* Historias dende o cemiterio

O día 5 de xuño de 2016 achegámonos ata a parroquia de Viladicente (ou Vilaicente, que polos dous nomes é coñecida), en As Nogais, coa intención de peitear un lugar onde localizamos un posible castro. Aproveitando a visita fomos ata igrexa do século XVI posta baixo o padroado de San Xoán. Conserva unha pedra armeira dos Neira, Bolaño, Balboa e Becerra. O interior acolle un conxunto de retábulos e tallas do século XVII.

Andabamos a deambular polo cemiterio que se desenvolve ao redor do templo cando ao pouco acercóusenos un veciño, o señor Ramón, que axiña se prestou a actuar como cicerone. Non sabemos a conto de que, pero do primeiro que nos falou foi da Guerra Civil e da Postguerra, dos represaliados e das represaliadas polo fascismo que houbo na parroquia. Para ilustrar as súas explicacións mostrounos unha lápida de mármore gravada co nome de Gonzalo Becerra Souto, morto o día 12 de febreiro de 1976, aos 66 anos. Reparamos no epitafio: “Escondido en casa de Chao desde agosto de 1936 hasta el día de su muerte. Perseguido por sus ideas políticas”. 

Transcorría o mes de agosto de 1936 cando a nai de Gonzalo, que estaba a segar nunha finca, viu a uns militares e falanxistas entrando en Viladicente para recrutar mozos para o frente. Sen pensalo dúas veces díxolle ao seu fillo pequeno, Ovidio, que estaba con ela, que avisara aos seus irmáns, Gonzalo e Manuel Antonio. Polos pelos, conseguiron fuxir. Pero, en vez de marchar lonxe da aldea, decidiron voltar para a casa. Os dous irmáns fixeron unha pequena cova nun sitio onde se almacenaba a palla e no que había que entrar de costas para poder saír de cara. A mediados dos anos 50 Ovidio emigrou para Madrid onde fundou unha empresa de transportes. Ao pouco tempo presentouse alí Manuel Antonio quen, cunha partida de nacemento falsa, comezou vendendo aparatos de radio. Pero Gonzalo non quixo abandonar a aldea. Durante anos conseguiu esquivar as redadas periódicas que a garda civil facía en Viladicente para apreixalo. O seu pai pagou con cárcere o silencio. A pesares do indulto decretado anos despois por Franco para as persoas que non tiñan as mans “manchadas de sangue”, Gonzalo, que antes da guerra fora canteiro en Francia e militante da CNT tras a súa experiencia baixando carbón de Fabero a Ponferrada, en plena revolución de Asturias no 1934, non quixo saber nada da piedade do ditador. Todo o mundo en Viladicente sabía que na aldea había un fuxido que só saía de noite, mais, a pesar das presións e ameazas a que foron sometidos, ninguén o denunciou.

 

A seguinte parada foi diante da tumba dun tal Luis Antonio Becerrea Chao. Nun lateral do sártego construído en pedra lemos: "PROPIEDAD DEL SR. D. LUIS BECERRA CHAO/CABALLERO DE LA ORDEN DE YSABEL/LA CATÓLICA FALLECIDO DE 86 AÑOS 1900".

Naceu en Viladicente o día 4 de agosto de 1815. Con 21 anos alistouse nunha compañía de voluntarios formada nas Nogais para loitar contra os carlistas, actuando durante anos en Xubín (Cenlle) onde fixo amizade co médico da zona. Falecido este, contraeu matrimonio coa súa viúva con quen voltou para Viladicente. Á morte da súa esposa, volveu a casar. De ningún dos matrimonios tivo descendencia.

Sería por influencia do médico polo que a Luis Antonio dábaselle ben a medicina, preparando apócemas que logo vendía, ademais de practicar como dentista. Foi desta última profesión de onde lle veu a sona, cando o día 14 de setembro do 1858 lle extraeu unha moa á raíña Isabel II no mesón Herbón das Nogais, feito que lle valeu ser decorado coa Cruz de la Orden de Isabel la Católica e seren nomeado como Caballero Cubierto, prerrogativa que lle outorgaba a graza de non descubrise diante dos reis.

Cóntase que el mesmo mandou facer o seu propio ataúde, que logo regalaba aos veciños que o precisaban, e así unha e outra vez. Deixou escrito que unha vez falecido, mentres estivese de corpo presente, a campá da igrexa tocase todo o tempo a defunto para que fose escoitada polas persoas que pasaban polo Camiño Real. Asegúrase tamén que foi alcalde das Nogais, se ben é un dato que non está documentado.

No Museo de Lugo consérvase un retrato de autor descoñecido onde aparece a seguinte inscrición: "El facultatibo D. Luis Antonio Becerra y Chao, Caballero de la Orden Americana". Na comarca é coñecido como O Curandeiro de Viladicente.

 
 

Na parte traseira da igrexa, xunto o muro, hai unha cruz latina de madeira cos remates trebolados. Debaixo da intesección, nunha prancha rectangular de madeira, lemos: "...ZO DE 1922 A LOS 33 A/ÑOS DE EDAD Y VIRTUDES GÓMEZ LE DEDICAN/ESTE PIADOSO RECUER/DO/ ROGAD A DIOS POR N...".   Entre a penúltima e a última liña vese esculpido un cadaleito seguido da letra "R". Ademais de incompleto, o texto, nalgunhas partes, semella carecer de sentido pero despistan as taboíñas que o enmarcan. En Viladicente sempre se escoitou que era en lembranza dun home da aldea que se suicidara, e que tanto a cruz como a lenda foran feitas por un nomeado ebanista. Deixara muller e filla. O señor Ramón díxonos que a cruz se salvara por atoparse nese sitio xa que cando arranxaron a igrexa destruíronse moitas lápidas, ademais era de castiñeiro e nesa parte non pegaba o vento.


 

No muro que pecha o adro-cemiterio pola parte dianteira, xusto enfronte da entrada principal do templo, hai unha lápida de mármore branca (foi feita en Lugo por un tal V. Reija) que pon: "ROGAD A DIOS/POR/D. JOSÉ Mª CHAVARRIA/GONZÁLEZ/PÁRROCO DE ESTA PARROQUIA/QUE FALLECIÓ/EL 4 NOVIEMBRE DE 1923/A LOS 58 AÑOS/D.E.P.". Un pouco máis arriba á esquerda da lápida hai unha ferradura que, se di, foi mandada colocar polo cura no ano 1908 ou 1909 para atar o seu cabalo.

Ao pouco de chegar á parroquia, don José María atopou debaixo do altar unha saca con 15.000 pesetas, un "tesouro", marmurara. Unha freguesa que nese momento estaba canda el díxolle que eses cartos viñan ben para a aldea, ao que o cura lle respondeu que eran cartos de Deus.

Sempre houbo certidume de que o cura tivo un fillo que foi estudar para o Seminario de Lugo. Unha vez alguén lle botou en cara ao mozo que era fillo do párroco, ao que este lle respondeu: "Do párroco e de 15.000 pesetas".


 

Ata pasar as fotos ao ordenador non reparamos nestoutra lápida colocada sobre un muro. En principio unha máis, pero o que chama a atención é a cruz patada ou templaria insculpida sobre o nome. Na vindeira visita a Viladicente preguntarémoslle ao señor Ramón.