* Fito miriamétrico en Agüeira

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de solicitar ao Concello de Becerreá a limpeza do entorno e a sinalización dun fito miriamétrico situado en Agüeira, a carón da vella N-VI, que formaba parte do antigo Camiño Real que comunicaba Galicia coa Meseta. O Camiño Real de Galicia (Madrid-A Coruña) foi aprobado por Real Decreto no ano 1761, durante o reinado de Carlos III. Foi o enxeñeiro de orixe francesa, Carlos Lemaur, quen dirixiu a súa construcción entre os anos 1763 e 1769, sendo logo substituído por Baltasar Ricaud. O inicio das obras en Galicia comeza no treito A Coruña-Betanzos no ano 1763, rematándose no 1766. En 1772 finalízanse os tramos entre Astorga e Pedrafita do Cebreiro, continuando logo ata Noceda (As Nogais). Entre 1777 e 1785 únense os treitos pendentes de execución entre Becerreá e Lugo e Lugo con Betanzos.

Estas vías de comunicación proxectáronse para dotar ao país dunha rede de camiños permanentes, deseñados para permitir o paso dos carruaxes da época en ambas direccións, unindo Madrid coas poboacións máis importantes, ademais de unir entre si outros pobos.

A medición dos Camiños Reais realizábase a través de leguarios, fitos permanentes que indicaban unha dirección e unha distancia determinada. Esta sinalización por medio de postes viña de época romana coa colocación de miliarios para indicar as distancias. En España, a legua quedou establecida no século XVI en 20.000 pés que equivalen a 5.572 metros. Na provincia de Lugo consérvanse postes leguarios xunto o parque de bombeiros da capital, en Gomeán e Laxosa (O Corgo), e o fragmento doutro na Ferrería (As Nogais). Si ben na actualidade non é moi frecuente atoparnos ao longo do Camiño Real por Galicia con fitos leguarios (a maioría foron destruídos), resulta case imposible dar cos denominados fitos miriamétricos como o aquí exposto que se colocaban cada dez quilómetros. Segundo nos achegou Xosé Luis Martínez Acevedo, autor do interesante blog Casillas de Peones Camineros de España (casillasdepeonescamineros.blogspot.com.es), este de Agüeira é o único que se conserva en Galicia. Destruír ou alterar estes fitos indicadores estaba penado con cárcere.

O fito miriamétrico de Agüeira conserva a seguinte inscrición:

A Lugo 51.
A Madrid 460
A León 176 

Ten unha anchura de 50 cm e unha altura de 95 cm, dos que 20 cm corresponden á parte cilíndrica superior.  Este non posúe o valor métrico (km) que comezou a inserirse a partir do ano 1900.

Os fitos miriamétricos comezan a adoptarse en España no ano 1849, coa introdución do sistema métrico decimal que xa se viña aplicando noutros países europeos dende había algún tempo, o que conleva o abandono dos leguarios e a adopción doutras sinalizacións: hectométricos (cada 100 metros), quilométricos (cada 1.000 metros) e miriamétricos (cada 10 quilómetros). Nestes últimos indicábase as distancias que os separaban de Madrid e as capitais máis importantes.

Este interesantísimo elemento patrimonial, único na provincia de Lugo e pode que en Galicia, debe gozar da máxima protección polo que tamén lle solicitamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta a súa urxente catalogación. A súa conservación permítenos obter unha visión xeral, non só do camiño, senón dos camiñantes e do entorno da época, por onde transitaban carruaxes, animais, arrieiros, pastores e viaxeiros en xeral, vías que supuxeron unha mellora fundamental nas comunicacións que ata ese momento apenas sufriran modificacións dende a época romana.

En conversación mantida co alcalde de Becerreá, amosounos a disposición do Concello de adecentar a contorna do fito miriamétrico e sinalizalo, un extraordinario valor engadido que se sumaría ao proxecto dos Concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Becerreá de valorizar esta importantísima vía de comunicación.

Un veciño de Agüeira contounos que a partir da colocación do poste miriamétrico  o lugar adoptou o nome de O Marco.

  

  

http://www.crtvg.es/informativos/patrimonio-dos-ancares-pide-a-catalogacion-do-fito-da-agueeira-un-dos-primeiros-indicadores-quilometricos-de-espana-2960559