* O pistolón de don Mario

O cura don Mario, natural de Rodeiro, chegou ao concello das Nogais no ano 1953 para facerse cargo das parroquias de Quintá e Vilaicente, destino que ocupou ata o 1956. Afecto ao Movimiento, a súa sona de teso coma un pau e botado para adiante precedíao, tanto era así que aos poucos días de chegar unha veciña pedíulle que despois da misa do domingo lles permitira aos da súa casa ir a segar o trigo para non perder a colleita xa que estaba moi maduro e amezaba treboada. Accedeu de non moi bo grado, mais advertindo que se os autorizaba a traballar un día adicado a "santificar as festas" era porque todos os da familia asistiran á misa da mañá ande mal, recalcou, non todos comulgaran. A muller, despois de agradecerllo, díxolle que, para evitar problemas, ía achegarse ata o cuarteliño da Garda Civil para comunicarlles que contaban co permiso do párroco. Don Mario, todo alporizado, contestoulle que quen mandaba alí era el, e se tiñan algún problema cos gardas por velos traballar en domingo lles dixeran que tiñan o seu permiso.

 

Pero o que máis chamou a atención dos fregueses, xa dende o primeiro día, foi un gran vulto na cadeira dereita de don Mario que nin a sotana podía disimular. O misterio axiña quedou ao descuberto. Un día os asistentes á misa en Vilaicente escoitaron un ruído, como de algo que caera ao chan. O ruído, ninguén o dubidou, viña debaixo da roupa talar do sacerdote quen, con calma, agachouse e recolleu a cousa obxecto do estrondo. Ninguén daba creto ao ver como don Mario pousaba un enorme pistolón, "negro coma os dentes do demo", sobre o altar, a carón do sagrado cáliz, levantaba a sotana e metía a arma na cartucheira de coiro que levaba ao cinto.

O mesmo suceso aconteceu uns días despois na igrexa de Quintá polo que todos se decataron de que non fora un simple accidente, don Mario, con aquilo, enviaba unha mensaxe clara, un aviso a navegantes.

(Esta pequena historia debémoslla ao señor Ramón, de Vilaicente).

    

* A maldición do soldado francés

Na comarca dos Ancares, a memoria sobre a Guerra da Independencia aínda está moi presente. Rara é a persoa de Baralla que non ten escoitado falar da Furada dos Franceses, unha cova onde foron arroxados os integrantes dunha partida que morreron nun enfrontamento cos veciños. Ou de Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), alcumado o Terror dos Gabachos. Entre os anos 1960 e 1980 funcionou en Becerreá o bar Os Chafarotes que tomou o nome polos anchos sabres utilizados polas tropas francesas e que serviron para adornar as paredes do local. Dise que moitas tuberías das casas de Becerreá estaban feitas con canos de fusís franceses. Veciños de Noceda e Doncos (As Nogais) ofrecéronse ao xeneral inglés Moore para combater aos invasores. A finais de febreiro de 1809, estando en Doncos un destacamento francés que escoltaba dende Castela 16.000 pares de zapatos, foron perseguidos polos guerrilleiros quen se apoderaron de 7.000 pares. Na Pena da Seara, unha pequena aldea de Pedrafita, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses no 1809, ardendo tamén os libros de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro onde foran levados para que as tropas non os destruíran. E así ducias de historias que o paso do tempo non conseguiu borrar.

Mais hai unha historia que se afasta das tradicionais, onde o espírito dun soldado napoleónico aínda continúa a deambular polo lugar.

Corrían os primeiros meses do ano 1809, un soldado francés, para calmar a sede, pediu un vaso de auga na coñecida como Casa da Corredoira, en Guilfrei (Becerreá). Déronllo. Mais, cando o home, confiado, estaba a beber, o dono da casa colleu un rolo e golpeouno na cabeza, causándolle a morte. Dende aquelas, os habitantes da casa, cando saen ao campo para traballar, teñen que levar consigo auga para beber debido á sede que lles entra. Tamén se di que cando un dos moradores da casa vai a morrer, pouco antes de expirar sempre pide auga.

* Dúas vinganzas (Navia de Suarna)

O mestre José María Coira Sanjurjo (Begonte, 1908 - Lugo, 1977) centrou os seus estudos na Terra Chá, sobre todo nos terreos da heráldica e a xenealoxía, o que non o impediu que percorrera a provincia de Lugo na procura de novos datos. No Arquivo Histórico de Lugo consérvanse notas mecanografadas e manuscritas inéditas sobre historias que recollía nas súas andainas, entre outras unha acontecida no concello de Navia de Suarna. Descoñecemos en que ano ocorreron estes sucesos, don José María non o reflicte.

A continuación, transcribimos textualmente este curto pero interesante relato.

"Dos venganzas

Cuentan los vecinos del lugar de Mera, de la parroquia de Barcia, en Navia de Suarna, que a causa de un pleito entre dos casas de este lugar, la de Rivera y la de Córdoba, aquellos, por venganza de éstes, metieron un cáliz en un montón de estiércol que tenían los de Córdoba junto a su casa, y luego los denunciaron por robo sacrílego. Encontrado allí el cáliz por los agentes de la autoridad, fueron castigados por sacrílegos ladrones. Pasado algún tiempo los Córdobas apuñalaron en el vientre a dos bueyes que los Riveras tenían en unha cuadra sin que se les pudiera probar tal hecho, realizado en venganza del anterior: dos bajas pasiones satisfechas".

* Unha arresponsadora do Courel en Pedrafita

Dona Concepción López Juanes naceu en Miraz, na parroquia de Meiraos (Folgoso do Courel). Cando casou foi vivir para o Seixo, parroquia de Pacios (Pedrafita do Cebreiro). É arresponsadora, don que herdou da súa avoa.

Ata o momento, na comarca dos Ancares só tiñamos coñecemento de dous arresponsadores en Penamaior (Becerreá) e dunha arresponsadora en Torés (As Nogais) cuxas xaculatorias, con mínimas variacións, non se diferenciaban moito. O responso de dona Concepción, se tamén ten como persoeiro central ao San Antonio de Padua e o fin é o mesmo, amosa algunhas diferencias como a de achegarnos, en poucas palabras, unha historia abreviada do santo.

"San Antonio de Padua, en Padua naciche e en Portugal aprendiche letras para predicar, estándoas predicando rebelóuseche que a teu pai ían aforcar. Fuche alá, o verboratorio perdiche, o Fillo de Dios o atopou e tres veces te chamou: Antonio, Antonio, Antonio! Á terceira oíche e cousas lle pediche, que o perdido fose atopado, o ausente presente e o esquecido acordado. Pois ese hábito que vestiche e ese cordón que cinguiche librache a teu pai de morte tan ofrendosa pídoche que... (aquí dise o que se teña que pedir). Polo poder de Dios e da Virgen María, un Padrenuestro e un Avemaría".

Esta fermosa achega debémoslla a María José Fernández López, neta de dona Concepción. Como ben di María José, estes rituais son dalgunha maneira modelados por quen os emprega, ademais de que as persoas como a súa avoa son as gardiás dun patrimonio que é de tod@s.

 

Xuño de 2017.

* Historias do Convento


Conta Vázquez Saco no ano 1947 que o pouco que se escribiu sobre o mosteiro de Santa María de Penamaior, erixido nas abas da Serra do Pico, en Becerreá, é a veces confuso e contraditorio. O lugar coñécese aínda hoxe en día como O Convento por onde tamén discorre o rego do mesmo nome. Sobre a data de fundación existen varias opinións, créndose que no sitio houbo outro cenobio bieito anterior ao cisterciense. Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo no século XIX, inclúese unha reseña dun monxe anónimo de Penamaior que di que en tempos de Vermudo II O Gotoso, cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, instalándose onde logo se levantou o mosteiro. Continúa o anómimo monxe que "es muy probable y no poco fundado en privilegios y otras escrituras del archivo del monasterio de Samos, que este monasterio de Panamayor fue aquel célebre monasterio de la Peña, cuyo abad D. Virila dio monjes y libros para repoblar y restablecer el monasterio de Samos, que se hallaba desierto y abandonado, reinando D. Orodoño II". A fundación, segundo o informante, tivo por fin "recivir a diferentes peregrinos y enfermos que pasavan al Sr. San Tiago". Suponse que este Virila é o mesmo que figura nun documento do ano 919 relacionado coa fundación do mosteiro de San Pedro de Triacastela. Villa-Amil y Castro cita unha doazón que no ano 1171 fixo o conde Gómez á abadía de Carracedo, de cuxo outorgamento foi testemuña "Petrus Calvus, prior de Panamaior". Ángel del Castillo data a fundación no ano 1187, rectificando ao cronista bieito P. Yepes que a traslada ao ano 1225. Malia o anterior, no ano 1183 o papa Lucio III confírmalle ao mosteiro de Carracedo "Pennam Maiorem cun suis pertientiis". E no 1188 Urraca González fai unha doazón a "Beate Marie de Penna Maiore, que cenobio Carrazedi pertinere vidatur, et in manum donni Michaelis de Deu...". 

 

No Archivo Histórico Nacional gárdanse 493 pergameos (o máis antigo é do ano 1161), practicamente inéditos, pois só se coñecen os dous de Afonso VIII (goberna co título de "rex Legionis e Galletie"; a falseada historiografía considérao como rei de Castela, denominándoo Alfonso IX) e algún outro solto, ademais dos utilizados por Villa-Amil y Castro. Un dos diplomas, moi maltratado e defectuoso, foi dado en Vilafranca do Bierzo no ano 1223, atopándose incluído na confirmación que do mesmo fixo o rei Fernando III. O mosteiro foi favorecido por Afonso VIII segundo consta nun documento, dado tamén en Vilafranca o 30 de abril de 1227, en que doa a Penamaior o couto e igrexa do Salvador de Furco, doazón confirmada por Fernando III e Afonso X en privilexios dados en Allariz no 1232 e en Palencia no 1255. Chegou a reunir a finais do século XIII numerosas propiedades, mesmo o abade tiña ao seu servizo dous "escudeyros do abade" que se chamaban García Pérez e Miguel Pérez (Villa-Amil y Castro na Ilustración Gallega y Asturiana, 1880, baixo o título Cuatro noticias sueltas del antiguo monasterio cisterciense de Penamayor).

Volvendo a botar man de Vázquez Saco, di que tamén estaban sen aproveitar os fondos que hai anos posuía Estanislao Pinacho: un libro becerro do século XVIII e máis de cen escrituras, conservándose, ademais, interesantes noticias nos fondos de Carracedo do Bierzo.

 

Nun documento do ano 1260, catorce persoas recoñecen que cometeron tropelías nos bens do cenobio e por elo renuncian á demanda e reclamacións que tiñan contra os monxes: "Pro malafactoria quam omnes fecimos donno abbate e conventu Penne Maiori violenter et dannose intrando et fragendo cautum suum renunciamus voci quam nos putabamus et demande quam iniuste faciebamus. Tali conditione firmantes tu nunquam nos de predicta factoria demandent".

No ano 1268, o Adiantado Maior de Galicia dita unha sentenza sobre a exacción do tributo da moeda no couto de Penamaior.


Un documento do ano 1262 fala de que os monxes recibiron en doazón un viñedo en Millaradello, lugar próximo a Vilafranca do Bierzo, para o seu consumo e celebración litúrxica. Dise que era o único mosteiro que non dependía directamente da abadía francesa do Císter. Das antigas dependenzas só quedan algunhas piastras que daban ao claustro, as súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións.

O desaparecido cenobio foi fundado, entón, por monxes cistercienses proveniente do Bierzo que o habitaron ata a Desamortización do ministro Mendizábal no ano 1835. O abade de Carracedo manda a uns monxes baixo o mando dun prior para que erixan unha casa e oratorio coa finalidade de atender aos peregrinos que ían cara Compostela, xa que por aquí pasaba unha derivación do Camiño de Santiago, documentada polo monxe alsaciano Künig de Vach no ano 1495, escollendo "unha das profundas barrancadas que cortan as ásperas serras polas que penetraba o camiño francés en Galicia" (Torres Balbás, 1954). Canda eles traen unha imaxe da Virxe de Abarcas e un relicario que garda un Lignum Crucis. Os seus dominios extendíanse por áreas de Baleira, vales de Neira de Rei e Neira de Xusá (Baralla), Becerreá e A Terra Chá. Penamaior perdeu a dignidade abacial no 1505 cando foi integrado na Congregación de Castela, quedando unido a San Salvador de Salamanca. Sábese que no ano 1584 só contaba con catro monxes, e sete no 1803.

Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII, reformada no século XVII, que está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC). De planta basilical, conta con tres naves rematadas por tres ábsidas, a central hexagonal e semicirculares as laterais. A portada está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre a que figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrense un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. No tímpano hai un círculo onde aparece unha cruz e a data de 1177; o nome de Didacus, posible construtor, e a inscrición ERA MCC IV I (ano 1162). Complétase cun león rampante, unha árbore con aves e un xinete con lanza e escudo ao que segue outro cabalo.


Nun aleiro do templo hai dous canzorros que segundo a crenza popular representan a Sede e a Fame.

 

Segundo a tradición, aquí tamén estiveron os cabaleiros do Temple, a famosa orde monástico-militar. Non moi lonxe do mosteiro, a menos de 1,5 quilómetros, por riba da aldea de Vilarín (non confundir coa finca Vilarín, na parroquia de Ouselle, onde apareceu un relevo do século I ou II d.C.), atópase a Pena do Castelo onde se di había unha torre dende onde os templarios vixiaban a contorna para protexer aos peregrinos a Santiago.

 

Cóntase que cando a restauración do templo atoparon unha mazmorra onde había un sistema para torturar aos presos polo método da goteira, que ben suxeitos por un mecanismo para que non se puideran mover, sobre a súa cabeza caía unha gota de forma intermitente que lle perforaba a tapa do cranio e lle podrecía os miolos.

 

Xunto a igrexa érguese a coñecida como A Cruz de Ferro (hoxe en día de madeira). Disque pola noite, os mortos que compoñen a Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena, axeónllanse diante dela para para purgar as penas e acadar, así, a salvación das súas almas. Cóntase que cando tronaba, todos os raios ían parar a ela.

 

No antigo camiño que comunicaba O Cereixal co Convento érguese unha pequena ermida posta baixo a protección do San Lourenzo (a igrexa mosteiral de Penamaior está posta baixo o padroado de Santa María e San Lourenzo). Cóntase que tres homes andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?". Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: "Xa veredes como vai polo tesouro". Os outros dixéronlle: "Estente calado que aínda van pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

 

A tiro de pedra da ermida do San Lourenzo está a Pena da Cruz. Se houbo unha cruz, descoñecémolo, na actualidade non quedan pegadas materiais. Asegúrase que aquí maniféstase a Ánima Soila, quen noite si e noite tamén deambula dende o cemiterio de Penamaior ao cemiterio do Cereixal. En Galicia perdura a crenza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, bastando para elo con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, sen embargo, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo.

Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o límpido ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno. A resposta deulla un arresponsador de Penamaior: A non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra a República. Comezaba a Guerra Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). Xa coa guerra en marcha, un avó da dona do noso informante caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu ao arresponsador de Penamaior quen, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou. Á figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos".

 

Unha noite, alá polos anos sesenta do pasado século XX, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante da Santa Cruz de Penamaior cando, de súpeto, sufriu a descarga dun raio. Todos os veciños viron como un cordón de lume atravesaba o seu corpo, elevándoo varios metros do chan. Cegados pola luz e enxordecidos polo estrondo, a xente observou como o corpo de Xan caeu na terra mollada, esparexendo polo lugar un forte cheiro a carne queimada. Xa todos temían o peor cando Xan se ergueu e, cos brazos abertos, deu uns trementes pasos cara os presentes. Mais axiña volveu a caer. Foi entón cando Roque da Eirexe, veciño e parente seu, acodiu no seu auxilio. Crendo que o ía atopar sen vida, alargou os brazos para darlle a volta e, nese intre, Xan abrazouse a el. Dende aquel suceso, o home converteuse nun afamado "arresponsador". Un dos casos de máis sona do que foi protagonista ocorreu cando unha viúva acodiu a el para procurar axuda porque un home deixara preñada a unha filla disminuída psíquica. Xan díxolle: "Vaite pra casa, farase xustiza". Aos poucos días, nas faldras do monte Calamouco atoparon a un home, tratante de gando que ía cara a feira de Becerreá, pendurando dun carballo, aforcado. Ao seu carón había unha nota manuscrita que dicía: "Deus me perdoe". Como compensación polo mal padecido, as autoridades entregaron á viúva unha bolsa do tratante chea de cartos.

 

* Campo de Árbore ou de Árbol?

O Campo de Árbore ou Campo de Árbol sitúase a 794 metros de altitude, na parroquia de Cascallá (Becerreá), á altura da N-VI que comunica as capitais municipais de Becerreá e Baralla. Dá nome a un alto e a un pequeno núcleo de poboación. O topónimo oficial é Campo de Árbore, mais na cartografía da Xunta de Galicia figura como Campo da Árbore e Campo de Arbre.

 

Blázquez (1923), Esfefanía Álvarez (1960), Amor Meilán (1991), e con dúbidas Arias Vilas (1992) ubican aquí a mansión Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado que adoita identificarse coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II quen, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalinus é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus Augusti, dirección Asturica Augusti. O Campo de Árbore ou de Árbol atopábase próximo á vía romana XIX e aos castros das Fontes, Todón, a Serra e a Torre.

Malia o anterior, nós cremos que a mansio Timalinus situábase máis ao norte, a uns catro quilómetros en liña recta do Campo de Árbore ou de Árbol. Cando as obras de construción, no ano 1932, da estrada que vai ata O Cádavo (Baleira), na Condomiña (Baralla), no lugar coñecido como o Agro de Pedreda, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata. No ano 2012 localizamos xunto o muro exterior dunha casa de Todón de Abaixo (Becerreá) unha base de columna romana, e non moi lonxe, na Ponte de Neira, nun xardín particular, unha base e un fuste da mesma época que na actualidade actúa como soporte dunha cruz moderna. Ambas as pezas, contáronnos, proceden do Agro de Pedreda. Temos noticia da existencia doutro material que permanece en mans particulares, ademais do que quedou baixo a estrada.

 

Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalion ao que outros chaman mécon ou paralion, que daría o topónimo Paralia/Baralla. Tithymalion ou tithymalis, segundo Nicandro Ares Vázquez, ben podería dar Timalinus. Mais, que nós saibamos, non se conservan referentes. O que si semella bastante claro é que este topónimo ten unha raíz prerromana máis o sufixo latino e que sinalaría un castro onde logo se ergueu a mansión (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, 2008).

Segundo o dicionario da RAG, unha árbore é "calquera planta de tamaño grande, con tronco leñoso e elevado que se divide en pólas a partir dunha certa altura". En Galicia, a árbore, do latín arbor, -oris, tamén recibe o nome de albre, árbole, árbor e arbre. Algunhas árbores tiveron un culto xeralizado no país, pois críase que eran sagradas, atribuíndoselles, nos máis dos casos, propiedades benéficas, mais tamén prexudiciais.

En Campo de Árbore vemos un sintagma de orixe latina: campus e arbor. Ares Vázquez, en Lucensia (2009), ao falar da parroquia de Árbol, en Antas de Ulla, di que se cadra foi un diminutivo *arvulum, de arvum, campo cultivado. Mais, se tomamos o Tombo do mosteiro de Celanova do ano 1004, atopámonos cun vinea de Arbori o que nos leva a pensar que arbori fose un antropónimo do nome persoal Arborius (Kajanto, 1982) ou Arborus (Rivas Quintas, 1991), o que nos levaría a Campo de Árbol.  

* Fito miriamétrico en Agüeira

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de solicitar ao Concello de Becerreá a limpeza do entorno e a sinalización dun fito miriamétrico situado en Agüeira, a carón da vella N-VI, que formaba parte do antigo Camiño Real que comunicaba Galicia coa Meseta. O Camiño Real de Galicia (Madrid-A Coruña) foi aprobado por Real Decreto no ano 1761, durante o reinado de Carlos III. Foi o enxeñeiro de orixe francesa, Carlos Lemaur, quen dirixiu a súa construcción entre os anos 1763 e 1769, sendo logo substituído por Baltasar Ricaud. O inicio das obras en Galicia comeza no treito A Coruña-Betanzos no ano 1763, rematándose no 1766. En 1772 finalízanse os tramos entre Astorga e Pedrafita do Cebreiro, continuando logo ata Noceda (As Nogais). Entre 1777 e 1785 únense os treitos pendentes de execución entre Becerreá e Lugo e Lugo con Betanzos.

Estas vías de comunicación proxectáronse para dotar ao país dunha rede de camiños permanentes, deseñados para permitir o paso dos carruaxes da época en ambas direccións, unindo Madrid coas poboacións máis importantes, ademais de unir entre si outros pobos.

A medición dos Camiños Reais realizábase a través de leguarios, fitos permanentes que indicaban unha dirección e unha distancia determinada. Esta sinalización por medio de postes viña de época romana coa colocación de miliarios para indicar as distancias. En España, a legua quedou establecida no século XVI en 20.000 pés que equivalen a 5.572 metros. Na provincia de Lugo consérvanse postes leguarios xunto o parque de bombeiros da capital, en Gomeán e Laxosa (O Corgo), e o fragmento doutro na Ferrería (As Nogais). Si ben na actualidade non é moi frecuente atoparnos ao longo do Camiño Real por Galicia con fitos leguarios (a maioría foron destruídos), resulta case imposible dar cos denominados fitos miriamétricos como o aquí exposto que se colocaban cada dez quilómetros. Segundo nos achegou Xosé Luis Martínez Acevedo, autor do interesante blog Casillas de Peones Camineros de España (casillasdepeonescamineros.blogspot.com.es), este de Agüeira é o único que se conserva en Galicia. Destruír ou alterar estes fitos indicadores estaba penado con cárcere.

O fito miriamétrico de Agüeira conserva a seguinte inscrición:

A Lugo 51.
A Madrid 460
A León 176 

Ten unha anchura de 50 cm e unha altura de 95 cm, dos que 20 cm corresponden á parte cilíndrica superior.  Este non posúe o valor métrico (km) que comezou a inserirse a partir do ano 1900.

Os fitos miriamétricos comezan a adoptarse en España no ano 1849, coa introdución do sistema métrico decimal que xa se viña aplicando noutros países europeos dende había algún tempo, o que conleva o abandono dos leguarios e a adopción doutras sinalizacións: hectométricos (cada 100 metros), quilométricos (cada 1.000 metros) e miriamétricos (cada 10 quilómetros). Nestes últimos indicábase as distancias que os separaban de Madrid e as capitais máis importantes.

Este interesantísimo elemento patrimonial, único na provincia de Lugo e pode que en Galicia, debe gozar da máxima protección polo que tamén lle solicitamos ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta a súa urxente catalogación. A súa conservación permítenos obter unha visión xeral, non só do camiño, senón dos camiñantes e do entorno da época, por onde transitaban carruaxes, animais, arrieiros, pastores e viaxeiros en xeral, vías que supuxeron unha mellora fundamental nas comunicacións que ata ese momento apenas sufriran modificacións dende a época romana.

En conversación mantida co alcalde de Becerreá, amosounos a disposición do Concello de adecentar a contorna do fito miriamétrico e sinalizalo, un extraordinario valor engadido que se sumaría ao proxecto dos Concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Becerreá de valorizar esta importantísima vía de comunicación.

Un veciño de Agüeira contounos que a partir da colocación do poste miriamétrico  o lugar adoptou o nome de O Marco.

  

  

http://www.crtvg.es/informativos/patrimonio-dos-ancares-pide-a-catalogacion-do-fito-da-agueeira-un-dos-primeiros-indicadores-quilometricos-de-espana-2960559