* BIC para dúas pontes de Baralla

O día 2 de xuño de 2016, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, acolléndonos ao artigo 16 da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, presentamos ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a solicitude de declaración como BIC de dúas pontes históricas situadas no concello de Baralla: a Ponte de Covas e a Ponte dos Mazos.

A Ponte de Covas atravesa o río Neira, tributario do Miño. É medieval de posible orixe romana. Construída en cadeirado de granito e xisto, ten tres arcos semicirculares, con luces de 15 metros o central e 5,20 metros os laterais. Ten unha lonxitude de 25 metros e unha anchura de calzada de 3,5 metros. Por ela discorría unha variante da Vía romana XIX, abeirada na zona polos castros romanizados de Gundián, A Croa de Pousada, Basille, Berselos, Covas, Traspena, etc. Tamén formou parte dun atallo dunha variante do Camiño Francés de Santiago. Recentemente, e a pouca distancia da ponte, localizamos un asentamento, probablemente de época medieval, onde se erguería unha torre ou atalaia que exercería control sobre este paso. Ademais de apreciarse claramente os restos dunha muralla e un foxo, debaixo do outeiro abríronse varias covas na pedra calcaria realizadas por man humana. Nunha delas atopamos restos dun recipiente cerámico. O lugar coñécese como O Castelo. O Concello de Baralla está a traballar no acondicionamente dunha ruta á beira do río que comunicaría esta ponte coa de Carracedo, no municipio limítrofe de Láncara.

 

A Ponte dos Mazos sitúase na aldea dos Mazos, na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Como a de Covas, salva o río Neira. A ponte actual data do século XVIII. Construída en granito e xisto, ten un arco de medio punto con luces de 11,50 metros. Ten unha lonxitude de 29 metros e unha anchura de calzada de 3,80 metros. Amor Meilán relaciona a ponte cunha antiga calzada romana, e Pardo de Neyra fala dunha pedra cunha inscrición en latín que nós non atopamos e que os veciños nunca viron nin escoitaron falar dela. Javier Gómez Vila tamén di que ten orixe romana. O que si está ben documentado é que por esta ponte pasaba o Camiño Real. Nas inmediacións consérvanse as ruínas do mazo que lle deu nome tanto á aldea como á ponte, unha antiga ferrería que funcionou dende mediados do século XVIII ata finais do XIX.

A declaración como Ben de Interese Cultural destas pontes é fundamental para a súa conservación. Ambas as dúas, ademais de estar comidas pola maleza, mostran apreciables danos nas súas estruturas. Por elas pasan vehículos a motor. 

O Concello, ao que tamén presentamos a proposta dirixida á Xunta de Galicia, amosou involucrarse activamente na posta en valor destas infraestruturas históricas.