* Cinco sitios evocadores nas Nogais

Integrantes da Asociación de veciños de Torés e do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata algúns dos sitios de evocador nome situados nas escarpadas montañas do concello das Nogais dos que apenas queda memoria
 
O noso primeiro obxectivo foi a Pena das Señas (na cartografía oficial figura como Pena de Taras, nome polo que ningún veciño a coñece), que actuaba como divisoria entre as aldeas de Riomao e Vilabol, lindes que aínda hoxe en día están en litixio. O microtopónimo, no presente caso, non admite dúbidas.
 A Pena das Señas

Despois achegámonos ata a Pena dos Brazos, unha colosal rocha de xisto que recibe o nome porque da enorme mole semella que parten dous brazos. Actuaba como divisoria entre Vilabol e Quintá.
A Pena dos Brazos 

Na Pena da Hucha, situada nun dos montes máis elevados que arrodean o fermoso val de Torés, esperabamos atopármonos, como indica o nome, cunha especie de gran caixa escavada na rocha que agocha un tesouro, ou cunha arca ou anta dun enterramento megalítico. Nin unha cousa nin a outra. De onde vén o nome? Ninguén o sabe, e se alguén o sabía xa non se atopa entre nós. Un misteiro máis que, temémonos, quedará sen resolver.

A Pena do Tesouro, máis ca unha pena é unha sucesión de grandes rochas xistosas que semellan unha poderosa muralla natural. Actuaba como liña divisoria entre Riomao e Viladicente. Din que nalgún sitio está agochado (como non!) un fabuloso tesouro que ata o presente ninguén foi quen de atopar.
A Pena do Tesouro 

Deixamos para o final o lugar coñecido como A Ermida. Só puidemos ver unhas pedras, comidas pola matogueira, que quizais actuaron nalgún momento como alicerces dunha antiga construción relixiosa que ninguén lembra nin endexamais escoitou que alguén a vira. Si nos contaron que no sitio se xuntaban os curas de Torés e Viladicente (As Nogais) e de Morcelle e Guillén (Becerreá) para comer. 
A Ermida