APELIDOS DA COMARCA DOS ANCARES


Os apelidos naceron pola necesidade social de identificar ás persoas, de diferenciar uns individuos doutros, alcumes cun significado moi claro para aqueles que encomenzaron a usalos. 
 
O apelido, o nome de familia con que se designan ás persoas e que pasa de pais a fillos, aparece coa sociedade romana. O nome romano compoñíase do praenomen distintivo de cada individuo, do nomem que era o da familia, e do cognomen que identificaba a rama familiar, os coñecidos como tria nomina.

Os apelidos galegos teñen a súa orixe no século IX, cando comeza a aparecer un segundo nome, pois a pesares da gran variedade de onomásticos persoais que se usaban xurdiu a necesidade de identificar con claridade a cadaquén, empregándose para elo varios recursos. Para compoñer os apelidos, os nosos antepasados tomaron como referencia todo aquilo que formaba parte das súas vidas: a relixión (nomes de santos, festividades relixiosas...), os oficios (ferreiro, muiñeiro...), cargos civís, eclesiásticos e militares (alcalde, abade, cabaleiro, guerreiro...), formados a partir dun nome propio (López, Álvarez, Rodríguez...), da condición das persoas (vasalo, criado...), da idade (novo, vello...), do parentesco (sobriño, neto...), dos animais (coello, vaca...), das características persoais (delgado, branco, calvo...), do lugar onde vivían (casal, vilar...), da orografía (coto, montaña...), dun sobrenome (malo, bo...). Mais, se ben é certo que moitos apelidos proceden do lugar de orixe dos devanceiros, na antigüidade eran as persoas as que adoitaban perpetuar o seu nome no lugar onde habitaban.
 


A onomástica persoal (antroponimia) sufriu os efectos letais herdados dos Reis Católicos, co prace da Igrexa, que prohibiron poñer nomes galegos aos bautizados, prohibición que durou 400 anos, deturpando este inigualable arquivo do noso pasado, da nosa orixe, mesmo "traducindo" ata o ridículo nomes e apelidos sen correspondencia co castelán (como ben apunta Méndez Ferrín, moitos nomes e apelidos galegos non foron traducidos porque os cregos e funcionarioos ignoraban as súas equivalencias en castelán), eiva subsanada en parte pola lei que modifica algúns artigos do Código Civil e a lei do Rexistro Civil que hoxe permite mudar os apelidos.

A partir do ano 1870 regulaméntase por lei o sistema actual de apelidos o que obrigaba a rexistrar aos recén nados co primeiro apelido do pai e o segundo da nai. Na actualidade, coa Reforma do Rexistro Civil, xa non prevalecerá como primeiro apelido o do pai, podendo inscribir  ao recén nado co primeiro da nai. 
 
Co presente traballo pretendemos achegar un pequeno gran de area para que non se perda este marabilloso legado. Somos conscientes de que, en máis casos dos desexados, podemos errar na etimoloxía e no significado (para algúns apelidos achegamos máis dun), pero, como acontece coa toponimia, na onomástica persoal nunca está dita a derradeira palabra.

A maior parte dos máis de 600 apelidos presentes na Comarca dos Ancares que achegamos teñen unha orixe prerromana, latina ou xermánica, aínda que tampouco é raro atoparnos con apelidos doutra procedencia (onomásticos hispanos, esporádicos árabes, etc.). Os que máis abundan son os relacionados coas características do terreo ou que teñen a orixe nun nome de lugar, seguidos dos procedentes de nomes de persoa, e logo os relacionados coa flora e a fauna.
 
A comarca conta con apelidos case inexistentes na maioría dos concellos galegos: Ancares (media ducia en toda Galicia), Ardevila (só en Cervantes), Coro (só en Cervantes e Navia de Suarna), Quindós (a maior parte en Cervantes), Revaldería (presenza masiva en Baralla), Cervantes, Vilor, Espín, Madarro, Mosteirín ou Vecín.

Para rematar, dicir que fuximos de interpretacións grandilocuentes, de vendedores de escudos e árbores xenealóxicas que nos queren facer ver que todos descendemos de linaxudos antepasados, cando a maioría das persoas nada teñen que ver coa aristocracia nin nada que se asemelle. É un erro crer que os escudos representan os apelidos, os apelidos non teñen escudo e as linaxes que representaban a maioría dos brasóns despareceron. Ao final todo é moito máis sinxelo. E máis próximo.

Nota: O asterísco (*) que colocamos diante dalgunhas palabras débese a que se trata dunha palabra dunha lingua desaparecida, e non porque quedara un rexistro escrito sobre ela.

ABADE/ABAD 
 
Do latín abbas, este do grego abbâ, "superior dun mosteiro", e este do siríaco abbã, "pai". En Galicia tamén recibía o nome de abade o cura dunha parroquia ("O señor abade"). Aplicado tamén a unha persoa que servía ao superior dun convento ou mosteiro ou estaba sometido ao seu señorío. A forma feminina do latín tardía é abbatissa. Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese a un camiño como "Loco nominato Aer de Abadessa...". A Fonte do Abade témola en Ferreirós de Valboa (Becerreá). Fraseoloxía: "Abade de moita bamba, que di que non come e ben que se farta". "Abade que comeu da ola, inda ás veces quer da cazola". "Con abades non rifedes nin vos metades". "Con abades, nunca preitos teñades". "Na casa de abade, comede e levade". "O abade de aldea, se ben xanta millor cea". "O abade do que canta, xanta". "O abade, onde canta é onde xanta". "Ao abade vello, pólos e coello".

ABEL 
Orixe vikinga, co significado de “albo, branco”. Hai quen defende a súa orixe no asirio habel, "fillo". Outros que é sinónimo de avó. Segundo Caridad Arias, a forma Abel-, ao perder a vocal protética a-, aparece dando nomes a divindades solares que conforman a figura do xove deus solar, con nomes como Bel ou Baal, o branco, o brillante, o deslumbrante. Conteñen este nome o deus aquitano Abel(l)io e o cretense Abelios, identificado con Apolo. Abel é un nome bíblico, fillo de Adán e Eva e irmán de Caín e Set.

ABELAIRAS 
Orixe nun fitotopónimo. Do latín abellanaria. Lugar onde existen ou existiron abeleiras, referido a (nux) abellana, árbore ou arbusto que dá as abelás. A casca mailas follas utilizábanse para cortar diarreas e hemorraxias.

ABELEDO
Do latín abellanetum, abundancial de abeleira, árbore cuxa profusión en Galicia propiciou unha ristra de nomes: abeleiral, abelaedo, abeal, abelaeiro, abelaído, abeleda, abelenda... 

ABELLA
De apicula, abella, o insecto himenóptero que produce o mel, moi apreciado na economía doméstica da comarca dos Ancares. No oeste peninsular son frecuentes topónimos e antropónimos como Abella, que en romance galego semella facer referencia á abella que, segundo Caridad Arias, sería "a vella" se separamos o "a" inicial. Como no caso do apelido Abel conteñen este nome os célticos Abel(l)io ou Avel(l)io, divindades prerromanas. Crese que moitas almas dos mortos veñen á terra  con forma de abella ou abellón. Documentado no mosteiro de Oseira no sécculo XIII: "Petrus Iohannis Abelia". Fraseoloxía: "O que mata unha abella ten cen anos de pena", "Abellas revoltas, tempestades ás voltas".
 

ABELLEIRA
De apicula, abella, mailo sufixo abundancial -eira, ou de abellana nux, da que saíu o nome da abeleira. Frei Martiño Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, di que escoitou que chamaban así á planta da melisa, melissa officinalis L., coñecida tamén como abelleira porque as abellas gostan das súas flores. Francisco Javier Rodríguez, no Diccionario gallego-castellano (1854), identifica a abelleira coa melisa, herba cuxo nome dan os gregos ás abellas. Mais esas, tamén podemos estar diante, como no caso de Abella, dun antropónimo ou teónimo de orixe celta.

ABRAIRA
A abraira é unha variante de abeleira, corylus abellana, a árbore que dá as abelás, abellana nux, tamén coñecida como abelaira ou abeleira.

ABRIL
Latín aprilis. Cuarto mes do ano actual e segundo do antigo ano romano. Hai quen o relaciona co verbo aperire, "abrir", outros co grego aphrós, "escuma", palabra relacionada con Aphrodite (Afrodita), a deusa mitolóxica grega que os romanos chamaban Venus. Fraseoloxía: "Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gado". "Abril frio e mollado, enche o celeiro e farta o gado". Abril, augas mil coadas por un mandil". Abril frio e fornos quentes, alegría para os meus dentes". "En Abril, cada pinga val por mil". "Entre Marzo e Abril, sal o cuco de cubíl, que coa neve non quer vir".

ABUÍN
*(Villa) Avioli, pertencente a un propietario agrícola medieval de nome Aviolus, Avioli, Avolinus ou Abolinus. Non falta quen o fai derivar do árabe Abu e ihn (avó - filial) que se entendería como patriarca. Segundo o linguísta alemán Joseph M. Piel, Aviolus é homófono do nome común aviolus, "avó". Un documento do mosteiro de Sobrado dos Monxes fala dunha "villa nomini Avolini" do que sairía Abuín.

ACEDO
Do latín acetum, de acidus, que ten sabor agre ou de vinagre. Referido a unha persoa áspera, tosca. Amargado.

ACEVEDO
Abundancial de acevo ou acivo, latín vulgar aci-folium ou aquifolium, folla de agulla. Acivido é tamén unha aldea da parroquia de Covas, en Baralla.

ACIBO/ACIVO
Apelido que vemos escrito con "b" e "v", a forma correcta. Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que usado como adorno navideño case provocou a súa desaparición. Foi no latín vulgar acifolium, "folla de agulla", debido a que o arbusto ten as follas bordeadas de espiñas. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.

ACOSTA
Do latín costa, terreo en pendente, particularmente referido a un camiño. Hai autores que o fan derivar do latín a, "a, acción", e de costare, "costar"; de com, "con, xunto", e stare, "estar de pé, estar xunto a acción".

AGUIAR/AGUILAR
Do latín aquila, aguia, máis o sufixo abundancial -ar, lugar onde abundan as aguias, as maxestosas aves rapaces. Aquilare noméase en documentos galegos dos anos 897 e 988. Ditos: "Mirada de aguia", referido a unha persoa de ollar penetrante, ou "Ollos de aguia", de vista aguda.

AGUIRRE
Orixe vasca, co significado de “lugar alto que domina un terreo”.

AIRA/EIRAS
Do latín area. Espazo próximo á casa utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. A deusa céltica Eira exercía como médico dos deuses. Tamén recibe o nome de aira unha planta que medra entre o trigo. Johan Airas e Airas Nunes foron dous trobadores galegos do século XIII.
 

ALARCÓN
Apelido composto. O primeiro elemento pode vir do gótico *alds, "todo", e o segundo unha variación do tamén gótico *reihs, "gobernar, dominar", co sufixo aumentativo.

ÁLAVA
Latín alapa, "taco de madeira do rodicio do muíño". Álava (Araba) é unha provincia de Euskadi. Álaba (con "b") é unha clase de pataca de cor branca.

ALBA
Do preindoeuropeo *alb, “monte”, ou do latín albus, “branco”. A primeira luz do día que precede á saída do sol. Aurora e o hebreo zephirah, que significan alba, foron usados como nome feminino en Israel. Con til no último "á" faría alusión a unha (villa) Albana dun posuidor de nome Albanus. Tamén recibe o nome de Alba  a vestidura de lenzo branco que se pon o sacerdote para dicir misa. 

ALBERTE
Do xermánico Albertus. Significa “nobre”.

ALCALDE
Do árabe al-qannad (árabe clásico alqadi) que significa “guía, condutor, xuíz”. Na Idade Media, "xuíz que administraba a xustiza nalgunha poboación". Na actualidade, o presidente dun Concello. Fraseoloxía: "De alcalde a verdugo, mirade como subo". "Non ornearon en balde un alcalde e outro alcalde".

ALCÁNTARA
Do árabe *Al e a raíz preindoeuropea *khan ou *khant, emparentado con *kar, "pedra". Árabe clásico qantarah. Grego kéntron. Semella gardar relación con "auga", al-quantara, "dique, ponte, arco, acueduto". Pódese entender aquilo fabricado con pedra que permitiría o tránsito dende ambas as dúas ourelas dunha corrente fluvial. Álcántara foi unha orde militar e relixiosa fundada no ano 1154.

ALDEGUNDE
(Villa) Eldegundi, dun posesor de orixe xermánica de nome Eldegundi. Nicandro Ares Vázquez di que evoca o xenitivo do xinecónimo Aldegundia/Eledegundia. A raíz *gunthi significa “loita”.

ALMONTE
Orixe sefardí. Nace da palabra har en hebreo que quere dicir “monte”. Mais tamén hai quen defende que está composto polo artigo árabe al e o latín mons/montis, "monte". Segundo outros autores, o gótico mundus, "protección", que deu monde, pode ser unha variación, nalgúns casos, de "monte".

ALONSO
Apelido patronímico. Alonso é unha forma deturpada de Afonso. O primeiro elemento do nome pode vir de *ath, "combate, loita". A forma latina Adefonsus xa aparece nun documento do mosteiro de Caaveiro do ano 714.  Entre a fidalguía galega mantivo a forma galega Afonso como apelido ata o século XVII, sendo castelanizado a finais dese mesmo século. 
ALVARADO 
Semella facer alusión á abundancia de albarus, "álamo branco, lamigueiro". Tamén puido ser albaretum, variante medieval de arboretum, arboredo.   

ÁLVAREZ
Patronímico derivado do nome propio Álvaro ou Álvar, ”fillo de Álvaro”. *(Villa) Alvari en alusión a un propietario medieval de nome Alvarus. A orixe tamén pode estar no árabe all + warjan que significa “que se defende de todos”, ou no xermánico alls + wars, “moi prudente”. Piel e Kremer suxiren unha conexión coa palabra gótica ahls, "lugar sagrado". Nas súas diversas formas, atópase documentado en Galicia dende o século XI.

ALVES
Galego. Patronímico, "fillo de Álvaro", nome que J. Piel explica polo gótico *alls, "todo" e *war, "precaución".

AMADO
Do latín amare. Amado, apreciado, estimado.

AMAIJENDA
Semella derivar dun fitotopónimo, relacionado co galego ameixenda, ameixal, ameixedo, ameixido..., de amascetum. Ou relacionado co nome persoal Maxitus, se ben o "a" inicial dificulta, en palabras de J.L. Pensado, a súa identificación.

AMEDO/AMENEDO
De aminetum, lugar onde hai ameneiros, a alnus glutinosa, árbore que medra preto de augas correntes, de aí a relación coa raíz céltica *amen, "corrente de auga", relacionable tamén co étimo latino -am (amnis, río). Tamén pode derivar do antropónimo Ammo que logo daría Ammedius.
 

AMIGO
Latín amicu, "persoa coa que se ten amizade". Antigamente, amancebado, namorado, o que amaba e era correspondido, amante. Tamén pode vir do antropónimo celta Am(m)illus.

AMORÍN
Alusión a un propietario medieval de orixe latina de nome Amorinus, diminutivo de Amor. Amorín cítase nun documento galego do ano 1309.

ANCARES
Apelido localizado no concello de Navia de Suarna. Ademais dunha serra, Os Ancares dan nome a unha comarca galega formada polos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, división territorial que cando a súa polémica creación tivo máis en conta criterios políticos ca xeográficos e culturais. O étimo Ancares deriva da raíz indoeuropea *ank, ankon en grego, e angulus en latín, que en galego deu anco, dobrar, ángulo ou revolta nun terreo. A mediados do século XVIII, Frei Martín Sarmiento xa escribiu que chamaban ancos ou "ancones" ás curvaturas dos montes, promontorios e picos. Para algúns investigadores pode ter a orixe na palabra Antares, citada no Codex Calixtinus, unha estrela da constelación de Escorpio. Para outros vén de ancarius, asno, o animal de carga. O retórico latino Chirus (século IV) escribía que os hispanos non dicían cubitum (cóvado) senón ancon, coma os gregos, o mesmo que San Isidoro na súas Etimologias. Di Nicandro Ares que Ancetolus é outro nome persoal, derivado de ancus e Ancetus, que se atopou en terras galegas. Segundo os investigadores ten como base a raíz indoeuropea *ank, "dobrar, encurvar", testemuñadas polas voces celtas, latinas, gregas, xermánicas, etc. Nun documento que se atribúe ao ano 569 e que se refire aos condados asignados ao bispo de Lugo no chamado Concilio Lucense, ao delimitar o Condado de Navia, dise que dende os "Montes de Ibias viña ad Portum de Anquares". Para don Nicandro, Ancares sería unha palabra indíxena, equivalente a angulares, o cal corresponde perfectamente coa orografía da serra.

ANDÓN
Alusión a un propietario, quizais de orixe celta máis ca xermánica, que atendía polo nome de Andilo, Andius ou Andionis.

ANDRÉS/DE ANDRÉS
En galego André. Do grego anér, andrós, “home forte, viril”, como oposto á muller. Na comarca temos a parroquia de Santo André das Nogais.

ANIA
Orixe hebrea que significa "Graza de Deus, compasiva". Na mitoloxía sumeria AN/ENI, "deus do ceo", adaptouse como nome propio Aina, "irmá maior". Tamén peza do muíño.

ANSAREO
Alusión a un posesor de orixe visigótica de nome Ansarius ou Ansaredus. Ansareo é tamén unha aldea da parroquia de Pacios, en Baralla.

ANTA
De antae, -antarum. Construción megalítica do período Neolítico de carácter funerario formada por varios ortostatos verticais cubertos por un ou varios horizontais a modo de tampa (dolmen). Para José Ibáñez Fernández, en Diccionario galego da rima e galego-castelán (1950), piastra ou marco cravado no chan para delimitar un terreo. Hai autores que o fan derivar de ante, "rumiante semellante ao cervo".

ARANGA/ARANGO
Base preindoeuropea *ara, “val”. Aranga é un concello da comarca de Betanzos. 

ARBOIRO
Do latín arbos, xenitivo arboris, "árbore". Tamén pode estar relacionado co nome latino Arborius.

ARCAS
Do latín arca. Pode facer alusión a unha caixa, xeralmente de madeira, con tampa para gardar a roupa ou o gran. Ou caixa sepulcral, un enterramento megalítico, dolmen ou cista. Dito: "É unha arca sen fondo", referido a unha persoa que come moito, que nunca se farta.

ARCOS
Latín arcus, elemento arquitectónico de forma curva. Arma que tira frechas. Nicandro Ares Vázquez di que podería ser nome prelatino, porque aparece en Arco-briga, nos antropónimos Arcco, Arquius, Arquia, Arcius, e mesmo nos teónimos lucenses insculpidos en aras Arquienobo e Arco-munieca. Arco é tamén unha aldea da parroquia de Penamaior, en Becerreá.
 

ARDEVILA
*(Villa) Ardani ou de Ardii, pertencente a un propietario medieval de orixe xermánica de nome Ardius. No cemiterio de Dorna, en Cervantes, podemos ver o apelido "As de Vila" que cremos é unha deturpación ou unha errada transcrición de Ardevila. Ardevila é tamén unha aldea da parroquia de Dorna, en Cervantes. Esta aldea cítase en documentos do mosteiro de Carracedo do Bierzo nos anos 1475 e 1479 como Erdevila. 

ARES
Non existe acordo canto á etimoloxía deste apelido. Para algúns investigadores trátase dunha variante de Arias; para outros viría de aira, espazo próximo á casa para mallar os cereais. Mesmo hai quen sostén que podería derivar do prerromano *anaris, río. Para Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), ven de ar, "aires". Ares era, para os gregos, o deus da guerra. Malia o anterior, Nicandro Ares fai notar que na tessera hospitalis do Courel, un dos maxistrados que figura no pacto chamábase Latinus e era fillo de Arius. Ares é tamén un concello da comarca de Ferrol. 

ARÉVALO
Orixe celta *are-valon que vén a significar “contra o muro” ou, segundo outros autores, “entre ríos”. Mais non falta quen o fai derivar de Arevaccei, pobo prerromano dos Vacceos, ou do latín areus ou do grego áreios, de Marte, co sufixo latino alus, "en forma de".
ARGEREY
Do antropónimo gótico Argeredus. O segundo elemento quizais proveña do gótico *reps, "consello".

ARGIZ
Viría do antropónimo Argicius, como figura no catálogo celta de Holder. Piel e Kremer compárano co visigodo Arge-ricus.

ARIAS
Patronímico derivado do nome xermánico Aria, Ariano ou Ariamiro que vén a significar “afamado, estimado”. Aria é tamén unha voz árabe case sempre utilizada ao final de palabra composta e indica abundancia. Apelido orixinario de Galicia e Asturias.

ARMADA
Segundo Elixio Rivas, o topónimo designa antigas trampas para cazar. O linguista Joan Coromines derívao de arma. Constantino García González di chaman así á cerda en celo. Nicandro Ares di que pode facer alusión a un home de nome Armatus. Méndez Ferrín, que di que non ten nada que ver coas trampas para cazar, teoriza que a súa orixe está nunha raíz indoeuropea *er-/ or-, "moverse", que deu lugar a moitos hidrotopónimos europeos.

ARMESTO
Os filólogos alemáns Piel e Kremer supóñenlle unha orixe xermánica, comparando a súa terminación -esto con distintos nomes persoais, mais non aclaran a súa etimoloxía. Para Bascuas debe explicarse como derivado dun tema *arm-, relacionado á súa vez co radical indoeuropeo *er-, "fluír, poñerse en movemento". Como hipótese, tamén podería incluír a raíz xermánica *arm, "brazo, dano, arma". Armesto é tamén unha parroquia do concello de Becerreá. A Casa torre de Veiga de Forcas e a Casa torre de Pacios, en Pedrafita do Cebreiro, coñecida como Casa do Señor, pertenceu aos Armesto. 

ARNANZ
Do xermánico *arn, "aguia", e *wald, "poder, goberno", que deu Arnoald, latinizado Arnoaldus. Nome utilizado na Idade Media. 

ARRIBA/DARRIBA/DE ARRIBA
Do latín ad ripam que, en principio, significa á beira do río ou na ribeira, tamén nun lugar ou cara a un lugar máis alto ou superior.

ARROJO
Coidamos que nada ten que ver co verbo castelán arrojar, senón que se trata dunha deturpación do galego Arroxo. Segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985) de Constantino García González, nomea unha extensión grande de monte baixo. O alemán J. Piel, ladeira escarpada. Antón Santamarina identifícao co latín arrugium, plural de arrugia, alusión á canle construída polos romanos para o lavado de mineral, caudal curto de auga, e que Plinio di que é vocábulo prerromano. Nun documento do ano 775 lese arogium. Arroxo é tamén unha parroquia do concello de Baralla.

ARROYO
En principio, correspóndese co galego "regato, regueiro", do latín rigu, en alusión a unha pequena corrente de auga. Mais esas, hai autores que o fan derivar, como no caso de Arroxo, de arrugium.

ASCARIZ
Xenitivo do antropónimo visigótico Ascaricus ou Ascarius que sería o propietario dunha *(Villa) Ascarici. Ascariz é unha aldea da parroquia de Xiá, en Friol.

ASENJO
Hai autores que o identifican co ajenjo castelán, en galego o absintio ou asento, unha planta medicinal. Sería un fitónimo latino absinthium (grego absinthion), chamado tamén herba de Nosa Señora e herba lombrigueira.

ASENSIO
Uns din que deriva do latín ascensious, "feito de ascender", outros de ajenjo (o asente ou absintio galego, artemisa absentium), unha planta medicinal. En latín eclesiástico é Auxentius, de raíz grega que significa "acrecentar" 

ASTACIO
Do grego astathis que significa "incoherente".

AYÁN
Natureza toponímica galega coa orixe, ao parecer, no concello de Samos. Alusión a un posesor medieval que atendía polo nome de Adila. J. Piel dá a Aián a mesma orixe que Agila, do gótico agis, "estraño".

BAIXO 
Do latín bassus. Alusión a unha persoa de estatura menor que a ordinaria. Figuradamente miserable ou de humilde posición social. Mais tamén podería facer alusión a un propietario que atendía polo nome de Bassus ou Bassius.

BALBOA/VALBOA   
Orixe toponímica. Variante de val, latín vallis, "chaira de terra entre montes ou alturas", e bona, "boa". Balbo, derivado de Balbus, foi nome patriarcal romano que significa "de fala entrecortada". Segundo Caridad Arias, o suposto val podería ser vallum, equivalente a castro ou cidade fortificada, que posteriormente foi confundida coas súas homófonas vallis e val; e o segundo elemento, sen relación co adxectivo latino bonus, -a sería unha interpretación latino-romance. No pazo de Doncos, nas Nogais, hai un escudo coas armas dos Ribadeneira, Lemos, Valcarce e Balboa.  

BALONGO/VALONGO 
Caridad Arias di que a toponimia peninsular ofrece unha variedade de nomes cuxo primeiro elemento val ou vall refírese, aparentemente, ás características topográficas dalgún val, que poden ser longos, como Valonga ou Valongo, vallis longa. Sen desbotar que isto poida ser así, hai algúns nomes cuxo primeiro elemento adoita constituílo orixinariamente o elemento onomástico celta valo, "poderoso", antigo bretón gwal e xermánico balps, balth, "ousado". 
 
BAO/VAO 
Latín vadum, sitio pouco profundo dos ríos onde se pode pasar andando. Para Carré Alvarellos, no seu Diccionario galego-castelán (1933), "oco, baleiro, falta de solidez ou realidade".

BARCIA/BARCEA 
Coma o portugués várzea, terreo húmido chan e cultivado, do prerromano *vargina. Francisco Porto Rey, no Diccionario gallego-castellano (1900), di que é unha variante de breixo, extensivo a varios arbustos de igual xénero. Barcia é tamén unha parroquia do concello de Navia de Suarna.

BARDASCA 
De barda, colmo que se emprega como tellado. Barreira de estacas, silvas, ramallas, etc. que se utiliza para cercar ou bardar un terreo. Ou do latín viridem, verde, sufixo de relación asc-. Para Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández, no seu Vocabulario del bable de occidente, "vara grosa e flexible para o castigo". Nicandro Ares Vázquez emparéntao con Bardaos, que sería un antigo barretanos, étnico relacionado con Barredo, con base en barro.

BARGO/BARGOS 
Base céltica *barc, "altura, costa, monte". O bargo tamén é unha laxe ou pedra lisa utilizada para facer bargos ou valados. Nalgunhas partes de Galicia chaman así ás pedras abaladoiras ou oscintais ao redor das cales se celebraban os chamados “Xuízos de Deus”.

BARRA 
Relacionado coa raíz preindoeuropea *awer, "auga". O prerromano barra tamén denuncia un baixío, un banco de area que se forma na desembocadura dun río. Tamén cama tosca sen cabeceira. Piso tendido na sobre a corte nas pallozas para poñer a leña, patacas, etc. Barra é tamén unha aldea da parroquia do Castro, en Cervantes.

BARREIRA/BARREIRO/BARRO/BARRERA/BARRERO 
Do prerromano barro, "lama, fango", que non debemos confundir co barrum céltico, "barreira, estacada". Verbo deste barrum, A. Moralejo di que Barreira pode derivar del, en alusión a un obstáculo, artificial ou non. Elixio Rivas apunta os nomes comúns bara e bareira, "encosta, caeira". Méndez Ferrín vé a raíz indoeuropea *bhar-, *bhor-, "extremo agudo, prominencia". Para Caridad Arias, Barro pode vir do antropónimo Barrillus, Barronius, etc. Temos a aldea de Barreiro na parroquia de Liber (Becerreá) e San Tomé de Cancelada (Cervantes). No ano 2013, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron na Campa do Barreiro (Cervantes) os primeiros petróglifos da comarca.
 

BARRIO 
Barrio deriva da palabra de orixe árabe barri que designa un lugar situado ás aforas, no exterior, no arrabalde, e que logo deu o latín barrium. Cabeza Quiles, citando a L. Meruéndano, di que Barrio Novo e Rúa Nova poden referirse a un asentamento xudeo. Segundo Eladio Rodríguez, Barrio é un apelido tipicamente hebreu.

BASANTA 
Disque orixinario de Portugal. Pode vir dun antropónimo Bassanus.

BEATRIZ 
Latín Beatrix. Significa “benaventurada”.

BECERRA/BECERRÁN 
Para J. Piel é un nome de señorío dun propietario latino procedente dunha *(villa) Becerrana ou Becerriana. Para Caridad Arias fai alusión a unha *(villa) Beceriana, derivado do nome dun posesor Becerianus ou Bicerianus, forma patronímica do nome Becerius ou Bicirius que proveñen á súa vez da base nominal celta Beco/Becco, cuxo derivado Becius ou Vecius está documentado na epigrafía. Dise que Luis Antonio Becerra Chao (1815-1900), coñecido como o Curandeiro de Vilaicente, recibiu o título de "Cabaleiro Descuberto" (tiña o privilexio de non descubrirse diante do rei ou da raíña) porque lle extraeu unha moa á raíña Isabel II. No cemiterio de Vilaicente (As Nogais) está enterrado Gonzalo Becerra Souto, un fuxido que permaneceu agochado corenta anos durante a ditadura fascista, sobrevivindo a Franco. 

BELLAS 
No Arquivo do Reino de Galicia consérvanse varios documentos onde aparece o apelido Bellas. Nun deles fálase dun tal "Juan das Casas Vellas" o que amosa nidiamente a súa procedencia do latín vetera, "vella, antiga", observándose un cambio do grafema "b" polo "v". Mais tamén podería derivar do nome Bellonis. Joseph M. Piel di que algúns topónimos galegos como Belles e Velle, orixinados polos antropónimos Bellus ou Bellius, son de orixe celta.

BELÓN/VELÓN 
Primitivo Bellonis, xenitivo dun propietario medieval de orixe céltica que atendía polo nome de Belón, dunha *(villa) Bellonis. O velón é unha lámpada de aceite. No Tombo do mosteiro de Samos do ano 1085 aparece o étimo Bellones para se referir á aldea de Bolois, en Cervantes.

BENDOIRO 
Latín venatoriu, “lugar de caza”. Nicandro Ares Vázquez di que pode ser un antropónimo prelatino con base no céltico *vindos, "branco". Está documentada a forma medieval Bendurio no ano 959.

BERDEAL 
Coidamos que eiquí se substituíu o "b" polo "v". Verdeal, esverdeado, de cor esverdeada. Porción de terreo que por ter humidade mantén o seu verdor. Segundo Franco Grande (1972), "persoa ou animal de fácil engorde". Nos Ancares chámase verdial a un conxunto de abeduis. Navaza cre que Verdeal non foi virdiale, do latín virdia, verza, senón un adxectivo de cor, citando a Elixio Rivas que supón un étimo viridinale.
 
BERMÚDEZ 
Gótico *berht, "ilustre", e *mund-, "protección". Patronímico derivado do nome propio Bermudo ou Vermudo, de Veremundo. O rei visigodo Vermudo I o Diácono gobernou Galicia entre os anos 789 e 792. Vermudo II, coroado na catedral de Santiago, reinou entre o 980 e o 999. Na documentación galega aparece como Bermúdez, Vermúdez e Vermudes. Nun documento do ano 1120 da igrexa de Covas, en Baralla, cítase a Ossori Veremundi como propietario das aldeas de Lebruxo, Covas e Vilartelín, entre outras. 

BERNEAL/BERNEDO 
Posible variante de Bernardo, do xermánico Bernhar, "oso forte". 

BERROCAL 
Penedía, penedo, rochedo. En castelán, sitio cheo de berruecos, "penas graníticas". 

BIZCAÍNO/VIZCAÍNO/VIZCAYA/VIZCAYO 
Natural ou habitante de Biscaia. Do euskera bizkar, "outeiro, ondulación do terreo".

BLANCO 
Con substantivo común provén do xermánico blank, "claro, brillante" e do latín albus. Alusión á cor pálida dunha persoa ou á cor do cabelo. Na actualidade non se conserva a forma galega Branco, documentada no século XIV. Segundo Caridad Arias é un nome galego que nalgún caso pode ter orixe celta, con formas Blanico, Branico, Branco, que significa corvo ou sol.

BLAS 
Brais en galego. Do latín blaesus, “tatexo”. San Brais é considerado benefactor para os problemas de gorxa.

BOLAÑO  
Etimoloxicamente quizais proceda do nome persoal Bullanius. Lugar onde abunda o pasto para gando. Tamén se chama bolaño ao proxectil de pedra toscamente labrada que lanzaban as primitivas pezas de artillaría. Para Carré Alvarellos é un diminutivo de bouza, latín balteaterreo sen cultivar e cheo de maleza. Outros autores fanno derivar do latín bolanus e do grego Bola, antiga cidade do Lacio, máis o sufixo latino aneus, "nativo de". Ou do antropónimo prerromano, latinizado, Bollanius ou Bolianius. Nalgunhas partes de Galicia tamén chaman así ao xastre. Mais a tradición e a lenda dánlle outra orixe a este apelido que levaron algúns dos señores do castelo de Torés, nas Nogais. Conta Felipe de la Gándara, no seu Armas y Triunfos de Galicia, que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falla, argucia que enganou aos árabes que optaron por retirarse. Semellante relato describe o doutor Pallares na súa Argos Divina. Teodosio Vesteiro Torres, en Recuerdos de Galicia, precisa que o asedio árabe aconteceu nunha das últimas mañás de setembro do 997, e que o conde Bolaño non se chamaba Diego senón Fernando. Amor Meilán, en Historia de la provincia de Lugo, outorga o protagonismo ao conde Pallares no ofrecemento do pan e ao conde Bolaño o do año. Un cadro de Modesto Brocos, presentado na Exposición de Bellas Artes no ano 1887, reflicte a defensa de Lugo, lenzo que formaba parte da pinacoteca do Centro Galego da Habana e do que na actualidade nada se sabe. De aí que os deste apelido teñan na súa pedra armeira un bolo e un año. O Licenciado Molina refírese a el nestes versos: "También en Galicia vereis los Caamaños/Notorios solares y buenos hidalgos/Hay otros antiguos que son Aguilares//Que ya de muy lejos se pierden los años/Con estos se abrazan los viejos Bolaños". Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e á súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III. Os Bolaño e os Ribadeneira foron señores do castelo de Torés, nas Nogais. 

BORDÁS 
No protovasco pirenáico, borda é cabana. Bordás en catalán ten o mesmo significado. Tamén pode proceder do patronímico Bortius ou Burtius, proveniente do nome celta Boro ou Buro, latinizados Burrus e Reburrus, nomes bastante comúns na Galicia prerromana e que significaría "de pelo laúdo, ensortillado ou vermello".

BORDESCO 
Segundo Caridad Arias o nome Bortossius atópase presente nunha longa serie de nomes de raíz *bord-, alusión a unha divindade solar. Bordesca, para Franco Grande (1972) é unha rama delgada e flexible.

BORRÁS 
Latín burra. En galego, borra é o pouso do viño. Pode derivar de Boranus ou Borranus, do nome celta Boro ou  Buro, "de pelo laúdo, ensortillado ou vermello", coma no apelido Bordás.

BRAÑAS 
Do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo o lingüísta alemán Joseph M. Piel deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Mais tamén pode derivar do nome Blanil(l)us ou Branil(l)us derivado sobre o antropónimo Brano ou Branio. En Cervantes e Navia de Suarna son famosas as súas brañas. Brañas é tamén unha aldea da parroquia de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro. 
 

BREA 
No Baixo Imperio romano denominábase veredi aos camiños públicos principais por onde circulaban cabalos de postas do cursus publicus e que logo deu en galego verea ou brea. Tamén pode vir do nome de persoa Verus ou Vero. A palabra brea ten no antigo galego, á parte de verea, o significado de fonte ou manancial.

BUESO 
Segundo Juan Cuveiro Piñol (1876) e a maioría dos autores, "persoa vestida de forma ridícula". Tampouco se pode desbotar a súa orixe no antropónimo Bussianus.

BUJÁN 
En galego Buxán. Procede dun nome de persoa altomedieval que atendía por Bussianus. Coromines di que deriva de buxo (buxus sempervires), arbusto de madeira moi dura que se emprega para facer culleres, cuncas, gaitas, etc. Tamén chaman buxán ao carniceiro.

BULLÁN 
Semella saído de bullus co sufixo de posesión -anus. Alusión a unha corrente fluvial que bulla, gurgulla ou burbulla. Segundo Nicandro Ares Vázquez pode derivar do antropónimo Bullius co sufixo de posesión -anus. Bullán é tamén unha aldea da parroquia de Quintá de Cancelada, en Becerreá.  

BUSTO 
Latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, "boi"; para outros autores viría da voz gala bou, "vaca". Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares. G. Rohlfs que equivale a braña, "prado de monte para pasto"; di non ser moi segura a identificación co latín bustum igual a combustum. Segundo J. Piel trataríase máis ben dunha redución do latino bostar, "corte para bois". Busto e Río de Busto son dous lugares da parroquia de San Martín de Neira de Rei (Baralla) e da parroquia de Cabanela (Navia de Suarna). 

CABADO 
Cavado en galego. Do verbo latino cavare, "cavar". Foxo. Goio. Terra cavada. Terreo de monte recén roteado. Tamén chaman cabado a unha troita pequena, e cando o ceo está cuberto de nubes.

CABALLO  
En galego cabalo. Latín caballus, quizais de orixe celta, utilizado no latín vulgar no canto de equus. Francisco Javier Rodríguez, no Diccionario gallego-castellano (1863), escribe: "Su nombre viene de terram pedibus cavare, esto es, de que cava ó hace señal en la tierra con los piés, como dice San Isidoro". 

CABANA/CABAÑAS 
Do latín tardío capanna, alusión á existencia de cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeira. Coromines cre que podería ter unha orixe céltica. As Cabanas é tamén unha aldea da parroquia de Fontarón (Becerreá); Cabanas Antigas de Cereixedo (Cervantes); Cabana Xaraz de Donís (Cervantes); Cabana da Ribeira (Cervantes); Cabanas de Nullán (As Nogais). 

CABANEIRO 
Alcume dun home que vivía pobremente nunha cabana, ou que coidaba dela. Persoa de poucos recursos. Pobre.

CABELLO 
En galego Cabelo. Do latín capillus. Pelos que nacen na cabeza. Tamén as barbas da mazaroca do millo. 

CABERO  
En galego Cabeiro. O que ten por oficio botar cabos ou mangos ás ferramentas e facer outras de madeira. Mais tamén pode ser unha castelanización de Caaveiro, da forma calavariu, derivación do preindoeuropeo *cal, “pedra”. Ou quizais de cabaleiro, "persoa montada a cabalo", "membro dunha orde de cabalería",  ou "zonas agrestes onde vivían cabalos bravos". Cabeiro é a moa do xuízo (dente cabeiro).

CACHÓN 
Do latín coctione, “acto de ferver, ebulición, fervenza que levanta unha onda rompendo ou a auga que bate ou se precipita". Para Carré Alvarellos, no seu Diccionario galego-castelán (1926-1931), "porco en celo".

CADENAS 
Unha cadea, latín catena, é un obxecto que está composto por unha serie de pezas entrenzadas unha a unha, xeralmente metálicas e con forma de anel. Apelido con posible orixe en León. En Fonfría (Pedrafita do Cebreiro) estivo a Casa das Cadeas. 

CALDEIRO 
En principio, un caldeiro, de caldarium, é un recipiente redondo usado para conter, transportar ou quentar líquidos. Mais tamén se chama Caldeiro o que leva a persoa que guía á Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena que percorren corredoiras e encrucilladas. Nicandro Ares Vázquez di que podería vir de caldarius, adxectivo latino que pasou a nome persoal. Persoa afeccionada ao caldo.

CALDERÓN 
En galego, Caldeirón. Aumentativo de caldeiro, latín caldarium, "vasilla de metal", co sufixo -onis, "grande". Variante de caldeireiro, persoa que fai ou vende obras de caldereiría. A partir do século IX documéntase o uso do onomástico consistente en indicar a profesión ou oficio. Segundo unha lenda, o primeiro en levar este apelido foi Fortún Ortiz Calderón, no século XIII, porque ao nacer notáronno tan feble que o meteron nunha caldeira con auga temperada para ver se reaccionaba.

CALIXTO 
Calisto, en galego. Orixe grega Klaós que significa "aquel de gran beleza" ou "o máis fermoso". Nome do papa que deu nome ao Codex Calixtinus ou Liber Sancti Iacobi, do século XII. Parte do manuscrito latino traduciuse ao galego no século XV, coñecido como Miragres de Santiago que recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. O exemplar máis antigo atópase na Catedral de Santiago.

CALOTO 
Latín collem altum, "outeiro alto".

CALVAR, CALVETE e CALVO 
Latín calvus, lugar exento de vexetación. Altura calva e rochosa. Herdade que non ten nada plantado. Tamén pode derivar do preindoeuropeo *cal, "pedra". Hai autores que defenden un latino calvus, de cavalaria, "caveira, cranio". Persoa que non ten pelo. Calvo utilizouse como alcume dende o século XIII. Tamén deu o nome persoal Calvus. Para Calvar, Francisco Porto Rey, no Diccionario  gallego-castellano (1900), "enganar".

CALLES/DE LA CAL 
Latín callis, "sendeiro, camiño". Hai quen defende que é unha variante do latín allo, "pastizal". Mais tamén pode ser unha deturpación de cal, "canle, corrente de auga conducida artificialmente". Nicandro Ares cre que puido orixinarse do xenitivo de Callius, antropónimo, sendo unha *(villa) Callii, contaminado co apelativo castelán calle. Elixio Rivas di que calle/quenlle proveñen do latín canalicula, como cal, do latín canale, "condución de auga". 

CAMACHO 
Segundo os distintos autores ten unha orixe francesa ou portuguesa. Coromines, atendendo aos paxaros coñecidos co nome de camachuelos e outros de parella raíz, deduce que podería significar “coxo”. Tamén camastro, "cama pobre".

CAMBA 
Voz preromana *camb, "cousa curva", pode que derivado dun radical celta *cam-, "arquear, curvar". Tamén recibe o nome a peza curva lateral do carro. Peza do arado.

CAMIÑA 
Variación de camariña, erica bacifera lusitana, urce que nace nos terreos areosos próximos ao mar. Pedro Álvarez de Soutomaior, conde de Caminha, alcumado Pedro Madruga, foi unha das figuras máis salientables do medievo galego; foi un dos principais inimigos do arcebispo compostelán Afonso II de Fonseca e defensor dos dereitos sucesorios de Xoana a Beltranexa. 

CAMPOS/DOCAMPO 
Latín campu, espazo de terra fóra das poboacións e terreo apto para traballar. Moitos topónimos europeos baséanse no radical prerromano do nome da divindade Camo, Cambo ou Camalo (este último presente na epigrafía galaica) "o torto, o curvo", celta *kamb, frecuentemente asociado a hidrónimos ou a un antropónimo.

CAMUÑAS/COMUÑAS 
Do árabe al-camonya ou do plural latino cominum, que ten que ver coa especie do comiño que se usa como condimento nas comidas. En Galicia tamén chaman "comuña" ao trigo mesturado con centeo. Para Cuveiro Pinol (1876), sementes que non son de cereais.

CANCELO 
Latín cancellum, estrutura que se coloca nunha portela ou parte do curro onde se mete o gando. Cancela pequena.

CANCIO 
Do latín cantius, “canción, cantiga, aquel con gran sentido do oído”. Ou do antropónimo Cantius, do céltico *cant, "brillante, luminoso". Tamén hai quen o identifica coa raíz indoeuropea *kantho, "borde, ángulo, esquina". 

CANDO 
Rebento grande do castiñeiro. Póla seca e miúda para o lume. Ou quizais do celta *kand, "alumar, lucir". A Fonte do Cando é unha aldea da parroquia de Santo André das Nogais. 

CANEDO 
De cannetum, derivado do grego-latino canna, "cana" (planta da familia das gramíneas), co sufixo abundancial -etum.

CANTIZ 
*(Villa) Cantidii, dun posesor medieval de nome Cantidius. Para Caridad Arias vén da base céltica *cant, "brillante, luminoso" que deu o antropónimo Cantius. Cantiz é tamén unha aldea da parroquia de Vilachá, en Becerreá; hai un castro a Idade do Ferro. 

CAPÓN 
Do latín capo, -onis. Varias acepcións. Home ou animal castrado. O galo que se capa cando é pequeno e se ceba para comelo. Calquera clase de galo. Feixe formado de anacos de piñeiro atado con silvas retorcidas do que se fai leña para queimar nas cociñas. Feixe de vides que se cortan na poda.

CARBALLAL/CARBALLEIRA/CARBALLO/CARVALLO/CARBAJAL
Do latín carvaliu, palabra de orixe prerromana, *carb, "pedra, planta nada entre pedras", que logo pasou ao latín. A especie, robur, é o nome dado polos romanos a certas árbores de madeira dura (quercur robur) de boa calidade que se utilizou para as doelas dos bocois, na construción naval, etc. A casca, moi rica en tanino, utilizábase para o curtido do coiro. No toro críase un lique con que se tinguían os tecidos, cocéndoos en auga con cinza. Alusión a unha persoa forte. Árbore sagrada para os celtas. Dise que os seus sacerdotes (druídas) reuníanse arredor dos carballos cargados de visgo (muérdago en castelán), unha planta considerada como máxica e múltiples poderes.
 

CARCEDO 
De caricetum, lugar abundante en carrizos, latín carex/caricis, planta herbácea da familia das gramíneas. 

CARPINTERO 
En galego Carpinteiro. Latín tardío carpentarius, de carpentum, quizais de orixe celta. Persoa que se dedica a traballar a madeira. Fraseoloxía: "En casa de carpinteiro sentarse no chao". "Cando o carpinteiro ten madeira para traballar, e a muller fariña para amasar, leña e pan non han faltar".

CARREIRA/CARRERA 
Latín vulgar carraria, "camiño para carros", latín carrus. Via carraria.

CARRETE 
Cilindro no que enrola un material flexible, como fío, corda, etc. "Dar carrete", entreter a alguén con  estudadas dilacións.

CARRETERO 
En galego Carreteiro. Persoa que conduce carros ou carretas; ou que tamén as fabrica. Dícese dunha persoa de pouca educación que bota moitas maldicións.

CARRO 
Latín carrus, vehículo tirado por animais, formado por unha plataforma de madeira, en xeral con soportes laterais, dúas rodas grandes e un pau ou cabezalla para tirar por el. Tamén pode derivar da raíz *kar- r-, "rocha". Carro-s ou Carre Deo é unha divindade da montaña e a guerra.
 

CASAL 
Deriva do latín vulgar casale (en latín clásico, a casa de campo era domus), explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas; casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

CASARES 
Derivado do latín vulgar casa, vén a significar o mesmo que Casal. Hai autores que o fan derivar do latín cassare, "anular, destruír". Casares é tamén unha aldea da parroquia de Vilaiz (Becerreá); da parroquia de Torés (As Nogais); e Os Casares de Zanfoga (Pedrafita do Cebreiro). 

CASANOVA 
Derivado do latín vulgar casa e do adxectivo nova. eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961): "Casanova, casanova, palabras que así repetidas se dirigen a las abejas de un enjambre nuevo que busca donde meterse y al cual se quiere recoger".

CASERO 
En galego Caseiro. En xeral, fai alusión a unha persoa que coida ou traballa as posesións doutra a través dun arrendamento. Ou persoa que lle gusta estar na casa, que sae pouco á rúa.

CASTÁN 
Segundo o médico, filósofo e lingüista Yehuda Ibn Tibón (Granada, 1120-Provenza, 1190), coñecido como o Pai dos Tradutores, provén do latín castanea, "castaña", o froito do castiñeiro.

CASTAÑO 
Aínda que algúns autores aseguran que o castaño é orixinario de Grecia (dise que da cidade do Ponto, Kastana) e que foi traído a Galicia polos romanos, as últimas investigacións demostran que xa medraba no país antes da súa chegada. O fitónimo identifica nidiamente a árbore que dá as castañas, castanea sativa; a especie, sativa, significa plantado ou cultivado. Tivo unha grande importancia antes da chegada da pataca (solanum tuberosum), tubérculo orixinario de Perú e Chile introducido en Europa dende o século XVI e cultivada de forma masiva dende o século XVIII. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., consumíndose, asemade, asadas ou cocidas con leite. Pola dureza da súa madeira é moi apreciada en ebanistería. A finais do século XIX secaron as tres cuartas partes dos castiñeiros de Galicia ao seren atacados por uns fungos.

CASTELAO/CASTELLANO 
Do latín castellanus. Señor feudal que vivía nun castelo, latín castellum, diminutivo de castrum. Ou orixinario de Castela. 

CASTOSA 
Segundo Nicandro Ares, podería ser casa tonsa, dun propietario de nome To(n)sus. J. Piel di que é sinónimo de casteda, do latín castaneta, abundancial de castana, castaña. 

CASTRILLÓN 
Derivado de castro, latín castru, campamento fortificado. Tamén pode facer alusión a un outarelo que recibiu o nome pola semellanza con lugares onde se asentaban os antigos poboados fortes dos galaicos ou unha pequena fortificación medieval. Como microtopónimo atopámolo na comarca dos Ancares relacionado con asentamentos da Idade do Ferro.

CASTRO 
Latín castru, asentamento ou recinto, xeralmente fortificado, situado a maioría das veces en lugares dominantes. Os primeiros castros galegos teñen a súa orixe no século IX a.C., cara o final da Idade do Bronce, mantendo a súa funcionalidade ata o século I da nosa Era, xa en Época Romana. Na comarca dos Ancares, o topónimo Castro vai asociado a 140 asentamentos da Idade do Ferro, a maioría reutilizados en época romana. Santa María do Castro é unha parroquia do concello de Cervantes. 
 

CEDRÓN 
Semella un aumentativo de cedro, a árbore conífera de madeira moi compacta e incorruptible. Mais tamén pode facer alusión a un posesor agrícola medieval de nome Citronius. A Casa da Condomiña, en Baralla, era coñecida como Casa de Cedrón. 

CEJUDO 
En galego Celludo. Do latín cillum, "pálpebra, cella". Persoa que ten cellas espesas, moi poboadas.

CELA 
Latín cella, apousento dun relixioso ou relixosa nun convento ou mosteiro. Tamén espazo pechado para gardar o gran ou outras cousas. Celeiro. Sala pequena dun edificio sagrado ou funerario na antigüidade. No latín medieval, cella significou tamén pequeno mosteiro, afiliado a unha abadía ou sé episcopal. Cela é tamén unha aldea da parroquia da Agüeira (Becerreá) e de Cereixedo (Cervantes). Cela, de Cervantes, é citado nun documento do 20 de xullo de 1091, en que os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e Guntroda Númez, entre outras Cella integra. 

CELEIRO    
Do latín cellarium, formado sobre cella, "cela, despensa". Indica a presenza dun antigo almacén agrícola, dun espazo pechado relacionado coa agricultura. Graneiro. Hai autores que vén nos celeiros unha evolución das prehistóricas palafitas; outros, que foron os celtas quen os introduciron en Galicia, a semellanza dunhas furnas cinerarias. Casas señoriais, conventos e mosteiros galegos estaban provistos de graneiros e tullas  para gardar as rendas que cobraban en especie.

CEREIJIDO/CEREIJO   
En galego Cereixido. Toma o nome da árbore da cerdeira cuxo froito é a cereixa, latín cerasia co sufixo abundancial -etum. Trátase dunha clara castelanización dun apelido galego xa que en castelán é inexistente. Cereixedo é tamén unha parroquia do concello de Cervantes. 

CEREZALES/CEREZUELA 
En galego Cereixal. De cereixa, latín cerasia. Árbore froiteira que dá as cereixas. O Cereixal é unha parroquia de Becerreá.
CERRO/DEL CERRO
Latín cirrus, "outeiro", elevación de terra de menor altura que unha montaña. Para Martín Sarmiento, "La voz cerro es del latín cirrus, que significa el cabello crespo y ensortijado, o, por hablar mejor, entortijado".  
CERVANTES 
Alusión a unha terra poboada de cervos, latín cervus, acepción que é rexeitada por Moralejo Lasso que propón unha orixe prelatina. Ares Vázquez relaciónao co antropónimo latino Servandus, construído sobre o xerundio do verbo servare, que pertence á familia léxica de servus, "servo, escravo dun señor", ou Servantius, construído sobre o participio activo do mesmo verbo. Cervantes é un concello da comarca dos Ancares. Dise que os antepasados de Miguel de Cervantes Saavedra, o autor do Quixote, era natural desta terra, daí o apelido. (Ver na entrada deste blog, Historias, tradicións e lendas do concello de Cervantes: A orixe de Miguel de Cervantes).
 

CHAÍN 
*(Villa) Flavini, dun propietario agrícola medieval de orixe latina de nome Flavinus, baseado no adxectivo flavus, "roibo dourado". Chaim é tamén a forma xudea do hebreo hayyim, "vivente".

CHAO/CHAOS/CHÁS 
Orixe nun orotopónimo. Latín planu, "planicie elevada". O topónimo Chao é abundante na comarca dos Ancares. Chao da Vila e Regochao son dúas aldeas do concello de Becerreá; O Chao e Chao de Vilarín de Cervantes; e O Chao do Couso de Navia de Suarna 

CID 
Posible orixe árabe sid ou zeyd, "señor", que en Galicia se popularizou a través do apelido Cide e Cid. Rodrigo Díaz de Vivar, famoso polo relato anónimo de El cantar de mío Cid (composto arredor do 1200) foi un famoso mercenario castelán que se vendía ao mellor postor, fose cristián ou musulmán; apreixou a García, o derradeiro rei de Galicia. 

COBAS 
En galego Covas. Do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. Covas e A Ponte de Covas son dúas aldeas do concello de Baralla; As Covas en Cervantes; e As Covas de Navia de Suarna. 

COBO 
Latín covu, "cavidade, cova". Tamén "colmea de abellas, trobo, abellariza, albariza, cortín". Segundo Moralejo Lasso, o problema da grafía con "b" ou con "v" remóntase orixinariamente ao latín.

COEDO 
Vén de "croio, coio, canto rodado", e este da voz celta crodios, “duro”. J. Piel derívao do latín conus, “pena grande”. Tamén puidera derivar do latín coetu, "xunta, lugar de reunión". Ou, segundo Nicandro Ares Vázquez, de cauletum e conter o radical do greco-latino caulis/colis, "col, coia, planta de horta". Coea é tamén unha aldea de Navia de Suarna.

COELHO 
Atopamos este apelido de orixe galego-portuguesa, cunha zona de influencia na zona entre Douro e Minho, no concello de Cervantes. Vén do latín cuniculus, "coello", con orixe prerromana. 

COLLAZO 
De co-lacteu, "irmán de leite". Apelido que indica unha relación de parentesco. Tamén compañeiro de servizo dunha casa, e criado. Collazo, en castelán, tamén e o pau co que se recollen as gavelas para cargalas no carro. Non debemos confundilo co castelán collado, latín collis latus, "outeiro ancho".

CONDE 
Latín comes, -itis, "compañeiro". Título nobiliario. Persoa da nobreza, señor dun condado. O apelido pode que veña dun alcume que se usaba para gabar,  ou dunha persoa, que polo porte ou forma de actuar, que semellaba un conde. Como foi costume, levarían o título os verdadeiros señores, e que logo tomarían como alcuño os seus servos e criados. En toponimia refírese a un lugar que toma o nome de antigas propiedades (foros) dun conde. Segundo Eladio Rodríguez, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), nalgunhas comarcas da provincia de Ourense chamaban así ás bacías utilizadas para mexar.

CONGOSTRO 
Do latín coangustam, estreito, camiño de carros que discorre entre cómaros ou outras elevacións do terreo.

CONTRERAS 
Ao parecer este apelido ten a orixe na pobo de Contreras, na provincia de Burgos. Sobre a orixe do nome, o máis divulgado é que nun principio o lugar se chamara "Cuevas Contrarias". Mais un estudo recente do investigador Jorge María Ribero Meneses di que derivaría da cidade celtibérica de Kontrebia Leukada que estaría encravada na acrópole que se ergue a carón dos pobos de Contreras e Carazo (Burgos). Pode facer alusión a unha persoa que leva a contraria nos seus actos ou nas súas palabras.   

CORBEIRA/CORVEIRA
Para Eladio Rodríguez González (1958) e Franco Grande (1972), Corbeira, con "b", "vendedora de cestas e canastos". Corveira, con "v", vén do latín corvu, o paxaro omnívoro asociado á mala sorte. Alusión a un lugar frecuentado polos corvos. Di don Nicandro Ares que dentro da patrística cristiá, o corvo era o símbolo do demo, do pagán ou do pecador. Na comarca dos Ancares levamos identificadas varias Penas do Corvo.

CORBELLE 
Do nome persoal medieval Corvelius. O sufixo -elle vencéllase a temas latinos e xermánicos.

CORDEIRO/CORDERO 
Do latín vulgar *cordarius, derivado de cordus. Cría da ovella, aínda moi nova. Persoa que fai cordas. Chaman así a unha persoa mansa, inocente, humilde. 

CORO  
De *cor, pedra. No eido da mitoloxía, Corgo deriva do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Pode estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus. Carré Alvarellos, no seu Diccionario galego-castelán (1979), di que tamén identifica un nó na madeira. Coro é unha aldea da parroquia de Rao, en Navia de Suarna. Da aldea de Coro era moi famoso o dito: "De Coro, trece veciños e catorce avogados". 

COROAS 
Do latín corona. En principio, unha coroa é un aro que se pon na cabeza e significa algunha dignidade a quen o leva. Mais tamén pode derivar dun orotopónimo que denuncia a forma de coroa que presentan algúns montes ou a un castro da Idade do Ferro.

CORRAL 
En galego, Curral. Céltico *cor, latín vulgar currale, construción circular situada ao lado da casa que serve para recoller o gando ou gardar carros e apeiros. Fraseoloxía: "A cada cal gústalle máis o seu curral".

CORREA 
Algúns estudosos cren que pode derivar do portugués correia, latín corrigia, vexetal do que se facían correas ou tiras de coiro e que identificaría a unha persoa que confeccionaba cintos. Segundo o Codex Calixtinus, do século XII, os cambiadores instalados ás portas da Catedral de Santiago de Compostela vendían “marsupia, corrigie, cingula...”, é dicir, bolsas, correas, cintos... En San Miguel (Baralla), onde se ergue a igrexa románica que se erixiu sobre un castro, está a coñecida como "Casa dos Correas", cosntruída a mediados do século XIX. 

CORREDERA 
En galego carreira, corredoira, do latín carraria, camiño para carros (via curretoria).

CORTIÑA 
Diminutivo de corte, latín vulgar cors, cortis, e latín clásico cohor, -ortis, terreo próximo á casa, semellante á horta, adicado a prado ou a cultivo. No concello de Cervantes, no límite co Bierzo e sobre a Vía Romana XIX, está o campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros. Nas inmediacións hai varios  enterramentos (mámoas) do período Neolítico.

COUSIDO 
Diminutivo de couso, latín causu. Leira para o cultivo de legumes. Tamén depósito onde se gardan os cereais. Para Filgueira Valverde (1926), "censurado". Ou lugar para sitiar as feras. Na comarca temos as aldeas de Cousín (Becerreá), O Couso (Becerreá e Cervantes), e O Chao do Couso (Navia de Suarna).

COSTA/COSTAS 
Orixe nun orotopónimo. Latín costa, "terreo en pendente". En galego, "as costas" significa a parte alta e posterior do tronco humano polo que pasou a chamárselles Costas a algunhas persoas fortes e de anchas costas. A aldea do Fondo da Costa atópase na parroquia de Cereixedo (Cervantes)

COTARELO/COTELO 
Diminutivo de coto, prerromano *cott, "altura, curuto, prominencia, lugar dominante". O monte Cotarellum xa aparece nun escrito do mosteiro de Samos no ano 1009.

CRESPO 
Non hai acordo canto á orixe deste apelido. Uns sitúanno na Roma Imperial, emparentándoo cun lexionario romano chamado Crespi. Mais semella derivar do radical cres- ou cris-, latín crispus, "crecho, crencho", ou grego chrisós, "ouro". Quizais referido a unha persoa que ten o pelo ensortillado.

CRUZ 
Tomando a Méndez Ferrín, o latín crux, crucis significaba non necesariamente unhas madeiras cruzadas nas que se lle daba tormento a un home (onde crucificaron a Cristo), senón tamén ao pelouriño, a forca e calquera lugar onde se escenificase un castigo ou pena exemplar. Daí pasou a significar o castigo mesmo inflixido a un reo. Moitos lugares da cristianddade foron chamados con derivados do latín vulgar cruce, ou do nominativo crux, debido ao monumento cristián en forma de cruz ou como derivados dun cruzamento de camiños, pasando daí aos apelidos, é dicir que os que se apelidaban cruz debían proceder dalgún deste lugares.
 

CURA 
Do látin cura, "coidado, solicitude". Párroco, crego, sacerdote representante da Igrexa Católica. En Galicia está moi ben documentada as relacións que os curas mantiñan coas freguesas, relacións que, polo xeral, non eran mal vistas pola veciñanza; en non poucas ocasións mesmo recoñecían ás fillas e aos fillos que tiñan con aquelas. A expresión "fillo ou filla do cura" dábaselles ás criaturas de pai descoñecido. Fraseoloxía: "Na casa do cura sempre hai fartura".

CURRÁS 
Latín vulgar, plural de currale, céltico *cor, construción circular situada ao lado da casa que serve para recoller o gando ou gardar carros e apeiros. Currales é citado nun documento do mosteiro de Carboeiro do ano 788.

DACAL 
Máis ca do latín calce, óxido de calcio (cal), coidamos que provén do latín callis, senda, paso estreito entre dúas montañas, ou de canale, sulco por onde discorre a auga.

DACUÑA/DA CUNHA 
Apelido galego-portugués que presenta varias formas de escritura, co significado de "obxecto sólido rematado en ángulo recto". Cuña.   

DEBÉN 
Na documentación antiga, este apelido aparece como "de Ben", cuxa etimoloxía sería a referida a unha persoa xusta, de ben obrar. 

DELGADO 
Latín delicatus, "fraco, delicado". De pouco grosor. Antónimo de groso. Amosa unha característica física. 

DEVESA
Latín defensa, de defendere, "defender, preservar, protexer, cercar". Referencia a antigas fincas pechadas.

DÍAZ/DIÉGUEZ/DÍEZ 
Patronímicos derivados do nome propio Diego que á súa vez vén de Didacus, alusión a un posesor dunha *(villa) Didaci. Diego, en hebreo, significa “o segundo, fillo segundo”. Didacus foi un nome moi utilizado en Galicia durante a Idade Media. O nome latino Didacus atopámolo no tímpano da igrexa mosteiral de Santa María de Penamaior (Becerreá), quizais referido ao abade ou prior que fundou o cenobio, ou ao construtor ou patrón que custeou a obra no ano 1166.

DIGÓN 
Raíz semítica dag, “peixe”, cuxo nominal dygh, dygwm, significa “pescador”. Hai quen o identifica cunha *(Villa) Iconi, dun propietario medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Ico ou Igo.

DOBAO/DOVAL 
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Vai co artigo contracto incorporado (do + bao, do + val). 

DOCE 
Pode derivar do numeral latino duodecim (dez máis dous). Mais eiquí  debe vir do latín dulcis, que non é agre ou salgado, que é doce (un alimento preparado con mel, por exemplo). Alusión a unha persoa complacente, de carácter agradable.   

DO FONDO 
Do latín fundus, "que está na parte baixa". Tamén herdade agrícola. O vocábulo provén da raíz preindoeuropea *bhudh, "base fondo". En Cervantes está a aldea do Fondo da Costa.

DOMÍNGUEZ 
Patronímico derivado de Domingos, “fillo de Domingos”. Deriva do latín eclesiástico Dominicus, "pertencente ao Señor". En latín clásico, dominus, derivado de domus (casa), era o amo, o dono.

DONO 
Do latín dominus. Persoa que posúe algo, propietario, amo. Tamén pode facer alusión a un propietario medieval que atendía polo nome de Donnon, dunha *(villa) Donni. Donon é tamén unha divindade céltica relacionada con Cronos/Xerión, o señor do Mundo das Sombras.

DORNA 
Base preindoeuropea *dorn que ao nomear instrumentos de figura cóncava denuncia uns vales ou depresións fluviais. Hai autores que o identifican co celta durno, artesa ou barquiña para a pesca que pola súa similitude podería sinalar un enterramento megalítico ou un sartego. Santa María de Dorna, en Cervantes, foi granxa e priorado dos monxes cistercienses de Carracedo do Bierzo; hai quen conxectura que eiquí residiron os cabaleiros do Temple.
 

DOURAL/DORADO/DORAL 
En galego Dourado. Do latín daureatu, “da cor do ouro ou semellante a el, feliz”. O primeiro elemento, dur-, forma parte do nome da Gallaecia prerromana Durbedicus, unha divindade relacionada coa auga (o río Douro deriva desta raíz).

DURÁN 
Ao parecer, as orixes deste apelido atópanse en Galicia, Cataluña, Valencia e Baleares. Se ben está moi extendido por toda a península, algúns investigadores sosteñen que a orixe atópase no castelo de Portela, nas terras da Limia. Hai quen acredita que é de orixe patronímica, derivado dun posesor latino de nome Durandus, “que ha durar”, do verbo durare. Non falta quen o fai derivar do xermánico Thorhramm, "o corvo de Thor" (fillo do deus Odín), de thor e hramm, "corvo". Méndez Ferrín considera que a introdución en Galicia debeuse ao auxe "da sensibilidade cabaleiresca e á moda afrancesada baixomedieval". Ana I. Boullón Agrelo chama a atención sobre un Duram nun documento do mosteiro de Sobrado dos Monxes do ano 1205.

EIRANOVA/EIRAS/EIRÓS/DEIROS 
Orixe nun nome de lugar. Do latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, usado para mallar os cereais. Eirós e Deiros ou Deirós, de areola, diminutivos de eira.

EIRIZ 
Alusión a un propietario que atendía polo nome de Euricus, xa documentado en Galicia no século X. Ou xenitivo do nome persoal gótico Agericus.

ENCARNACIÓN 
Do latín incarnatio, -onis que significa "acción e efecto de encarnar ou encarnarse, misterio relixioso". Tamén representación ou símbolo dunha idea ou doutrina. 

ENRIQUE/ENRÍQUEZ 
En galego Henrique e Henríquez. Apelido patronímico, "fillo de Henrique". O sufixo -rrique vén do xermánico riks ou ricus, “poderoso, señor”. Introducido en Galicia na Idade Media a través do francés.
ESCRIBANO
En galego Escribán. Do latín scriba, -anis, e este de scriba, -ae, "escribán". Persoa autorizada para dar fe das escrituras e demais actos que pasan ante ela. Fraseoloxía: "Bo ou mal preito, ten o escibán do teu xeito". 

ESPERANTE 
Alusión a un propietario medieval de orixe latina de nome Sperantius, construído sobre o participio  do verbo sperare, "esperar".

ESPÍN/ESPIÑA/ESPIÑEIRA/ESPIÑO/ESPINOSA 
Do latín spinus, "espiña". Alusión ao abruñeiro ou espiño, prunus spinosa, arbusto de ramas e talos espiñentos dos que existen distintas variedades, con froitos que poden ser comestibles ou non. Cabeza Quiles tamén o relaciona co lombo ou espiñazo, aplicación metafórica para designar un acento orográfico. Hai autores que o identifican cunha *(villa) Spina, dun posesor de nome Spinus.

ESTEBARANZ 
O primeiro elemento deriva do nome dun propietario medieval que atendía por Stephanus, dunha (villa) Stephana. E logo temos ese "Aranz", quizais alusión a unha *(Villa) Arantia dun propietario medieval que atendía polo nome de Arantius, non faltando quen o identifique cun hidrotopónimo de orixe prerromana *ar-, *er-, "moverse rápido". No século I, Silo Itálico menciona a un individuo indíxena que se apelidaba Aranticus, o cal remite a un antropónimo Arantius. Aranza é unha parroquia do concello de Baralla. 

ESTÉVEZ 
Patronímico derivado do nome propio Estevo, “fillo de Estevo”, do grego Stéphanos que Ferro Ruibal asocia ao nome común que en Grecia significaba "redondo, coroa". Di Méndez Ferrín que o curioso é que o nome Estevo foi xeralmente castelanizado como Esteban, mais o seu patronímico nunca en Galicia se converteu no castelán Estébanez, sendo sempre usado na forma enxebre Estévez, seguramente porque as autoridades ignoraban o modo de deturpalo a xeito, salvouse.

ESTRADA 
Topónimo viario ou odotopónimo. Latín (via) strata, alusión aos diferentes estratos de materiais con que os romanos construían as calzadas. Topónimo que xa aparece en documentos galegos do século X. A Estrada é unha aldea da parroquia de San Tomé de Cancelada, en Cervantes; polo lugar pasaba a Vía romana XIX que unía Lucus (Lugo) con Asturica (Astorga). 

EVA 
Hebreo que significa “dadora de vida”. Juan Cuveiro Pinol, no seu Diccionario Gallego (1876), di: "Planta anual de la tribu asteróideas, de hojas florales trasovadas, obtusas: crece en los arenales marítimos de Pontevedra. Evax pygmaea".

EXPÓSITO  
Do latín expositus. Alusión a unha persoa abandonada cando meniña nun lugar benéfico. Neno recén nado non recoñecido polo pai. Apelido imposto de forma forzosa pola Igrexa. 

EZQUERRO 
Orixe vasca esker, que significa “zurdo, esquerdo”. O mesmo significado para a voz galega "esquerro".

FALCATO 
Latín falcatu, “en forma de fouce”.

FARELO 
Casca esmiuzada do gran de trigo ou doutros cereais que se separa ao moelo. Figuradamente significa “insignificante”.

FARIÑAS 
Latín farina. Segundo Gonzalo Navaza, descoñécese cal é o verdadeiro significado que encerra a forma simple fariña. É probable que directa ou indirectamente aluda á flora, ben polo cultivo de cereais ou por outras especies silvestres, pero tamén poderían construír antropotopónimos, talvez nacido por referencia ao cabelo branco ou á condición de muiñeiro. Ou quizais, segundo Nicandro Ares, do alcume persoal Farino. O substantivo fariña xa está documentado en Galicia dende o século XIII.

FARRÉ 
Mesma orixe que Febrés e Ferré. Ferreiro, do latín ferrum.

FEIJÓO 
En galego Feixó ou Feixóo. Latín vulgar faseolu ou phaseolu, como se denomina a semente da leguminosa phaseolus vulgaris, a coñecida faba. O étimo provén do grego fáseolos. Gonzalo Navaza cre que o alcume Feixó aplicóuselle a unha persoa calva. Méndez Ferrín conxectura con alguén cun gran ou cunha protuberancia na cara, ou con alguén cativo de corpo.

FELIZ 
Do latín felici, "felicidade". Ten a mesma orixe que os nomes Felicia, Feliciana, Feliciano, Felicidade, Felicio, Felicitas, Felisa e Fiz.

FERNÁNDEZ 
Patronímico derivado do nome Fernando, “fillo de Fernando”, que tería a súa orixe nun propietario xermánico de nome Fredenandus, formado polas raíces *frith, "paz", e *nanth, "audacia, intelixencia".

FERNANDO 
Xermánico Fredenandus, formado polas raíces *frith, "paz", e *nanth, "audacia, intelixencia".

FERREIRO 
Provén do latín ferrarius derivado de ferrum, -i, "ferro". Persoa que traballa o ferro. Nome de paxaro. Ferreiros é tamén unha parroquia do concello de Baralla, e Ferreirós de Valboa de Becerreá. Fraseoloxía: "En casa de ferreiro coitelo de pau".

FERRERAS 
En galego Ferreiras. Do latín ferraria, de ferrum, ferro. A finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas. Na comarca dos Ancares funcionaron varias ferrarías.

FIDALGO 
Latín filium aliquod, "fillo de ben"; literalmente "fillo de algo". Individuo pertencente ao estamento máis baixo da nobreza. Alcume que se poñía para gabar. En Navia de Suarna, no século XVIII, o 52% das familias era de orixe fidalga (en Galicia a media oscilaba entre o 2 e o 5 por cento), pero fidalgos pobres, de feito non os recolle como perceptores de rendas o Catastro de Ensenada de 1752. Para Valladares Núñez (1884), "suave, delicado". Dito: "O fidalgo pobre en palleiro morre".

FLORES/FLÓREZ 
Latín flos, floris. Patronímico do nome persoal Florius (fillo de Floro). Hai quen o fai derivar do xermánico *fraw que tamén daría Fruela ou Froilán.

FOLGUEIRA/FOLGUEIRAS 
Dúas acepcións:  Alusión a un propietario medieval de nome Folgarius, ou do latín tardío filicaria, "fieito, fento", planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. Luis Aguirre del Río, no seu Diccionario  del dialecto gallego (1858) dálle o significado de folgazanería, alusión a unha persoa folgazana, ociosa. Folgueiras é tamén unha parroquia de Navia de Suarna, e Folgueiras de Aigas unha aldea da parroquia de Rao.

FONFRÍA 
Latín fonte frigida, alusión a un manancial de augas frescas. No Tombo de Samos do ano 969, a aldea de Fonfría (Pedrafita do Cebreiro) cítase como Fontem Frigidam, e Fonte Frigido no 1158. Fonfría é unha parroquia do concello de Pedrafita do Cebreiro, e unha aldea da parroquia de Santo André das Nogais.

FONTE/FONTES/FONTAL/FUENTES/DE LA FUENTE 
Derivados do latín fons/tis, "manancial, nacente de auga que mana da terra". En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba no seu De correctione rusticorum que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: “Uns adoraban o sol, outros a lúa ou as estrelas, outros o lume, outros a auga subterránea ou os mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran deuses...”. Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto as fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite do San Xoán cura o bocio, lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. As augas de moitas fontes posúen cualidades sandadoras, profilácticas e purificadoras. En Galicia resulta frecuente ver unha ermida ou un santuario construído preto dunha fonte con virtudes milagrosas. Conta X. Rodríguez Campos, en Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990), que era crenza xeralizada que a auga que saía das rochas purificaba e fecundaba a terra; a algunha desas fontes acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear. A Fonte dos Poios é unha aldea da parroquia de Penarrubia, en Baralla; As Fontes, A Fonte do Lobo e A Fonte da Saúde aldeas do concello de Becerreá; Fontexoana de Cervantes; Fontela de Navia de Suarna; A Fonte e A Fonte do Cando das Nogais; Fonteferreira, Fonteformosa e Fontevedra de Pedrafita do Cebreiro. Fontes, na parroquia de Furco, en Becerreá, cítase nun documento do mosteiro de Penamaior do ano 1181.
 
FONTEBOA 
Do latín fons e bona. Alusión a unha fonte de augas curativas ou prodixiosas. Fonteboa tamén é unha aldea da parroquia de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro.

FONTELA 
Do latín fontanella, diminutivo de fonte, co sufixo -ella. Esta forma, ao contrario que Fontenla, non é moi común en Galicia. Fontela é tamén unha aldea de Muñís, en Navia de Suarna. 
  
FONTEVEDRA 
Do latín fontem, "fonte" e vetera, “vella”. Mais esas, Caridad Arias di que non estamos diante dunha "fonte vella", que debe tratarse dunha tautoloxía relacionada cun hidrónimo tal como o reflicte a forma vedra, "auga, río". Ou, segundo Nicandro Ares, propiedade de Vetus, -teris. Fontevedra é unha aldea da parroquia do Cebreiro, no concello de Pedrafita do Cebreiro.

FÓRNEAS 
Do latín furnus, "forno, concavidade, gruta, cova". Ou do nome Furnius. En Galicia temos os topónimos Fórneas, na parroquia de Martín (Baleira) e A Fórnea, no concello de Trabada.

FOUCE 
Latín falcem, de falx, falcis, fouce, instrumento para segar, sen desbotar que derive do latín faucem, gorxa, paso estreito. Di Marcial Valladares Núñez no seu Diccionario  gallego-castellano (1884): "Palabra denotativa de lo poco, ó nada, en que se tiene cuanto no sea el asunto de que se trate. Por ejemplo; Fíjen-a chorar; fíjen o meu ĝénio; o demais, fouce. La hice llorar; hice mi capricho, conseguí mi objeto; lo demas, nada me significa, ó fastídiese el que sea". Fraseoloxía: "A fouce, na leira ou no monte". "A fouce no prado, e o boi no arado". "En San Xoán, fouce na man".
 

FRADE 
Procede do latín vulgar fratre, de fratrer/fratris, "irmán", relixioso dunha orde monástica. Utilizado como alcume, persoa que traballa para unha comunidade relixiosa dos frades, ou  ten modos e fasquía semellantes. Cítase "ecclesiam de Fradei" nun documento do mosteiro de Oseira do ano 1224. Vilar de Frades é tamén unha aldea da parroquia de Ouselle, en Becerreá; e Castelo de Frades da parroquia de Cereixedo, en Cervantes. Castelo de Frades cítase nun documento do mosteiro de Samos no ano 1091: "In Castelo de Frs, cella integra". No ano 1262, os monxes de Carracedo do Bierzo posuían herdades en "Castello de Fratribus". 

FRAGA 
Latín frangere, extensión grande de terreo, escarpado, abrupto, con árbores, arbustos e moita vexetación. Eladio Rodríguez González, no Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961) recolle: "En los pasados tiempos, el Estado convirtió en fragas do rei las dehesas, fragas y robledales que le pertenecían, pero esas fragas comunales han ido desapareciendo. En diversas pragmáticas anteriores al siglo XV ya se mandaban plantar encinas, robles y pinares en los montes, y sauces, álamos y otros árboles en las riberas de Galicia, para que hubiese suficiente abasto de leña y madera, disponiéndose además que esos árboles no se cortasen por el pie sino por las ramas, dejando en ellos "horca y pendón", o lo que es lo mismo, dos ramas principales. Del crecimiento que alcanzaron las FRAGAS en otros tiempos, da idea el hecho de que en el siglo XVI, sólo en las comarcas de Cedeira, Pontedeume, Santa Marta de Ortigueira y Viveiro, se exportaban al año más de 7.600 carros de madera para Portugal".

FREIRE/FREY 
Do provenzal fraire, "monxe, freire", membro dunha orde relixiosa. Para Caridad Arias, do nome Frethe-mundus, Fredemundo, que interpreta como "protexido de Freda" e non formado polas raíces *frith, paz, e *nanth, "audacia, intelixencia", proceden os topónimos galegos en frei- que viría do xermánico Freyr, a contrapartida masculina da deusa xermánica e nórdica Frida ou Freya, unha divindade bélica e defensora da comunidade.
FREITAS 
Do participio latino fracta, de frangere, romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo Eladio Rodríguez fala duns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal Otero Álvarez, en Historias etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e pendente, perigoso para andar o gando. Carré Albarelos fala dun barranco, unha abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río. É tamén un núcleo de poboación da parroquia de Cereixedo.

FREIXO/FREIJO 
Vén do latín fraxinus, freixo, árbore que medra na beira dos ríos e en lugares húmidos. Antigamente, o freixo utilizábase para facer os eixos dos carros, xugos, etc; a casca moumiña (a do medio) era boa para a dor de cabeza. A voz freijo, clara deturpación do galego, non existe en castelán, a tradución correcta sería fresno. O Freixo é tamén unha aldea da parroquia de Tortes, en Becerreá, e outra de Cereixedo, en Cervantes.
 

FREITAS 
Deriva do participio latino fracta, de frangere, romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo Eladio Rodríguez fai alusión a uns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal Otero Álvarez, en Historias etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e pendente, perigoso para andar o gando. Para Carré Albarellos denuncia un barranco, unha abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río. A Freita é unha aldea de Cervantes.

FRESNEDO 
En galego Freixeiro. Lugar poboado de freixos, latín fraxinus, árbore que medra na beira dos ríos e lugares húmidos.

GAGO 
Do alcume que fai alusión a este defecto físico, relacionado co verbo garguexar, “pronunciar mal ou tatexar”. Tartamudo, tatexo.

GALÁN 
Apócope de Galano, "amoroso, cariñoso, doce no trato". Caridad Arias faino derivar do céltico *valo, *ualo, "poderoso, forte"; de aí viría, entre outros, o topónimo do concello galego de Baleira, o antigo francés valante, hoxe galant; a mesma orixe tería o inglés gallant, "valente". Hai autores que defenden unha orixe xermánica *wallan ou o visigótico Galla -anis.

GALLARDO 
Forma irlandesa *gal, e sufixo xermánico *hard, “valentía”. Hai quen defende a teoría dunha orixe francesa gaillard ou do latín gallus, gallicus, "galo", en alusión, tamén, a unha persoa valente. En Galicia chaman así ao boi ou á vaca que ten os cornos longos e cara arriba.

GALLEGO  
Do latín gallaecus. Di Nicandro Ares Vázquez que foi un sobrenome étnico como o que adoptou Decio Xuño Bruto no 1136 a.C.: "Decius Iunius Brutus Gallaecus", o romano que chegou a Galicia no ano 1136 a. C. Galego/a denominábase aos "cristiáns vellos" e que despois se converteu en topónimo como se explica na Genealogia Sarracenorum, do século XII. Cristián vello ou cristián puro é un concepto ideolóxico que pretendía designar ao segmento maioritario da poboación da Península, acaído a partir do século XV, que supoñía a "limpeza de sangue" para distinguirse dos conversos. Galegos é unha parroquia do concello de Navia de Suarna. 

GALVÁN/GALBÁN 
Do francés gauvain, "falcón de chaira", ou do céltico gwalwain, “falcón branco”. En Galicia tamén se coñece como "galván" á miñoca, galba, que se utiliza como cebo de pesca. Tamén folgazán, preguiceiro. Hai autores que defenden unha orixe bíblica *gal que significa elevación en hebreo.

GALLO/GAYO 
Latín gaudium, "gozo, alegría". O latín gaius tomaría a forma coñecida do nome Caius. Tamén pode facer alusión a unha *(villa) Gaudio dun posesor medieval de nome Gaudius. Tamén pode vir do céltico gallo ou do latín gallus, a ave doméstica. Na epigrafía romana en Galicia, o nome persoal Gaius aparece con frecuencia. En Galicia chámase "gaio" (do occitano gai?) a unha persoa alegre, vistosa.

GANCEDO 
Pode ser unha variante de goncedo, de gonzo, leña da uz que se recolle despois da queima do monte; o ganzo utilizábase para alumarse. Luis Aguirre del Río (1858) e Francisco Javier Rodríguez (1863) din que é a vara seca do breixo despois de pasar dous ou máis anos á intemperie. Leandro Carré (1951), di que é unha póla verde do xardón utilizada nas pallozas, presa no lamanario para alumarse. Elixio Rivas (20012), póla de uz, toxo ou xardón para alumar a cociña, metido na gramalleira. O italiano gancio e o castelán gancho fan alusión a un terreo curvo.

GÁNDARAS/GRANDAS 
Do prelatino ganda, "pedregal, terreo inprodutivo e cheo de maleza". Elixio Rivas di que vén dunha base K-N, "rocha". Aparece como gandera nun documento do Tombo do mosteiro de Celanova do ano 934.

GARCÍA 
Patronímico derivado do nome propio García que en godo vén a significar “príncipe de vista agraciada”. Elixio Rivas, na súa Onomástica persoal do noroeste hispano (1991), di que Menéndez Pidal e A. Tovar coidan que se trata dun nome indíxena, afín ao vasco (h)arz, "oso". García, rei de Galicia e Portugal dende o 1065 ao 1072, é considerado como o derradeiro monarca dunha Galicia independente que foi destronado polo seu irmán Afonso de León, orde executada por un famoso mercenario: o Cid.

GARRIDO 
Do latín garrire, "parolar, falar seguido", tamén "louzán, de bo ver, fermoso". Na igrexa de Zanfoga hai un escudo do ano 1680 onde se le o nome que custeou a obra, un inquisidor chamado Francisco Garido. 

GARZÓN 
Hai quen defende unha orixe xudea que indicaba a profesión á que se adicaba á garzonería, é dicir, “servir aos seus señores”. Outros fanno derivar do francés garçon, “mozo”, ou proveniente do nome latino Cartius. Tamén alusión á cor azulada.

GASPAR 
Orixe grega, de ga-ges, “terra, país, nación” e para, “proveniente de”. Significa “Aquel que procede dun país”. Hai autores que lle dan unha orixe profética, “Aquel que é mensaxeiro do mundo”. Outros o derivan do persa kansbar, “Aquel que é buscador de tesouros”.

GAYOSO 
Gaioso en galego. Do latín gaudere, “estar contento, alegrarse”. Tamén da forma gaudiosu, adxectivo latino vulgar que se usou na toponimia xunto con “monte”. Alusión a un propietario medieval de orixe latina de nome Gaudiosus, como xa se ve escrito no ano 1013 nun documento galego. Para Caridad Arias procede do céltico gallo ou gallus que en galego leva a desinencia prerromana -osso, -ossa. Dito dunha persoa alegre, chea de alegría.

GERBOLES/GERVOLES/JERBOLES 
En galego Xerboles. Apelido de orixe toponímica. Nicandro Ares Vázaquez di que podería vencellarse con Servolenus o cal é da familia de Servolius, diminutivo de Servus. En Galicia temos o topónimo Xerboles no concello de Pol.

GESTEIRO 
Xesteiro en galego. Apelido ao que se lle mudou o “x” nun intento de castelanización. De xesta, latín genista. Denuncia un lugar cheo de xestas.

GIGÁN 
No Diccionario de la Real Academia Española figura a voz jayán, "a xiganta, persoa de grande estatura, robusta e de moitas forzas". No Quijote de Avellaneda (1614) fala dos "fieros y descomunales jayanes". E no Criticón de Baltasar Gracián (1651), lese "Pero asistían en ella dos disformes gigantes, jayanes de la soberbia". Voz que logo mudou o "a" en "i". Mais esas, Ares Vázquez cre que provén do antropónimo Egica(ne), sen ter que supoñer a forma *Giga, -ane.

GIL 
En galego Xil. Posible orixe francesa Gil, Gille, Gilles, que se estendeu por toda Europa na Baixa Idade Media. Provén do nome latino Aegidius que, por outra parte, tería unha orixe grega. Hai autores que o fan proceder do nome xermánico Gillus, "fermoso". Gil utilizouse como nome de persoa ata os séculos XVIII e XIX, non sendo, hoxe en día, un nome propio inusual. Significa “protector”.
 
GIMENO/JIMÉNEZ 
Ao parecer deriva da forma latina eximius, "egrexio, ilustre" que co tempo evolucionaría Eximius > Eximeno > Eximenes > Ximenos > Ximénez > Giménez ou Jiménez.

GINÉS 
Xes en galego. Latín Genesius que se orixina na raíz indoeuropea *gen, "xerar". Significa "orixe, nacemento".
GIRÓN/XIRÓN
Dise do leite agre. Alusión a unha persoa falsa, fanfurriñeira, tamén feble de forzas.

GIRONDO 
En galego Xirondo. Do latín gyrone, gyro, "xirar", mais o sufixo onis, "grande".

GOLPE 
Do latín vulpes, "golpe, raposo", o mamífero selvaxe da familia dos cánidos que se caracteriza, ademais da súa paixón polos galiñeiros, polo rabo espectacular. Dise dunha persoa astuta.
 

GOMES/GÓMEZ 
Gómez, Gomis, Gomiz ou Gomes utilizábase como nome propio de persoa. Para Menéndez Pidal ten unha orixe vasca, Gomes, que significaría “coruscente, brillante”. Joseph M. Piel retrotráeno ao gótico Gum, “home, varón”.

GONZÁLEZ 
De Gundisalvus, nome xermánico frecuente en Galiza a partir do século X. Patronímico derivado do nome propio Gonzalo (Gunth + salv), “home disposto para a loita”.

GRAS 
Posible orixe xudía. Hai quen o fai derivar do catalán, co significado de gordo.

GROMAZ 
Nicandro Ares Vázquez ve un sobrenome latino Gromatius, relacionado con groma/gruma, un instrumento de agrimensor. Segundo Piel e Kremer viría dun suposto antropónimo visigótico *Wormatius. Ou raíz indoeuropea *bhorm que evolucionou a bormatiu que significa "quente". En Galicia temos a aldea de Gromaz na parroquia de Carballido, na Fonsagrada.

GROVA 
Do gótico groba, "fondal, desfiladeiro, paso fondo e estreito entre montañas". Joseph Piel di que procedería do latín ingluvies, "papo, tragadeiro". O linguísta catalán Coromines de grabar, nome de procedencia xermánica proveniente de groba, cova, que dende o gótico ou do suevo mantívose en Galicia.

GRUEIRO 
Do galego grou/grúa, a ave zancuda de rapina. Mais Coromines di que é un derivado de groba, xa anotado en Tui por Fr. Martín Sarmiento, no sentido de conduto subterráneo por onde entra ou sae a auga para regar. Para Eladio Rodríguez, no seu Diccionario (1958-61), "Agoreiro, adiviño que  vaticina por medio de agoiros".

GUDE 
*(Villa) Gutti dun posesor medieval de nome Guto. O xermánico gut significa “godo, deus”.

GUERRA 
Do xermánico werra, “querela, desavinza, combate, pelexa, discordia”. 

GUERRERO 
Guerreiro en galego. Persoa que exercía a profesión das armas. Tamén persoa de ánimo belicoso, pendencieiro, de mal xenio.

GUEVARA 
Apelido toponímico. Do euskera ebar, "fenteira, lugar poboados de fentos".

GUITIÁN 
Alusión a un posesor medieval de orixe xermánica de nome Wittila. Filgueira Valverde deríavao do nome persoal xermánico Wintila.

GULLÓN 
Só como hipótese pode compararse co portugués Vilhoes, de probable orixe xermánica en opinión de J. Piel, que quizais estivese relacionado co topónimo Guilhao, sendo o xenitivo en -onis dun nome probablemente de muller Guilho, que corresponde á forma masculina Guilla, cuxo primeiro membro viría de wilja, "vontade".

GUTIÉRREZ 
Orixe no xermánico Walthari. Apelido patronímico do nome propio Gutierre. J. Atienza di que ten a orixe en Cantabria. Viría a significar "o que goberna ao pobo".

HERBÓN 
En Galego Erbón. De herba, latín herba. Nicandro Ares tamén vé nel un atropónimo Erbonius. No ano 1609 era dono da Casa torre de Cormes Vasco de Erbón y Vivero. Erbón é unha aldea da parroquia de Tortes, en Becerreá.

HERMIDA 
En galego Ermida. Provén do latín tardío eremita (e este do grego eremítes) que, ao mesmo tempo, vén de eremus, alusión a un sitio deserto, solitario, ermo. Referencia a unha capela que adoita estar fóra dos núcleos habitados. A forma correcta é a galega ermida (sen "h"); en castelán sería ermita. A Ermida é unha aldea da parroquia de Quintá de Cancelada, en Becerreá.
 

HERNÁNDEZ 
Patronímico de Hernando. Alusión a un posesor de nome Ernandus que signifca “guerreiro valente”.

HERRANZ 
Do xermánico heri ou hari, "exército".

HERVELLA 
En galego Ervella. Do latín ervilia, -ae. Planta rubidora cuxa semente se usa como alimento (chícharo). Para Francisco Javier Rodríguez (1863), "especie de guisante". Unha das acepcións no Diccionario de Eladio Rodríguez Gonzzález (1958-61), "traballo penoso que se fai con dificultade". Tamén pode estar relacionado co nome propio Ervilius.

HITA 
En galego Fita. Do latín ficta, “cravar, fixar”, parte da pedra fincada no chan (pedrafita). García de Diego, en Contribución al léxico gallego y asturiano (1958) deriva de iactare, "mover, axitar".

HORBÁN 
En galego Orbán, sen o “h”. Deriva dun posesor medieval de orixe latina de nome Orbanus.

IGLESIAS 
Na onomástica, ao contrario do acontecido na toponimia, perdeuse o apelido Igrexas. Claro exemplo de apelido imposto que se aplicaba en casos de filiación non recoñecida (o mesmo que Expósito, neno recén nado non recoñecido polo pai). Vén do latín vulgar eclesia, "asemblea, edificio consagrado ao culto cristián".
 

IGÓN 
Alusión a un propietario medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Ico ou Igo. Escrito Ygon nun documento galego do ano 1309. Igón é tamén unha aldea da parroquia da Ribeira, en Cervantes.

INGERTO 
Latín insertus, de inserere, "inxerir, introducir, intercalar" que, como sinala Ares Vázquez, sufriu contaminación cun derivado de serere, "tecer, trenzar, sementar, plantar". En galego enxerto, de enxertar (unha planta, por exemplo).

IRAVEDRA 
Orixe galega. Apelido composto polo latín area, “eira”, e vetera, “vella”. Etimoloxía coa que non concorda Caridad Arias onde a forma vedra procede do indoeuropeo *uer, auga.

IRIMIA 
Topónimo do nacemento do río Miño.

JACOB 
En galego Xacobe. Alusión a un posesor medieval de nome Iacobus (Xacobe, Santiago). En hebreo significa “o segundo, o que vén detrás”.

JÁCOME 
Xácome en galego. Hebreo Iacobus (Iago, Santiago). 

JANEIRO  
Castelanizado. En galego Xaneiro. Do deus romano Ianus, co significado de “paso dun espazo ao outro” pasou ao mes de Ianuarius no que se fai o tránsito dun tempo ao outro. Di J. P. Machado que se lles impuña como apelido o mes aos cativos abandonados ou atopados. Fraseoloxía: "No mes de xaneiro, súbete ó outeiro; se ves os teus campos vedexar, ponte a chorar; se terrexar, ponte a cantar". "En xaneiro, pon o alleiro". "En xaneiro, berza vella val carneiro". "Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro". "Pito de Xaneiro, vai coa súa nai ó poleiro".

JATO  
En galego é Xato. Provén do substantivo común xato, "becerro, cría da vaca mentres aínda é nova". É de etimoloxía descoñecida. En Ibias (Asturias), localidade de fala galega, existen testemuños da voz común xato en textos dos séculos XIV e XV, e en Galicia no século XVI.   

JUANES   
De Xoán. Deriva dun posesor medieval de nome Iohannes. Significa “Deus é propicio ou misericordioso”.
JUEZ 
Do latín iudex -icis. En galego Xuíz. Persoa, que de acordo coas leis, decide se unha cousa é xusta ou non. O que valora os méritos dunha persoa.

JULIÁN 
En galego Xián ou Xulián. Do latín Iulius, Xullo. Xentilicio da familia Iulia, “adicado ao deus Xúpiter”.

JURADO 
En galego Xurado. Tribunal popular e cada unha das persoas que o compñen. Orixe no nome duns funcionarios que tiveron que facer xuramento de que ían cumprir co seu deber. 

LABALLOS 
Quizais unha alteración do verbo latino lavare, lavar.  

LADEIRA 
Lado dunha montaña ou dun outeiro, que é un terreo en costa.

LAGARES 
Relacionado coa voz latina lacus, "lago". Lugar preparado para prensar certos froitos (uvas, mazás, olivas) para que solten o zume. Chan de Lagares é tamén unha parroquia do concello de Cervantes.

LAGE/LAXE 
Vén do céltico lagena ou do latín lagea, "pena de grandes dimensións coa superficie lisa e longa". Ou do nome latinizado Lagius, Lagii, relacionado coa auga. Laxes é tamén unha parroquia do concello de Baralla.

LAGO 
Do latín lacus, lago. Caridad Arias identifícao co deus céltico Laho que deu, vía gheada, lagho e logo o lago actual. En Galicia moitos lagos e lagoas están asociados a lendas de cidades e pobos asulagados. O Lago é unha aldea de Becerreá.

LAMAS/LAMELA 
Prerromano lama, "masa branda ao se mesturar a terra con auga". Lamas de Pacios é unha aldea da parroquia de Pacios, en Baralla; Lamas e Lamarrío dúas aldeas das parroquias de Becerreá e Tortes, en Becerreá; Lamas, Lama de Rei e A Lama, das parroquias de Lamas, O Mosteiro e Noceda, en Cervantes; e A Lama da Vila de Santo André das Nogais.

LANUZA 
De anu, "pasto".

LAPIDO 
Debeu de orixinarse nun antropónimo Lappidius, baseado en Lappius, quizais por influencia de lapideus, "pedra". Terreo cheo de pedras.

LARRAGA 
Do vasco larre, "pasto".

LASTRA 
Prelatino *lakstra. Variante de laxa, pedra grande, plana e delgada. Tamén "ferida, chaga", costra que se forma nas feridas.

LEGASPI 
Do vasco legar, "grava", e azpi, "debaixo".

LEIRADO 
Céltico lar que deu o vocábulo latino larea ou glarea, "terreo labradío ou cultivado". Nicandro Ares Vázquez di tamén que podería vir do antropónimo Larinatus. Palabra que aparece rexistrada no século X no mosteiro de Celanova, e no século XI no de Oseira.

LEITADO 
Orixe no latín lac, lactis, "leite". Que ten a cor do leite.

LEIVAS 
En portugués ten o mesmo significado que leira, “terreo de labranza ou cultivado”. Peza do arado que levanta a terra. Hai autores que o derivan do grego leios, "suave". Apelido documentado en Galicia no ano 970.

LEMOS 
Podemos identificalo co pobo prerromano dos Lemavos que habitaron no sur da provincia de Lugo e cuxa capitalidade estaría no castro Dactonio que quizais se emprazaría no monte de San Vicente do Pino, en Monforte, onde logo se construíu un mosteiro e un castelo. Os Lemos foron unha poderosa familia galega en época Baixo-Medieval. Na igrexa parroquial de Torés, nas Nogais, están enterrados Diego de Lemos e María de Ulloa. 

LENCE 
Alusión a un posesor medieval de nome Lentius ou Legentius. Primixeniamente debeu ser Alence, dunha *(villa) Alentii pertencente a un propietario que atendía por Alentius. A Alence é unha parroquia do concello das Nogais.

LENDE/LÉNDEZ 
Deriva dun propietario medieval de nome Lendius. Hai quen cre que vén do latín illinc inde, "máis alá, ao outro lado".

LEONOR 
Xermánico que significa “que medra con forza”.

LIÑARES/LINARES 
Derivado do latín linu, "liño". Terra sementada de liño. Nicandro Ares di que tamén podería vir do patronímico Linarius. Liñares é tamén unha aldea da parroquia de Penamaior (Becerreá); da parroquia de Queizán (Navia de Suarna); e parroquia de Pedrafita do Cebreiro. A Casa do Avogado, en Vilouta (Becerreá), pertenceu a Manuel Pérez de Linares. 
LLAVE
En galego Chave. Latín clavis, instrumento para abrir ou pechar. Ou alusión ao nome de persoa Flavius, ou do cognome Flavus, "o roibo". 

LOBATO 
Cría do lobo, latín lupus. Tamén parte superior do eixo do rodicio do muíño.

LODEIRO 
Sería lutarium, do latín lutum, "lodo, lama, lugar lamacento". Ou proveniente do nome de persoa Lutarius. Cítase Lodeyro nun documento galego do ano 1269.

LOJO 
En galego Loxo. Apelido galego, quizais de orixe toponímica que na Idade Media aparece como Logium. Loxo, nome dunha parroquia do concello de Touro; tamén hai un lugar así chamado en Boiro.

LOLO 
Hipocorístico (palabra que transmite afecto ou cariño) de Manoel e de Euloxio. Segundo Franco Grande (1972), "babeco, parvo, infeliz". Tamén vertixe, enfermidade do gando lanar.

LOMBARDÍA 
Xermáncio lang, "longo", e bart, "barba". Persoa de longa barba.

LÓPEZ 
Patronímico derivado de Lope ou Lopo, latín lupus, "lobo".

LORENZO 
Lourenzo en galego. Hai unha lenda que o sitúa preto do río Miño onde un tal don Almiro Louba, tras ser salvado milagrosamente por San Lourenzo do ataque dun grupo de sarracenos, mudou o seu apelido polo do santo. O apelido evolucionou ao longo dos séculos, no XVIII era Lorensso, e é no XIX cando adquire a forma actual. Deriva de laurus, -i "loureiro". Asemade, pode vir dunha *(villa) Laurentio, dun posesor medieval de nome Laurentius. O San Lourenzo, xunto con Santa María, é patrón da parroquia de Penamaior, en Becerreá, e Pacios (Pedrafita do Cebreiro), e capelas adicadas en Vilares (Baralla), Touzón e Bullán (Becerreá), e Piornedo (Cervantes).

LORIDE/LORIDO 
Semella unha deturpación de Lourido, "lugar poboado de loureiros", a latina laurus nobilis, cuxas follas se usan para adobar os alimentos e, bendicidas, para alonxar os malos espíritos. Tamén pode vir do euskera elor co sufixo -do, "pastizal". Adoita facer alusión a unha persoa pálida, que perdeu a cor natural.

LOSADA 
Lousada en galego. Do latín lausatam, lousa, “pedra lisa e chá”. Mais os topónimos e antoprónimos Losa e Lousa non teñen unha orixe exclusivamente latina do nome común lausa, senón que boa parte proveñen de nomes prerromanos, seguramente celtas, da base Lossa ou Loso e en cuxa base está o teónimo Lossa ou Loxa, divindade logo asociada a Apolo, "o curvo , o torto", alusión á aparente curva que o sol descrebe no espazo.

LÓUZARA 
Hai autores que o derivan dun posible hidrotopónimo prerromano *lautiara. Nicandro Ares apunta unha posible relación con louza, "cerámica para uso doméstico", aínda que tamén ten outras acepcións, como "conxunto de toxos, fentos, etc. conque se cubren as cortes do gando". Mais tamén hai quen o retrotrae a un primitivo Lauzara, do prerromano lausa, "pedra chá, lousa".

LOZANO 
En galego Louzao. Do latín lautum, "louzán, belo, saudable, rico, fermoso, delicado, luxurioso". Mais tamén se lles daba este nome aos vendedores de louza que viñan das provincias de Léon e Zamora.

LUACES 
Apelido toponímico coa raíz preindoeuropea *leu/loo, “lavar”. J. Piel e Kremer dan a Luaces como plural de *Luaz, en relación co gótico luns, "rescate", aínda que non sinalan que fose patronímico do xentilicio latino Lunatius.

LUGUEROS 
De Lug ou Lugh, divindade celta da que tamén deriva o latino Lucus (Lugo) que significa “bosque sagrado”. Os luggones eran un probo prerromano asentado en Galicia e que deu o topónimo Lugo. 

MACEDA/MACIÑEIRA/MASEDA 
Deriva do nome dunha propiedade da mazá, mala mattiana, que logo serviu para denominar a mazá en xeral (Malus domestica). Maceda é un concello da provincia de Ourense.

MACÍA/MACÍAS   
Orixe hebrea, masyah que significa “traballo de Deus”, que non se debe confundir con mejksiyah, “refuxio de Deus”.

MACHADO 
Apelido de orixe galega. Instrumento para para cortar. En Galicia son relativamente abundantes os machados líticos dos períodos Neolítico e Calcolítico.
 

MADARRO
Lombo de terra que se levanta para dividir terreos. Altura pequena nun terreo. 
MADRIÑÁN 
Posible alusión a un posesor medieval de orixe latina que atendía polo nome de Matrinianus, extraído do xentilicio Matrius. Ares Vázquez di que tamén consta o antropónimo Maternianus.

MADURGA 
Disque orixinario de Navarra. Terreo chan á beira de regueiros e ríos?

MAESTRO 
Mestre en galego. Do latín magister, -tri, persoa que ensina algo a outro ou a outros, principalmente a que ensina aos nenos nas escolas. Ou persoa que salienta polos seus coñecementos. Tamén foi nome persoal como nolo amosa a documentación medieval (coma un Rudericus Magister en Lugo no ano 1184). Ares Vázquez fala dun magistro meo, unha especie de titor testamentario ou director espiritual. As granxas dos mosteiros cistercienses tiñan como director a un magister grangie, como no caso do cenobio de Meira.

MAGDALENA 
Madanela é a forma grega de Migdal, torre en hebreu. Étimo tamén aplicado a unha persoa que, habitualmente sen motivo, anda aflixida, desconsolada, tristeira. Máis esas, tamén pode ser unha alteración de "medanela", logo cristianizado, que podería denunciar un lugar onde houbo enterramentos megalíticos. A igrexa de Vilapún, en Cervantes, conserva un cáliz de prata cicelada doado por José Becerra Magdalena, conde de Vilapún, no ano 1833. 

MALLO 
Do latín malleus. Instrumento agrícola utilizado para mallar o trigo, ou mazo de ferrería. Martelo de madeira. Hai investigadores que defenden unha orixe toponímica que viría da partícula preindoeuropea *mal ou *mel, rocha, altura. Por outra banda, o malló é o espazo de terra entre dúas leiras.

MALPARTIDA 
Segundo unha das lendas que existen arredor deste apelido, un cabaleiro cristián que partiu para loitar contra os sarracenos foi morto nada máis chegar ao campo de batalla. A poboación estremeña da que era orixinario tomou, entón, o nome de Malpartida. Mais cremos que fai alusión a un terreo rochoso ou a unha mala partixa de terras, xa sexa pola súa calidade ou pola súa pouca extensión. Tamén pode facer referencia a un arrevesado lugar con deficientes vías de comunicación do que non é doado partir.
MANCEBO
Do latín vulgar mancipus, "escravo", persoa que serve como criado; persoa xoven; aprendiz que percibe un soldo; en tempos, empregado auxiliar de enfermería.

MANZANO 
En galego Maceira ou Maciñeira. Árbore que dá como froito a mazá. A mazaira silvestre, malus sylvestris, diferénciase da cultivada, malus domestica, sobre todo no seu menor tamaño e porque o froito é de sabor agre.

MARBÁN 
Orixe árabe. Alusión a un propietario que atendía polo nome de Marván.

MARCELINO 
Do antropónimo latino Marcellus, Marcelo (que eiquí engade o diminutivo en -inus), que significa “adicado ao deus Marte”. En galego, Marceliño, "do mes de marzo".

MARCOS 
Latín marco e xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Tamén pode referirse a unha *(villa) dun propietario de nome Marcus.
 

MAREY 
Marei en galego. Provén dun propietario medieval de nome Malaredus ou Manaredus que significa “conselleiro poderoso”. No ano 1120 cítase unha hereditates de Maarey nun documento galego. Marei é unha aldea do concello do Corgo.

MARÍN 
Xenitivo do nome persoal latino Marinus ou Marinius. Marín é un concello da provincia de Pontevedra.

MARQUÉS 
Na Idade Media facía alusión a un gobernador ou señor dun territorio fronteirizo e que logo pasou a título nobiliario. Como acontece cos apelidos provenientes de títulos nobiliarios, este aplicábase como alcume daquelas persoas que traballaban para un marqués. A súa orixe está no xermánico mark, “sinal, marca, territorio fronteirizo". Malia o anterior, tamén podería ter a orixe no antropónimo Marcius.

MARRONDO 
Segundo Aníbal Otero Álvarez (1967), "palleiro grande". Segundo Nicandro Ares aseméllase a a marronda, variante de maronda, femia estéril, e ao asturiano marrionda, ovella en celo, que, en opinión de García de Diego, viría do latín mas maris, macho, co sufixo gunda e que para Coromines tería orixe prerromana. Engade don Nicandro que talvez habería que relacionalo con mámoa, modia, medorra...

MARTÍN/MARTÍNEZ 
Patronímico derivado do nome propio Martín ou Martiño, latín Martinus, “adicado á veneración do deus Marte”, “home belicoso, guerreiro”.  

MARVAEZ 
De Marván, propietario dunha (villa) Marvani.

MASA  
Quizais de mansum, terreo roturado. Ou de massa, masa de fariña. 

MASIDE/MASIDO  
Xenitivo do nome persoal Massidius, Massitus ou Magitus. Nos séculos XIV-XV noméase en documentos galegos como Maside, Masside, Masyde. Mais no ano 904 o Maside de Sarria era Masiti. Frei Martín Sarmiento inclúe a palabra maside no grupo de sitios xeográficos que tomaron o nome pola disposición do terreo.

MATEOS 
Patronímico de Matheus ou do xentilicio Matteius. Hebreo que vén a significar “home de Deus”.

MEDA/MEDÍN 
Do latín meta, columna cónica situada ao final da spina dos circos romanos que servía para sinalar a chegada das carreiras, palabra que aínda se conserva nas competicións deportivas modernas. Alusión a picos desa forma. Morea grande de monllos de cereal dispostos para mallar. Herba seca ou palla colocados na eira en forma que non lles entre a auga. Tamén poden facer referencia a mámoas prehistóricas en forma de meda ou túmulo. Medín é, en catalán, unha variación de Emeterio, nome que provén do latín clásico que significa "fera ou león".
 

MEGÍA/MEJÍA 
Apelido galego que orixinariamente foi Mexía ou Mexías. Vén do hebreo mashiaj ou do arameo meshija, "unxido, mesías".

MEIRA 
Base preindoeuropea *mer, "auga, auga estancada". Segundo Eladio Rodríguez González, tamén medida que figura en antigas escrituras galegas. Meira é un concello da provincia de Lugo.

MELERO 
De mellarius, de mel, mellis. Sitio onde se garda o mel, ou persoa que a vende. Tamén referido a unha persoa "afable, afectuosa, atenta".

MELO 
Apelido bastante común en Portugal. En grego significa "coidar, vixiar", e en latín designa ao porco teixo (Meles meles). Mais tamén pode derivar do nome latino Manellus.

MÉNDEZ/MENÉNDEZ/MENDO 
Patronímico de Mendo, “fillo de Mendo”.*(Villa) Menendi dun propietario medieval de orixe xermánica de nome Menendus, “valeroso, potente”. Boullón Agrelo sinala que Menendus é o nome máis usado nos documentos galegos no século X, e un dos máis utilizados nos séculos XI e XII.

MENDOZA 
Do euskera mendi-otza que significa "monte frío". Ou quizais dun propietario medieval de nome Mendonius.

MERINO 
Do latín maiorinus. En galego Meriño. Persoa que coida do gando e os seus pastos. Raza de ovella de la moi apreciada. Xuíz que na Idade Media poñía o rei nun territorio. Ou quizais unha variante de Merín, xenitivo do antropónimo latino Merinus.

MERA 
Orixe nun hidrotopónimo. Preindoeuropeo *mer, "auga, auga estancada". Como di Nicandro Ares, chámase mera á néboa mesta e baixa que estraga os cultivos; continúa don Nicandro que tamén que sería unha voz emparentada co grego méros, parte, cando significa a parte de bens que lle corresponde a cada herdeiro ou a sorte que lle toca a cada veciño nunha partilla comunal. Mera é tamén unha aldea da parroquia de Barcia, en Navia de Suarna.

MERLÁN 
Orixe nun fitotopónimo? Nicandro Ares di que provén do antropónimo Merila, -anis, como propoñen Piel e Kramer.

MESA 
Do latín mensa. Ao parecer, este apelido procede de Galicia. Cabeza Quiles, no seu Os nomes de lugar, cita un documento do ano 1141 no que se lle dá o nome de mesa a un monte que tería esa forma: “dehina pro illo monte de Campello et pro illo monte de mesa...”.

MÍGUEZ/MIGUEIZ 
Orixinario de Galicia. Patronímico “fillo de Miguel”. *(Villa) Micaeli, de Micael? Ou quizais unha forma evolucionada do apelido Amiquiz, de amicus, "amigo".

MILLÁN 
Provén dun propietario medieval de nome Aemilianus que se relaciona co xentilicio Aemilius, segundo Ares Vázquez de orixe etrusca. Para Martín Sarmiento, "Espiga como de panizo pero recta y con granos grandes, y hojas de grama"; "En Galicia es muy común una hierba como grama que se eleva mucho. Es tan continuadamente fecunda como la mielga y tan útil para las caballerías y ganado vacuno como ella".

MIÑAMBRES 
Do céltico miniambrem, acusativo de Miniambris, logo latinizado Miniambriga. Da cidade ou castro do Miño? Quizais o elemento "bre", proveña do indoeuropeo *uer, auga.

MIRA 
Non cremos que faga alusión a un posesor medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Miro e que vén a significar “fama, renome”. Aníbal Otero Álvarez, en Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés (1965): "Especie de pájaro de color negro, cuyo canto se oye como miu. Cartaxo", acepción coa que coincide Franco Grande (1972).

MIRAGAYA 
Miragaia en galego. Apelido composto de "mira", "mirar, ver", e "gaia", pode que do ocitano gai, "ledo, gozo". Posible alusión a unha casa con boas vistas ou de parecer ben ao seren vista dende lonxe.

MOL/MOLL 
Segundo Méndez Ferrín, mol e o seu derivado molar, procederían de mollis, "brando, dondo, doce, suave".

MON 
Hai quen o fai derivar do adxectivo posesivo francés mon, "meu", que nun principio iría acompañado por outra palabra (ex. mon roi, "meu rei"). 

MONDELO 
Provén dun propietario medieval de orixe xermánica de nome Mundellus ou Muntellus que significa “protección”. Ou quizais do nome celta Monto do que derivaría Montinus, unha divindade das montañas.

MONTAÑA 
Do latín montana, “elevación grande do terreo”. Como no caso de Mondelo, pode ser un derivado de Monto ou Montus de onde provén o nome de Montinus, unha divindade céltica das montañas. Montaña da Agra é tamén unha aldea da parroquia de Ouselle, en Becerreá.

MONTEAGUDO 
Orixe toponímica. Apelido composto polo latín monte e acutu, "agudo", que nomea formas cónicas do relevo.

MONTEALEGRE 
Do latín mons, montis, "monte", e alicer, alicris, de alacris, "alegre".

MONTERO 
En galego Monteiro. Persoa relacionada co oficio da caza ou montería. Tamén un traballador da pedra, un canteiro.

MONTES 
Do latín mons, -tis, terreo sen cultivar no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación.

MORA 
Do latín mora. En galego amora, o froito da moreira e da silva. Ou quizais do nome céltico Amorius ou Amuro. Con til no "a" sería unha (villa) Maurana, de Maurus. O monte da Morá atópase no concello de Pantón.

MORAL 
En galego, silva ou silveira. Tamén pode derivar do latín mores, "costume, modo de vida", en alusión a unha persoa honesta, xusta, ética. Mais podemos estar diante dunha castelanización de moural en alusión a un sitio habitado polos mouros, os seres fantásticos galegos asociados a tantas lendas, ou tamén a un sitio pedroso. Tampouco habería que desbotar a procedencia do nome persoal Moratus, de morari, co significado de pausado ou do adxectivo moratus, moderado. O Moural é tamén unha aldea da parroquia de Queizán, en Navia de Suarna.

MORÁN 
En galego silva ou silveira. Tamén pode derivar do latín muratale, "muradal", ou de morare, "morar, vivir". Ademais pode facer alusión a unha *(villa) Maurani dun propietario medieval de nome Mauran.

MORCILLO 
Derivado de morcilla. Cacho groso do intestino. Embutido con sangue cocida de porco e outras cousas. En castelán, cabalo ou égua de cor negra tirando a vermello. Hai autores que defenden a súa relación co latín mauricellus, proveniente de maurus, "mouro".

MOREIRA 
Alusión á morus nigra, árbore de froito mouro ou negro, semellante ás amoras das silveiras. Primeiro pasou a nome de lugar e logo a apelido. A súa folla é alimento dos vermes de seda. Moreira é unha aldea da parroquia de Donís, en Cervantes.

MORENO 
Do latín maurus, "mouro", en alusión á cor escura da pel. Segundo algúns autores, fai alusión a unha persoa cruel e inflexible.

MORODO 
Deriva do latín morum. Amorodo, froito da amorodeira. En Pedrafita do Cebreiro chaman así á fresa silvestre.

MOSTEIRÍN/MOSTEIRIÑO/MOSTEIRO/MONASTERIO  
Deriva do latín monasteriu e do grego monastérion, derivado de monakhós, alusión a unha residencia solitaria. Casa ou convento onde viven os monxes en comunidade. Segundo Andrade Cernadas, o monacato comeza na Gallaecia no século VI con San Martiño de Dumio. Desta centuria semella ser a sé de Bretoña, na Pastoriza, que se organiza arredor do abade-bispo de orixe celta Mailoc. Monxe vén do grego monakhos, solitario, que en latín deu monachum, persoa que fixo votos relixiosos e que vive en comunidade con membros da mesma orde. O Mosteiro son parroquias dos concellos de Cervantes e Navia de Suarna. Na parroquia do Mosteiro de Cervantes puido estar o desaparecido cenobio de San Salvador de Cancelada, fundado a mediados do século XII. 
 

MOURÍN 
Xenitivo latino Mauri do antropónimo Maurus. O nome persoal primitivo provén do latín maurus, "habitante de África ou da Mauretania" que foi común como cognomem no Imperio Romano.

MOURIZ 
Patronímico de Mauricius, "Mauricio".

MOUTEIRA 
Mota, aterro para resgardar os terreos das inundacións. Marco ou fito de pedra que sinala o límite entre leiras ou herdades.

MUERZA 
Orixe nun orotopónimo. O mesmo que Muguerza. Lugar abundante en pedras, abrupto, escabroso.

MUGÍN/MUJÍN 
En galego Muxín. Derivado do latín musso, "marmurar", en alusión a unha persoa marmuradora. Ou quizais un derivado do antropónimo Mustius ou Muscius.

MUÑIZ 
Patronímico do nome Munio. Prerromano *mun-n, "altura, montaña, límite". O elemento Muniaego é un xentililicio do nome Muno ou Munio que deu Muñis e Muñiz. Aegia Muniaeco é unha divindade galaica das alturas.

MURADÁS 
Derivado do latín muratale, de murus, "muro, parede", en referencia a un muro ou valado para delimitar un terreo. Tamén pode facer alusión a un terreo abrupto. Ou a unha persoa de nome Moratus. 

MURIAS 
Orixe toponímica, do latín murus. Aínda que frecuente en Galicia (concellos de Navia de Suarna, Becerreá, Baleira, A Fonsagrada ou Meira), percíbese a influencia das partes limítrofes de Asturias e O Bierzo, tal como sinala o profesor Cabeza Quiles, e cuxa etimoloxía daría “cerca de pedras coa que se pecha un terreo” ou, simplemente, "pedregal". Murias é unha aldea da parroquia de Vilamane, en Becerreá; Murias de Rao (Navia de Suarna); e Murias de Camín da parroquia de Ribón (Navia de Suarna).

NAVE 
Do preindoeuropeo *nav, "depresión, concavidade do terreo". Ou do latín navis, "embarcación". 

NAVIA 
Partícula prerromana *nav, "depresión, concavidade do terreo", ou preindoeuropea *ab-, "auga, río". En Galicia está amplamente documentada na epigrafía a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat no seu Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a través da auga. Aparece en varias inscricións de época romana na Gallaecia e na Lusitania. Na comarca dos Ancares temos o concello de Navia de Suarna e o río Navia. No concello de Cervantes apareceu unha epígrafe de época romana, adicada a esta divindade galaica, onde se le: "Naviae Sacrum". O Pazo de Abaixo, en Galegos (Navia de Suarna), foi fundado no ano 1581 por Diego Gómez de Navia.
 

NEBREDA 
Lugar poboado de enebros (en galego xenebreiro), latín vulgar iiniperus, o arbusto de madeira roxiza, forte e olorosa. Ou quizais xenitivo dun nome persoal.

NEIRA 
Orixe toponímica. Preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, "auga". Desenvolvemento co que non concorda Méndez Ferrín que, baseándose en A. Meiller, di que o indoeuropeo posuía dúas palabras para varón, guerreiro. Unha *wiro- que o designaba simplemente. Outra, *ner-, *aner- que o designaba evocando a súa calidade unida á de forza (máxica). O antigo irlandés nert e o galo nerth, "forza", virían do segundo termo indoeuropeo. Significaría, entón, "poder, forza masculina e máxica". Pon como exemplo o galego e mítico Promontorium Nerium, de nerius, "bravura, aguerrido". Pola comarca discorre o río Neira. San Martín e San Miguel de Neira de Rei son dúas parroquias do concello de Baralla; e a aldea de Quintá de Ribadeneira, tamén en Baralla.
 

NIETO 
En galego Neto. Do latín clásico neptis, -is, "fillo da filla ou do fillo". O que é unha persoa respecto dos seus avós. Tamén pode facer alusión ao deus prerromano Neto, relacionado por algúns autores co irlandés *net, "heroe, guerreiro", deus coñecido por dúas aras atopadas en Portugal e en Cáceres. Macrobio xa informa do seu culto na Península, identificándoo cun deus con connotacións solares. Di Cuveiro Pino (1876) que tamén existe a medida de capacidade chamada neto (algo menos dun litro), polo que podería pensarse que o apelido procedese do alcume aposto a alguén amante do viño que ata non hai moitos anos aínda se despachaba nas tabernas de Ourense por netos.

NIÑO 
Pode referirse, en castelán, a un neno, de ninno, persoa que está na etapa da nenez ou que é moi novo. Se se trata dun apelido galego fai alusión ao refuxio ou construción de palla ou doutros materiais que fan as aves para poñer os ovos e criar os pitos, a un niño, latín nidus.

NO 
Lazo feito cunha ou dúas cordas, fitas ou outra cousa semellante, que ao tirar polos extremos se aperta cada vez máis. Malia o anterior, segundo Blanca García Fernández-Albalat, é un sufixo indicativo de categoría de xefe dunha agrupación social indíxena.

NOGUEIRA/NOGUEROL 
Deriva dun fitotopónimo. Do latín nocaria, abundancial de nogueira, juglans regia, árbore cuxo froito é a noz, latín nux, nome que designa a todos os froitos de casca dura. Apelido frecuente na documentación galega a partir do século XII. Na comarca dos Ancares temos o concello das Nogais.
 

NOVELLE 
Derivado do nome persoal latino Novellus ou Novellius.

NOVO 
Do latín novus. Adxectivo, antónimo de vello. Que está ben conservado, que ten pouco tempo.

NÚÑEZ 
Patronímico do nome propio Nuno que nos documentos galegos de época medieval aparece como Nunnus.

OCAMPO 
Natureza toponímica. Relacionado co campo, latín campu.

OCHOA 
Do euskera otso, "lobo", ou otsa, "pastizal".

OJEA 
Quizais veña do portugués Ugia (en galego Uxía), proveniente do grego, que logo derivou en Ougia/Ougea/Ogea e castelanizándose logo coa "j". Segundo Méndez Ferrín, o deturpado Ojea utilizouse porque os cregos ou os funcionarios ignoraban a súa verdadeira tradución. Uxía significa "a ben nacida, nobre". Malia o anterior tamén pode proceder do celta uxo, "o elevado, o altísimo", sobrenome de varias divindades.

OLIVA 
Do latín oliva, "oliveira". As disposicións reais do século XVIII que promoveron o cultivo da oliveira en Andalucía contribuíron á desaparición da especie en Galicia.
 

OLMO 
En galego tamén ulmeira, lamagueiro (ulmus minor). Árbore das familia das ulmáceas. Dito: "Non lle pidas ao olmo peras, que está sempre sen elas". Olmos é tamén unha aldea da parroquia de Vilaquinte, en Cervantes. Fraseoloxía: "Non lle pidas ao olmo peras, que está sempre sin elas".

OREIRO 
De aurius, "ouro"? Hai quen o fai derivar de oleiro, que fai olas, e que nalgún momento perdeu o "l". Aparece citado nun documento enviado ao concello de Santiago de Compostela a finais do século XVII.

OROL 
En galego tamén Ourol. Aínda que a voz orol aparece nalgúns dicionarios co significado de "montaña", tamén pode referirse a unha *(villa) Aureoli, xenitivo do nome persoal latino Aureolus. Ou da forma céltica *uer ou *wer e variantes or, our, ur, "auga, río".
OROZCO
Disque ten a procedencia no Val de Orozko, en Biskaia. En Apellidos bascongados con su significado, de Josef Francisco de Irigoyen, lemos que vén a significar "muchos corrales". Cítase en varios documentos galegos. Entre os xudeos conversos escribíase Orosco. 

ORTEGA 
Ave semellante á perdiz. Tamén ortiga, latín urtica. 

ORTIZ 
Probable orixe vasca, evolución do nome propio Fortunio e Fortuniz, alusión a unha persoa garbosa. Mais para outros investigadores derivaría do nome persoal Fortún ou Fortunio, do latín Fortunius, "favorecido pola fortuna".  

OSABA 
Quizais derivado do patronímico Hosinius, de Osius, "o santo".  

OSORIO 
Do latín ursinus, de ursus, "oso", e orius, "relativo a". Mais Osoris é un antropónimo composto galo, co segundo elemento rix, "rei, señor", e cuxa forma orixinal é Uxo-ris ou Uxo-rix, do nome celta Oso-rix, "alto rei". A Casa de Blanes ou de Méndez, en Aranza (Baralla), pertenceu a Isabel Osorio. O castelo de Altamira, na Pobra de Navia, pertenceu á liñaxe dos Osorio e dos Altamira. Un Osorio mandou construír o castelo de Doiras (Cervantes).

OUTEIRO/OTERO 
Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Nome recollido no século X, na súa forma galega, no mosteiro de Celanova. A forma Otero pode ser de orixe leonesa ou zamorana, mais, ao teren en Galicia a densidade máis alta de toda a península, fai pensar nunha procedencia galega. Francisco Otero González, natural de Nantín, en Becerreá, atentou contra o rei Alfonso XII o 30 de decembro de 1879. 

OURO 
Latín aurum. Metal precioso. Rubio. Fraseoloxía: "Non é ouro todo o que reloce". "Vaise o ouro ao mouro".

OVIEDO 
Do latín Ovidius que deriva de ovis, "ovella". Oviedo é a capital de Asturias.

PACÍN  
Quizais proceda do xenitivo do nome persoal Pacinus. Pacini recóllese na documentación antiga do concello de Entrimo.     
PÁEZ/PAIS/PAZ/PELÁEZ 
Variantes do patronímico galego Paio, latín Pelagius e grego Pelagios. Nome de grande difusión en Galicia a partir do santo galego así chamado e de cuxo nome derivan os patronímicos Páez, Pais e Paz. As crónicas árabes sitúan a Paio como rei de Galicia entre os anos 718 e 737. Paio vén a significar “mariño, pertencente ao mar”. Nome moi prestixioso na Alta Idade Media, pasou despois a ser nome de aldeáns, de onde vén o despectivo "pailán". Como comenta Méndez Ferrín, cando Paio deixou de ser nome de prestixio, os xitanos españois do sul deron en usar paio co valor despectivo de "aldeán e non xitano", traducindo o romanó puro gachó (masculino), gachí (feminino) e gaché (plural de ambos os dous xéneros) que ficou de uso restrinxido aos iniciados. Na igrexa románica de Berselos (Baralla) consérvase unha inscrición do seu construtor: "Pelagius fecit op".
 
PAÍNZO/PANIZO 
Do latín panicetum ou panicium (clásico panicum). Alusión ao cereal, nomeadamente ao millo miúdo, latín miliu, gramínea que xa se cultivaba en Galicia antes da chegada de América da planta coñecida co nome científico de Zea mays, de grandes mazarocas que pola súa semellanza nos grans foi chamada igualmente millo.

PALLARES 
Do adxectivo latino palearis, -are, de palea, palla. Lugar onde se almacenaba a palla, palleira. Mais tamén pode derivar dun antropónimo celta como o nome lusitano Palarus, ou o da divindade Laho Paraliomego dunha inscrición votiva que se conserva no Museo de Lugo. Lahe dea é o nome dunha deusa pirenaica relacionada coas augas e protectora dos mananciais. En Ferreira de Pallares (Guntín) erixiuse un mosteiro na Idade Media.

PALOMINO 
Castelán. Polo da pomba brava.

PANDO 
Latín pandu, alusión a un lugar curvo, encurvado. Segundo Joan Coromines, terreo chan entre dúas alturas. Ou do antropónimo Pandus. Pando e O Pando son dúas parroquias de Becerreá e Cervantes; e O Pando unha aldea da parroquia de Cereixedo, en Cervantes.

PARADA/PARADELA 
Do latín parata, "alto no camiño, albergue, pousada". Lugar onde se para. Paradela é tamén unha aldea de Navia de Suarna.

PARAJÚA 
En galego Paraxúa. Para- provén do latín petra, "pedra". O segundo elemento, "súa", deriva do prefixo sub, "debaixo de". No século XI está documentado como Paraiola no mosteiro de Samos: "et alia in Paraiola". Do 1817 é unha María Juana Gerónima Resco Parajuá, e do 1878 un Domingo Antonio Parajuá Mourelo, ambos os dous de Baralla. O topónimo Parasúa témolo recollido no municipio de Navia de Suarna.  

PÁRAMO 
Voz prerromana páramo, latín paramus, “meseta deserta, lugar alto e árido con pouca ou ningunha vexetación”. O Páramo é un concello da provincia de Lugo.

PARDEIRO 
Do latín parietinariu, derivada de parietina, “de parede, sitio acoutado”. Ou referido á cor que se está a volver parda.

PARDO 
Latín pardus. Da cor parecida á da terra, entre vermella e marrón. Para algúns autores provén do latín pallidus, "descolorido, esbrancuxado", sen a súa cor natural. Posible procedencia dun alcume. A Casa de Vilanova, en Baralla, no ano 1768 era dono o fidalgo José Sánchez Pardo. 

PAREDES 
Plural de paries, -etis, parede, muro. Nomeado como parietes nun escrito do mosteiro de Carboeiro no ano 960, e na forma actual nun documento do mosteiro de Samos do ano 1039.  

PASARÍN/PASARO 
Do latín passer-ris, paxaro, latín passaru. Ou xenitivo do nome persoal Passerinus. Nas Cantigas de Afonso X o Sabio, do século XII, escritas en galego-portugués, cóntase como un monxe estivo máis de cincocentos anos ouvindo cantar unha passarina, Pasarín pero en feminino. En principio debeu funcionar como alcume.

PATAO 
Segundo Elixo Rivas (1988), "terreo que está de viña". Ou derivado do nome de orixe celta Pato ou Patto que en latín daría Pattus ou Patius. Mais tamén pode vir dun alcume persoal, en alusión aos pés planos, coma o pato.

PAULA/DE PAULA 
Forma feminina de Paulus. Significa "pequena, miúda". Ou tamén  tobo onde se meten certos aniamis, coma o raposo.

PAZOS/PALACIO
Construcións que xurden en Galicia a partir do século XV. Forma deturpada de Paacios que vén de palatios e palatii, "casa dunha persoa importante". Mais esas, Méndez Ferrín di que J.J. Moralejo Álvarez propuxo unha nova hipótese no que o étimo pazo non sería o palatium latino (neutro) senón un *palatios prelatino masculino que significaría "curro, curral ou mesmo habitación de pegureiros". Nome moi común na Galicia medieval. Pacín é un diminutivo. En Baralla están as aldeas de Lamas de Pacios e Pacios; tamén é unha parroquia do concello de Pedrafita do Cebreiro.
 

PEDREIRA/PEDREIRAS 
En latín tardío, unha petraria era unha via lapidadibus munita, camiño empedrado que mesmo podería ter a orixe nunha calzada romana. Tamén pode sinalar unha canteira. Nome composto de pedra, latín petra, máis o sufixo abundancial -eira. A Pedreira atópase na parroquia de Queizán (Navia de Suarna).

PEDROSA 
Alusión a un lugar pedroso, de pedra, latín petra. Vilachá Pedrosa é tamén unha aldea da parroquia de Veiga, en Becerreá. Vilachá Pedrosa é tamén unha aldea da parroquia de Veiga, en Becerreá.   

PEILAGO 
Variante de Paio? Pei vén do latín medieval Pelagius. Quizais un lacus, "lago", de Pelagius.

PENA/PENAS/PENEDO/PENELA/PENELO/PEÑA/LA PEÑA 
Do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae do terreo. Traspena, A Pena, Penarrubia e A Penalonga son aldeas do concello de Baralla; Penasinceira e Penamil de Navia de Suarna; A Pena da Seara, Chan de Pena e Penacerveira de Pedrafita do Cebreiro.

PEREIRA/PERAL/PEREDA 
Latín piraria. Árbore da familia das rosáceas que produce as peras. Outra posible orixe é a do sustantivo petraria, "lugar onde se extrae a pedra".

PEREIRO 
Latín pirariu. Variedade da pereira que produce os peros, latín pirus. Tamén pode referirse a un sitio elevado ou a un lugar onde se extrae a pedra, latín petrario.

PÉREZ 
Patronímico derivado do nome propio Pero, “fillo de Pero”, que é a forma medieval de Pedro.

PESTAÑA 
En galego Pestana. Posible orixe prerromana, "parte de afora nun forno".

PICOS 
Latín beccu, é un sinónimo de "cima, cume, curuto". Mais tamén houbo o nome persoal Picus. O Pico é unha aldea da parroquia de Penamaior, en Becerreá.

PIEDRACOBA 
Apelido composto que sufriu unha evidente castelanización. O primeiro elemento vén do latín petra, "pedra"; o composto do latín covu, "concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra".

PIÉLAGO 
Latín pelagus, grego pélagos, "océano, mar aberto". Parte do océano que está en zona peláxica, é dicir, a columna de auga do océano que non está sobre a plataforma continental; os organismos que habitan esta área denomínanse peláxicos. Cousa que pola súa abundancia é difícil de enumerar. Balsa, estanque. 

PILLADO 
Pode que estea relacionado co “oficio de pillado” tal como sinalan diversos documentos da Real Audiencia de Galicia dende o século XVI. Trataríase dun escribán encargado dos depósitos de fianzas e os pagos de dereitos sobre despachos de demandas.

PIMENTEL 
Plantación de pementos, latín pigmentum.

PIN 
Apelido toponímico. Do céltico penn e do latín pinna, "pedra que sobresae no terreo". Ou dunha *(villa) Pinni dun posesor que atendía polo nome de Pinius. Juan Cuveiro Piñol (1876) chama "pin pin á  "ave de cuatro á cinco pulgadas, con las alas negras y las remeras ribeteadas de blanco: el lomo pardusco, el vientre blanco, la cabeza y garganta manchadas de rojo, y pies negros; se alimenta de insectos y canta por las mañanas". Pin é unha parroquia do concello de Navia de Suarna.

PINILLA 
Castelán. Diminutivo de pino?

PINTO 
Orixe portuguesa? Quizais faga referencia a unha persoa con pencas, as manchas que saen na pel, sobre todo na cara. Ou a un propietario de orixe latina que atendía por *Pintius.

PINTOR  
Do latín pictor, -oris, co "n" de pingere, pintar. Persoa que se dedica á pintura.  

PIÑEIRO 
Latín pinus, árbore cuxa semente é a piña, latín pinea. Piñeiro é tamén unha aldea da parroquia de Galegos, en Navia de Suarna.

PITA 
Nome que recibe a galiña. A Pita do Monte (tetrao urogallus) foi case exterminada das montañas galegas dos Ancares nos anos setenta do pasado século XX. Tamén referido a unha planta, propia de lugares secos, que bota cada varios anos unha especie de talo central cun ramallete de flores amarelas no extremo superior de cuxas follas estráese unha fibra coa que se elaboraban cordas.

PLAZA/PLAZUELO
En galego Praza, do latín plattea, e este do grego platea. Lugar público e espacioso rodeado de casas. Mercado. Tamén lugar fortificado.

POL 
Referencia a un posesor latino de nome Paulus que significa “miúdo, pequeno”. Pol é tamén unha parroquia do concello de Baralla.

POLANCO 
Do latín populare, "poboar, lugar poboado".

POLÍN 
Derivado de polo, latín pullus, a cría da galiña. Tamén recibe o nome o soporte de madeira onde asenta a cuba.

POMBO 
Do latín palumbus. Nome vulgar extensivo a unhas aves colombinas representadas por especies selvaxes e outras domésticas, en contraposición á doméstica que era columba. Alusión tamén a unha persoa bondadosa. A mediados do século XVIII só había 22 familias na provincia de Lugo que levaban o apelido Pombo, oito eran do concello de Triacastela, tres das Nogais (Pombo de Forcas e Pombo de Nullán), dúas en Pedrafita do Cebreiro (Pombo de Louzarela e Pombo de Teixeira), dúas no Courel, unha en Samos, unha no Incio, unha en Baralla, unha en Riotorto, que procedía de Triacastela. Segundo López Pombo, a orixe podería estar en Triacastela, máis concretamente no lugar chamado dos Pombo, na parroquia da Balsa.
 

PONCELAS 
Alusión a unha "fonte cela"? A forma romance font, "fonte", escribiuse pon.

PORTILLO 
Do latín porticulo, "pequeno portón". Ou diminutivo de portus, "porto, paso dun río ou dunha montaña". Sen desbotar unha ponte cela, latín cella, "apousento dun relixioso nun mosteiro, ou celeiro". 

PORTO 
Do latín portu, "porto, paso natural entre montañas". O Porto ede Ancares, en Navia de Suarna, límite con León, é citado no século VI como Portum Anquares.

POSADA 
En galego Pousada. Latín pausata, de pausare, "parar, cesar, repousar". Lugar onde remata unha xornada de viaxe. Casa onde facer noite que logo daría nome a unha villae. Tamén pode facer alusión a antigas pousas ou fincas medievais pertencentes a reis, nobres ou eclesiásticos semellantes ás quintas, granxas e pazos.

POSE 
Méndez Ferrín considera enigmático este apelido, que domina moito na Costa da Morte, levando a algúns a sospeitar a súa orixe francesa. Podería derivar do latín pausa, parada. Para Leandro Carré e Franco Grande "posibilidade, medios, bens".

POY 
Do latín podium, asento de pedra que se constrúe apegado á parede de fóra da casa e ao lado da porta, ou lugar alto onde se pon unha cousa. Mailo anterior, tamén nomea alturas ou montículos con boas vistas. En Pedrafita está o Altodo Poio.

PRADA/PRADO/PRADOS 
Latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde medra ou sementa a herba para alimentar o gando. Nos documentos antigos aparece a palabra pratis con motivo de doazóns. Os Prados e Prados son dúas aldeas dos concellos de Becerreá e Cervantes.
 

PRIETO 
Latín apectorare, "apertar", ou de apectoratum, "denso, sombrizo". Derivación castelanizada do preto portugués, "negro, escuro". Na Idade Media tiña o sentido de "negro, moreno".

PRÍNCIPE 
Latín princeps, "o que vai diante ou vai primeiro". Fillo do rei ou membro da familia real.

PUEBLO 
En galego, pobo, poboación. Latín populus. Orixinariamente designaba ao conxunto de xoves, capaces de levar armas, con voto pero non con capacidade de goberno.

PUENTE/PUENTES 
En galego Ponte e Pontes. Latín ponte, de pons, pontis, estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. Caridad Arias asegura que o nome non sempre fai alusión a esta estrutura, senón que podería derivar do nome persoal Pontidius, ou dunha divindade vencellada coa auga. A Ponte de Covas e A Ponte de Neira son tamén dúas aldeas do concello de Baralla, e As Pontes de Gatín de Becerreá, A Ponte de Doiras e As Pontes de Cervantes.
 

PULIDO 
Latín politus. Alusión a unha persoa agraciada, fermosa, puída, culta, que puido dar o nome persoal Politus.

QUEIJO 
Do latín caseus, "queixo", o alimento que se fai callando o leite. Aínda que a etimoloxía non está clara, ao botar man da toponimia atopámonos con que sempre fai alusión a montañas e lugares elevados. Mais non falta quen o emparente con quercus, "carballo", ou unha variación de queixa, "aflición, pesar". Ou derivar do nome celta Cisus; Cisonius era unha divindade prerromana identificada con Marte ou Mercurio.

QUEIPO 
Do xermánico *kaipo e do latín capere, "coller". En galego, "cesto para a herba feito con varas de vimbio".

QUINDÓS 
Ningunha relación, dende logo, co latín quindecenium (quince anos). Nicandro Ares Vázquez dálle unha orixe visigótica con base en *kid-, "neno, descendencia", e que puido ser o xenitivo de Cindo, -onis. Os Quindós foron unha poderosa familia radicada no Pazo de Quindous, en Cervantes. Quindous é tamén parroquia de Cervantes. Nun documento da catedral de Lugo do 11 de xaneiro de 1250, escrito en latín, figura unha hereditas Quindous, como así o rexistrou o coengo Cañizares. 

QUINTANA 
Nada ten que ver co nome Quintius, si co latín quintana, quinta parte dos froitos que tiña que pagar o labrego. Tamén recibe o nome de quintana o adro, o terreo chan cercado que está diante da igrexa e que, nalgún tempo, actuaba como cemiterio.

QUINTAS 
Latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Porción de terra pola que o labrego debía pagar ao amo unha quinta parte dos froitos obtidos. Os poseedores do apelido adoptarían o nome do lugar de orixe.

QUINTILLÁN 
Deriva dun propietario medieval de orixe latina que atendía polo nome de Quintilianus ou do gótico Quintila.

QUIROGA 
Provén da raíz prerromana *kar ou *cario, "pedra, rocha", aínda que hai autores que o identifican coa queiroga, halimium occidentale, a planta silvestre. Menéndez Pidal fala de Karioca e Carioga, citados no século X. O mesmo autor, no seu Mars Cariociecus y la etimología de Quiroga (en alusión a unha ara romana atopada en Tui), di que Cariocieco debe de ter o valor orixinario dun adxectivo, e que estariamos, pois, diante dun Marte Carioca que logo se chamou Quiroga. En San Román de Cervantes está o pazo dos Quiroga. 

RAÍDO 
Pode designar a unha persoa descarada, ousada e, tamén, a unha persoa farrapenta. Ou do verbo latino radere, "raer, rañar".

RAIMÓNDEZ/RAIMÚNDEZ/REIMONDE/REIMÓNDEZ 
Do xermánico. Alusión a unha *(villa) Reimundis, dun propietario medieval de nome Reimundus ou Regimundus. Significa “protector, conselleiro”.

RAMIRO 
Do nome latino de procedencia xermánica Ranimirus. Ramiro é xermánico, raíz ra-, que Piel-Kremer dubidan en identificar co gótico *rana, "fuciño do porco bravo", ou tamén do gótico *rahana, "roubo, botín". Para M. do Carme Ríos Panisse, en Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces (1977): "Dromia vulgaris. Denominaión jocosa. Es bastante frecuente dar nombres  de personas a los animales". Ramiro I, que converteu Lugo en capital do reino, gobernou Galicia entre os anos 842 e 850. Ramiro II reinou entre o  930 e 950. E Ramiro III, que tivo que facer fronte ás incursións do musulmán Almanzzor e aos ataques normandos ás costas galegas, reinou entre o  967 e 980.
 

RAMOS 
Xenericamente, o ramo, latín ramu, é a póla cortada dunha árbore. Mais, en Galicia, asociámolo á planta do loureiro. Para J. P. Machado pode proceder do Domingo de Ramos poñéndolle o alcume aos nenos nados nese día. Tamén pode derivar do nome persoal Ramo, latín Ramus.

RAMUDO 
Alusión a unha árbore de moitas ramas.

RAPOSO 
Derivado de rapum, "rabo". Animal mamífero carnívoro que acostuma saír de noite para cazar aves e pequenos animais. Dise da persoa astuta, sagaz. Apelido utilizado orixinalmente como alcume.
 

REBOLLAL 
En galego Rebolal ou Reboleira, variante de carballo. Segundo Joseph Piel vén do latín repullus. García de Diego propón un hipotético rebullus, diminutivo do latín robur, carballo. Lugar plantado de carballos ou lugar pedroso. Tamén recibe este nome a parte máis densa dun bosque, prado ou seara, onde apenas hai claros.

REDONDO 
Latín rotundus, referido á redondez do terreo. Rotundus existiu tamén como sobrenome, derivado quizais do indoeuropeo *ret, "correr, fluír", ou o kimrico *red, "carreira, curso de auga". O nome celta Redonius está relacionado coa deusa céltica Ritona ou Epona. Camporredondo é unha aldea do concello de Baralla.

REGAL 
Cabeza Quiles di que vén da voz regale, derivada de rego e que fai referencia a pequenas correntes de auga, excluíndo a súa relación coa palabra rei (monarca). J. Piel di que tampouco ten nada que ver co adxectivo real. Ou quizais veña dun antropónimo. Eladio Rodríguez González, no Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-61): "Segunda pieza de la red de la XÁBEGA, que tiene de 40 a 44 brazas de largo y 300 mallas de una media en cuarto", coque tamén coincide Franco Grande.

REGO/REGUEIRA/REGUEIRAL/REGUEIRO/REGUERA 
Do prerromano *rek ou *recu, rego, curso de auga, e do latín rigu, curso pequeno e pouco voluminoso de auga. Tamén sulco natural ou artificial para conducir a auga de regar. Rego cítase nun documento do mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 1210. Regochao e Regosmil son tamén dúas aldeas do concello de Becerreá. Castelo de Frades, en Cervantes, foi solar da familia Pardo-Reguera. 
 

REGODESEBES 
Apelido case exclusivo de Asturias e a provincia de Lugo. Apelido composto, rego, latín rigu, "canle natural que hai na terra por onde discorre a auga", e sebe, "o valo feito con estacas entre as que se cruzan silvas, varas, etc".

RELLÁN 
Quizais un patronímico do antropónimo latino Regula. Tamén alusión a unha ladeira pequena.

REMESAL 
Deriva do nome dun posesor medieval que atendía por Remesarius. A raíz remis significa “paz, tranquilidade”.

RESCO 
Orixe hebrea?

RETORTILLO 
Castelán, diminutivo de retuerto. Do latín rivu e tortus. Alusión a un río torto ou torcido, é dicir, con curvas e meandros. Ou de retortum, retorcido. Posible alusión a unha persoa de intención sinuosa.

REVALDERÍA 
Composto de rigu, rego, e vallis, val.  

REVILLA 
Segundo Grace de Jesús Álvarez (1968), "vila repoboada ou restaurada". "A vila do rei" puidera ser o seu significado procedente da toponimia. Ou proveniente do xenitivo Revelii que daría o nome persoal Revelius. Tamén podería vir do latín ripa, "ribeira".

REVUELTO 
Galego revolto. Quizais do latín revolvere, "revolver". "volto do revés". Dito dunha persoa de carácter intrincado, difícil de entender.

REY 
Do latín rex, regis. Rei en galego. Coidamos que non fai referencia ao soberano ou monarca que gobernaba un territorio, senón a un propietario medieval de orixe xermánica de nome Reiricus. En Galicia chamaban “rei” ao fillo de pai descoñecido, acollido logo nunha inclusa, daí a expresión "meu rei". Fraseoloxía: "Co rei e a Inquisición, chitón", "O rei e o río non o teñas por veciño, pois se se anoxa todo o deixa varrido", "Pra un rei cuasque sempre sobra a lei", "Rei é quen rei non ve", "Reis rachan leis".

RIAL 
Pode relacionarse con rivus, "río", e rivalis, "ribeira". Lugar onde se orixinan moitos ríos e regueiros, que entón faría alusión a unha persoa que vivía xunto un río ou ribeira. Mais Rial pode ser tamén unha variante de Real, forma elíptica de  Vilareal, que sería unnha villa regalis, "vila proposta polo rei". 

RIBADA  
Do latín ripa, ribeira, encosta da conca dun río ou do mar, e en xeral terreo case vertical que hai aos lados dos camiños e corredoiras. Ribada figura en documentos galegos dos anos 1418 e 1453.

RICO 
Quizais do gótico *reiks ou *ric, "poderoso, nobre, opulento". "Bondadoso, sabroso". Tamén recibe o nome o leitón menos agraciado dos nacidos nun parto.

RIGUEIRO 
Un regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o río.

RÍO/RÍOS/DEL RÍO 
Do latín rivu, "corrente de auga". O Río de Busto é tamén unha aldea de Baralla; Río, Río de Cereixedo, As Casas do Río e Eilarrío do concello de Cervantes, Río e As Casas do Río de Navia de Suarna.

RIVADENEIRA 
Apelido composto. Riba deriva da voz latina ripa, "ribeira máis ou menos característica dun río ou regueiro". Neira vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, "auga". O río Neira discorre polo concello de Baralla. Os Ribadeneira foron unha poderosa familia galega. No pazo de Doncos, nas Nogais, hai un escudo coas armas dos Ribadeneira, Lemos, Valcarce e Balboa. 

RIVADULLA 
Apelido composto pola voz latina ripa, "ribeira", e oculu, "ollo, brote", en alusión a un manancial ou un lugar relacionado coa auga.

RIVAS/DE LA RIVA 
Do latín ripa, ae. Beira ou banda de terra que bordea un río, lago ou, por veces, o mar. A voz riba xa aparece nun documento do mosteiro de Celanova do ano 964. A Casa de Rivas, en Becerreá, figura en documentos antigos como Riba, Riva e Rivas. 

RIVEIRA/RIVEIRO/RIVERA/RIVERAS/RIVERO 
Latín riparia, zona de terra que está en contacto ou próxima ao mar, a un lago ou a un río. A Riberia son tamén dúas parroquias dos concellos de Cervantes e Navia de Suarna.

ROBLEDO 
Foi roburetum, co sufixo abundancial -etum, de robur, carballo, nome dado polos romanos pola súa dureza. Robledo son tamén dúas aldeas das parroquias Donís e San Pedro de Cervantes; Robledo de Rao e Robledo de Son dúas aldeas de Navia de Suarna; e Robledo unha aldea da parroquia de Doncos, nas Nogais.

ROCA 
Orixe prerromana *rok-. Masa de mineral sólido. Ou a roca, o instrumento para fiar. Nas lendas galegas adoita aparecer unha moura fiando na roca, como no castro do Teso da Vella, en Cervantes.

RODA 
Latín rota, "roda", aplicado a terreos ou construcións de forma circular. Ou peza en forma de disco que xira arredor dun eixo. En Galicia tamén reciben o nome de roda algúns castros e círculos líticos prehistóricos.

RODIL 
Prado situado entre terras labrantías? Ou quizais derivado do latín rutilius, brillante, rutilante.

RODRÍGUEZ 
Patronímico derivado do nome propio Rodrigo, latín medieval Rodericus. Nome de orixe xermánica formado polas palabras *hroths, "fama", e *rikaz, "poderoso". O documento máis antigo en Galicia no que aparece este apelido é do ano 1062.

ROIS 
Provén dun propietario medieval de nome Rodericus, do gótico *hrodeigs que vén a significar famoso.

ROJO 
En galego roxo ou vermello. Latín russeu, de russus, "tirando a vermello". Podería facer alusión a unha persoa "roxa de pelo". Nicandro Ares di que pode vir do antropónimo Rosius ou Rusius, con base no adxectivo russeus, "roibo subido", "roxo de pelo".

ROLDÁN 
Do xermánico que vén a significar “de terra gloriosa”. Para Carré Alvarellos (1951), "confusión, desorde nas persoas ou cousas". La Chanson de Roland é un poema épico escrito en francés antigo a finais do século XI, atribuído, con moitas dúbidas, ao monxe normando Turoldo. En Galicia coñécense algunhas penas con gravuras con forma de pezuño ou ferradura que se di son as pegadas do cabalo do famoso cabaleiro. 

ROMERO 
En galego Romeu. Posible orixe no nome xermánico Romilanus. Romeu, do latín romaeus e do grego romáios, vén a significar “romano, habitante de Roma”, apelido que máis adiante identificaría, en principio, aos peregrinos que ían a Roma. Tamén pode facer referencia a unha persoa que arrecende á planta chamada romeu (Rosmarinus officinalis), arbusto utilizado en medicina, perfumaría e o condimento de alimentos. 
 

RON 
Variante de Ronald, do xermánico Reginal, nome composto por ragina, "concilio, xuízo" e waldan, "gobernar". Tería o significado xenérico de xuíz. Segundo Méndez Ferrín, Rom (rematado en "m") é o nome do pobo xitano, de onde sae o xentilicio masculino romanó, feminino romaní, plural de ambos os xéneros romané; orixinarios da India, falan as linguas das comunidades polas que pasan aínda que todos conservan, en maior ou menor medida, fragmentos do seu propio idioma, que é indoeuropeo.
RORIZ
Xenitivo de Roderici, do antropónimo gótico Rodericus ou Rudericus.

ROSÓN 
Podería ter a mesma orixe que Rosende, do antropónimo gótico Rudesindus.  

ROZADOS/ROZAS 
Forma latina ruptiare, "roturar, terreo rozado preparado para sementar".

RUBIEIRO/RUBIO/RUBIANES 
Do latín rubeu, "vermello, colorado", en alusión a algunha característica física; ou de rupeum, "peñasco". Ou quizais do antropónimo Rubianus. Rubiais é tamén unha aldea da parroquia de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro.

RUBINOS 
Quizais veña de Rubinii, xenitivo de Rubinus, un posesor medieval. Ou de rubio, de cor vermella clara ou da cor do ouro.

RUIZ 
Patronímico derivado do nome propio Rui.

SAAVEDRA 
Joseph M. Piel tradúceo como "sala vella", do xermánico *sal e do latín vetera. O compoñente sala sería equivalente a casa ou habitación. Para Caridad Arias non contén elementos xermánicos nin latinos xa que é un vocábulo prerromano, seguramente celta, identificado co nome Salaverus. O autor do Quixote, Miguel de Cervantes Saavedra, disque tiña a orixe no concello Cervantes. A Savedra é un monte dese mesmo concello. 

SABATER 
Catalán. Significa zapeteiro, "o que ten por oficio arranxar ou fabricar zapatos". Ou do nome Sabatelli.

SABORIDO 
Podería derivar dun antropónimo *Saporinus, do cal sairía Saborino, documentado no ano 949. No concello pontevedrés de Rodeiro, entre o 1192 e 1305 cítase varias veces a grangia de Saburin/Saborin/Saborim o que leva a pensar que se trataría dun nome persoal *Saburinius, procedente de Saburius. Ou saboroso, que ten moito sabor e agradable ao padal.

SACO 
Coidamos que nada ten que ver co verbo sacar, nin co receptáculo de tea, coiro ou papel. Parece ser que procede dun orotopónimo, en euskera sako/zakon, "fondal, depresión do terreo".

SAL/SALGADO 
Do alcume que nace de salgar, latín vulgar salicare. Persoa dotada de graza, viveza, brillantez. Dise tamén do terreo estéril por seren moi salitroso.

SAMPRÓN 
Deriva dun propietario medieval de orixe latina de nome Sempronius. Samprón é unha aldea do concello de Veiga de Valcarce, no Bierzo.

SAN GREGORIO 
Latín Sanctus Gregorius. San Gregorio naceu en Roma no ano 540 e morreu na mesma cidade no 604. Foi o sesaxésimo cuarto papa da Igrexa católica; é considerado como un dos catro pais da Igrexa. Outro San Gregorio, chamado o "taumaturgo" (que fai moitos milagres), naceu no ano 268 preto do Mar Negro; de xove tivo que viaxar a Palestina onde coñeceu ao famoso teólogo Oríxenes.

SAN JOSÉ 
San Xosé en galego. Sanctus Josephus. Esposo da Virxe María. Nome de orixe hebrea que significa "Deus axudará" ou "sentado á dereita de Deus". Nome que chegou ata nós a través do latín eclesiástico.

SÁNCHEZ 
Patronímico derivado do nome propio Sancho, “fillo de Sancho”. Variante de Santo que vén a significar “consagrado á divindade”. Na documentación medieval aparece como Sanctius. Referido a unha persoa boa, honrada. O primeiro que asentou na Casa torre de Noceda, nas Nogais, foi Lope Sánchez de Ulloa. 

SANDAMIL 
Provén dun posesor medieval de orixe xermánica de nome Sandamirus cuxo elemento mirus significa grande, célebre, famoso.

SANGIL 
En galego Sanxil. Posible orixe francesa Gil, Gille, Gilles, que se estendeu por toda Europa na Baixa Idade Media. Provén do nome latino Aegidius que, por outra parte, tería unha orixe grega. Outros autores fano proceder do nome xermánico Gillus, "fermoso". Gil utilizouse como nome de persoa ata os séculos XVIII e XIX, non sendo, hoxe en día, un nome propio inusual. Significa “protector”.

SANJURJO 
Castelanización de San Xurxo, do grego Giorgius, latín Sactus Georgius. Significa "o que traballa a terra, labrego".
SANTAEUFEMIA
Santa de Ourense (119-138) que morreu martirizada en tempos do emperador Adriano. Debido á escaseza de datos haxiográficos, esta santa non figura entre os santos oficias do martiroloxio, sendo en ocasións confundida con Santa Eufemia de Calcedonia (289-304). En grego, eufemía é a acción de evitar as palabras de mal agoiro, daí o significado de "silencio relixioso" ou "palabra de bo agoiro", mais tamén denomina a boa fama.

SANTALLA 
Do latín Sancta Eulalia, alusión á santa que padeceu martirio durante a persecución do emperador romano Diocleciano a principios do século IV. Baia, en grego, significa "ben falada". En galego, ademais de Santalla, deu Baia, Olalla, Olaia. Santalla é tamén unha aldea da parroquia de Ambasvías, en Cervantes; e da parroquia de Lousada, en Pedrafita do Cebreiro.

SANTAMARÍA 
María, nome de orixe hebrea que chegou ata nós a través do latín eclesiástico; significa "señora".

SANTIAGO 
Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. Son varias as parroquias da comarca dos Ancares que teñen a Santiago como patrón.

SANTÍN 
Alusión a unha *(villa) Sendini, dun propietario medieval de nome Sendinus. Santius é tamén unha divindade céltica de onde derivarían os topónimos e antropónimos galegos Sante, Vilasante, Vilasantán, etc. Ares Vázquez di que foi xenitivo dun nome persoal Sanctinus ou Sanctinius, diminutivo de Sanctus ou Sanctius. Ou referido a un santiño ou santiña. Santín é tamén unha aldea da parroquia de Zanfoga en Pedrafita do Cebreiro. Xoán Santín, natural de Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro) foi un dos protagonistas do coñecido como o Santo Milagre, acontecido polo ano 1300. En Pereira (Cervantes) hai unha casa cun escudo onde se ve gravado o apelido Santín. 

SANTISO 
Variante de San Tirso, Sanctus Thyrsus, santo católico martirizado no ano 251 en Frixia durante a persecución de Decio.

SANTOS 
Do latín sanctus. Alusión a unha persoa moi boa ou adicada a Deus ou relacionada coa relixión. Este apelido impúxose ben por cristianización forzosa, ben por circunstancias como orfandade, descoñecemento dos pais, abandono paterno, etc. Mais tamén pode vir do nome celta Santo; a divindade Santius é coñecida como Deo Santo. En Cervantes tamén está o monte da Pena do Santo.

SARCEDA 
Da forma variante Soc(c)ius poden derivar o topónimo galego Souceda e os apelidos Sarceda e Sarces, cuxa filiación, non moi clara, puidera derivar do nome celta Sarcio. Tamén de salicem, "salgueiro". Nicandro Ares Vázquez di que é abundancial de sarça en portugués, de orixe prerromana ou variante de salceda, orixinado en salix, -icis, salgueiro, co sufixo -eda. Sarceada é unha aldea da parroquia de Furco, en Becerreá.

SEGUNDEZ 
Do latín secundus, o segundo, que vén a significar "despois do primeiro". Na antiga Roma ao primeiro fillo designábase como Primus ou Máximus, e ao segundo Secundus, que logo foron adoptados como nomes propios.

SEIJAS 
Clara castelanización xa que o vocábulo seija non existe en castelán. Vén do latín saxum, rocha, penedo, croio. Por outra banda, hai autores que defenden que o antropotopónimo celta Sescius ou o latino Sessius puido dar orixe ao nome seixo. Seixas é tamén unha aldea da parroquia de San Román de Cervantes.

SEOANE 
*(Villa) Iohanni, dun posesor de nome Iohannes. Tamén San Iohannis, San Xoán. En hebreu significa “Deus é propicio e misericordioso”. Segundo Caridad Arias está relacionado coa antiga divindade Ana/Hanna, deusa nai que ten a mesma raíz an-, “o ceo”.

SERRANO 
Deriva do latín serra, cordal montañoso de pouca extensión. Alusión a unha persoa que vive na serra. Montañés.

SETIÉN 
Derivado do nome latino Septienus ou Septenius.

SIDORO 
Variante de Isidro ou de Isidoro que significa "regalo ou don da deusa exipcia Isis". Na súa composición entra a palabra grega doros, "don, regalo".

SIERRA 
En galego Serra. Do latín serra, "cordal montañoso de pouca extensión". Como topónimo, utilizouse para designar lugares situados na serra ou elevados orograficamente. Serra da Horta é unha aldea de Becerreá; Traserra de Navia de Suarna; A Serra das Nogais.

SILVA/DASILVA 
Latín silva, "selva, bosque, maleza". O fitónimo silva (Rubus fruticosus) con espiñas e bagas chamadas amoras. Alusión a alguén de trato espiñento. 

SIMÓN  
Do hebreo que significa “Deus escoitoume”. Hai autores que o derivan do xermánico Sigismund, Sexismundo, ou do grego simos, "o que ten o nariz chato". Tamén o primeiro farelo que se obtén de cribar a fariña do trigo. En documentos galegos e portugueses dos séculos XIII e XIV atopamos este apelido baixo diferentes formas: Simoiz, Simois, ou Simión como aparece na Cántiga do trobador medieval galego Meendiño.

SOBRADO  
Do latín superatum, edificio cunha parte alta que, por analoxía, denuncia un lugar elevado.  Sobrado do Picato é unha parroquia do concello de Baralla. 

SOENGAS  
Orixe galega. Nicandro Ares Vázquez di que ten aspecto xermánico, quizais referido á voz sulinga como premio a militares, consistente nunha porción de terreo cunha determinada medida. 

SOILÁN  
Carré Alvarellos, no seu Diccionario galego-castelán, di que significa solitario, e soilo, la, "só". Mais, segundo Nicandro Ares, Soilán é unha evolución do nome persoal xermánico Sunila. Joseph M. Piel di que Sun-ila pode ser unha forma proveniente do gótico sunta, verdade.

SOLER 
 
De solarium, derivado de solum, "terreo ou solar".

SORIANO  
 
Trátase dun xentilicio o que quere dicir que algún antepasado era natural de Soria ou viviu naquela cidade. Soria puido tomar o nome da divindade solar Surius.

SOUTO/SOTO 
 
Apelido de natureza toponímica. Latín vulgar saltus, bosque pedroso e con altibaixos no terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto a que o nome se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindidade prerromana), Suttunius, etc. Na comarca dos Ancares tamén están as aldeas de Souto nos concellos de Baralla, Becerreá e Cervantes.
 
 

SUÁREZ/SOARES 
 
Apelido patronímico derivado do nome propio Sueiro, latín medieval Suario, un dos nomes persoais máis frecuentes en Galicia nos séculos X-XII. Hai quen o emparenta co étimo sus, "porco" polo que Sueiro sería orixinalmente "porqueiro", e tamén con sutor que en latín significa "zapateiro". No ano 1922 era párroco da igrexa das Nogais Crisanto Suárez Fernández. 

SUAZO 
 
Disque que a etimoloxía atópase no sustantivo zuatz, "árbore", ao que se lle engadiu a partícula -so/xo/zo que deu "arboreda". Mais tamén podería derivar do nome latino Solarius que tiña o significado de solatium, "consolo".

TABOADA 
 
Do latín tabulata, que pode facer alusión a un anaco de terra en forma de cadro, segundo Ares Vázquez. Táboas que se sacan da corta de árbores.

TADÍN 
 
Deriva dun propietario medieval de orixe xermánica de nome Tadinus. Thagin significa “silencio, tranquilidade”.

TAÍN 
 
De Taginus, un propietario medieval.

TALADRID 
 
Segundo algúns investigadores, a primeira parte do apelido vén do grego e significa "florecer".

TALLÓN 
 
Leira moi pequena separada dunha maior para traballar á parte ou como sementeiro. Terra entre dous sucos. Tamén pode ser un aumentativo de tallo, "toro tallado dunha árbore".

TANARRO 
 
Hai quen o fai derivar dun repoboador medieval de nome Tel (ou Tello) Narro, orixinariamente Naharro, é dicir, "Navarro", por ter a súa orixe en Navarra.

TEIXEIRA/TEJEDO/TEIJEIRA/TEIJEIRO 
 
Lugar onde abunda a árbore do teixo, latín taxus baccata, árbore moi tóxica, pois contén un alcaloide, a taxina, que produce a morte en breve tempo. Segundo a lenda, os defensores do Monte Medulio, derradeiro bastión galego contra as poderosas lexións romanas, inmoláronse, logo dun longo asedio e denantes seren escravizados, polo veleno do teixo e as propias armas. Tamén pode facer alusión ao teixo ou porco teixo (meles meles)Os vocábulos teijeira/teijeiro non existen en castelán. Teixeira tamén son unhas aldeas de Baralla e Cervantes.

TEJEDOR 
 
En galego tecelán, latín texere, texetorem, "texer, o que tece". Alusión a unha  persoa que tece pano ou traballa en teares.

TELO 
 
Alusión a un propietario que atendía polo nome de Tellus.

TELLADO 
 
Do latín tegula, "tella", peza de barro utilizada para cubrir os teitos para que non penetre a auga.

TÉMEZ 
 
Nicandro Ares Vázquez di que semella un patronímico prelatino. Ou do latín timere, "temor"? Mais o mesmo don Nicandro, ao falar do apelido Temes, di que a forma medieval debeu de ser Témanes, nome de orixe céltica ou afín, coa raíz indoeuropea tem- que está implícita na palabra grega témenos, "corte, anaco de terra acoutado e reservado ao rei, recinto sagrado"; de eiquí temenios, pertencente a un templo ou bosque sagrado. Tamén se atopa no verbo tenno, en grego e en latín, cos significados de cortar, partir, desprezar. Mesmo podería ser un derivado da raíz hidronímica *ta-, "derreterse, fluír". Na Idade Media aparece escrito como Témanes, Temeens, Temees, Témeis, Temes. En Santalla e Vilaver (Cervantes) hai unhas casas que pertenceron aos Témez. 

TERRADO 
 
Terraza, azotea. Derivado de terra, latín terra. Cuberta plana dun edificio. Pavimento argamasado dun edificio. Terreo. 
 
TIERNO
 
Latín tener,  -era, "recente, de pouco tempo". Alusión a unha persoa delicada ou amable.

TOJEIRO 
 
En galego Toxeiro, quizais derivado do prerromano *toju, "toxo". Alusión a un terreo cuberto de toxos ou persoa que andaba cos toxos. Designaba a unha persoa pouco sociable.

TOMÉ 
 
Correspóndese co antropónimo Thomas, que en latín era unha adaptación do grego, e este dun termo de orixe aramea que significaba "xemelgo". Santo Tomé foi un apóstolo obxecto de culto dende os primeiros tempos do cristianismo, formando parte do santoral cristián altomedieval. Na documentación medieval aparece coas formas Thoma e Thomas, case sempre formando parte do haxiotopónimo Sanctus Thomas. En Galicia, no século X, xa se rexistra a variante Thome como nolo transmite un documento do mosteiro de Celanova do ano 950. Aínda que esta forma en "é" ven sendo unha característica do galego e do portugués, tamén está presente noutras áreas da península. San Tomé de Cancelada é unha parroquia do concello de Cervantes. 

TOIMIL 
 
Dun propietario medieval de nome Tudemirus. Theod significa "pobo", e mir "fama".

TOIRÁN 
 
Base prerromana *tor, "montaña, rocha". Ou do nome persoal Torianus ou Taurianus.

TORNEIRO 
 
Persoa que traballa co torno, latín tornus.

TORRE/TORRES 
 
Latín turris, "castelo, campanario, lugar dominante". Persoa encargada de tocar as campás ou que vivía nun sitio onde se divisaba unha ampla panorámica.
 
 

TOURAL 
 
Preromano *taur, monte. Campo onde se celebraba a feira de gando bovino. Sitio destinado aos touros, latín taurus. Tamén lugar onde o coello bravo acostuma estercar e onde os cazadores lle fan a espera. Curro.

TOURÓN 
 
Segundo Nicandro Ares, quizais do nome persoal Tauron, -onis, touro. Especie de furón, da familia das ratas. Tamén rexo, duro, teso.

TRABADA 
 
Aínda que deriva de trabs, trabis, "tronco groso de madeira, trabe", ten outras acepcións, como mordedura, hidrofobia transmitida por un can rabioso. Tamén persoa robusta, forte, vigorosa. Por outra banda, aplícase este participio adxectival ao cabalo ou égua que ten brancas as dúas mans, por seren alí onde se lle poñen as trabas. Ou relacionado co nome Trabatius. 

TRABADELO 
 
Diminutivo de trabado, da voz latina tabula, referido a territorios chans. Ou de trabare, "impedir", derivado de trabs, trabis, "traba, atranco", en posible alusión a un sitio cercado, acoutado. Niermeyer recolle trabata co significado de andamio, casoupa. Trabadelo é tamén unha aldea da parroquia de Muñís, en Navia de Suarna 

TRABADO 
 
Participio do verbo trabare, "impedir", derivado de trabs, trabis, "trabe, atranco". Mais tamén recibe este nome a persoa tatexa, tartamuda; e a robusta, forte, vigorosa. Trabado son tamén unhas aldeas de Cervantes e Navia de Suarna. Francisco Trabado Ponte, alcumado o Campaín de Sabadelle, foi un alguacil encargado de recadar imposos a finais do século XIX; por isto, foi apreixado polos veciños de Donís cando se declararon en República independente.

TRASHORRAS

A segunda parte do apelido, "orras", puido xurdir a partir dunha base preindoeuropea *or, "montaña", polo que viría a significar "detrás da montaña". 

TREBOLLE 
 
Nicandro Ares Vázquez di que deber explicarse como *(villa) Trifolii>Trevoli, vila de Trifolio, dando orixe tamén ao apelido, que alude a un filius Trifolii ou a unha persoa natural daquel lugar. Continúa don Nicandro que aquel Trifolius histórico era un defensor trinitario, cousa que vai ben co seu nome, xa que o trevo ou trifolium é un bo símbolo da Trinidade divina por seren tres follas dunha mesma planta. Ou tamén dun propietario medieval que atendía polo nome de Trebonus ou Trebonius. Kajanto recólleo como cognomem latino Trebulla, que é un diminutivo.

TRELLES 
 
Segundo algúns autores, provén do hebreo terefa, "carne prohibida ou manxar botado a perder" e que faría alusión a unha persoa "delgada, frouxa".

TROBO 
 
Refuxio artificial para as abellas, feito de bimbio, cortiza ou madeira; colmea. Apelido que atopamos na Mariña Luguesa e nos Ancares. Nicandro Ares Vázquez fala da forma prerromana Trobanum.
 
 

TRUJILLO 
 
A orixe parece estar na antiga Turgalium, pobo celtíbero logo conquistado por Roma que se corresponde co actual Trujillo (Cáceres). O nome semella vir dun prerromano *tur, "elevación, altura". Hai quen o fai derivar do latín troianus, "de Troia".

ULLOA 
 
Orixe nun hidrotopónimo, ulia, ulla, ou oculo, "ollo, brote", alusión ao nacemento dun río ou manancial, derivado dunha posible raíz indoeuropea relacionada coa auga. Os Ulloa foi unha poderosa familia galega na Idade Media. O señorío de Penarrubia, en Baralla, pertenceu á Casa dos Ulloa. A capela de Horta, na Agüeira (Becerreá), foi custeada por Diego Gómez de Ulloa e Xoana Ribadeneira Montenegro no ano 1710. 

URBÁN 
 
Latín urbanus, "da cidade ou cidadán".

URÍA 
 
Deriva do nome dun propietario medieval que atendía por Honoricus.

VALCARCE/VALCÁRCEL 
 
Apelido formado polos vocábulos latinos valle, val, e carcere, "lugar de aprisionamento", angostura que pode facer alusión a un val angosto ou estreito. Segundo Méndez Ferrín, faría alusión a un propietario agrícola medieval que daría nome a un val ou territorio que lle pertencía. Da xuntanza do latín vulgar valle e do nome persoal Caricus en xenitivo sairía un Valle Carici, que ao perder o "i"postónico, ficaría como Val Carce ou Valcarce. No Cereixal, Becerreá, está a Casa de Valcárcel. A torre de Doncos, nas Nogais, pertenceu aos Valcarce. 

VALDEIGLESIA 
 
Vallis eclesiae, "chaira de terra entre montes ou alturas", e "asemblea, edificio consagrada ao culto cristián".

VALÍN/VALIÑA/VALIÑO/VAL/VALLE 
 
Do ltín vallis, "val, chaira de terra entre montes ou alturas". A Valiña son dúas aldeas dos concellos de Baralla e Becerreá.

VALLEDOR 
 
Coidamos que en galego é como Valadouro, o municipio da Mariña Luguesa. Latín vallis, val, e a raíz prerromana *or, "monte, altura".

VARA 
 
Latín vara. Debe referirse á medida de lonxitude. Elixio Rivas fala da "vara de monte, vara de doce palmos, a antiga medida de lonxitude equivalente a 1,10 metros. Navia de Suarna-Cervantes de onde monte de varas/de voces, monte comunal de pastos ou en que se reparten searas". Menéndez Pidal di que vén do latín varale, "sebe de travesaños, cerca". Bara tamén é unha divindade prerromana que contén o radical indoeuropeo *bar, auga. Ou alusión a unha (villa) Vara dun posesor de nome Varus.

VARELA 
 
Varela ou Barela semella derivar do prerromano *bar, "depresión, altura, costa". Gonzalo Navaza defende a procedencia de "valela", diminutivo de val, latín vallis, en alusión a un pequeno val. Méndez Ferrín identifícao cun alcume; di que en latín existe o adxectivo varus, -a, -um, que signfica "zambo, trenco, cambeiro, mal disposto dos pés ou das pernas ou das patas" en persoas e animais. Posto no feminino, propio dos alcumes tan a miúdo, e en diminutivo -ela teriamos o Varela, "persoa mal asentada de pés ou mans". Ou vara, mango da roca. Malia o anterior pode que veña do nome Varellius con formas femininas Varelia ou Varella. A datación máis antiga deste apelido sitúase na segunda metade do século XII.

VÁZQUEZ 
 
Patronímico do nome persoal Vasco (Velascus), "fillo de vaasco ou vasco", forma galega e portuguesa correspondente ao castelán Velasco. Atribúeselle unha procedencia vasca derivada do vocábulo bela, "corvo", o paxaro asociado á mala sorte.

VECÍN 
 
Latín vicinus, "veciño", que debemos tomar como unha variante dialectal frecuente na zona oriental de Galicia. Mais non todos os vecín fan alusión á veciñanza, proveñen do antropónimo Veccius, do celta vec/vic, antigo irlandés fichid, "loita".

VEIGA/VEGA 
 
Prerromano *baika, "terreo sempre húmido, chan e fértil". Denomina un val ou terreo que baixa cara o río. Veiga e Veiga de Forcas son dúas parroquias dos concellos de Becerreá e Pedrafita do Cebreiro; Veiga unha aldea da parroquia de Penarrubia, en Baralla; A Veiga na parroquia de Pando, en Becerreá; A Veiga do Seixo na parroquia de Cereixedo, en Cervantes; Veiga de Brañas na de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro.

VELÁZQUEZ 
 
Como outros nomes, deriva dun antigo Blas. Algúns autores defenden unha orixe latina, de vigilare, "vixiar", mais o sufixo ez, "fillo de", que nos daría "fillo de Velasco".

VENTOSA 
 
Do latín ventus, vento. Vent é tamén unha variante de *Bre, unha deusa céltica que, ao igual que o apelido Bento, podería facer alusión a Vindamus, a “divindade branca”. Ventosa é tamén unha aldea da parroquia de Moia, en Navia de Suarna.

VICO/VIGO/VIGUÍN 
 
Latín vicus, "lugar, aldea, propiedade rural, quinta". A terminación -in de Viguín quizais debemos tomala como unha variante dialectal frecuente na zona oriental de Galicia. Tamén pode derivar do antropónimo e teónimo Vigius ou Vigio que conteñen a base ccéltica Vig-. Canto a Vico quizais veña do nome celta Veco ou Vico.

VIDAL 
 
Deriva dun posesor medieval de nome Vitalis. O latín vitalis está relacionado con vita, "vida". Vital. Nome documentado no mosteiro de Samos no ano 1058. En principio foi nome persoal.

VIEJO 
 
En galego Vello. Do latín vulgar veclus, e este de vetulus. Persoa que ten moitos anos. Antigo. Antónimo de novo. 

VILA 
 
Por vila, latín villa, entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X. Son varias as aldeas da comarca dos Ancares que levan o topónimo Vila.

VILAMARZO 
 
O composto, marzo, deriva do adxectivo latino martius, a, um, relativo ou propio de Marte, o venerado deus da guerra dos romanos. Segundo a lenda, dise que Rómulo dividiu o ano en dez meses e o calandario comezaba na primavera, precisamente co mes de marzo.

VILA REAL 
 
Villa regalis, alusión a unha vila posta baixo protección do rei.

VILAR/VILARES/VILARIÑO/VILELA/VILLAR/VILLARES 
 
Latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango ca vila, xurde a partir dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. Son varias as aldeas da comarca dos Ancares que levan o topónimo Vilar, Vilarello, Vilela.
 
 

VILLALBA 
 
En galego Vilalba. Cabeza Quiles escribe que a unha vila alba ou branca, ou mellor ao preindoeuropeo *alb/alp, "altura, monte", debe facer alusión o topónimo Vilalba, nome do coñecido concello da provincia de Lugo; citada commo Ville Albe nun documento do ano 1232. A outra Vilalba, próxima a Santiago, parece referirse un escirto do ano 1266 que fala de Villa alba.  

VILUMBRALES 
 
Apelido composto. O primeiro elemento vén do latín villa. O segundo tamén semella derivar do latín umbra, "sombra". Quizais faga alusión a unha vila sombriza, á que lle dá pouco o sol. En astroloxía, umbra refírese á parte da terra que está completamente tapada pola lúa durante un eclipse de sol. A palabra umbra, "parte inferior dunha cousa", en castelán antigo dicíase lumbral e que logo perdeu o "l" inicial; é unha confluenza do latín limen, liminaris (soleira en galego, e umbral en castelán) e lumen, "lume".

VILLABOL 
 
En galego Vilabol. Vén dun posesor medieval de nome Abolos, dunha (villa) Aboli. Vilabol é nome dunha aldea da parroqia de Quintá, nas Nogais.

VILLADESUSO 
 
En galego Viladesuso. Nome composto. Referencia a unha vila situada nun lugar elevado. O segundo elemento, "suso", deriva do latín sursum, por riba de, no alto.

VILLAMIL 
Vilamil en galego. Vén dun propietario medieval de orixe xermánica de nome Vilamirius.

VILLANUEVA 
En galego Vilanova. Latín villa nova, pequeno núcleo rural. Vilanova é tamén unha aldea do concello de Cervantes. Vilanova unha parroquia de Vilartelín, en Baralla; Vilanova do Pedregal da de Noceda, en Cervantes; Vilanova de San Pedro de Cervantes; e Vilanova na parroquia de Padornelo, en Pedrafita do Cebreiro.

VILLAPÚN 
En galego Vilapún. Alusión a unha vila Puni dun posesor medieval que atendía polo nome de Punius. Vilapún é tamén unha parroquia do concello de Cervantes, citado nun documento do ano 1002. 

VILLASOL 
En galego Vilasol. Deriva dun posesor medieval que atendía polo nome de Saul ou Saulo. Vilasol é tamén unha aldea da parroquia de Padornelo, en Pedrafita do Cebreiro.

VILLAVERDE 
En galego Vilaverde. Pode facer alusión á cor verde, latín viridis, ou a unha (villa) Alberti, dun propietario medieval de nome Albertus. Coa mesma raíz houbo o nome persoal Viridius. Tamén levan o nome de Vilaverde dúas aldeas dos concellos de Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro.

VILOR 
Orixe toponímica. Apelido concentrado ma comarca dos Ancares. Quizais, como apunta Edelmiro Bascuas para Viloira, faga alusión a unha (villa) Auria, do indoeuropeo *aura, "auga". Méndez Ferrín di que provén de Honorius. Vilor é tamén unha aldea da parroquia de Vallo, en Navia de Suarna.

VIÑA 
Do latín vinea, terreo plantado de videiras. Os primeiros cultivos de viño dátanse arredor do terceiro milenio antes de Cristo no Oriente Próximo, Sumeria e Exipto. O viño aparece na Biblia tras o Diluvio Universal da man de Noé, e tamén no Gilgamesh. O viño chegou a Grecia vía Creta, onde mesmo lle adicaron un deus: Dionisio. Na Península parece que chegou da man dos fenicios proveniente de Italia. A súa divulgación foi grazas aos romanos e que pouco a pouco substituíu a outras bebidas, en Galicia á cervexa bebida utilizada polos habitantes dos castros segundo narran os autores clásicos. En Roma tamén tivo un deus: Baco. Malia o anterior, Vinia e Vinius son nomes celtas presentes na epigrafía relacionados coa auga. Aínda que na actualidade a produción vitivinícola na comarca dos Ancares é case testemuñal, en tempos plantábanse videiras en case toda a zona. A primeira noticia sobre a produción de viño na comarca dos Ancares que coñecemos data do 13 de febreiro de 1505, cando o conde de Altamira aforou polo tercio do viño e o cuarto dos grans, varios bens en Queizán (Navia de Suarna). Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cítanse varias viñas e o que producían. Consérvanse varios topónimos: A Casa da Viña, A Viña, Suasviñas, Viña da Moura...
 

VIVERO 
Viveiro en galego. Latín vivarium. Varias acepcións: lugar adicado á cría dentro da auga de peixes,  marisco, etc., e nome dun propietario medieval de nome Vivarius. No ano 1609 era dono da Casa torre de Cormes, en Becerreá, Vasco de Erbón y Vivero. 

VUELTA 
En galego volta. Do latín voluto, de volvere, "volver".

XAMPÉREZ 
Apelido composto. Xan, hebreo, que en latín deu Iohannes que significa "Deus é propicio ou misericordioso". O composto é un patronímico derivado do nome propio Pero, “fillo de Pero”, que é a forma medieval de Pedro. 

XEGUNDE/GEGUNDEZ  
Do persoal Gigiundo ou Genegundus. Segundo nos achegou un lector de Navia de Suarna, Xoán, que galeguizou o apelido, orixinariamente puído ser sen o "z" final.  

YÁÑEZ 
Relacionado cos apelidos portugueses Eáns e Eanes. Deriva de Johannis, Xoán.

ZAPATEIRO/ZAPATERO 
Persoa que fai, vende ou arranxa zapatos. Tamén recibe o nome o insecto de cor negra que vive na superficie da auga.

ZARAUZA 
Euskera zara e (h)uts, "vacío do bosque".

ZOBRA 
Semella que contén o sufixo céltico *briga, "cidade". Nicandro Ares Vázquez di que pode ser unha (villa) Supera, de arriba ou propia de Super e Superus, nomes persoais. Atopámolo como topónimo no concello de Lalín.
 
BIBLIOGRAFÍA
Ares Vázquez, N.: Estudos de toponimia galega. (2013)
Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar. (1992)
Cabeza Quiles, F.: Os nomes da terra. (2000)
Caridad Arias, J.: Toponimia y mito; el orígen de los nombres. (1995)
Caridad Arias, J.: Toponimia céltica de Galicia. (2006)
Castro, M., Freire, L. e Prunell, A.: Guía das árbores de Galicia. (1989)
Coromines, J. e Pascual, J. A.: Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico. (1980-1991)
García Fernández-Albalat, B.: Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. (1990)
González de la Peña, D.: Blog: arqueotoponimia.blogspot.com
Instituto da Lingua Galega (ILG): ilg.usc.es
Méndez Ferrín, X. L.: Consultorio dos nomes e apelidos galegos. (2007)
Moralejo Lasso, A.: Toponimia gallega y leonesa. (1997)
Navaza Blanco, G.: Fitotoponimia galega. (2006)
Rivas Quintas, E.: Onomástica persoal do Noroeste hispánico. (1991)
Rodríguez González, E.: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. (1958)
Universidade de Santiago de Compostela:  Cartografía dos apelidos galegos.

 
Apelidos da Comarca dos Ancares
 
A. Groizard, X. Moure e X. Quintana

© Colectivo Patrimonio dos Ancares