ETNOGRAFÍA/OUTROS BENS PATRIMONIAIS

* A Palloza
* O Hórreo
* O Muíño
* O Forno
* A Alvariza ou Cortín
* A Ouriceira
* O Pombal
* A Eira
* A Braña ou campa
* O foxo do lobo e o "cachopo"
* As caleiras
* O Camiño Real polos Ancares
* Fito miriamétrico de Agüeira
* As ferrerías (en preparación) 


A PALLOZA
 
"Terras do Cebreiro e Ancares extraordinariamente montañosas, envoltas polas néboas aínda nos días máis fermosos do estío, e cubertas en gran parte do ano polas neves do inverno, teñen que ser vivendas sumamente resgardadas dos fríos e as augas; e nada máis a propósito para defenderse dos uns e as outras, que as típicas pallozas, convertidas pola súa forma máis ou menos circular e polo cónico da súa cuberta, nun perfecto reflector da calor que despide o fogar, levantado case sempre no centro e que fai delas un forno onde se mantén unha temperatura constante de 14 graos, cando fóra sopra o nordés a 11 graos baixo cero e a neve o cubre todo co seu branco sudario". Nesta cita, Ángel del Castillo reflicte perfectamente a adaptación da palloza e dos seus moradores a un medio montañoso e a unhas condicións climatolóxicas adversas.

 
 Inverno nos Ancares
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

En liñas xerais, unha palloza é unha construción tradicional adicada a vivenda de persoas, corte para os animais e almacén, compartindo o mesmo espazo. De forma circular ou elíptica, están realizadas en pedra granítica ou lousa, madeira e colmo (no seu estudo sobre estas construcións na zona astur-galaico-portuguesa, F. Kruger sinala que poden presentar planta oval, elíptica, elíptica truncada ou rectangular redondeada). En Galicia, estas edificacións concéntranse na comarca galega dos Ancares.

 O Cebreiro a principios do século XX 

Canto á forma redonda existen varias teorías. Vicente Risco fala dunha "tendencia insconsciente de raza dun esquema tradicional". López Cuevillas di que se debe á "torpeza do construtor". Caro Baroja, xa dun xeito máis científico, atribúeo a unha evolución das primitivas cabanas do Neolítico construídas con materiais perecedoiros, tese da que participa José María Luengo, engadindo que perviviron durante a Idade do Bronce, chegando a entroncar coa cultura céltica do Noroeste peninsular. Na mesma liña están Boch Gimpera e García y Bellido, entre outros, que defenden que a palloza é unha evolución da casa redonda presente nos nosos castros. Ángel del Castillo, que nun principio compartía a orixe celta, mudou logo de opinión dicindo que non existían probas concluíntes xa que a construción circular con muros baixos e grandes teitos é unha característica dos pobos que existiron en distintas partes de Europa. Por último, como anécdota, Eugenio de Salazar (1530-1602), un madrileño que exerceu de xuíz e fiscal en Galicia entre os anos 1559 e 1560, deixou escrito que os habitantes dos Ancares "Viven en casas redondas porque, para que quepa la ruindad de sus moradores, la figura redonda es la más capaz...". O que si está claro é que se trata dunha das construcións máis antigas de Galicia que ata mediados do pasado século XX mantiña toda a súa actividade. 

Sobre unha base circular ou ovalada, levantábase o muro sobre o que apoiaba unha armazón de madeira que se cubría con colmo (palla entrenzada e cosida) que descansaba sobre uns paus que se colocaban no centro de cada semicírculo (pés de armar), rematados nunha bifurcación (tesoirada). Na bifurcación de cada pau había unha viga (o cume) da que partían cara os muros unha serie de madeiros (cangos). Os únicos vans eran os constituídos polas portas de entrada á vivenda e a máis ancha da corte, xeralmente de dúas follas para permitir a entrada do carro (en épocas recentes, a algunhas practicóuselles unha pequena ventá coa finalidade de recibir máis luz exterior). O teito carecía de cheminea, o fume coaba entre o colmo. A distribución interior variaba segundo as características e dimensións, dende as construcións máis modestas formadas por un único espazo destinado a celeiro, ata complexas edificacións cuxa organización interna estaba formada por varias dependenzas independentes, situadas nun ou varios niveis, sendo o máis alto o destinado a vivenda e o máis baixo a corte para o gando e para gardar os apeiros de labranza (estravariza ou estrevariza). O astrago era a entrada da casa e lugar por onde se circulaba, permitindo o acceso á corte e a outros compartimentos (riqueixos) de pequenas dimensións feitos con táboas para meter certos animais, leña, etc. A lareira, centro da vida familiar, ocupaba o centro da vivenda, en torno á cal se situaban os escanos (bancos grandes con espaldeira e caixón) que tamén se utilizaban como mesa e para durmir, cuartos, forno, riqueixos... O mobiliario era escaso, o xusto para cubrir as necesidades máis elementais.

 Piornedo
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares) 

O abandono das pallozas ocasionou que a maior parte se atopen na actualidade nun lamentable estado de conservación (no ano 2010, a Xunta de Galicia suprimiu as axudas que concedía para reparalas). Os veciños de Piornedo alertaron de que se non se toman medidas urxentes para a súa rehabilitación e mantemento, corren grave risco de deterioro; o convenio asinado recentemente entre a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo para arranxar os teitos das pallozas do Piornedo, declaradas Ben de Interese Cultural, aínda non ten data de inicio. E as choivas xa chegaron, e as neves están ás portas.

Os primeiros traballos acerca das pallozas do Cebreiro foron publicados no Boletín da Real Academia Galega no mes de novembro de 1913 e no mes de abril de 1914, cuxos estudos levan por título Las Casas del Cebrero y Origen y antigüedad de las pallozas del Cebreiro. O Piornedo foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1972, ano no que se iniciou o expediente para darlle a mesma catalogación ao Cebreiro.

As pallozas da comarca concéntranse no concellos de Cervantes e Navia de Suarna, e en menor medida, en Pedrafita do Cebreiro. Ademais do Piornedo, en Cervantes hai mostras en Vilarello, Moreira, Corneantes, Cela, A Degrada, Deva, San Román, Robledo, O Pando, Savane, Quindous, O Gumieiro, O Vilar, Ferreiradevés, Castelo de Donís e Veiga do Seixo. En Navia de Suarna temos en Busto, Cabanela, As Ferreirías, Figueira, Castañedo, Coea, Santestevo, Silvouta, Vilaverde, Vilameixide, Paradela, Trigal, Penamil, Vilargoide, Coruxedo, Moia, Quintá, Molmeán, Sinada, A Cernada, Embernallas, Embernallúas, Larxentes, Muñís, O Tabillón, Trabadelo, Mazaira, Pin de Abaixo, Vilagoncide, Vilarguende, Aigas, Pan do Zarco, Meda, Rao, Peliceira, Prebello, Murias, Robledo, Traserra, A Balsa, Murias de Camín, Ribón, Santa Mariña, As Salgueiras, Son, O Vilar, Penedo, Vallo, Vilarín, Vilor, Acevedo e Virigo. En Pedrafita salienta o conxunto do Cebreiro. Noutros municipios da comarca poden verse algúns exemplares, polo xeral en mal estado de conservación ou arruinadas, unha na Pedriña, parroquia de Noceda (As Nogais); e en Fontarón, Quintá de Cancelada, Castelmaría, Cousín e Airexe (Becerreá).

 Braña de Pandozarco
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares


O HÓRREO
 
A palabra hórreo vén do latín horreum, edificio no que se gardan froitos do campo, especialmente o gran. Durante o Imperio Romano o vocábulo horreum empregábase para sinalar un lugar destinado a conservar cousas de calquera natureza. Hai autores que o fan derivar dun orreo prerromano máis sinxelo (coma o canastro, cabaceiro ou piorno) presente na toponimia e na hidronimia, e que tería o significado de silo para o gran, incluso serían herdeiros das palafitas prehistóricas.

Hórreo no Piornedo (Cervantes)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)   

Na comarca dos Ancares está presente o coñecido como hórreo asturiano, unha construción de planta cadrada que consta dunha cámara de madeira, moitas veces con corredor, que se sostén sobre catro pés troncopiramidais de madeira ou pedra (pegallo) e baixo os cales se aproveita o espazo para gardar leña, o carro ou os apeiros de labranza. As paredes adoitan ser de tablóns, reforzados nas esquinas, con respiradoiros que poden ser pequenos buratos ou elementos decorativos, sen fendas de ventilación como é característico no hórreo galego. O tellado, a catro augas, é de lousa ou palla (colmo), rematado, ás veces, por un pináculo de pedra labrada. Sobre o piar colócase o tornarratos (coñecido tamén como tolda, rateira, moa...), unha pedra grande, plana e xeralmente redonda, para impedir que os ratos e outros animais poidan entrar. Para acceder á cámara, se é por medio dunha escaleira fixa, tense o coidado de deterse a unha distancia suficiente para illala dos animais; se ben o sistema máis común para subir é por medio dunha escada de madeira.

Hórreo en Cabanela (Navia de Suarna)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

Ademais de como despensa, en varios sitios dos Ancares utilizábanno para depositar o corpo do defunto mentres non se celebraba o enterro; ademais de teren espazo suficiente, era un lugar limpo e onde os ratos non podían chegar.

Hórreo en Zanfoga (Pedrafita do Cebreiro)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)   

Nalgún hórreo, coma en Donís (Cervantes) ou Vallo (Navia de Suarna), pódese ver nun dos laterais un tetrasquele calado que tiña un carácter protector para o contido do hórreo. Os tetrasqueles poden estar asociados a figuras de cruces, rosáceas ou soliformes, e mesmo a custodias con algunha inscrición que alude ao nome da familia propietaria, data de construción ou con algunha inscrición piadosa. O tetrasquele é o único punto onde se comunica o interior do hórreo co exterior dun modo permanente pois por el penetran o aire e a luz. Dentro da cultura popular, o interior, o espazo doméstico, ha de ser protexido do exterior que resulta perigoso. Os tetrasqueles serían profanos, ao igual cas rosáceas, en canto as cruces, custodias, etc. serían cristiás, atopándonos ante unha dualidade profano-cristiá pero cunha finalidade común. Para uns autores o tetrasquele é un símbolo máxico que exerce unha función protectora, mais para outros é unha simple decoración. Para a antropoloxía non hai decoración sen significación.
 
 
Preto da ponte e o río Navía, na Proba de Navia, consérvase un hórreo con dúas portas de acceso, disque porque pertencía a dúas familias distintas. A súa singularidade  radica en que asenta sobre catro elevadísimos pés para que non o afectaran durante as enchentas do río, o que levou a ser bautizado como "O hórreo máis alto do mundo".   
 
En Galicia non existe unha lexislación específica sobre os hórreos e cabazos. A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia protexe de xeito xenérico todos os hórreos cunha antigüidade maior de cincoenta anos. 

Aínda que moitos desapareceron ou están en ruínas, rara é a aldea da comarca que non conserve algún hórreo, moitos dos cales atópanse en pleno uso. 

Motivo decorativo nun hórreo de Vallo (Navia de Suarna)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)
 
O MUÍÑO
 
A utilización de utensilios para moer os cereais vén dende a Prehistoria. As sociedades agrícolas do Neolítico usaban os que coñecemos como barquiformes, dúas pedras, unha maior ca outra, entre as que se esmiuzaba o gran. Nos nosos castros e asentamentos romanos documéntanse os redondos, formados por unha pedra circular sobre a que se movía outra de forma troncocónica.

Muíños circulares de época romana en Murias (Navia de Suarna)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)   

Aínda que en Galicia utilizáronse varios tipos de muíños (de vento, de sangue...), o máis común é o hidráulico que ao  parecer ten a súa orixe nos séculos XI ou XII. A abundancia de ríos de pequeno caudal, pero de corrente constante, propiciou o seu espallamento por todo o país. 

Os muíños da comarca dos Ancares presentan unha gran variedade construtiva, dende os de forma simple aos de estrutura composta con varios módulos agrupados. Emporiso, as dimensións varían dende pequenas construcións que acollen un só muíño, a grandes edificios destinados a dous ou máis. En moitos casos, ademais de acoller a maquinaria, tamén se destinaban a vivenda.

En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. En Galicia, arredor dos muíños naceron, ademais, gran cantidade de refráns e cántigas.

Muíño sobre o río Neira en Laxes (Baralla)
   (Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)   

Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Dende mediados do século XVIII non sufriron practicamente cambios, agás a substitución do teito de colmo polo de lousa. Ao principio, a fariña había que cribala aparte, pois non a había no propio muíño. Nun primeiro momento, o gran transportábase en foles de pel que evitaban que se mollara cando chovía, e xa nunha etapa máis tardía, tanto o gran como a fariña levábanse en sacos. 

Polo xeral, os muíños non eran dun só propietario, senón que os veciños dispoñían deles por quendas. Había quen posuía o dereito a un día de moenda e quen se beneficiaba de varios muíños, o que indica que se adicaban a moer para outros a cambio da chamada maquía, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo.

Despois da muiñada viñan os carretos, homes con carros tirados por bois ou vacas, para transportar o gran. En Pedrafita do Cebreiro poñían unto no eixo e nas rodas dos carros para que o seu ruxido se escoitara dende lonxe: "O meu carro canta máis co teu", dicían. Estes traballos facíanse gratis, para axudarse os uns aos outros.

En Baralla funcionaron os muíños de Argadelo, de Caldeiro, do Couso, de Fernández, do Ferreiro, do Galo Marelo, da Granxa, do Liñar e o de Monteagudo.

 

En Becerreá consérvanse os muíños de Cascallá, O Convento (Penamaior), Cruzul, A Ferrería (Agüeira), As Fontes (Furco), As Pontes de Gatín (Liber) e Quintá de Cancelada.

Muíño en Penamaior (Becerreá)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)   

Nas freguesías de Cervantes, o Interrogatorio do Catastro de Ensenada (1752) fala da existencia dun muíño fariñeiro na parroquia do Castelo, tres na do Castro, nove na de Cereixedo, dous na do Mosteiro, un na Ribeira, tres na de San Román, e oito na de Vilapún. O Diccionario de Pascual Madoz (1849) tamén cita outros muíños nas freguesías de Dorna, Lamas, Noceda, San Pedro de Cervantes, Vilaquinte, Vilarello e Vilaspasantes. Na actualidade consérvanse os da Estrada (Santo Tomé de Cancelada), Cancillós (Cereixedo), Vilanova (San Pedro de Cervantes), As Pontes (Donís), Vilaxán (O Mosteiro), San Martiño (A Ribeira) e As Covas (Vilaspasantes). Por información de Tito Fernández de Témez, a aceña do Fabal foi construída no século XIX polo Señor do Fabal Ramón Fernández Balboa-Llamas, en substitución do Muíño Vello que aínda hoxe en día está en ruínas augas arriba. A pena que sobe por riba destes muíños chámase Pena dos Muíños.

 
 Muíño na Estrada (Cervantes)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)  

De Navia de Suarna consérvase un documento do ano 1611 que fala dun muíño hidráulico do conde de Altamira, construído por Xoán Núñez Becerra no río Ribón de Raimoínde, na parroquia de Galegos. Onde máis muíños había era na parroquia de Rao; seguíanlle Barcia e Mosteiro. No catastro de Ensenada figuran varios muíños fariñeiros. O derradeiro muíño do municipio que aínda mantivo a actividade ata mediados dos anos oitenta do pasado século XX estaba na parroquia de Mosteiro. Na actualidade podemos ver os de Coruxedo, Maseiriños e Ribón.
 
 

Nas Nogais documéntanse o da Veiga, o Muíño Vello, o das Cabanas, etc.

 

En Pedrafita do Cebreiro consérvanse os de Louzarela, Val de Fariña, Pallarvello, Busnullán, Rego de Navallos, Rego da Barreira, Os Negredos, Regueiro do Real, Matavellos, Rego dos Currais, Rego de Fontes, Fonteboa, Fonlor, Rego do Acivo, Zanfoga, Tras da Golada, Río Lor, Trabazas, Riocereixa e Fonteformosa.

Muíño en Pacios (Pedrafita do Cebreiro)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

O MUÍÑO DAS CABANAS (AS NOGAIS)
 
Xunto o río Boullón, nas Cabanas (Nullán), que nace nas montañas da Antigua ou Serra do Pando, hai un muíño fariñeiro. Segundo información achegada por Manuel Simón, pola ponte pasaban as cabalerías con sacos de cereais para ser moídos ou triturados no muíño. Xuntábase moita xente a moer centeo, trigo, avea e millo, tanto para os animais como para consumo propio. Conta Manuel que era tanta a actividade que había temporadas que moía día e noite. Non había luz eléctrica, tendo que alumarse cunhas farolas artesás que funionaban con gas. Como se xuntaban moitos mozos e mozas era un lugar de diversión, coñéciase moita xente e incluso saían parellas de noivos. Cando se xuntaban os avos e as avoas, cantaban: "Unha noite no muíño,/unha noite non é nada./Unha semaniña enteira,/iso si que é muiñada".
 
RUTA DOS MUÍÑOS (PEDRAFITA DO CEBREIRO)
 
No concello de Pedrafita do Cebreiro consérvanse arredor de medio cento de muíños hidráulicos para a moenda de cereais distribuídos polas parroquias do Cebreiro, Hospital, Padornelo, Lousada, Louzarela, Riocereixa e Zanfoga.

 

A súa antigüidade vai dende o século XVII ao XIX, se ben hai algúns con orixe na Baixa Idade Media, vencellados ao clero e casas señoriais que despois foron pasando a mans particulares. Moitos permaneceron en funcionamento ata ben entrado o século XX.

 

Por considerala unha zona etnográfica de primeira orde, centrámonos nos muíños situados ao norte do concello, enmarcados, por outra parte, nunha fermosísima paraxe. En menos de dez quilómetros, seguindo a estrada local que dende a N-VI vai a carón do río Navia ata a aldea de Busnullán, documéntanse 24 exemplares catalogados pola Xunta de Galicia e que tamén figuran no PXOM do Concello.

 

De pequeno tamaño, son de planta cadrada ou rectangular, construídos con pedra da zona á beira do río Navia e de pequenos regueiros tributarios do mesmo. Nalgúns vense cruces gravadas e a data de construción. Tamén se conservan varios sistemas hidráulicos para a captación, retención e distribución das augas, así como as levadas e regos (caudal do río desviado para mover o muíño) que conducían a auga aos cubos (estruturas cilíndricas de pedra para almacenar a auga).

 

Despois de percorrelos, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares constatamos que o seu estado de conservación é, polo xeral, de malo ou en situación de semirruína. Trátase dos conxuntos coñecidos como Os Negredos, Regueiro do Real, Regueiro Navallos, Regueiro da Barreira e Busnullán.

 

O grupo máis interesante é o da aldea de Busnullán, na parroquia de Padornelo. Trátase de seis muíños dispostos en fervenza sobre a ladeira do monte, aproveitando así a caída da auga do regueiro de Busnullán para o movemento dos rodicios (peza do muíño que xira ao recibir a auga poñendo en movemento a moa). A súa disposición é como a dos coñecidísimos muíños do Folón, no concello do Rosal (Pontevedra), declarados Ben de Interese Cultural.

 
 

Se ben sabemos que todos os muíños son de propiedade particular e o Concello non pode actuar sen o permiso dos propietarios, si sería desexable que se puxera en contacto cos donos para que procederan á limpeza da maleza que cubre moitos deles e da súa contorna, informándoos, por outra parte, das posibles axudas para a súa restauración (hai anos foi restaurado un con fondos FEDER). Varias asociacións de fóra da comarca e persoas a título individual puxéronse en contacto con nós, botando en falta a súa sinalización polo que o día 16 de marzo de 2018 solicitamos ao Concello que estude a posibilidade de colocar uns paneis que, de forma didáctica, informe da función que cumprían e a importancia que tiveron na socio-economía da zona.

 
 

A continuación achegamos o mapa coa situación dos muíños. Para iniciar a ruta tomar a estrada local que dende a N-VI, entre As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, parte pola dereita ao pasar San Pedro. (Para ampliar o mapa, clicar sobre o mesmo).



O FORNO
 
Forno vén do latín furnu. Ata non hai moito tempo, o forno era un elemento máis da casa labrega, se ben hai algunhas zonas en que a súa presenza limitábase a un forno comunal onde cocían os veciños da aldea. O forno caseiro redúcese a unha cámara na que se prende o lume e se coce o pan ou se asa a carne. Construído en granito ou lousa, está constituído por un piso de pedras puídas (sollos) e por unhas paredes laterais de pedra que case sempre dan forma a un recinto circular e cunha coberta a xeito de media laranxa que pecha a cámara. Adoitan estar teitados de laxas de lousa. Conta cunha boca pequena que, unha vez quentado o interior e introducido o pan, péchase cunha lousa ou cunha porta de ferro. A cinza que queda despois da combustión deposítase na borralleira ou fornilla. Estes fornos quedan perfectamente integrados na planta baixa da casa, observándose só en contados casos uns fornos independentes da vivenda. O abandono das casas e posterior ruína, debido á despoboación que están a sufrir as aldeas da comarca, fixeron desaparecer moitos fornos tradicionais. Malia todo, a súa presenza é aínda moi importante, sendo frecuente ver cocer o pan en moitas casas.

Os fornos comunais eran lugar de reunión dos veciños, mesmo se celebraban os concellos parroquiais. Aos presentes ofrecíaselles pan tenro. Cando se inauguraba un forno privado, o propietario agasallaba con pan aos veciños. 

Forno en Pando (Becerreá)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)
 
Forno en Zanfoga (Pedrafita do Cebreiro)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares 


A ALVARIZA/O CORTÍN
 
A alvariza, abellariza ou cortín é unha construción popular formada por un muro circular que protexe as colmeas do ataque das feras, principalmente dos osos.

Sobrado Correa (2001) recolle que no período 1640-1850 dáse un incremento das explotacións con colmeas. O uso do mel utilizábase, principalmente, para consumo propio, sexa como edulcorante ou con propiedade medicinais, destinando unha parte á venda.
 
Na Pena Fundicio, en Robledo de Rao (Navia de Suarna), quedan os restos dun cortín que se mimetiza coa paixase. O mestre, hisoriador, etnógrafo e correspondente da Real Academia Galega, ademais de cronista oficial do concello ourensesán de Cenlle, o admirado Clodio González Pérez, achegounos un debuxo que realizou a comezos dos anos oitenta. Dinos que aínda que estaba abandonado, conservaba algún trobo con abellas. Podíase acceder subindo dende o río ou bainxando dende arriba, dende o antigo camiño de Valouta.
 


Alvariza en Navia de Suarna
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)  



 
A OURICEIRA
 
A ouriceira é unha construción tradicional para gardar os ourizos das castañas no mesmo souto onde se recollen. Está formada por un valado circular de pedra de pouca altura, cunha entrada que se pecha cun pequeno portelo. No interior bótanse os ourizos sen abrir. Na provincia d Lugo son propias das serras dos Ancares e do Courel. Tamén reciben os nomes de uriceiras, corripas ou corrizas. Con este sistema soltaban o froito con máis facilidade pero que tamén lle daban un sabor máis desagradable, de aí o dito de que esas castañas saben a ouriceira. Permanecían alí durante un mes ou mes e medio.

Construíanse pola necesidade de protexer as castañas dos animais, como o xabarín ou o porco bravo.

As castañas constituían un alimento de suma importancia. Cara o 1826, S. Miñano gaba as cualidades deste froito: "El castaño que por la suma utilidad que ofrece, puede llamarse sin reparo, el árbol del pan de esta parte del mundo... El gusto delicado del tocino de las provincias de Lugo y Orense dicen que se debe a las castañas que comen los cerdos...".

Ouriceira en Navia de Suarna
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

Ouriceira no Souto de Agüeira, en Becerreá
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)  



O POMBAL
  
En Galicia hai dous tipos de pombais: o pequeno, caseiro, onde aniñan algunhas parellas e que comunmente se chaman pombeiros, e o pombal rural illado no que viven as pombas semiselvaxes que adoitan procurarse o alimento por si mesmas. Estaban situadas case sempre preto de pazos ou casas economicamente importantes.

Pombal en Navia de Suarna

 

REPORTAXE EN Lugo Xornal (premer sobre a ligazón) SOBRE UN POMBEIRO NA PARROQUIA DO MOSTEIRO DOCUMENTADO POLO NOSO COLECTIVO

 

A EIRA
 
Unha aira ou eira, do latín area, é un sitio chan de medidas variables situada preto da vivenda. Pode ser de terra machucada para darlle firmeza ao chan ou enlousada con pedras para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. A eira podía ser privada ou compartida entre os veciños.

Debaixo da aira adoitábase enterrar un ou varios potes para que, ao mallar o cereal, soase máis. 

A cada unha das camadas de cereal que se estendían na eira para trillalo chamábase eirada ou eirado.

Na sega, na recolección e na malla adoitaban colaborar veciños doutras casas. Despois celebrábase unha pequena festa como mostra de alegría pola nova colleita. O dono da casa anfitriona agasallábaos cunha comida especial, ás veces amenizada coa música do pandeiro ou a gaita, establecendo así lazos de unión entre a veciñanza.

Eira na Casa de Chancia (As Nogais)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)




A BRAÑA/A CAMPA 
 
Braña vén do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Terreo pantanoso. Tamén pode identificar a planta herbácea, rastreira, utilizada como estrume (Erica cinerea).  A braña (alzada) estaba formada por terreos e edificacións centrados nun poboamento estacional, en réxime de co-propiedade, situado en penichairas altas, onde se levaba o gando e sementaba o cereal. Segundo os veciños, o nome veu porque o pobo se alzaba cara arriba, cara a parte máis elevada. Estes poboados temporais con construcións estables onde se trasladaba parte da familia durante o verán para o aproveitamento dos prados, sementar o gran e recolleita, permanecendo alí dende finais da primavera ata principios do outono. 
 
Clodio González Pérez, no seu Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares, volume II (1991), di que a braña xurdiu pola pouca terra de labor que hai nos estreitos vales do concello. A primeira mención documental das brañas da zona é do ano 1611, onde o conde de Altamira recibía un queixo ou un real por cada cabana, e un dezmo de leite a igrexa de Rao. Utilizáronse ata a década dos anos sesenta do pasado século XX.

Braña de Pandozarco (Navia de Suarna)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

 
 A Campa do Barreiro (Cervantes)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares


O FOXO DO LOBO E O "CACHOPO"
 
Na comarca dos Ancares temos varios nomes de lugar que fan alusión ao lobo: A Fonte do Lobo e Pomar do Lobo (Becerreá), Penas do Lobo e Teso do Lobo (Cervantes), Fóra Lobas (Navia de Suarna), Eira dos Lobos (As Nogais), Aira dos Lobos (Pedrafita do Cebreiro), etc. A cabeza dun lobo figura no escudo de Navia de Suarna, un dos símbolos dos Moscoso. As historias e lendas sobre este mítico depredador son abondosas.

O foxo (latín fossum, escavado), é unha construción tradicional para dar caza ao lobo. Tamén recibe o nome de couso, lobeira ou chorco. 

Na comarca había varias destas estruturas. No monte Vilarello, na parroquia de Donís (Cervantes) , consérvase un foxo simple, formado pro un burato escavado no terreo e que foi utilizado ata os anos trinta do pasado século XX. Poñíaselle cebo e esperábase ata que o lobo caía na trampa. Ata non hai moito tempo este foxo tamén era utilizado polas vacas para parir. En Poso, na parroquia do Pando (Cervantes) había un foxo simple formado por un profundo burato tapado con ramaxe. Como cebo poñíase un anaco de carne colgada dunha corda. Cando o lobo tentaba collela, saltaba e caía dentro quedando atrapado. Foi destruído por unha pista forestal.

No Comeal (Cervantes) había un "cachopo" que consistía nun burato no terreo, dun metro de diámetro e bastante alto para que se puideran agochar dous homes. Tapábase con ramaxe formando unha estrutura cunha especie de ventanuxo para que os homes puideran ver e disparar. Para atraer o lobo poñíase unha ovella morta, un anaco de carne ou un trapo mollado con sangue da matanza do cocho. Esta trampa deixou de utilizarse cara os anos sesenta do pasado século XX. Das mesmas características era unha construción que había no alto do Mustallar, zona de caza e paso para os lobos.


OS LEGUARIOS
 
No pasado mes de agosto de 2017, a Xunta de Galicia concedeu unha axuda de 50.000 euros aos concellos das Nogais, Becerreá, Triacastela, Láncara e O Corgo para a colocación de paneis informativos e sinalización dos elementos de interese que se poden atopar durante o percorrido do Camiño Real que enlazaba coa Meseta ao seu paso por estes municipios. O Camiño Real de Galicia (Madrid-A Coruña) foi aprobado por Real Decreto no ano 1761, durante o reinado de Carlos III. 

Estas vías de comunicación proxectáronse para dotar ao país dunha rede de camiños permanentes, deseñados para permitir o paso dos carruaxes da época en ambas direccións, unindo Madrid coas poboacións máis importantes, ademais de unir entre si outros pobos.

A medición dos Camiños Reais realizábase a través de leguarios, fitos permanentes que indicaban unha dirección e unha distancia determinada. Esta sinalización por medio de postes viña de época romana coa colocación de miliarios para indicar as distancias. En España, a legua quedou establecida no século XVI en 20.000 pés que equivalían a 5.572 metros. 

A maior parte dos leguarios desapareceron, na provincia de Lugo só se conservan tres completos: dous no concello do Corgo (en Gomeán e Laxosa) e outro en Garabolos, xunto o parque de bombeiros da capital da provincia.

Pero, ademais dos anteriores, consérvase o fragmento doutro na Ferrería, no concello das Nogais. Mostra unha inscrición, bastante deteriorada, onde se le: "A LA (CO)R(U)NIA 23". Entre paréntese achegamos as letras que desapareceron. Na actualidade forma parte do peitoril dunha ponte.
 
Debido a que se trata dun elemento patrimonial deste tipo escasísimo en Galicia e na provincia de Lugo, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dirixímonos por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural para que comunique ao Concello das Nogais a súa inclusión no Plan Xeral de Ordenación Municipal para que goce da protección que lle outorga a lei. Repasado o PXOM, aínda que si fai referencia, moi breve, ao Camiño Real ao seu paso polo municipio, comprobamos que non aparece reflectido este importantísimo ben patrimonial coñecido dende hai moitos anos.

Ademais de ao Servizo do Patrimonio Cultural tamén nos diriximos ao Concello para que o sinalice e o poña en valor.
 


AS CALEIRAS
 
Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar un antigo forno para facer o cal xunto o castro de Vilar de Ousón, en Becerreá. Avisados por uns veciños da aldea, achegámonos ata o lugar onde hai poucos meses Gas Natural-Fenosa realizou unha tala indiscriminada de árbores centenarias baixo o tendido eléctrico de media tensión, feito que foi denunciado polos veciños e por nós o pasado mes de agosto. 

Trátase dunha estrutura circular duns catro metros de diámetro, aberta pola parte superior, construída con pedras de distinto tamaño que parten dun pozo escavado na rocha. Ten unha altura duns dous metros, e a anchura do muro é dun metro. A boca por onde se introducía a leña ten unhas medidas de 0,60 por 0,40 metros. Estas instalacións, coñecidas como caleiras ou caleiros, non tiñan un teito permanente, habilitándose só de forma temporal para manter a calor no interior.

 

Estas construcións contaban cunha cámara de combustión, situada na parte inferior, e o forno onde se colocaban as pedras calizas de procedencia local para extraer o cal que se cubría con lousas de pizarra para impedir a perda de calor. A leña introducíase por unha abertura máis pequena, chamada boqueira, situada na base. O forno había que alimentalo constantemente xa que para calcinar a caliza a temperatura non podía baixar de 900º centígrados. A cal obtida utilizábase, principalmente, como argamasa ou para encalar as paredes, pero tamén para reducir a acidez das terras de cultivo.

 

Descoñecemos a data de construción, mais este forno figura documentado en escrituras do ano 1780 e de principios do século XIX. Nun documento do ano 1909 o lugar recibe o nome de Liñallo da Caleira. Malia isto, non existe tradición oral de que alguén o vira en funcionamento, agás os documentos citados nin sequera se coñecía a súa existencia. Non desbotamos que o seu uso pode vir de época romana (o castro de Vilar de Ousón foi romanizado), aínda que este tipo de instalacións artesanais se usaron na Idade Media e en épocas posteriores. Segundo a tradición, para a construción da ponte de Cruzul, do último terzo do século XVIII, que se levantou durante as obras do Camiño Real de Galicia, o cal utilizado proviña deste forno. O que si está claro é que o forno ten unha antigüidade considerable, algúns carballos e castiñeiros, situados xunto a caleira, que talou Gas Natural-Fenosa tiñan máis de 500 anos, e é sabido que os arredores onde se construían os fornos de cal estaba despexado de árbores e maleza para evitar incendios.

 

A pouca distancia documentamos tamén unha estrutura rectangular, de 2 por 4,50 metros. Para facer os muros, duns 0,70 metros de altura, os seus construtores escavaron sobre a propia rocha, completando o peche con pedras de distinto tamaño. O chan, completamente liso, foi feito sobre a rocha base. Polo de agora descoñecemos a función que podería ter e a súa antigüidade.

 

Contamos con unha referencia oral a tres fornos en Cervantes, nas inmediacións do campamento temporal de época romana do Campo do Circo, onde os mouros facían o cal que logo se utilizou para construír o castelo de Doiras. Mais isto é só unha lenda, estes tres "fornos" son ás cámaras megalíticas de tres mámoas que hai no lugar. 

Tamén temos noticia doutro que había no Cereixal, tamén en Becerreá, se ben aínda non o atopamos, de feito, o lugar onde estaba recibe o nome do Forno da Cal. Hai outro (fotos seguintes) na entrada da paisaxe caliza dos Grobos, na parroquia de Agüeira (Becerreá).
 
 
 

O achado xa foi comunicado ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo e ao Concello de Becerreá.


O día 14 de marzo de 2018 documentamos outro forno na comarca. Atópase preto da aldea de Sanamede, na parroquia de Covas (Baralla). 

Trátase dunha estrutura circular de 4 metros de diámetro, aberta pola parte superior, construída con pedras de distintos tamaños. Ten unha profundidade de 2,5 metros, e o grosor do muro é de un metro. A boca por onde se introducía a leña, de moi boa feitura, ten unhas medidas de 0,60 x 0,40 metros.

 

Esta caleira aparece citada e en funcionamento nun interesantísimo documento de foro do ano 1667 polo que a súa antigüidade é maior. Se aínda se conserva en moi estado é grazas a que no terreo onde se atopa, en pendente, hai un souto de castiñeiros centenarios e non se utilizou para outros usos e, ademais, a abundante maleza que o cubre mimetízao coa paisaxe circundante polo que apenas resulta visible.

 

Segundo un veciño, que xa non vive na aldea, os seus antepasados contáronlle que as pedras que forman a boca do forno foron traídas dunha vella canteira do limítrofe concello de Láncara. Descoñecemos ata cando mantivo a súa actividade. No interior aínda se poden ver restos de cal. 

Nas inmediacións tamén hai varias tumbas de factura antropomorfa feitas con laxes. Unhas apareceron no corte dun camiño cando foi ampliado, conservan a tapa cobertoira e, no interior, aínda se ven algúns restos de ósos humanos que se desfán tan só tocalos. Outras vense a flor de terra. A súa antigüidade é manifesta xa que, ao menos sobre dúas, contruíronse unhas casas da aldea, habitada na actualidade por unha soa persoa. Todo apunta a que boa parte do cemiterio atópase debaixo das construcións da aldea. Como pouco, estas tumbas hai que situalas cronoloxicamente na Baixa Idade Media.

 

Segundo a tradición, en Sanamede houbo unha capela, da que non quedan restos, posta baixo a advocación de San Mamede. Contáronnos que antigamente gardábase nunha casa a imaxe do santo que despois foi roubada. Tamén había festa na súa honra, que deixou de celebrarse a raíz dunha liorta que rematou coa morte dun mozo.


 

Este tipo de tumbas son escasísimas na comarca dos Ancares, documentándose unhas nas aldeas de Abrente e Molmeán (Navia de Suarna), no castro de Santa María e en Corneantes (Cervantes), e preto do castro de Vilar de Ousón (Becerreá). Faláronnos doutras en Coea (Navia de Suarna) que foron destruídas hai moitos anos ao arar a terra onde se atopaban. As de Abrente e Molmeán son as únicas que están catalogadas.

Os achados xa foron comunicados a Patrimonio da Xunta de Galicia para que proceda a súa catalogación e ao Concello de Baralla.
 

O CAMIÑO REAL POLA COMARCA DOS ANCARES
 
Por Real Decreto de 1761, iníciase en España unha mellora dos camiños e así mellorar o comercio entre as provinciais. Estas novas vías de comunicación, desenvolvidas durante o reinado de Carlos III, serían denominadas como Camiños Reais, seguindo o modelo francés de 1720. Ata aquelas, os camiños que percorrían a xeografía galega baseábanse nos camiños medievais. Esta obra estaba integrada dentro do ambicioso plan da Red radial de Caminos Reales que pretencía enlazar as principais cidades do reino coa capital a través de "caminos rectos y sólidos que faciliten el comercio de unas provincias a otras", para permitir o paso de carruaxes da época en ambas direccións.

Será a partir de entón cando se proxecte o Camiño Real de acceso a Galicia, con final no porto da Coruña, construíndose gran parte do trazado na segunda metade do século XVIII. Procedente do val de Valcarce, entraba en Galicia por Pedrafita do Cebreiro, descendendo logo ata As Nogais, e a través da ponte de Cruzul, continuaba por Becerreá e Baralla, adentrándose na comarca de Lugo polo Corgo ata a capital da provincia.
 
 

Unha das primeiras propostas foi a realizada polo enxeñeiro José Crame, subsituído logo polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur que redactaría o proxecto entre Benavente e A Coruña. Logo, Baltasar Ricaud substitúe a Lemaur. As obras na comarca comezaron entre os anos 1776 e 1778, se ben se descoñece cando remataron, aínda que a maioría dos investigadores concordan en que xa estaría en funcionamento antes de finalizar o século XVIII, xa no reinado de Carlos IV. O que si está ben documentado é que estaba concluída a principios do ano 1809, durante a invasión napoleónica de Galicia.
 
A medición dos Camiños Reais realizábase a través de leguarios, fitos permanentes que indicaban unha dirección e unha distancia determinada. Esta sinalización por medio de postes viña de época romana coa colocación de miliarios para indicar as distancias. En España, a legua quedou establecida no século XVI en 20.000 pés que equivalían a 5.572 metros. A maior parte dos leguarios desapareceron, na provincia de Lugo só se conservan tres completos: dous no concello do Corgo (en Gomeán e Laxosa) e outro en Garabolos, xunto o parque de bombeiros da capital. Pero ademais dos anteriores, consérvase o fragmento doutro na Ferrería, no concello das Nogais. Mostra unha inscrición, bastante deteriorada, onde se le: "A LA (CO)R(U)NIA 23". Na actualidade forma parte do peitoril dunha ponte.
 
O LEGUARIO DAS NOGAIS
 
Debido a que se trata dun elemento patrimonial deste tipo escasísimo en Galicia e na provincia de Lugo, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dirixímonos por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural para que comunique ao Concello das Nogais a súa inclusión no Plan Xeral de Ordenación Municipal para que goce da protección que lle outorga a lei. Repasado o PXOM, aínda que si fai referencia, moi breve, ao Camiño Real ao seu paso polo municipio, comprobamos que non aparece reflectido este importantísimo ben patrimonial coñecido dende hai moitos anos. Ademais de ao Servizo do Patrimonio Cultural tamén nos diriximos ao Concello para que o sinalice e o poña en valor. 
 
 
 

FITO MIRIAMÉTRICO DE AGÜEIRA
 
Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de solicitar ao Concello de Becerreá a limpeza do entorno e a sinalización dun fito miriamétrico situado en Agüeira, a carón da vella N-VI, que formaba parte do antigo Camiño Real que comunicaba Galicia coa Meseta. O Camiño Real de Galicia (Madrid-A Coruña) foi aprobado por Real Decreto no ano 1761, durante o reinado de Carlos III. Foi o enxeñeiro de orixe francesa, Carlos Lemaur, quen dirixiu a súa construcción entre os anos 1763 e 1769, sendo logo substituído por Baltasar Ricaud. O inicio das obras en Galicia comeza no treito A Coruña-Betanzos no ano 1763, rematándose no 1766. En 1772 finalízanse os tramos entre Astorga e Pedrafita do Cebreiro, continuando logo ata Noceda (As Nogais). Entre 1777 e 1785 únense os treitos pendentes de execución entre Becerreá e Lugo e Lugo con Betanzos. 

Estas vías de comunicación proxectáronse para dotar ao país dunha rede de camiños permanentes, deseñados para permitir o paso dos carruaxes da época en ambas direccións, unindo Madrid coas poboacións máis importantes, ademais de unir entre si outros pobos.

A medición dos Camiños Reais realizábase a través de leguarios, fitos permanentes que indicaban unha dirección e unha distancia determinada. Esta sinalización por medio de postes viña de época romana coa colocación de miliarios para indicar as distancias. En España, a legua quedou establecida no século XVI en 20.000 pés que equivalen a 5.572 metros. Na provincia de Lugo consérvanse postes leguarios xunto o parque de bombeiros da capital, en Gomeán e Laxosa (O Corgo), e o fragmento doutro na Ferrería (As Nogais). Si ben na actualidade non é moi frecuente atoparnos ao longo do Camiño Real por Galicia con fitos leguarios (a maioría foron destruídos), resulta case imposible dar cos denominados fitos miriamétricos como o aquí exposto que se colocaban cada dez quilómetros. Segundo nos achegou Xosé Luis Martínez Acevedo, autor do interesante blog Casillas de Peones Camineros de España (casillasdepeonescamineros.blogspot.com.es), este de Agüeira é o único que se conserva en Galicia. Destruír ou alterar estes fitos indicadores estaba penado con cárcere. 

O fito miriamétrico de Agüeira conserva a seguinte inscrición:

A Lugo 51.
A Madrid 460
A León 176 

Ten unha anchura de 50 cm e unha altura de 95 cm, dos que 20 cm corresponden á parte cilíndrica superior.  Este non posúe o valor métrico (km) que comezou a inserirse a partir do ano 1900. 

Os fitos miriamétricos comezan a adoptarse en España no ano 1849, coa introdución do sistema métrico decimal que xa se viña aplicando noutros países europeos dende había algún tempo, o que conleva o abandono dos leguarios e a adopción doutras sinalizacións: hectométricos (cada 100 metros), quilométricos (cada 1.000 metros) e miriamétricos (cada 10 quilómetros). Nestes últimos indicábase as distancias que os separaban de Madrid e as capitais máis importantes. 

Este interesantísimo elemento patrimonial, único na provincia de Lugo e pode que en Galicia, debe gozar da máxima protección polo que tamén lle solicitamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta a súa urxente catalogación. A súa conservación permítenos obter unha visión xeral, non só do camiño, senón dos camiñantes e do entorno da época, por onde transitaban carruaxes, animais, arrieiros, pastores e viaxeiros en xeral, vías que supuxeron unha mellora fundamental nas comunicacións que ata ese momento apenas sufriran modificacións dende a época romana. 

En conversación mantida co alcalde de Becerreá, amosounos a disposición do Concello de adecentar a contorna do fito miriamétrico e sinalizalo, un extraordinario valor engadido que se sumaría ao proxecto dos Concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Becerreá de valorizar esta importantísima vía de comunicación. 

Un veciño de Agüeira contounos que a partir da colocación do poste miriamétrico  o lugar adoptou o nome de O Marco.

O día 21 de xullo o Concello procedeceu a sinalizalo. Con anterioridade, os obreiros da rede de estradas do Estado limpou de maleza e acondicionou a contorna. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares manifestámoslle o noso agradecemento.

No DOG do día 3 de agosto de 2017 sae unha resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en que se abre expediente para a súa catalogación. 

No DOG do 30 de xullo de 2018 aparece unha resolución no que se inclúe este ben no Catálogo de Bens Culturais de Galicia.
 
  

  
 
Etnografía/Outros bens patrimoniais dos Ancares
 
A descrición e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
Cando se dea o caso, as imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares