* As Guerras Carlistas na comarca dos Ancares

Reciben o nome de Guerras Carlistas a guerra civil que dende a morte de Fernando VII (1833) enfrontou aos partidarios do seu irmán Carlos e os seus descendentes coa filla Isabel II e a nai desta como rexente. Neste ano desaparece o antigo Reino de Galicia e a división en catro provincias realizada polo ministro Javier de Burgos, que supuxo a desaparición de Galicia como entidade histórica e administrativa.


A Primeira Guerra Carlista ou dos Sete Anos desenvolveuse entre 1833 e 1840, entre os partidarios absolutistas de Carlos María Isidro de Borbón e os liberais de Isabel II. Euskadi e Navarra apoiaron maioritariamente a Carlos que contaba co clero, ameazado pola desamortización das terras eclesiásticas, e os terratenentes polo apoio do pretendente aos foros. Outros escenarios localizáronse en Aragón e Catalunya, e en menor medida noutras zonas do norte de España, entre elas Galicia onde se documentan pequenas partidas.

A Segunda Guerra Carlista ou Guerra dos Matiners, entre 1846 e 1849, tivo Catalunya como principal escenario, ao fracasar os intentos de casar a Isabel II co pretendente Carlos Luis de Borbón.

A Terceira Guerra Carlista foi entre os anos 1872 e 1876 entre os partidarios de Carlos María de los Dolores Borbón, pretendente carlista co nome de Carlos VII, e os gobernos de Amadeo I de Saboya, da I República, e de Alfonso XII. Como na primeira, os carlistas atoparon o maior apoio en Navarra e Euskadi onde restauraron os foros o que influíu no levantamento en Catalunya e en menor medida, entre outras, en Aragón, Galicia e Valencia.

Escribe Barreiro Fernández (1976) que a maioría do campesiñado galego non apoiou aos carlistas, a pesares de que os curas, partidarios dos pretendentes, pagaban aos labregos para que se uniran á causa o que impediu a formación dun exército en Galicia que os obrigou a organizarse en forma de guerrillas, tácticas aprendidas na loita contra os franceses, encabezadas por fidalgos e integrantes do clero, financiados dende os Bispados, principalmente de Lugo e Santiago. Di Castroviejo Bolibar (1977) que resulta evidente a falta de apoio das clases campesiñas ao carlismo, é máis, o campesiñado en Galicia colaborou co exército e participou na persecución dos cabecillas que representaban a opresión caciquil, tese que contradí algún autor afirmando que o labrego non só colabora na loita, senón que o fai en defensa dos que o tiveron secularmente sometido xa que ve no carlismo un camiño para unha serie de reivindicacións económicas e sociais, esperando que o carlismo os liberara da miseria.

A zona oriental da provincia de Lugo estaba ao mando de Francisco Xavier Martínez Villaverde, irmán do líder carlista Juan Martinez Villaverde, alcumado o Cura de Freijo ou Arcediano de Mellid. Con Francisco Xavier, mandaban as tropas carlistas Manuel Álvarez Fernández, alcumado o Señorito de Bullán, e José Ramón González Soto, alcumado Mosteyro, que actuaban en territorios ben coñecidos por eles onde podían recrutar aos campesiños ou utilizalo como refuxio en caso de necesidade. Malia esa vantaxe, o campesiñado da montaña non era moi fiel, documentándose varios casos de delación aos seus compañeiros ou desertando. O Señorito de Bullán morreu nun enfrontamento co exército en marzo de 1837; despois de pasear o seu cadáver pola cidade de Lugo, os liberais cravaron a súa cabeza nunha pica para que servise de escarmento. González Soto foi morto a baionetazos na Fonsagrada en outubro de 1838 por unha patrulla que previamente fora avisada por uns paisanos; o seu cadáver leváronno ata a Pobra de Navia onde estivo exposto na igrexa. Sucedeuno Isidro Pontón, morto en xuño de 1839 nun enfrontamento co exército. Cando o proceso, á súa parella, Xosefa de Busto, atopáronlle documentos pertecentes a Pontón, entre outros o do nomeamento como xefe militar para Burón, Cancelada e Navia.


Quizais un dos espisodios máis soados foron as tentativas dos carlistas de apoderarse da praza da Fonsagrada dende onde controlaban os vales de Burón e Navia, pero por desacordo dos seus xefes desisten dúas veces, orientando o seu obxectivo, en xullo de 1835, cara o Cereixal, en Becerreá, acción, aínda que exitosa nun primeiro momento, logo tiveron que fuxir fustrigados polas tropas isabelinas de Lugo, dispersándose, segundo deixou escrito o arcediago de Melide, polas montañas de Cervantes, Navia e Burón. Despois da acción do Cereixal, o Cura de Freijo propuxo atacar o destacamento das Nogais ou Meira que non se levou a cabo pola oposición do resto. Os carlistas conseguiron recrutar bastante xente en Burón, Cervantes e Navia de Suarna, dándolle que facer ao inimigo, causándolle algunhas perdas, pero debido ás liortas internas de pouco lles valeu.

O xornal El Asturiano do 21 de marzo de 1836 informa que "En el partido de Navia de Suarna, foco de la rebelión, ya no existe más gavilla que los bandoleros Bullán, Soto y Sambreyjo". A pequena nobreza de Navia de Suarna, composta por fidalgos, a maioría con baixos recursos e mesmo pobres, simpatizou co carlismo (nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de 1752, apenas se citan propietarios fidalgos). O periódico El Español, do 16 de xuño de 1836, insire a noticia de que o día anterior, o comandante da Guardia Nacional, Teodoro de Cedrón y Ulloa, cando escoltaba o correo que viña de Pedrafita do Cebreiro tivo coñecemento en Castelo que "19 facciosos de caballería" se dirixían cara Cervantes. O comandante deixou o correo cunha escolta e co resto foi en busca dos carlistas que alcanzou "a duras penas" en Vilapún (Cervantes), ao que atacou, producíndolles tres mortos e ferindo e tomando prisioeiros a outros, "y les ocupó catorce caballos y yeguas, dos trabucos, dos tercerolas, una carabina, una pistola y dos sables, sin haber habido por su parte la más pequeña desgracia".

Villa-Amil y Castro (1886) fala dunha batalla en Neira de Rei o 7 de decembro de 1836 onde as partidas de "Bullán y Sarmiento (sobrino) perdieron casi la mitad de su gente".

Un dos persoeiros máis destacados do bando carlista durante a Terceira Guerra na provincia de Lugo foi Manuel Núñez Saavedra, nacido en Vilarín, aldea dividida entre as parroquias de Doncos e A Alence (As Nogais), xuíz de paz que chegou a ter baixo o seu mando unha facción duns 250 homes ben armados e varios cabalos. Como acontecera na Primeira Guerra, os carlistas contaban co apoio dos fidalgos e cregos do rural. O 25 de febreiro de 1873, a partida de Núñez Saavedra, seguido por 80 homes, apoderouse dun coche correo con fondos nacionais en Becerreá. O 3 de maio do mesmo ano, o alcalde das Nogais informa ao gobernador civil de que as forzas gubernamentais atacaran unha partida de Núñez Saavedra na zona do Pando e Campo do Furco, facendo un prisioeiro e apoderándose de cartas, pólvora, racións de pan, etc. Polo apoio ao levantamento e cooperación á rebelión carlista en febreiro e marzo de 1873, abriuse causa criminal contra o veciño de Cruzul (Becerreá) José Rodríguez Fernández.

El Eco de Galicia do 13 de marzo de 1873 recolle a seguinte noticia: "Según parte comunicado por el Juez de primera instancia de Becerreá y que se fijó anoche en varios sitios públicos, autorizado con la firma del Gobernador de la provincia, las tropas de la república batieron en Donís (Cervantes) la partida carlista causándole 24 bajas. Los demás huyen aterrados". No mesmo xornal do 23 de marzo: "Hemos oído que en uno de los encuentros con la partida de Saavedra se cogió un saco con 19 granadas de mano y que una de ellas echada en el asalto de Donís reventó sin causar daño alguno". O 15 de maio, un grupo de máis de vinte carlistas saen ao encontro do recadador de Neira de Xusá (Baralla) obrigándoo a entregarlle 30.755 reás que gardaba na casa do xuíz municipal, Manuel Neira, baixo a ameaza de queimar a casa e matar ás persoas que se resistiran.

A facción de Núñez Saavedra, que se dispersara en pequenos grupos, concéntrase na aldea de Donís onde son atacados polos carabineros que toman o pobo e fan algúns prisioeiros. O 10 de xullo de 1873 apodéranse de máis de 53.000 reás en Mirandela (Castroverde). No mes de xullo de 1873, Núñez toma a vila da Fonsagrada e asalta o xulgado, destruíndo o expediente aberto contra el e os seus homes. Do xornal madrileño La Correspondencia de España, do día 10 de setembro de 1873, extraemos a seguinte nota: "La Gaceta dice, en su sección de noticias, que ayer entraron en Santalla (Cervantes) 100 carlistas que recogieron 60 pesetas de la recaudación de la contribución. También se ha presentado otra partida en Navia de Suarna, donde quemó el Registro Civil. Las tropas de la República persiguen a ambas partidas". No mes de marzo de 1874, o grupo de Núñez Saavedra libera do cárcere a un dos seus, preso en Becerreá. Nesta localidade tamén queimou o xulgado a causa dun embargo de bens que pesaban sobre el e os seus lugartenentes. Noutra ocasión, a Casa Grande de Nullán (As Nogais), da súa propiedade e que actuaba como cuartel xeneral dos carlistas, foi cercada polos gubernamentais, conseguindo fuxir disfrazado de muller. Tivo como segundo a Francisco Fernández Cordeiro, ex-tenente do exército, natural de Pereira (Castroverde). Na "Causa contra D. Manuel Núñez Saavedra" aberta no ano 1874 que se garda no arquivo universitario de Santiago de Compostela, dise que en abril de 1873 queimara o rexistro divil de Neira de Xusá.

 

El Español de abril de 1874, insire unha noticia do xulgado de primeira instancia da Fonsagrada onde se cita e empraza a Francisco María Cancio, como xefe carlista, cos individuos que compoñen a súa partida, formada por 30 ou 40 homes "armados y desconocidos que penetraron en la Villa de Navia de Suarna la mañana del veinte y seis de marzo último, habiendo estraído mil reales de fondos municipales y quemado el Registro Civil, a fin de que en el término de diez días se presenten en este Juzgado a prestar las correspondientes declaraciones de inquirir en el sumario que contra los mismos se instruye con tal motivo, bajo apercibimiento de que no verificándolo se declararán reveldes y parará el perjuicio que haya lugar en derecho, con arreglo a la ley de Enjuiciamiento vigente".

Di Barreiro Fernández que os xefes carlistas lograron amotinar varias aldeas da actual comarca dos Ancares por causa dos abusivos impostos e a leva de mozos para o servizo militar, o que non se traduciu nun apoio popular ao carlismo, senón para manifestar a súa oposición.

Na comarca dos Ancares aínda existe memoria popular do carlismo. Un veciño de Navia de Suarna contounos que un xefe carlista era da Casa do Príncipe, en Vilarpandín. Dise que na Pena de Murias (Navia de Suarna) os carlistas agocharon un tesouro; moitos foron quen o buscaron, pero sen fortuna; asegúrase que se atopa no único sitio dende onde se pode divisar o campanario da igrexa parroquial de Rao. Na Valiña, un monte de Valgos (Cervantes), está a Fonte do Tesouro onde se di que os carlistas agocharon un saco con moedas. No monte da Escadela, en Vilarnovo (Cervantes), o xefe dunha facción carlista agochou os cartos destinados a pagar aos seus homes para quedarse con eles, mais o home, despois de enterralos, foi devorado por un lobo. Nunha casa de Vilar de Ousón (Becerreá) aínda se conserva o sitio onde os propietarios agochaban a carne para que non lla roubaran os carlistas.


Na Primeira Guerra Carlista participou Luis Antonio Becerra Chao, o Curandeiro de Vilaicente, que acadou sona por lle extraer unha moa a Isabel II, feito que lle valeu o título de Caballero Descubierto, gozando dende aquelas do favor de non ter que descubrirse diante do rei. No 1836, con 21 anos, alistouse na Compañía de Voluntarios formada nas Nogais para perseguir aos carlistas, sendo miliciano durante anos na zona de Pallar de Xubín, na provincia de Ourense, onde tivo grande amizade cun médico da zona de quen aprendería certos coñecementos médicos (á morte do médico casou coa viúva).


O triunfo dos liberais non mudaron substancialmente as condición de vida das xentes da comarca dos Ancares, a baixa nobreza que substituíra aos grandes propietarios feudais, encarnada na fidalguía, continuaba a ser a gran beneficiada dos privilexios que lles proporcionaban os foros. Así, existe constancia de que a loita a favor da redención foral foi unha constante entre os veciños da comarca dos Ancares ata a súa abolición.

A pegada do carlismo, lonxe de desaparecer no 1876, xogou un papel de certa relevancia no século XX. Os requetés ou boinas rojas, organización paramilitar do carlismo, posicionáronse a prol do bando golpista do xeneral Franco durante a Guerra Civil (1936-1939).

BIBLIOGRAFÍA

Barreiro Fernández, X.R.: El carlismo gallego. (1976)

Castroviejo Bolibar, M.F.: Aproximación sociológica al carlismo gallego. (1977)

Comesaña Paz, A.: La Tercera Guerra Carlista en Galicia: un epítome y algunas observaciones de interés. (2017)

López Pombo, L.: En Galicia Digital: D. Manuel María Núñez Saavedra. (2006)