* Actos polo recoñecemento da Vía de Künig

Nesta entrada achegamos os actos que celebramos e imos a celebrar polo recoñecemento da Vía de Künig como variante do Camiño Francés de Santiago.
Para máis información sobre a Vía de Künig, ver a entrada Os Camiños de Santiago polos Ancares.
En primeiro lugar inserimos as noticias máis recentes.

MESA POLOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

O día 29 de setembro, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Val de Torés fomos invitados pola Deputación de Lugo a participar na Mesa Provincial dos Camiños de Santiago. Ademais das asociacións e colectivos, tamén participaron na xornada a Dirección Xeral de Patrimonio, Turismo de Galicia (Xacobeo), a propia Deputación de Lugo e os Concellos da provincia por onde pasan os distintos camiños a Compostela. A petición nosa acordouse pular pola variante do Camiño Francés que dende o Alto de Pedrafita discorre polos municipios das Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo (Vía de Künig). Todas as asociacións e colectivos presentes, que agradecemos esta iniciativa, non quixemos deixar pasar a oportunidade para amosar os atrancos que se poñen para valorizar os Camiños, a maior parte das veces causados polo desinterese das propias administracións públicas, ou por motivos que deixan á marxe o seu valor patrimonial. A Deputación comprometeuse, así como as outras Administracións, a que esta Mesa teña continuidade: Nos, polo de agora, queremos ser cautos e non facer xuízos previos, manifestando todo o noso apoio e colaboración.
   
A VÍA DE KÜNIG NO PLENO DA DEPUTACIÓN DE LUGO 

O día 31 de maio de 2016, o deputado provincial e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentou no Pleno da Deputación de Lugo unha moción para que o organismo provincial apoie a proposta do Colectivo Patrimonio dos Ancares e da Asociación Val de Torés para declarar a Vía de Künig como unha variante do Camiño Francés de Santiago que, dende o Alto de Pedrafita, discorría polos concellos das Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo, enlazando na cidade de Lugo co Camiño Primitivo procedente da Fonsagrada. Esta variante foi descrita polo monxe alsaciano Künig de Vach nunha guía en alemán publicada no ano 1495.
Votaron a favor da moción o propio Manuel Martínez e os grupos do PSOE e BNG. O PP abstívose, alegando que hai que esperar a que a Xunta de Galicia se pronuncie sobre a nosa proposta.
Sen entrarmos noutras consideracións, cremos que a aprobación desta moción pode ser un paso importante para a resolución favorable do expediente. O que non entendemos moi ben é a abstención do PP, sabendo ademais que os alcaldes deste partido na comarca dos Ancares amosaron a súa total colaboración. Por razóns obvias, cando se precisan os apoios é agora, non cando o pan saia do forno.
Xa temos previstas algunhas accións inmediatas para promocionar a variante que consistirán na realización de varias andainas. As primeiras faranse dende o Alto de Pedrafita a Doncos, de Becerreá a Penamaior e de Baralla a Sobrado do Picato.   


ACTO EN AS NOGAIS

O día 16 de abril de 2016, tivemos unha charla-coloquio sobre as variantes do Camiño Francés a Santiago pola comarca dos Ancares. Houbo momentos con posicións encontradas canto ao discorrer dalgunhas partes do itinerario polo municipio polo que haberá que seguir traballando para tentar chegar a un consenso. No que si creo que todos estamos de acordo é na necesidade de dinamizar esta esquecida comarca.


ACTO EN BARALLA

O día 4 de decembro de 2015, A Asociación Val de Torés e o Colectivo Patrimonio dos Ancares celebramos un novo acto. Nesta ocasión foi no Centro Sociocultural de Baralla. Destas contamos coa inestimable presenza de Xerardo Pardo de Vera quen nos ilustrou cos seus coñecementos sobre os Camiños de Santiago.

Ademais dos Concellos de Baralla, Becerreá e As Nogais e as organización políticas con representación nos mesmos que xa nos amosaron a súa colaboración, temos que engadir dous novos colectivos que nos manifestaron a súa disposición para traballar xuntos polo recoñecemento desta variante do Camiño Francés. Trátase da Asociación Veciñal A Porta dos Ancares de Baralla, e A Laxe Branca do Corgo. Dende a Federación de Asociacións de Veciños da provincia de Lugo fixéronnos chegar o seu apoio. 

 

CHARLA EN BECERREÁ

O día 21 de novembro de 2015, a Asociación Val de Torés e o Colectivo Patrimonio dos Ancares celebramos na Casa da Cultura de Becerreá o primeiro acto público para que se recoñeza a Vía de Künig como variante do Camiño Francés de Santiago.

Hai uns meses comezamos a confeccionar a proposta a presentar na Xunta de Galicia. Tamén nos diriximos aos Concellos e ás organizacións políticas con presenza nos mesmos, ademais da Deputación Provincial de Lugo, para que apoien e se involucren para reivindicar este camiño que data do século XV.

Cremos que revalorizar esta variante nun momento en que a comarca dos Ancares se debate entre o despoboamento e o desmantelamento do medio rural, debería axudar a dinamizala. Sabemos que o turismo asociado ao Camiño só é unha medida sectorial que por si mesma non vai a solucionar os problemas das áreas rurais xa que a despoboación e a precariedade económica precisa doutras actuacións globais, mais tamén é certo que o turismo pode ofrecerse coma un piar en que apoiar esa rehabilitación social e económica.