* Campo de Árbore ou de Árbol?

O Campo de Árbore ou Campo de Árbol sitúase a 794 metros de altitude, na parroquia de Cascallá (Becerreá), á altura da N-VI que comunica as capitais municipais de Becerreá e Baralla. Dá nome a un alto e a un pequeno núcleo de poboación. O topónimo oficial é Campo de Árbore, mais na cartografía da Xunta de Galicia figura como Campo da Árbore e Campo de Arbre.

 

Blázquez (1923), Esfefanía Álvarez (1960), Amor Meilán (1991), e con dúbidas Arias Vilas (1992) ubican aquí a mansión Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado que adoita identificarse coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II quen, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalinus é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus Augusti, dirección Asturica Augusti. O Campo de Árbore ou de Árbol atopábase próximo á vía romana XIX e aos castros das Fontes, Todón, a Serra e a Torre.

Malia o anterior, nós cremos que a mansio Timalinus situábase máis ao norte, a uns catro quilómetros en liña recta do Campo de Árbore ou de Árbol. Cando as obras de construción, no ano 1932, da estrada que vai ata O Cádavo (Baleira), na Condomiña (Baralla), no lugar coñecido como o Agro de Pedreda, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata. No ano 2012 localizamos xunto o muro exterior dunha casa de Todón de Abaixo (Becerreá) unha base de columna romana, e non moi lonxe, na Ponte de Neira, nun xardín particular, unha base e un fuste da mesma época que na actualidade actúa como soporte dunha cruz moderna. Ambas as pezas, contáronnos, proceden do Agro de Pedreda. Temos noticia da existencia doutro material que permanece en mans particulares, ademais do que quedou baixo a estrada.

 

Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalion ao que outros chaman mécon ou paralion, que daría o topónimo Paralia/Baralla. Tithymalion ou tithymalis, segundo Nicandro Ares Vázquez, ben podería dar Timalinus. Mais, que nós saibamos, non se conservan referentes. O que si semella bastante claro é que este topónimo ten unha raíz prerromana máis o sufixo latino e que sinalaría un castro onde logo se ergueu a mansión (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, 2008).

Segundo o dicionario da RAG, unha árbore é "calquera planta de tamaño grande, con tronco leñoso e elevado que se divide en pólas a partir dunha certa altura". En Galicia, a árbore, do latín arbor, -oris, tamén recibe o nome de albre, árbole, árbor e arbre. Algunhas árbores tiveron un culto xeralizado no país, pois críase que eran sagradas, atribuíndoselles, nos máis dos casos, propiedades benéficas, mais tamén prexudiciais.

En Campo de Árbore vemos un sintagma de orixe latina: campus e arbor. Ares Vázquez, en Lucensia (2009), ao falar da parroquia de Árbol, en Antas de Ulla, di que se cadra foi un diminutivo *arvulum, de arvum, campo cultivado. Mais, se tomamos o Tombo do mosteiro de Celanova do ano 1004, atopámonos cun vinea de Arbori o que nos leva a pensar que arbori fose un antropónimo do nome persoal Arborius (Kajanto, 1982) ou Arborus (Rivas Quintas, 1991), o que nos levaría a Campo de Árbol.