coñecen os dous de Afonso VIII (goberna co título de "rex Legionis e Galletie"; a falseada historiografía considérao como rei de Castela, denominándoo Alfonso IX) e algún outro solto, ademais dos utilizados por Villa-Amil y Castro. Un dos diplomas, moi maltratado e defectuoso, foi dado en Vilafranca do Bierzo no ano 1223, atopándose incluído na confirmación que do mesmo fixo o rei Fernando III. O mosteiro foi favorecido por Afonso VIII segundo consta nun documento, dado tamén en Vilafranca o 30 de abril de 1227, en que doa a Penamaior o couto e igrexa do Salvador de Furco, doazón confirmada por Fernando III e Afonso X en privilexios dados en Allariz no 1232 e en Palencia no 1255. Chegou a reunir a finais do século XIII numerosas propiedades, mesmo o abade tiña ao seu servizo dous "escudeyros do abade" que se chamaban García Pérez e Miguel Pérez (Villa-Amil y Castro na Ilustración Gallega y Asturiana, 1880, baixo o título Cuatro noticias sueltas del antiguo monasterio cisterciense de Penamayor).

Volvendo a botar man de Vázquez Saco, di que tamén estaban sen aproveitar os fondos que hai anos posuía Estanislao Pinacho: un libro becerro do século XVIII e máis de cen escrituras, conservándose, ademais, interesantes noticias nos fondos de Carracedo do Bierzo.

 

Nun documento do ano 1260, catorce persoas recoñecen que cometeron tropelías nos bens do cenobio e por elo renuncian á demanda e reclamacións que tiñan contra os monxes: "Pro malafactoria quam omnes fecimos donno abbate e conventu Penne Maiori violenter et dannose intrando et fragendo cautum suum renunciamus voci quam nos putabamus et demande quam iniuste faciebamus. Tali conditione firmantes tu nunquam nos de predicta factoria demandent".

No ano 1268, o Adiantado Maior de Galicia dita unha sentenza sobre a exacción do tributo da moeda no couto de Penamaior.


Un documento do ano 1262 fala de que os monxes recibiron en doazón un viñedo en Millaradello, lugar próximo a Vilafranca do Bierzo, para o seu consumo e celebración litúrxica. Dise que era o único mosteiro que non dependía directamente da abadía francesa do Císter. Das antigas dependenzas só quedan algunhas piastras que daban ao claustro, as súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións.

O desaparecido cenobio foi fundado, entón, por monxes cistercienses proveniente do Bierzo que o habitaron ata a Desamortización do ministro Mendizábal no ano 1835. O abade de Carracedo manda a uns monxes baixo o mando dun prior para que erixan unha casa e oratorio coa finalidade de atender aos peregrinos que ían cara Compostela, xa que por aquí pasaba unha derivación do Camiño de Santiago, documentada polo monxe alsaciano Künig de Vach no ano 1495, escollendo "unha das profundas barrancadas que cortan as ásperas serras polas que penetraba o camiño francés en Galicia" (Torres Balbás, 1954). Canda eles traen unha imaxe da Virxe de Abarcas e un relicario que garda un Lignum Crucis. Os seus dominios extendíanse por áreas de Baleira, vales de Neira de Rei e Neira de Xusá (Baralla), Becerreá e A Terra Chá. Penamaior perdeu a dignidade abacial no 1505 cando foi integrado na Congregación de Castela, quedando unido a San Salvador de Salamanca. Sábese que no ano 1584 só contaba con catro monxes, e sete no 1803.

Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII, reformada no século XVII, que está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC). De planta basilical, conta con tres naves rematadas por tres ábsidas, a central hexagonal e semicirculares as laterais. A portada está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre a que figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrense un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. No tímpano hai un círculo onde aparece unha cruz e a data de 1177; o nome de Didacus, posible construtor, e a inscrición ERA MCC IV I (ano 1162). Complétase cun león rampante, unha árbore con aves e un xinete con lanza e escudo ao que segue outro cabalo.


Nun aleiro do templo hai dous canzorros que segundo a crenza popular representan a Sede e a Fame.

 

Segundo a tradición, aquí tamén estiveron os cabaleiros do Temple, a famosa orde monástico-militar. Non moi lonxe do mosteiro, a menos de 1,5 quilómetros, por riba da aldea de Vilarín (non confundir coa finca Vilarín, na parroquia de Ouselle, onde apareceu un relevo do século I ou II d.C.), atópase a Pena do Castelo onde se di había unha torre dende onde os templarios vixiaban a contorna para protexer aos peregrinos a Santiago.

 

Cóntase que cando a restauración do templo atoparon unha mazmorra onde había un sistema para torturar aos presos polo método da goteira, que ben suxeitos por un mecanismo para que non se puideran mover, sobre a súa cabeza caía unha gota de forma intermitente que lle perforaba a tapa do cranio e lle podrecía os miolos.

 

Xunto a igrexa érguese a coñecida como A Cruz de Ferro (hoxe en día de madeira). Disque pola noite, os mortos que compoñen a Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena, axeónllanse diante dela para para purgar as penas e acadar, así, a salvación das súas almas. Cóntase que cando tronaba, todos os raios ían parar a ela.

 

No antigo camiño que comunicaba O Cereixal co Convento érguese unha pequena ermida posta baixo a protección do San Lourenzo (a igrexa mosteiral de Penamaior está posta baixo o padroado de Santa María e San Lourenzo). Cóntase que tres homes andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros dixéronlle: "Estente calado que aínda van pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

 

A tiro de pedra da ermida do San Lourenzo está a Pena da Cruz. Se houbo unha cruz, descoñecémolo, na actualidade non quedan pegadas materiais. Asegúrase que aquí maniféstase a Ánima Soila, quen noite si e noite tamén deambula dende o cemiterio de Penamaior ao cemiterio do Cereixal. En Galicia perdura a crenza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo.

Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o límpido ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno. A resposta deulla un arresponsador de Penamaior: A non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra a República. Comezaba a Guerra Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). Xa coa guerra en marcha, un avó da dona do noso informante caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu ao arresponsador de Penamaior quen, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou. Á figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos".

 

Unha noite, alá polos anos sesenta do pasado século XX, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante da Santa Cruz de Penamaior cando, de súpeto, sufriu a descarga dun raio. Todos os veciños viron como un cordón de lume atravesaba o seu corpo, elevándoo varios metros do chan. Cegados pola luz e enxordecidos polo estrondo, a xente observou como o corpo de Xan caeu na terra mollada, esparexendo polo lugar un forte cheiro a carne queimada. Xa todos temían o peor cando Xan se ergueu e, cos brazos abertos, deu uns trementes pasos cara os presentes. Mais axiña volveu a caer. Foi entón cando Roque da Eirexe, veciño e parente seu, acodiu no seu auxilio. Crendo que o ía atopar sen vida, alargou os brazos para darlle a volta e, nese intre, Xan abrazouse a el. Dende aquel suceso, o home converteuse nun afamado "arresponsador". Un dos casos de máis sona do que foi protagonista ocorreu cando unha viúva acodiu a el para procurar axuda porque un home deixara preñada a unha filla disminuída psíquica. Xan díxolle: "Vaite pra casa, farase xustiza". Aos poucos días, nas faldras do monte Calamouco atoparon a un home, tratante de gando que ía cara a feira de Becerreá, pendurando dun carballo, aforcado. Ao seu carón había unha nota manuscrita que dicía: "Deus me perdoe". Como compensación polo mal padecido, as autoridades entregaron á viúva unha bolsa do tratante chea de cartos.